códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 2 horas 30 min

Sientegalicia.com constata o empuxe das Rías Baixas e a Ribeira Sacra na Rede

Mar, 09/19/2017 - 23:03
Keina González Moure, co-fundadora do portal Sientegalicia

As mozas responsábeis do portal galego Sientegalicia.com, do que temos falado dende Código Cero salientando o seu carácter de referente en materia de innovación dixital aplicada ao turismo, veñen de lanzar un pormenorizado informe da actividade turística despregada na nosa terra ao longo do verán que estamos a piques de despedir, poñéndoa en relación (a actividade turística) cos novos xeitos de comezar, acompañar e rematar unha viaxe: xeitos tecnolóxico-dixitais. Entre os datos máis salientábeis do seu informe figuran o mantemento do pulo turístico das Rías Baixas (máis da metade dos turistas que veranean en Galicia elíxenas como destino) ou o empuxe experimentado pola Ribeira Sacra, que é o segundo punto de interese para os viaxeiros-internautas. Son datos extraídos directamente da actividade xerada (1.500.000 páxinas vistas durante a tempada estival) no seo do portal web especializado en venda de escapadas Sientegalicia.com.
No informe tamén se fai saber que o 60% dos turistas proceden de Madrid, Barcelona, Andalucía, Comunidade Valenciana ... mentres que o 30% son galegos que aproveitan os seus días de lecer “para gozar da nosa Comunidade”. O 10% restante son viaxeiros procedentes de países como Inglaterra, Francia etc. Porén, estes datos varían dependendo do mes en que se faga o rexistro. Así, a partir de mediados do setembro percíbese un cambio na tendencia e os clientes de Sientegalicia.com volven ser, na súa maioría, galegas e galegos que buscan “saír da súa rutina, coñecer novas zonas, gozar de escapadas en spas, talasos ou balnearios, facer actividades, ou vivir algunha opción romántica”, informan as responsábeis do portal web.
Como dixemos ao comezo, a actividade xerada arredor da plataforma en liña deixou claro que as Rías Baixas volven ser o destino preferido dos veraneantes: “Os turistas aproveitan para coñecer as Illas Atlánticas, visitar adegas e vilas mariñeiras, segundo os nosos datos de vendas”, sinalan dende o portal.
A Ribeira Sacra, pola súa banda, é segundo destino en importancia. Segundo contan as responsábeis de Sientegalicia.com, “este ano houbo un medre do 20% en comparación ao ano anterior”. Este interese tradúcese nun incremento das viaxes en cruceiro ou catamarán polos Canóns do Sil, das visitas ás adegas e aos miradoiros, das catas de viños e tamén dos percorridos de sendeirismo.
Os seguintes destinos máis demandados son a Mariña Lucense e a Costa da Morte. Asemade, segue a ter unha gran importancia o Camiño de Santiago, malia “non ser un destino clásico estival”, senón máis ben doutras épocas do ano. Con todo, mantense alto o número de peregrinos que queren facer o Camiño aloxándose en casas rurais, pazos e hoteis e en albergues.

Categorías: Ciencia

iOS 11 xa está dispoñible

Mar, 09/19/2017 - 22:30

A partires de hoxe está dispoñible oficialmente a actualización dos dispositivos móbiles de Apple a iOS 11, sistema operativo que supón un importante paso adiante para o iPhone, aínda que o recibirán con aínda máis ledicia os últimos iPad, xa que moitas das súas novidades ían dirixidas a ampliar as posibilidades das grandes pantallas das tabletas para realizar varias tarefas á vez.
Os dispositivos que xa poden actualizarse a iOS 11 son a partires do iPhone 5s, o iPad Mini 2, o iPad Air e o iPad Touch de sexta xeración, ou sexa, que practicamente funciona en todos os dispositivos adquiridos nos últimos 4 anos, aínda que como xa comentamos, os equipos que especialmente agradecen a actualización son os iPad Pro presentados este mesmo ano, que chegaron ao mercado incompletos, porque dende a súa concepción estaban deseñados para empregar iOS 11.
Entre as novidades de iOS 11 podemos destacar a nova aplicación de administración de arquivos, que tamén pode xestionar arquivos en servizos na nube como iCloud Drive, Box ou Dropbox; incorpora un novo Dock para achegar á tableta mecánicas de traballo máis propias de ordenadores portátiles; integra melloras na multitarefa, facilitando a apertura dunha segunda aplicación dende o Dock; estrea a función de arrastrar e soltar, para pasar texto, fotografías e arquivos dunha aplicación a outra dun xeito áxil e sinxelo; incorpora nova tecnoloxía de realidade aumentada; e tamén renova a App Store, facéndoa máis atractiva e dinámica, pero iniciando o que algúns designan como a app-ocalipse, xa que elimina o soporte de aplicacións de 32 bits, ou sexa, de apps que levan anos sen actualizar, o que supón a limpeza de milleiros de aplicacións de vez.
Esta última novidade, aínda que sexa positiva dende a perspectiva da App Store, dende o punto de vista do usuario é todo un problema, xa que fai que moitas aplicacións e, especialmente xogos, deixen de poder executarse, xa que os seus creadores deixaron de actualizalos tras o seu lanzamento (por non ser rendible o mantemento a longo prazo, cando xa non chegan novas vendas). Non falamos precisamente de títulos cativos, xa que xogos como Toy Story 2 ou XCOM: Enemy Within son dos que deixarán de funcionar coa actualización do sistema operativo móbil, pero cómpre lembrar de que Apple informou hai uns 2 anos da necesidade de publicar as aplicacións compatibles cos 64 bits se querían poder manterse na App Store.

Categorías: Ciencia

CO2 Smart Tech supera as 100 instalacións do seu sistema intelixente de xestión enerxética

Mar, 09/19/2017 - 16:15
Parte do equipo de CO2 Smart Tech, co director de Operacións, Gustavo Amán (terceiro pola esquerda) e o seu director Alberto Méndez (cuarto pola esquerda) /Imaxe de Economiaengalicia.com

A firma innovadora CO2 Smart Tech, con sede en Oleiros e centrada no fornecemento de tecnoloxías avanzadas de control e xestión enerxética en liña, vén de informar dos seus fitos recentes en materia de espallamento dos seus sistemas. Segundo informa, xa deixou atrás o centenar de instalacións nas que se implantou o seu sistema co2st-tem de monitoraxe enerxética smart. Que supón isto en materia de área cuberta? Pois segundo nos contan fontes da compañía, en termos numéricos significa ter baixo supervisión máis de 1.600.000 de m2 de superficie (a nivel industrial e gran terciario). En termos xerais, tamén significa un importante avance nun novo método de consumirmos enerxía, máis sustentábel, racional, eficiente, intelixente e, tamén, cómodo.
Estes avances abranguen o período comprendido dende 2011 até a actualidade. Dese ano, precisamente, data a primeira implantación do sistema. As integracións proseguiron logo, ao tempo que a equipa de traballo de I+D+i avanzou no seu labor de desenvolvemento, mellora e deseño de novas aplicacións. Para impulsar esta liña de traballo, a firma destinou o 25,8% dos recursos ao eido da innovación, “co obxecto de poder ofrecer a máis avanzada solución cloud de eficiencia enerxética”, en palabras de CO2 Smart Tech, que informa que a tecnoloxía de seu ten aplicabilidade en múltiples sectores (alimentación, frío, motor, plástico, madeira) e en todo tipo de industrias de referencia.
Segundo apunta a empresa afondando nas vantaxes da súa plataforma, o desenvolvemento da vertente puramente tecnolóxica e dixital do sistema, o seu alicerce, permitiu a estas empresas reducir o custo de dispor de sistemas de xestión enerxética, “que clasicamente só estaban ao alcance de grandes compañías”, sendo, pola contra, “sistemas imprescindíbeis para apoiar a toma de decisións no referente a redución, control e xestión de custos enerxéticos (gas, auga, electricidade...)”.
Por certo que amais de todo o devandito, o sistema co2st-tem inclúe aplicacións móbiles específicas para tabletas que, sincronizadas cunha aplicación na nube, permiten actuar sobre as instalacións de xeito remoto. Ou sexa, que posibilitan que as empresas xestionen intelixentemente os consumos e custes de subministros de auga, electricidade e gas mediante unha software de balde dispoñíbel e operábel na nube. “Grazas a un dos módulos deste software”, engaden os responsábeis de CO2 Smart Tech, os usuarios dispoñen “dun sistema de xestión de seu que lles permite detectar erros de facturación, dispor de indicadores de evolución de consumos e comparar ofertas de subministro enerxético”.

Categorías: Ciencia

Conexiona converte o centro El Carmen de Ourense nun hospital smart

Mar, 09/19/2017 - 12:25

A empresa tecnolóxica Conexiona, con sede na Tecnópole de Ourense, presentou onte nesta cidade o seu sistema intelixente iPlace e, máis polo miúdo, a integración desta tecnoloxía no Centro Médico El Carmen, un labor de integración que, en palabras dos responsábeis da firma TIC, convérteo “no primeiro hospital inmótico de Galicia”. Para quen non o saiba, dicirlle que a inmótica é o conxunto de tecnoloxías aplicadas ao control e a automatización intelixente de edificios non destinados a vivendas. O obxectivo é permitir unha xestión eficiente do emprego da enerxía, amais de fornecer de meirandes cotas de seguridade, comodidade e comunidade entre o usuario e a tecnoloxía aplicada.
Segundo reflicte a Tecnópole, as obras de instalación comezaron o pasado mes de maio e veñen de culminar. O eixe arredor do que xiraron as tarefas de despregue foi a ferramenta iPlace, “unha plataforma que monitora, controla e xestiona distintos sistemas para mellorar a seguridade e confort dos pacientes á vez que optimiza os procesos para facer do centro un hospital eficiente", explicou José Antonio Losas, director de Tecnoloxía de Conexiona. A este respecto, Carlos Sande (director de Innovación e Proxectos) engadiu que iPlace é unha solución de Industria 4.0 que salienta tamén por ser versátil e por ter a capacidade de converter en smart ámbitos ben diversos: a xestión dunha cidade, dunha explotación agrícola, dunha fábrica ou mesmo dun edificio.
Losas e Sande explicaron que o sistema manéxase “comodamente” mediante unha aplicación móbil desde un computador, móbil ou tableta. “En calquera momento e lugar, o persoal do hospital encargado da supervisión pode controlar e corrixir, se fose necesario, o funcionamento dos aparellos”, informaron, engadindo que as vantaxes que a inmótica achega ao hospital e aos seus usuarios “son sobre todo dúas”. A primeira constitúea a maior seguridade do paciente, grazas á integración e funcionamento desta tecnoloxía en todos os equipos relacionados directa ou indirectamente con el: bancos de sangue e plasma, neveiras e conxeladores de laboratorio e cociñas, temperatura e presión dos quirófanos, etc.
A segunda é a maior eficiencia, control e optimización no hospital, xa que o sistema fai seguimento das temperaturas, das luces e dos accesos de cada unha das zonas do hospital.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo achega un sistema de alumeado smart para o paseo do Río Rato

Mar, 09/19/2017 - 11:51

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras para dotar o paseo do Río Rato, na contorna da cidade da Muralla, dun novo sistema de alumeado smart. O desenvolvemento das tarefas a realizar, que tamén abranguen a estrada LU-P-2925, foi supervisado onte polo presidente da entidade provincial, e máis pola alcaldesa Lara Méndez. Segundo fixeron saber, as actuacións teñen un orzamento de 750.000 euros e cobren 7 quilómetros de percorrido, entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón. Abranguen a instalación de 252 farois con 283 luminarias LED, que serán controladas por un sistema informático con capacidade para regular a intensidade da luz para aforrar custes e adaptar as infraestruturas ás condicións climáticas do momento.
Segundo se fixo saber, o sistema informático fará seguimento e monitoraxe dos 283 puntos de luz, permitindo cousas regular a súa intensidade entre os 179 e os 12,5 watts, tendo en conta o seu emprazamento, “co fin para respectar o medio ambiente de toda esta zona” informou o presidente da institución provincial
Méndez López, pola súa banda, salientou que “este proxecto obedece ao modelo que defende o Goberno local, de recuperar o uso das zonas verdes, a facer unha cidade máis amábel e máis cordial, e de mellorar a seguridade nesta zona que viu incrementado o número de usuarios desta vía ao non ter a ronda leste que levamos demandado durante tanto tempo”.

Categorías: Ciencia

O CITIC, no comité organizador do gran evento da tempada en materia de Machine Learning

Mar, 09/19/2017 - 11:10

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña é unha das entidades impulsoras da segunda edición do Machine Learning Workshop Galicia, organizado polo centro CiTIUS en Santiago de Compostela co obxectivo de tender unha ponte de referencia entre a industria e a comunidade investigadora arredor da intelixencia artificial e, dentro desta, do ámbito de todos aqueles recursos e tecnoloxías que fan posíbel que as máquinas entendan, aprendan e tiren conclusións. A cita será o 19 de outubro e nela, o CITIC participará como membro do comité organizador.
Segundo nos lembra o centro da Universidade da Coruña, durante o evento mostraranse proxectos, resultados e experiencias das universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas de Galicia asociados ao uso do Machine Learning (ML). O obxectivo é “identificar as posibilidades destas tecnoloxías nos sectores referentes de Galicia, as necesidades de infraestruturas de computación e as posíbeis sinerxías”.
Como dixemos, o desenvolvemento do encontro virá da man do CiTIUS, apoiándose nunha equipa organizadora integrada polo CITIC, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o centro AtlantTIC da Universidade de Vigo. Tamén se contará coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, o Clúster TIC de Galicia e a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC – R2016/045. Polo que respecta ao comité científico do evento, estará integrado, entre outros, por Ricardo Cao, investigador do CITIC da área de Ciencia de Datos e Información.
Segundo recorda o centro da Universidade da Coruña ao fío dos temas principais que se van tratar no evento, o emprego das tecnoloxías Machine Learning (ML) é hoxe en día un dos principais eidos de investigación do noso tecido innovador, público, privado e semi-público, logo de terse consolidado xa como fonte dunha ampla gama de aplicacións. Aplicacións como por exemplo sistemas de procura, ferramentas de análise de textos e de análises de redes sociais, sistemas de recoñecemento de obxectos e facianas, recursos para o procesado do ADN, ferramentas para o recoñecemento da fala, para a analítica de datos médicos, para a mellora e optimización dos sistemas de produción na industria, aplicacións de analítica para intelixencia de negocio, etc...
“Con todo e malia todos os beneficios do ML para a sociedade e para industria”, sinala o CITIC, “o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que existe un futuro cheo de novos retos e oportunidades”.

Categorías: Ciencia

Uber e Cabify mantéñense na loita do Supremo contra os novos controis sobre as licenzas VTC

Mar, 09/19/2017 - 11:00
Élite Taxi leva tempo esixindo a limitación de licenzas VTC

O conflito do sector do taxi contra as novas plataformas en liña parece avanzar contra os primeiros, pois o Tribunal Supremo vén de acordar desestimar o recurso presentado pola asociación profesional Élite Taxi que pretendía evitar que Uber e Cabify fosen da man da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) no seu litixio contra o regulamento das licenzas de vehículos con condutor (VTC), de xeito que Élite Taxi terá que pagar as costas.
O Supremo considerou que o feito de que Uber e Cabify sexan sociedades intermedias entre usuarios finais e titulares de licenzas VTC «outórgalles unha clara lexitimación posto que o regulamento do arrendamento de vehículos con condutor afecta directamente á actividade desenvolvida por elas», de xeito que estarán no lado ca CNMC contra o decreto ley do Ministerio de Fomento que impulsa máis controis no sector das VTC, que a Comisión considera «innecesarios e desproporcionados» e que «encobren razóns de natureza económica en beneficio da actividade do autotaxi».
Cómpre lembrar que a CNMC ten unha clara postura favorable aos novos modelos económicos (posición acorde á promovida dende Bruxelas) de xeito que piden o desregulamento do taxi, os autobuses e as vivendas turísticas en España.

Categorías: Ciencia

BBVA lanza servizo para facermos diagnósticos en liña da nosa saúde financeira

Mar, 09/19/2017 - 10:21

A banca estase a integrar no plano dixital na procura de novos xeitos de interactuar cos clientes que, hai menos dunha década, serían inimaxinábeis. Un exemplo desta busca de meirande contacto cos usuarios é a nova funcionalidade BBVA Bconomy, presentada onte por BBVA (por Gonzalo Rodríguez e Elena Alfaro) e dirixida a fornecer aos clientes de diagnósticos en liña da súa saúde financeira. Segundo fixo saber a banca, trátase dun servizo integrado dentro da aplicación e a páxina web de BBVA. A ferramenta, entre outras cousas, é quen de medir a evolución dos nosos ingresos e gastos, o nivel de aforro, o gasto en vivenda ou o nivel de endebedamento, cualificando cunha nota media o estado de contas no que nos atopamos (que sería “axeitado” se nos acharamos por enriba do 50%, aínda que xusto nese punto de porcentaxe serían precisas medidas de aforro para mellorar).
Ademais do diagnóstico da nosa saúde financeira BBVA Bconomy, o servizo foi concibido para axudarnos con recomendacións e ferramentas personalizadas en función da nosa situación. Segundo se fixo saber na presentación do servizo, a devandita entidade financeira é a primeira do ámbito estatal que fornece deste recurso de análise personalizado. “O noso obxectivo”, sinalaron Rodríguez e Alfaro, “é pór ao alcance dos nosos clientes toda a información precisa sobre a súa economía para que poidan tomar mellores decisións, deste xeito, con BBVA Bconomy poderán coñecer como están a xestionar as súas finanzas e detectar como mellorar en aspectos que lles permitan afrontar o seu ciclo de vida con meirande tranquilidade”.
O director de Transformación Dixital de BBVA España, Gonzalo Rodríguez, explicou que BBVA Bconomy vai en liña co propósito da entidade financeira de crear novas oportunidades para os clientes, xa que lles axuda a ter un mellor control da súa situación, contribuíndo a que aforren de maneira máis doada ou a contar “cun colchón” ante imprevistos. “O diñeiro é o principal motivo de tensión para as persoas e con BBVA Bconomy queremos axudar a reducilo”, engadiu.
Pola súa banda, a directora de Data & Analytics e Innovación Aberta de BBVA, Elena Alfaro, informou que “o uso intelixente dos datos achega personalización, relevancia, e unha mellora na toma de decisións. Queremos que os clientes entendan e controlen mellor as súas finanzas, de xeito que estean máis tranquilos á vez que cumpren os seus obxectivos”.
Rodríguez e Alfaro tamén engadiron que BBVA Bconomy fornece dunha comparativa sociodemográfica con outras persoas da nosa contorna e de semellantes características. En concreto, da nosa mesma idade, sexo, rango salarial e código postal. “Deste xeito”, engadiron, “teremos unha referencia para avaliar se o gasto que estamos a realizar está por enriba ou por baixo da media”.
A ferramenta estará dispoñible para todos os clientes a partir do vindeiro 24 de setembro tanto na web como na aplicación móbil de BBVA.

Categorías: Ciencia

Carrefour estrea en Galicia un servizo de video-interpretación de lingua de signos

Lun, 09/18/2017 - 21:42

Esta mañá os establecementos de Carrefour en Galicia estrearon un servizo de vídeo-interpretación para persoas xordas usuarias da lingua de signos denominado SVIsual, desenvolvido pola Fundación da Confederación Estatal de Persoas Xordas. O novo servizo leva varios anos en probas nalgúns centros de Carrefour, e a partires de agora estará presenta nos 7 hipermercados da marca na comunidade galega co obxectivo de garantir unha prestación de servizos en igualdade de condicións a todos os clientes.
Ao acto de presentación celebrado en Compostela acudiron o conselleiro de Política Social da Xunta, José Manuel Rey; a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García; o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha; o director rexional de Carrefour para Galicia, Francisco Hipólito Rodríguez; e a directora da Fundación Solidaridad Carrefour, María Cid.
Mediante SVIsual as persoas xordas poden, a través dun vídeo-intérprete, establecer unha comunicación con persoas oíntes dun xeito fluído grazas a unha aplicación que contacta cun centro de chamadas capaz de integrar simultaneamente audio e vídeo. Nos centros de Carrefour estarán dispoñibles durante o seu horario de apertura dispositivos que faciliten o acceso ao servizo que busca rachar barreiras de comunicación.

Categorías: Ciencia

Comprometen a seguridade de CCleaner

Lun, 09/18/2017 - 19:30

Para manter un sistema informático protexido o máis importante é manter unha política de seguridade rigorosa, sen instalar nos nosos equipos software de fontes que non sexan de fiar, pero cando as ameazas chegan precisamente das empresas que teñen que velar pola nosa seguridade resulta especialmente preocupante, e como exemplo diso temos que os responsables de CCleaner, Piriform, veñen de anunciar que tanto a versión 5.33.6162 de CCleaner, como a versión 1.07.3191 de CCleaner Cloud estaban comprometidas, de xeito que 2,27 millóns de persoas poderían verse afectadas por un malware que afectaría unicamente á versión de 32 bits da aplicación, de xeito que quen as teña instaladas debería actualizar rapidamente á última versión para evitar problemas.
As versións afectadas só as emprega o 3% dos usuarios de CCleaner, provocando que certa información pouco sensible (enderezo IP, listaxe de software instalado, listaxe de software activo e listaxe de adaptadores de rede) se transmitise a un equipo informático nos EE.UU., polo que a ameaza sería bastante limitada, pero o feito de que isto aconteza cunha aplicación dunha empresa propiedade de Avast (especializada en software de seguridade informática) fai dubidar da fiabilidade da compañía en xeral, podendo causar grandes problemas para a reputación da empresa.

Categorías: Ciencia

WordPress Pontevedra mostra no Pont-Up Store como tirarlle proveito ao xestor de contidos

Lun, 09/18/2017 - 18:14

A asociación WordPress Pontevedra vai organizar esta semana, os días 21 e 23, un achegamento intensivo á ferramenta do mesmo nome, o popular xestor de contidos dispoñíbel (entre outras moitas linguas) en galego e empregado arestora por máis de 60 millóns de blogs. Sinalar que a sesión de meetup sobre WordPress forma parte do programa do evento Pont-Up Store, xuntanza pontevedresa de apoio ao emprendemento innovador en calquera das súas manifestacións. O evento serviralle a WordPress Pontevedra como carta de presentación e, tamén, para recordarnos as múltiples razóns do éxito da plataforma.
Participarán tres destacados membros da comunidade WordPress, amosando as súas experiencias e diferentes recursos para tirarlle o máximo proveito, tanto no eido comunicativo como no profesional e no empresarial. Trátase de Mauricio Gelve, referente na comunidade española de WordPress e co-organizador do WordCamp Madrid, amais de relator e desenvolvedor; Ibon Azkoitia, outro destacado membro da comunidade nacional e internacional, organizador do WordCamp Bilbao; e para rematar Lúa Louro, deseñadora e desenvolvedora de WordPress que desde O Ézaro lanzou a súa carreira logo de estudar Belas Artes en Pontevedra grazas a WordPress.

Categorías: Ciencia

A Fundación TIC apoia a Semana de Cinema de Autor de Lugo

Lun, 09/18/2017 - 18:13

Hoxe comeza a 39 edición da Semana Internacional de Cinema de Autor de Lugo, da man do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. Durante o seu transcurso proxectaranse longametraxes de 65 países de todo o mundo en diferentes emprazamentos da cidade da Muralla. A cita, que se desenvolverá até o 23 deste mes, conta co apoio da Fundación TIC da Deputación de Lugo. De feito, a entidade provincial que preside Dario Campos é o principal patrocinador deste histórico e senlleiro (con 39 edicións ás súas costas) acontecemento audiovisual, fornecendo unha achega de 35.000 euros.
Polo que respecta ao labor da Fundación TIC, elaborou un vídeo de promoción para difundir o festival por toda a provincia, na web de seu e máis nas principais redes sociais. Pola súa parte, o Concello de Lugo colabora con outros 18.000 euros.
A edición 39 do certame, na que se homenaxe no aniversario do seu falecemento ao mindoniense Victoriano López García (fundador e director do Instituto de investigacións e experiencias cinematográficas, e primeiro lucense en gañar un Premio Goya), dará acubillo a 93 filmes para proxectar. As películas exhibiranse na Biblioteca Municipal, no Museo Provincial, no MIHL, no Vicerreitorado da Universidade (Casa do Saber), no Vello Cárcere e no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo. A entrada a todas elas será de balde, agás no caso das cintas do Auditorio Gustavo Freire, que terán un prezo de entre 3 e 5 euros, dependendo do ciclo.

Categorías: Ciencia

Samsung permite desactivar o botón de Bixby dos seus móbiles de alta gama

Lun, 09/18/2017 - 16:30

Cando Samsung presentou os seus Galaxy S8 e S8+ sorprendeu por incorporar un botón físico lateral que servía para invocar a Bixby, un asistente que pretendía competir co asistente de Google e Siri de Apple, contando con numerosas funcionalidades que prometen engadir valor de xeito substancial aos dispositivos de alta gama da marca surcoreana, pero que de saída ten un grande problema: o seu sistema de recoñecemento de voz só funciona de xeito oficial en coreano e en probas en inglés americano.
Temos así que tanto so Galaxy S8 e S8+, como o novo Note8, posúen un botón lateral que non só é de discutible utilidade, senón que incluso é unha molestia, xa que ante toques accidentais abre unha aplicación á que o usuario non quere acceder, polo que non eran poucas as queixas ante a presenza de tal botón que no podía desactivarse dun xeito doado, o que levou a que xurdiran aplicacións para desactivar o botón e substituílo por outras funcións como, por exemplo, o asistente de Google.
Ante esta situación finalmente Samsung deu o brazo a torcer, e nas últimas horas distribuíu unha actualización de Bixby que permite desactivar o seu botón exclusivo, de xeito que o usuario pode optar por empregalo ou desactivalo completamente, evitando así as molestias de pulsacións accidentais, pero sen ofrecer un uso alternativo ao botón físico.
Queda agora por ver se nas seguintes semanas dende Samsung optan por permitir que o botón Bixby sexa programable, funcionalidade da que contaron móbiles do fabricante surcoreano no pasado.

Categorías: Ciencia

Allariz achéganos aos segredos da animación en 3D

Lun, 09/18/2017 - 16:25

O Concello de Allariz presentou hoxe un programa formativo que inclúe, entre outras cousas, un vieiro directo cara as novas tecnoloxías ao servizo do audiovisual, máis polo miúdo cara ao eido da animación en 3D. O Curso de introdución ao desenvolvemento de películas de debuxos animados vaise desenvolver dende outubro deste ano a xullo do ano vindeiro. As materias a impartir artéllanse en dous bloques, un de contidos prácticos (3D) e outro de teóricos. Celebrarase na Casa da Mocidade de Allariz.
O primeiro dos bloques abordará cuestións como a interface, o modelado (técnicas, mallas e curvas, modelado de textos), cámaras e iluminación, texturas e materiais, modelado de personaxes, animación (claves e liña de tempo, editores, animación de obxectos, de personaxes e de FX) e composición.
O bloque teórico introducirá aos participantes en procesos de produción, pre-produción (linguaxe cinematográfica, ideas para o guión, storyboard), creación de personaxes (anatomía, estereotipos, poses e siluetas, liñas de acción), teoría da animación (técnicas, os principios da animación, as leis físicas aplicadas, tempo e ritmo, animación facial, locomoción) e elaboración de proxectos de animación (mercados e festivas, axudas á produción).
As persoas que estean interesadas en asistir ao obradoiro deberán chamar ao 615 395 871 ou ben enviar un correo electrónico a animacion3d@allariz.com.

Categorías: Ciencia

O recoñecemento facial en móbiles podería popularizarse en 2018

Lun, 09/18/2017 - 14:35

Unha das novidades máis polémicas do iPhone X é a supresión do Touch ID para substituílo polo Face ID, ou sexa, que ao integrar recoñecemento facial desbótase o recoñecemento de pegada dixital, o que levantou moitas dúbidas sobre a seguridade e comodidade de tal medida, pero parece que o seu impacto no sector vai ser moito máis fondo do que poderiamos pensar, e que en poucos meses comezaremos a ver numerosos smartphones que fagan o mesmo.
Deste xeito, ao igual que o recoñecemento de pegadas dixitais non se fixo popular até a súa incorporación por parte de Apple (pese a que había móbiles que tiñan tal funcionalidade antes do lanzamento do primeiro iPhone), o recoñecemento facial baseado en medidas volumétricas do rostro vai camiño de converterse nalgo normal en móbiles (de feito, xa o é en ordenadores portátiles modernos, pois un dos sistemas de identificación de Windows Hello funciona de tal xeito) xa que Qualcomm Technologies está a traballar con Himax Technologies para acelerar o deenvolvemento e a comercialización dun sistema de cámara de alta resolución e baixo consumo capaz de recoller a profundidade en 3D para que, mediante visión artificial poder empregar estes datos como identificación biométrica, así como para outros usos como reconstrucións 3D ou percepción de escenas, o que tamén podería ter aplicacións en sistemas de vixilancia, no mundo do motor ou incluso para conseguir unha realidade aumentada precisa.
A combinación da tecnoloxía Qualcomm Spectra cos sistemas ópticos de Himax conseguirían facer realidade unha solución 3D SLiM (módulo de luz estruturada) que permitise captar a profundidade en tempo real, tanto en interiores como en exteriores, sen ter un grande impacto na autonomía dos smartphones, confiando en que esta tecnoloxía chegue ao mercado no primeiro trimestre de 2018.
Non sería de sorprender que o vindeiro smartphone insignia de Xiaomi fose o que estrease esta tecnoloxía, pero en vista de que estamos ante unha solución desenvolvida por Qualcomm, practicamente estaría aberta a todos os fabricantes (a través, posiblemente, do futuro procesador Snapdragon 845), de xeito que o recoñecemento facial en móbiles podería converterse na tendencia de 2018 de conseguir gañarse o favor do público (que este momento desconfía do feito de que a súa cara poida estar a ser recoñecida constantemente por dispositivos electrónicos).

Categorías: Ciencia

Ábrese a inscrición para a vindeira edición de Coruña Bloggers

Lun, 09/18/2017 - 14:05

O encontro Coruña Bloggers despediuse antes do verán coa celebración do seu primeiro aniversario, saldando as súas primeiras 10 edicións cun total de 1.751 quilogramos de alimentos recollidos para a Cociña Económica, e agora anuncian o inicio dunha nova tempada na que pretenden superar as 2 toneladas de alimentos recollidos neste evento solidario aberto a calquera interesado no mundo tecnolóxico, non sendo unha actividade exclusiva para blogueiros, e pregándose aos asistentes a inscribirse previamente e acudir cun mínimo de 1 quilo de alimentos non perecedoiros a xeito de contribución para os máis desfavorecidos da cidade herculina.
A XI edición de Coruña Bloggers terá lugar o vindeiro 27 de setembro ás 19:30 horas na Fundación Barrié da Coruña, sendo desta volta os relatores que compartirán os seus coñecementos cos asistentes Óscar Domínguez, fundador de DesarrolloSEO, e Javier Varela, community manager experto en posicionamento en redes sociais.
Domínguez impartirá unha charla titulada A Importancia do SEO, na que explicará a importancia para empresarios, blogueiros... de estar ben posicionados, ter presenza en buscadores, unha imaxe destacada e facer visible os negocios a ollos dos usuarios da Internet; mentres que Varela, comentará as mentiras na Rede nos momentos nos que se produce unha emerxencia, polo que dará consellos para facer un bo uso das redes sociais durante unha emerxencia como os recentes atentados de Barcelona.

Categorías: Ciencia

Richard Stallman, un dos pratos fortes da Galicia Maker Faire

Lun, 09/18/2017 - 13:47

O monte Gaiás de Santiago, emprazamento da Cidade da Cultura de Galicia, será no mes de novembro o gran referente do movemento argalleiro e auto-desenvolvedor. Ou sexa, do colectivo Maker, ou, o que o é o mesmo: a gran fronte internacional de xente que se xunta para botaren abaixo os límites da creación tecnolóxica de cada quen, individuais, colectivos, reais ou imaxinarios. Esta gran fronte, que ten cada vez máis adeptos e seareiros na nosa terra, ten unha cita a marcar no calendario os días 24, 25 e 26 de novembro, a Galicia Maker Faire de Santiago. Como era de agardar, tratándose como se trata o movemento Maker dunha gran casa integradora, con portas e xanelas abertas, todas e todos estamos convidados. Entre os puntos fortes do programa figura un que vimos de coñecer: a presenza na quedada de Richard Stallman, o creador do movemento do software libre a nivel mundial.
Stallman, que ofrecerá unha charla no evento, é unha das figuras máis sobranceiras do movemento do software libre a nivel mundial, coñecido por ter creado en 1984 o sistema operativo GNU, actualmente GNU/LINUX, a primeira alternativa aos principais sistemas de software privativo: Windows e MacOs. Entre os seus principais cometidos cómpre salientar o de acadar, a través da súa fundación Free Software Foundation, unha meirande concienciación entre os gobernos para que empreguen programas abertos tanto a nivel de xestión e uso cotián como nas escolas públicas.
Segundo informa a organización, amais da charla de Richard Stallman, o programa achegará unha manchea de actividades de divulgación e lecer orientadas a tódolos públicos e disciplinas: obradoiros de innovación e creatividade, campionatos de drones, robótica, actuacións interactivas e moito máis.
A día de hoxe fica aberta a convocatoria para todo aquel que queira participar nesta vindeira edición, tanto na categoría de Maker como de Minimaker (proxectos infantís). O prazo de inscrición remata o 15 de outubro.
O evento vén da man de Enrique Saavedra e Matilde Rodríguez, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse.
Nesta nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades. Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco de localización. Ademais, a feira terá un día máis de actividade, o venres 24 de novembro, que se reservará para o sector profesional, “favorecendo que os expositores poidan dirixir dun xeito máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo”. A fin de semana do 25 e 26 manterase para o público xeral.
A cousa Maker
O movemento Maker é a cultura de “fágao vostede mesmo”, “Do it Yourself” en inglés. O termo Maker é unha palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fablabs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros dos programas libres de todo o mundo compartindo ideas, experiencias e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía.

Categorías: Ciencia

A ciberseguridade e intelixencia artificial, eixes temáticos da VII Xornada de Informática Xudicial

Lun, 09/18/2017 - 13:04

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) está a ultimar os detalles da sétima edición dun dos nosos eventos tecnolóxicos máis referenciais e dos que máis ramificacións abrollan (non só tecnolóxicas, senón tamén sociais, económicas, policiais e, por suposto, xudiciais). Estamos a falar da Xornada de Informática Xudicial, que se celebra o 4 de outubro na Cidade da Cultura en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Os fíos condutores desta nova entrega serán non só os relacionados coa ciberseguridade, senón tamén os da intelixencia artificial, un ámbito que mostra gran interese por ser, en boa medida, o seguinte chanzo tecnolóxico que nos agarda na escaleira da evolución TIC.

Ofelia Tejerina participará na xornada convodada polo CPETIG

A edición deste ano, convocada baixo o título Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial, adopta o nome propio de #IURISTICGAL17. Baixo este epígrafe e este nome, a organización busca ante todo “singularizar o evento”, unha cita “moi consolidada” a nivel galego e estatal e que serve de punto de referencia para a reflexión e o debate acerca dos rumbos que debera seguira loita contra o cibercrime.
Segundo nos conta o CPETIG, a xornada reunirá un salientábel panel de relatoras/es expertas/os do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que “darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei”.

Manuel Guerra, relator da xornada

Nun plano máis detallado, farase fincapé en cuestións innovadoras como a condución autónoma ou as fábricas plenamente automatizadas, e en como estes escenarios están a ser percibidos pola sociedade dun xeito ambivalente, á vez como oportunidade e como ameaza, “especialmente pola inevitábel destrución de postos de traballo que serán copados progresivamente por robots intelixentes”. En palabras da organización da xornada, esta “complexa realidade abre numerosas esixencias no eido do dereito, de xeito que os profesionais da xustiza están obrigados a coñecer, interpretar e aplicar estas tecnoloxías para dar unha resposta acorde aos crecentes requirimentos”.
Nun plano máis concreto e meténdonos xa no programa, sinalar que a intelixencia artificial na interpretación e na aplicación da lei, mediante un xuíz robot, será o tema de apertura da VII Xornada de Informática Xudicial, cun relatorio ofrecido por Alejandro Sánchez del Campo Redonet, regulatory counsel en Telefónica Digital.

Alejandro Sánchez

Despois, Ofelia Tejerina, avogada da Asociación de Internautas e membro do Grupo de Traballo sobre Dereitos Dixitais da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, exporá un relatorio sobre privacidade e dereitos fundamentais.
A ciberseguridade e a peritaxe informática centrarán o terceiro dos relatorios, ofrecido por Pilar Vila, perita informática en Forensic &Security, seguido dunha mesa redonda sobre Privacidade e xustiza ante un mundo plenamente dixital, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada.

O xuíz Eloy Velasco falará novamente no evento de Compostela

A sesión de tarde comezará coa exposición de Juan Antonio Frago, fiscal do Grupo de Delitos Económicos en A Coruña, titulada e-Xustiza, mito ou realidade?, para dar paso despois a Manuel Guerra, analista forense na Sección Técnica da Unidade Central de Investigación Tecnolóxica, UIT, da Policía Nacional, que exporá o relatorio titulado A ciberdelincuencia desde o outro punto de vista.

Pilar Vila, relatora da xornada


Como punto e final, #IURISTICGAL17 rematará cunha mesa redonda sobre Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria na que actuará como relator e moderador Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional.
Inscrición anticipada ata o 24 de setembro
Segundo sinala o CPETIG, fara favorecer a asistencia a #IURISTICGAl17 nunhas “condicións vantaxosas”, estabñeceuse un prazo de inscrición anticipada até o vindeiro 24 de setembro, tanto para público xeral como para entidades colaboradoras e persoas asistentes a anteriores edicións. Para máis información e inscricións cómpre visitar a web da xornada iuristicgal.cpetig.org

Categorías: Ciencia

A Xunta acada melloras por 7 millóns de euros no contrato do servizo de telecomunicacións

Lun, 09/18/2017 - 12:17

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de informar da prolongación do contrato dos servizos de telecomunicacións fornecidos pola operadora galega R (Grupo Euskaltel) e por Vodafone. Segundo informa a axencia que dirixe Mar Pereira, a devandita prórroga de contrato abrangue dous anos, a partir de marzo de 2018. A longo deste tempo, as compañías adxudicatarias investirán ata 7 millóns de euros en diversas optimizacións nos servizos de Internet, telefonía fixa e móbil de centros públicos dependentes da Administración autonómica.
Segundo informa AMTEGA, entre as melloras comprometidas por R (operador adxudicatario dos servizos de telefonía fixa e de Internet) figura a instalación de conexión de fibra óptica en 20 escolas infantís. Ademais, engade a axencia, migrará máis de 40 centros conectados “a unha tecnoloxía máis moderna, que permite acadar velocidades moi superiores ás actuais”.
Por outra, ao abeiro destas previsións fortalecerase a conexión de fibra do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) co Centro de Proceso de Datos (CPD) de respaldo, o que mellorará, en palabras da axencia, “a redundancia para garantir a continuidade dos servizos ante posíbeis incidencias no CPD”. Ademais, realizarase a migración do CPD do CIXTEC CPDI da Cidade da Cultura “sen custe adicional para Administración”. Asemade, minimizarase nun 15% o custe de altas de liñas e actualizarase o software das centraliñas de telefonía fixa da rede corporativa.
Polo que se refire á telefonía móbil, entre os compromisos da adxudicataria do servizo, a operadora Vodafone, atópase a mellora da conexión a Internet en até 240 sedes de diferentes servizos públicos, grazas á instalación de liñas de datos 4G. Outra das optimizacións previstas é que a Administración autonómica disporá dun bono anual de 200.000 SMS masivas de balde unha vez consumidos as 420.000 mensaxes de texto anuais.
AMTEGA tamén lembra que o vixente contrato de telecomunicacións da Xunta entrou en vigor en 2015. Dende aquela, explica a axencia, foi quen de acadar un aforro de 12 millóns de euros respecto do contrato anterior e “un investimento adicional por parte dos operadores de 12 millóns de euros”. Entre as melloras contempladas está multiplicar por tres a media do largo de banda de máis de máis de 2.300 centros de servizos públicos e a ampliación a 10 GB da capacidade do acceso a Internet da rede corporativa.

Categorías: Ciencia

O 2 de decembro o TEDxGalicia dirá adeus en Compostela

Lun, 09/18/2017 - 11:53

A pasada fin de semana, e de xeito excepcional, unha das grandes citas anuais na nosa comunidade autónoma, o TEDxGalicia, anticipouse á súa venda de billetes ordinaria e durante o sábado e o domingo fixo abriu o seu despacho de billetes virtual para que os máis fieis seareiros do encontro puidesen asegurar a súa asistencia, á vez que tamén sortearon un par de entradas dobres entre a audiencia do programa Lambóns Dixitais da Radio Galega. Rematada esta acción, confírmase agora que será o 1 de outubro o día no que se abrirá oficialmente a venda de billetes para a derradeira edición de TEDxGalicia, que desenvolverase o 2 de decembro na Cidade da Cultura de Galicia.
Si, este encontro que naceu a finais de 2010 no Centro Galego de Arte Contemporánea, e pasou por varias localidades galegas (Ourense, Pontevedra e Carballo), dirá adeus finalmente en Compostela, pechando así unha traxectoria de grande éxito de convocatoria no que a Tecnoloxía, o Entretemento e o Deseño (palabras que compoñen a marca TED) serviron de desculpa para dar a coñecer proxectos e iniciativas e fomentar a reflexión sobre diferentes problemáticas, á vez que moitos atoparon a motivación para emprender.
Aínda que falamos dun evento que se desenvolve durante unha xornada nun enclave físico, estes encontros son só unha ferramenta que serve para a gravación dos relatorios que compoñen cada edición, xa que o auténtico obxectivo dos eventos TED é a divulgación das mensaxes rexistradas de xeito audiovisual a través de plataformas en liña como YouTube, favorecendo así a difusión das mensaxes e a creación de coñecemento.
Polo momento non se coñece o cadro de relatores da vindeira edición de TEDxGalicia, pero iso non impide que os asistentes habituais xa se lanzasen a adquirir os seus billetes para poder acudir ao que consideran unha cita anual imprescindible, que serviu tamén para fomentar un formato de evento que proliferou na nosa comunidade, de xeito que agora é máis doado atopar foros dende os que lanzar mensaxes sobre temas tan variados como a lingua galega ou o emprendemento rural.

Categorías: Ciencia

Páxinas