Agregador de novas

O servizo de eAdministración da Deputación de Pontevedra permitiu nos concellos a tramitación de 200.000 expedientes

códigocero - Ven, 02/16/2018 - 12:50

Onte a Deputación de Pontevedra fixo un repaso polos servizos tecnolóxicos ao servizo cos concellos que está a poñer en marcha co inicio do novo ano. As iniciativas, entre as que se atopa o proxecto de Administración Electrónica (que propiciou xa a tramitación dixital de 200.000 expedientes a nivel local), foron debulladas pola presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, xunto ao deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios. Na cita participaron alcaldesas e alcaldes e persoal técnico das administracións locais de Pontevedra. Entre as/os presentes atópase a rexedora de Moaña e os alcaldes de Barro, A Cañiza, Cuntis, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Mondariz, As Neves, Poio, Pontecesures, Portas e Soutomaior; así como representantes do Goberno e persoal técnico de todos os concellos da provincia.
Carmela Silva comezou a súa intervención recordando que coa aprobación da Lei 39/2015 “os concellos están obrigados a unha serie de cuestións relacionadas coas novas tecnoloxías”. Neste senso, fixo saber que “se están a aprobar leis, como a 39/2015, que non incorporan recursos para a súa aplicación e, porén, son de obrigado cumprimento”, Esta situación, engadiu, está a provocar que os concellos teñan que retraer recursos doutros servizos para cumprir coa lexislación e evitar sancións por incumprimento, “algo que estamos a denunciar e así o fixemos xa na reunión que tivo lugar o pasado martes da Comisión de Deputacións da FEMP”.
Para loitar contra a devandita situación, a entidade provincial puxo en marcha iniciativas como o devandito proxecto provincial de Administración Electrónica, un dos servizos debullados na cita de onte cos alcaldes. Segundo fixeron saber Silva e Dios, trátase dun recurso de balde para as institucións locais, ao que se adheriron 54 concellos e 2 entidades menores. “A través deste proxecto”, indicou Carmela Silva, “xa formamos a 2.218 persoas que traballan na administración local e a 732 que ocupan cargos públicos; tamén se tramitaron preto de 200.000 expedientes de xeito electrónico, con medias mensuais de 12.000 novos expedientes electrónicos, 250.000 documentos asinados de xeito electrónico e 35.000 anotacións en rexistro”.
Xunto ao proxecto da eAdministración, a presidenta presentou tamén o Servizo de Padrón Municipal de Habitantes que arrancou este 15 de febreiro, precisamente, un servizo que “pretende solucionar os problemas existentes nos concellos na actualidade que veñen desde a heteroxeneidade das solucións implantadas para xestionar o padrón, até solucións desfasadas con mantementos incorrectos e que non se atopan integradas coa administración electrónica”, explicou Silva, engadindo que o investimento nesta iniciativa é de 500.000 euros, constituíndose unha ferramenta de balde para os concellos, que implantará a empresa Aytos, e que permitirá, dixo, “migrar os datos das aplicacións actuais de cada concello así como integralo na plataforma de eAdministración, facilitando a xestión de expedientes e a realización de trámites municipais, evitando colas e desprazamentos”.
O Servizo de Padrón, que se ofertará a través dunha nube privada, inclúe tamén formación en cada concello e mantemento correctivo e evolutivo, co obxectivo de “garantir a corrección de incidencias e a actualización e inclusión de novas funcionalidades”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer o Servizo de impresión de dixitalización para entidades locais que “permite regular as condicións e os prezos destes servizos para as entidades da provincia”. Esta solución será implantada por Canon. Nestes intres hai xa unha preto dunha vintena de administracións locais que solicitaron a súa adhesión ao proxecto.


Categorías: Ciencia

Twitch estrea salas de chat

códigocero - Ven, 02/16/2018 - 12:33

A plataforma de retransmisións de vídeo a través da Internet Twitch, referente mundial no sector dos videoxogos, vén de estrear un novo xeito de conectar coa comunidade de usuarios a través de Salas, espazos de conversa personalizados, que figuran na parte dereita cas páxinas das canles de Twitch, e que agora están dispoñibles tanto na web como en dispositivos móbiles.
Estas Salas poderían describirse como sub-chats, ou sexa, un apartado no que poder conversar fóra co chat principal, para tratar temas específicos, podendo elixirse quen pode entrar nestas conversas (moderadores, subscritores ou calquera usuario). As conversas nestas Salas tamén contarán con mencións, de xeito que un usuario recibirá unha notificación cando o mencionen, facilitando así que colla o fío da conversa.

Vídeo de presentación das Salas de Twitch

Categorías: Ciencia

As posibilidades da impresión en 3D, ao detalle nun curso aberto do Campus de Pontevedra

códigocero - Ven, 02/16/2018 - 11:52

Quen queira expandir a mente coas posibilidades da impresión en 3D, vai ter unha oportunidade de facelo ao abeiro do obradoiro que prepara a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (UVigo), un curso de 30 horas que se desenvolverá na Escola de Enxeñaría Forestal nas tardes das terceiras feiras (martes) e que xa ten aberto o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas. Segundo nos conta a Vicerreitoria, o Taller de impresión 3D ten o obxectivo de levarnos alén “dos filamentos que de forma xeral se empregan nas impresoras 3D” e “de explorar as posibilidades que outorgan diferentes tipos de materiais”.
O curso, que busca servir como continuación ao obradoiro centrado nestas tecnoloxías, mantén aberta desde esta semana a súa inscrición na plataforma Culturxest e desenvolverase a partires do 6 de marzo, na Escola de Enxeñaría Forestal.
Cun prezo de 26 euros para os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para o resto da cidadanía, e cun número máximo de 16 prazas, o curso responde o interese que existe entre os makers das máis variadas procedencias e dedicacións de sacarlle o máximo partido á impresión en 3D.
Segundo explica Vicente López Díaz, Txapu, responsábel de impartir este taller xunto co técnico dos servizos informáticos Antón Vázquez, non será preciso nin esixíbel contar cuns coñecementos de base para asistir á actividade. Por outra banda, no caso de xuntar alumnado con diferentes graos de manexo deste tipo de dispositivos, artellaríase en diferentes grupos.
De carácter práctico, o propósito central do taller é que as e os asistentes, unha vez conten cuns coñecementos introdutorios, poidan “centrarse en imprimir propiamente”, explica López, engadindo que o que se busca é que “coñezan as potencialidades deste tipo de tecnoloxías experimentando directamente, realizando diferentes probas e prototipos”.

Categorías: Ciencia

Sitúan como exemplo de dixitalización ao grupo galego Jim Sports, galardoado co Premio CEL-ABANCA

códigocero - Ven, 02/16/2018 - 11:30

O grupo galego Jim Sports, que ten na Rede o meirande inventario deportivo do mercado estatal, recibiu esta semana o Premio ao Emprendemento da Fundación CEL e ABANCA, segunda edición. O recoñecemento veu dado, en palabras das dúas entidades, “pola súa aposta constante pola innovación e a expansión internacional, que lle serviron ao grupo para converterse nunha empresa punteira con capacidade para chegar os seus artigos deportivos a unha chea de países dende a provincia de Lugo”.
A entrega do galardón contou coa presenza do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada e varios empresarios do Consello da CEL e representantes de ABANCA. O acto celebrouse nas instalacións de Jim Sports Technology en Palas de Rei.
Eduardo Valín, conselleiro delegado da CEL, salientou do grupo empresarial galego a súa posición na vangarda do sector e a súa visión de futuro, “coa innovación por bandeira”.
Pola súa banda, o conselleiro situou a Jim Sports como exemplo de aposta pola dixitalización, unha aposta que, xunto coa formación, “é o reto do novo modelo económico”. Segundo engadiu, “Jim Sports amosa que ten unha clara visión estratéxica en termos de innovación, de loxística e de internacionalización”, ao tempo que enxalzou o seu carácter referencial como exemplo de “de até onde se pode chegar apostando pola calidade e a innovación”, ademais da mostra “de que desde calquera polígono industrial de Galicia é posíbel medrar como empresa e abranguer novos mercados”.
Jim Sports é unha empresa que conta cun persoal de ao redor dun centenar de persoas, algunhas das cales veñen de incorporarse tras a posta en marcha das súas novas instalacións en Palas de Rei, que ocupan actualmente uns 10.000 metros cadrados e que se ampliarán en 22.000 máis no período 2018/2019 (toda a fase 2 do polígono industrial de Palas de Rei). Exporta xa a máis de trinta países e conta cunha decena de marcas propias, especializadas en diferentes deportes. Ademais, ten un mercado compromiso social e medioambiental.

O Premio

O Premio CEL-ABANCA, dotado con 1.500 euros, ten por obxectivo “impulsar e dinamizar a cultura emprendedora e o tecido empresarial na provincia de Lugo”. O pasado ano, na súa primeira edición, recaeu en Miramar Cruises, axencia en liña de viaxes en cruceiro impulsada dende o viveiro de empresas da Fundación CEL, Iniciativas por Lugo.
Jim Sports, pola súa banda, destinará integramente a dotación do premio a dúas entidades coas que colabora activamente nos últimos anos: Médicos Sen Fronteiras e a Fundación HBL, creada por Jim Sports para o apoio á nenez en situacións de pobreza e subdesenvolvemento.

Categorías: Ciencia

As vulnerabilidades Meltdown e Spectre poderían ser máis complicadas de arranxar do esperado

códigocero - Ven, 02/16/2018 - 11:27

Nas últimas semanas non paramos de recibir parches de distinto tipo para mitigar os efectos das vulnerabilidades coñecidas como Meltdown e Spectre, pero as actualizacións no microcódigo dos procesadores e incluso os pequenos redeseños que chegarán nas vindeiras versións poderían non ser dabondo para desfacerse deste erro de deseño segundo unha nova investigación da Universidade de Princeton na que deron conta de novos xeitos de roubar información sensible da memoria dos ordenadores baseándose nos fallos de seguridade anteriores, e que alcumaron como MeltdownPrime e SpectrePrime.
Os investigadores desenvolveron ferramentas baseadas en Meltdown e Spectre, identificando novos xeitos de tirar proveito das vulnerabilidades, como facer que en equipos con dous núcleos sexan os núcleos os que se ataquen entre si para acceder a información que deberían ter vetada.
MeltdownPrime e SpectrePrime fan uso de protocolos de invalidación de caché e utilizan técnicas de ataque coñecidas como Prime+Probe e Flush+Reload, conseguindo vulnerar a seguridade dos sistemas do mesmo que as vulnerabilidades orixinais.
Como conclusión da investigación aseguran que as técnicas de mitigación baseadas en software son efectivas, pero que os cambios no microcódigo dos procesadores aplicados nas últimas semanas non serían efectivos, e precisarían dunha revisión, sementando a dúbida de se os vindeiros procesadores que cheguen ao mercado estarán realmente libres destas vulnerabilidades ou será preciso agardar a un redeseño máis profundo a longo prazo.

Categorías: Ciencia

Farmacia da USC recunca co seu certame para incrementar os contidos científicos en galego, #TEDSaúde

códigocero - Ven, 02/16/2018 - 10:27

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC vén de convocar a terceira edición de #TEDSaúde, concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego. TED (acrónimo do inglés, Technology, Entertainment, Design) é unha organización sen ánimo de lucro que leva case 30 anos divulgando ideas creativas e innovadoras sobre múltiples ámbitos tecnolóxicos, culturais e científicos, e empregando o formato de pequenos relatorios de entre 3 e 18 minutos. A organización, segundo lembra a Universidade de Santiago, é mundialmente coñecida polo seu congreso anual, os devanditos faladoiros TED Talks e, tamén, polo seu esforzo para chegar á comunidade mundial a través do sitio web de TED, de YouTube, de Google Play (para móbiles con Android) ou de iTunes (para móbiles iOS). A través destes sitios, é posíbel subtitular as charlas en diferentes idiomas.
Coa devandita iniciativa da USC, o obxectivo da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia, é combater a escaseza de contidos divulgativos relacionados coas ciencias da saúde en galego. Para loitar contra isto, lanzáronse a motivar ao alumnado e ao profesorado do centro para crear contidos mediante o subtitulado de vídeos TED de ciencias da saúde ao noso idioma. Nas dúas convocatorias pasadas da iniciativa conseguiuse que 51 vídeos TED desa área teñan unha versión subtitulada en galego e de calidade, co que, en total, xa son máis de 200 os vídeos TED con subtítulos na nosa lingua.
Segundo informan, o concurso presenta dúas modalidades, unha dirixida á comunidade universitaria da USC non pertencente á comunidade TED e outra aos membros da comunidade TED. Neste segundo caso, para participar hai que inscribirse enviando un correo electrónico a snl.concurso.subtitulacion@usc.es ata o 2 de marzo de 2018, cos seus datos (nome, DNI, enderezo postal). Disporá ata o 7 de abril para realizar a tradución ao galego e o subtitulado do vídeo. O premio é de 150 euros.
De non ter experiencia no subtitulado de vídeos TED ao galego, é preciso inscribirse ata o 2 de marzo nun obradoiro gratuíto de catro horas (o 7 de marzo en Bioloxía) para aprender o funcionamento da plataforma. Despois disponse ata o 7 de abril para realizar a correspondente tradución e subtitulación. A persoa gañadora levarase 250 euros de premio.

Categorías: Ciencia

Un ingrediente común en los dentífricos podría ayudar a combatir la malaria

Investigación y Ciencia - Ven, 02/16/2018 - 00:00
Se descubre que el triclosán, presente en varias pastas de dientes, altera el ciclo biológico del parásito responsable de la enfermedad. El hallazgo ha sido realizado por un robot inteligente.
Categorías: Ciencia

Máis de 180 equipos de toda Galicia mediranse na competición de robots da EE Industrial de Vigo

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 23:52
Juan Pardo, director da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo

A organización da competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial (Campus de Vigo) vén de informar da presenza no torneo de 185 equipos confirmados de todos os recantos de Galicia medindo forzas e enxeños o vindeiro 4 de maio. A proba, que vai pola súa cuarta entrega, acadou coa devandita cifra un récord de participación, e máis se temos en conta que, contando os membros dos ditos equipos, estariamos a falar dun milleiro de participantes. Estas cifras foron valoradas moi positivamente por Juan Pardo, director da EEI, quen recoñece que se ben a previsión era atopar unha boa resposta, as cifras de participación finalmente acadadas superaron as expectativas.
En total, para a cuarta edición da proba, rexistráronse máis de 170 equipos na categoría Wall-E, dirixida a alumnado da ESO e Bacharelato, e 15 equipos na R2D2, para alumnado de titulacións superiores e outras persoas interesadas. A competición realizarase por equipos, que deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu robot a partir dun kit básico que lles entrega a organización da proba.
Cun total de 60 equipos, o 1º curso de Bacharelato é o que máis inscricións rexistrou, seguido de 2º da ESO con 41 e 4º da ESO con 37. Por provincias, a de Pontevedra sitúase á cabeza en canto á procedencia das e dos centros participantes, cun 63% do total, seguida de a de A Coruña con case un 34%. Asemade, cóntase con algúns centros das provincias de Lugo e Ourense, pero son maioría os de Pontevedra e A Coruña que van tomar parte nesta competición, coa que se busca que o alumnado, en especial as mozas, perdan o medo ás disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Art and Mathematics), sobre todo no caso dos estudos de enxeñaría.
Superada a barreira dos 1000 participantes, a organización da competición está a considerar introducir algunhas modificacións respecto a anteriores edicións, “dunha banda, estudamos a posibilidade de habilitar algunha aulas para que alí as e os participantes poidan poñer a punto os seus robots e, da outra, pensamos en implantar algunhas melloras tecnolóxicas na medición dos tempos, para facelo dun xeito máis profesional”, explica o director do centro.
A competición de robots está organizada pola Escola de Enxeñería Industrial en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Enginieers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo.

Categorías: Ciencia

Windows 10 contará cun plan de enerxía que maximizará o rendemento dos equipos

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 22:00

Microsoft está a distribuír unha nova versión de proba do que será a vindeira grande actualización de Windows 10, incorporando novidades que poden resultar un tanto superficiais (como a renovación de deseño de varias emoticonas) ou melloras no que se refire ao control de permisos das aplicacións (de xeito que poderemos decidir se unha aplicación particular pode ou non acceder ao noso sistema de ficheiros completo). Pero o que realmente é interesante a estrea dun novo perfil enerxético en estacións de traballo con Windows 10 Pro, que agora contará cunha configuración de Rendemento definitivo, que permitiría aproveitar máis o noso hardware que o plan de Alto rendemento, de xeito que en equipos nos que o consumo enerxético non sexa un problema poderase establecer unha política de alto rendemento para maximizar a potencia do equipo.
O plan enerxético de Rendemento definitivo poderá chegar activado de xeito predeterminado en novos equipos ou ser unha opción elixida polo usuario a través do respectivo panel de control de administración de enerxía. Este modo de funcionamento, que reduciría as micro-latencias, estaría dirixido a ordenadores que non funcionen con batería, pois o seu consumo sería bastante superior que o modo Equilibrado no que funcionan habitualmente os sistemas informáticos.

Categorías: Ciencia

Tidal chega a España acompañada por Vodafone

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 20:54

A relación de Prince cos formatos de música en liña foi sempre complicada, e en 2015 fixera unha xogada bastante curiosa ao eliminar a súa música dos servizos de streaming máis populares para logo estrear o seu novo álbum na única plataforma en liña que mantiña a súa discografía en streaming, Tidal, que era toda unha descoñecida en España, o que muda a partires de hoxe, xa que este servizo que é un directo competidor de Spotify, Apple Music e Prime Music desembarca no noso territorio da man de Vodafone.
Deste xeito a plataforma musical que conta entre os seus propietarios a artistas como Beyoncé, Calvin Harris, Coldplay e JAY-Z entra con bo pé no noso mercado, xa que os clientes de Vodafone poderán gozar inicialmente de balde do servizo, o que facilitará a captación de clientes de pagamento futuros.
Tidal conta con máis de 52,7 millóns de cancións, máis de 207.000 vídeos musicais, listaxes musicais seleccionadas e moitos contidos exclusivos, que os clientes de Vodafone poderán reproducir inicialmente de balde, xa que os clientes con plans Red L, One L, Internet Móbil M e +Líneas L/+Líneas Datos M ou superiores recibirán 2 anos de subscrición de balde; os que teñan tarifas Red M, One M, Internet Móvil S e Líneas M/+Líneas Datos S poderán gozar de 1 ano de subscrición de balde; e o resto de clientes de Vodafone poderán gozar de 3 meses de proba dun servizo que para clientes de Vodafone custará 8,99 euros/mes para a súa modalidade Premium ou de 17,99 euros/mes para a modalidade HiFi (que ofrece unha maior calidade sonora). Os que non sexan clientes de Vodafone só poderán gozar de 1 mes de balde e os prezos da subscrición mensual serán de 9,99 euros para Tidal Premium e 19,99 euros para Tidal HiFi. Tamén están dispoñibles plans familiares para 5 membros (a 14,99 e 29,99 euros/mes respectivamente) e plans para estudantes (a 4,99 e 9,99 euros respectivamente).
O servizo de Tidal funciona en smartphones, tabletas e ordenadores persoais, sendo tamén compatible con reprodutores como os altofalantes conectados Sonos (e outros produtos semellantes), e como vén a ser habitual nestes servizos de pagamento, aparte da reprodución en streaming tamén contan con Modo Offline para poder gozar da música en mobilidade sen consumir datos ou onde se carece de conexión.

Tidal conta con aplicacións para ordenadores persoais e dispositivos móbiles, aínda que tamén é posible gozar do servizo vía web
Categorías: Ciencia

Sete firmas galegas contarán con presenza de seu no Pavillón de España do Mobile World Congress

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 17:51

A nova edición do Mobile World Congress, senlleiro encontro internacional centrado en mostrar tecnoloxías móbiles de vangarda, vai contar con nutrida presenza galega. Segundo informa Red.es, o Pavillón de España contará coa presenza de 56 firmas de todos os recantos do Estado, sete das cales son da nosa terra. Como lembraremos, a nova edición de Mobile World Congress celebrarase do 26 febreiro ao 1 de marzo nas instalacións de Fira de Barcelona.
Os subsectores de actividade representados no Pavillón de España están relacionados con importantes áreas do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, e son os que citamos deseguido: Cidades Intelixentes, ciberseguridade, tecnoloxía financeira (fintech), Internet das Cousas (IoT), computación na nube, aplicacións móbiles, comercio electrónico, mercadotecnia dixital, tecnoloxías da linguaxe, información a gran escala (Big Data) ou aplicacións de saúde e benestar social.
Segundo lembra Red.es a propósito da importante presenza innovadora no Pavillón de España, o Mobile World Congress é o evento máis esperado pola industria mundial do móbil e o ano pasado congregou a máis de 100.000 visitantes procedentes de 198 países e a preto de 3.500 medios de comunicación. A iniciativa de Global Systems for Mobile Association (GSMA) convocou na súa anterior edición a máis de 2.000 empresas, centos de analistas, un bo número de delegacións gobernamentais e unha nutrida representación de institucións tanto públicas como privadas.
Sete empresas galegas
· Tecalis Innovación (O Milladoiro / Ames / A Coruña). Aplicación móbil de sinatura electrónica accesíbel.
· Disashop (Oleiros / A Coruña). Multinacional adicada á venda e distribución de produtos electrónicos prepagamento. A súa rede comercial de 61.000 puntos de venda permítelles chegar a 19 millóns de usuarios.
· Igalia (A Coruña). Consultora open source especializada no desenvolvemento de proxectos e solucións innovadores. Os seus enxeñeiros son expertos nun amplo rango de áreas: navegadores web, gráficos, multimedia e máquinas virtuais.
· Improving Metrics (A Coruña). Firma centrada na ciencia dos datos. Ten experiencia en análise de datos, calidade da información e aprendizaxe automática así como en mercadotecnia e analítica dixital.
· Quobis Networks (Porriño / Pontevedra). Desenvolve aplicacións WebRTC para operadores de telecomunicacións.
· Xesol Innovation (Vigo / Pontevedra). Empresa de I+D+i centrada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas aplicadas ao coche conectado e intelixente, entres as súas solucións destacan Xesol Drive e Xesol IDE.
· Visual Publinet (Vigo / Pontevedra). Axencia de mercadotecnia e comunicación especializada en Internet e adicada ao deseño e o desenvolvemento de solucións de comercio electrónico e mercadotecnia en liña.

Categorías: Ciencia

O alumnado da Fundación TIC retransmitirá por Internet os novos concursos de baristas de Foz

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 17:50

A Fundación TIC da Deputación de Lugo anunciou hoxe que vai achegar cobertura total ao onceavo Campionato Internacional de Baristas das Escolas de Hostalería de Foz, o sexto Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería Baristas Profesionais e o sexto Campionato de Baristas Profesionais, que se celebran na devandita localidade galega do 21 ao 23 de febreiro. En termos máis concretos, o alumnado da Escola de Imaxe e Son (Fundación TIC) será o encargado de retransmitir os devanditos eventos en streaming, pudendo seguirse os acontecementos a través das redes sociais Facebook e YouTube.
O patrón da Fundación TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, acompañado polo director do IES de Foz, Nicolás Asensio, e o coordinador das competicións, Xosé Ríos, presentou este xoves a nova colaboración nun acto no que un alumno de hostalería do centro focense preparou unha degustación de cafés.
Santos Ramos lembrou que a colaboración coa escola vense desenvolvendo dende hai unha década. Tamén sinalou que este traballo cooperativo ten ido alén do ámbito formativo, “xa que grazas a esta emisión, a TIC dá proxección nacional e internacional tanto ao Concello de Foz como ás competicións”.
Asemade, facendo fincapé na repercusión dos campionatos e da cobertura audiovisual, recordou que este ano participan 18 escolas de hostalería de Galicia, Cantabria, Euskadi, Castela e León e, por primeira vez, unha escola de París. A isto hai que engadirlle o campionato de profesionais, con 12 participantes, “que suscita gran interese no sector”.
Ramos tamén sinalou que nesta edición desprazaranse a Foz todos os estudantes de segundo de realización da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC que, baixo a supervisión dun docente, serán os encargados da emisión por streaming das tres xornadas. “Isto supón unha gran oportunidade para que o alumnado da nosa escola poña en práctica os seus coñecementos e adapte a súa formación á demanda dun sector en continuo cambio”, explicou, engadindo que a retransmisión en directo por Internet realizarase con cinco cámaras, e que os alumnos rotarán por todos os postos: operador de cámara, mesa de son, grafismo, fotografía, axudante de realización e realización. Ademais, este ano, como novidade, os estudantes tamén editarán, in situ, cada unha das probas por separado para compartilas de contado nas redes.

Categorías: Ciencia

SIVSA modernizará as lonxas galegas e fará efectivas as poxas dende os smartphones

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 13:20
Exterior da nova lonxa de Ribeira nunha imaxe de Carmela Queijeiro para La Voz

A compañía viguesa SIVSA comezou o ano con forza. Se hai uns días reflectíamos en Código Cero a encarga da que foi obxectivo para equipar con computadores a colexios públicos de todos os recantos da nosa terra, a empresa tecnolóxico-dixital vén de informar dun proxecto análogo de renovación dos sistemas de xestión, información e comercialización das lonxas galegas. O obxectivo: converter as nosas rulas en verdadeiras lonxas 4.0, ao tempo que a nosa terra sitúase como referente internacional na innovación en materia pesqueira. En termos concretos, SIVSA é a adxudicataria do Proxecto Primar da Xunta para desenvolver e implantar un novo sistema de información para a modernización tecnolóxica da xestión e comercialización nas 35 lonxas do litoral galego.
Durante dous anos, SIVSA dixitalizará todo o proceso de comercialización de peixes e mariscos. Segundo informa a empresa máis polo miúdo, os ditos traballos implican a introdución efectiva e integral do compoñente smart na xestión e tratamento da información que xorde da identificación, clasificación e da pesada de capturas. A solución posta en xogo, en consecuencia, optimizará os procesos de poxa, que poderán realizarse directamente desde unha aplicación instalada nos smartphones dos profesionais implicados.
“Con este sistema”, engade a empresa viguesa, “ademais de mellorar a calidade da información xerada en cada unha das fases, garantirase a rastrexabilidade da comercialización e achegaranse novos servizos ao cliente da lonxa, como a posibilidade de consultar en tempo real as compras e gastos realizados, acceder aos albarás xerados ou consultar informacións de carácter público de organismos como a consellería de Pesca ou INTECMAR, o Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño de Galicia”.
SIVSA tamén lembra que entre os elementos máis valorados positivamente na adxudicación do proxecto (que ten un orzamento de 1,2 millóns de euros) atópase a posibilidade de facer que as subastas sexan poxas simultáneas e diferentes con participación de compradores presenciais e non presenciais, o que cambiará de maneira substancial, en palabras da empresa, “os procedementos das lonxas tradicionais”. Isto será posíbel “porque todos os procesos centralizaranse na nube, o que permitiría, por exemplo, que se levase a cabo unha compra desde calquera punto de España a través de dispositivos móbiles”.
Esta adxudicación responde “á especialización adquirida por SIVSA no sector do mar durante o últimos cinco anos, grazas á colaboración e desenvolvemento de numerosos proxectos con diversos axentes sectoriais”, sinalou respecto diso Sonia Lois, directora executiva (CEO) de SIVSA.

Categorías: Ciencia

Expira a patente do MPEG-2

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 13:20

O pasado mes de maio o formato de compresión de audio MP3 promovido por Fraunhofer IIS vía como expiraba a súa patente, de xeito que xa non hai que pagar para fabricar trebellos que reproduzan tal formato nin aplicacións que codifiquen no mesmo, e o pasado martes aconteceu o mesmo co formato de vídeo MPEG-2, aínda máis relevante, xa que é o empregado polas películas en DVD e polas retransmisión de vídeo en resolución estándar a través da TDT.
Esta nova é especialmente relevante para o mundo do software libre, que por fin poderá integrar o formato MPEG-2 de xeito predeterminado, algo que até o momento non podían facer para non infrinxir a patente en vigor, mentres que para fabricantes de hardware resulta a expiración da patente ten un impacto máis reducido, xa que o pagamento pola mesma foi caendo ao longo do tempo e actualmente era case insignificante, pero o feito de librarse de ter que pagar unha licenza sempre é un alivio.

Categorías: Ciencia

O Foro Tecnolóxico de Emprego contará cunha táboa redonda para emprendedores e estudantes

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 12:45

Todo apunta que o Foro Tecnolóxico de Emprego do Campus de Vigo (18º edición) vai ser, este ano, o gran evento referencial a nivel galego e estatal que estaba pedindo ser dende a súa orixe. Un gran evento referencial que ten, ademais, o engadido extra de ser un elemento dinamizador da empregabilidade na nosa xuventude, e as cifras e balances non fan máis que confirmar este potencial. A vindeira cita será entre os 7 e 9 de marzo na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e os seus organizadores xa salientan os bos agoiros en materia de participación de emprendedores, estudantes e empresas innovadoras. Coma sempre, dunha banda estarán estarán estas compañías contratadoras galegas, estatais e internacionais (Repsol, a operadora R e Aluminios Cortizo, entre outras, e estreándose no foro Norvento, EDF Solar ou Televés), e, pola outra, estará o alumnado das tres enxeñerías do campus (Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación) con todo o seu altísimo potencial.
Entre as principais novidades, os organizadores destacan a celebración dunha “táboa redonda”, un coloquio onde emprendedores novos contarán como crearon as súas empresas, de maneira que os futuros enxeñeiros e enxeñeiras “poidan achegarse ás experiencias de antigos estudantes que, coma eles, tiveron que abrirse paso na busca de emprego no ámbito tecnolóxico”.
O equipo responsábel da iniciativa (o alumnado de enxeñaría) tamén sinalou que agarda supera o centenar de persoas: máis de 80 voluntarios e 20 coordinadores encárganse de todo o que atinxe á xestión da páxina web, á planificación das conferencias ou ao contacto coas empresas, entre moitos outros labores. Á fronte deste equipo está Martín Rodríguez, estudante do Grao de Enxeñaría da Enerxía, que explica que o éxito do foro radica en boa medida “no resultado das persoas anteriores que investiron o seu tempo e esforzos en desenvolver esta actividade, deixando o legado aos seguintes coordinadores”.
Ademais de conferencias, demostracións e encontros de traballo, o foro volverá contar coa presenza de postos de diferentes empresas nos que as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de establecer contacto directo cos representantes das 25 compañías que confirmaron xa a súa participación, entre as que se contan a devanditas.
Sobre a “táboa redonda” de emprendemento, os organizadores recoñecen que, a día de hoxe, “todos os estudantes estamos centrados en rematar e entregar o currículo a empresas xa formadas, sen facer nada máis, polo que cremos que é moi importante dar tamén este outro enfoque no foro”.

Categorías: Ciencia

O Surface Book 2 chegará a España o 15 de marzo

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 12:18

Hai un mes Microsoft anunciou que o seu Surface Book 2 ampliaría a súa distribución internacional, de xeito que finalmente teriamos este interesante equipo dispoñible oficialmente en España, e hoxe abren as súas reservas cun mes de antelación, ou sexa, que haberá que agardar ao 15 de marzo para poder facerse cun destes ordenadores convertibles en tabletas.
Agora é posible reservar o Surface Book 2 nos seus modelos de 13,5 e 15 polgadas, chegando os primeiros dentro dun mes, mentres que o de maior tamaño faranse agardar un chisco máis, de xeito que haberá que esperar até o 6 de abril para botarlles a man.
Os Surface Book 2 queren sen grandes ferramentas en mobilidade, equipados con procesadores Intel Core de 8º xeración e gráficas nVIDIA GeForce GTX 1050 e 1060 (de xeito que incluso poderían mover aplicacións da realidade mixta de Windows), presumindo dunha autonomía de até 17 horas. Inclúen Surface Pen con 4.096 niveis de presión para ofrecer unha grande experiencia de tinta dixital (o que fai o produto moi atractivo para creativos).
O atractivo destes equipos non está acompañado cun bo prezo, de xeito que son ordenadores que dificilmente terán unhas boas vendas por culpa do seu elevado prezo, en boa medida porque Microsoft non busca competir cos seus socios, senón simplemente amosar unha senda pola que levar o hardware de equipos baseados en Windows 10. En España o Surface Book 2 máis básico, con pantalla de 13,5 polgadas, procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e 256 GB de SSD ten un prezo de 1.749 euros; na configuración máxima, con pantalla de 15 polgadas, procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM e 1 TB de SSD ten un prezo de 3.799 euros.

Categorías: Ciencia

O Carballo Interplay elixe a praia de Razo para organizar unha experiencia audiovisual extrema

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 12:06

A edición 2018 (a quinta) certame Carballo Interplay de contidos dixitais e webseries segue a dar que falar. Se hai uns días falamos dunha das grandes novidades do programa vindeiro (unha parte do festival directamente encamiñada a xuntar creadoras/es e compradoras/es de contidos audioivisuais), agora a organización (Interplay Producións e o Concello de Carballo) desvela que o certame acubillará un Campamento Kamikaze. Ou sexa, tres días na praia de Razo para participarmos nunha “experiencia audiovisual extrema”.
O campamento desenvolverase os días 2, 3 e 4 de abril e xuntará dúas ducias de persoas para afrontaren o reto de idear, gravar e posproducir unha serie en tres xornadas de traballo intenso. “Trátase”, sinala Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, “de aprender facendo e traballando man a man con profesionais como David Sainz, Teresa Segura, Enrique Lojo, Óscar Cruz, Jorge Boquete, Anxos Fazáns, Silvia Fuentes e Lucía Catoira”.
O Campamento Kamikaze está dirixido a estudantes, profesionais do audiovisual e creadores/as de contidos dixitais para Internet. Serán, engade Sonia, tres días de convivencia e creatividade na contorna da praia de Razo e a serie resultante presentarase na apertura do V Carballo Interplay. As persoas interesadas en participar deben preinscribirse na web do certame, www.carballointerplay.com, cumprimentando un breve formulario no que indicarán a que se dedican e que labor lles gustaría realizar no campamento. O prezo é de 150 euros e inclúe aloxamento e pensión completa para todos os días da actividade no Raz Surf Camp. O equipamento deberá achegalo o propio alumnado.

Remata o prazo para presentar series a concurso

Por outra banda, a organización tamén lembra que este domingo, día 18, remata o prazo para presentar series á sección oficial do CIP e optar aos máis de 5.000 euros en premios que repartirá o Festival. As webseries participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais. Entre as producións recibidas, un xurado composto por profesionais do mundo das webseries, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor contribución, a mellor contribución internacional e a mellor creación en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que se estrea, precisamente, nesta quinta edición do CIP.
Asemade, haberá un premio ao mellor guión outorgado por AGAG e un premio á mellor dirección outorgado por CREA, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.

Categorías: Ciencia

O catálogo dixital da Biblioteca Municipal de Lugo recibiu máis de 13.200 visitas

códigocero - Xov, 02/15/2018 - 10:22

A Biblioteca Municipal de Lugo vén de achegar os datos do balance de actividade do ano pasado. Segundo se reflicte no informe, as cifras poñen de manifesto un incremento de fondos, de usuarios, de préstamos e de visitas ao catálogo dixital. Así, a biblioteca incorporou 352 usuarios, logrando máis de 18.100 préstamos. Deles, un 80% foron libros, concretamente 14.494, e o resto, 3.627, audiovisuais. Na actualidade, as instalacións municipais contan cun fondo bibliográfico de 38.429 exemplares, entre libros de adultos, infantís e xuvenís, documentos audiovisuais, documentos sonoros e documentos electrónicos.
Ao longo do 2017, froito do labor continuo de actualización e fortalecemento do Concello, a biblioteca incorporou 837 exemplares, 442 para adultos e 395 infantís. Ademais, do total de persoas usuarias inscritas no servizo de préstamo, 12.874, 11.400 son adultos e 1.474 nenos e nenas. Polo que se refire ao catálogo dixital da Biblioteca Municipal de Lugo, que permite realizar consultas e reservas de fondos a través de Internet, recibiu máis de 13.200 visitas. Este catálogo, ao que se pode acceder dende biblioteca.lugo.gal e a través da web municipal, permite aos usuarios (estean rexistrados ou non) a visualización dos resultados de cada busca cos datos bibliográficos do documento e ofrece ligazóns sobre os seus autores e materias.
Obras máis solicitadas
Os libros en castelán da sección de adultos máis solicitados no que vai de ano foron Todo esto te daré, de Dolores Redondo; La verdad sobre el caso Harry Quebert, de Jöel Dicker, Patria de Fernando Aramburu, La chica del tren, de Paula Hawkins e El Desorden que dejas, de Carlos Montero. En galego, os exemplares máis prestados foron Ollos de auga, de Domingo Villar, Mercurio, de Emilio Alonso, Un animal chamado néboa, de Ledicia Costas, Memorias dun neno Labrego, de Xosé Neiras Vila e Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello.
Polo que respecta á sección infantil, os libros en castelán máis solicitados polos nenos e nenas foron Diarigo de Greg: ¡Esto es el colmo!, de Jeff Kinney, Una aventura en el Caribe, de Tea Stilton, El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares, El juego infinito e Buscando plan, de Ransom Riggs, James Dashner e Jeff Kinney, respectivamente. No que se refire ás obras en galego, os máis pequenos da casa decántanse por Escarlinata a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Os Bolechas van a un festival de Pepe Carreiro, Europa express, de Andrea Maceiras, Xenaro e o misterio da mochila verde, de Mar Guerra e O escarabello de ouro e outros contos, de Edgar Allan Poe.


Categorías: Ciencia

Curan el cáncer de colon avanzado en ratones con inmunoterapia

Investigación y Ciencia - Xov, 02/15/2018 - 00:00
Los animales se recuperaron en cuestión de días tras un tratamiento de inmunoterapia combinado con un neutralizador de la hormona TGF-beta.
Categorías: Ciencia

Nanopartículas para manipular neuronas mediante luz

Investigación y Ciencia - Xov, 02/15/2018 - 00:00
El uso de pequeñas moléculas capaces de absorber radiación infrarroja y emitir en el espectro visible permitiría estimular zonas cerebrales profundas, inalcanzables hasta la fecha.
Categorías: Ciencia

Páxinas

Subscribirse a IGACIENCIA lector de novas