Ciencia

TIC Arqueolóxico e Lugo Cóidate achegan formación a 31 persoas desempregadas

códigocero - Xov, 01/04/2018 - 23:28

Os participantes na iniciativa TIC Arqueolóxico de Lugo, dirixida a dinamizar o Vello Cárcere a través das novas tecnoloxías, mostraron hoxe o seu traballo perante os responsábeis do Concello de Lugo e da Xunta. Máis polo miúdo, amosárono perante a concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e máis o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro. Amais de coñecer o obradoiro TIC Arqueolóxico, Prieto e Balseiro tiveron oportunidade de informarse en detalle do desenvolvemento de Lugo Cóidate, outra proposta de formación teórica práctica do Concello. Os dous programas, impulsados polo Goberno local e con financiamento da Xunta, están a favorecer a inserción laboral de 31 desempregados lucenses no eido do patrimonio e o benestar social. Levan tres meses en marcha e rematarán a finais de marzo o Lugo Cóidate e a finais de xuño o TIC Arqueolóxico.
Ambas accións forman parte do compromiso do Goberno local coa creación de emprego, aínda sendo unha competencia da Xunta e da Administración central.
O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivos a posta en valor e comunicación do patrimonio histórico de Lugo e, asemade, facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos fornecéndoos de coñecementos para a súa posterior inserción laboral. Ademais, búscase impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.
Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro ten unha duración de 9 meses. Entre as actuacións principais que se contemplan nas diferentes especialidades formativas atópase a catalogación e dixitalización en 3D de bens pezas arqueolóxicas achadas na cidade, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dunha canle cultural.
En canto ao obradoiro Lugo Cóidate, conta cun orzamento de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrécese formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.

Categorías: Ciencia

A AMTEGA colabora co proxecto de software libre Ansible

códigocero - Xov, 01/04/2018 - 22:30

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) colabora co proxecto de software libre Ansible a través da publicación de código que permite a automatización da configuración e despregue de diversos servizos en infraestruturas TIC.
Para favorecer e incrementar a visibilidade e reusabilidade do código liberado optouse por contribuír ao proxecto Ansible publicándoo seguindo as pautas e protocolos de colaboración da propia comunidade. Así, publicáronse os compoñentes liberados na plataforma da comunidade Ansible, denominada Galaxy. Seguindo o procedemento de liberación de software da Xunta de Galicia tamén publicouse o código fonte liberado a través do repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.

Ansible, ferramenta de automatización de infraestruturas TI

Ansible é unha tecnoloxía de automatización que permite mellorar os procesos necesarios na xestión dunha infraestrutura de tecnoloxía da información. Actualizar a configuración de varios equipos ao mesmo tempo, instalar unha aplicación en todos eles á vez, ou despregar un novo conxunto de servidores coa mesma configuración, son algunhas das vantaxes que nos ofrece esta tecnoloxía.
Os denominados Roles de Ansible son pequenos proxectos que permiten automatizar a realización de varias destas accións de xeito combinado. Podemos entendelos como unha receita onde están definidos todos os pasos que hai que facer para automatizar calquera tarefa. Unha vez que está definida esta receita (o que o proxecto Ansible denomina Rol), esta pode ser aplicada a través da rede a un grupo de equipos ou servidores, tanto nunha rede local como a través de Internet.
No marco deste proxecto de liberación, todos os novos roles que se vaian definindo na AMTEGA e que poidan ser de interese para calquera outra administración, entidade ou particulares, serán tamén publicados seguindo o mesmo protocolo, fomentando a súa reutilización e a colaboración con este importante proxecto de software libre.

Galaxy, a plataforma oficial da comunidade Ansible para compartir Roles

A comunidade de usuarios e desenvolvedores oficial do proxecto Ansible articúlase a través da plataforma Galaxy, un portal web a través do cal se comparten Roles, publicados baixo licenza libre. Deste xeito calquera que queira compartir a súa receita creada con Ansible pode subila a este portal para que outros poidan empregala.
Neste portal, a AMTEGA está publicando varios destes Roles, liberados baixo unha licenza de software libre e seguindo as recomendacións e boas prácticas da comunidade en canto á organización dos mesmos, a fin de que poidan ser de utilidade e favorecendo así a súa reutilización.

Conta oficial da AMTEGA en GitHub

Adicionalmente a esta colaboración co proxecto Ansible, a AMTEGA estrea conta oficial no repositorio de proxectos colaborativos GitHub. Esta plataforma é ben coñecida entre os desenvolvedores de software libre xa que é unha das máis empregadas para desenvolver este tipo de proxectos de xeito público para que todo o mundo poida ter acceso ao código fonte dos mesmos e colaborar.
Deste xeito poténciase a presenza dos proxectos de software publicados como Software Libre pola Xunta de Galicia, facilitando a súa reutilización e as posibilidades de colaboración nos mesmos por parte doutras entidades ou administracións.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Pontevedra incrementa os orzamentos TIC

códigocero - Xov, 01/04/2018 - 18:06

A Deputación de Pontevedra rematou ano aprobando o seu orzamento para 2018, unha contía que ascende a 160 millóns e que, en palabras o voceiro provincial, Carlos López Fonte, constitúe a máis salientábel cifra da historia da Deputación. Isto polo que se refire ás cifras. En termos de contidos, o orzamento mostra unha clara aposta “polo benestar da cidadanía”, recollendo principios como o dunha meirande equidade, o de garantir o meirande número de dereitos ou o recoñecemento da autonomía local. En cuestión de innovación e TIC, a Deputación apostará polas empresas, o emprendemento e as novas tecnoloxías da información.
O deputado destacou que en definitiva “este orzamento resume con claridade as grandes liñas do Goberno da Deputación, cun proxecto global de provincia para construír unha sociedade avanzada baseada no respecto á autonomía local”.
En termos máis concretos, os orzamentos medran nun 5 % en materia de recursos destinados ao apoio á actividade económica, con preto de 2 millóns de euros para SmarPEME (a rede de formación e asesoramento TIC, que este ano multiplicou por tres o número de asesoramentos), 340.000 para os viveiros e 5,4 millóns de euros para implantación e espallamento das novas tecnoloxías da información.

Categorías: Ciencia

Vimianzo lánzase a dixitalizar a súa documentación histórica

códigocero - Xov, 01/04/2018 - 14:48

O Concello de Vimianzo encarou a recta final de 2017 realizando un importante labor de recuperación e conservación da súa documentación histórica. Este traballo, un importante proceso de dixitalización de actas plenarias, encádrase na aposta do actual equipo de Goberno a prol do patrimonio local, no que se integran os devanditos documentos históricos. O proceso de dixitalización foi realizado pola consultora Unayta, empresa con sede en Milladoiro, especializada na xestión documental e responsábel de diferentes proxectos en arquivos públicos e privados, amais de iniciativas destinadas a incrementar a seguridade TIC ou a pór en valor cousas concretas como o noso mar.
Segundo informou o Concello, as actas de plenos que se incluíron no proxecto son as correspondentes a tres volumes con datas comprendidas entre xullo de 1930 e xullo de 1940 e que conteñen información municipal “cunha importante interese histórica” e que xa se atopan en formato dixital a disposición da Administración local.
No seu cometido, os técnicos de Unayta levaron a cabo tarefas como o manipulado especial da documentación, a numeración e a nomenclatura das imaxes así como a descrición das mesmas, “todo isto aplicando rigorosos controis de calidade específicos para este tipo de documentación histórica”, explica o Concello, engadindo que os traballos tamén incluíron a realización de fichas de rexistro para cada sesión plenaria con datos como o tipo de sesión, a data e lugar da xuntanza,os asistentes, a orde do día e os asinantes.
Para o Goberno de Vimianzo, a información xerada “será de capital importancia para que tanto os traballadores do consistorio coma os investigadores e os historiadores poidan realizar buscas polas temáticas indicadas coa finalidade de atopar de xeito rápido e cómodo información relacionada ben co traballo diario ou ben cos contidos das súas investigacións”.
Para o alcalde, Manuel Antelo, a dixitalización das actas plenarias desta década “reviste unha enorme importancia”. Segundo engade, “cómpre lembrar que a década dos 30 do século pasado a época de moita intensidade política coa democratización das institucións coa proclamación da República e co seu derrocamento co golpe militar do ano 36 e os posteriores 40 anos de ditadura”. Entre o patrimonio documental recuperado inclúese, por exemplo, o acordo da Corporación municipal de Vimianzo para expropiar o Castelo e que pasara a ser propiedade municipal, tal e como foi durante algúns días a finais de xullo de 1936 até que as forzas sublevadas depuxeron o Goberno democrático municipal.
Para as persoas interesadas nestas e noutras informacións, dicirlles que o Concello ten previsto pór a disposición das e dos investigadores e do público xeral toda esta información a través dunha plataforma na Internet.

Categorías: Ciencia

O sector galego do videoxogo quere crear este ano unha aceleradora de proxectos

códigocero - Xov, 01/04/2018 - 12:32
Os estudios Gato Salvaje durante a visita rencente da directora de GAIN, Patricia Argerey

Hai potencial no sector dos videoxogos da nosa terra. En base a isto, desenvolvedores/creadores galegos están a impulsar, co novo ano, unha aceleradora de proxectos relacionados con este tipo de produtos dixitais. Unha tolemia? É probábel que si, pero tamén é certo que ao longo destes anos boa parte dos analistas foron quen ver en Galicia sobradas sementes que xustifiquen un cultivo conxunto e específico. A aceleradora, apadriñada polo estudio coruñés Gato Salvaje (creador da aventura gráfica AR-K ou do xogo de acción Bullshot, que é o primeiro xogo publicado en galego na plataforma Steam), ten o obxectivo de impulsar iniciativas e, tamén, visualizar produtos nosos no mercado. Asemade, preténdese achegar un recurso que mostre o camiño a seguir aos novos talentos.
Segundo puidemos saber os días pasados, o estudio coruñés ten a previsión de que a aceleradora se poña en marcha no segundo semestre de 2018. Para apuntalala e garantir ao máximo a súa repercusión (no mercado e tamén no ámbito da xeración de emprego e oportunidades), os impulsores da palestra empresarial estarían a procurar apoios nas administracións, entre as que se contan a Deputación da Coruña ou a Xunta, que, como lembraremos, enxalzou recentemente o papel da empresa (e do sector galego por enteiro) a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Nunha entrevista con Europa Press, Gato Salvaje recoñeceu que se ben a presenza galega no conxunto do sector estatal dos videoxogos non é aínda moi relevante, a nosa terra atesoura un gran potencial, en boa medida de profesionais do eido da animación, un eido parello e moi achegado ao ámbito dos videoxogos. A metodoloxía a seguir para o desenvolvemento da aceleradora sería en parte a metodoloxía lean startup, botando man de recursos de micromecenado para novos proxectos, ao estilo de Kickstarter, e con vistas a crear financiamento e, tamén, a xerar estudos de mercado e incrementar a comunicación con clientes reais e potenciais. Tamén se empregarían estas ferramentas para “facer” audiencias.

Categorías: Ciencia

Chegan numerosos parches para mitigar os problemas de seguridade de Meltdown e Spectre

códigocero - Xov, 01/04/2018 - 12:00

Tras levantarse o veto sobre a información relativa ás vulnerabilidades coñecidas como Meltdown e Spectre imos sabendo máis deste gravísimo problema que afecta á meirande parte dos procesadores modernos, e que non trataríase dun fallo de hardware ou un simple bug, senón que afectaría a nivel de arquitectura, de xeito que a súa solución a longo prazo non será doada e librarnos desta ameaza podería levar bastantes anos.
Meltdown e Spectre serían os nomes que recibirían as técnicas que permite evitar a protección dos contidos que circula polo núcleo dos procesadores, polo que exporían información moi sensible e poderían empregarse para expor potencialmente calquera tipo de información, sendo tal a gravidade que levan máis de medio ano traballando en mitigar o problema antes de comunicalo publicamente.
A técnica coñecida como Meltdown sería a que afectaría principalmente aos procesadores de Intel, e xa conta con parches para evitala, separando e protexendo os espazos de memoria para impedir que as aplicacións poidan interferir nos datos das outras, o que podería ter un custo no rendemento dos equipos que poderemos coñecer con precisión nas vindeiras semanas, cando poida comprobarse o impacto real das medidas que eviten esta vulnerabilidade.
Pero no caso de Spectre a situación complícase, pois afectaría a procesadores de Intel, AMD e ARM, ou sexa, que non sería só cousa de ordenadores persoais, senón que tamén podería chegar a smartphones, tabletas e moitos dispositivos conectados, e aínda non hai unha solución total para esta vulnerabilidade.
Temos así que tanto sistemas con Windows, macOS, Linux, Android, FreeBSD... e moitas outras plataformas serían vulnerables teoricamente, podendo entenderse que todo produto con procesadores modernos veríase afectado dalgún xeito.
Agora chega a parte máis complicada do asunto: haberá que actualizar todos os sistemas que se poida, cando menos para Meltdown, mentres que a protección contra Spectre é moito máis difícil, e principalmente buscarase establecer medidas que limiten a súa explotación práctica, aínda que queda a porta aberta a que xurdan métodos de aproveitamento desta vulnerabilidade. Comeza así un xogo do rato e o gato no que haberá que procurar mitigar as posibilidade de aproveitar unha vulnerabilidade que polo momento é teórica. De feito, tanto Meltdown e Spectre son polo momento ameazas potenciais, e aínda non xurdiu malware que tiren proveito das mesmas, grazas en boa medida ao hermetismo dos expertos que traballaron nos últimos meses para tomar medidas de seguridade contra estas vulnerabilidades.
As grandes compañías xa están a tomar medidas contra as potenciais ameazas, e Google anunciou que xa están a actualizar os seus servizos na nube, o navegador Chrome e Chrome OS para mitigar estas vulnerabilidadess; o navegador web Firefox tamén incorporou medidas de seguridade a partires da súa versión 57; Microsoft tamén publicou unha actualización de seguridade nas últimas horas que avanza na protección contra estes problemas de seguridade, e que está dispoñible para Windows 10 de xeito automático a través de Windows Update (para Windows 7 e 8 chegará a través de Windows Update a partires da vindeira semana); as novas versións do kernel de Linux; pese a que non foron aínda quen de reproducir Spectre en dispositivos con Android, na actualización de seguridade de xaneiro incluíron controis que evitarían os vectores de ataque coñecidos para procesadores ARM; e tamén sábese que macOS 10.13.2 inclúe algunhas correccións (aínda que en macOS 10.13.3 contará con novas medidas de seguridade). En definitiva, que practicamente toda a industria está a tomarse este problema de seguridade moi en serio, deixando claro que non se trata dun problema de Intel como se deu a entender inicialmente.

Categorías: Ciencia

Altia, elixida para acometer o redeseño do conxunto de portais de madrid.org

códigocero - Xov, 01/04/2018 - 11:30

A Axencia para a Administración Dixital da Comunidade de Madrid contratou a empresa galega Altia, especializada en servizos de consultoría tecnolóxica, para acometer integramente o redeseño do conxunto de portais que conforman a plataforma www.madrid.org. O obxectivo da axencia, con estes traballos de fonda remodelación das súas ferramentas dixitais, é “proporcionar á cidadanía a mellor información e calidade nos servizos prestados a través de madrid.org, coa intención, ademais, de converter o portal nunha referencia a nivel estatal e internacional”. Este proceso, lembra Altia, inclúe a adopción dos seguintes piares básicos de traballo: socialización da web e difusión 2.0, contidos multimedia, boletíns informativos e adecuación ás distintas audiencias.
Os traballos tamén abranguen unha migración a un novo xestor de contidos (CMS) que forneza meirande axilidade tecnolóxica, estandarización e melloras na accesibilidade. Segundo reflicte a empresa galega, esta migración é “o primeiro paso cara a unha plataforma web que cubra novas necesidades como a transformación cara a un goberno aberto”.
Altia tamén fai fincapé en que estes obxectivos, unidos á experiencia da firma galega neste tipo de procesos (ampla experiencia no ámbito da implantación de proxectos con solucións CMS, en concreto con Drupal, a solución software elixida finalmente), motivaron a contratación da compañía que preside Tino Fernández. “Desde o noso punto de vista o contrato supón tanto para a Axencia como para Altia un reto compartido, pois a nosa implicación no proxecto é plena, como parte da nosa misión”, explican dende a empresa galega, engadindo que se trata dun contrato cunha duración inicial de dous anos, coa opción de prórroga por outros dous anos máis.

Categorías: Ciencia

¿Cómo se mueven las células cancerosas?

Investigación y Ciencia - Xov, 01/04/2018 - 00:00
Los científicos descubren un mecanismo que explica la expansión del cáncer. El hallazgo podría ayudar al tratamiento de la metástasis.
Categorías: Ciencia

Meltdown e Spectre: novas vulnerabilidades que afectan a numerosos procesadores

códigocero - Mér, 01/03/2018 - 23:30

Ante as informacións sobre o fallo de seguridade que afectaría aos procesadores de 64 bits de Intel, a compañía de semicondutores realizou por fin un comunicado público no que rexeitan a idea de que a vulnerabilidade detectada sexa exclusiva dun fallo de seguridade que só afecte a produtos de Intel, asegurando que nas investigacións realizadas identificáronse multitude de dispositivos informáticos susceptibles de verse afectados con independencia do vendedor do procesador e do sistema operativo.
Dende Intel aseguran que para garantir a seguridade dos usuarios están a colaborar con desenvolvedores de sistemas operativos e outros fabricantes como ARM Holdings e AMD (aínda que dende AMD matizan que os seus procesadores non están afectados polo problema detectado), e xa comezaron a subministrar solucións de software e firmware para axudar a mitigar os posibles xeitos de aproveitar a vulnerabilidade, confiando en que o impacto destas solucións para os usuarios non sexa significativo.
Aínda que non se esperaba que desen detalles sobre a vulnerabilidade até a vindeira semana, finalmente deron conta das 3 variantes deste problema de seguridade, respondendo as dúas primeiras ao alcume de Spectre e a terceira ao de Meltdown, contando incluso cunha páxina web específica para recompilar a información sobre o tema.
Entre a información publicada detállase que os procesadores de AMD si terían en potencia a vulnerabilidade, pero na práctica non se verían afectados xa que para que acontecese habería que activar manualmente unha funcionalidade nun par de sistemas operativos moi concretos.

Categorías: Ciencia

Novo recoñecemento á aplicación galega SmartWood

códigocero - Mér, 01/03/2018 - 23:04

O proxecto SmartWood, unha iniciativa de investigadores da Universidade de Santiago para achegar unha ferramenta dixital que nos axude a saber que facer con terreos forestais que non están a ser explotados (ou que non teñen o rendemento axeitado), vén de obter un novo recoñecemento que engadir ao recente accésit no certame Idea Lugo e ao primeiro premio da Greenweekend que promove o portal de emprego Enviroo (co obxecto de visualizar, distinguir e impulsar as máis relevantes propostas do ámbito das tecnoloxías verdes). Amais do devandito, a aplicación SmartWood foi quen de gañar a sétima edición do Premio Ideas da Fundación Unha Galicia Moderna, que incluíu unha contía de 5.000 euros.
Neste mesmo certame (sétima edición) convocado pola Fundación do Colexio de Economistas de Galicia, as iniciativas OpositaTest e Sense (x) acadaron o segundo e o terceiro galardón, respectivamente. Segundo puidemos saber, os tres proxectos foron moi ben valorados polo xurado, que o tivo complicado para elixir a proposta finalmente gañadora.
Como lembraremos, SmartWood vén da man do investigador de doutoramento do Campus Terra José Luis Gude (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría) e trátase dunha ferramenta dixital que ofrece aos usuarios asesoramento e axuda para o optimizar o rendemento de parcelas forestais. A app bota man dun asistente forestal interactivo que guía a quen lle tire proveito entre os diferentes usos permitidos na parcela recollidos no plan urbanístico do municipio, deixándolle marxe para elixir o uso final en función da produción ou gustos persoais.
SmartWood, para o seu funcionamento, apóiase en sistemas de información xeográfica e en datos recollidos por drons. A iniciativa tivo ocasión de fortalecerse e coller pulo ao abeiro de Yuzz Lugo, o programa-palestra de emprendemento do Banco Santander desenvolvido en colaboración coas universidades (neste caso concreto a de Santiago).
Segundo indicou recentemente José Luis Gude, trátase dunha aplicación tecnolóxica feita a medida dos propietarios de parcelas forestais, con capacidade para mellorar o rendemento económico das fincas ao xeito dun asistente interactivo. Neste senso, SmartWood ofrece recomendacións e información sobre cales son as plantacións máis rendíbeis para cada parcela, complementando este servizo dun mercado dixital (marketplace) que xunta produtores e empresas dos servizos forestais.
O proxecto SmartWood, xerminado inicialmente por Gude, é agora unha startup en fase de constitución, impulsada por José Luis Gude con Begoña L. Castro e Siro González Rodríguez, dous emprendedores cos que coincidiu na edición do programa Yuzz Lugo deste ano.

Categorías: Ciencia

Oppo quere vender oficialmente os seus móbiles en España

códigocero - Mér, 01/03/2018 - 22:30
Expositor de Oppo na pasada edición do Mobile World Congress

Unha das novas que máis atención captou en 2017 foi a chegada a España de Xiaomi, fabricante que xa conseguira consolidar unha magnífica posición no mercado cando carecía de distribución oficial, pero as cousas non as vai ter doada, e os seus competidores en China tamén queren traer a guerra ao territorio español, estando previsto que no mes de xuño chegue a España o fabricante chinés Oppo, o que resulta bastante curioso dado que o pasado mes de maio pechou a súa tenda en liña europea.
Oppo é unha das marcas de BBK, grupo ao que pertencen outras marcas de móbiles como Vivo (unha das máis importantes dentro de China) e OnePlus (con boa sona internacional), e aínda que carecía de presenza física en España, incluso chegou a ser official partner do F.C. Barcelona, o que permitiu que hai cousa de ano e medio lanzasen unha versión do seu smartphone F1 Plus inspirada no equipo de fútbol (curiosamente coa vista posta en mercados como China, Singapur e Indonesia).
Ao parecer unha delegación de directivos de Oppo visitaron Madrid en decembro, entrevistándose con varios distribuidores, cadeas de electrónica de consumo e operadores de telecomunicacións, cos que aínda non pecharon ningún acordo, pero tendo como obxectivo o desembarco de Oppo en xuño, cando tamén poderían chegar a Francia e Italia.

Categorías: Ciencia

Un fallo de seguridade en procesadores de Intel obrigará aos sistemas operativos a funcionar máis lento

códigocero - Mér, 01/03/2018 - 20:38

Nos últimos meses estase a traballar na corrección dun fallo de seguridade presente na meirande parte de equipos informáticos a nivel mundial, xa que está provocado por un erro de deseño nos procesadores de Intel de 64 bits que para poder corrixirse hai que evitalo a nivel de software, o que forzará a un significativo redeseño dos núcleos de Linux e Windows.
As modificacións dos sistemas están a realizarse entre grandes medidas de seguridade para procurar manter o fallo de seguridade no maior segredo posible, de xeito que poidan elaborarse os parches que o eviten á vez que non fagan doado que xurdan métodos para aproveitalo e así poder vulnerar a seguridade dos millóns de equipos afectados.
Os cambios que están a realizarse en Linux e Windows poderían afectar ao rendemento final dos equipos, asegurando que en función da tarefa e do modelo podería chegar a reducirse o seu desempeño entre un 5 e un 30% e, dado que o fallo está presente nos procesadores con arquitectura Intel x86 de 64 bits tamén será preciso que macOS aplique unha actualización semellante para evitar futuros aproveitamentos da vulnerabilidade detectada (de feito, o parche xa está presente na versión en probas de macOS 10.13.3).
Os parches para Linux están xa dispoñibles, e a semana que vén está prevista a publicación dos de Windows, e que nun principio separarán completamente a memoria do núcleo dos procesos de usuario (o que é un proceso intensivo, xa que realízase en casa chamada de sistema e cada interrupción de hardware), evitando así posibles filtracións que terían consecuencias catastróficas en malas mans.
Aínda que o fallo de seguridade teña impacto en todo tipo de ordenador con procesadores Intel x86-64, é especialmente relevante no caso de contornos de computación na nube, incluíndo os de Amazon, Microsoft e Google, que xa están a programar a aplicación dos parches que evitan a vulnerabilidade (no caso das máquinas virtuais en Azure será o vindeiro día 10 cando as actualicen), aínda que temen as consecuencias a nivel de rendemento que poidan ter.
Dende AMD confirman que o fallo de seguridade dos procesadores de Intel coñecido como KPTI non afecta aos seus procesadores, pero dado que a súa cota de mercado está no contorno do 20% (e non exactamente nos equipos de maior rendemento) non parece que esa nova vaia tranquilizar aos grandes prexudicados pola aplicación dun parche que afecte ao rendemento dos seus sistemas.

Categorías: Ciencia

Ames introduce á súa veciñanza nas vantaxes da eAdministración

códigocero - Mér, 01/03/2018 - 14:41

O Concello de Ames e a súa aula CeMIT veñen de dar a coñecer múltiples detalles sobre a actividade formativa da aula no ano que comeza, un completo programa de obradoiros destinados, en boa medida, a acurtar as distancias que poden separar á cidadanía das ferramentas dixitais, facendo fincapé en ámbitos como a Administración Electrónica. Trátase, máis en detalle, de tres cursos sobre as vantaxes que lle achega á veciñanza o feito de interactuar coas entidades públicas a través das ferramentas dixitais. Asemade, impartiranse cursos para adultos (Atopa na Rede e Android seguro para pais e nais) e para nenos/as de informática e mecanografía.
Respecto do ciclo de actividades sobre eAdministración, o primeiro curso, denominado DNI electrónico e certificados dixitais, impartirase do 9 ao 16 de xaneiro, os martes e xoves, de 10:00 a 11:30 horas. Introducirá aos participantes nos métodos para tirar proveito do DNIe, que dispón dun chip que nos permite identificarnos online e acceder a moitos recursos e trámites a través de Internet.
O segundo curso que se inclúe dentro deste ciclo chámase Trámites electrónicos e xestión de información. Esta actividade impartirase os martes e xoves, en horario de 10:00 a 11:30 horas, dende o 18 ata o 23 de xaneiro. Neste curso afondarase un pouco máis nos trámites electrónicos e coñeceranse as ferramentas que existen ademais do DNIe e do certificado dixital. O terceiro e último curso do ciclo é Trámites electrónicos co Concello de Ames. Impartirase os martes e xoves, de 10:00 a 11:30 horas, do 25 ao 30 de xaneiro.
Por outra banda, durante o mes de xaneiro impártense dous cursos para adultos. O primeiro, Atopa na Rede, desenvolverase do 8 ao 17 de xaneiro, os luns e mércores, de 18:15 a 19:45 horas. Segundo informa a aula, esta actividade ofrecerase información sobre os buscadores que ofrecen a posibilidade de facer unha busca avanzada mediante operadores, filtros, distintas seccións de busca, respostas rápidas. Ademais, achegarase o obradoiro Android seguro para pais e nais, os mércores 24 e 31 de xaneiro, en horario de 18:15 a 19:45 horas. O obxectivo é “que os pais e nais coñezan as plataformas móbiles ás que acceden os seus fillos/as para poder ter certo control sobre o seu uso”.
A maiores de todo o devandito, as crianzas tamén poderán acudir as actividades da aula de Ames drante este mes de xaneiro. Do 9 de xaneiro ao 13 de febreiro haberá un curso de informática para nenos/as. Impartirase os martes, en horario de 18:15 a 19:45horas. Trátase dunha actividade de iniciación ao universo dixital no que os nenos/as aprenderán a usar o rato e mailo teclado. Ademais aprenderán a empregar as xanelas, carpetas e documentos creados por eles mesmos, e introduciranse en como facer buscas por Internet.
Outro dos cursos dirixidos aos nenos/as é o de mecanografía que se desenvolverá do 11 de xaneiro ao 15 de febreiro. É un curso de introdución e práctica co teclado de 45 minutos por sesión. Ideal tanto para iniciarse como para repetir curso e continuar mellorando. Haberá dous grupos: un para a menores de 10 anos (impartiranse as clases os xoves de 18:15 a 19:00 horas) e outro para maiores de 10 anos (impartiranse as clases os xoves de 19:00 a 19:45 horas).

Categorías: Ciencia

Pontevedra enxalza o potencial innovador de Qbitia

códigocero - Mér, 01/03/2018 - 12:20

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e maila concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, mantiveron onte unha xuntanza co director executivo (CEO) da empresa local Qbitia, Luis Taboada, unha das máis salientábeis da contorna pontevedresa e toda a nosa xeografía en materia de desenvolvemento de software avanzado. Na cita os representantes do Concello fixeron fincapé no potencial innovador das firmas pontevedresas, enxalzando o labor despregado por compañías “xenuinamente locais” como Qbitia, que ten no seu haber logros tan importantes como a creación dunha plataforma que nos permite facer seguimento e control das nosas estratexias de investimento nos mercados, ou recoñecementos tan salientábeis como ter sido finalista na sétima edición dos premios The Technical Analyst Awards, ou , tamén, ter sido obxecto do Premio Emprendedor XXI de La Caixa en 2013. Na xuntanza tamén se fixo fincapé na presenza de Qbitia en máis de 30 países.
Creada no ano 2011, a empresa conta a día de hoxe con 17 traballadores e “compite a nivel internacional dende a cidade de Pontevedra, dende o barrio da Parda” subliñou o alcalde, incidindo na necesidade de “visualizar que é posíbel xerar actividade económica e emprego neste mundo globalizado, dende unha cidade que en principio está fóra dos circuítos financeiros”. Segundo engadiu, o éxito da iniciativa abrolla través das súas cifras (os 2 billóns de dólares de investimentos xestionados pola plataforma de Qbitia) e da súa presenza en mercados de capital como, por exemplo, Londres, Chicago ou Nova York.
“Pontevedra é a miña cidade e gústame estar aquí” sinalou Luis Taboada, quen subliñou que el e os outros membros da empresa imaxinan en Pontevedra. O fundador de Qbitia (elixido un dos cen executivos, de entre 30 e 42 anos, máis influentes do Estado polo Instituto Choiseul) aproveitou para “animar á xente a que emprenda, e que emprenda desde esta cidade pois hoxe en día co ecosistema que hai baseado nas novas tecnoloxías pode facerse”. E engadiu: “Pódese facer calquera tipo de innovación e de calquera sector desde aquí”.

Categorías: Ciencia

O CITIC pecha 2017 captando máis de 3 millóns para proxectos competitivos de I+D

códigocero - Mér, 01/03/2018 - 11:34
O profesor Manuel González Penedo, coordinador do Centro de Investigación TIC

O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC, rematou ano facendo reconto da súa actividade xerada en proxectos competitivos de Investigación e Desenvolvemento (I+D), unha liña de traballo que non fai máis que confirmalo como un dos centros galegos e estatais con meirande capacidade para a obtención de investimentos. Segundo informaron fontes do CITIC, este 2017 rematou cunha captación de fondos para os devanditos proxectos superior a 3 millóns de euros, o que representa un incremento do 10% con respecto ás cifras acadadas en 2016.
Estes e outros datos foron achegados durante a presentación dos resultados da actividade recente do CITIC, por parte de Manuel F. González Penedo, coordinador do centro coruñés, perante boa parte dos preto de 300 investigadores adscritos ao mesmo.
Na cita tamén se fixo fincapé noutros importantes logros, como por exemplo que os trece grupos que integran o CITIC tivesen dado forma en 2017 a arredor de 300 publicacións e 32 contratos abeirados ao artigo 83 da LOU. Tamén se lembrou que nos doce meses que vimos de deixar atrás o centro coruñés foi quen de captar 480.000 euros en proxectos internacionais, 951.000 a nacionais e 1,1 millóns a autonómicos.

Categorías: Ciencia

O sistema de xestión integrada das bibliotecas municipais chega a Narón e Fene

códigocero - Mér, 01/03/2018 - 00:26

O catálogo único da Rede de Bibliotecas de Galicia segue a medrar co novo ano. Segundo informaron coa entrada de 2018 a Consellería de Cultura e Educación e a axencia AMTEGA, implantouse finalmente o sistema de xestión integrada nas bibliotecas públicas municipais de Fene e Narón. En materia de vantaxes para os usuarios, esta novidade implicará (entre outras cousas) máis comodidade á hora de facer as súas buscas. Durante o mes de xaneiro tamén disporán deste servizo as bibliotecas de Cedeira e As Pontes de García Rodríguez.
Segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), xa son preto de 90 as bibliotecas municipais públicas que xa dispoñen do novo sistema integrado de xestión, un software de código aberto (baseado en Koha) que “abre as portas da integración” de todos os centros nunha contorna unificada, “tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia para calquera usuario ou usuaria”.
O novo sistema, como dixemos, pon en xogo un catálogo único dispoñíbel en catalogo-rbgalicia.xunta.gal. Con esta tecnoloxía, a maiores do devandito, podemos facer cousas en liña como solicitar o carné da Rede, facer reservas e renovacións, trocar de contrasinal e acceder co mesmo usuario e contrasinal a este sistema e á plataforma GaliciaLe, o sistema pioneiro de préstamo de libro electrónico.

Categorías: Ciencia

¿Otro punto crítico del agua?

Investigación y Ciencia - Mér, 01/03/2018 - 00:00
Dos estructuras líquidas diferentes y un posible segundo punto crítico: la física del agua sigue ofreciendo hallazgos sorprendentes.
Categorías: Ciencia

Piden 1.600 millóns de dólares a Spotify por ofrecer milleiros de cancións sen licenza

códigocero - Mar, 01/02/2018 - 23:30

A xestión dos dereitos de autor por parte das plataformas de música en streaming é extraordinariamente complexa, e aínda que este xeito de consumir música é agora o máis popular entre boa parte da poboación, non sempre facilita a reprodución musical cos permisos pertinentes das discográficas, como vén de denunciar Wixen Music Publishing, compañía que presentou unha demanda ante un tribunal federal de California contra Spotify, compañía á que acusa de ofrecer temas como Free Fallin" de Tom Petty, Light My Fire de The Doors e uns dez milleiros de cancións máis sen ter licenza para iso nin compensar economicamente pola súa explotación comercial, de aí que pidan 1.600 millóns de dólares en concepto de danos.
Esta demanda de Wixen deixa en evidencia que o copyright está a converterse nun grande problema para Spotify, compañía que ten varias demandas e xa chegou a varios acordos extraxudiciais ante situacións semellantes, resultando especialmente rechamante que a demanda sostén que preto do 21% dos 30 millóns de cancións do catálogo de Spotify carecerían da licenza necesaria.
A demanda parecer ser unha chamada de atención, e incluso é posible que non prospere ante as dúbidas de que Wixen teña a autorización necesaria para emprender accións tan agresivas, xa que nun principio só estaría autorizada para negociar acordos de licenza. Entre os artistas representados por Wixen estarían Tom Petty, Zach de la Rocha e Tom Morello (Rage Against The Machine), Dan Auerbach (The Black Keys), Donald Fagen (Steely Dan), Rivers Cuomo (Weezer), David Cassidy, Kim Gordon (Sonic Youth), Stevie Nicks e Neil Young, entre outros.

Categorías: Ciencia

O servizo SmartPEME da Deputación de Pontevedra, adxudicado á empresa KPMG Asesores

códigocero - Mar, 01/02/2018 - 20:56

A rede TIC de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, a rede SmartPEME (con sedes operativas en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín), afronta o novo ano con novidades. Segundo informa a entidade que preside Carmela Silva, a xunta de Goberno da Deputación aprobou a adxudicación, por procedemento aberto, do contrato de servizo de evolución e xestión da rede á empresa KPMG Asesores S.L, que presentou unha oferta de 986.271,00 euros. Esta contía, por certo, achega un aforro respecto ao licitado e abrangue unha serie de novidades importantes na cifra de accións complementarias mensuais a realizar en cada punto da rede. Tamén haberá novidades no equipo de traballo e no número de empresas asesoradas.
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a institución que preside Carmela Silva, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
No último ano SmartPEME bateu unha serie de récords importantes. Máis polo miúdo, aumentouse en preto dun 50% tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra.

Categorías: Ciencia

Facebook retransmitirá a alfombra vermella dos Globos de Ouro

códigocero - Mar, 01/02/2018 - 19:30

Aínda que as redes sociais xa levan moito tempo operando como segunda pantalla durante as retransmisións deportivas e de moitos outros acontecementos, non faltan as iniciativas para conseguir impulsalas aínda máis, como cando o ano pasado Twitter retransmitiu en directo a alfombra vermella dos Globos de Ouro, pero Facebook vén de usurparlles a posibilidade de facer o mesmo coa retransmisión deste ano, no que os Globos de Ouro celebran a súa edición 75ª.
Deste xeito o vindeiro domingo Facebook terá a exclusiva en streaming en directo da alfombra vermella dos Globos de Ouro, o que parece bastante sorprendente polo feito de que a plataforma social de Mark Zuckerberg non está orientada ao tempo real, aínda que nos últimos meses si avanzou nos EE.UU. como plataforma audiovisual, de feito que quere converterse nunha especie de servizo de televisión baixo demanda con diversos programas orixinais.
O programa que precederá os Globos de Ouros en Facebook contarán con AJ Gibson, Jeannie Mai, Scott Mantz e Laura Marano e, aparte da retransmisión en vídeo tradicional tamén incluirá vídeos en 360 graos capturados na alfombra vermella, que poderán verse na páxina de Facebook dos Globos de Ouros. Aparte da cobertura exclusiva en Facebook, os Globos de Ouro tamén farán uso da súa conta de Instagram (con contidos exclusivos nas súas publicacións e momentos entre bambolinas como historias) e durante a data dos premios a actriz e cantante Laura Marano será a encargada de publicar historias dende a conta oficial de Instagram (con 230 millóns se seareiros).

Categorías: Ciencia

Páxinas

Subscribirse a IGACIENCIA agregador - Ciencia