Ciencia

A Deputación de Ourense, líder en Twitter

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 22:38

A Deputación de Ourense comezou o ano disposta a incrementar e ampliar o seu nivel de transparencia (coa incorporación de Fernando Suárez) e, tamén, a súa presenza nas redes sociais. Hoxe mesmo, a entidade provincial lembrou que a institución ourensá e o seu presidente, Manuel Baltar, arrincaron 2018 “liderando a comunicación na rede social Twitter” a nivel estatal. De feito, ocupa o primeiro posto logo de Valladolid, Xaén e Barcelona, nunha listaxe na que figuran 45 gobernos provinciais e en relación á suma total dos apartados de publicacións, porcentaxe de chíos propios, compromiso e relación cos usuarios desta rede social (engagement).
A Deputación sinala tamén que Manuel Baltar lidera a comunicación en Twitter (número de chíos e engagement, impacto social e impacto medio por chío) por diante dos seus homólogos das deputacións de Málaga, Alacante, Castelló e Guipúzcoa, nunha listaxe de 32 presidentes provinciais. Segundo informa a Deputación, esta circunstancia dáse sobre todo “polas iniciativas de promoción da innovación, transparencia, interactividade cos cidadáns e goberno aberto”.
Manuel Baltar afirma que este liderado é consecuencia das políticas de “máxima interacción cidadá e cos gobernos locais da provincia” por parte da Deputación de Ourense, e de manter "un constante compromiso por compartir toda a información que a lei permite, a través das canles máis eficaces, con iniciativas innovadoras de goberno aberto", reafirmándose na necesidade “de seguir aspirando ao máximo da transparencia, para render contas permanentemente diante dos veciños da provincia”.

Categorías: Ciencia

Un fallo permite saltar a seguridade dos lectores de pegadas dalgúns equipos de Lenovo

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 19:58

Lenovo vén de recoñecer un fallo de seguridade no xestor de pegadas dixitais, que afecta a un bo número de equipos das familias ThinkPad, ThinkStation e ThinkCentre, que facilitaba o acceso aos equipos saltando o lector de pegadas dixitais e incluso descrifrando as credenciais actuais de Windows.
A aplicación vulnerable está dispoñible para Windows 7, 8 e 8.1, e permite tanto identificarse tanto para entrar no sistema como en distintas páxinas web mediante a pegada dixital nos equipos ThinkPad L560, ThinkPad P40 Yoga e P50s, ThinkPad T440, T440p, T440s, T450, T450s, T460, T540p, T550 e T560, ThinkPad W540, W541 e W550s, ThinkPad X1 Carbon (20A7 e 20A8) e X1 Carbon (20BS e 20BT), ThinkPad X240, X240s, X250 e X260, ThinkPad Yoga 14 (20FY) e Yoga 460, ThinkCentre M73, M73z, M78, M79, M83, M93, M93p e M93z e ThinkStation E32, P300, P500, P700 e P900.
Cómpre así que os usuarios con equipos afectados actualicen á última versión a aplicación Fingerprint Manager Pro para que manter a súa seguridade, aínda que por tranquilidade para moitos a vulnerabilidade só pode aproveitarse fisicamente.

Categorías: Ciencia

Bahía Software logra a xestión da imaxe médica dixital dun dos maiores hospitais de Chile

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 19:30

A compañía galega Bahía Software, con sede en Santiago, vén de resultar elixida para o servizo de soporte e mantemento integral do sistema de imaxe médica dixital e interoperabilidade de aplicacións do Novo Hospital de Antofagasta, un dos complexos médicos máis grandes e importantes de Chile. Con este novo contrato, a empresa galega TIC consolida definitivamente a súa presenza en Latinoamérica e envorca alén do Atlántico a súa experiencia en solucións innovadoras en imaxe médica dixital (unha experiencia materializada a través da súa colaboración cos servizos públicos de saúde de tres Comunidades Autónomas e da xestión de seis millóns de estudos anuais de probas diagnósticas baseadas na imaxe).
Segundo informan fontes de Bahía, o proxecto en Chile supón “o cumprimento dun dos principais fitos do plan de expansión da empresa galega en Latinoamérica”, un plan que fixa unha facturación de ao redor de 950.000 euros para os vindeiros 15 anos.
Nun plano máis detallado, o novo proxecto implica que a compañía galega xestione a imaxe médica do novo Hospital de Antofagasta, que cun investimento de 300 millóns de dólares e unha superficie total de 130.000 m2, convértese nunha das maiores infraestruturas hospitalarias do país. Para facernos unha idea da súa importancia, deste complexo médico beneficiaranse unhas 500.000 persoas. O hospital será ademais o centro de referencia para a macrozona norte de Chile e conta con 671 camas, 16 quirófanos, 6 paritorios e 79 salas para consultas externas.
Como dixemos, a experiencia de Bahía neste ámbito é longa no tempo. A día de hoxe, de feito, máis dun centenar de centros hospitalarios públicos e privados españois contan con algún dos seus servizos desenvolvidos especificamente para o sector sanitario, como a xestión da interoperabilidade de aplicacións sanitarias. Estas solucións tecnolóxicas están xa funcionando en grandes corporacións como o Grupo Quirónsalud, que segundo lembra a empresa galega é o grupo sanitario máis grande de Europa. Bahía, ademais, tamén achega xestión de imaxe médica en centros de Galicia, Aragón, Cantabria e en diversas institucións españolas de ámbito privado. Máis de 7.500 usuarios, dos cales 600 son radiólogos, benefícianse dos sistemas de imaxe médica dixital xestionados pola compañía.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo xunta na Rede demandantes e fornecedores de emprego

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 18:22

A Deputación de Lugo presentou este luns un servizo gratuíto de emprego a disposición de veciñanza, empresas e colectivos. Trátase da Axencia de Colocación, un instrumento da entidade provincial con plataforma web de seu (deputacionlugoportalemp.com), que servirá para que os profesionais da institución lucense poñan en contacto aos demandantes e aos fornecedores de emprego da provincia. O sitio dixital tamén permitirá trasladarlle á Deputación toda a información xerada.
O servizo foi dado a coñecer pola deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, quen lembrou que, amais do devandito sitio web, tamén conta con oficina presencial no Pazo de San Marcos, sede da Deputación. Alí desenvolverán o seu labor de asesoramento e atención persoal os profesionais-axentes de emprego do organismo provincial.
Segundo engadiu, a oficina atenderá ás persoas demandantes de traballo e emprendedores pero tamén aos representantes de entidades ou asociacións da provincia que estean a buscar novos traballadores, orientándoos sobre os perfís que requiren, tendo en conta as súas necesidades, para mellorar ou ser máis competitivos.
Este xoves porase en marcha no Pazo de San Marcos dita oficina, funcionando de luns a venres dende as 09:00 horas ás 14:00 horas; e estará a pleno rendemento a devandita plataforma deputacionlugoportalemp.com. Tamén se pode acceder á mesma dende www.deputacionlugo.gal, pois hai un banner de enlace directo.
Segundo engadiu a deputada, “trátase dun servizo moi humano, próximo e fiábel, ao contar coa oferta e demanda de emprego que existen na provincia”. Na súa opinión, a axencia marca as diferenzas con respecto a instrumentos análogos, tanto pola súa proximidade aos lucenses como polo amplo abano de servizos que fornece, tanto de xeito presencial como de maneira telemática.

Categorías: Ciencia

WhatsApp estrea compatibilidade con CarPlay

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 17:29

A aplicación de WhatsApp para iOS recibiu hoxe unha actualización que entre as súas novidades incorpora a compatibilidade de Carplay, de xeito que os usuarios de iPhone que teñan o seu smartphone enlazado cun vehículo compatible poden xa ver no automóbil as mensaxes que teñen sen ler, poden pedirlle a Siri que llos lea en voz alta e incluso permiten empregar o asistente de voz para enviar novas mensaxes. Os usuarios tamén recibirán notificacións de novas mensaxes co nome do remitente pero, pola contra, non poderán navegar entre a listaxe de mensaxes.
Deste xeito WhatsApp convértese na primeira aplicación de mensaxería de terceiros en ser compatible con CarPlay, aínda que as súas funcionalidades estean bastante limitadas. A aplicación xa era compatible dende hai tempo con Android Auto, polo que agora os usuarios para iPhone non se verían discriminados á hora de empregar a aplicación no seu automóbil.

Categorías: Ciencia

Ponteareas empregará 251.000 euros en renovar o seu Centro de Procesamento de Datos

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 15:05

A Concellería de Novas Tecnoloxías de Ponteareas vén de anunciar a vindeira renovación do seu Centro de Procesamento de Datos (CPD), unha actuación que terá un custo total de 251.000 euros e que, en palabras do edil Benito Márquez, encamíñase a “mellorar os sistemas de almacenamento e xestión da información do consistorio e dar cumprimento á Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo”. A iniciativa, máis en detalle, abrangue a creación dun segundo CPD, polo que será posíbel gardar a información municipal en dous acubillos, un na casa consistorial e outro no centro social, onde estará emprazados os servidores de respaldo. A idea é incrementar a seguridade e imposibilitar a perda de datos, a través do duplicado de todos os documentos, ao tempo que se incrementa a capacidade de almacenamento de arquivos e correos.
Segundo engadiu o concelleiro de Novas Tecnoloxías, as medidas queren emendar unha eiva herdada do anterior equipo de Goberno: “A situación era nefasta, o CPD era tan obsoleto cando chegamos que para que non se sobrequecese tiña as 24 horas do día, toda a semana, numerosos ventiladores normais funcionando”. Do mesmo xeito, engadiu, “non existía ata o de agora ningún centro de datos de respaldo, como marca a lei, o que implica que se por algún motivo ardese o consistorio, non habería copias de seguridade de tódolos datos e información, como pode ser algo tan importante como o padrón municipal, e que sería un auténtico problema”.
Márquez tamén explicou que a renovación das infraestruturas informáticas municipais suporá tamén “un cambio no traballo diario” e unha actualización de todas as licenzas dos programas. “Cando chegamos, no 2015, o 90 % das licencias de informática estaban caducadas ou directamente eran programas pirateados; logo, fomos renovando de maneira paulatina todas estas licencias e mercando outras, para cumprir coa legalidade”, indicou, engadindo que, de xeito complementario a todo o devandito, a Concellería de Novas Tecnoloxías está a realizar unha adaptación dalgúns regulamentos como o do Esquema Nacional de Seguridade e do RGPD (Regulamento General de Prestación de Datos) que entrará en vigor o 25 de maio do 2018. Esta mellora tamén suporá a mellora dos equipos informáticos municipais, que pasarán dos PC físicos aos equipos que se denominan “terminais lixeiros”.

Categorías: Ciencia

Unha aplicación deportiva facilita a identificación de bases militares

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 14:14

A aplicación de rexistro da actividade física Strava, que mediante GPS consegue indicar por onde practican exercicio os seus usuarios, publicou hai uns meses un mapa de calor no que poden verse os traxectos percorridos sobre o mapa, o que a priori non debería supor unha invasión da privacidade dos usuarios nin nada semellante, pero que segundo un membro da Instituto para Analistas de Conflictos Unidos (IUCA), Nathan Ruser, podería facilitar a identificación e o mapeado de bases militares dos EE.UU.
A práctica deportiva dos soldados sería a que permitiría, por exemplo, localizar bases en Afganistán, e tamén en España, xa que a base de Rota e a de Viator serían identificables pese a que a de Viator está censurada nos mapas de Google. É bastante habitual que os sistemas de imaxe por satélite amosen edificios e estradas que as autoridades queren manter ocultas por seguridade, pero no caso de mapas como o de Strava a información que se achega é diferente, xa que presenta como se move a xente nesas áreas, o que pode ser unha maior ameaza para a seguridade.
Aínda que non sería sorprendente que solicitasen a Strava a censura da información publicada, este tipo de incidente debería espertar consciencia sobre a subministración de datos a terceiros que facemos a través de numerosos dispositivos e servizos, e no caso de gobernos e organismos militares está nas súas mans decidir os que son os posibles puntos febles da súa seguridade, e as políticas que deben adoptar no uso de dispositivos electrónicos.

Categorías: Ciencia

As últimas actualizacións de Windows suprimen as medidas contra Spectre por provocar problemas

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 13:39

A emerxencia da ameaza de seguridade coñecida como Spectre levou a que os fabricantes de software e hardware lanzasen urxentes actualizacións dos seus sistemas que parece que non superaron os necesarios controis de calidade, e así puidemos ver como Intel recoñecía que o microcódigo que publicara para mitigar a variante 2 de Spectre estaba a provocar reinicios en numerosos equipos, recomendado adiar a instalación dos seus parches de seguridade e a súa desinstalación no caso de estar a empregalos, en espera a unha mellor análise da situación.
Microsoft confirmou estes problemas, e mentres Intel busca solución aos fallos detectados, decidiron lanzar novas actualizacións de Windows 7 SP1, 8.1 e 10 para desactivar as medidas de mitigación das vulnerabilidades da segunda variante de Spectre, de xeito que recomendan instalar canto antes esta nova actualización para non padecer os problemas que xurdiron cos parches defectuosos.
Aínda que o normal é recomendar sempre manter os equipos informáticos seguros ante potenciais ameazas, dende Microsoft lembran que polo momento non existe risco por non ter os nosos ordenadores sen os parches contra Spectre, dado que aínda non se deu ningún caso real de aproveitamento desta vulnerabilidade.

Categorías: Ciencia

Vigo fai medrar as tramitacións electrónicas nun 20%

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 13:19

O Concello de Vigo vén de facer balance da actividade local en materia de Administración Electrónica ao longo de 2017, unha actividade que acadou datos positivos en todos os parámetros, segundo fixo saber o alcalde Abel Caballero. En palabras do rexedor, os datos obtidos poñen de manifesto que Vigo é unha cidade pioneira no emprego dos sistemas en liñas, entre outras cousas porque as cifras mostran que un 75% dos rexistros xa se fan de maneira electrónica. Ademais, dixo, o Concello rexistrou en 2017 unha suba do 20% en tramitación dixital, acadando os 470.000 procedementos.
Caballero engadiu que os 470.000 trámites foron feitos por 110.000 cidadáns e 10.000 empresas. Ademais, explicou, contabilizáronse 2 millóns de consultas e 2 millóns de visitas á páxina oficial www.vigo.org (tamén accesíbel a través do dominio galego, www.vigo.gal). Respecto do factor sustentabilidade que se pon en xogo polos logros en eAdministración, o rexedor destacou que a “tramitación electrónica supón un gran aforro e mellora da competitividade para a cidadanía, empresas e administración, ao evitar o sistema que se teñan que imprimir 1 millón de documentos ou facer 500.000 desprazamentos na cidade, o que supón 400 toneladas de CO2”.

Categorías: Ciencia

Educación e o CPEIG premiarán os mellores traballos literarios dos escolares arredor da protección de datos

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 13:11
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez

Coas crianzas accedendo ás redes e aos dispositivos tecnolóxicos dende as idades máis temperás, faise máis necesario que nunca facer fincapé, nos colexios e nos fogares, na necesidade de protexer a súa información e a dos demais. Con este cometido, a Consellería de Cultura e Educación e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocan o segundo Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos, un certame dirixido ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos que cursen quinto ou sexto de Primaria ou algún dos catro cursos de ESO. Segundo informan os organizadores, a iniciativa organízase con motivo do Día da Protección da Datos, que se conmemorou este 28 de xaneiro en toda Europa.
O obxectivo do concurso é “que a sociedade galega, en especial os máis novos, tomen conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, promovendo o coñecemento sobre os dereitos e responsabilidades nesta materia”. Os traballos presentaranos os propios centros educativos, a través do enderezo premioliterario@cpeig.gal, até as 15 horas do día 28 de febreiro de 2018.
Bases do certame
As obras que se presenten deberán ser inéditas e estar escritas en lingua galega. Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros, como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blog ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. O obxectivo dos traballos deberá ser responder a preguntas como Que é para ti a protección de datos?, Como afecta no teu día a día? ou Como podo protexer os meus datos?. Os textos de referencia serán Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).
A extensión dos traballos, que deberán presentarse en formato dixital en PDF, será de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de ESO, e de entre 800 e 1000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, o centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización. O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo.
Segundo lembran a Consellería e o CPEIG, a primeira edición participaron 40 escolares de toda Galicia, e os gañadores foron na categoría Eva Riveiro Formoso co traballo oinc, do Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, e Gustavo López Leyenda, co traballo PISOTE, do CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo apoia a dixitalización dos arquivos históricos de Castro Ribeiras de Lea

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 11:57

A Deputación de Lugo vai financiar o proxecto Castro na Memoria, que se dirixe a dixitalizar os arquivos históricos de Castro Ribeiras de Lea, máis de 200 arquivos. Así o fixo saber hoxe o presidente da Deputación, Darío Campos, que lembrou que a devandita iniciativa vén da man da asociación cultural Gaia de Lea e que a contía que a entidade provincial lle dedica é de máis 10.387 euros. Campos achegou esta información nunha vista á localidade de Castro de Ribeiras de Lea, na compaña dos membros da devandita entidade veciñal, cos que puido coñecer ao detalle os detalles da súa proposta de dixitalización.
Segundo informaron, trátase dunha iniciativa “coa que se busca recuperar a traxectoria histórica da vila”, a través da recuperación e posta en valor de documentos históricos como fotografías, proxectos, informes. Tamén se fixo saber que até o de agora son xa máis de 200 os arquivos documentados. O documento histórico máis antigo xa dixitalizado data de 1750, é trátase dun documento do primeiro catastro de Castro de Rei
Campos Conde subliñou “a importancia que supón para o Goberno da Deputación colaborar neste proxecto, co que se busca preservar e divulgar a identidade cultural da nosa provincia, que é a maior das riquezas que temos como sociedades. É por esta razón pola que colaboramos coa Asociación Cultural de Gaia, por ser un proxecto no que ademais de participar os veciños da propia vila, que son os que levan os seus documentos para seren dixitalizados e almacenados, busca divulgar o patrimonio histórico, social e cultural de Castro”.
O proxecto en Castro na Memoria, cuxo director e coordinador é Ricardo Lamela Castro, recibe o financiamento do Goberno da Deputación para o mantemento da plataforma dixital na que se almacenan os documentos; a presencia en redes así como o mantemento da oficina física que ten esta asociación na Antiga Biblioteca de Castro de Ribeiras de Lea onde se facilita o proceso de dixitalización dos arquivos.

Categorías: Ciencia

Grande incremento das descargas da aplicación móbil do Camiño de Santiago

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 11:21

A aplicación móbil que ofrece información en tempo real das distintas rutas do Camiño de Santiago en Galicia superou no último ano as 13.000 descargas, o dobre das que se rexistraran o ano. Con versións para iOS e para Android, a aplicación móbil está dispoñible en galego, castelán e inglés, e estase a consolidar como unha das ferramentas deste tipo máis descargadas de Turismo de Galicia.
Os usuarios poden consultar información de utilidade como o trazado, a descrición, fotografías e datos sobre os diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos previstos nos diferentes concellos. Ademais, ten acceso ás condicións meteorolóxicas e ás direccións e contactos dos centros de saúde e emerxencias. A maior parte das súas funcións están dispoñibles sen necesidade de cobertura no móbil.
Xunto á aplicaciòn móbil, no ano 2017 tamén se rexistrou un moi bo comportamento doutras iniciativas enmarcadas no plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente por Turismo de Galicia e a AMTEGA. No caso da páxina web caminodesantiago.gal, a curva de crecemento mantívose constante en todo o ano, con preto de 250.000 sesións de usuarios que visitaron máis dun millón de páxinas, o que supón un incremento de máis dun 20% con respecto a 2016.
En relación ao uso que os usuarios fan da páxina, na que se recollen todos os aspectos precisos para descubrir, preparar e planificar a ruta xacobea medrou a duración media da sesión de visita, ata alcanzar máis de 5 minutos por persoa, o que demostra o interese dos contidos amosados. Por países, tras España, a páxina web recibiu visitas de Portugal, Estados Unidos, Italia, Arxentina, Alemaña, Brasil, Francia, México ou Reino Unido.

Categorías: Ciencia

Netflix podería integrarse en Movistar+ nos vindeiros meses

códigocero - Lun, 01/29/2018 - 10:31

A chegada de grandes plataformas de vídeo baixo demanda como Netflix a España estivo rodeada de certa polémica, ante o diferente xeito de reaccionar dos distintos operadores, e ao igual que Vodafone converteuse nun socio prioritario para Netflix, facilitando a súa contratación e favorecendo a calidade das conexións co servizo, Movistar fixo todo o contrario, chegando Netflix a culpar á compañía dos problemas coa recepción do vídeo baixo demanda que tiñan os seus clientes. Cando HBO púxose a seguir os pasos de Netflix, a reacción foi a mesma, e Vodafone volveu asociarse coa compañía de vídeo á carta, de xeito que actualmente a través de Vodafone TV é posible ver directamente tanto Netflix como HBO, mentres que Movistar daba a impresión de pór atrancos para que os seus clientes optasen pola súa oferta de vídeo.
A situación actual parece que vai camiño de mudar, e aseguran que Telefónica España e Netflix están a ultimar un acordo que anunciaríase a finais de febreiro e que permitiría que os clientes do operador puidesen recibir os contidos de Netflix a través de Movistar+.
Ao parecer xa terían pechado un principio de acordo, pero o que faltaría por negociar serían os matices contractuais e os prezos. Debido ás complexidades da integración, non se espera que Netflix estea dentro de Movistar+ até despois do verán.
Estímase que Netflix en España chega ao 7,3% dos fogares con acceso á Internet, o que serían uns 1.163.000 clientes, mentres que Movistar+ chegaría ao 12,6% e a HBO ao 2,6%, descoñecéndose os datos reais dado que as compañías non achegan tal información, que pode verse moi distorsionada pola contratación de períodos de proba e polas promocións asociadas a distintos operadores.

Categorías: Ciencia

Nueva propuesta para buscar vida en otros planetas

Investigación y Ciencia - Lun, 01/29/2018 - 00:00
Un estudio concluye que, aun en ausencia de oxígeno, la detección de metano y dióxido de carbono en una atmósfera extraterrestre constituiría un indicio robusto de la existencia de vida.
Categorías: Ciencia

Los físicos crean proyecciones 3D como las de <em>La guerra de las galaxias</em> (pero no son hologramas)

Investigación y Ciencia - Dom, 01/28/2018 - 00:00
Con láseres y sistemas de partículas se crean imágenes tridimensionales en movimiento que parecen flotar en la nada.
Categorías: Ciencia

Los físicos crean proyecciones 3D como las de <em>La guerra de las galaxias</em> (pero no se las llame hologramas)

Investigación y Ciencia - Dom, 01/28/2018 - 00:00
Con láseres y sistemas de partículas se crean imágenes tridimensionales en movimiento que parecen flotar en la nada.
Categorías: Ciencia

A galega Docuten leva os seus servizos dixitais a Europa

códigocero - Ven, 01/26/2018 - 22:51

Docuten, a marca da firma galega Enxendra Technologies, vén de dar o chimpo cara ao mercado internacional. E faino logo da súa salientábel andaina no mercado español, achegando servizos TIC avanzados a compañías do talle de Desigual ou o Grupo Planeta. Segundo puidemos saber, a firma Docuten estreou presenza en Reino Unido, Alemaña, Francia e Polonia, que son os primeiros países nos que ofertará os seus servizos dixitais. Docuten, que quere a actividade internacional supoña o terzo da súa facturación ao cabo de tres anos, desenvolverá o seu labor cos socios locais nos ditos mercados.
A finalidade da empresa coruñesa é crear unha marca afianzada que fortaleza o traballo realizado nestes anos (dende os comezos en 2009) e continuar o seu proceso de espallamento. Tamén anunciou que en datas vindeiras lanzará ao mercado un servizo que integra facturación e sinatura electrónica. Ao abeiro desta fase de expansión internacional, Docuten ten o obxectivo de integrarse no proxecto PEPPOL (Pan-European Public Procurement Online) un estándar europeo cunha plataforma de seu destinada a garantir a total interoperabilidade entre servizos electrónicos de aprovisionamento e facturación (e-Invoicing). A compañía pechou 2017 duplicando a facturación do ano anterior.
Que é Docuten?
Docuten, en palabras dos seus impulsores, é a primeira plataforma que agrupa o servizo de facturación electrónica, sinatura dixital e xestión en liña de toda a documentación dunha entidade. Ademais, na parte que inclúe a facturación electrónica, Docuten intégrase cos puntos xerais de entrada de facturas nas administracións públicas españolas máis importantes, permitindo o envío no formato Facturae. Por outra banda, o servizo de sinatura dixital permite asinar contratos e outros documentos con pleno valor legal a través da web e do móbil.

Categorías: Ciencia

O sorteo telemático de Merca e Gaña na provincia Lugo saldouse con 40 gañadores

códigocero - Ven, 01/26/2018 - 22:51

Este venres, na sede do Cárcere Vello de Lugo, entregáronse os galardóns da campaña Merca e Gaña polo Nadal, que puxo en marcha a Deputación provincial coa colaboración da Federación e do Concello, no caso da capital, co obxectivo de incentivar as compras nos 5.500 establecementos que hai en todos os municipios lucenses durante as devanditas datas. No acto fíxose saber (entre outras cousas) que a campaña acadou uns beneficios de 1,6 millóns de euros, que son o valor das 27.000 compras rexistradas. Ademais, lembrouse que os tíckets das mesmas participaron nun sorteo por Internet (a través da web www.nadalmercaegana.com) do que resultaron 40 gañadores de 20 tarxetas regalo de 300 euros e outras 20 de 200.
Na cita de hoxe, os premiados recolleron os seus agasallos, dun total de 10.000 euros, que poderán destinar a máis compras no comercio local da provincia. Asemade, proxectáronse os vídeos de promoción dos establecementos lucenses feitos pola Fundación TIC e pendurados nas redes.
No evento participaron o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas López.
O sorteo dos galardóns de 10.000 euros de Merca e Gaña polo Nadal fíxose ante notario, incluíndo no mesmo os 27.000 tíckets con compras de 1,6 millóns de euros. Os veciños que resultaron gañadores son os seguintes:
- Recibiron tarxetas de 300 euros: Rosario García Maseda, de Vilalba; Ana Pernas Cendán, de Vilalba; Marta López Rodríguez, de Lugo; Begoña López Silva, de Lugo; Amador Pardo, de Lugo; Isolina Rodríguez López, de Lugo; María Manteiga Valle, de Rábade; Jennifer Quiroga Cela, de Sarria; Ángel Gorgoso Belda, de Lugo; María Eugenia Fernández Touzón, de Lugo; Ángela Rincón Rodríguez, de Sarria; José Ramón Irimia Souto, de Lourenzá; Fabio Jato Alonso, de Lugo; María Carmen Rivas Rodríguez, de Foz; Montse López, de Sarria; Mª del Carmen González González, de Covas en Viveiro; Silvia Dopazo Fernández, de Lugo; María Teresa Fernández Luaces, de Monforte; Germán Ramírez, de Chantada; María Fernández Torneiro, de Lugo.
- Recibiron tarxetas de 200 euros: Patricia Vázquez Pena, de Viveiro; Pilar Arias Goyanes, de Sarria; Nerea Diéguez Porto, de Taboada; M. Nieves Cando López, de Burela; Cristina Fraga Novo, de Foz; Daniel Río Trigo, de Foz; Beatriz Irigoyen Vázquez, de Ribadeo; Susana Corbelle Gómez, de Lugo; Ana de Castro Rego, de Ribadeo; Cristina Otero Sanmiguel, de Guitiriz; Sonia Fernández Longarela, de Mondoñedo; Yasmina Díaz Rodríguez, de Sarria; Tamara Gayoso Felpeto, de Vilalba; Yolanda Lara Cruz, de Lugo; Miguel Ángel Doel Arias, de Lugo; Yolanda Maciñeiras Soengas, de Monforte; Dolores Nieto Milla, de Lugo; Anita Pérez Santín, de Becerreá; Antonio Souto Prieto, de Vilalba; e Marcos Cambeiro Vázquez, de Lugo.
Concurso de Escaparates de Nadal
Durante a entrega destes premios, tamén se coñeceron os 3 gañadores do Concurso de Escaparates de Nadal, co que se busca pór en valor o traballo dos profesionais do sector do comercio. Participaron 23 establecementos da capital lucense, pois esta iniciativa partiu do Concello de Lugo e da Federación. Os galardoados son Confecciones García, Óptica de la Torre e Peletería Lucus.
Colaboración da TIC da Deputación
Durante o acto, como dixemos, proxectáronse os vídeos de promoción sobre os establecementos da provincia que elaborou a Fundación TIC da Deputación co obxectivo de “incentivar as compras no comercio local da provincia”. Segundo engadiu Darío Campos, a devandita foi unha iniciativa máis da campaña Merca e Gaña polo Nadal. Esta desenvolveuse dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante este período, todas as persoas que mercaron en calquera dos establecementos da provincia rexistraron (eles mesmo ou coa axuda dos comerciantes) os seus tícket de compra, que foron un total de 27.000, na páxina web específica www.nadalmercaegana.com. Todos eles formaron parte do sorte dos premios de 10.000 euros entregados hoxe.

Categorías: Ciencia

Movistar subirá en 3 euros a súa tarifa Fusión #0

códigocero - Ven, 01/26/2018 - 21:58

Continúan as subas de prezo de Movistar para comezar o ano con malas novas para os petos dos consumidores, e tras saberse do incremento das tarifas móbiles e o converxentes, unha das tarifas que quedara fóra das subas, a Movistar Fusión #0, finalmente verá incrementado o seu prezo mensual en 3 euros, o que contrasta por tratarse dunha oferta de baixo custo que sitúa ao operador nunha peor situación fronte aos seus competidores máis directos.
Actualmente Movistar Fusión #0 achega fibra óptica simétrica, teléfono fixo con chamadas ilimitadas a fixos, 2 liñas móbiles (1 con 200 minutos en chamadas e 2 GB de datos e outra con chamadas a 0 céntimos/minuto e 200 MB de datos) e un servizo básico de televisión por 45 euros/mes para conexións de 50 Mbps e por 57 euros/mes para conexións de 300 Mbps, prezos que quedarían en 48 e 60 euros/mes respectivamente. A suba de prezo está prevista para o 5 de marzo.

Categorías: Ciencia

A xaponesa Coincheck é vítima do meirande roubo de criptomoedas da historia

códigocero - Ven, 01/26/2018 - 21:21

Hai catro anos a empresa de cambio de Bitcoin Mt. Gox tivo que declararse en bancarrota tras saberse que padecera un roubo masivo dos seus fondos na popular criptomoeda que naquel momento representaría uns 343 millóns de euros, e agora hai outra empresa xaponesa afectada por un escándalo semellante, pois Coincheck tería padecido o roubo de 500 millóns de unidades de NEM, unha criptomoeda de recente creación que durante a xornada de hoxe tería unha cotización de entre 0,62 e 0,79 euros, polo que poderíamos falar duns 340 millóns de euros.
Tras confirmarse os feitos Coincheck anunciou a suspensión dos seus depósitos en NEM, para paralizar logo todas as operacións con NEM.
O co-fundador de Coincheck, Yusuke Otsuka, apareceu en rolda de prensa para recoñecer que non sabían onde foran a parar 500 millóns de unidades de NEM, aínda que asegurou que están a traballar para asegurar os activos de todos os clientes (de feito, xa estudan compensacións económicas para non prexudicar aos seus clientes).
Estariamos ante meirande desaparición de moedas dixitais dende o lanzamento de Bitcoin, aínda que desta volta a moeda baseada en blockchain sería outras, o NEM, a décima en volume de mercado global, que destaca por empregar métodos de confirmación das transaccións que consumen menos enerxía que os Bitcoin, ou sexa, que buscan deixar unha menor pegada ecolóxica.
Deste tipo de acontecementos hai leccións que aprender, pois confirman as dificultades para manter seguras as moedas dixitais e o risco que supón que non estean reguladas, de xeito que os usuarios non teñen garantías de recuperar os seus investimentos ante roubos e incidentes de distinto tipo.

Categorías: Ciencia

Páxinas

Subscribirse a IGACIENCIA agregador - Ciencia