Ciencia

A FIC acolle unha conferencia sobre o noso futuro demográfico

códigocero - Xov, 04/05/2018 - 18:00

O grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (MODES) da Universidade da Coruña organiza este 6 de abril, na Facultade de Informática do Campus de Elviña, a conferencia Galicia: pasado, presente e futuro desde a perspectiva das operacións demográficas do Instituto Nacional de Estatística (INE). A sesión, un achegamento ao noso porvir poboacional (cos seus problemas estruturais, cun marcado índice de envellecemento e cun claro proceso de concentración nas cidades e nas vilas de meirande tamaño e actividade económica) dende unha óptica de cálculo a gran escala, contará coa presenza do director adxunto de Estatísticas Socio-Demográficas do INE, Jorge Luis Vega Valle, titulado pola UDC.
A conferencia desenvolverase ás 12:30 horas na aula de graos Víctor Gulías. Segundo informa o grupo MODES para poñernos en situación, a xornada responde a unha presenza cada vez maior nos medios de novas e reportaxes relacionadas cos parámetros demográficos, botando luz sobre estes e sobre os procesos para darlles corpo. Na conferencia de Vega Valle incluirase unha breve mención á metodoloxía empregada polo INE nas diversas operacións demográficas que realiza. Así mesmo, detallaranse, para o caso concreto de Galicia, e realizando un desglose para cada un dos diversos compoñentes demográficos (nacementos, defuncións, inmigracións, emigracións) a evolución dos indicadores máis relevantes. Por último, incluiranse comparativas co resto de España e tamén a nivel europeo que axudarán a ter unha perspectiva máis global da situación demográfica galega.

Categorías: Ciencia

As novas plataformas loitan por coller o relevo da televisión tradicional

códigocero - Xov, 04/05/2018 - 15:06

Esta mañá o Pazo de Cultura de Carballo acolleu a celebración das actividades da Zona Pro do Carballo Interplay, que comezaron cun panel sobre A televisión e os contidos nativos de Internet: experiencias e novas plataformas, na que participaron representantes de Playz, Flooxer, CRTVG e Mtmad, deixando clara a demanda de novas plataformas audiovisuais para recoller o público que abandona a tiranía da grella televisiva tradicional, á vez que que manifestaron as dificultades de facerse un oco dentro da inmensa oferta de contidos actual.

Abriron o panel o subdirector de contidos e transmedia de RTVE, Alberto Fernández, e Agustín Alonso G., responsable de webseries de Playz, que deron conta dos contidos cos que están a traballar actualmente e insistiron na necesidade de ter unha boa oferta dixital para non deixar de lado un novo sector da audiencia para a que «Netflix é a nova tele».

Flooxer: consolidándose entre o público novo

O director de Flooxer, Emilio Sánchez Zaballos, deu conta da evolución da súa plataforma, que durante os últimos anos foi todo un referente estatal, xa que esta plataforma de Atresmedia foi das que máis forte apostou polos novos formatos, e que pasou de ser unha plataforma de vídeo de curta duración con formatos estrela, contidos selectos e alto valor publicitario a converterse na marca de Atresmedia para os mozos, con contidos de maior duración, optimización dos formatos adaptados á construción da grella e incluso coa creación de marcas segmentadas.
Actualmente Flooxer conta cun millón de usuarios únicos ao mes, xerando 3 millóns de visualizacións de vídeo e cunha audiencia que nun 72% está en España, é un 59% masculina, ten entre 18 e 24 anos de idade no 46% dos casos e consómese nun 70% dende dispositivos móbiles, o que contrasta bastante cos medios tradicionais, máis envellecidos e ligados ao consumo no televisor.
Sánchez salientou a necesidade de manter a liberdade dos creadores, á vez que tamén quixo matizar que non buscan competir co que certos influencers fan nas súas canles habituais, senón que cando os fichan prefiren diferenciarse e, por exemplo, no caso de AuronPlay, en vez de publicar monólogos fronte a webcam, optan por un formato de entrevistas.

A CRTVG apostará polos cativos e a educación

José Pereira Fariña, director da Área de Innovación e Negocio da CRTVG, reflexionou sobre o feito de que a televisión tradicional aínda ten moito que dicir e, de feito, continúa a ser líder grazas á súa forza en concorrencia e cobertura, superando sobradamente os volumes de audiencia dos das novas plataformas dixitais, pero recoñecendo que no caso do público máis novo as plataformas dixitais están máis presentes, e por iso explicou que a canle dixital educativa para Internet que está a preparar a CRTVG, que están a desenvolver en colaboración coa AMTEGA, busca precisamente achegarse ao público máis permeable aos contidos dixitais.
Pereira sostén que no contorno dixital os contidos de lecer están máis que cubertos, mentres que os informativos e formativos non teñen a mesma presenza, de aí que optasen polo ámbito educativo e polas escolas como canle para chegar aos pequenos, aínda que non desbotan explorar outros públicos e formatos nos vindeiros anos.

Mediaset confía na realidade

Pecharon o panel Jesús Gómez Carbón e Clara Gavilán de Mtmad, plataforma de Mediaset que busca atrapar as novas audiencias que non están na televisión, para o que apostan por fuxir da ficción e centrarse no lecer e na realidade, o que parece estar a darlles bos resultados.
Expuxéronse así distintas fórmulas tan diferentes como complementarias, que deixan en evidencia a evolución das plataformas dixitais, quedando agora nas mas dos creadores o desenvolver contidos e formatos que poidan callar entre os públicos emerxentes que cada vez están máis abertos a propostas innovadoras.

Categorías: Ciencia

A Cámara de Santiago achega ás empresas ao novo regulamento en protección de datos

códigocero - Xov, 04/05/2018 - 14:01

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela celebrará o vindeiro 12 de abril unha xornada informativa e de balde sobre a Adaptación da empresa á nova normativa en Protección de Datos (LOPD), entre as 12:00 e as 13:30 horas no seu salón de actos. Dirixida ás pequenas e medianas empresas de Compostela e contorna, a charla estará impartida polo avogada Diana Fernández Soutullo, do bufete Soutullo & Asociadas. Como lembraremos, esta normativa (entre outras cousas) esixe ás empresas que traten datos a gran escala, con independencia da facturación ou a cifra de empregados, que conten coa figura do delegado de protección da información.
Segundo explica a Cámara para poñernos en situación, a normativa (que se aplicará a partir do 25 de maio) é o regulamento europeo 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento Xeral de Protección de Datos, RGPD).
Diana Fernández adianta que o regulamento europeo protexe unicamente datos de carácter persoal, só no que se refire ás persoas físicas, e esixe ás empresas “responsabilidade” en materia de protección de datos de carácter persoal. En concreto, fálase de responsabilidade proactiva (responsability) como un dos principios que rexe esta materia conforme á normativa europea. E engade a relatora: “Non se trata só de que as empresas sexamos responsábeis senón tamén de parecelo e demostrar que adoptamos todas as medidas técnicas e organizativas para cumprir a normativa en materia de protección de datos. O seu cumprimento require un labor constante por parte da empresa, o que non implica unha acción cotián pero si un cambio na orientación e actitude en materia de privacidade”. Segundo engade, este principio de privacidade por deseño sinala “que no mesmo intre da creación dun negocio temos que ter en conta a privacidade e non despois, cando o negocio xa está en marcha”.

Categorías: Ciencia

O 26 de abril celebramos o Día Internacional das Rapazas nas TIC

códigocero - Xov, 04/05/2018 - 13:39

Este 26 de abril temos unha nova cita coas mulleres e as novas tecnoloxías da información. Estamos a falar do Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha celebración que, no que a nosa terra se refire, volverá ter (un ano máis) o epicentro de actividades na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (o CESGA), con ramificacións (en liña) cos centros educativos. Trátase, para que non o saiba, dunha iniciativa orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC como un ámbito axeitado e acaido para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
Volvendo aos actos do CESGA, en Santiago, pola mañá (de 11:00 a 12:30 horas) celebrarase como vén sendo costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que participen dende os seus centros de secundaria/primaria conectados vía streaming coas salas do CESGA poderán facer calquera pregunta sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital. As convidadas deste ano son:
· María José Durán. Enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes.
· Ana Cidre. Experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ten un grao en Belas Artes e un máster en negocios e economía internacional. A día de hoxe é unha desenvolvedora de software especializada en Angular.
· Susana Rey. Enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsábel de Seguridade en R.
· Cecilia Grela. Enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC.
O CESGA informa que as persoas interesadas en participar no evento da mañá dende o seu centro, deberán poñerse en contacto co centro cubrindo un formulario e recibindo logo unhas instrucións para a conexión no día. O evento durará aproximadamente 1:30 horas, até as 12:30.
Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2.
Para máis información, podemos consultar o Facebook de ICT Go Girls, o Twitter ou mesmo o Youtube.
Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia.
O evento a nivel internacional vén da man da entidade International Telecommunications Union (ITU).
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.
Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.

Categorías: Ciencia

A Ourense ICC Week celebrará o espírito gamer e o talento TIC das mulleres galegas

códigocero - Xov, 04/05/2018 - 13:12

Quen queira creatividade e espírito argalleiro aplicado ás múltiples facianas do dixital, vaino ter en Ourense a primeira semana de maio, a conto da cuarta edición do evento Ourense ICC Week, organizado un ano máis pola Deputación de Ourense, desta volta co engadido extra (un engadido extra moi destacábel) de poñer o foco nas importantes contribucións pasadas, presentes e futuras das mulleres á innovación, ao coñecemento avanzado e a todas as cousas que nos transforman para mellor e nos fan a vida máis doada e sustentábel. As actividades previstas para os días comprendidos entre o 2 e o 5 de maio inclúen unha quedada informática, a ICC Technium R Encounter, e máis unha competición a gran escala de seareiros dos deportes dixitais, a ICC eSports.
Estas accións, abeiradas á etiqueta ICC Gamers, compleméntanse coa que ao noso parecer é a actividade estrela do programa: a xornada Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, prevista para o 4 de maio. Será, como dixemos antes, unha apaixonante viaxe ás importantes achegas das mulleres tech.
Volvendo a ICC Gamers, escaparate das últimas tendencias en videoxogos e deportes en liña, contará coa colaboración da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.
Indo ao miolo desta vertente de lecer dixital, a xuntanza ICC Technium R Encounter botará a andar o día 3 de maio ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. A edición 2018 da quedada informática terá catro grandes torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.
A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.
Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa devandita actividade ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos pode adquirirse estes días en Ticketea (podéndose acceder a ela a través da web www.technium.es). Neles poderán participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter, así como as persoas da propia party.
Alén destas actividades ligadas ao lecer dixital, a Ourense ICC Week 2018 será moito máis. Haberá, de feito, achegamentos diversos ás novas tecnoloxías, ao humor, á música e mesmo premios para xestoras/es culturais de Galicia. En concreto, no que se refire aos novos sectores emerxentes e ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o 4 de maio as mulleres tecnolóxicas serán as protagonistas da xornada coa actividade Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, que contará coa presenza de diversas expertas-profesionais do noso ámbito innovador. O cometido desta celebración será visualizar ao máximo o importante papel despregado polas nosas mulleres referentes e expertas en tendencias de máxima actualidade, como por exemplo a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software, a chamada gamificación (aplicar en actividades da vida real metodoloxías propias dos videoxogos, estimulando a creatividade e a cooperación) ou a economía colaborativa.
Nesta xornada de mulleres tech, Sara Rodríguez, Cynthia Gálvez e Luz Castro contarán de primeira man o que están a facer e mostrarán o que está por vir en materia de tecnoloxías e, por suposto, en materia de tecnoloxías impulsadas dende o ámbito feminino e con vontade de romper calquera fenda de xénero, incluídas as dixitais.
Por outra banda, na mesma xornada do 4 de maio o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da da directora e escritora, Gracia Querejeta, autora de filmes tan destacábeis como A derradeira viaxe de Robert Rylands ou a máis recente Felices 140.

Categorías: Ciencia

O dereito á protección de datos dos traballadores, a debate no Campus de Ourense

códigocero - Xov, 04/05/2018 - 12:41

Cómpre protexer o dereito á privacidade e á protección da información persoal das traballadoras e traballadores dunha empresa, sexa do sector que sexa? Son os seus computadores e dispositivos de traballo, a efectos prácticos, acubillos de datos privados e deben ser tratados como tales? Botar luz sobre estas cuestións e traballar a prol do respecto á información é un dos obxectivos das Xornadas Dereito á Intimidade e Protección de Datos no Ámbito Laboral que se celebran o 11 de abril na Facultade de Dereito do Campus de Ourense.
A cita, organizada por este centro en combinación co Consello Galego de Relacións Laborais e o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, reunirá a profesionais dos eidos da xudicatura, a universidade e a inspección de traballo e a representantes das organizacións sindicais e empresariais máis sobranceiras en Galicia co obxectivo de analizar o estado actual da protección da información persoal dos equipos de traballo e os inminentes cambios normativos.
Segundo informa a organización das xornadas, no transcurso da sesión abordarase a confrontación entre o dereito das e dos traballadores á súa intimidade, por unha banda, e a norma que establece que o empresario ou empresaria poderá adoptar as medidas que estime máis oportunas de vixilancia para verificar o cumprimento das obrigas dos profesionais ao seu cargo, por outra banda.
Neste marco legal, engaden os responsábeis da sesión, “a cuestión do tratamento, límites e ámbito da intimidade na relación laboral recobrou actualidade nos últimos anos pola xeneralización dos medios dixitais”. Así, engaden, “os tribunais de todos os ámbitos están a ditar resolucións moitas veces encontradas e, ás máis das veces controvertidas, sobre unha cuestión que amosa unha enorme complexidade xa que están en xogo algúns dos dereitos fundamentais contidos na constitución”.
Os impulsores das xornadas tamén recordan (con vistas ao futuro inminente e as responsabilidades que pon en xogo) que o Regulamento Xeral de Protección de Datos entra en vigor o vindeiro 25 de maio e “vai transformar o panorama da protección de datos para as empresas”, que deberán ser “máis dilixentes no axeitado tratamento de datos persoais”. Por exemplo, na relación laboral deixará unha pegada relevante, xa que achega novidades en relación co reforzo do consentimento, un máis esixente deber de información, a obriga de notificar os fallos de seguridade ou un encarecemento das sancións polo incumprimento, que van depender do volume de facturación da empresa.

Categorías: Ciencia

MeLiSA introdúcenos nas posibilidades do software libre para uso científico

códigocero - Xov, 04/05/2018 - 09:10

O vindeiro 12 de abril celébrase na Universidade de Santiago un evento destinado a pór de relevo a potencialidade dos programas e plataformas libres no ámbito da investigación. A Xornada de presentación de Software Libre para uso científico terá lugar na aula magna da Facultade de Matemáticas do Campus Vida, sendo o seu obxectivo concreto “compartir coñecementos e experiencias arredor do software libre” e máis presentar a versión 5.0 de EpiLinux. A cita vén da man da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), e conta co apoio da axencia AMTEGA e da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
O acceso é libre, e a inscrición de balde, que pode realizarse en liña na ligazón específica habilitada por MeLiSA. O comezo da xornada está previsto para as 9.30 horas, coa intervención de Rafael Rodríguez Gayoso, que presentará as liñas de actividade da asociación e as vantaxes de contarmos e dispoñermos de licenzas libres. A continuación falarán María José Ginzo Villamayor (que afondará nas posibilidades do software matemático e estatístico, salientando os de meirande uso e potencial) e Miguel Ángel Rodríguez Muíños (que presentará a edición 5.0 de Epilinux, sistema operativo libre de gran rendemento, lixeireza e marxe de uso, baseado en GNU/Linux e orientado ao emprego de ferramentas de análise epidemiolóxica e bioestatística).

Categorías: Ciencia

Resuelto un misterio centenario que podría ayudar a tratar el cáncer de mama

Investigación y Ciencia - Xov, 04/05/2018 - 00:00
La interacción entre una enzima, implicada en la obtención de energía, y una proteína reguladora de la expresión génica promovería el crecimiento tumoral y la aparición de metástasis.
Categorías: Ciencia

A Cidade da Cultura acolle a estrea do Capítulo Galego do PMI

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 23:00

Este 5 de abril o edificio CINC da Cidade da Cultura, a partir das 9.00 horas, vai acoller o evento de de lanzamento da asociación do Capitulo Galego do PMI, tal e como anunciamos os días pasados salientando a colaboración na actividade da consultora Vitae. O obxectivo da organización da xornada (a dita asociación) é fomentar o traballo en rede e as boas prácticas relacionadas coa xestión de iniciativas innovadoras ao abeiro dunha das principais asociacións mundiais de xestión de proxectos, a entidade PMI (polas súas siglas en inglés, Project Management Institute).
Detrás da consecución do Capítulo Galego do PMI, para quen non o saiba, hai anos de intenso traballo para lograr que se materializase na nosa terra esta iniciativa. Para facernos unha idea da súa importancia, arestora en todo o territorio estatal só hai outros catro referentes: o Capítulo de Madrid, o Capítulo de Barcelona, o Capitulo de Valencia e o Capítulo de Andalucía.
A organización do evento deste xoves 5 informa de que están inscritos para asistir 139 profesionais galegos de distintas empresas e sectores interesados na xestión de proxectos.
Como lembraremos, PMI son as siglas de Project Management Institute (PMI), a máis referencial organización mundial adicada á dirección de proxectos. Foi fundada en 1969 e é unha entidade sen arela de lucro que xunta profesionais en todo o mundo e cuxa sede central está en Pensilvania. Ten máis de 200 capítulos, incluído o galego, en máis de 125 países.

Categorías: Ciencia

A Fundación TIC promoverá nas redes a Ruta dos Lobos da Fonsagrada

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 22:30

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vén de reforzar a súa aposta pola Ruta dos Lobos da Fonsagrada, organizada polo Concello e a Asociación Deportiva Fonsagrada Balompié co obxectivo de reivindicar as posibilidades deportivas e de lecer da rica contorna natural do devandito municipio, ao tempo que se visualiza o patrimonio local e paisaxístico e dinamízase o rural fonsagradino. Segundo nos conta a Deputación, trátase do quinto ano consecutivo en que a Fundación TIC apoia esta proba cicloturista. Máis en detalle, a colaboración consiste na elaboración de audiovisuais e reportaxes e a súa posterior distribución nas redes, co fin de “contribuír á posta en valor do excepcional patrimonio cultural e paisaxístico da bisbarra fonsagradina e á dinamización do noso rural”.
Así o fixo saber o patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, quen estivo na presentación da proba acompañado polo alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, o técnico de deportes, Enrique Fernández e o animador deportivo, Silván Palmeiro. No acto proxectouse o audiovisual da ruta do ano pasado elaborado pola TIC.
O patrón da Fundación afirmou que “este é un exemplo máis de cooperación cos concellos e de apoio ao tecido asociativo da provincia, neste caso, á Asociación Deportiva Fonsagrada Balompié, unha organización formada basicamente por mozos fonsagradinos, que son a mellor garantía de futuro do noso rural”. Segundo engadiu, “iniciativas coma esta xeran riqueza, directa e indirecta, e promoven un turismo sustentábel”.
Santos tamén salientou o firme compromiso coa proba da Fundación TIC, dende a súa primeira edición, “unha proba plenamente consolidada no calendario dos seareiros da natureza e do ciclismo de montaña”, cousa que se reflicte no axiña que se cobren as prazas dispoñíbeis en cada convocatoria (aos poucos días da apertura do prazo de inscrición). Este ano, por certo, bateuse un novo récord con 450 participantes, procedentes de toda Galicia, maioritariamente de Vigo e Coruña, pero tamén de Asturias, León e Euskadi.
Segundo anunciou Álvaro Santos, un equipo de profesionais e bolseiros da Fundación TIC gravarán a ruta e logo editarán un vídeo que “contribuirá á promoción dunha das xoias naturais da nosa provincia: a Montaña de Lugo”. O deputado engadiu que a elaboración deste audiovisual “tamén supón unha oportunidade máis para os bolseiros da nosa Escola de Imaxe e Son de poñer en práctica os seus coñecementos, sempre baixo a supervisión de profesionais”.

Categorías: Ciencia

O CPEIG presenta un recurso contra un proceso selectivo da Xunta por non requirir a titulación de Enxeñaría en Informática

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 17:00

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) presentou un recurso de reposición contra a Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no subgrupo A1 de escala de sistemas e tecnoloxía da información.
Centrado na defensa dos intereses dos seus colexiados e colexiadas, o CPEIG considera que esta orde, na que se especifica que é un proceso selectivo para unha praza funcionarial con funcións e competencias definidas e caracterizada por un perfil «extraordinariamente técnico», non cumpre coa definición do posto requirido.
No apartado de titulación, indícase que é preciso estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama. En aras da defensa do interese xeral e do principio de eficacia que debe primar na actuación dunha Administración Pública, o CPEIG argumenta que a única titulación que acredita unha formación axeitada para o desenvolvemento das funcións que se definen aos postos convocados é a de Enxeñería en Informática.

Categorías: Ciencia

O Portal de Transparencia dos concellos quere mellorar a calidade democrática local

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 16:03

O proxecto Transparencia da Administración Local de Galicia, que está a servir de alicerce ao Portal de Transparencia dos nosos concellos, foi analizado hoxe pola directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto Viso, quen salientou a potencialidade da iniciativa para a mellora da calidade democrática a nivel local. Prieto Viso realizou estas declaracións nunha resposta parlamentaria na que destacou tamén que o proxecto é froito da colaboración entre a Xunta, A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Universidade de Vigo. Entre outros datos achegados, fixo saber que todas as grandes cidades da nosa terra contan cun portal de transparencia, “pero a medida que descende o tamaño da poboación, a porcentaxe cae, até chegar o 73% dos municipios de menos de 5.000 habitantes”.
Tamén lembrou que o traballo permitiu a elaboración do primeiro diagnóstico sobre a situación en canto a transparencia de tódolos concellos de Galicia, o deseño e posta en marcha do Portal de Transparencia Local de Galicia, a elaboración da Guía práctica de transparencia local e a confección de modelos ou formularios tipo e outras ferramentas de apoio.
Igualmente, debullou os obxectivos do Portal de Transparencia dos concellos, proxecto iniciado para “ofrecer ás entidades locais ferramentas de soporte” e “unha plataforma de balde á que as administracións poden adherirse e dispor así dun mecanismo doado, áxil e adaptado ás novidades normativas e tecnolóxicas que teñen que ver coa transparencia e o cumprimento dos deberes legais”.
Prieto Viso explicou que “no portal atópase toda a información que os concellos deben publicar conforme ao ordenamento xurídico e facilítase a súa consulta dunha forma clara, estruturada, entendíbel e de fácil acceso”.
A directora xeral sinalou tamén que “a transparencia xa non é só unha oportunidade aberta para a mellora da calidade democrática, senón unha necesidade e mesmo un deber co triplo obxectivo de incrementar a confianza cidadá, previr eventuais casos de corrupción ou mala xestión, e reforzar a eficiencia das administracións”.
Finalista nos Premios CNIS
O proxecto para crear o Portal de Transparencia dos nosos concellos vén de obter un importante recoñecemento. Máis polo miúdo, foi seleccionado como finalista nos Premios CNIS (Congreso Nacional de Innovación e Servizos Públicos) 2018, na categoría Colaboración Universidade e Administración Pública. Como lembraremos, o proxecto vén da man do Goberno galego, a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) e a Universidade de Vigo. Ten a súa orixe en 2016, coa sinatura do convenio entre as tres ditas partes, que tiñan o obxectivo común de de acadar a máxima fiabilidade posíbel na información xerada polos concellos, achegando recursos dixitais para garantir a correspondencia entre o que fan as administracións locais e o que informan.
A plataforma, segundo puidemos saber recentemente, activarase en breve contando coa presenza activa dunha trintena de concellos. O prognóstico é que de maneira progresiva poidan embarcarse no proxecto máis administracións locais. Nun plano máis concreto, o portal diríxese a fornecer á cidadanía de información pormenorizada sobre o funcionamento das administracións locais da nosa terra, “desde as declaracións de bens dos alcaldes e concelleiros, até información sobre as subvencións, seguimento das tramitacións en liña, etc”.
Detrás do seu desenvolvemento, por parte da Universidade de Vigo, atópase a Rede Localis, unha equipa de traballo formada por docentes e investigadores universitarios e profesionais que traballan no ámbito local e que está xestionada polo grupo de investigación Gen da dita institución académica galega.


Categorías: Ciencia

Orange estrea fibra simétrica a 1 Gbps para o mercado residencial

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 14:23

Esta mañá o operador Orange anunciou o lanzamento da súa nova conexión de fibra a 1 Gbps simétrico a nivel residencial e en todas as provincias españolas, chegando así potencialmente até 12 millóns de fogares. Paralelamente Orange mellora as velocidades dos seus clientes actuais de fibra, dobrando até os 100 Mbps a súa oferta de 50 Mbps e pasando aos clientes de 300 Mbps a 500 Mbps e aos de 500 Mbps a 1 Gbps respectivamente. Este cambio de velocidades non suporá cambio nos prezos e aplicarase de xeito automático nos vindeiros meses.
Atendendo á necesidade de mellores conexións sen fíos, tamén dan conta da súa nova tecnoloxía Wi-Fi Inteligente de Orange, solución que elixe en cada momento a configuración que proporciona a mellor experiencia de navegación sen fíos no fogar, e da que poderán gozar todos os clientes de fibra da compañía. Esta funcionalidade chámase band steering, e facilita que os dispositivos procuren conectarse en cada momento na banda de frecuencia de maior capacidade e menor saturación, e está dispoñible nos Livebox de Orange. Amais, os últimos routers Livebox dispoñen de 6 antenas e tamén analizan, orientan e axustan o sinal de radiofrecuencia ao dispositivo do usuario segundo onde estea en cada momento (beam forming) e, de non ser dabondo, tamén comercializan o novo repetidor Wi-Fi Premium que intégrase co router e forma «unha rede Wi-Fi Intelixente ampliada», de xeito que os dispositivos conectaranse de xeito automático ao router ou ao repetidor segundo conveña en cada momento.

Cadro coa nova oferta de fibra de Orange
Categorías: Ciencia

O Ciclo CyberCoruña 2018 achegará o último en ciberseguridade

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 13:52

A Universidade da Coruña organiza as xornadas Actualidade Europea en Ciberseguridade: da formación ao usuario, que se desenvolverán mañá no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), e pasado mañá na Facultade de Informática. No transcurso da xornada presentarase o novo Mestrado Universitario en Ciberseguridade que a UDC implantará o vindeiro curso.
O sector da ciberseguridade afecta a uns 315 millóns de europeos na actualidade, unha cifra que medrará co desenvolvemento da dixitalización da industria europea nos vindeiros anos. Este campo resulta unha oportunidade de mercado a nivel global e prevese que este ano se movan arredor duns 100 billóns de dólares de negocio. Con estas xornadas, a UDC pretende achegarse a todos os actores do sector ademais de dar a coñecer a aposta da Universidade por unha formación e investigación aplicada en ciberseguridade.

Programa das xornadas

Categorías: Ciencia

O Carballo Interplay convértese mañá en mercado de contidos dixitais

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 13:49

Xa o avisaron as organizadoras e impulsoras do festival Carballo Interplay de webseries: este ano ían poñer o foco na cuestión empresarial propiamente dita, ou sexa, en xuntar creadoras de contidos dixitais e plataformas compradoras. Pois ben, mañá chega o intre de poñerse mans á obra, e facelo ao abeiro do chamado “Día PRO”, unha das grandes novidades desta quinta edición do certame bergantiñán, en palabras da organización “unha forte aposta por consolidar o seu rol de punto de encontro para o sector dos contidos dixitais”. Para iso, este 5 de abril, quinta feira, xuntaranse profesionais do ámbito creativo con medios de comunicación, produtoras e plataformas “para facilitar o seu posíbel contacto e colaboración”.
Segundo lembran dende a organización, os números acadados mostran o axeitado da proposta-convite: máis de cen persoas están acreditadas, entre elas representantes de PlayZ (RTVE), Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG, VICE España ou Globomedia. "Ademais", engaden, "varias destas persoas tomarán parte en dous debates pola mañá, un sobre a conexión entre a televisión e os contidos nativos de Internet e outro sobre a produción audiovisual para novos medios". Por certo que os dous faladoiros serán retransmitidos en streaming a través da páxina de Facebook do Interplay. Á tarde está planificada unha xeira de traballo en rede con encontros entre as persoas participantes.
Amais destas sesións empresariais, está previsto (este xove) que se inicien tamén as proxeccións da sección oficial, é a estrea á noite de Hai vida en Bran?, a serie escrita, dirixida e protagonizada por Ángela Andrada que gañou no IV Carballo Interplay o Premio a proxecto de webserie en galego. Segundo lembran dende o festival, trátase dun “retrato da Xeración Xabarín” no que se conta a historia de Mariña, unha licenciada en Belas Artes que, “despois de fracasar no seu intento de abrirse paso no mundo da banda deseñada, volve á casa da súa nai na pequena e aburrida vila de Bran, onde combaterá o tedio cun novo cómic que desbordará a súa imaxinación”.
Previamente, as catro propostas finalistas para esta edición do dito galardón defenderán os seus proxectos nun pitching público. Trátase de catro proxectos con distintos xéneros e enfoques, que implican dende profesionais con traxectorias relevantes a estudantes de audiovisual que se lanzan a producir. Por exemplo Sígueme, creada polos estudantes da USC Nuria Cancela, Alba Pego, Laura Pose e Aitor Ramos, unha produción galega que é unha intriga psicolóxica con reminiscencias de Mindhunter.

Categorías: Ciencia

Balidea volve colaborar coa formación avanzada da UDC en estratexia dixital

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 12:56

A empresa galega Balidea vén de renovar o seu compromiso coa formación avanzada en novas ferramentas e novos xeitos de crear proxectos empresariais que marquen un antes e un despois na liña evolutiva do mercado. Este compromiso materialízase na súa continua colaboración co Máster en Innovación e Estratexia Dixital da Universidade da Coruña, unha colaboración que chega ao seu terceiro ano e que collerá corpo, novamente, coa implicación directa dos responsábeis de Balidea na achega de contidos. Máis polo miúdo, a empresa guiará ao alumnado no desenvolvemento dun proxecto práctico de innovación empresarial.
Como punto de partida organizouse unha sesión teórica, que tivo lugar o pasado 23 de marzo, impartida por José Ángel Abeal, director de Desenvolvemento de Negocio de Balidea, na que se realizou unha presentación dos proxectos máis innovadores da compañía e trasladáronse unha serie de claves como preparación previa ao período práctico.
Agora, en base ao devandito, os participantes deberán simular a creación dunha start up, elaborando o seu plan de empresa e mercado, o seu catálogo de produtos innovadores e a súa estratexia de mercadotecnia dixital.
Balidea colabora con este posgrao desde o curso 2015-16. Está dirixido polos catedráticos de Análise Económica José Manuel Barreiro e Andrés Faíña e céntrase no coñecemento práctico das novas ferramentas de márketing dixital e xestión empresarial da innovación, que son transversais a todas as áreas de coñecemento, actividades profesionais e sectores económicos.
Ao completar o mestrado as/os estudantes poderán deseñar plans de mercadotecnia dixital, con capacidade para coordinar a construción de páxinas web de empresa e plataformas de comercio electrónico, así como criterios para a creación de marca no ámbito dixital. Segundo engade Balidea, os contidos tamén as/os capacitarán para instrumentar, avaliar e financiar proxectos innovadores: como crear novos produtos e servizos, encaixándoos no mercado e nas preferencias dos clientes; desenvolver un modelo de negocio viábel, financiar proxectos innovadores, elaborar previsións de fluxos de caixa, presentar proxectos e procurar investidores axeitados.

Categorías: Ciencia

A rede SmartPEME achega este mes de abril medio cento de obradoiros de dixitalización

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 12:56

SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de abril nas súas diferentes sedes un completo feixe actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores locais. Amais das 8 citas programadas para a sede de Pontevedra das que falamos onte en Código Cero, vanse desenvolver até 47 cursos sobre as máis variadas temáticas TIC, todas elas co nexo común de capacitarnos para emprender máis e mellor e, para o caso de termos unha iniciativa de mercado en marcha, optimizala, visualizala e fortalecela. Este medio cento de accións celebraranse este mes nas sedes de SmartPEME en Cambados (Centro Exposalnés), nos viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e nas oficinas de Vigo, Ponteareas e O Porriño. Afondarase nas redes sociais, na seguridade informática, no deseño web ou no manexo de programas informáticos, entre outros temas.
Todas aquelas persoas interesadas en acudir a estes obradoiros, destinados a persoas emprendedoras, autónomas e autónomos e ás PEME da provincia é de inscrición cen por cen de balde, poden apuntarse chamando ao teléfono 886 202 020, escribindo un correo electrónico a info.smartpeme@depo.es ou a través da páxina web www.smartpeme.depo.es.
Citas en Cambados
O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá este 3 de abril ás 19 horas o curso Como mellorar a percepción dos teus clientes cos teus correos. Tras este primeiro obradoiro, o xoves 5 de abril ás 17 horas impartirase Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial. A seguinte semana ás 19 horas terán lugar dous obradoiros de SmartPEME comezando o luns 9 de abril con Facebook marketing e rematando o 12 de abril con Sesión informativa: así funciona Whatsapp Business. Os obradoiros continuarán o 16 de abril con Grava e monta vídeos profesionais co teu smartphone e o mércores 18 de abril con Linkedin: a túa rede de networking, os dous ás 19 horas. Por último, pecharase o mes de abril con Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console, o luns 23 de abril á mesma hora, e con Plataformas de comercialización para vivendas e apartamentos turísticos, o día 25 ás 17 horas.
Obradoiros en Barro
A primeira cita do mes na oficina SmartPEME de Barro terá lugar esta cuarta feira (mércores) 4 de abril co curso Seguridade informática: conceptos básicos ás 19 horas. A seguinte semana, o 9 de abril, ás 19 horas, ofrecerase o obradoiro Crea un servizo privado de almacenamento na nube, e o mércores 11, tamén ás 19 horas, Aplicación de drons na enxeñería e proxectos. Pola súa banda, o luns 16 de abril, impartirase a partir das 11 horas o primeiro módulo de Iniciación ao Arduino, primeiros pasos e, a partir das 13 horas, o segundo módulo. Para rematar, o xoves 19 de abril, ás 11 h, comezará o terceiro módulo e, ás 13 horas, o cuarto e último módulo deste obradoiro. Para finalizar, o martes 24 de abril, ás 19 horas, terá lugar no viveiro de empresas de Barro o obradoiro Que é o Internet das cousas? Introdución e aplicacións.
Vídeos profesionais en Deza
As primeiras citas do mes na comarca de Deza terán lugar na Estrada, comezando o día 4 con Sácalle partido á túa conta de Gmail. A seguinte semana, os obradoiros continuarán con Vén descubrir que son e para que serven as redes sociais, o martes 10 de abril, e Grava e monta vídeos profesionais co teu smartphone, o xoves 12. A seguinte semana, a actividade continuará no Polígono Lalín 2000 o mércores 18 de abril con Xestiona o teu negocio dende móbil e o venres 20 de abril con Plataformas online para crear o teu e-commerce. Pola súa banda, pechará a actividade en Lalín, durante este mes de abril, o curso Claves para a comercialización online no turismo de interior.
En canto á Estrada, o Viveiro de Empresas acollerá o mércores 25 de abril, ás 19 h, o obradoiro A túa páxina web con Wordpress. Todos os obradoiros realizaranse a partir das 19 horas, agás os dos días 10, 12 e 20 de abril, que serán ás 17 horas.
Ferramentas de Google e SmartData
As oficinas en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán, durante o mes de abril 23 novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. A primeira cita na oficina de Vigo comezará este martes 3 de abril co curso Google Calendar, moito máis que unha axenda e o día 5 de abril con Como mellorar a percepción dos teus clientes cos teus correos. A seguinte semana celebraranse dous novos obradoiros, o día 10, Transformación dixital nas empresas e produtos turísticos e o 12 de abril con Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console.
A seguinte semana comezará en Vigo con SmartData, o CRM como aliado para conquistar o cliente, o 16 de abril, e rematará con Habilidades ofimáticas: uso de fórmulas en follas de cálculo, o 19. Pola súa banda, o 23 de abril celebrarase Elixe a túa plataforma de comercio electrónico e o mércores 25 de abril, Mellora a calidade das túas imaxes con editores online. Todos os obradoiros desenvolveranse ás 19 horas na sede da Deputación en Vigo, agás os días 10 e 23 de abril, que comezarán ás 17 horas.
Máis cursos en Ponteareas e O Porriño
En Ponteareas, a axenda comeza tamén este 5 de abril con Sesión informativa: así funciona Whatsapp Business. O seguinte obradoiro será o 9 de abril, Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. Esa mesma semana celebrarase Elixe a túa plataforma de comercio electrónico, o 11 de abril. O mes continuará con Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial, o 18 de abril e seguirá un día despois con Claves para a comercialización online do turismo de interior.
Na última semana do mes, chegarán a Ponteareas dous novos obradoiros: Marketing de contidos: como xerar unha estratexia efectiva, o 24 de abril, e Facebook Ads, o 27 de abril. Todos os obradoiros desenvolveranse ás 19 horas no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea, agás os días 19 e 27 de abril, que comezarán ás 17 horas.
No Porriño as sesións formativas comezan o día 3 con Fai as túas propias fotografías para o comercio electrónico e dous días despois con Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. A rede SmartPEME da Deputación continuará a seguinte semana con Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?, o 10 de abril, e con Prestashop I: comeza a crear a túa propia tenda online. Unha semana despois, O Porriño acollerá dous novos obradoiros: Optimiza a visibilidade da túa web con Google Seach Console, o luns 16 de abril, e Plataformas de comercialización para vivendas e apartamentos turísticos, o 18 de abril.
Por último, o 23 terá lugar no Porriño o curso SmartData, o CRM como aliado para conquistar ao cliente e o 25 de abril, Habilidades ofimáticas: uso de fórmulas en follas de cálculo. Todos os obradoiros desenvolveranse no Multicentro do Concello do Porriño e comezarán ás 19 horas, agás os días 10 e 18 de abril que empezarán ás 17 horas.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Categorías: Ciencia

Disparos na sede de YouTube por parte dunha usuaria anoxada

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 12:46

Durante a xornada de onte o Campus de YouTube en San Bruno (California) viviu uns momentos de pánico por mor dun tiroteo que saldouse 3 persoas feridas de bala supostamente ao azar e unha falecida, a autora dos disparos, que tería rematado coa súa propia vida. A falecida foi identificada como Nasim Najafi Aghdam, unha muller de 39 anos que residía en San Diego (California), e que levaría tempo procurando converterse nunha celebridade na Internet, aínda que dende 2016 tería visto como as políticas de YouTube estaban prexudicando á monetización das súas canles, de xeito que por 366.591 reproducións só conseguira un rendemento económico de 10 centavos de dólar.
Nasim Najafi Aghdam definíase a si mesma como atleta vegana e activista a prol dos dereitos dos animais, e aínda que actualmente as súas canles de YouTube non están visibles, aínda poden verse os seus vídeos en DailyMotion, comprobándose a súa pouca calidade. Distintos testemuños confirman que Aghdam estaba moi anoxada con YouTube por desmonetizar os seus vídeos, polo que as motivacións do seu acto criminal parecen claras. Esta resposta violenta resulta especialmente preocupante nas últimas semanas, xa que YouTube actualizou as súas normas para prohibir contidos que promovan a venda de armas de fogo, proporcionen instrucións de como fabricar/modificar armas de fogo, o que podería incitar a máis reaccións desproporcionadas por parte de usuarios da plataforma de vídeo que tiñan este tipo de contidos como unha importante fonte de ingresos.

A autora do tiroteo buscou a sona en YouTube, pero as súas canles non conseguiron callar
Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo convoca 1.340 persoas para acceder a Ben Empregado 4

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 11:30

A Deputación de Lugo inicia a semana vindeira as probas de selección de Ben Empregado 4, a nova edición do seu programa de impulso e inserción laboral, con frontes activas a ámbalas beiras do proceso (entre as persoas demandantes, por unha banda, e entre as empresas e entidades diversas con necesidades de profesionais, pola outra). Nas probas, que comezan o 9 de abril, participarán 1.340 lucenses no paro. Póñense en xogo 185 postos de traballo, unha parte importante dos cales son ocupacións ligadas directamente ás novas tecnoloxías da información. Estas 185 vacantes veñen da man doutras tantas empresas e colectivos sen arela de lucro de 37 concellos da provincia.
Segundo informa a Deputación, na web de seu (www.deputacionlugo.gal) están publicadas as listaxes de aspirantes seleccionados e excluídos, así como a data na que os candidatos deberán presentarse ás probas.
Dos 1.340 aspirantes a estes empregos, 1.157 concorren á liña A1, na que 127 empresas buscan outros tantos perfís de diversas profesións. O Goberno da Deputación financiará ao 50% os custes laborais dos traballadores durante un ano. Por outra banda, 264 aspirantes concorren á liña B1, dirixida a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Neste caso, 19 empresas ofrecen 19 empregos. Neste punto e co fin de fortalecer obxectivos e a efectividade do programa, o Executivo provincial financiará ao 100% os custos salariais destes profesionais, “favorecendo a igualdade de oportunidades”.
Finalmente, serán 650 demandantes de emprego optan aos 39 postos de traballo da liña 2, que demandan 39 asociacións da provincia, que recibirán o 90% da axuda da Deputación.
O orzamento da Deputación para cubrir os custos laborais dos novos traballadores é de 2,4 millóns de euros (ao cen por cen no caso de contratos a persoas con capacidade diferentes, ás que están risco de exclusión social e ás que retomen a súa actividade laboral en colectivos socias; e nun 50% cando as contratacións sexan a desempregados lucenses en xeral). Os empregos a crear abranguerán todos os sectores, incluído o das novas tecnoloxías. De feito, impulsaranse novamente os comunity managers, os técnicos en informática, os programadores, os deseñadores gráficos, etc.

Categorías: Ciencia

O programa Sé + Digital potenciará as competencias dixitais de cidadáns e empresarios galegos

códigocero - Mér, 04/04/2018 - 10:30

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Escola de Organización Industrial (EOI) e Orange España lanzan o novo programa de formación online gratuíta Sé + Digital en Galicia. O obxectivo da iniciativa é convidar a todos os galegos a que participen nesta formación en ferramentas dixitais, cuxos fins son o impulso do desenvolvemento empresarial, a xeración de emprego e a retención do talento local a través das novas tecnoloxías.
Deste xeito, a Xunta de Galicia e os promotores de Sé + Digital, EOI e Orange, contribuirán a axudar a empresarios e emprendedores na mellora da súa actividade profesional mediante a formación en habilidades dixitais que lles faciliten a aplicación das novas tecnoloxías para dixitalizar e desenvolver os seus negocios desde os seus municipios.
A fase de inscrición para esta convocatoria de Sé + Digital en Galicia iniciouse onte e estará aberta na web até o 2 de maio. O período para completar o curso, que ten unha duración de 20 horas, concluirá o vindeiro 16 de maio. Finalizado o curso, os alumnos recibirán o seu correspondente diploma, certificado e avalado por EOI.

A continuación dun programa de éxito

Sé + Dixital é a continuación de Sé Digital, un programa impulsado por EOI en colaboración con Orange para fomentar a transformación dixital dos cidadáns, co fin de lograr unha rápida e efectiva adaptación de toda a poboación aos retos que expón a nova economía dixital global. Desde o seu lanzamento, en marzo de 2016, Sé Digital formou a máis de 7.500 persoas de 130 municipios de toda España, interesadas en coñecer as oportunidades de negocio que lles poden ofrecer as TIC para participar na nova economía global desde as súas localidades.
Esta nova iniciativa Sé + Digital ofrecerá aos seus participantes a oportunidade de profundar nos conceptos presentados en Sé Digital cun enfoque máis práctico. Así, os participantes nesta ampliación do programa descubrirán novas oportunidades para facer negocios e ofrecer servizos profesionais online desde as súas cidades; aprenderán conceptos e ferramentas básicas para desenvolver as súas actividades dixitais dunha maneira sinxela e estratexias de posicionamento en liña para que os atopen desde calquera parte do mundo; e tamén coñecerán boas prácticas e novas formas de financiamento na internet para poñer en marcha os seus proxectos, así como ferramentas recomendadas para iniciar a transformación dixital dos seus negocios ou comezar a emprender dixitalmente.
Ademais, os alumnos de Sé + Digital terán acceso ao consello de expertos en economía dixital, así como á experiencia de emprendedores locais que xa lanzaron as súas propias iniciativas empresariais desde as súas localidades utilizando as novas tecnoloxías.
Así mesmo, os participantes no programa poderán interactuar cos integrantes da Comunidade de Aprendizaxe Virtual asociada á iniciativa Sé + Digital. No devandito foro, que conta xa con máis de 550 membros e que ten o seu epicentro en Facebook, tanto ex-alumnos que xa lograron a súa titulación como novos interesados comparten experiencias e coñecementos nunha contorna online similar á plataforma na que se desenvolve a formación. Desta forma, foméntase o coñecemento colaborativo a través do intercambio de información e boas prácticas e a xeración de novas ideas entre os usuarios.
Ademais, o foro contribúe a dotar de maior visibilidade aos proxectos empresariais dos seus membros.

Categorías: Ciencia

Páxinas

Subscribirse a IGACIENCIA agregador - Ciencia