códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 14 min 28 seg

BBVA achega aos clientes a tecnoloxía de recoñecemento de iris de Samsung

Xov, 11/16/2017 - 19:19
Raúl Navarrete, director de Canal Móvil de BBVA España, e David Alonso, director da Área de Empresas de Samsung, na presentación do novo servizo

Samsung e BBVA presentaron este 16 de novembro un servizo de recoñecemento biométrico por iris destinado a facilitar e axilizar os procesos dos usuarios da banca ao mesmo tempo que se incrementa a seguridade (a biometría é o concepto que abrangue os avances en seguridade e protección baseados no recoñecemento das características físicas e intransferíbeis das persoas, como por exemplo a pegada dixital ou os iris dos ollos, precisamente). O servizo será unha realidade para todos aqueles clientes da entidade financeira que teñan descargada a aplicación de banca móbil de BBVA e un smartphone Samsung compatíbel. Segundo informou a banca, con este lanzamento convértese no que sería “o primeiro banco estatal que ofrece a avanzada tecnoloxía de escáner de iris de Samsung, Samsung Pass”.
Esta tecnoloxía ten a capacidade de verificar a identidade do usuario e darlle acceso a servizos que requiran seguridade integral e as máis altas esixencias de autenticación. Neste caso concreto, dáselle acceso ás súas contas.
Máis polo miúdo, a solución de xestión de identidades Samsung Pass, baseada na tecnoloxía FIDO (Fast Identity Online), ceiba ao usuario de ter que escribir identificadores e contrasinais para iniciar sesión. Segundo informou a multinacional tecnolóxica, Samsung Pass salienta tamén polo alto nivel de seguridade que pon en xogo, unha seguridade que se basea na propia característica do ires humano: o contrasinal máis inequívoco.
“Trátase dunha das formas máis sinxelas e seguras de manter o smartphone bloqueado e protexido fronte a un uso non desexado”, explicaron os responsábeis da compañía na presentación deste 16 de novembro, engadindo algúns detalles técnicos, como por exemplo os referentes á metodoloxía empregada polo dispositivo para acubillar credencias biométricas (empregando a plataforma de seguridade Samsung Knox, que garda esa información na TrustZone do dispositivo, unha área segura baseada no hardware do terminal), unha metodoloxía que imposibilita o roubo dos ditos datos a través do terminal.
Para incorporar este sistema de acceso á app móbil de BBVA, a entidade bancaria e Samsung acometeron un ambicioso proxecto de colaboración tecnolóxica, unha colaboración que deixa as portas abertas para, a medio prazo, comezar outro tipo de operativas de maneira conxunta, como a contratación de produtos.

Categorías: Ciencia

ABANCA adapta a súa aplicación móbil ao iPhone X

Xov, 11/16/2017 - 14:13

A aplicación móbil de ABANCA para iPhone vén de recibir unha actualización para aproveitar todo o potencial do iPhone X e de iOS 11. Algunhas das principais melloras nesta versión da banca móbil son exclusivas para os propietarios do novo iPhone X, que poderán acceder á aplicación dun xeito máis cómoda grazas a Face ID, o novo sistema de seguridade biométrica que substitúe á pegada dactilar.
A identificación facial permite un acceso máis áxil, pero tamén máis seguro e fiable respecto a sistemas anteriores segundo Apple. A aplicación, desenvolvida integramente en Galicia, tamén redeseñouse para o iPhone X e ofrece total integración coa curiosa pantalla deste smartphone, maior que outros modelos e cunha identificable franxa na parte superior.
Ademais destas melloras, as novidades tamén chegan a calquera usuario da aplicación para iPhone. A partires desta versión, o asistente Siri poderá informar do saldo das contas do cliente en ABANCA utilizando exclusivamente a voz. Antes de amosar esa información, o usuario deberá validar a petición coa pegada ou coa identificación facial. Esta funcionalidade súmase ao envío de diñeiro desde o móbil ao caixeiro a través da voz, que a entidade financeira xa implantou de maneira pioneira no sector en xuño.
A nova versión da banca móbil para dispositivos Apple conta cun novo sistema de indexado da información que permite un uso máis áxil. A aplicación de banca móbil de ABANCA indexa agora aquelas operacións que temos gardadas en favoritos ou que utilizamos de maneira recorrente e permite acceder dun xeito máis directo, tras unha procura a través de Spotlight.
Os usuarios que actualicen a aplicación de ABANCA tamén accederán a un novo sistema de preguntas frecuentes que conta cun procesamento máis natural da linguaxe, desenvolvido da man de Inbenta. Esta nova versión tamén permite contratar un maior número de produtos, como tarxetas, dunha maneira sinxela e intuitiva.

Categorías: Ciencia

Elogia fai medrar a comunidade dixital arredor de Turismo de Galicia e o Camiño Xacobeo

Xov, 11/16/2017 - 11:16

A axencia dixital Elogia, que conta con sede de seu en Vigo e un amplo equipo de profesionais galegos na súa equipa, é a gañadora do concurso para a xestión da comunicación dixital de Turismo de Galicia, órgano dependente da Xunta de Galicia e, como lembraremos, responsábel da actividade autonómica relacionada co sector turístico, incluíndo unha manchea de campañas multiformato para dar a coñecer no mundo os atractivos da nosa terra. Precisamente, o obxectivo do concurso co que vén de facerse Elogia é “dar a coñecer en Internet e nas redes sociais a campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia”, co fin de manter “a sensibilización da poboación galega, nacional e internacional”, así como aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia”. Segundo nos contan dende Elogia, a axencia está a encargarse xa da estratexia global de comunicación nas redes sociais de Turismo de Galicia e Camiño Xacobeo (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube) así como do blog da entidade.
Entre as accións principais destacan a xestión diaria das redes sociais, a creación dunha liña editorial propia con brandeado de imaxes e vídeo, o envío de boletíns informativos mensuais e a cobertura dos principais fitos do calendario que atinxan o turismo, entre outras actividades.
Facendo un algo de reconto, Elogia informa que en só tres meses dende a posta en marcha desta liña de traballo, xa se lograron máis de 3.200 novos seareiros en Facebook e máis de 1.700 seguidores en Instagram de Turismo de Galicia, así como máis de 750 fans no Facebook do Camiño Xacobeo e un aumento do 50% de seguidores en Instagram. Ademais, o aumento do engagement (fidelidade) respecto ao primeiro mes desde o inicio da estratexia é do 45%. Elogia, seguindo este fío, tamén salienta a través da creación do vídeo para o Camiño Xacobeo abranguéronse xa máis de 100.000 persoas, máis de 30.000 reproducións, máis de 3.000 reaccións e máis de 5.700 clics.
Ao respecto de todas estas cifras (e das que están por chegar), Xosé Manuel Merelles, xefe da área de Comunicación de Turismo de Galicia declara que “a área de Comunicación de Turismo de Galicia está satisfeita cos resultados do traballo de Elogia nas redes sociais da axencia ao longo do verán e o que vai de outono”. Tamén salienta o incremento da conversa nas nosas redes e o uso homoxéneo de todas as contas.

Categorías: Ciencia

Televés acolleu o arranque da fase piloto de Activage Galicia, proxecto TIC a prol do envellecemento activo

Xov, 11/16/2017 - 10:49

As instalacións da Corporación Televés, en Compostela, acolleron onte a posta en marcha da primeira proba piloto dun ambicioso proxecto europeo de I+D+i destinado a crear solucións concretas a prol da saúde na terceira idade e o envellecemento activo. Estamos a falar do proxecto Activage, no que participan Televés, Cruz Vermella, a Fundación Vodafone España, a Universitat Politècnica de Valencia e mailo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), contándose coa colaboración da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fundación Tecsos. O arranque da fase de pilotaxe celebrada onte realizouse empregando unha contorna simuladora que, segundo nos conta Televés, representa unha vivenda tipo. Neste fogar medio leváronse a cabo probas para validar a axeitada integración do equipamento de seu, recursos como sensores, actuadores ou rexistros, en relación aos sistemas de información e xestión do SERGAS e a Cruz Vermella.
Estes traballos terán continuidade futura, alén da simulación, cando se desenvolvan pilotos con usuarios reais nas súas vivendas habituais. O obxectivo é abranguer 700 fogares en Galicia no prazo de dous anos. Para isto, as entidades participantes en Activage están a traballar xa na selección dos usuarios e na definición de modelos formativos.
E cal é o obxectivo concreto de todo isto? Segundo informa en detalle Televés, “trátase de avanzar cara a solucións de coidados a distancia, o que se coñece como telecoidado no fogar, e na detección temperá dos riscos ligados ao envellecemento e a deterioración cognitiva, a través da análise das rutinas de conduta e o seguimento de pacientes crónicos”. Os resultados que se obteñan servirán tamén para construír unha rede social dixital con vídeo-comunicación entre persoas maiores. Esta comunidade dixital será tamén unha panca contra “o illamento e a soidade” na que viven inmersos moitos dos nosos maiores, sendo esta unha tendencia crecemento polo envellecemento da poboación.
“A visión de Activage”, engaden as entidades participantes e colaboradoras, “é ser un referente global para demostrar que ecosistemas estandarizados, seguros e interoperábeis, facilitan novos modelos de negocio e solucións efectivas para promover o envellecemento activo e saudábel”.
En termos máis xenéricos, Activage é unha iniciativa de I+D+i baseada nas tecnoloxías da información que ten por obxecto desenvolver solucións baseadas en Internet das Cousas para facer fronte ao aumento da esperanza de vida, promovendo o envellecemento activo e saudábel. Está apoiada polo Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea Horizonte 2020, e conta cun orzamento de 25,3 millóns de euros e un prazo de execución de 42 meses.
Nela traballan medio cento de entidades de toda Europa, de xeito conxunto e coordinado, sendo a súa meta, como dixemos, “construír un ecosistema interoperábel e aberto para o despregue de solucións tecnolóxicas que incrementarán a seguridade das persoas maiores e favorecerán o mantemento da súa independencia e a súa participación social”. Ademais, o ecosistema será un elemento de loita contra as consecuencias negativas das doenzas crónicas e a deterioración cognitiva.
Para alcanzar as metas propostas, puxéronse en marcha nove centros de desenvolvemento (deployment sites) en Grecia, Emilia Romagna (Italia), Isère (Francia), Woquaz (Alemaña), Leeds (Gran Bretaña), Finlandia, Comunidade Valenciana, Madrid e Galicia. En cada unha destas contornas realizaranse probas piloto innovadoras e de gran escala nas que, en conxunto, participarán uns 7.200 usuarios e máis de 43.000 dispositivos de Internet das Cousas.

Categorías: Ciencia

Twitter elimina o selo de verificación de contas polémicas

Xov, 11/16/2017 - 10:00

Dende Twitter están a ter unha seria crise de comunicación polo seu comportamento errático, e tras ampliar a lonxitude dos nomes de perfil até os 50 caracteres (modificación que non demandaba ninguén abertamente) como unha cortina de fume sobre a verificación da conta de Jason Kessler, organizador das polémicas protestas de Charlottesville nos EE.UU. e unha das cabezas visibles da extrema dereita estadounidense, agora aseguran que «borraremos a verificación de contas cuxo comportamento non cumpran as novas normas», ou sexa, que tomaron a absurda decisión de retirar o selo de verificación a Kessler e a outros prominentes membros da extrema dereita, no que supón unha clarísima contradición xa que tras a polémica dende Twitter aseguraban que o selo simplemente significaba a verificación da identidade e non podía interpretarse como un apoio por parte de Twitter ou un indicador de importancia (que é xusto como se está a entender agora mesmo).
Se ben a meirande parte dos usuarios de Twitter consideran que hai que tomar medias contra as mensaxes de odio (algo no que teñen fracasado estrepitosamente e incluso modificaron as súas normas para permitir que as figuras públicas poidan incluso lanzar ameazas de morte), a arbitrariedade coa que Twitter está a verificar usuarios tamén resulta moi molesta. Nos últimos meses houbo incluso varias compañías interesadas na adquisición de Twitter que botáronse atrás non polo estancamento do seu volume de usuarios, senón polas dificultades de ter que solucionar agora os problemas de xestión da comunidade que atópanse enquistados despois de tantos anos de inacción.

Categorías: Ciencia

O 85% da mocidade galega usa aplicacións de mensaxes instantáneas

Mér, 11/15/2017 - 22:48

Asus vén de realizar unha investigación sobre o uso que as novas xeracións lle dan ás novas tecnoloxías móbiles no ámbito estatal. O estudo Asus, mocidade e tecnoloxía, realizado para determinar e mostrar o papel que xogan os dispositivos nas relacións entre a xente nova, ten unha vertente galega cunha serie de datos de interese. Por exemplo: que o 85 % dos mozos da nosa terra emprega aplicacións de mensaxes instantáneas. Porén, na investigación tamén se reflicte que na nosa Comunidade non nos excedemos en tempo diante das ditas ferramentas: só o 15% da xuventude galega emprega este tipo de apps móbiles polo menos tres horas ao día, contrastando co 25% dos madrileños e o 23% dos andaluces.
A nivel estatal, o 56%% dos enquisados confesa tirar proveito dos dispositivos tecnolóxicos para falar cos seus amigos polo menos unha vez ao día, aínda que esta porcentaxe varía segundo o rango de idade. Así, o 64% das persoas que se atopan no treito comprendido entre os 18 e os 25 anos recoñece estar en contacto constante cos seus amigos, mentres que a taxa cae ao 50% entre os 26 e os 35 anos.
O estudo desvela que entre as aplicacións de mensaxes instantáneas, Whatsapp é a ferramenta de comunicación favorita para os mozos cun 85%, seguido polas redes sociais cun 9% e as chamadas telefónicas cun 6%. En canto ás redes sociais, un 53% dos mozos utilízaas para manterse ao día do que fan as súas amizades.
No estudo tamén se di que só un 7% dos enquisados recoñece empregar as ditas ferramentas para ligar ou coñecer xente nova. Neste senso, percíbense diferenzas significativas entre Comunidades. De feito, a mocidade galega é a que máis utiliza as aplicacións para tal fin (9%), seguida polos madrileños e os andaluces (ambos cun 8%). En cambio, só un 6% dos mozos cataláns enquisados afirma utilizar aplicacións tecnolóxicas para ligar.
No informe tamén se reflicte que o 73% dos mozos españois comunícase principalmente a través de ferramentas de mensaxes instantáneas coa súa parella, revelando un 51% facelo de forma continua. Por Comunidades, os valencianos acadan un 82%, seguidos polos cataláns cun 76%. Os que menos se comunican coas súas parellas a través das aplicacións son os galegos (67%) e os aragoneses (63%).

Categorías: Ciencia

O Tribunal Supremo podería aprobar milleiros de licenzas VTC en poucas semanas

Mér, 11/15/2017 - 22:00

Tras moitos meses de mobilizacións e demandas do sector profesional do taxi contra os modelos de transporte público emerxentes como Uber e Cabify temos que a Xustiza comeza a darlles malas novas, e parece que a situación vai ir a peor, xa que o Tribunal Supremo vén de emitir as dúas primeiras sentenzas outorgando novas licencias de aluguer de vehículos de turismo con condutor (VTC), concesión paralizan en espera do fallo do Tribunal, de xeito que apróbase a concesión de 80 novos permisos na Comunidade de Madrid, sentando xurisprudencia, e facendo que de aquí a xaneiro se aproben máis de 300 licencias. Actualmente hai unhas 6 mil licenzas VTC pendentes en Madrid e Barcelona, e confíase en que a meirande parte vaian conseguir a súa aprobación.
Esta situación é consecuencia dos cambios normativos dos últimos anos, xa que tras a chegada de Uber e Cabify xurdiron presións do sector do taxi que levaron ao Goberno a modificar a Lei de Ordenamento dos Transportes Terrestres (en xullo de 2013), fixando unha limitación dunha licenza VTC por cada 30 taxis, que non entrou en vigor até novembro de 2015, pero durante o longo tempo de tramitación numerosas empresas e particulares solicitaron licenzas VTC, que en moitos casos foron denegadas por comunidades autónomas e os seus respectivos tribunais, e ante o que agora o Supremo concede as licenzas VTC solicitadas.
Polo momento son só dúas sentenzas do Supremo as que conceden novas VTC, pero nas vindeiras semanas chegarán moitas máis que estaban pendentes, e que na meirande parte dos casos seguirán a doutrina establecida, o que suporá que en poucos meses se aproben unhas 3.500 licencias VTC en Madrid, 3.000 en Barcelona e outras máis no resto do Estado até chegar a un total de preto de 10.000, o que suporá un duro golpe para o sector do taxi, que xa prepara mobilizacións ante a previsible cascada de adxudicacións.
Cómpre lembrar que dende os organismos comunitarios de Competencia defenden a existencia de plataformas como Uber e Cabify, e instan aos gobernos a fomentar as novas formas de economía (xa hai informes instando á liberalización das licenzas VTC), polo que o sector do taxi vai telo moi complicado a longo prazo, xa que parece inevitable a revolución da mobilidade urbana.

Categorías: Ciencia

O Supremo confirma a sanción de 240.000 euros a R por facturación irregular

Mér, 11/15/2017 - 21:20

A Dirección Xeral de Telecomunicacións impuxo ao operador R o 23 de marzo de 2016 catro multas por un valor conxunto de 240.000 euros como consecuencia dun expediente aberto en 2015 por vulnerar «os dereitos dos consumidores e usuarios finais do servizo», sanción que vén de confirmar o Tribunal Supremo, que non admitiu o recurso de casación presentado pola compañía actualmente integrada no grupo Euskaltel.
A resolución especificaba as infraccións de R, que vulneraba a Lei Xeral de Telecomunicacións no que respecta ao servizos de tarificación adicional (os números 905) por non desagregar nas facturas os conceptos independentes para cada un dos servizos facturados «sen reflectir separadamente a parte correspondente ao servizo telefónica dispoñible ao público, que inclúe o servizo da rede de tarificación adicional, da parte relativa á remuneración que corresponde ao prestador do servizo de comunicación».
Tamén culpan a R de non facilitar a identificación do titular do número telefónico chamado nin a identidade do operador de rede de tarificación adicional. Tamén se reprocha á compañía de telecomunicacións o cobro do servizo de tarificación adicional aínda cando o usuario non o chegou a utilizar, infracción considerada como grave, por tratarse dunha actuación xeralizada e non individual.
R procurou evitar as sancións presentando alegacións ante a Dirección Xeral de Telecomunicacións, a Audiencia Nacional e, finalmente, o Tribunal Supremo, organismos que non atenderon os seus argumentos e consideran axeitada a resolución inicial do expediente.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo e o Concello de Xermade introducen aos maiores en redes sociais, móbiles e fotografía dixital

Mér, 11/15/2017 - 16:13

A Deputación de Lugo informou hoxe do desenvolvemento de novas actividades de envellecemento activo no concello de Xermade, ou sexa, obradoiros e accións diversas para mellorar a saúde, a formación e a calidade de vida das persoas maiores do municipio. O programa foi dado a coñecer polo deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas. As actividades que vai desenvolver a Deputación en colaboración co Concello son do máis variado: inclúen prácticas deportivas e de lecer (pilates) e obradoiros centrados en estimular a creatividade e a memoria dos maiores. Unha parte importante das accións estará centrada nas novas tecnoloxías da información.
A idea é botar man dos móbiles e das redes sociais para favorecer a comunicación dos participantes (entre eles e coas súas familias), botar abaixo barreiras de exclusión e manter en boa forma as súa capacidades cognitivas e de memoria.
No acto de presentación dos obradoiros, nos que tamén participou a concelleira de Educación e Cultura, Tamara Paz Balsa, lembrouse que a organización das actividades insírese no marco dos apoios da Deputación ao Concello, no último ano, para promover o deporte entre os veciños da localidade, apoios que tiveron unha contía de 8.000 euros. García Pernas, pola súa banda, explicou que o número de persoas inscritas nas actividades dadas a coñecer é de case medio centenar, repartidas nos grupos de Xermade, Momán e Piñeiro, ás que haberá que engadir os participantes do grupo de Roupar. Entre os obradoiros incluídos figuran actividades de iniciación á fotografía dixital, á informática e ás redes sociais e á utilización diaria de móbiles.

Categorías: Ciencia

A UDC e Telecon formalizan a creación da Cátedra Handytronic

Mér, 11/15/2017 - 14:00

Finalmente, tal e como avanzamos onte en Código Cero, formalizouse oficialmente na UDC a creación dunha nova cátedra destinada á formación, investigación e colaboración arredor do amplo potencial da informática no achado de novos xeitos de combater doenzas e mellorar a calidade de vida das persoas. Estamos a falar da Cátedra Handytronic, que vén da man da Universidade da Coruña e o Grupo Telecon e que hoxe recibiu un importante pulo coa formalización do convenio entre as dúas entidades que a fai posíbel. No acto participaron Julio Abalde, reitor da UDC, e Jacobo Penide, director xeral de Grupo Telecon.
Na presentación, celebrada na sede da Reitoría, participou tamén Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Luis Hervella, decano da Facultade de Informática, centro ao que queda adscrita a cátedra, e Javier Pereira, que será o seu director.
Segundo se fixo saber, os obxectivos da nova cátedra son “a colaboración na docencia na Facultade de Informática da UDC e, de xeito especial, no Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde; o desenvolvemento de actividades que permitan crear espazos de debate e difusión da actividade docente e investigadora, e a promoción de actuacións que estimulen o talento dos estudantes e faciliten a súa incorporación ao mundo laboral”.
Nun plano máis concreto, a UDC e Grupo Telecon realizarán de maneira conxunta actividades e proxectos nos ámbitos da investigación, a transferencia de coñecemento, a formación e a divulgación. Máis polo miúdo, está previsto colaborar en investigación, cooperar para lograr proxectos no ámbito galego, español e europeo, promover encontros e redes estatais e internacionais de expertos, cooperar en mestrados e outros estudos de posgrao, deseñar e impartir programas de formación permanente, patrocinar bolsas ou formar emprendedores de iniciativas de alicerce tecnolóxico.
O reitor inseriu esta iniciativa dentro do marco de especialización dos campus da Coruña, concretamente no Campus Innova, que é a aposta da Universidade da Coruña polo sector dixital. Segundo dixo, “Esta Cátedra supón o apoio decidido á especialización no mundo dixital, sobre todo o aplicado ás ciencias da saúde, sector que terá un amplo desenvolvemento no futuro”.
Pola súa banda, Jacobo Penide dixo que o Grupo que representa, grazas a esta colaboración, “dá un chimpo adiante na súa aposta pola intelixencia artificial e a neurociencia para o desenvolvemento de solucións que favorezan a calidade de vida de persoas con diversidade funcional, promovendo ademais o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva”. Esta visión, dixo, materialízase comercialmente na creación da marca Handytronic, firma que comercializa un amplo catálogo de solucións de mobilidade para persoas con diversidade funcional, ao tempo que impulsa proxectos de investigación neste eido que contan xa coa participación da Facultade de Informática e máis do Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde da UDC.

Categorías: Ciencia

Galiciencia mostrará case 80 proxectos cientifico-tecnolóxicos para mellorar o mundo

Mér, 11/15/2017 - 13:06

Xa vai quedando menos para Galiciencia, a feira xuvenil de enxeños e innovación máis concorrida da nosa terra e sen dúbida unha das máis referenciais do ámbito estatal. O evento, que se celebra entre o 22 e o 24 de novembro en Ourense, vén unha vez máis da man da Tecnópole, renovando o seu obxectivo de alentar que se “fagan” ciencias e tecnoloxías, de que estas se fagan dende idades temperás e, tamén, de que todo isto (estes múltiples exemplos de ollar cara adiante) se saiba. Que nos agarda este ano? Pois unha manchea de cousas, o que confirma a proxección ascendente de Galiciencia. Para comezar: a posibilidade de ver ao detalle case 80 proxectos de 40 centros escolares de Galicia, Asturias, Catalunya, Euskadi e Andalucía. Poderemos coñecer cousas como unhas lentes para cegos impresas en 3D ou unha tecnoloxía para escorrentar xabaríns das leiras. Todos eles terán en común, amais de ser innovadores, a súa firme vontade de mellorar o mundo.
Nesta duodécima edición, 50 dos 79 proxectos presentados son de alumnado de Secundaria e Bacharelato (en concurso) e 29 de estudantes de Primaria (fóra de competición).
Segundo informa a Tecnópole, nesta convocatoria bátese novamente o récord de diversidade de centros participantes da historia do certame, con equipos procedentes de 40 colexios e institutos diferentes, cinco máis có ano anterior. En cuestión de afluencia de público, agárdase a visita dunha manchea de centros escolares e visitantes en xeral, por conta propia (a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes).
No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas, conseguindo o galardón ao proxecto máis innovador, ao método científico e proceso investigador mellor definido ou á mellor comunicación e presentación oral. Entre estes, o que acade a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018. O clasificado en segundo posto terá unha dotación de 500 euros para apoiar a súa participación na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que se celebra cada ano na primavera en Bilbao. O proxecto que fique en terceiro lugar recibirá 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
As actividades paralelas deste ano terán a astronomía como protagonista. Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en obradoiros para iniciarse na astronomía e visitar o planetario, mentres que os maiores terán ocasión de explorar a cultura da astronomía e afondar na súa relación coa informática. Segundo explica a organización, “as galaxias, os planetas e as estrelas serán tamén os protagonistas do espectáculo científico que poderá seguirse en streaming (retransmisión en directo por Internet) dende calquera centro escolar ou dende a casa”.

Categorías: Ciencia

O Instituto Tecnolóxico de Galicia traballará en drons máis autónomos e seguros

Mér, 11/15/2017 - 12:46

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics & Engineering (SDLE, con sede en Madrid) veñen de unir forzas para crear a que sería a primeira Unidade Mixta de Investigación (UMI) da nosa terra especializada en avións non tripulados, UAV polas súas siglas en inglés. A iniciativa, que se encadra na cuarta convocatoria do programa de UMI da Xunta, chámase FASTFly e orixínase, en palabras do ITG, como resposta a unha demanda concreta do mercado actual: a dispoñibilidade de UAV e drons máis seguros, cunha meirande autonomía da que achegan arestora e con capacidade para traballar en espazos civís de complexidade. Ou sexa, que se busca aparellos con maior independencia e con máis marxe de manobra para contornas onde a día de hoxe estes vehículos non están permitidos.
A UMI tamén colabora xa na definición dun novo marco regulamentario que contemple voos autónomos e a súa integración no espazo aéreo.
O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, ten a súa sede central nas oficinas de ITG na Coruña e conta cun plan de desenvolvemento de até 2020, para o que dispón dun equipo de traballo de doce investigadores, aos que cómpre engadir cinco novos postos de traballo.
Segundo Analía López Fidalgo, enxeñeira de ITG e responsábel da UMI, “o Instituto Tecnolóxico de Galicia é o encargado de xerar e transferir coñecemento en ámbitos como por exemplo a electrónica, a sensórica, o software e o regulamento aeronáutico, e todo co obxectivo de situar no mercado produtos acabados con todas as prestacións de comunicacións, autonomía, automatización, telemetría e sistemas de pilotos e xestión punteiros”.
Eduardo Faro, director de drons civís de SDLE, sinala que a empresa que representa encargarase “do deseño, fabricación e comercialización dos produtos”. A UMI, engade, “representa unha alianza de gran valor engadido para a nosa empresa porque axunta o talento e experiencia de ITG, o que nos vai a permitir dar un gran chimpo a nivel tecnolóxico e engadir novas funcionalidades aos nosos drons para voos a longa distancia”. A previsión de SDLE é acelerar procesos de innovación e desenvolvemento de novos produtos “con persoal moi cualificado en Galicia”.

Categorías: Ciencia

Investigadores e alumnado da UVigo impulsan unha aplicación para mostrar a nosa historia

Mér, 11/15/2017 - 12:23

Estes días estase estase a probar dende a Universidade de Vigo unha aplicación que impulsa o coñecemento da cultura e da historia, e faino tirando proveito da tecnoloxía semántica e do reemprego de contidos dixitais. A ferramenta desenvolveuse ao abeiro do proxecto europeo CrossCult e nel participan, xunto con outros dez entidades sociais, investigadores da Facultade de Historia do Campus de Ourense e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus de. Entre outras cousas, CrossCult salienta por abrir novas e interesantes vías de colaboración entre investigadoras/es TIC e investigadoras/es de humanidades e ciencias sociais. O alumnado de Historia traballou os días pasados pondo a proba a primeira versión da dita aplicación. Unha das equipas colaboradoras é o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT. A aplicación, sinala o grupo, consiste nunha ferramenta que conecta diferentes enclaves arqueolóxicos europeos de época romana ligados á auga e á saúde.
Este enclaves son o Balneario de Lugo; o Balneario de Chaves, en Portugal; Montegrotto Terme, en Italia, e o Santuario de Epidauro, en Grecia. A ferramenta, en palabras da dita equipa, busca ofrecer aos visitantes de cada un destes emprazamentos históricos información específica sobre eles pero tamén información que os vencelle con outros enclaves citados, poñendo o foco “no moito que une á cultura europea”. O obxectivo último é “acadar que a información sobre cada xacemento chegue ao maior número de xente e do xeito máis ameno posíbel”.
Con esta meta fixada e unha vez rematado o primeiro bosquexo da aplicación, este mes de novembro o alumando da Facultade de Historia do campus de Ourense está a colaborar no proxecto probando a primeira versión da dita tecnoloxía en dous xacementos próximos: o de Lugo e o de Chaves. Se hai uns días, alumnado do centro acudiu ao balneario lucense para coñecer a súa historia e probar in situ a ferramenta, este venres fará o mesmo no Balneario de Chaves, en Portugal. Segundo informa a Universidade de Vigo, as visitas permiten aos estudantes coñecer o pasado romano e termal destes enclaves e logo tirar partido da aplicación e a súa utilidade en base ao coñecemento adquirido. A ferramenta, por certo, ten feitura de xogo, con preguntas, respostas e ligazóns.
As investigadoras de GEAAT engaden, a respecto da participación dos estudantes, que as valoracións e achegas recibidas permitirán “ir mellorando a aplicación a medida que se constrúe, contribuíndo ao obxectivo de facela o máis atractiva e fácil de manexar posíbel”. O grupo tamén ten a previsión de que o público xeral avalíe a eficacia do recurso informático, antes de pechar deseño e contidos.

Categorías: Ciencia

As mulleres innovadoras, protagonistas dos quintos Premios Emprende Gaiás

Mér, 11/15/2017 - 11:40

Finalmente as mulleres foron as grandes protagonistas da quinta edición dos Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco, entregados onte polo consellería de Cultura e Educación, Román Rodríguez, nun acto que tamén contou coa presenza da xornalista Belén Xestal (presentadora da gala), o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo; o presidente de Afundación (patrocinadora do certame), Miguel Ángel Escotet Álvarez; e o xerente de IGAPE Nova (colaboradora), Guillermo Viña. O premio Aplicacións informáticas ou proxectos culturais en Internet foi dar a WCube, unha plataforma en liña especializada en mediar en operacións de compra-venda de arte entre particulares e artistas (noveis e expertos).
WCube vén da man de Gabriela Lusquiños Santos e diríxese a dar visibilidade aos artistas locais. Segundo se lembrou na gala, “non se trata só dunha galería senón que artista e visitantes interactúan nunha comunidade buscando desta forma un enriquecemento común”.
Pola súa banda, o galardón Deseño, creación artística e plástica foi dar a Kandoro, un recurso didáctico para docentes e familias que lles facilita contidos curriculares de educación infantil, a través dunha innovadora proposta: unha cidade de cartón onde todos os elementos están dispostos para mover o maxín das crianzas e favorecer o xogo en familia. A súa creadora é Inés Rodríguez Sacristán.
Na categoría de Xestión cultural o premio recaeu en Soundslikemarket, de Tamara Rodríguez Silva. Consiste nunha plataforma de xestión cultural que permite a posta en contacto por parte dos profesionais dos distintos ámbitos do sector musical para a produción e difusión de eventos musicais. O proxecto, en palabras do xurado, “pretende resolver o problema das barreiras de entrada na industria da música co obxecto de facilitar a creación de proxectos culturais ao poñer ao servizo de usuarios e clientes: perfís profesionais que cubran todas as áreas implicadas na xestión destes proxectos”.
A quinta edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco recibiu preto de 30 proxectos relacionados co deseño, Internet e xestión cultural. A hora de avaliar as iniciativas, o xurado tivo en conta “o carácter innovador e a creatividade da idea presentada; as posibilidades de se converter nun proxecto viábel; a adecuación da iniciativa á modalidade presenta; a integración de perfís profesionais dos participantes; e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia”.
Os proxectos gañadores recibiron un premio en metálico de 2.000 euros e incorporaranse de balde durante doce meses ao espazo de co-working do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, onde recibirán apoio ao longo deste ano a través dun programa de asesoramento personalizado.

Categorías: Ciencia

Os creadores dos Minions poderían levar a Super Mario aos cines

Mér, 11/15/2017 - 11:30

Parece que a industria cinematográfica aprendeu do fracaso do filme Super Mario Bros. de 1993, no que Bob Hoskins e John Leguizamo interpretaban a Mario e a Luigi, mentres que Dennis Hopper ocupaba o rol do Rei Koopa, o que a priori podería parecer un reparto de peso, pero que non era quen de soster o despropósito dunha adaptación dun videoxogo estilo cartoon a unha película de acción real, en boa medida polo absurdo da historia (o que nos videoxogos de Nintendo é meramente superficial), e o erro da produción de Hollywood Pictures (que ingresou menos da metade do que custou) corrixiríase cun novo proxecto: un filme animado de Illumination Entertainment.
Ao parecer Nintendo estaría a pechar a un acordo cos creadores de Gru Mi Villano Favorito e os Minions para facer unha película de Super Mario, insistindo a compañía xaponesa na súa intervención no proceso creativo (entendemos que para evitar a desfeita da produción de 1993) de xeito que é probable que finalmente a película poida realizar contando co propio Shigeru Miyamoto como produtor.
Dende Nintendo aseguran non ter nada que anunciar sobre este asunto, polo que enténdese que aínda non se chegou a un acordo final, pero aproveitar a franquía de Mario para filmes de animación en pantalla grande podería ser todo un acerto que beneficiase enormemente a Nintendo, xa que tamén achegaría as súas creacións a un maior público, fornecendo o seu principal valor: as súas propiedades intelectuais.

Categorías: Ciencia

Telecon e a UDC unen forzas a prol da bioinformática

Mar, 11/14/2017 - 22:30
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde

A compañía galega Telecon, centrada no desenvolvemento de tecnoloxías intelixentes de aplicación en múltiples ámbitos (como por exemplo o sistema de xestión enerxética intelixente Ecohub, do que temos falado en Código Cero) está a traballar coa Universidade da Coruña para impulsar de maneira conxunta a investigación e a formación en bioinformática para ciencias da saúde. Con este fin, Telecon e a UDC crearán a Cátedra Handytronic.
Segundo informa a Universidade da Coruña, a nova cátedra estará ligada a un ámbito, o da bioinformática, que é un sector do que se espera que sexa unha das “grandes innovacións tecnolóxicas deste século”. A UDC tamén lembra que Bill Gates e Paul Allen, os co-fundadores de Microsoft, están a día de hoxe desenvolvendo proxectos de aplicación tecnolóxica á área das ciencias da saúde.
O acordo entre a Universidade e Telecon será formalizado este 15 de novembro coa sinatura dun convenio entre o reitor da UDC, Julio Abalde, e o director xeral de Telecon, Jacobo Penide. No acto de firma do convenio estarán ademais o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o decano da Facultade de Informática, Luis Hervella, e o que será o director da Cátedra, o coordinador do Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde, Javier Pereira.

Categorías: Ciencia

Lance Weiler traerá á Coruña o seu experimento narrativo Frankenstein AI

Mar, 11/14/2017 - 21:58

O Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación dentro do programa Coruña Dixital vai rematar ao grande a súa tempada de outono, xa que o 30 de novembro na Aula Náutica da Universidade da Coruña celebrarán un encontro co estadounidense Lance Weiler que baixo o título de Frankenstein e a Intelixencia Artificial achegará un experimento de narrativa colaborativa.
Weiler é unha figura internacional no eido da narrativa transmedia, que amosará o seu último proxecto en directo, o que supón unha grande oportunidade para participar nun relato colectivo no que se exploran os temas do clásico literario de Mary Shelley.
O proxecto de Frankenstein AI ten como obxectivo a creación de historias utilizando a literatura, a historia e código nun esforzo para unha mellor comprensións dos desafíos que enfrontamos no século XXI. Os participantes de todo o mundo poden utilizar a intelixencia artificial, o machine learning, a robótica, a bioenxeñaría e a Internet das Cousas para crear un monstro feito por moitos. Esta iniciativa do Digital Storytelling Lab da Columbia University School of the Arts está a desenvolverse ao longo de numerosas localizacións e en distintas fases nas que o coñecemento xerado compártese baixo licenzas abertas dun xeito semellante ao proxecto anterior do laboratorio, Sherlock Holmes & the Internet of Things, que durante uns dous anos e medio conseguiu contar con máis de 2.500 colaboradores de 60 países. Mentres o proxecto de Sherlock estaba orientado ao hardware, desta volta a tecnoloxía (a intelixencia artificial) é ubicua e adaptativa, o que supón un enfoque moi diferente, no que os participantes interactúan dende o primeiro momento.

Categorías: Ciencia

Firefox Quantum: a meirande actualización do navegador web de Mozilla

Mar, 11/14/2017 - 21:30

A competición entre os navegadores web ten un claro gañador nos últimos anos, con Google Chrome dominando claramente, pese ás grandes melloras dos seus competidores, como o Mozilla Firefox, que vén de estrear a súa versión 57, que xa podemos descargar en galego para Windows, macOS e Linux, e que para tentar volver a atraer usuarios preséntase como un Firefox totalmente renovado, que iría o dobre de rápido que o Firefox de hai 6 meses, e para deixar claro que o ven como un produto novo, pasan a chamarlle Firefox Quantum.
A versión 57 de Firefox sería a meirande actualización do navegador web de Mozilla dende o lanzamento de Firefox 1.0 en 2004, o que resulta visible especialmente de xeito visual, cunha nova interface de usuario (Photon UI) que busca tirar proveito do seu novo motor, que aproveita o hardware moderno de xeito que verase o mellor posible en función das posibilidades do noso equipo.
Firefox Quantum incorpora un novo motor CSS, Stylo, que aproveita os procesadores de varios núcleos dos equipos actuais para reducir o seu consumo. Tamén mellora o tratamento das lapelas, de xeito que unhas teñen prioridade fronte a outras, para facer un mellor uso dos recursos do sistema.
A nova aparencia de Firefox non chega só á versión de escritorio do navegador web, senón que tamén está dispoñible nas súas versións para iOS e Android.

Vídeo de presentación de Firefox Quantum

Categorías: Ciencia

Samsung, Huawei e Amazon, as peor situadas na guía verde de electrónicos

Mar, 11/14/2017 - 17:13

Hai xente que acubilla en casa electrodomésticos dos anos sesenta e setenta que aínda están operativos, e mentres tanto os nosos contedores urbanos e os nosos puntos limpos ínzanse cada semana de televisores de pantalla plana sen posibilidade de amaño, móbiles desactualizados logo de (só) dous anos de vida, ou portátiles que xa non son quen de achegar os altos rendementos que lles esiximos. Boa parte da culpa témola nós, pero tamén, por suposto, as multinacionais do sector. Algunhas delas, como Samsung, Huawei e Amazon teñen, de feito, a dubidosa honra de aparecer ao final da nova guía verde de electrónicos que vén de elaborar Greenpeace. Que significa isto? Pois que en materia de prioridades para estas compañías, a produción, a indución a toda costa do consumo, está moi por diante do fomento da cadea de reaproveitamento. Na outra face da moeda, na positiva, están Apple, Fairphone, Dell e HP.
Samsung, Huawei e Amazon, sinálase na listaxe, non están soas. Hai milleiros delas, no sector tecnolóxico, apuntadas en exclusiva á fórmula de extraer, fabricar e refugar, un tipo de actividade “pouco innovador, que empeora o cambio climático, que alimenta o consumo de recursos naturais e que provoca grandes cantidades de refugallos electrónicos”, sinala Greenpeace, engadindo o feito de que boa parte deses refugallos endexamais seremos quen de velos: irán directamente ao terceiro mundo onde, paradoxos da vida, non haberá posibilidade algunha de darlles unha segunda ou terceira vida en condicións.
Para a organización ecoloxista, “é hora de que o sector tecnolóxico tire partido dos seus coñecementos para reinventar a forma en que os produtos electrónicos se producen e utilizan na nosa sociedade fabricando uns aparellos duradeiros, reparábeis, fabricados con enerxía renovábel e con posibilidades de reciclaxe”.
A campaña de Greenpeace pretende xuntar usuarios, técnicos e deseñadores para demandar que os aparellos electrónicos se deseñen doutra maneira. De aí o lanzamento de A guía verde de electrónicos, na que se recollen cales son as empresas TI máis ecolóxicas, quen lidera o camiño cara a unha economía circular e máis sustentábel. Na listaxe amósanse 17 das principais empresas de produtos electrónicos do mundo segundo o traballo realizado en tres áreas críticas: enerxía, recursos naturais e sustancias químicas. Á cabeza están Apple, Fairphone, Dell e HP. Na cola Samsung, Huawei e Amazon.

Categorías: Ciencia

O Concello de Vigo e Telefónica formarán persoas desempregadas en programación Java

Mar, 11/14/2017 - 13:50

O Concello de Vigo vén de anunciar que vai formar, en estreita colaboración coa operadora de telecomunicacións Telefónica, a dúas ducias de persoas sen emprego en programación Java. A actividade formativa foi presentada polo alcalde, Abel Caballero, quen lembrou a importancia desta temática (a creación de ferramentas informáticas baseada na dita linguaxe de programación, a máis estendida e popular de cantas linguaxes se empregan hoxe en día) e as posibilidades que se abren co obradoiro Emprego dixital, que xorde tralo convenio asinado polo Goberno local coa Fundación Telefónica.
Segundo fixo saber, trátase dun itinerario de traballo dirixido á formación na linguaxe de programación Java de 25 persoas desempregadas, viguesas/es de entre 18 e 35 anos, que contarán coa participación de expertos e referentes no sector. Recibirán clases teórico-prácticas validadas polas empresas colaboradoras.
A formación en Java, unha das linguaxes de programación con máis demanda no sector tecnolóxico, comeza o 24 de novembro e prolongarase durante cinco meses con clases impartidas nas instalacións do Auditorio Mar de Vigo en horario de mañá. A inscrición realízase na web da Fundación Telefónica.

Categorías: Ciencia

Páxinas