Agregador de novas

Vitae mostra as chaves para unha óptima selección de profesionais TI

códigocero - Mar, 09/12/2017 - 12:50

Vitae Consultores quere que as nosas empresas e profesionais se acheguen o máximo posíbel ás correntes da avaliación de profesionais máis innovadoras, correntes que pasan (si ou si) polo autocoñecemento e o autorecoñecemento como primeiro elo da cadea de selección. Nesta liña insírese a oitava edición do Curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseadas na Neurociencia (PDF), que Vitae organiza os vindeiros días (23, 24, 30 e 31 de outubro, en horario de 16.00 a 21.00 horas) no Hotel Attica 21 Coruña. A actividade, que terá unha duración de 20 horas, está especialmente dirixida a directores de proxectos e profesionais de recursos humanos. Proporcionaralles 18 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional, polas súas siglas en inglés Professional Development Unit) a validar polo PMI (Project Management Institute).
O curso, segundo explica Vitae Consultores, pretende contrarrestar unha das principais eivas dos modelos de análise profesional máis estendidos, que non adoitan capacitar aos axentes de avaliación coas ferramentas psicolóxicas básicas para estimar que tipo de talentos ten un profesional. “Isto”, sinala a consultora galega, “implica que toda metodoloxía falle, pois fallou previamente o alicerce da mesma, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para esta tarefa”. En base a este punto, explica Vitae, o primeiro paso para calibrar a outro profesional será aprender a calibrarnos a nós mesmos. “Coñecéndonos deste xeito acadaremos meirande obxectividade na avaliación doutras persoas”, sinalan dende a consultora, engadindo que neste curso subministraranse as ferramentas e recursos máis indicados para lograr o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais, sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño do que se bote finalmente man.
Para Vitae, é unha realidade incontestábel que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI) demanda cada vez máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral, o que xera tensións nas empresas en canto a dar cumprido cos compromisos profesionais en calidade e prazo cos clientes de seu e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
O curso que presenta Vitae céntrase “na eficacia, en que facer, máis que na eficiencia, en como facer, para seleccionar candidatas/os e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de traballadores, aínda que ambas as facetas, a eficacia e a eficiencia, son necesarias para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
En definitiva, neste curso proporcionarase un método e unhas ferramentas coas “que se conseguiu unha porcentaxe de éxito de máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”, informan os organizadores do obradoiro.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos.

Categorías: Ciencia

O Laboratorio de Innovación Audiovisual da Coruña presentará mañá a súa programación

códigocero - Mar, 09/12/2017 - 12:21

O pasado mes de xuño dende a concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña anunciaron a creación dun laboratorio de innovación audiovisual (LAIC) dentro do programa Coruña Dixital, para o que organizaron un encontro informal a xeito de toma de contacto cos interesados nesta iniciativa, que mañá mesmo vai ter unha segunda edición para poder así concretarse na presentación da súa programación.
Este segundo encontro aberto coas comunidades #LAIC vai ter lugar mañá ás 19:00 horas no espazo de coworking Accede Papagaio, contando o evento coa presenza do concelleiro José Manuel Sande e do equipo de Coruña Dixital, para así presentar a programación para os vindeiros meses, dialogar cos asistentes sobre as liñas de traballo do laboratorio e as distintas iniciativas que se están a levar a cabo na cidade herculina relacionadas coa cultura audiovisual e dixital. Simultaneamente tamén abrirase a preinscrición nas distintas actividades que impulsa o LAIC (todas de balde).

Categorías: Ciencia

O Museo do Pobo Galego convida ao CPEIG aos seus foros de reflexión

códigocero - Mar, 09/12/2017 - 12:09

O Museo do Pobo Galego (MPG) está a organizar este ano un ciclo de foros para albiscarmos en clave colectiva o futuro da galeguidade. O ciclo O noso Pobo. De hoxe noutros corenta anos, actividade inserida na celebración das catro décadas de vida do MPG, pretende reflexionar sobre o tempo que vimos de deixar atrás (a que se cadra é a transformación económica, demográfica e social máis acelerada da historia de Galicia) para mostrar os vieiros que transitaremos no tempo vindeiro. Faise ademais dende diferentes ópticas, un total de catro sesións de debate e análise participativa: o xermolo do noso futuro chantado polo Estatuto dos Dezaseis (9 de maio), as perspectivas demográficas do noso pobo (29 de xuño), a nova economía do coñecemento e a ciencia (xoves 14 de setembro) e o futuro da sociedade do benestar nunha Galicia avellentada (26 de outubro).
Segundo informa o Museo, cada foro inclúe varios relatorios breves sobre as cuestións máis relevantes do tema proposto e un debate coa participación do público. A vindeira sesión (Unha nova economía para a Galicia do porvir na industria e nos servizos) celébrase esta mesma semana, o día 14. Contará coa presenza de Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Carme Pampín presidenta do Cúster das Ciencias da Vida (BIOGA), e Cesáreo González, secretario do Clúster do Turismo e presidente de FEGATUR. A sesión, que comeza ás 19.00 horas, estará moderada por Enrique Sáez Ponte, do Padroado do Museo do Pobo de Galicia.
Os porqués do ciclo
O ciclo quere fornecer de claves de futuro conmemorando e avaliando as transformacións que o noso pobo vén de deixar atrás (o porvir explicado en base ao presente e o pretérito), remontándose o espectro temático até 1977 (cando comezou a andaina do MPG coa arela de contribuír a un novo rexurdimento da nosa cultura e do noso pobo, “en tanto que suxeito senlleiro dunha historia de seu”). A través das xeiras previstas, o propósito do Padroado é “convidar á sociedade galega a albiscar como ha ser Galicia no futuro inmediato desde a reflexión sobre os cambios habidos nas últimas catro décadas”.
No plano que nos ocupa en Código Cero, o tecnolóxico-dixital baixo unha óptica galega, o fío temático TIC virá da man do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, esta mesma semana. A entrada é libre, polo que as persoas colexiadas están convidadas a asistir e participar coas súas preguntas.

Categorías: Ciencia

SmartPEME porá en xogo unha carteira de servizos para o sector turístico

códigocero - Mar, 09/12/2017 - 11:39

A Deputación de Pontevedra vén de achegar máis novidades sobre o seu programa de formación e asesoramento tecnolóxico-dixital SmartPEME, logo de dar a coñecer hai uns días un importante medre (dun 50%) no número de asesoramentos ás empresas, aos profesionais e aos autónomos da provincia. Do que se trata agora é de ampliar esforzos cara ao turismo. Máis en detalle, a entidade provincial engadirá a SmartPEME unha carteira de servizos para o sector turístico e novas temáticas de obradoiros acaídas para as necesidades dos participantes. Estes datos foron subministrados pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e polo deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, durante unha xuntanza cos responsábeis de SmartPEME e cos axentes TIC presentes en cada unha das seis oficinas coas que conta este programa.
Amais das devanditas novidades (incremento nos asesoramentos, ampliación temática dos obradoiros adaptados ás características das persoas usuarias), Silva sinalou que a través do programa asesorarase ás persoas que integran o espazo de coworking do polígono de Barro-Meis, traballarase para a captación de novos colectivos (máis en detalle os comercios minoristas e o sector cooperativista) e elaborarase un plan de difusión para aumentar a presenza de SmartPEME no tecido empresarial. Para acadar isto último está programado enviar boletíns informativos periódicos, actualizar a páxina web do programa, subministrar correos electrónicos recordatorios coa programación dos obradoiros e incrementar a colaboración cos concellos para implantar espazos publicitarios que permitan incrementar o coñecemento da cidadanía deste proxecto.
Ademais, a Deputación de Pontevedra presentará o que Silva e Dios denominaron “un dos seus proxectos máis ambiciosos”, a devandita carteira de servizos para o sector turístico. A través desta, sinalaron, “empregarase a base de datos da Smart Destination para identificar as necesidades do sector”, ademais de contar con actividades formativas “de alto impacto”, cun servizo de información e asesoramento personalizados e un calendario de accións de promoción específicas. Carmela Silva asegurou que “esta carteira de servizos terá un lugar destacado dentro do plan estratéxico que está a elaborar a Deputación de Pontevedra para o turismo da provincia”.
A presidenta provincial lembrou que nos últimos meses xa se incorporaron outras novidades como o asesoramento telemático, unha medida “fundamental para quen cremos na igualdade de oportunidades, xa que as persoas con diversidade funcional non teñen outra forma de acceder a este servizo”. A titular do Goberno provincial tamén recordou a incorporación dun kit de emprendedoras e emprendedores con “ferramentas doadas e rápidas para cada unha das fases de cadanseus proxectos” de mercado, un recurso que, recalcou, xa está dispoñíbel na páxina web de SmartPEME.
Tamén fixo fincapé no servizo SmartPEME Informa, que atende a temas de actualidade “cando algo alerta á sociedade, informando con rigor e aclarando dúbidas”, e SmartPEME Conecta, que pon en contacto ás persoas demandantes coas empresas que teñen ese tipo de produtos, “nos casos nos que o propio persoal do programa non pode dar resposta a esas necesidades.
Resultados excelentes”
Carmela Silva tamén informou que SmartPEME obtivo “uns excelentes resultados” debido a que “é unha moi boa idea que é necesario que se potencie aínda máis, para chegar ao conxunto da cidadanía". Este programa, lembrou, consiste en "levar ás persoas emprendedoras e autónomas e ás pequenas e medianas empresas da provincia as novas tecnoloxías para mellorar a súa competitividade, rachar coa brecha dixital que existe en moitos sectores como o do pequeno comercio ou o sector agrogandeiro, mellorar a eficacia e eficiencia da nosa rede empresarial e xerar maiores beneficios, maior emprego e, ademais, que ese emprego sexa de maior calidade”.
Silva recordou que este ano aumentouse “en preto dun 50% tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra”. Deste xeito, “preto de 3.300 persoas adquiriron novos coñecementos entre xullo de 2016 e xullo de 2017, un 45,5% máis que no período anterior”. Ademais, entre xaneiro e agosto de 2017 atendéronse un 26% máis de consultas, con preto de 1.000, organizáronse 210 obradoiros (un 6% máis) cunha asistencia de preto de 1.700 persoas (un 32% máis) e xeráronse 603 altas (un 3% máis).
Sobre SmartPEME
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a institución que preside Carmela Silva, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Categorías: Ciencia

Telefónica ultima a disolución de Tuenti Technologies

códigocero - Mar, 09/12/2017 - 11:00

A que no seu día fora a plataforma de redes sociais líder entre a mocidade española, Tuenti, non parou de perder pulo tras a súa adquisición por parte de Telefónica, mentres en paralelo transformábase nun Operador Móbil Virtual (OMV), e o ano pasado xa deixou claro o adeus ás súas orixes ao incorporar na súa aplicación móbil a posibilidade de descargar de xeito áxil as fotografías que se tiveran subido á súa plataforma social, para poder dicir adeus a toda esa etapa que agora pecha unha porta máis, xa que Telefónica Móviles España absorberá Tuenti Technologies coa conseguinte disolución sen liquidación da sociedade absorbida.
Telefónica pagara preto de 70 millóns de euros por Tuenti en 2010, e aínda que inicialmente explotou esta plataforma como soporte publicitario, decidiu aproveitar a marca para lanzar o seu operador móbil de baixo custo, liña que manterán no futuro, pero sen contar cunha sociedade independente para tal fin. De feito, actualmente Tuenti non só estaba a funcionar como OMV, senón que tamén daba nome a tarifas comercializadas directamente por Movistar.

Categorías: Ciencia

Global fingerprints of sea-level rise revealed by satellites

Nature - Mar, 09/12/2017 - 01:10

Geological processes send more meltwater from glaciers and ice sheets to Earth's mid-latitudes.

Nature News doi: 10.1038/nature.2017.22588

Categorías: Ciencia

Los grandes buques, fábrica de rayos

Investigación y Ciencia - Mar, 09/12/2017 - 00:00
Es bien sabido que los barcos contaminan. Un análisis de algunas rutas marítimas muy concurridas muestra ahora sus posibles efectos meteorológicos.
Categorías: Ciencia

Novo número da nosa edición impresa

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 23:30

Como todos os meses, chega outro número de Código Cero na súa edición impresa, que se pode achegar de balde nunha completa rede de puntos de distribución, podéndose descargar tamén en formato PDF ou ler en dispositivos móbiles a través da aplicación de quiosco dixital Magzter.
Nesta nova entrega salientamos a innovación dende a nosa terra. Tamén abordamos os seguintes temas:
- A Deputación de Lugo optimizou con 300.000 euros as ferramentas TIC dos concellos
- Investigadoras do CITIC fálannos das súas experiencias en universidades estranxeiras
- O CESGA achega os seus recursos de Machine Learning a empresas e institucións
- O CiTIUS trouxo a Santiago aos máis referenciais investigadores en intelixencia artificial
- TADEGa celebra o seu décimo aniversario con novas accións de divulgación
- Os nosos seareiros da ciencia e a tecnoloxía acurtan distancias coas novas xeracións
- A Fundación Vodafone e AMTEGA poñen en marcha a II edición de Connecting for Good
- A Deputación Coruña recreará en 3D as escalinatas de Mariñán
- O CPEIG organiza este novembro en Santiago o Curso de Peritaxe Informática
- A Pont-up Store acollerá múltiples exemplos de innovación empresarial galega

Categorías: Ciencia

Meteogalicia achega unha ferramenta para producir contido audiovisual a medida

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 23:22

A Consellería de Medio Ambiente anunciou hoxe unha serie de novidades na web de Meteogalicia, meteogalicia.gal. Trátase da creación dunha ferramenta para a produción de contido audiovisual a medida. En termos máis concretos, estamos ante un recurso que nos permite seleccionar as imaxes proporcionadas polas 19 cámaras do servizo de observación e previsión meteorolóxica distribuídas pola xeografía galega e obter información visual sobre as condicións climatolóxicas e o aspecto que presenta un lugar nun momento determinado.
Segundo informa Medio Ambiente, esta optimización fixo posíbel a posta en funcionamento dunha nova ferramenta con dúas modalidades, por unha banda, “un panel de cámaras personalizado para usuarios en xeral”, e, por outra banda, “un sistema de visualización máis sofisticado para persoal experto”. No caso da primeira opción, as persoas que o desexen poden seleccionar o contido dunha ou varias cámaras e, a través dun único enderezo web, acceder á información que se mostrará ciclicamente e durante un breve período de tempo.
Pola contra, os usuarios expertos contarán cun sistema de visualización máis sofisticado que poderán envorcar nos seus sitios e aplicacións web co “fin de ofrecer contidos de información meteorolóxica máis atractivos”, informou Medio Ambiente, engadindo que para este caso, tirarase proveito dunha tecnoloxía denominada “JSON”, que, poderá seleccionar o tipo de imaxes que máis se adapten ao seu proxecto.

Categorías: Ciencia

Sky ofrece 12 canles de televisión por 10 euros/mes

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 20:00

A oferta audiovisual desligada a operadores de telecomunicacións continúa a medrar en España, e chega agora Sky, compañía que por 10 euros/mes achega 12 das canles de pagamento máis vistas da televisión (Fox, TNT, Historia, SyFy, Disney Junior, Nickelodeon, Fox Life, TCM, Comedy Central, Calle 13, Disney XD e National Geographic) que poden verse en directo ou á carta até en 3 dispositivos ao mesmo tempo a través da web, de aplicacións móbiles (Android ou iOS) ou da Sky TV Box, dispositivo que ofertan a só 25 euros e que achega os contidos de Sky ao televisor (así como de aplicacións como YouTube).
O servizo precisa para funcionar que contemos cunha conexión de acceso á Rede cunha velocidade mínima de 2,5 Mbps, e aínda que as retransmisións en directo non teñen moito misterio, no caso da oferta á carta temos unha combinación de series e películas que poden verse baixo demanda como dos contidos das distintas canles ofrecidos mediante catch-up, ou sexa, mediante gravacións por tempo limitado (normalmente os últimos 30 días).
Temos así unha oferta que por unha banda pode lembrarnos a NetFlix ou a HBO (polos contidos baixo demanda) e, por outra, que competiría directamente con BeIN Connect, que ten un paquete de Entretemento por 7,99 euros/mes que inclúe as canles Fox, AXN, TNT, TCM, Fox Life, Nickelodeon, National Geographic, Comedy Central e Historia).

Categorías: Ciencia

A Fundación TIC duplica as prazas nos cursos de InLugo para maiores

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 17:00

A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, enfía o derradeiro treito formativo do ano e faino achegando a cidadanía á parte máis decididamente creativa, social e dinamizadora das novas tecnoloxías da información. Segundo fixeron saber os responsábeis da fundación, ao longo do cuarto trimestre de 2017 impartiranse 64 cursos e obradoiros de balde. Que significa isto en relación ao fornecido na anterior tempada? Pois a cifra nada desprezábel de 21 actividades máis.
Estas accións, que se van desenvolver a través de InLugo, foron dadas a coñecer hoxe polo presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos. Segundo explicou, trátase obradoiros e cursos sobre novas tecnoloxías destinadas aos lucenses de máis de 55 anos, sumando un total de 877 prazas, “o dobre que no trimestre anterior”. Arrancara este mércores, 13 de setembro.
Darío Campos, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dixo que “neste trimestre imos reforzar o labor social que está a desenvolver a TIC cun sensíbel incremento no número de cursos e prazas”. A intención, engadiu, é atender a alta demanda formativa da que é o obxecto a Fundación TIC. Ademais, quérese ampliar na medida do posíbel o radio de acción das vantaxes sociais, comunicativas e informativas que teñen as novas tecnoloxías.
Os cursos, engadiu Campos, serán de diversa duración. Deles, 37 serán de dous ou tres días, mentres que os outros 27 terán unha duración dun día. Estes últimos, que se impartirán os luns pola mañá e pola tarde e os venres pola mañá, estarán especialmente adicados ao reforzamento de coñecementos.
Con respecto ás materias, Campos anunciou que aumentarase o número daqueles cursos con máis demanda, os do uso do móbil e de Internet. De feito, pasarase de dúas a tres edicións, tanto do primeiro nivel como do segundo.
O presidente da Deputación tamén salientou a importancia dos obradoiros destinados á mellora da memoria e das habilidades cognitivas e psicomotrices, como os de Xbox ou Wii, “que fomentan este tipo de exercicios mentais”. A demanda e o interese arredor destas actividades motivou que este trimestre haxa oito obradoiros de memoria. Ademais, dentro da programación os maiores da provincia poderán elixir entre talleres de redes sociais, correo electrónico ou uso de Whatsapp, entre outros.
O prazo para apuntarse ábrese este luns 11 de setembro. Os interesados xa poden inscribirse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186.

Categorías: Ciencia

A UDC fortalece cunha nova app a súa comunicación co mundo

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 17:00

A Universidade da Coruña presentou hoxe unha aplicación móbil para incrementar e mellorar o seu labor comunicativo. A nova app da UDC, dispoñíbel para a súa descarga nos dispositivos Apple e Android, foi dada a coñecer polo reitor Julio Abalde en rolda de prensa. O obxectivo, segundo fixo saber Abalde, é abrir novas vías de contacto entre a Universidade e súa comunidade así como co resto da sociedade. Trátase, pois, dunha xanela aberta a todas as contornas ás que se abren os campus coruñeses, a académica, a social, a institucional e mesmo a empresarial. Deuse a coñecer baixo o nome xenérico de UDC móbil.
O reitor salientou na presentación o traballo despregado polo Servizo de Informática e Comunicacións da UDC. Nun plano máis concreto, enxalzou o labor da área de Innovación, que, xunto co seu principal responsábel, o adxunto para Tecnoloxías da Información, Carlos Escudero, desenvolveu e puxo en marcha esta nova aplicación.
Precisamente foi o propio Escudero quen debullo as características e funcionalidades da ferramenta. Entre outras cousas, sinalou que UDC móbil xorde cunha primeira versión con varias funcións xa definidas “pero que se irán aumentando e actualizando de forma moi dinámica”. Ademais de portal de titulacións e de investigación, explicou, a app conta (entre outras cousas) cun servizo de localización de centros e servizos con acceso directo aos mesmos, fornecendo a maiores de notificacións de notas, avisos e un agregador de novas. Estas funcionalidades serán obxecto de ampliacións en datas vindeiras, sobre todo coa posta en marcha da nova web da UDC.

Categorías: Ciencia

O polo tecnolóxico das Rozas xa sumou 11 millóns de euros en licitacións

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 13:41

O Goberno galego achegou este 11 de setembro unha serie de novidades sobre as actuacións que se están a levar a cabo nas Rozas (Lugo) para crear alí un polo de innovación e emprendemento arredor dos vehículos aéreos non tripulados (UAV) e as tecnoloxías de control e xestión que os acompañan. As cifras e datos foron dados a coñecer polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, e pola conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato. Segundo explicaron, as licitacións abertas na fase de solucións do polo de Rozas suman xa preto de 11 millóns de euros. Nas súas palabras, o obxectivo é as tecnoloxías que abrollen deste novo centro de innovación melloren a prestación de servizos públicos.
Na cita celebrada en Santiago presentáronse cinco novas licitacións, que abrollan da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e ás que se destinan 7,2 millóns de euros. Segundo se fixo saber, estes contratos permitirán “realizar unha mellor xestión do Catastro en Galicia; identificar usos do solo; mellorar a xestión de diferentes infraestruturas; optimizar a xestión da auga e das mareas vermellas nas zonas de marisqueo; ou incrementar a seguridade da frota pesqueira”. A previsión é que no mes de outubro se sumen a estas licitacións dúas máis centradas na xestión e control forestal e a seguridade aérea, cun investimento de 6,7 millóns de euros. “Así”, sinalouse, “no primeiro semestre de 2020 estarían entregadas e aprobadas as solucións seleccionadas neste primeiro paquete de licitacións”.
Na sesión de hoxe, Conde e Mato tamén lembrar que ás devanditas cinco licitacións cómpre engadir as tres xa publicadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ligadas ao eido agrario e centradas no control automatizado e intelixente da actividade rural asociada ás axudas da política agraria común (PAC); nunha plataforma para procesar a información das parcelas agrarias galegas; e nun sistema de xestión de información xeorreferenciada para o control da actividade agraria en Galicia.
Todo isto súmase un total de 11 millóns de euros en licitacións xa publicadas, o que, tal e como salientou Conde, “demostra o nivel de implicación das Administracións no campo dos avións non tripulados para uso civil”. Conde tamén recordou que no seu conxunto, o polo tecnolóxico e industrial de Rozas está a mobilizar no seu conxunto 150 millóns de euros.

Categorías: Ciencia

A UIMP introdúcenos nas novas correntes de hacking ético na Coruña

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 13:03

Os vindeiros días a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) vai organizar na Coruña unha importante xuntanza arredor das diferentes metodoloxías que podemos adoptar para loitar contra as ameazas e riscos en liña con medidas efectivas de prevención e poñéndonos, de xeito complementario, da pel dos atacantes (para facer o ben). O encontro Hacking ético para novos escenarios da ciberseguridade desenvolverase os días 6 e 7 de novembro na sede da UIMP na cidade da Coruña. Neste evento, expertos do sector impartirán coñecementos a través de diversos relatorio e mesas redondas.
O fío temático condutor será como o hacking ético inflúe na ciberseguridade actual e vindeira e fornece de solucións para acadar novas tecnoloxías máis seguras e confiábeis.
Para quen a estas alturas aínda non saiba en que consiste o hacking ético, dicirlle que é un xeito preventivo de traballar en seguridade tecnolóxica. Ou sexa, que se trata de empregar os nosos coñecementos informáticos para facer probas en redes atopar eivas que logo documentaremos e tentaremos emendar.
Segundo nos conta o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), que participa no evento, o programa inclúe diferentes achegamentos colectivos (mesas redondas) ao futuro da ciberseguridade a través da IA (Intelixencia Artificial) e o Machine Learning, á empregabilidade no sector e a cuestións como a criptografía, a liberdade, a privacidade e o que se coñece como blockchain (tecnoloxías de codificación da información que sustenta a moeda virtual).
Amais do devandito, o programa abrangue media ducia de exposicións levadas a cabo por expertos en protección do coñecemento e das canles polas que circula ese coñecemento, tocando temas como as principais ameazas en Internet ás que nos enfrontamos, o día a día dun profesional da ciberseguridade ou os elementos diferenciadores e esenciais da ciberseguridade.
Entre o os especialistas TIC que participan nesta xeira de divulgación e debate figuran Pilar Vila (membro da xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), empresaria e perita informática), Francisco José Ramírez, investigador en Seguridade de Telefónica Dixital España, ou Rafael Sánchez Gómez, arquitecto en Seguridade de BBVA.

Categorías: Ciencia

A AEPD impón unha sanción de 1,2 millóns de euros a Facebook

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 12:16

A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) ditou unha resolución no procedemento iniciado contra Facebook para analizar se os tratamentos de datos que realiza a plataforma social axustábanse á normativa de protección de datos, no que detectaron 2 infraccións graves e unha moi grave da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) polo que impoñen a Facebook unha sanción total de 1,2 millóns de euros (300.000 euros polas dúas primeiras e 600.000 euros pola última), que sería a meirande sanción imposta nunca pola AEPD.
A Axencia constatou que Facebook recolle datos de ideoloxía, sexo, crenzas, gustos e navegación sen informar claramente do seu uso e finalidade. Precisamente entre estes usos sería o publicitario, para o que Facebook non obtén consentimento expreso como esixe a Lei, polo que estarían a cometer unha infracción moi grave.
A AEPD tamén confirmou que os usuarios non reciben información do que se fai cos datos obtidos a través de cookies, que nalgúns casos son para publicidade, pero noutros o seu uso está declarado como segredo pola compañía. Amais, Facebook tamén recolle datos de páxinas de terceiros que conteñen o botón de gústame de Facebook, polo que obteñen información de internautas que non son usuarios de Facebook.
Facebook tampouco contaría cunha política de privacidade clara, pois a súa redacción contén expresións xenéricas e pouco claras (estando tamén bastante agochada tal información) e fai unha referencia pouco precisa sobre o uso de datos que vai facer. Enténdese así que Facebook comete unha infracción grave ao non obter o consentimento dos usuarios da Facebook (e os que non o son) para o tratamento dos seus datos.
A outra infracción grave correspondería ao feito de que Facebook non elimina a información recollida sobre os hábitos de navegación dos usuarios, nin sequera tras a solicitude do usuario.

Categorías: Ciencia

As carcasas solares de Star-T Case, premiadas polo Concello de Vilagarcía

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 12:03

Os días pasados o Concello de Vilagarcía fixo entrega dos seus Premios de Emprendemento (Emprende VGA 2017), unha iniciativa dirixida a alentar o espírito creativo e innovador en relación coa nova actividade empresarial. O palmarés tivo un claro alicerce TIC. De feito, o galardón Mellor Iniciativa Empresarial foi dar ao proxecto local Star-T Case, unha iniciativa de desenvolvemento de novas tecnoloxías baseada no deseño e comercialización de carcasas solares de teléfono móbil que actúan como cargador das baterías. Star-T Case é unha nova proposta empresarial posta en marcha por Diego Riveiro. Na súa web específica, star-tcase.com, podemos ver todo o relativo a estes enxeños e os diferentes modelos dispoñíbeis e mesmo tirarlle proveito á tenda en liña.
Polo que respecta ao resto das novas firmas distinguidas, o premio á Actividade Comercial máis Innovadora foi para Galo Galego, posta en marcha por dolores Ramos e consistindo na creación dunha granxa artesá e un horto ecolóxico para producir e comercializar os produtos e tamén para a realización de actividades didácticas.
Por último, North West é un proxecto de turismo formativo que se centra en traer á Vilagarcía e a súa zona a estudantes e xente nova de Irlanda e Gran Bretaña co obxectivo complementario de aprender español á vez que coñecen a ría e a cultura marítima arousá e practican actividades náuticas.
Os premios convocados polo Concello de Vilagarcía están dotados cunha bolsa económica de 3.000 euros para cada proxecto, co obxecto de contribuír aos gastos iniciais para a súa posta en marcha, así como de tres meses de formación específica para cada un deles (a impartir no Coworking DallequeDalle por mentores especializados nas respectivas materias que abordan os proxectos). A formación e asesoramento comezará o 15 de setembro. A demais, o Concello promoverá e divulgará as iniciativas gañadoras desta primeira edición dos premios promovidos pola Concellería de Promoción Económica e Emprego que dirixe Juan Antonio Pérez Callón.

Categorías: Ciencia

Representantes da Universidade Área Andina de Colombia visitan a sede do CITIC

códigocero - Lun, 09/11/2017 - 09:47

O pasado 8 de setembro, unha delegación da Universidade Área Andina de Colombia visitou as instalacións do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. Na visita participaron a reitora reitora da sede de Valledupar da dita institución académica colombiana, Gelca Gutiérrez, e ao director de Relacións Internacionais, Fernando Téllez, quen tiveron ocasión de coñecer os moitos e variados ámbitos de investigación nos que traballa o CITIC (arquitectura de computadores, tecnoloxía electrónica e comunicacións, bases de datos, intelixencia artificial, modelado e inferencia estatística, sistemas adaptativos, intelixencia matemática, visión artificial, etc).
Gutiérrez e Téllez foron recibidos polo coordinador do CITIC, Manuel F. González Penedo. A estadía na Coruña dos representantes da Universidade Área Andina tivo como obxectivo perfilar os aspectos dunha colaboración entre as dúas institucións para a realización de intercambios de docentes e estudantes.
Segundo fixo saber a UDC, a dita colaboración comezará a concretarse este mesmo curso. Así, alén dos alumnos que poidan vir en canto se formalicen os detalles da alianza, para este ano académico está previsto que, a raíz doutros contactos realizados pola UDC en Colombia, cinco alumnos dese país realicen nos Campus da Coruña e Ferrol os seus estudos de grao.
Durante a visita, os representantes da Universidade Área Andina manifestaron o seu interese nos títulos de Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais e o Mestrado en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético e nas liñas de traballo despregadas pola UDC en materia de responsabilidade social universitaria (por exemplo a través da Cátedra UDC-Inditex de Responsabilidade Social).

Categorías: Ciencia

¿Ha cambiado la densidad de energía oscura a lo largo del tiempo?

Investigación y Ciencia - Lun, 09/11/2017 - 00:00
Un estudio argumenta que una energía oscura variable podría explicar las persistentes discrepancias que aparecen en los datos cosmológicos.
Categorías: Ciencia

Un púlsar a 707 revoluciones por segundo

Investigación y Ciencia - Dom, 09/10/2017 - 00:00
Al devorar a su ya diezmada vecina, una estrella de neutrones adquiere una enorme velocidad de rotación, la mayor conocida en la galaxia fuera de los cúmulos globulares de estrellas.
Categorías: Ciencia

Deadly Mexico earthquake had unusual cause

Nature - Sáb, 09/09/2017 - 04:51

US Geological Survey says tremor originated within Cocos Plate, not subduction zone.

Nature News doi: 10.1038/nature.2017.22586

Categorías: Ciencia

Páxinas

Subscribirse a IGACIENCIA lector de novas