Ciencia

O Machine Learning Workshop centrarase en levar tecnoloxías intelixentes á nosa industria

códigocero - Ven, 09/15/2017 - 16:49

Esta tempada verán-outono está a ser, sen dúbida, unha tempada sobre intelixencia artificial. Se hai uns días falamos da décima edición do Congreso Internacional INLG (organizada polo CiTIUS en Compostela co obxectivo de mostrar os principais achados actuais no relativo á capacidade de facer intelixíbel a gran cantidade de datos numéricos e científicos que manexan), agora é a quenda de irnos preparando para o que será outro dos grandes eventos tecnolóxicos da tempada, a nova edición do Machine Learning Workshop Galicia, un encontro dirixido a avaliar o estado de saúde (o nivel de desenvolvemento presente e futuro) das máquinas “pensantes”, co fin de estudar a súa aplicabilidade en múltiples ámbitos produtivos.
O workshop, previsto para o 19 de outubro, virá novamente da man do CiTIUS. Segundo nos conta o centro da USC, a comunidade investigadora ten até o día 25 deste mes para enviar propostas e traballos. O MLWG parte dos mellores precedentes: o ano pasado acolleu dúas ducias de relatorios e máis de 100 participantes.
Os temas a tratar serán moitos e variados (aprendizaxe de máquinas, Deep Learning, información a gran escala ou Big Data) pero xirarán todos eles arredor do estado de cousas da tecnoloxía intelixente, ou sexa, tecnoloxías con capacidade de avaliar grandes cantidades de información e tomar as mellores decisións ao respecto en base a algoritmos avanzados. Do que se trata en boa medida, segundo nos conta o CiTIUS, é de visualizar no mercado o que até agora ficaba en parte invisíbel, pechado nos espazos de investigación dos diferentes grupos de traballo pero cun amplo potencial a nivel social, científico e empresarial.
Segundo nos conta o CiTIUS nun plano máis concreto, nesta edición “daráselles prioridade aos traballos que mostren a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning a casos de uso reais co fin de visualizar perante a industria o potencial destas tecnoloxías”. Tamén se valorarán os traballos que, aínda sen contar con algún caso de uso de transferencia real por atoparse nunha fase inicial de desenvolvemento, conten cun potencial importante de aplicabilidade no tecido socioeconómico ou industrial.
Apoios e obxectivos ao detalle
O evento contará co apoio do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e AtlantTIC (Universidade de Vigo). Diríxese como dixemos a avaliar e mostrar a ampla gama de recursos e aplicacións que poñen en xogo as tecnoloxías ML. Recursos e aplicacións xa coñecidos (e outros por coñecer) como sistemas de procura, análise de textos, análises de redes sociais, recoñecemento de obxectos e caras, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos, mellora e optimización dos sistemas de produción na industria, aplicacións de analítica para a intelixencia de negocio, e “un larguísimo etcétera”, en palabras da organización, que quere achegar unha visión total e certeira das potencialidades de todos estes recursos e das materias pendentes nos mesmos e nos que están aínda por vir. Segundo engaden os impulsores da xornada de traballo, “malia todos os beneficios achegados polo ML á sociedade e á industria, o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que existe un futuro cheo de novos retos e oportunidades”.
Comité científico:
Ricardo Cao (CITIC-UDC, ITMATI)
Milagros Fernández Gavilanes (AtlantTIC - UVIGO)
David Mera Pérez (CiTIUS-USC)
Andrés Gómez Tato (CESGA)
Félix Díaz Hermida (CiTIUS-USC)

Categorías: Ciencia

Érguete organiza na Guarda un obradoiro TIC para mocidade desempregada

códigocero - Ven, 09/15/2017 - 16:00

A Asociación Érguete Baixo Miño vén de convocar un obradoiro para introducir á veciñanza no uso emprendedor das ferramentas dixitais: para adestrarse e impulsar proxectos de mercado e, tamén, para mellorar os seus currículos e incrementar as posibilidades de inserción laboral. O curso para Emprender a través das Novas Tecnoloxías, que conta coa colaboración da Concellería de Política Social (Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado), diríxese a “crear un espazo de comunicación para a mocidade sobre as potencialidades de uso das novas tecnoloxías ao mesmo tempo que se fomenta a idea de empregabilidade a través da Rede”.
Esta actividade está dirixida a mozos e mozas desempregados/as, facendo fincapé naqueles/as que teñan entre 16 a 35 anos. O horario é de 16:00 a 21:00 h. os luns, mércores e venres. Os obradoiros comezarán o 25 de setembro para rematar o 13 de outubro, cubrindo un total de 50 horas e achegando, ao seu término, un certificado de participación. O obradoiro é de balde e celébrase na Aula de Informática de San Benito (Praza San Benito, 2-3 -36780 de A Guarda). Os bloques temáticos do curso artéllanse nos seguintes temas: mercadotecnia dixital (que, como, cando e onde) e redes sociais (uso da Rede, taller de aplicacións, etc).

Categorías: Ciencia

Os Orzamentos Participativos da Coruña xa rexistraron máis de 4.000 votos dixitais

códigocero - Ven, 09/15/2017 - 13:49

A Concellería de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña vén de dar a coñecer os primeiros datos da concorrencia cidadá na última fase do proceso de Orzamentos Participativos, unha iniciativa do Goberno local para tirar proveito das tecnoloxías da información (como praza pública, como canles de interacción, como recursos para que cada veciña e veciño poña o seu gran de area de acción pública) e impulsar a colaboración coa xente en materia de decisións e xestión. Segundo fixo saber a concelleira Claudia Delso, dende o día 8 deste mes (data de inicio da fase de votación) e até onte pola mañá, máis de 700 cidadáns emitiron máis de 4.000 votos dirixidos ás súas propostas de cidade e distrito preferidas á través da plataforma dixital www.aportaaberta.coruna.es.
Segundo lembrou, aquelas que reciban máis apoios incorporaranse á proposta inicial de Presupostos da Coruña de cara ao ano que vén. A veciñanza ten até o 24 de setembro para participar.
Delso tamén recordou que, co obxectivo de promover e facilitar a participación, o Goberno local habilitou nesta última fase dos Orzamentos Participativos dous novos puntos de información e dinamización: o sábado 16 no Obelisco e o sábado 23 na Praza de Pontevedra, en horario de 16:00 a 21:00. Nestes espazos a cidadanía atopará información detallada do proceso, amais de poder consultar as propostas candidatas e votar a través de dispositivos móbiles. Estes puntos contarán ademais con áreas de xogo e lecer para facilitar a conciliación. Precisamente este sábado 16, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a edil de Participación, Claudia Delso, coñecerán de primeira man estes novos espazos informativos.
A concelleira sinalou igualmente que do mesmo xeito que nas fases anteriores do proceso, o Concello puxo tamén a disposición das persoas interesadas en participar espazos de apoio en todas as bibliotecas e centros cívicos municipais, no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) e na Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, así como información detallada no teléfono de balde 010.

Categorías: Ciencia

O Concello de Ponteareas colabora coa Escola de Música de Xinzo no seu proceso de informatización

códigocero - Ven, 09/15/2017 - 13:45

A Escola de Música de Xinzo (Ponteareas) vai contar co apoio Concellería de Novas Tecnoloxías para impulsar o seu proceso de dixitalización. Así o deron a coñecer os responsábeis da escola o pasado 12 de setembro, tras unha xuntanza co concelleiro Benito Márquez. Na reunión, na que participou (entre outros) o presidente do centro de formación musical, Francisco Represas, acordáronse cousas concretas como dotar á escola cun equipo informático acorde ás necesidades da entidade.
Este equipamento, que virá da man da devandita Concellería, forma parte do que en palabras dos responsábeis da escola constitúe “un profundo profeso de modernización co obxectivo de aumentar a calidade docente e organizativa”. Un dos eixos de mellora é un eixo TIC e abranguerá a informatización de todos os procesos administrativos e contábeis da entidade.
Segundo explicaron, neste curso 2017/2018 a Escola de Música de Xinzo conta con máis de 100 alumnos e alumnas e un cadro de 10 profesores achegando un amplo abano formativo de especialidades musicais. Este importante número de estudantes e de mestres, unido a un proceso de descentralización da escola cara a diferentes emprazamentos (por exemplo as parroquias de Prado, Moreira ou Arcos, todas elas de Ponteareas), fan que sexa preciso abordar na xestión unha serie de procesos renovadores. De aí o apoio do Concello.

Categorías: Ciencia

A Noite Galega das Telecomunicacións 2017 estará presidida por Alberto Núñez Feijóo

códigocero - Ven, 09/15/2017 - 13:06

Xa vai quedando menos para a nova edición, a 22, da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que este ano xirará arredor da necesidade de adestrarnos e capacitarnos para a que está sendo (e será) unha das grandes ameazas tecnolóxicas do noso tempo: a ciberdelincuencia. Máis polo miúdo, a Noite celebrarase o 29 de setembro na Coruña, no recinto de PALEXCO, e estará presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Segundo informa a organización do evento, o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), a gala achegará unha serie de novidades importantes con respecto ás anteriores entregas. Será, en palabras do COETG-AETG unha cita “coidada e disruptiva” que comezará cun cóctel-networking que dará paso, no salón Arao, a un espectáculo en cuxo transcurso entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017.
Nesta edición a relación de premiados son: Enxeñeiro do Ano a Paulino González; Socio de Honra a Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a Situm Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC a Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA, a Balidea Consulting & Programming; ao mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a FINSA.
Volvendo ao fío temático da Noite, será, como dixemos, o da ciberseguridade. Segundo nos contou recentemente o director da AETG, “escolleuse esta temática para analizar os diferentes factores que inflúen no afianzamento da utilización do espazo dixital de forma segura”. Estarán presentes neste foro todos os axentes implicados en ciberseguridade, tanto do ámbito privado como do público, para tomar consciencia da importancia do ciberespazo e a seguridade do mesmo no desenvolvemento económico e social.

Categorías: Ciencia

Unha aplicación permítenos saber se o noso PC é compatible coa realidade mixta de Windows

códigocero - Ven, 09/15/2017 - 11:01

Falta preto dun mes para a chegada ao mercado da realidade mixta de Microsoft, xa que os consumidores poderemos gozar desta tecnoloxía a partires do lanzamento da actualización de outono de Windows 10, que iniciará a súa distribución o vindeiro 17 de outubro, data na que tamén porán á venda os primeiros cascos compatibles coa realidade mixta, e que leva aos interesados en probar esta evolución da realidade virtual a preguntarse se é compatible co seu equipo informático actual, para o que Microsoft vén de publicar a aplicación Windows Mixed Reality PC Check.
A nova ferramenta de software comproba a configuración do noso equipo para dicirnos se ten potencia dabondo para correr a realidade mixta de Windows, pero non queda aí, senón que tamén indica os puntos febles do equipo, o que permítenos comprobar dun xeito doado se chegaría con mercar algún accesorio ou, por exemplo, cambiar a tarxeta gráfica, para superar a barreira que permita introducirnos nesta tecnoloxía sen ter que mercar un ordenador novo.
Temos que lembrar que esta tecnoloxía é moito menos esixente que a dos cascos de realidade virtual actuais, pero ofrecería así dous niveis de experiencia ben diferenciados, de xeito que os ordenadores máis sinxelos tería realidade mixta normal, e os máis potentes poderían gozar dunha realidade mixta ultra, que sería a que realmente ofrecería unha boa experiencia de inmersión.

Categorías: Ciencia

O Goberno galego apoiará 32 empresas co seu II Concurso Industria 4.0

códigocero - Ven, 09/15/2017 - 09:44

O Goberno galego, amais das novidades relativas ao ensino para os vindeiros anos (que pasan pola introdución robótica e a programación como materias de ensino obrigatorio), vén de achegar detalles sobre unha nova iniciativa dirixida a fomentar, tamén, escenarios innovadores de traballo e desenvolvemento, aínda que desta volta nas empresas. Trátase da segunda convocatoria do Concurso de ideas Industria 4.0, cuxo obxectivo é apoiar 32 empresas no desenvolvemento de proxectos que apliquen os procesos e as técnicas de fábrica intelixente.
Foi dado a coñecer, igualmente, polo titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.Segundo fixo saber, o certame vén cun investimento público de 2,8 millóns de euros e cunha previsión de mobilizar 8 millóns. Con este investimento, dixo, apoiaranse catro proxectos nos sectores estratéxicos da motor, a madeira, a alimentación e o naval.
No eido da automoción, Feijóo sinalou que se trata du proxecto liderado por CEAGA e que conta coa participación de nove PEME do sector, centrándose na automatización, a dixitalización e a intercomunicación máquina a máquina, así como na conectividade total ou estendida.
En relación ao sector madeireiro, o Clúster da Madeira coordinará nove PEME de toda a cadea de valor para mellorar “a súa especialización, tecnificación e competitividade”.
No eido alimenario, financiarase a CLUSAGA e a cinco PEME dos sectores lácteo, avícola, pesqueiro, vitivinícola e hortofrutícola, co obxectivo compartido de incorporar novas tecnoloxías de produción e envasado, e perfeccionar a rastrexabilidade.
Sobre o sector naval, o presidente informou que ACLUNAGA aspirará a “revitalizar os procesos produtivos e de xestión do sector naval e a industria auxiliar, apostando pola dixitalización como elemento clave”.
Ademais dos catro proxectos sectoriais, o Goberno galego tamén financiará un proxecto temático centrado na fábrica virtual. ASIME, a Asociación de industriais metalúrxicos de Galicia, será a entidade encargada do seu desenvolvemento.

Categorías: Ciencia

As empresas galegas sitúanse á cabeza do estado no acceso á servizos da administración electrónica

códigocero - Ven, 09/15/2017 - 04:54

As empresas galegas de 10 ou máis asalariados sitúanse á cabeza na clasificación de Comunidades Autónomos na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet. Ademais, o segmento das microempresas experimentou un incremento do preto dun 9% na contratación de Internet e de máis dun 7% da banda larga móbil no último ano.
Son datos da enquisa sobre O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2016/2017 publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á AMTEGA.

Incremento do 19% na contratación servizos a Internet de máis de 30 Mbps

A práctica totalidade das pequenas e grandes empresas de Galicia, as que teñen 10 ou máis asalariados, dispón de ordenador (99,1%), conexión a Internet (98,5%) e banda larga (98,9%), todos estes indicadores en valores semellantes á media estatal
Oito de cada dez empresas galegas de 10 ou máis asalariados (80,5%) con conexión a Internet ten contratado o servizo de acceso á rede a través de telefonía móbil de banda larga.
En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, máis da metade das empresas galegas de 10 ou máis empregados (50,9%) conta cunha velocidade de entre 2 Mbps e 30 Mbps, superando a media estatal (49,6%). Ademais, cabe destacar que o 44% das empresas galegas deste segmento ten contratado o acceso a Internet con velocidades de máis de 30 Mbps, un 19% máis que o ano anterior.
Un 88,2% das empresas galegas de 10 ou máis empregados empregan software de código aberto, superando lixeiramente á media estatal (87,4%), o que as sitúa no 5º posto na clasificación de Comunidades Autónomas neste indicador.

Á cabeza no uso da eAdministración

A enquisa do INE indica que as empresas galegas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet sitúanse no primeiro posto no clasificación de Comunidades Autónomas na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet.
Un 96,3% das empresas galegas deste segmento emprerial interactuou coas AAPP a través de Internet no último ano, experimentando un incremento do 8,6% e superando a media estatal en 3,8 puntos porcentuais
Modelo de xestión empresarial: Cloud computing, big data, RFID e redes sociais
As redes e medios sociais son outro dos fenómenos ligados ás TIC que analiza o OSIMGA a través dos datos do INE. Un 42,5% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utilizaron algún tipo de medios sociais (Facebook, Linkedin, Google+, etc), experimentando un incremento do 19,6% no último ano.
As empresas galegas de 10 ou máis asalariados comezan tamén a realizar análises Big Data e actualmente xa un 9,7% destas empresas analizaron Big Data, superando lixeiramente a media estatal (8,8%).
En relación ás tecnoloxías cloud, un 16,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores compraron algún servizo de Cloud Computing. Tamén cabe salientar que un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis empregados fan uso das tecnoloxías RFID, en valores próximos a media estatal (15,2%).

O uso das TIC nas microempresas galegas

Un 62,3% das microempresas galegas contan con conexión a Internet contratada, o que supuxo un crecemento dun 8,7% no último ano. Isto permitiu reducir a distancia coa media estatal en 5,5 puntos porcentuais.
Entre as microempresas que contan con conexión a Internet, un 84,8% dispón de banda larga fixa e un 69,4% de banda larga móbil. Cómpre salientar o significativo incremento na contratación de banda larga móbil entre as microempresas galegas, un 7,2% no último ano fronte ao 3,9% de crecemento da media estatal.
En relación ao uso das redes sociais, un 33,5% das microempresas galegas con conexión a Internet as empregan, superando en máis de 2 puntos porcentuais a media estatal (31,2%), o que as sitúa no quinto posto na clasificación de Comunidades Autónomas neste indicador.
As micrompresas galegas con conexión a Internet tamén superan en 3 puntos a media estatal no que se refire á interacción coas Administracións Públicas a través de Internet: a media galega sitúase nun 74,8%% fronte ao 71,8%% da media estatal.

Categorías: Ciencia

The big questions about Saturn that doomed Cassini mission may yet answer

Nature - Ven, 09/15/2017 - 02:30

Data from spacecraft could help determine the age of Saturn's rings and the persistence of its magnetic field.

Nature News doi: 10.1038/nature.2017.22619

Categorías: Ciencia

¿Influyen las bacterias intestinales en la esclerosis múltiple?

Investigación y Ciencia - Ven, 09/15/2017 - 00:00
Constatan en humanos y ratones la relación entre el microbioma y la esclerosis múltiple.
Categorías: Ciencia

Scientists' sexual-harassment case sparks protests at University of Rochester

Nature - Xov, 09/14/2017 - 23:38

Researchers who worked with Florian Jaeger have filed a complaint with the US government after the university cleared his name.

Nature News doi: 10.1038/nature.2017.22620

Categorías: Ciencia

O alumnado de ensino obrigatorio terá formación en robótica e programación no curso 2020/21

códigocero - Xov, 09/14/2017 - 22:00

Alberto Núñez Feijoo avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello da Xunta que a Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, terá como obxectivos centrais que no curso 2020/21 todo o alumnado do ensino obrigatorio teña acceso a formación en robótica e programación; así como acabar coa fenda de xénero nos estudos STEM, isto é, de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.
Entre as principais medidas que se van implantar para acadar este dobre obxectivo, Feijoo destacou as seguintes: a extensión dos kits de robótica a todos os centros de ensino obrigatorio, a creación do bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, a posta en marcha dos Espazos Maker como zonas de creación científica e a mellora do sistema de libro dixital, con máis centros, mellor conectividade, mellores equipamentos e mellores contidos.
Nesta liña, lembrou que nos últimos cursos foron incorporándose aos currículos novas materias de libre configuración autonómica como Robótica, Programación ou Identidade dixital, que debuta este curso. Paralelamente, durante o curso pasado repartíronse kits de robótica, programación e impresión 3D en todos os centros de secundaria. Deste xeito, hoxe xa hai 12.000 alumnos implicados nalgunha acción de formación científico-tecnolóxica e máis de 750 kits de robótica despregados.
Como primeira grande medida do plan, o presidente da Xunta explicou que durante o ano académico que está comezando se levarán os kits de robótica a 120 centros de primaria e se ofrecerá ao profesorado un plan de formación específico para coñecer mellor estes novos recursos.
«O obxectivo, no horizonte 2020/21, é que todos os centros de primaria dispoñan de kits de robótica e programación, para que os galegos desde a primaria aprendan a destreza nestas disciplinas», incidiu o presidente da Xunta.

Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía

En relación á segunda gran iniciativa: a posta en marcha do bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, o presidente precisou que os mozos que o cursen terán unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, dedicada a afondar no seu coñecemento sobre as materias STEM.
«En lugar de 32 horas lectivas, pasarán a ter 34 ou 35, ademais de participación en charlas, obradoiros ou cursos», aseverou, ao que engadiu que o alumnado deberá realizar, ao longo de dous cursos, un traballo de investigación semellante aos traballos de fin de grao e deberán facer unha defensa pública do proxecto, que será avaliado por unha comisión.
Ao final da etapa, os alumnos recibirán unha certificación na que se acredite que realizaron este bacharelato de excelencia. O obxectivo é que, no curso 2020/21, Galicia conte con 20 centros de ensino secundario con bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía.

Espazos Maker e libro dixital

Esta estratexia para a educación dixital integra tamén o desenvolvemento dos Espazos Maker, zonas con equipamento específico dedicadas a fomentar a creatividade e a innovación da mocidade. Estímase que desta iniciativa se beneficien 300 centros no horizonte 2020/21.
Con respecto ao cuarto eixo do plan, prevese estender o libro dixital a 300 centros e a máis de 20.000 alumnos no curso 2020/21, contando con dúas novidades: un módulo específico nos plans de convivencia para traballar a identidade dixital e prever condutas negativas en Internet e premios individuais á creatividade en contornas dixitais vinculados aos proxectos dos centros.

Rede de centros eSTEM.gal

Ademais destes catro grandes eixos, a estratexia tamén incorpora outras novidades como a a creación da rede de centros eSTEM.gal, que aglutinará aqueles centros cunha especial motivación polo desenvolvemento científico-tecnolóxico, permitíndolles compartir as boas prácticas e crear comunidades de interese.
Coa previsión de sumar 100 centros a esta rede no horizonte 2020/21, os que se integren na rede partirán con beneficios á hora de participar en proxectos de innovación educativa.

Máis formación

Así mesmo, para os alumnos cunha gran vocación científica, esta estratexia abre tamén a posibilidade de que poidan ir formarse uns meses a outro centro educativo, nacional ou estranxeiro.
Tamén orientado aos científicos en potencia, este curso comezarase a celebrar a Semana STEM, que brindará de xeito gratuíto a 300 alumnos unha inmersión lúdica nos ámbitos vinculados coa robótica, programación o pensamento computacional ou as tres dimensións.
Ademais, a Estratexia ambiciona multiplicar por 20 o número de clubs de ciencia que hai no ensino público galego, pasando dos 10 do curso pasado a 200 dentro de tres cursos.
No tocante á formación do profesorado, Feijoo afirmou que, ao igual que ocorre co plurilingüismo, se porá á disposición dos docentes máis de 10.000 prazas de formación específica, para garantir a mellor calidade no ensino.

Categorías: Ciencia

Seismologists stumped by mystery shock after North Korean nuclear test

Nature - Xov, 09/14/2017 - 21:37

A second jolt felt minutes after this month's detonation continues to confound researchers.

Nature News doi: 10.1038/nature.2017.22618

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo e COGAMI colaboran na inserción polo vieiro tecnolóxico

códigocero - Xov, 09/14/2017 - 18:30

A Deputación de Lugo informou hoxe do seu traballo a prol da inserción laboral de persoas con características funcionais diversas, parte do cal apóiase directamente na formación tecnolóxico-dixital (a través dos programas Ben Empregado ou o Comunnitteando). Os datos viñeron da man da deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, durante unha xuntanza cun usuario da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) que está a traballar nunha empresa lucense como operario de imprenta (a través do servizo de intermediación laboral en zonas rurais da provincia, que financia o Executivo da Deputación).
A deputada lembrou “o compromiso e a aposta decidida do Goberno da Deputación”, para acadar “unha plena integración e igualdade de oportunidades para as persoas con capacidades diferentes na nosa provincia”. Segundo engadiu, todas as iniciativas de emprego postas en marcha pola entidade provincial (como os devanditos programas Ben Empregado ou o Comunnitteando) van encamiñadas cara ao obxectivo da plena inclusión.
Segundo dixo, son 117.000 euros os que o Goberno achega ao mencionado colectivo para a realización de distintas programacións ao longo do ano. En concreto, destínanse 90.000 euros ao servizo de intermediación laboral, co que “se promove a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral en contornas rurais e a través do desenvolvemento de accións formativas”.
Porén, a deputada recordou que o Goberno da Deputación colabora con COGAMI a través de outras moitas programacións. Por exemplo, o colectivo reforzou os servizos que ofrecen aos seus usuarios grazas a anteriores edicións do Ben Empregado, pois contrataron un total de 5 persoas: un axudante de mantemento de xardinería, un profesor de actividade artísticas e unha auxiliar de Enfermería, ambos con discapacidade física, así como un logopeda e fisioterapeuta.
Ademais, a Deputación levou a cabo o Communitteando na provincia dende as instalacións de COGAMI na cidade da Muralla. Trátase dun obradoiro social de emprego xuvenil, con formación teórica e práctica e incluíndo remuneración por valor de 650 euros mensuais (o salario mínimo interprofesional). Nel xa participaron 15 mozos lucenses no paro, incluídos no Sistema de Garantía Xuvenil, polas “súas dificultades para acceder ao mercado laboral”. Especializáronse en xestión de contidos dixitais, sistemas operativos, elementos da rede e aplicacións informáticas e microinformáticas. Por exemplo, crearon a nova páxina web e redes sociais de COGAMI Lugo.

Categorías: Ciencia

FalaRedes e Os Bolechas acompañan a súa nova xira cun concurso en liña

códigocero - Xov, 09/14/2017 - 17:42

A Secretaría Xeral de Política Lingüística informou esta semana da nova edición, a sexta, da iniciativa de dinamización lingüística FalaRedes. Trátase, segundo lembrou o secretario xeral Valentín García, dun programa participativo, itinerante e lúdico para a promoción do galego, tanto no plano real (con accións in situ para as crianzas) coma no dixital. A sexta edición de FalaRedes foi dada a coñecer dende Moraña (Pontevedra), onde comezará (este 16 de setembro ás 18.00 horas na Casa da Cultura) unha xira por 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta. O percorrido (De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas) será conducido por uns convidados de excepción: a familia de Os Bolechas, os populares personaxes creados por Pepe Carreiro.
O secretario de Política Lingüística engadiu que se trata dunha actividade “especificamente pensada para familias novas con cativada dos catro aos dez anos, para quen os coñecidos bonecos son referentes galegofalantes cos que ano a ano tentamos chegar con temáticas e propostas diversas pero sempre atractivas co obxectivo de animalos a participar, a socializar e a desenvolverse en galego”. Acompañárono na presentación a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e mais un dos responsábeis de Bolanda Edicións, Tomás Valín.
O espectáculo chegará, do 16 de setembro ao 5 de novembro, a Moraña, Sober, Castrelo de Miño, Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte), Pazos de Borbén, A Bola, Frades (en colaboración coa Mancomunidade da Comarca de Ordes), Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove.
O secretario xeral tamén recordou que esta sexta edición de FalaRedes virá novamente cun correlativo no plano dixital, complementándose os espectáculos itinerantes (coas súas datas e os seus emprazamentos) con retos a desenvolver nas redes. Neste senso, a organización acompañará cada cita cun concurso no que se convidará ás nenas e aos nenos a coñecer unha palabra máxica que lles permitirá acceder á páxina web para “seguir xogando e aprendendo máis” para conseguir até 20 lotes dos libros de Os Bolechas.
A iniciativa presentada esta semana en Moraña é a cuarta proposta de dinamización lingüística que chega á RDL en exclusiva da man dos Bolechas, que xa levaron as actividades Os Bolechas na máquina do tempo, Os Bolechas e o sabichón e mais Os Bolechas van ás Olimpíadas en edicións anteriores do FalaRedes.
FalaRedes 2017
A sexta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes mantén os obxectivos das anteriores de “ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia”.
Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Categorías: Ciencia

MásMóvil estrea tarifa plana de voz por 9,90 euros/mes

códigocero - Xov, 09/14/2017 - 13:36

Cando parecía que as tarifas móbiles só de voz eran cousa do pasado, varias compañías comezan a competir en tarifas planas de chamadas sen datos, de xeito que agora podemos ver como MásMóvil ofrece chamadas nacionais ilimitadas a fixos e móbiles (agás para números de tarificación especial e numeración curta ou no caso de abusos como empregar a liña a xeito de vixía-bebés) por 9,90 euros/mes.
Esta tarifa carece de limitacións de minutos e destinos, para tranquilidade dos seus usuarios. Os usuarios que queiran gozar de acceso á Rede con esta tarifa terán que pagar os bloques de 100 MB a 1,5 euros, cun máximo de 6 bloques, de xeito que tras superar os 9 euros de recarga a velocidade baixará a 16 Kbps.
O máis curioso desta oferta é que ten como un dos seus principais competidores a tarifa de FreedomPop que por 8,99 euros/mes ofrece chamadas ilimitadas e 2 GB de datos, funcionando este operador a través da rede de MásMóvil.

Categorías: Ciencia

Amazon Unlimited chega a España

códigocero - Xov, 09/14/2017 - 12:14

Hai preto dun ano Amazon estreou nos EE.UU. o seu servizo de streaming musical chamado Music Unlimited, co que competir con Apple, Google e Spotify, entre outros, e finalmente o servizo estréase en España, de xeito que de xeito que xa temos a posibilidade de subscribirnos a este servizo que achega un catálogo de máis de 50 millóns de cancións e centos de listaxes de reprodución e emisoras, de xeito que os usuarios poden elixir temas dun completo repertorio musical no que non faltan artistas supervendas (Shakira, Taylor Swift, Katy Perry...) e clásicos (Elvis Presley, David Bowie, Mecano...) así como descubrir música que non coñecen, xa que o sistema integra recomendacións personalizadas.
O lanzamento español de Amazon Music Unlimited non se limita a ofrecer o material dispoñible en EE.UU., senón que tamén inclúe centos de listaxes de reprodución e emisoras coidadosamente seleccionadas por expertos de Amazon Music en música española, de xeito que tanto atoparemos música pop como flamenco, así como tamén poderemos elixir música en función do noso estado de ánimo.
Music Unlimited funciona a través da Internet, tanto no nos ordenador como a través de dispositivos móbiles, contando con opcións de funcionamento sen conexión para que podamos escoitar música cando imos de viaxe e non poidamos/queiramos facer uso da nosa conexión de banda larga móbil.
A subscrición a Music Unlimited custa 9,99 euros/mes para usuarios individuais e 14,99 euros/mes para familias (até 6 membros), aínda que os usuarios de Amazon Prime poderán gozar dun prezo especial de 99 euros/ano para o plan individual e de 149 euros/ano para o plan familiar. A maiores, e como oferta de lanzamento (até o 14 de outubro), os membros de Amazon Prime recibirán 10 euros de crédito promocional coa súa subscrición.

Categorías: Ciencia

Vitae Consultores móstranos o camiño para sermos mellores líderes na nosa empresa

códigocero - Xov, 09/14/2017 - 09:54

Vitae Consultores vai organizar en Vigo unha actividade formativa directamente encamiñada a optimizar o labor dos profesionais que dirixen equipos de profesionais. O Curso Auto Liderado Baseado en Neurociencia (PDF) introdúcenos nas metodoloxías que nos van permitir coñecernos a nós mesmos (autocoñecemento) para comprender os perfís profesionais diferentes ao noso. Isto, sinala Vitae, resulta hoxe en día un paso fundamental para entender as intencións e as motivacións de cada un dos integrantes dunha equipa profesional, o que está na base da resolución de múltiples conflitos e, dende logo, nunha mellor comunicación.
No curso, de 10 horas, proporcionaranse as ferramentas precisas de autocoñecemento e autoliderado para podermos ter unha perspectiva baseada na ciencia que nos axude a ser mellores líderes e traballar en equipo.
O curso, segundo informan os organizadores, fornecerá aos asistentes de 10 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional, polas súas siglas en inglés Professional Development Unit) a validar polo PMI (Project Management Institute).
Os obxectivos concretos desta actividade formativa son elaborar unha descrición baseada na ciencia do perfil de comportamento profesional, achegar un método eficaz para o autocoñecemento e o autoliderado e subministrar ferramentas para liderar e traballar en equipo xestionando as expectativas e os conflitos.
Como dixemos, inclúe dez horas lectivas a distribuír en dúas xornadas de cinco horas. Celebrarase os días 20 e 12 de outubro no Centro Social A Fundación ABANCA de Vigo, nos números 24-26 da rúa Policarpo Sanz de Vigo.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

Categorías: Ciencia

Los satélites evidencian que el nivel del mar está aumentando de forma desigual en todo el mundo

Investigación y Ciencia - Xov, 09/14/2017 - 00:00
El agua procedente de la fusión de los glaciares y las capas de hielo se desplaza en mayor proporción hacia las latitudes medias debido a procesos geológicos.
Categorías: Ciencia

O LAIC da Coruña presenta a súa programación de outono

códigocero - Mér, 09/13/2017 - 23:30

Esta tarde desenvolveuse o 2º encontro aberto coas comunidades #LAIC no centro de coworking Accede Papagaio, nun acto no que estiveron presentes o concelleiro de Culturas Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, o coordinador do programa Coruña Dixital, Sergio Lago, e a responsable de LAIC, María Yáñez, nunha cita na que pretendían tanto retomar o contacto con participantes do novo Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) como para dar a coñecer a súa programación para os vindeiros meses.
As actividades que xa se atopan programadas son as seguintes:
- Como publicar contidos audiovisuais con licenzas libres: un obradoiro impartido por Jorge Lama sobre licenzas Creative Commons. Desenvolverase no 5 de outubro de 19:00 a 20:30 horas en Accede Papagaio.
- Como profesionalizar a túa canle de YouTube: seminario impartido por un par de profesionais da axencia de representación de talentos dixitais 2btube e polo booktuber lugués Sebas G. Mouret. Terá lugar o 19 de outubro de 16:00 a 20:00 horas en Accede Papagaio.
- Supercine: Taller de Cinema Crowd: achegamento ao movemento colaborativo por parte de Miguel Ángel Rolland, que está dirixido a cineastas e produtores audiovisuais con proxecto. Terá lugar o 21 de outubro de 10:30 a 20:00 horas no Centro Cívico da Cidade Vella.
- Laboratorio Transmedia A Coruña Rebelde: Arquivatón. Esta iniciativa procurará recompilar, dixitalizar e publicar 50 elementos en Archive.org baixo o lema A Coruña rebelde para poder conseguir así crear unha colección sobre ese tema aproveitando a celebración do Día Internacional do Patrimonio Audiovisual. Desenvolverase no Quiosco Alfonso o 27 de outubro de 17:00 a 20:00 horas e o 28 de outubro de 10:00 a 14:00 horas.
- Aventuras dunha youtuber legal: Bárbara Román e José Manuel Sendín de NoLegalTech falarán da súa guía legal para youtubeiros o 2 de novembro de 19:00 a 20:30 horas en Accede Papagaio.
- Laboratorio Transmedia A Coruña Rebelde: Hackatón. Desta volta realizarase un obradoiro de realidade aumentada co material arquivado no repositorio A Coruña rebelde. Quérese crear un prototipo de aplicación para móbiles e tabletas que poida acceder aos materiais de xeito xeolocalizado, relacionando cada arquivo con espazos reais a través da cámara do móbil. Tamén realizarase un webdoc cun mapa interactivo que comparta os mesmos materiais. Esta actividade organizada en colaboración con Bermudas.land terá lugar o 3 de novembro de 16:00 a 20:00 horas e o 4 de novembro de 10:00 a 20:00 horas no Centro Ágora.
- Novos modelos profesionais para o audiovisual: trátase dun encontro para presentar novas oportunidades que abre a Internet ao sector audiovisual, e que está organizada en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. Terá lugar o 9 de novembro de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas nun lugar por determinar.
- Taller de narrativas populares contemporáneas: obradoiro teórico-práctico impartido por Felipe G. Gil e Lucas Tello de Zemos98 que permitirá coñecer e experimentar con novas narrativas audiovisuais baseadas en microformatos (GIF, memes, emoticonas, historias efémeras...). Terá lugar o 18 de novembro de 10:30 horas a 14:00 horas e de 16:00 horas a 20:00 horas no Centro Cívico da Cidade Vella
- Laboratorio de Creación de Videoxogos: xornada para idear e prototipar proxectos, organizada en colaboración co Monkey Laboratory, e que terá lugar no Centro Cívico da Cidade Vella o 24 de novembro de 16:00 a 20:00 horas.

Categorías: Ciencia

Páxinas

Subscribirse a IGACIENCIA agregador - Ciencia