Agregador de novas

A realidade mixta de Microsoft xa está a empregarse en quirófanos reais

códigocero - Ven, 10/20/2017 - 23:00

Aínda que ao grande público a realidade mixta chegou aínda esta mesma semana, o programa piloto baixo o que se desenvolven as HoloLens de Microsoft leva xa moitos meses funcionando, e o seu último fito foi a súa aplicación en quirófanos, onde poden colocarse proxeccións virtuais en calquera punto do espazo, incluso sobre o paciente, facilitando que o cirurxián poida acceder a toda a súa información (TAC, resonancia, radiografías e modelso de reconstrución 3D) para mellorar as intervencións e acurtar os tempos cirúrxicos.
Esta tecnoloxía que parece sacada dunha película de ciencia ficción está a ser probada con éxito no Hospital Gregorio Marañón a través da súa Fundación de Investigación Biomédica e a Unidade de Tumores Musculoesqueléticos, xunto á empresa española Exovite, que emprenderon un programa piloto pioneiro a nivel mundial que facilitou o uso das HoloLens nun caso de cirurxía real no que actuaron sobre un tumor muscular maligno.
Unha das grandes vantaxes da solución emprega é que o sistema pode manexarse con xestos no aire e con comandos de voz, de xeito que o cirurxián non ten que entrar en contacto físico con elementos que poidan ser fontes de infeccións, á vez que as pantallas de información que ten ao seu redor poden ser virtuais, de xeito que non ocupan espazo real.
O programa continúa a avanzar para aproveitar a capacidade de rexistro e posicionamento das HoloLens para guiar procedementos, identificando instrumental cirúrxico e puntos exactos da anatomía do paciente.

Categorías: Ciencia

Xornalistas e blogueiras de Rusia e Letonia visitan Galicia para coñecer a nosa oferta turística

códigocero - Ven, 10/20/2017 - 22:28

Xornalistas e blogueiras rusas percorren estes días a nosa terra convidadas por Turismo de Galicia para coñecer os aspectos máis senlleiros da oferta turística galega, o que as levará a visitar parte do territorio das catro provincias ata o próximo domingo.
Ademais, entre hoxe e o vindeiro luns, un grupo de xornalistas e técnicos da Televisión de Letonia visitan Galicia para coñecer o Camiño Francés e a ruta Fisterra Muxía, ademais de Santiago de Compostela, meta da peregrinación xacobea.
As rusas, Olga Rastegaeva, blogueira de Orange Traveler, Olga Baklanova, blogueira en Вся Соль; e as xornalistas Anastasia Makina, da revista Women Health; e Olga Koynova, da publicación Ural Airlines Magazine, participan nesta viaxe de familiarización co destino turístico Galicia, organizada por Turismo de Galicia.
As visitantes teñen a oportunidade de coñecer o Camiño de Santiago e a cidade de Santiago de Compostela, e comprobar a súa influencia en Galicia como destino turístico de características propias. Ademais, están a visitar distintas contornas de costa para coñecer as posibilidades de Galicia neste eido, asociadas á natureza e á cultura.
Na súa estadía en Galicia, tamén poden coñecer distintas vilas costeiras galegas, así como contornas urbanas do interior de interese monumental e turístico.
As xornalistas e blogueiras de Rusia visitan todos os bens Patrimonio Mundial da Unesco e coñecen produtos relacionados coa marca do Turismo de Galicia como a Ruta da camelia, Paseando entre viñedos ou Patrimonio oculto.
Por outra banda, visitan varias adegas de distintas denominacións de orixe protexidas dos viños de Galicia e teñen a oportunidade de gozar da gastronomía de Galicia en distintos restaurantes e locais de hostalaría da Comunidade galega.

Categorías: Ciencia

Núñez Feijóo salienta o pulo innovador da Tecnópole na celebración dos seus 25 anos

códigocero - Ven, 10/20/2017 - 14:57

A Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense) está a celebrar este venres os seus 25 anos de traxectoria. E faino contando coa participación das empresas, os centros de coñecemento e outras entidades de innovación que tiveron a súa sede alí ao longo deste cuarto de século. A xornada, que abrangue actividades até a tarde, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou que o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) é un exemplo referencial de como facer que a innovación sexa un foco para atraer investimentos. Asemade, destacou que o complexo tecnolóxico ourensán está “en condicións de atraer capital e novos proxectos empresariais por ser un polo de innovación en Galicia”. Nos actos de hoxe rendéuselles homenaxe ás 300 firmas ás que xa deu acubillo a Tecnópole ao longo do seu percorrido.
Volvendo á intervención do presidente, este subliñou que o Parque Tecnolóxico de Galicia atesoura “un claro compromiso coa divulgación científico-tecnolóxica, especialmente, entre os máis novos”. Isto, sinalou, tradúcese en cousas como o feito de que máis de 20.000 visitantes participasen nas 11 convocatorias do certame Galiciencia ou nos sete cursos das Aulas Tecnópole dirixidos a escolares galegos.
Tamén salientou a importante actividade despregada polo Centro de Empresas e Innovación da Tecnópole, que funciona como incubadora de novos proxectos, ao que cómpre engadir o Laboratorio de Biotecnoloxía, o Centro de tecnoloxías médicas avanzadas e o Centro experimental de enerxías renovábeis. “En definitiva”, dixo, “estamos a falar dun espazo de referencia en Galicia dirixido a acoller, apoiar e potenciar iniciativas de marcado carácter innovador que apostan pola tecnoloxía e a investigación como unha forma de xerar valor e actividade económica”.
Ano de celebracións
Como lembraremos, boa parte das celebracións dos 25 anos da Tecnópole xa se están a desenvolver ao longo de 2017. Entre as máis relevantes, informativamente falando, situouse o encontro celebrado en xuño co obxectivo de presentar a memoria global de actividade do parque. Segundo se fixo saber daquela, o recinto acolleu ao longo da súa historia un total de 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades relacionadas coa innovación.
Tamén se destacou no almorzo que a sociedade xestora participou en 28 proxectos de I+D+i e promoveu a posta en marcha de tres instalacións científico-tecnolóxicas ao servizo de todo o tecido empresarial galego: un laboratorio de biotecnoloxía, un centro de tecnoloxías médicas avanzadas e un centro experimental de enerxías renovábeis. Ademais, organizou dúas conferencias internacionais de parques tecnolóxicos e unha chea de actividades formativas e eventos centrados no intercambio de coñecemento.

Categorías: Ciencia

A UDC lanza portal para que a comunidade participe e decida na vida dos campus

códigocero - Ven, 10/20/2017 - 14:57

A Universidade da Coruña presentou hoxe un novo recurso dixital destinado a “facer” comunidade e a estimular nos campus o traballo conxunto con estudantes, profesorado, investigadores e demais integrantes do “colectivo UDC”. Trátase do seu novo Portal de Participación, destinado a posibilitar que “calquera usuario da comunidade universitaria poida debater sobre os temas que lle preocupan, propoñer ideas de mellora da UDC e decidir, co seu voto, as que se leven a cabo”. O portal foi dado a coñecer en rolda de prensa polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora de Estudantes e Participación, Margarita Amor, e o Adxunto de Participación, José Rodrigo Sanjurjo. Segundo fixeron saber, con este recurso dixital a Universidade da Coruña subirá novos e significativos chanzos en materia de comunicación. En boa medida, segue e amplía o ronsel das iniciativas de orzamentos participativos postas en marcha en concellos como o da Coruña ou Santiago.
O seu funcionamento, en liñas básicas, será o seguinte: os usuarios dos campus terán grazas ao portal a posibilidade de crear e apoiar novas propostas que en caso de acadar unha cantidade de votos elevada serán estudadas por un grupo de traballo para decidir despois se se leva a cabo. A plataforma, que está en probas, ficará aberta para toda a cidadanía, aínda que só poderán presentar e apoiar propostas os membros da comunidade universitaria.
Haberá dúas modalidades de visita: poderá accederse a udcdecide.udc.gal como usuario anónimo, só para ver os debates e as propostas, ou como usuario rexistrado como membro da UDC, para crear, votar e comentar propostas. Os mecanismos de participación inclúen debates, propostas e comentarios. Segundo se fixo saber, “calquera membro rexistrado pode comezar un debate sobre calquera tema relacionado coa universidade que se publicará no portal; debates en base aos que logo poderase votar, compartir, comentar ou marcar como inapropiado”. As propostas poderá facelas calquera usuario rexistrado da comunidade universitaria; deste xeito, será só a propia Universidade a que decida as propostas que lle interesa como comunidade.
Na rolda cos medios tamén se informou de que esta plataforma de participación responde a un dos retos propostos polo actual reitor na súa campaña electoral, na que se comprometeu “a garantir a participación activa da comunidade universitaria, de xeito que toda a comunidade universitaria poida ser partícipe na toma de decisións e no debate como mellora da xestión da universidade”. O reitor manifestou a súa firme decisión de contar coa participación das/os estudantes “no momento da toma de decisións estratéxicas e nas de carácter máis cotián que teñan que ver coa docencia e a calidade de vida universitaria”. O Portal de Participación, engadiuse, está feito con software libre.

Categorías: Ciencia

Vodafone achega as múltiples vantaxes do Big Data ás empresas e ás administracións

códigocero - Ven, 10/20/2017 - 13:23

Pode a información a gran escala (Big Data) mellorar a eficiencia e a rendibilidade de empresas e institucións públicas? Pode, e practicamente non queda a estas alturas ningún profesional das TIC que o poña en dúbida, limitándose estas (as dúbidas) a xeitos de proceder e metodoloxías de aplicación (ou sexa, máis aos “comos” que aos “ques” e os “porqués”). Entre as empresas que queren apostar de xeito máis decidido polo Big Data para poñelo a disposición das entidades figura Vodafone, cuxa división española anunciou onte un acordo con Carto, plataforma que permite facer análises granulares e visualizar as relacións entre mancheas de datos, coa vista posta en axudar a que os negocios das empresas obteñan os mellores resultados.
Segundo explica Vodafone, Carto ten a capacidade de saber o que pasou, o que pasa e o que pasará. Semellante actividade no tempo só podía achegar vantaxes para cidades, países ou negocios, engade a operadora, que en virtude desta alianza engadirá ao seu catálogo de servizos para grandes clientes e administracións unha solución de Big Data (Vodafone Anaytics) “doada de usar e moi intuitiva”.
A solución, ademais, ten o punto forte de que non precisa da concorrencia activa de especialistas e de expertos en analítica de datos dentro das organizacións para tirar proveito do seu rendemento. Vodafone Analytics, engade a operadora, “permitirá ás administracións públicas mellorar a xestión das cidades e a calidade de vida dos cidadáns, ao ser posíbel a súa aplicación en diferentes ámbitos como o transporte urbano (optimizando rutas e recursos adicados ao transporte ou reducindo atoamentos de tráfico), no turismo (dispoñibilidade de aloxamento, desprazamento de turistas, planificación de eventos con afluencia masiva de visitantes), eficiencia enerxética, censo en tempo real, etc.”
No caso das empresas, a aplicación axudaralles a “seren máis eficaces dentro dos seus mercados ao poder adecuar a súa estratexia dunha forma máis acertada”. Por exemplo, esta ferramenta podería permitir coñecer cal é a mellor zona onde localizar unha nova tenda tendo en conta o perfil de consumidor que transita preto, realizar unha planificación loxística máis eficiente, ou xestionar mellor o stock en función do público que visita os espazos.
Para quen a estas alturas non escoitara falar de Big Data, dicirlle que constitúe un dos eidos que máis interese está a espertar na actualidade, non só entre a comunidade académica e investigadora, senón tamén entre as empresas, pola súa aplicación e a súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos. De feito, as técnicas de análise de coñecemento a gran escala son un valor en auxe que transforma datos en información clara e eficaz, permitindo un coñecemento detallado sobre procesos, clientes, etc.

Categorías: Ciencia

O Grupo eMonte presenta tres novos recursos TIC para impulsar o noso sector forestal

códigocero - Ven, 10/20/2017 - 12:33
Na imaxe, Víctor Rivas, promotor de eMonte

Os responsábeis da plataforma dixital eMonte.es, iniciativa galega dirixida a tirar partido das novas tecnoloxías para favorecer a compravenda de madeira na nosa terra (facilitando o fluxo de operacións forestais coa aplicación de novas tecnoloxías), veñen de dar a coñecer os seus últimos resultados e novidades (un portal e dúas aplicacións web) na Escola Superior Politécnica de Lugo. No acto, os impulsores da plataforma TIC, como lembraremos recentemente galardoada pola Deputación da Coruña, achegaron unha serie de datos de interese sobre a actividade que lles colle de preto, por exemplo: que o pasado vendéronse en Galicia máis de 6.200 leiras rústicas, e a nivel estatal 125.000. O Grupo Operativo de Innovación eMonte está integrado polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, a Universidade de Santiago, eMonte Solucións Forestais e Manuel Graña. Creouse coa finalidade de “permitir que todos os axentes do eido forestal galego puidesen realizar as xestións de seu dunha maneira máis sinxela, a partir da aplicación das TIC”.
No acto, os impulsores da plataforma fixeron tamén un percorrido polas novidades introducidas no seu seo durante este último ano, novas ferramentas co obxectivo de facilitar distintas tarefas vencelladas ao sector forestal. Por exemplo o portal Vendofinca.es, portal inmobiliario en liña que xorde co obxectivo de converterse nun punto de encontro para as persoas que estean interesadas no mercado de compra e venda de leiras rústicas. Segundo se fixo saber na cita no Campus de Lugo, o portal “pretende cubrir o baleiro deixado polos grandes portais inmobiliarios en liña, centrados na compra e aluguer de vivendas”. Pola contra, a ferramenta Vendofinca.es pon o foco nas leiras rústicas, desde parcelas agrícolas até forestais. O portal, sinalaron, salienta pola súa sinxeleza de uso e por estar centrado na identificación das leiras rústicas a través dun mapa interactivo. Así, de cara aos anunciantes, a incorporación das súas entradas unicamente require que se rexistren na plataforma e incorporen a leira a través de catro sinxelos pasos a través dun proceso que é de balde. Por certo que dende a posta en marcha do portal, máis de 300 leiras rústicas incorporáronse ao portal.
Outra das novidades é eMonte Cubicar, unha aplicación que permite estimar o volume de madeira coa que conta unha parcela, tendo en conta varios datos como son a altura total da árbore, o seu diámetro, a especie da madeira ou o número total de árbores por parcela. Con esta aplicación, permítese estimar o volume de material dun lote de árbores das principais especies forestais de Galicia. Segundo se fixo saber no acto, “a ferramenta axuda aos propietarios forestais a xestionar as súas plantacións e á toma de decisións, amais de converterse nun excelente recurso de traballo para as empresas rematantes distribuídas por toda Galicia, posto que lles axuda a obter unha previsión da materia prima que se obterán en cada aproveitamento forestal”.
O feixe de cousas novas tamén inclúe outra ferramenta, eMonte conxuntas, unha aplicación web que destinada a axudar aos propietarios forestais na venda de lotes de madeira situados en parcelas dun tamaño moi reducido, feixes que na actualidade non suscitan gran interese para o seu aproveitamento forestal. A venda conséguese mediante a súa conversión en lotes dunha meirande envergadura a través da unión por Internet de propietarios forestais con parcelas nun ámbito xeográfico próximo.

Categorías: Ciencia

O CPEIG e AMTEGA alentan o talento innovador dos nosos estudantes en xornadas itinerantes

códigocero - Ven, 10/20/2017 - 11:48

A fórmula de promoción talento innovador funciona, e se funciona no ámbito empresarial, por que non aplicala de cheo ao ámbito educativo? Esta é a premisa do programa Transformación Dixital e Talento impulsado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a axencia AMTEGA, unha premisa que vén de marcar un fito coa xornada XTdT celebrada os días pasados en Santiago (facendo voar o espírito innovador en compañía dun centenar de profesionais e universitarios) e que chegará os días vindeiros a diversas localidades galegas, xuntando estudantes de secundaria para fomentar as vocacións nos estudos relacionados co sector TIC, en palabras das dúas entidades “un dos máis dinámicos da economía española e con máis saídas laborais”.
O programa de charlas comezou onte no IES Concepción Arenal de Ferrol. Os días 24 e 26 de outubro desenvolveranse no IES Rosalía de Castro, en Santiago; o día 26 no Seminario Menor A Inmaculada, de Ourense, e o 27 deste mesmo mes no IES Número 1 do Carballiño. Tamén está previsto impartir unha charla na cidade da Coruña.
Nas charlas, colexiadas/os do CPEIG achegaranlle ao alumnado destes centros “como é o perfil das/os profesionais da Informática”, xunto cos motivos para estudar unha enxeñaría e, concretamente, a Enxeñaría en Informática. Asemade, daranlles a coñecer as saídas laborais destes estudos.
Como dixemos, esta iniciativa itinerante representa unha continuidade da Xornada Transformación Dixital e Talento desenvolvida o pasado 16 de outubro en Santiago con grande éxito de convocatoria. Nela, o CPEIG e a AMTEGA foron quen de crear, nas súas palabras, “un punto de encontro para empresas, universidades e estudantes ao redor da economía dixital”. Na xuntanza, enmarcada no convenio de colaboración que manteñen as dúas entidades, participaron profesionais referenciais das TIC como Constantino Fernández, presidente executivo de Altia; Enrique Dans, profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo, Director de Relacións con Clientes de LinkedIn; e David Tomás, co-fundador e director executivo (CEO) de Cyberclick.

Categorías: Ciencia

Xeopesca resolve o seu concurso de fotos libres sobre o noso mar

códigocero - Ven, 10/20/2017 - 10:25
A imaxe de Roberto Millán

A Asociación Xeopesca vén de comunicar a resolución do seu Concurso de Fotografía Libre, un certame creativo dirixido a avanzar na difusión e no coñecemento do patrimonio natural e cultural da nosa terra, facendo fincapé, desta volta, na nosa rica cultura mariñeira. Segundo nos conta Pablo Belay dende Xeopesca, o pasado 8 de outubro de 2017 reuniuse o xurado do certame formado por polas fotógrafas Lorena Couto Rey (formada na Escola de Arte Mestre Mateo e segundo premio de fotografía no Xuventude Crea 2014) e Rocío Brage (técnica superior en fotografía e máster de fotografía na escola EFTI de Madrid) e polo presidente e o secretario de Xeopesca.
Nesta primeira edición do certame presentáronse 62 instantáneas válidas segundo as bases do concurso, que foron realizadas por 43 autores diferentes. Segundo informan dende Xeopesca, as obras presentadas reflicten “unha diversidade de intres únicos das nosas paisaxes, costumes, gastronomía,… que conforman a cultura mariñeira galega”. Dende o xurado agradeceron a todos os participantes a súa vontade “de compartir estes recordos cunha licenza libre con toda a comunidade da Internet”.
O primeiro premio foi para Roberto Millán (Alacante), coa fotografía Mariscadora, que reflicte o traballo da muller galega na actualidade. A fotografía foi tomada ao amencer cando as mulleres comezan a mariscar na costa do Grove. Esta obra foi liberada coa licencia GFDL.

A fotografía de Laura Domínguez

O premio accésit foi gañado por Laura Domínguez Couselo (Poio) cunha composición en branco e negro, amosando a dúas mulleres cargando un caldeiro cheo de ameixas e o material de faena. A instantánea foi realizada na praia de Lourizán (Pontevedra). Esta obra foi liberada coa licencia Creative Commons Recoñecemento – Compartir Igual.
As restantes fotografías participantes podemos consultalas en liña con baixa calidade na web de Xeopesca, pero tamén podemos descargalas todas nunha ligazón específica de Githu.
O concurso de Xeopesca forma parte das actividades que a asociación realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

Categorías: Ciencia

Las células del cáncer de mama reutilizan sus residuos de amoníaco para crecer

Investigación y Ciencia - Ven, 10/20/2017 - 00:00
Los tumores convierten el compuesto en aminoácidos y evitan así sus efectos tóxicos.
Categorías: Ciencia

Expertos reunidos pola UVigo e a Cátedra Telefónica recoñecen que a eSeguridade ao cen por cen non é posíbel

códigocero - Xov, 10/19/2017 - 18:30

Hoxe celebrouse no Campus de Vigo unha xornada sobre xeitos de protexer a información en liña organizada pola Universidade e máis a Cátedra Telefónica. Entre as moitas conclusións de valor ás que chegaron boa parte dos participantes e asistentes figura a constatación da imposibilidade de achegar contornas tecnolóxicas seguras ao cen por cen. Por que motivo? Pois, entre outras razóns determinantes, é unha realidade contrastada, dende moito antes de que existira Internet, que quen anda detrás de algo (neste caso información ou diñeiro) adoita ter recursos máis avanzados que quen protexe ese “algo”. Isto dáse tamén na Rede? A resposta é afirmativa. Sexa como sexa, malia que non sexa posíbel seguridade ao cen por cen, investigadores, desenvolvedores e representantes do hacking ético están a facer un traballo encomiábel nos eidos da prevención e na salvagarda de datos fronte as principais ameazas. Esta foi outra das grandes conclusións do evento.
Na xornada participaron especialistas en seguridade informática e xuristas, abordando as claves da ciberseguridade e debatendo sobre temas como a xestión da crise polo ciberataque Wannacry, a importancia da ciberseguridade nunha industria 4.0 ou a seguridade xurídica.
No acto de apertura, Marta Menéndez, directora de Galicia de Telefónica, agradecía ao profesor José Cidrás, director da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, a elección dun tema “tan actual e interesante”. A continuación, fixo un repaso polas crises das redes que sufrimos, “sobre todo no último ano”, e por como estas crises están a pór a proba infraestruturas críticas como hospitais, aeroportos, etc, “facendo recapacitar ás empresas, ás institucións e aos gobernos sobre como deben despregar estratexias e investir en sistemas, persoas e procesos para poder dar solución a estes problemas de seguridade na contorna dixital”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, aproveitou o acto de apertura da xornada para agradecer a colaboración de Telefónica tanto a través da cátedra como doutras actividades de investigación e innovación e adiantou que a institución conta xa coa aprobación para poñer en marcha o vindeiro curso académico o Mestrado en Ciberseguridade. “Este é un dos eixos temáticos prioritarios para a Universidade a través do Vigo Tecnolóxico; cremos que é unha das claves de futuro para Galicia e por iso queremos concentrar nesta nova titulación todo o talento galego”, explicou.
O primeiro dos relatorios da xornada correu a cargo de Rubén Sampedro, especialista do Security Operation Center de Telefónica, que desenvolve o seu labor con grandes contas galegas, como a Xunta de Galicia ou o Servizo Galego de Saúde. A súa intervención centrouse en relatar a xestión que Telefónica fixo ante o ciberataque do virus Wannacry, que tivo lugar o pasado 12 de maio, secuestrando equipos informáticos de todo o mundo. Sampedro subliñou que “hai tres piares fundamentais na xestión de seguridade”. Estes piares son: confidencialidade, dispoñibilidade e integridade. Ao seu xuízo, “ao que afectan estes ataques é á información, ás operacións de negocio, aos euros ao fin e ao cabo”. Ademais, sinalou que no caso do dito virus informático, o ataque colleu ás entidades coa garda baixa. Entre as principais características do ataque, engadiu, figuran as seguintes: propagouse de maneira lateral como un verme a través do porto 445 (“e non por correo electrónico como se dicía inicialmente”) e instalando nos equipos o troiano malware ransomware, coñecido por Wannacry. O experto lembrou tamén que os primeiros indicios do ataque saltaron ás 6.00 da mañá no leste de Asia; ás 06.16 o nome do virus era xa o máis buscado en Google en todo o mundo. Tamén dixo que dende Telefónica tentouse dar unha resposta rápida malia a incerteza, “poñendo en marcha un comité de expertos para tratar de saber, empregando enxeñaría inversa, por onde entra o malware, como se propaga, etc”.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo xuntou preto de cen participantes nas súas xornadas de transparencia

códigocero - Xov, 10/19/2017 - 17:12
O deputado Argelio Fernández na presentación do encontro

Hoxe celebrouse no Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, o sétimo Encontro Provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos. A xornada, que foi inaugurada polo deputado Argelio Fernández, xirou arredor dos retos da transparencia da información nas entidades locais, das vantaxes que pon en xogo para os Concellos e para a cidadanía e das principais metodoloxías tecnolóxico-dixitais a seguir para garantila no desenvolvemento da vida pública local. En primeiro lugar, fíxose fincapé nunha das máis estendidas definicións do propio concepto de transparencia: conseguir, botando man de ferramentas dixitais, que a información dunha entidade coincida punto por punto co que de verdade se está a xerar nesa entidade. A xuntanza reuniu a representantes institucionais, así como secretarios, interventores, tesoureiros, e técnicos dos diferentes municipios lucenses.
Segundo informa a Deputación, trátase da sétima ocasión na que o Goberno provincial organiza un encontro cos actores do mundo local, para abordar temas de actualidade e dar resposta ás demandas dos 67 municipios da provincia.
Fernández Queipo subliñou que “somos conscientes de que nos últimos anos a transparencia e o acceso á información pública son dúas cuestións que cobraron especial relevancia; por iso queremos dar un paso adiante na comprensión destes momentos de cambio e ofrecer respostas aos entes locais, que lles permitan adecuarse a nova Lei de transparencia”. Esta Lei, dixo, “facilita sen dúbidas achegar o día a día da Administración aos cidadáns”.
Ao longo do xornada fíxose fincapé nas normativas de transparencia e a protección de datos persoais en liña; así como a publicidade activa nas entidades locais, e o dereito de acceso á información pública. Por último, analizouse a normativa de transparencia e o acceso dos concelleiros á información municipal.
Para abordar todos estes temas contouse coa participación de dous expertos de recoñecido prestixio: Emilio Guichot Reina, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Sevilla, e especialista en dereito da comunicación, protección de datos e transparencia, que foi o encargado de coordinar o encontro. Tamén participou Oriol Mir Puigpelat, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, autor dunha manchea de investigacións sobre a devandita materia, que impartiu dous relatorios ao longo da tarde.
Nova Lei de Transparencia
Segundo fai saber a Deputación de Lugo, a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno ten por obxecto ampliar e reforzar a transparencia da actividade pública, regular e garantir o dereito de acceso á información relativa a aquela actividade e establecer as obrigacións de bo goberno que deben cumprir os responsables públicos así como as consecuencias derivadas do seu incumprimento.
A Lei establece ademais as obrigas de publicación que atinxen ás entidades públicas para garantir a transparencia na súa actividade e regula o dereito de acceso dos cidadáns á información pública. “Esta normativa supuxo un cambio favorábel e un paso adiante para lograr facer da Administración un sector máis transparente e controlado”, explica a entidade provincial que preside Darío Campos.

Categorías: Ciencia

Arranca en Santiago LibreCon 2017 con 200 empresas e 60 relatores

códigocero - Xov, 10/19/2017 - 13:12

Finalmente AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) e a federación estatal ASOLIF abriron hoxe a edición 2017 do congreso LibreCon, centrado en facer fincapé nas moitas e variadas respostas que os programas abertos poñen (e porán) a disposición do desenvolvemento empresarial. Será, a todas luces, a gran festa galega, estatal e internacional do software libre, cun programa inzado de cousas salientábeis, como por exemplo un hackathon (Librehack) no que 50 participantes crearán en tempo real prototipos de software libre cos que mellorar a Industria 4.0 e o sector primario, ou a presentación, a cargo de IBM do sistema libre Qiskit (que serve para desenvolver computación cuántica, que ten entre as súas vantaxes introducir importantes inxeccións de eficiencia nos avances tecnolóxicos e económicos máis cruciais para a humanidade e o medio ambiente). LibreCon foi inaugurada ao fío das 11.00 horas. No acto participaron, amais dos responsábeis de AGASOL, ASOLIF e o Clúster TIC Galicia, o o director de Economía Dixital de Red.es, Alejandro Tosina, e a directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira.
Segundo fixeron saber, no congreso están a participar máis de 200 empresas e 60 relatores, abordando o uso das tecnoloxías libres na Industria 4.0 e nos sectores primarios. Na inauguración do encontro, a directora da AMTEGA (entidade colaboradora do encontro) sinalou que “no actual momento de transformación dixital, o software libre ten demostrado a súa capacidade como solución competitiva no proceso de modernización de diferentes sectores”. Neste sentido, lembrou que “desde 2010 a Xunta colabora cos axentes do software libre galego na elaboración do seu Plan anual para impulsar o uso do software libre en todos os ámbitos da sociedade”. Isto, dixo, traduciuse xa en iniciativas docentes como o proxecto Abalar ou en iniciativas de eAdministración como o nodo de interoperabilidade das administracións públicas galegas (PasaXe), ou o sistema de xestión bibliotecaria.
Pratos fortes
Entre os pratos fortes desta edición de LibreCon, amais dos devanditos (os achegados por IBM e os participantes no Librehack), atópanse as contribucións de Antonio Fernandes, tecnólogo vigués e perito xudicial pola Asociación Nacional de Peritos Xudiciais Informáticos (ANTPJI) e a Asociación Mediterránea de Peritos Informáticos das TIC (ASPERTIC). Recentemente fichou como un dos especialistas da Axencia Europea de Seguridade das Redes e da Información (ENISA), co obxectivo de asesorar á entidade europea en estratexias para frear os cada vez máis frecuentes ciberataques que afectan a organismos públicos e empresas privadas.
Outro dos referentes do programa será a participación de de Nuno Troitiño, programador e apicultor 2.0 que presentará a aplicación Appybee, unha innovación made in Galicia capaz de detectar e controlar pragas que afectan ás colmeas de abellas, como a da avespa velutina (segundo lembra, até o de agora este sistema xa logrou conter a mortalidade dos enxames e aumentar a súa produción nun 17%).

Categorías: Ciencia

Mar Pereira debulla os beneficios que terá a Lei de Administración Dixital

códigocero - Xov, 10/19/2017 - 12:25

Esta mañá inaugurouse en Santiago, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), unha xornada sobre as novidades da Lei 39 e a Lei 40/2015. A apertura das xeiras de traballo veu da man da directora da EGAP, Sonia Campos, e da directora de AMTEGA, Mar Pereira, que lembrou que o Goberno galego xa iniciou o desenvolvemento da Lei de Administración Dixital de Galicia, un regulamento que, nas súas palabras, “dotará á Comunidade dun marco normativo único que eliminará a dispersión normativa existente, potenciará un novo modelo de complementariedade entre administracións e permitirá ofrecer unha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos”. Pereira engadiu que a norma galega complementará o establecido nas leis estatais que serven de alicerce temático da xornada.
Tamén engadiu que “Galicia vén traballando na transformación dixital da Administración desde o ano 2010 cun Plan de Modernización que permitiu á Comunidade chegar á entrada en vigor das novas leis coas principais pezas dunha administración integramente dixital en marcha e adiantarse, incluso, a algunhas das esixencias que prevén para o ano 2018”. É o caso, dixo, do Arquivo Electrónico ou da posta en marcha da dixitalización do Rexistro Xeral e das Delegacións Provinciais da Xunta.
Entre as medidas máis inmediatas do Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, Mar Pereira sinalou a posta en marcha no derradeiro trimestre do 2017 dunha nova sede electrónica da Xunta de Galicia, adaptada a un mellor uso dende dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do perfil do cidadán ou empresa.
No vindeiro ano, engadiu, iniciarase a reformulación das Oficinas de Rexistro como Oficinas de Atención, que “facilitarán a relación de cidadán e empresas coa administración a través dos medios dixitais e poranse en marcha a figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamentos, que posibilitarán a autorización dunha persoa ou funcionario para realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa”.

Categorías: Ciencia

Help Flash dá o chimpo a EE UU e incorpora a Lucía Gregorio

códigocero - Xov, 10/19/2017 - 12:24

En setembro de 2016, a empresa Netun Solutions comezou a facer ruído no mercado español cun dispositivo de seu destinado a rematar cos riscos dos triángulos de sinalización de avarías. A firma, que daquela collía impulso no centro de crowdworking de Telefónica e AMTEGA na Cidade da Cultura (Galicia Open Future), adquiriu plena repercusión cunha baliza luminosa de sinalización de emerxencias chamada Help-Flash, que comezou a revolucionar o mercado estatal e cuxa principal vantaxe, á hora de colocar os obrigatorios triángulos de sinalización de avarías, reside na redución do tempo da manobra de advertencia, que pasa de ser de 8 minutos, aproximadamente, a ser de 30 segundos. Agora, Netun ten importantes novidades que achegarnos. Primeiro: dá o chimpo ao mercado de EE UU. Segundo: incorpora nas súas fileiras a Lucía Gregorio, até o de agora directora xeral da nosa asociación de empresas tecnolóxico-dixitais Ineo.
Segundo nos contan dende a empresa emprazada en Vigo, Gregorio forma parte xa do equipo directivo de Netun e fortalece e impulsa coa súa presenza os obxectivos de liderar o desenvolvemento tecnolóxico da versión conectada do dispositivo Help-Flash, que se presentarán en datas vindeiras.
Para dar aínda máis pulo a esta proxección internacional da dita tecnoloxía, que inclúe entre as súas vantaxes a de evitarnos ter que saír do noso coche para colocar o propio aparello (o dispositivo adhírese ao teito do coche, sen necesidade de saír del, e actívase de maneira automática), Netun presentará o seu enxeño no SEMA Show de Las Vegas (do 31 de outubro ao 3 de novembro), o meirande evento mundial de produtos especializados para o motor. En palabras de Netun, trátase “dunha cita dirixida só a profesionais, que na edición anterior superou os 70.000 visitantes de todas as nacionalidades”. Segundo engaden, a participación neste salón sen dúbida reforzará estratexia de internacionalización do dispositivo, un proceso que xa o levou aos mercados de Francia, Alemaña, Reino Unido e Portugal.
Ademais, nos seus doce meses de vida, a firma galega xa foi quen de vender un total de 40.000 unidades e espertou o interese de investidores nas diferentes roldas de financiamento. Ademais, obtivo importantes recoñecementos como o III Premio Emprendedores e Seguridade Viaria da Fundación Línea Directa e o Premio de Galería da Innovación na Feira Internacional Motortec-Automechanika. Ademais, foi o gañador da IV edición de #Insurtechtalks de Axa Seguros.
Unha luz para salvar vidas
Help Flash, como dixemos, é un equipo de sinalización luminoso que advirte dunha emerxencia na estrada sen necesidade de saír do vehículo. “A súa importancia”, explican dende a firma viguesa, “vén dada polo grave perigo que supón colocar os triángulos de emerxencia, sobre todo de noite ou en situacións de visibilidade reducida”. De feito, a súa instalación é inmediata: abonda con colocalo sobre calquera superficie metálica para que se active de xeito automático, e tamén se pode facer de forma manual. O dispositivo, que se alimenta dunha pila, emite escintileos de luz ámbar visibles até un quilómetro de distancia en condicións de baixa luminosidade. Así mesmo, conta cunha luz branca adicional para que poida ser empregado como lanterna.
A incorporación de Lucía Gregorio
Lucía Gregorio, nova directora de sistemas, impulsará a versión conectada de Help Flash, na que está a traballar arestora a empresa e que permitirá, entre outras cousas, emitir avisos aos servizos de emerxencia ou mesmo á compañía de seguros.
Lucía Gregorio é enxeñeira industrial e desenvolveu toda a súa carreira profesional no ámbito das telecomunicacións. Do seu extenso currículo salienta ser durante 8 anos directora xeral de Ineo e máis os seus catro anos colaborando como experta externa da Comisión Europea no programa de I+D H2020 (en especial no ámbito da fotónica). Tamén cómpre destacar o seu traballo como directora de innovación da consultora Econet, onde foi a encargada de grandes contas como a de Telefónica.

Categorías: Ciencia

Remata o prazo para anotarnos nos cursos lucenses sobre eFacturación, redes sociais, deseño e smartphones

códigocero - Xov, 10/19/2017 - 10:11
A concelleira Rosana Rielo nunha rolda de prensa recente

O Concello de Lugo vén de informar que este xoves 19 de outubro remata o prazo para inscribirnos en boa parte dos cursos do programa formativo Tecnoloxíza-T!, organizado polo Goberno local no Edificio de Novas Tecnoloxías, emprazado no miolo da cidade vella. Concretamente, este xoves é o último día para anotarnos nos obradoiros de Sinatura e facturación electrónica (que se celebra este sábado), Iniciación ás redes sociais, Deseño web e Sácalle partido ao smartphone, que arrancarán o vindeiro luns. Cada un deles oferta 15 prazas.
Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse no Edificio de Novas Tecnoloxías, na Praza de Anxo Fernández Gómez, aberto de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas.
O Concello tamén lembra que até decembro, a Concellería de Concello e Cidadanía que dirixe Rosana Rielo ofrece outras alternativas de formación como Trámites bancarios online, Marketing dixital, Comunícate Online, Súbete á nube, Posicionamento Web e SEO, Sácalle partido ao Whatsapp, Creación de Apps, Internet segura, Aprende a usar a túa tableta, Introdución á programación e Retoques fotográficos co teu smartphone.
A data de inscrición, que é distinta para cada actividade, pode consultarse ben no propio centro, a través do teléfono de atención cidadá 010 ou en www.lugo.gal. Os e as menores de idade deberán contar coa autorización dun titor legal. Cada persoa só se poderá inscribir en dous cursos. Só no caso de que queden prazas libres poderanse admitir a inscrición en máis de dous obradoiros. O acceso aos cursos será por sorteo, que se realizará ás 11:00 horas do día seguinte ao peche da inscrición.

Categorías: Ciencia

El ascenso de la temperatura amenaza la producción agrícola mundial

Investigación y Ciencia - Xov, 10/19/2017 - 00:00
Cuatro cultivos esenciales para los humanos verán reducida sustancialmente su producción.
Categorías: Ciencia

Sleeping sickness can now be cured with pills

Nature - Mér, 10/18/2017 - 23:17

Researchers seek approval from regulators for this quicker, easier treatment.

Nature News doi: 10.1038/nature.2017.22856

Categorías: Ciencia

Jazztel ultima a súa renovación

códigocero - Mér, 10/18/2017 - 22:52

O vindeiro día 22 o operador de telecomunicacións Jazztel vai renovar tanto a súa imaxe como a súa oferta de servizos, buscando adaptarse a un amplo abano de clientes axustando servizos e prezo para conseguir ser competitivos nun mercado moi dinámico. Unha das chaves da nova estratexia de Jazztel serán as ofertas especiais (WoWs!) coas que buscan sorprender aos clientes con novas propostas.
O novo catálogo de servizos estará acompañado por un configurador en liña para a súa personalización, co que búscase que o cliente contrate o que realmente quere. As opcións dispoñibles incluirán fibra simétrica a 50/150/400 Mbps, chamadas dende fixo a un prezo por minuto ou mediante tarifa plana, o servizo de voz móbil permitirá gozar de 250 minutos ou chamadas ilimitadas, os datos no móbil poderán contratarse en volumes de 3/7/11 GB e tamén poderán incluírse contidos de televisión (tanto de lecer como deportivos).
Outro detalle que os usuarios poderán decidir é se queren adquirir un compromiso de permanencia, o que reducirá o prezo da cota mensual e abrirá o acceso a promocións especiais.

Categorías: Ciencia

A PS4 permite acceder aos contidos de beIN CONNECT

códigocero - Mér, 10/18/2017 - 22:22

Cada vez son máis as plataformas audiovisuais que aproveitan a presenza de consolas de videoxogos nos fogares para achegar a súa oferta en liña, de xeito que máquinas como a PlayStation 4 poden facilitar o acceso a Netflix, HBO, Rakuten TV... e agora tamén a beIN CONNECT, de xeito que os usuarios de PS4 teñen agora dispoñible unha grande oferta de contidos futbolísticos en España valéndose dunha aplicación certificada que pode instalarse de balde.
beIN CONNECT achega en directo as canles de fútbol en alta definición beIN LaLiga, beIN SPORTS, LaLiga 1|2|3 TV e GOL HD, así como as canles de lecer Fox, Fox Life, AXN, TNT, TCM, National Geographic, Historia, Comedy Central e Nickelodeon, e para celebrar a súa chegada a PlayStation os usuarios de PlayStation Plus que contraten o servizo terán un mes adicional de balde, estando dispoñible o código promocional para facer tal dispoñible a partires do 23 de outubro.

Categorías: Ciencia

The future of work

Nature - Mér, 10/18/2017 - 19:29

Digital technologies are upending the workforce. The right research can tell us how.

Nature 550 315 doi: 10.1038/550315a

Categorías: Ciencia

Páxinas

Subscribirse a IGACIENCIA lector de novas