códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 3 horas 37 min

Preséntase Palleira.gal, o catálogo aberto do patrimonio de Combarro

Mar, 10/24/2017 - 13:51

Este sábado 21 de outubro celebrouse na Escola do Campo de Combarro o lanzamento oficial da web Palleira.gal, unha iniciativa da asociación Xeopesca destinada a materializar e afianzar un catálogo dixital libre dos bens de interese cultural do casco histórico de Combarro. No acto fíxose saber, a maiores, que se trata dun proxecto que contou co apoio da Xunta (Plan de Acción do Software Libre de AMTEGA) e que o seu nome (Palleira.gal) alude directamente ao xeito de denominar os horreos da veciñanza de Combarro: palleiras. Á presentación asistiron unhas trinta persoas, incluíndo representantes de Xeopesca (Xosé Rial), O Zulo (Alberto Permuy), o Concello de Poio (Xulio Barreiro) e AMTEGA (Eladio Otero).
Xosé Rial espuxo os obxectivos de Palleira.gal (amosar información detallada dos emblemáticos elementos da vila pontevedresa), os porqués do nome do proxecto e as súas orixes. Ao fio disto último, sinalou que a iniciativa é herdeira doutros proxectos anteriores como aculturadaauga.org e abeancos.gal, levados a cabo en Mugardos e Melide, respectivamente. Rial tamén expresou a súa confianza en que o proxecto presentado en Combarro sirva “non só para divulgar o patrimonio do casco histórico da vila de Combarro, senón tamén para ofrecerse como modelo co fin de que o facho da cultura local continúe a alumearse noutras comarcas e vilas”.
Xeopesca lembrou igualmente o traballo despregado pola asociación A Solaina, cuxa colaboración, sinalou Rial, “foi fundamental para o desenvolvemento do proxecto”. Tamén agradeceu á Concellería de Patrimonio e da oficina do ARI de Combarro a cesión de información “que enriqueceu a iniciativa”, así como a colaboración das familias propietarias das palleiras, “piares fundamentais da plataforma-catálogo ao proporcionar información sobre estes elementos e a súa contorna”.
Segundo explicou Rial, Palleira.gal tamén é un proxecto etnográfico, que revela os costumes que tiñan as familias, e que “nos axuda a comprender mellor o pasado”, unha condición imprescindíbel, engadiu, “para percorrer do mellor xeito as calellas do futuro”.
No acto tamén se informou das mans que están a impulsar o catálogo, unha equipa multidisciplinar impulsada por Xeopesca e especializada en diferentes eidos de traballo (arquitectura técnica, enxeñaría técnica informática, historia, tradución e interpretación…), formada por Manuel Pastoriza, Pablo Belay, David Belay, Verónica Castiñeira, Andrés Dacosta, Tamara Andrés, Alberto Permuy e Xosé Rial.
Palleira.gal foi creado con dous obxectivos básicos: por unha banda coñecer e recoñecer o contexto histórico e social no que foron construídas e empregadas as palleiras en Combarro; pola outra, achegar un catálogo de palleiras individual e pormenorizado no que se ofrecerá a súa xeolocalización e incorporará tanto características arquitectónicas como aquelas aportadas pola intrahistoria familiar.
O catálogo acubilla arestora 8 hórreos. Xeopesca anunciou que de maneira periódica publicará un novo elemento até chegar ás 76 palleiras existentes no casco histórico. “Esta estratexia”, explicou Rial, “permitirá ter unha web dinámica con actualizacións durante todo o ano”. Unha vez cubertos todos os hórreos, catalogaranse outros bens existentes no casco vello coma os cruceiros. Xeopesca non desbota ampliar o marco xeográfico até cubrir zonas máis amplas, toda a parroquia ou mesmo o concello. Todo este traballo poderase seguir a través da web e das redes sociais coas que contará o propio proxecto.
Por cada ben rexistrado mostrarase unha imaxe do elemento, a súa xeolocalización, a súa tipoloxía, o seu enderezo, a accesibilidade, o seu estado, o século e ano de construción, a propiedade, o uso que se lle dá e o tipo de protección que posúe. Ademais, visualizarase unha descrición detallada do elemento, amosaranse as súas dimensión e identificaranse as distintas partes do ben. Igualmente, amosarase información sobre a historia familiar dos propietarios de cada palleira.
Rial tamén incidiu en que o proxecto tecnolóxico utilizado por palleira é software libre, indicando que calquera pode descargar o proxecto, estudalo, instalalo e mesmo melloralo.
Alberto Permuy, pertencente a asociación O Zulo de Mugardos e principal desenvolvedor do sitio web do que xurdiron non só Palleira.gal, senón tamén os desvanditos catálogos dixitals Aculturadaauga.org e Abeancos.gal, lembrou os comezos “dun proxecto que permitiu crear un catálogo dixital de lavadoiros en Mugardos” e amosou a súa satisfacción na capacidade de espallamento deste proxecto, que chegou primeiro en Melide, despois a Poio e, en datas vindeiras, tamén a Teo (A Coruña).
No apartado tecnolóxico, Permuy comentou que Palleira.gal supón “un avance con respecto aos outros portais” e centrou a súa intervención en dous apartados: no software libre e na facilidade de acceso a datos. No primeiro punto, comentou “a facilidade de instalación do proxecto”, xa que o código publicado baixo licencia GPL é público, e “o empaquetado da plataforma facilita a súa instalación por calquera programador”. Tamén fixo fincapé nas facilidades para a descarga dos contidos (fotos e textos) de Palleira.gal a través de formatos estruturados e libres.
Xulio Barreiro, concelleiro de Patrimonio de Poio, felicitou a Xeopesca polo traballo realizado e comentou que o catálogo dixital “aumenta o coñecemento sobre un dos emblemas de Combarro, as palleiras”. Para rematar a rolda de prensa, interviu o xefe de innovación tecnolóxica da AMTEGA, Eladio Otero, quen comentou que a iniciativa forma parte do convenio que a Xunta de Galicia asinou coas asociación de software libre de Galicia, así como a asociación empresarial AGASOL dentro do Plan de Acción do Software Libre 2017. Otero apuntou a maiores que “un proxecto tecnolóxico baseado no software e contidos libres beneficia a toda a sociedade a través da mostra, neste caso, de bens de interese cultural”.

Categorías: Ciencia

Centos de milleiros de lentes con cámara de Snapchat acumúlanse sen vender

Mar, 10/24/2017 - 12:40

Hai algo máis dun ano Snap Inc., compañía detrás de Snapchat, fixo unha arriscada xogada consistente en comercializar unhas lentes con cámara chamadas Spectacles, que estaban dispoñibles inicialmente só a través dunhas poucas tendas efémeras repartidas por cidades de EE.UU., e que non foi até o pasado mes de xuño cando chegaron a Europa a un prezo de 149,99 euros, o que non parece ter sido dabondo para popularizar este produto de moda que só podía rexistrar fotografías e vídeos para compartirse a través de Snapchat, o que é todo un problema actualmente, xa que esta plataforma social está claramente en decadencia grazas en boa medida á incorporación das historias por parte de Instagram.
The Information está a pór en cifras a situación deste produto, que estaría a padecer os problemas dunha mala previsión de vendas, acumulando milleiros de unidades nos seus almacéns. Neste último ano Snap tería vendido máis de 150.000 unidades das Spectacles, pero nos almacéns chineses da compañía habería centos de milleiros de unidades á espera, da que moitas estarían incluso sen ensamblar, deixando claro que realmente non hai esperanza en que poidan chegar realmente ao mercado ante a súa falta de demanda real, confiándose en que as pezas poidan aproveitarse para unha posible revisión deste produto, que anunciaríase en breve.
O fracaso das Spectacles parecía algo cantado, xa que o produto non puido mercarse en liña até o pasado mes de febreiro, ou sexa, deixando pasar a expectación inicial e a campaña de Nadal, o que claramente foi un erro de calendario, e o seu elevado prezo tampouco favorece a súa compra impulsiva como un simple produto de tempada. Confiemos en que a compañía aprenda dos erros, e agora que se autodefinen como «unha compañía de cámaras», saiban comercializar os seus futuros produtos dun xeito máis efectivo.

Categorías: Ciencia

O FBI recoñece non poder acceder ao contido de máis de 6.900 móbiles

Mar, 10/24/2017 - 12:11

Durante o ano pasado a investigación sobre os contidos dun iPhone 5c propiedade dun terrorista falecido nun tiroteo en San Bernardino provocou grandes polémicas, xa que o FBI quería forzar a Apple a axudar na vulneración do terminal para acceder á información almacenada no mesmo, e aínda que finalmente teríase accedido á información grazas á compañía israelí Cellebrite (aínda que o FBI nunca confirmou este detalle nin a importante cantidade económica que investiron para tal fin), resultaba evidente que a industria non podía ceder ás autoridades gobernamentais se non quería crear un perigoso precedente que exporía os datos de todos os usuarios a gobernos de todo o mundo (e, por extensión, a calquera).
Aínda que o feito de que existisen métodos para vulnerar a seguridade de terminais non actualizados, hai que recoñecer que non é unha tarefa doado, e grazas á participación do director do FBI Christopher Wray nun foro sobre seguridade sabemos da dimensión que está a acadar o problema: nos primeiros 11 meses do ano fiscal os axentes federais non foron quen de acceder ao contido de máis de 6.900 dispositivos móbiles.
Wray recoñece que isto é «un grandísimo problema» que atinxe a investigacións de todo tipo (narcóticos, tráfico de persoas, anti-terrorismo, crime organizado...), pois boa parte do material aprehendido nas redadas ten restrinxido o seu acceso mediante contrasinal, dificultando o acceso ás evidencias. Os fabricantes de tecnoloxía néganse a colaborar coas autoridades para manter protexidos os datos dos seus usuarios, postura á que Wray responde declarando a necesidade de que poida existir un punto intermedio, xa que precisan ferramentas para poder velar pola seguridade pública e o cifrado está a ser un atranco moi importante.
Os expertos de seguridade apuntan pola súa banda que agora que se está a normalizar a comunicación cifrada entre extremos resulta case imposible interceptar mensaxes de xeito efectivo, de xeito que sería preciso empregar portas traseiras e outros tipos de medidas que en xeral reducirían a seguridade para todos, polo que non serían moi aconsellables.

Categorías: Ciencia

Todo o que quixemos saber da mercadotecnia dixital, nunha xornada de balde da Cámara de Santiago

Mar, 10/24/2017 - 11:56
A xornada contará coa presenza das expertas en mercadotecnia en liña, Elena Díaz e Cristina Varela

Meternos de cheo na mercadotecnia en liña e coa máxima eficacia, visualizando de maneira clara as vantaxes da promoción e a comunicación dixital para incrementar vendas, facer clientes e mantelos no tempo, e aumentar a rendibilidade. Este é o gran obxectivo da xornada de balde que organiza o 31 de outubro a Cámara de Comercio Santiago, unha xeira divulgativa titulada Como atraer visitantes ao meu sitio web? e programada coa finalidade de dar a coñecer a PEME e autónomos “distintas posibilidades de desenvolvemento empresarial a través de internet”. A xornada, que forma parte das actividades do programa TICCámaras, está organizada en colaboración co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea baixo o lema Unha maneira de facer Europa. Celebrarase entre as 12:00 e as 13:15 horas no salón de actos da entidade.
A xornada contará cunha introdución do xestor de Innovación da Cámara, Anselmo Díaz, que fará unha presentación de TICCámaras, un programa de axudas para PEME e autónomos que fornece de solucións para mellorar a competitividade das empresas a través da incorporación de novas tecnoloxías.
A conferencia central da xornada estará impartida polas consultoras da empresa Invbit de deseño e desenvolvemento de software, Elena Díaz e Cristina Varela. Na súa exposición, farán unha introdución ao conxunto de accións que as empresas poden facer en internet para darse a coñecer, xerar clientes potenciais e mesmo vendas online. Asemade, debullarán os pasos a dar desde a análise inicial do proxecto á creación dunha web adaptada ás necesidades da marca e as diversas promocións coas que se poden alcanzar aos usuarios.
Elena Díaz define desta maneira algunhas das principais vantaxes de estarmos na Rede: “Vivimos nunha era cada vez máis dixital, e isto nótase no proceso de busca de información previo á compra ou contratación dun produto ou servizo. Se precisamos un fontaneiro ou un carpinteiro buscaremos cales están más preto e as súas tarifas, ou se estamos viaxando e queremos pasar a noite nun hotel seguramente nos declinemos polo que teña mellores fotos subidas e opinións. Toda empresa que o consumidor poida buscar en internet ten posibilidades para desenvolver o seu negocio neste medio”.
Díaz e Varela analizarán tamén a eficacia das campañas publicitarias en Adwords e en redes sociais. As consultoras indican que estas campañas “adoitan dar bos resultados en pouco tempo e ofrecen variedade de posibilidades de formatos de anuncio en función dos obxectivos desexados”.

Categorías: Ciencia

As metodoloxías áxiles e o seu futuro, ao detalle nunha xornada formativa impulsada por Vitae

Mar, 10/24/2017 - 11:48

O vindeiro 21 de novembro temos unha cita en Vigo con boa parte das metodoloxías máis avanzadas para poñernos na pel dos usuarios dos nosos servizos, sendo quen de atopar as súas demandas mesmo antes de que sexan formuladas. Estamos a falar do evento Xestión de Proxectos Áxiles vs. Xestión de Organizacións Áxiles, unha cita formativa, de balde, na que se falará arreo sobre o escenario actual das metodoloxías áxiles e do seu futuro, facendo fincapé en como deseñar de maneira adaptativa produtos e servizos, e afondando en cuestións como a xestión da calidade do software, na xestión das persoas e en como implantar metodoloxías eficaces nunha organización con casos reais. O evento vén da man de Vitae Consultores, o CITEXVI, a Universidade de Vigo e Scrum Manager. Celébrase o martes 21 na sede do CITEXVI.
Outro dos obxectivos do evento é xuntar forzas, intercambiando experiencias e amosándoas ao detalle, a prol de conseguir unha integración óptima das metodoloxías áxiles no seo dunha empresa. “As metodoloxías áxiles para a xestión de proxectos”, explica Vitae, “estanse a introducir con moita forza e rapidez nas organizacións e ás veces estas non están preparadas para o cambio de prioridades nin dos procesos nin nas persoas”.

Programa de actividades

09:45 - 10:00 Recepción de asistentes
10:00 - 10:10 Benvida e introdución
Nacho Armesto, Universidade de Vigo
Marcos Carbonell, Vitae
10:10 - 10:40 Relatorio: Axilidade e Innovación
Juan Palacio
10:40 - 11:20 Relatorio: Deseño adaptativo con Design Thinking
Adrián Ager
11:20 - 11:40 Café - Networking
11:40 - 12:10 Casos de éxito : Calidade e Testing en Proxectos Áxiles
Juan Martínez
12:10 - 12:50 Casos de éxito, Xestión de Persoas en Metodoloxías Áxiles
Josefina Alonso Nocelo
12:50 - 13:50 Casos de éxito, Implantación de Metodoloxías Áxiles nunha organización
Manuel Doval
13:50 - 14:00 Rogos e preguntas

Relatores

– Juan Palacio. Profesor de Enxeñaría do Software e profesional con máis de 20 anos de experiencia en xestión de empresas, proxectos e equipos.
Dirixiu a área técnica de iA Soft (actualmente Grupo Oesía - Zaragoza). É fundador de Scrum Manager, proxecto que actualmente preside, e tamén fundador de Safe Creative e Safe Stamper, empresas que dirixe a día de hoxe.

– Adrián Ager. Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas cun master en Mercadotecnia ademais de posgraos en Innovación e Creatividade.
Profesional con máis de 5 anos de experiencia desenvolvendo proxectos dixitais a través de metodoloxías como Design Thinking e Lean Startup tanto para grandes empresas como para proxectos en startups. Traballou en Orange, na Fundación Telefónica e en BEEVA, consultora de Innovación e Tecnoloxía do grupo BBVA.

– Juan Martínez Neira. Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela.
A día de hoxe é director da área de desenvolvemento de software de Plexus, consultora tecnolóxica galega con máis de 700 empregados. Profesional con máis de 15 anos de experiencia no sector TI traballando con metodoloxías áxiles e preditivas.

– Josefina Alonso Nocelo. Enxeñeira Superior en Informática pola Universidade de Vigo.
Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e Preditivas (PMI, CMMI) para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo.

– Manuel Doval. Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid e posgrao en Dirección de Empresas polo IESE.
Foi durante 19 anos o director IT na empresa R Cable e Telecomunicacións, sendo uns dos pioneiros en implantar metodoloxías áxiles tanto a nivel de proxectos como na organización.

Categorías: Ciencia

Santiago organiza nos centros sociais un obradoiro de reacondicionamento de computadores refugados

Lun, 10/23/2017 - 23:04

O Concello de Santiago e a firma Teimas, a través da iniciativa Tropa Verde, van organizar un obradoiro para promover as segundas e terceiras vidas dos computadores refugados. O taller, que se sitúa na campaña Longa vida aos teus residuos tecnolóxicos, foi convocado con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos, unha iniciativa cuxo obxectivo é promover a sensibilización sobre recursos sustentábeis e xestión de refugallos. Segundo informa o Concello, a raizame do obradoiro está na necesidade de contribuír a poñer o freo sobre o escaso nivel de sustentabilidade, en liñas xerais, do mercado tecnolóxico, un dos ámbitos produtivos onde máis se fomenta o consumo e o reemprazo prematuro de aparellos perfectamente operativos por outros novos. “Só en España”, lembran dende Tropa Verde, “xéranse 800 mil toneladas ao ano de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos das cales apenas un terzo destas xestiónanse de maneira axeitada”.
O obradoiro realizarase en dous centros socioculturais da cidade de Compostela. O obxectivo principal é “que os asistentes tomen conciencia do importante que é para o medio ambiente unha correcta xestión deste tipo de material desbotado e ensinarlles a valorizar de maneira sinxela algúns destes aparellos”. Segundo engaden o Concello e Teimas, o reacondicionamiento dun equipo informático completo permite un aforro de emisións de CO2 á atmosfera equivalente ao dun vehículo para percorrer 1600 quilómetros.
Ao abeiro do obradoiro realizarase un caso práctico de reutilización dun computador, mostrándolles aos participantes como abrir a carcasa, os principais compoñentes que se poden cambiar (RAM , disco duro), o borrado seguro da información dos discos duros e como volver instalar o sistema operativo. Esta iniciativa lévase a cabo grazas a colaboración do Concello de Santiago de Compostela coas empresa Teimas Desenvolvemento, Revetia e Recyclia. Celebrarase o 23 de novembro, en horario de 17:30 a 19:00 horas, no Centro Sociocultural de Vite; e o mesmo día, con horario de 19:30 a 21:00 horas, no Centro Sociocultural do Ensanche.

Categorías: Ciencia

Xiaomi ultima o seu desembarco español

Lun, 10/23/2017 - 20:18

A marca Xiaomi está de máis actualidade que nunca, pois tras desvelarse que, sen contar con distribución nin servizo técnico oficial en España é a cuarta marca que máis móbiles vende (superando a Apple), chegaron informacións que apuntaban á apertura dunha tenda oficial no centro comercial Xanadú de Madrid, que parece estar a preparar a súa campaña de lanzamento, xa que vén de abrir presenza en Twitter e Facebook, onde publicaron unha imaxe coa mascota da marca chinesa cunha bailadora de flamenco na que reza a frase Ola, España.
A apertura dunha tenda física en España supón para moitos unha magnífica nova, pois ven as posibilidades que podería achegar o contar cunha canle oficial de compra e asistencia, aínda que habería que ser prudentes, pois non podemos obviar que a tenda non ten obriga de dar servizo a quen non sexa o seu cliente e cando as marcas chinesas se establecen oficialmente teñen que facer fronte aos impostos locais e ofrecer garantía europea de 2 anos, elementos que encarecen os produtos considerablemente fronte ás compras internacionais a través da Rede (que normalmente evitan o pago de aranceis e IVE, e teñen unha garantía moi limitada, case inviable de exercer).
As tendas de Xiaomi fóra dos mercados asiáticos tenden a ter un catálogo de móbiles reducido (pois algúns terminais poderían ter problemas de comercialización ante problemas de patentes e de propiedade industrial) e apostar por amosar algúns dos centos de produtos de todo tipo de Xiaomi vende, que van dende robots-aspiradora até mochilas, converténdose os establecementos físicos nun excelente escaparate para un abano de produtos que para o fabricante chinés producen uns beneficios moi superiores aos smartphones (que son un negocio con marxes reducidas que manteñen principalmente polo valor de marca que achega).

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo contribúe á operatividade tecnolóxica da RAG

Lun, 10/23/2017 - 16:49

A Real Academia Galega (RAG) é unha das entidades da nosa terra de meirande actividade na Rede, obxecto de incontábeis demandas relacionadas con dúbidas lingüísticas, tal e como certifica o feito de que a última revisión do dicionario deixara unha media de 60.000 consultas diarias de palabras. Malia estes e outros datos, a RAG ten só un orzamento de 900.000 euros, que é tres veces menos có da Academia Vasca, ou dez veces menos có da Catalá. Co obxectivo de contribuír ao funcionamento da entidade galega, a Deputación de Lugo vén de asinar un convenio de colaboración coa RAG, con vixencia dun ano e dirixido a contribuír ao funcionamento da institución, tanto no plano off-line como no dixital.
Segundo fixo saber no acto de sinatura o presidente da Academia Galega, Víctor Freixanes, “existe unha forte demanda social nestes intres ao redor da lingua”, e proba diso é o elevado número de consultas diarias de palabras na Rede. “Os datos falan por si sós, e iso hai que sostelo con profesionais con soporte técnico, e despois está tamén o traballo dos académicos que participan de maneira desinteresada; polo tanto este convenio para nós é moi importante”, apuntou o presidente da RAG.
No acto de sinatura tamén participou a académica e escritora Marilar Aleixandre e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, quen sinalou que o apoio da entidade provincial lucense diríxese en termos xenéricos a “apoiar o labor da institución a prol do fomento da cultura galega e a promoción e estudo do idioma galego”. A achega anual da Deputación á RAG será de 9.000 euros.
O deputado apuntou que a Deputación non pode ficar á marxe ante “o lamentábel retroceso que a lingua galega está tendo na nosa sociedade, nos ámbitos urbanos e incluso nas xeracións máis novas, cada día se fala menos galego e iso non é unha situación só para avaliar é unha situación sobre a que temos que actuar, porque cando estimamos máis a nosa lingua estimámonos máis a nós mesmos”.
Pola súa parte Freixanes quixo agradecer “en nome da Real Academia Galega a sensibilidade da Deputación de Lugo no apoio ás iniciativas da institución e no apoio ao funcionamento da propia Academia”. Así mesmo, salientou que “o galego é intercomprensíbel oralmente e por escrito co portugués, por iso os galegofalantes teñen un acceso moi doado a 250 millóns de persoas que se expresan en portugués, a sexta lingua máis falada no mundo”.

Categorías: Ciencia

Google quere potenciar o seu sistema de pagamentos en liña

Lun, 10/23/2017 - 16:00

Aínda que durante moitos anos os pagamentos a través da Rede parecían un territorio dominado por PayPal e as tarxetas bancarias, non faltaron os intentos de grandes compañías para entrar nese negocio para facilitar os pagamentos e fomentar o comercio electrónico, e agora quen reforza a súa actividade neste eido, e agora dan conta das posibilidades de Pay with Google, servizo que busca que o usuario non teña que enredar con complicados formularios de pagamento ao mercar produtos a través do teléfono e a tableta, aproveitando os datos de pagamento que o usuario tivera introducido en Google Play, YouTube, Chrome ou Android Pay.
Esta funcionalidade está a funcionar tanto en aplicacións móbiles de compañías de distintos países como nas súas páxinas web, e dende Google lembran que os desenvolvedores só teñen que incluír unhas poucas liñas de código para facer compatibles as páxinas web e as aplicacións con Pay with Google, servizo que non cobrará taxas por transacción.
Google quere promover o uso do seu sistema de pagamentos para compras de produtos, restaurantes e incluso aparcadoiros, facendo que pagar en mobilidade sexa cada vez máis doado e rápido, deixando claro que o principal interesa da súa plataforma é derrubar barreiras.

Categorías: Ciencia

O prazo para participarnos no curso de animación en 3D de Allariz, aberto até novembro

Lun, 10/23/2017 - 14:52

O Concello de Allariz está a organizar un obradoiro que nos sitúa de face ás novas tecnoloxías ao servizo do audiovisual, máis polo miúdo co eido da animación en 3D. O Curso de introdución ao desenvolvemento de películas de debuxos animados vaise desenvolver até xullo do ano vindeiro, establecéndose os contidos en dous bloques: un de contidos prácticos e outro de teóricos. O Concello vén de anunciar que quere acadar a máxima participación nesta actividade, de aí que abrise até novembro un novo prazo para formalizarnos nela a nosa inscrición.
O obradoiro está dirixido a aquelas persoas que desexen introducirse no mundo da animación xerada por computador. “Os seus contidos”, sinala o Concello, “darannos una visión de conxunto do software en 3D e da produción de debuxos Animados, amais dun coñecemento en profundidade das ferramentas de traballo e o ámbito no que se desenvolven cinematograficamente”.
O Goberno local tamén informou de que o obradoiro, que se vai desenvolver na Casa da Mocidade, inclúe unha clase semanal de tres horas e media de duración, a sexta feira (venres) pola tarde, e o sábado pola mañá. A formación compleméntase cunha clase por video-conferencia semanal durante a cal resolveranse dúbidas sobre exercicios prácticos e farase un seguimento dos proxectos persoais que alumnos e alumnas estean a desenvolver durante o curso.
O primeiro dos bloques abordará cuestións como a interface, o modelado (técnicas, mallas e curvas, modelado de textos), cámaras e iluminación, texturas e materiais, modelado de personaxes, animación (claves e liña de tempo, editores, animación de obxectos, de personaxes e de FX) e composición.
O bloque teórico introducirá aos participantes en procesos de produción, pre-produción (linguaxe cinematográfica, ideas para o guión, storyboard), creación de personaxes (anatomía, estereotipos, poses e siluetas, liñas de acción), teoría da animación (técnicas, os principios da animación, as leis físicas aplicadas, tempo e ritmo, animación facial, locomoción) e elaboración de proxectos de animación (mercados e festivas, axudas á produción).
As persoas que estean interesadas en asistir ao obradoiro deberán chamar ao 615 395 871 ou ben enviar un correo electrónico a animacion3d@allariz.com.

Categorías: Ciencia

Os usuarios das redes elixirán a mellor achega emprendedora TIC de Ferrolterra

Lun, 10/23/2017 - 13:18

O venres pasado, AJE Ferrolterra presentou no consistorio local a quinta edición do seus Premios Ferrolterra Emprende, unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello, a Deputación da Coruña, IESIDE (Escola de Negocios AFundación) e o IGAPE, e que se encamiña a recoñecer o pulo emprendedor e innovador das firmas con sede de operacións nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O certame, cuxo prazo para a presentación de candidaturas estará aberto a partir deste 23 de outubro, inclúe dúas categorías e catro accésit. As primeiras son Premio Empresaria/o Nova/o (3.200 euros en formación a cargo de IESIDE, para empresarias/os que leven constituídas/os máis de tres anos) e Premio Emprendedora/or Nova/o (1.000 euros de contía, abranguendo participantes con 3 anos ou menos de actividade e cunha facturación inferior a 1 millón de euros). Os accésit son á creación de emprego, á RSE e conciliación laboral, á innovación e, por último, ás novas tecnoloxías.
Os tres primeiros inclúen, a xeito de premio, formación do IESIDE. O accésit TIC, pola súa parte, vén co seguinte recoñecemento: un ano de publicidade de balde en Ferrol. Esta distinción específica ás iniciativas emprendedoras do ámbito das novas tecnoloxías será elixido polo público nun concurso que se convocará a partir de que se abra o prazo de presentar as candidaturas nas redes sociais.
O xurado que emitirá o fallo das restantes modalidades estará composto por diversas personalidades do mundo empresarial, financeiro e institucional. O prazo para a entrega da documentación será ata o día 17 de novembro do 2017, na sede da asociación ou por correo electrónico a info@ajeferrolterra.org. O acto de entrega de recoñecementos será nunha gala prevista para o venres 24 de novembro ás 19:30 h na Fundación Exponav sita en Cantón de Molíns de Ferrol.

Categorías: Ciencia

Lingua.gal convoca a nova edición do concurso-exposición das Letras Galegas 2018

Lun, 10/23/2017 - 12:35
A escritoria María Victoria Moreno, homenaxeada o ano vindeiro no Día das Letras Galegas

O Portal da Lingua Galega (Lingua.gal) e mais o Portal Educativo da Xunta de Galicia (Edu.xunta.gal) veñen de publicar a nova convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas, que cada ano se leva adiante co obxectivo de, en palabras dos devanditos espazos web, “potenciar o coñecemento do autor ou autora homenaxeada o 17 de maio, da situación sociolingüística que lle tocou vivir e, en xeral, da súa época histórica”. Os centros que concorran neste certame da Secretaría Xeral de Política Lingüística teñen de prazo até o 22 de xaneiro de 2018 para presentaren unha exposición que faga un percorrido polas devanditas vertentes obra de María Victoria Moreno Márquez, a quen a Real Academia Galega (RAG) homenaxea o vindeiro ano na festividade da nosa cultura.
Os proxectos gañadores difundiranse profusamente na Internet, a través do Portal da Lingua Galega, e serán distribuídos por máis de 2000 puntos de interese (centros educativos, lectorados da Rede de Centros de Estudos Galegos, entidades da Rede de Dinamización Lingüística, centros da emigración ou bibliotecas, entre outros emprazamentos). Os colexios e centros participantes na súa elaboración recibirán un premio en metálico por importe de 2000 € e o profesorado obterá, por segundo ano, un certificado de premio de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado, ou 30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto gañador.
Segundo informa a Secretaría Xeral de Política Lingüística dende o Portal da Lingua, a convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas 2017 “está dirixida a todos os centros docentes de ensino público non universitario dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que poderán concursar na categoría que lles corresponda entre as dúas que se establecen”. Por unha banda, a categoría A para infantil e primaria e, pola outra,a categoría B para educación secundaria e bacharelato, formación profesional e restantes centros de ensinanzas especiais. Os centros educativos en que se imparta infantil, primaria e secundaria poderán concursar en ambas as categorías.
Os colexios e institutos deberán formar equipos integrados por un máximo de 10 docentes de diferentes áreas que colaboren activamente e fomenten a participación do alumnado na elaboración do traballo.
As exposicións que se presenten ao certame deberán constar de 10 carteis orixinais e inéditos de 70x50 cm acompañados dunha guía con actividades que orienten a observación da mostra e fomenten o labor de investigación do alumnado. A técnica que se empregue nos devanditos carteis será libre e estes poderán ser presentados a cor.

Categorías: Ciencia

Samsung regala móbiles Galaxy Note8 aos pasaxeiros dun voo que chegou á Coruña esta mañá

Lun, 10/23/2017 - 12:28

Os preto de dous centos de pasaxeiros do voo IB514 con destino A Coruña recibiron unha grata sorpresa, xa que puideron beneficiarse da campaña Benvido a bordo Galaxy Note8 emprendida por Iberia e Samsung, de xeito que recibiron o último smartphone de alta gama da compañía surcoreana: o Samsung Galaxy Note8.
Os pasaxeiros colleron o voo ás 7:30 horas en Madrid, nunha aeronave personalizada con mensaxes da campaña promocional, aínda que non foi até a conclusión da engalaxe cando o comandante dirixiuse aos pasaxeiros para confirmarlles que eran os protagonistas desta acción especial conducida polo vicepresidente corporativo de Samsung España, Celestino García, quen explicou que este xesto buscaba agradecer o apoio e a confianza que os consumidores deron a Samsung nos últimos meses.
A campaña xa beneficiou a usuarios da ponte aérea entre Madrid e Barcelona e con voos a Bilbao, Granada e Xerez, completándose coa viaxe a Galicia.
Lembremos que o Note8 é o smartphone máis completo que existe actualmente no mercado, pero chegou ás tendas co reto de ter que facer esquecer o acontecido con seu predecesor, o Samsung Galaxy Note7, que tiña problemas coa batería que fixo que nin sequera chegase a venderse oficialmente en España, o que non impediu que daquela volta as aeroliñas tivesen un comportamento bastante absurdo, confundindo aos consumidores indicando en todos os voos a prohibición de viaxar en cabina cun Galaxy Note7 (o consumidor medio non entende de modelos tan específicos, e resultaba especialmente doado entender que o fallo de seguridade afectaba ao Galaxy S7, pois era a liña de móbiles de Samsung que se vendía realmente cun 7 no nome), de aí que agora teña bastante sentido que Samsung xuntase forzas con Iberia para deixar clara a seguridade do Note8.

Categorías: Ciencia

O Álvaro Cunqueiro de Vigo mostra en novembro todo o que a Impresión en 3D pode facer pola nosa saúde

Lun, 10/23/2017 - 12:22

O vindeiro 20 de novembro vanse celebrar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo uns encontros destinados a mostrar o potencial médico das tecnoloxías de fabricación aditiva para dar forma a obxectos tridimensionais (obxectos tridimensionais que nos axuden a interpretar a realidade da que abrollan estes obxectos). As Xornadas de Impresión 3D: Medicamento Personalizado celebraranse ao longo do día, sendo o evento da mañá de acceso restrinxido a xerentes, xefes de área, profesionais sanitarios, enxeñeiros e empresas do sector e todos aqueles actores que se atopan na cadea de valor da impresión 3D en saúde. Esta xeira de mañá, de carácter eminentemente profesional, celébrase en colaboración con 3DHeals, plataforma global con base en San Francisco que traballa na achega de materiais tridimensionais no ámbito da medicina.
Nesta primeira metade da xornada abordaranse os aspectos máis técnicos da bioimpresión e as súas aplicacións nos eidos da odontoloxía, a enxeñaría, a traumatoloxía ou a cirurxía torácica. Tamén se van tratar, ante o público especializado (directivos, xefes de área, enxeñeiros, fabricantes, provedores e, en xeral, axentes involucrados na cadea de valor da Impresión 3d en saúde), os regulamentos e as normativas dos ditos espazos de traballo e investigación.
A xeira de tarde, Chapter Health 2.0 Galicia, oriéntase cara a unha difusión máis ampla do coñecemento en fabricación aditiva. Trataranse os conceptos crave, experiencias, como se aborda a formación e os desafíos futuros máis aló do horizonte visíbel da man de pacientes, enxeñeiros, médicos, cirurxiáns e farmacéuticos.
En ambos os eventos contarase con demostracións prácticas e, en palabras da organización da xornada, “unha sala de exhibición chea de sorpresas”.
Segundo lembran os impulsores do evento a conto dos porqués do mesmo, “a tecnoloxía de Impresión en 3D emprégase desde hai anos en distintos sectores e as súas posibilidades van alén dos límites do esperado, poñéndose á par dos ámbitos da robótica, a intelixencia artificial, o Big Data ou a nanotecnoloxía, para dar forma á última revolución industrial denominada 4.0”. E engaden: “A fabricación aditiva con diversos materiais fornece dunha manchea de beneficios económicos, loxísticos, ecolóxicos e achegan un grao de personalización para cada paciente cun alto impacto na saúde individual e colectiva, podendo ser aplicada en case a totalidade de especialidades médicas”.

Categorías: Ciencia

Entregados en Lugo os premios do quinto campionato D3Mobile, impulsado pola USC, a Deputación, o Concello e Vodafone

Lun, 10/23/2017 - 11:54

O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo acolleu o venres pasado a entrega de premios da quinta edición do certame 3DMobile Metrology World, un concurso impulsado polo Campus local (polo grupo de investigación CIGEO da USC, e previamente polo grupo USCAN3D) dirixido a potenciar as vocacións científicas en estudantes de secundaria e bacharelato servíndose do teléfono móbil. No acto de entrega de galardóns participaron a deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o Director do Servizo Rexional, Pablo Carballo; e a coordinadora do grupo CIGEO-USC e o director do proxecto, Mariluz Gil e Juan Ortiz. O Campionato Internacional de Modelado 3D contou coa colaboración da Deputación de Lugo e máis do Concello. Tamén apoiaron o certame a FECYT, a Fundación Vodafone España, o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG). Neste nova entrega do certame presentáronse proxectos educativos de distintos puntos do mundo, como Turquía, Grecia, México ou Colombia, entre outros moitos países.
O primeiro premio foi para os estudantes do IES Acci, da localidade granadina de Guadix, coordinados pola profesora Cecilia Fernández López. A equipa andaluza acadou na última proba un índice de erro medio inferior a 0,2 mm nas medicións dun modelo 3D de 200 mm de diagonal maior. Cada membro deste equipo recibirá un premio tecnolóxico, ademais dunhas gorras autografiadas por Marc Márquez, que apoiou con esta doazón a presente edición do campionato, como o fixeran ante uníndose así a Pau Gasol, Rafa Nadal, Iker Casillas e Máverick Viñales con outros agasallos autografiados.
A maiores do devandito, dous equipos da Unidade Educativa Fiscomisional Calasanz de Loja (Ecuador) e do Nurettin Dolgun Mesleki ve Teknik Anadolu Lisesi, de Agri (Turquía) proclamáronse subcampión e terceiro clasificado, respectivamente, deste torneo.
O equipo FLÛSHD, do CPI A Xunqueira de San Valentín (Fene), formado polos alumnos Mario Bolaño Ameneiro, Óscar González Yáñez e Víctor Graña Martínez, coordinados pola profesora Blanca López Moreno, acadou o premio como mellor equipo do mundo na categoría de modelo 3D de maior calidade visual, cunha figura da ceramista galega Carme Romero.
O galardón á difusión do labor científico desenvolvido na USC foi para o equipo do IES A Sangriña de A Guarda coordinado Carmen López Fernández, cun modelo 3D dunha caracola, representativo do traballo do investigador local Emilio Rolán Mosquera.
O premio Estratexias para a educación no mundo da UNESCO foi para a Unidade Educativa Fiscomisional Calasanz de Loja (Ecuador) por un modelo 3D dun libro. O galardón Estratexias para a ciencia no mundo recaeu no CPI a Xunqueira de Fene cun modelo 3D de un Dew Bank, un contedor deseñado por Pak Kitae para recoller auga de choiva.
O IES Quartó de Portmany de Eivissa obtivo o premio Estratexias para o desenvolvemento social, o patrimonio e a cultura no mundo por un modelo 3d dunha escultura. Asemade, o premio Estratexias para a comunicación e a información no mundo recaeu tamén nun equipo ecuatoriano da Unidade Educativa Fiscomisional Calasanz de Loja por un modelo 3D de una máquina de escribir.
O galardón da D3Mobile orientado a fomentar as competencias dos alumnos na realización dunha campaña de difusión en 3D a valorar polo público foi, na categoría de metrólogos, para o equipo do Institute of Mathematics and Informatics de Razlog (Bulgaria) formado por Maria Radoslavova Manzurova e Blagoy Radoslavov Manzurov, e coordinado pola profesora Maria Brauchle, gracias a un vídeo promocional co que deron a coñecer o seu modelo 3D dunha escultura. Na modalidade Artistas 3D o recoñecemento foi para outro vídeo e unha campaña en redes sociais dun modelo 3D do maniquí de anatomía humana realizado por estudantes da Unidade Educativa Mariscal Sucrre de Guayaquil.
O premio da Xunta ao mellor equipo galego foi para os participantes do IES Sofía Casanova de Ferrol coordinados por Eva Leira Bouzamayor. Vladímir Shmidt, Pablo López Río, Adrián Carballido Lamas e David Carballido Lamas, catro alumnos do IES Vilar Ponte de Viveiro coordinados por Ana Belén Lamas Lombao, proclamáronse gañadores do premio que outorga a Deputación de Lugo ao mellor equipo da provincia. O Premio Innovación D3Mobile (Concello da Coruña) foi para o equipo do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda formado por Alfredo Chavert Sánchez, Roque Placer Regueira, Alejandro Vázquez López e Diego Moral Fernández, coordinados por Mario Simón García González.
O premio D3Mobile-Fundación Mujeres, que distingue modelos representativos dunha científica/tecnóloga de éxito nos eidos da enxeñaría/arquitectura, foi para o dúo do IES Iturrama de Pamplona formado por Irene Salvoch e Iker Alfonso, coa titoría de Miren Josune Ballarena Urroz, por un modelo 3D sobre Margaret Knight.
D3Mobile é unha experiencia educativa dirixida a novas promesas STEM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), que axuda a que os participantes adquiran “diversas competencias do século XXI, en termos da UNESCO”, e en cuxa edición 2017 tomaron parte 1.476 alumnos e 350 profesores de 268 centros educativos de 44 países.

Categorías: Ciencia

A realidade mixta de Microsoft xa está a empregarse en quirófanos reais

Ven, 10/20/2017 - 23:00

Aínda que ao grande público a realidade mixta chegou aínda esta mesma semana, o programa piloto baixo o que se desenvolven as HoloLens de Microsoft leva xa moitos meses funcionando, e o seu último fito foi a súa aplicación en quirófanos, onde poden colocarse proxeccións virtuais en calquera punto do espazo, incluso sobre o paciente, facilitando que o cirurxián poida acceder a toda a súa información (TAC, resonancia, radiografías e modelso de reconstrución 3D) para mellorar as intervencións e acurtar os tempos cirúrxicos.
Esta tecnoloxía que parece sacada dunha película de ciencia ficción está a ser probada con éxito no Hospital Gregorio Marañón a través da súa Fundación de Investigación Biomédica e a Unidade de Tumores Musculoesqueléticos, xunto á empresa española Exovite, que emprenderon un programa piloto pioneiro a nivel mundial que facilitou o uso das HoloLens nun caso de cirurxía real no que actuaron sobre un tumor muscular maligno.
Unha das grandes vantaxes da solución emprega é que o sistema pode manexarse con xestos no aire e con comandos de voz, de xeito que o cirurxián non ten que entrar en contacto físico con elementos que poidan ser fontes de infeccións, á vez que as pantallas de información que ten ao seu redor poden ser virtuais, de xeito que non ocupan espazo real.
O programa continúa a avanzar para aproveitar a capacidade de rexistro e posicionamento das HoloLens para guiar procedementos, identificando instrumental cirúrxico e puntos exactos da anatomía do paciente.

Categorías: Ciencia

Xornalistas e blogueiras de Rusia e Letonia visitan Galicia para coñecer a nosa oferta turística

Ven, 10/20/2017 - 22:28

Xornalistas e blogueiras rusas percorren estes días a nosa terra convidadas por Turismo de Galicia para coñecer os aspectos máis senlleiros da oferta turística galega, o que as levará a visitar parte do territorio das catro provincias ata o próximo domingo.
Ademais, entre hoxe e o vindeiro luns, un grupo de xornalistas e técnicos da Televisión de Letonia visitan Galicia para coñecer o Camiño Francés e a ruta Fisterra Muxía, ademais de Santiago de Compostela, meta da peregrinación xacobea.
As rusas, Olga Rastegaeva, blogueira de Orange Traveler, Olga Baklanova, blogueira en Вся Соль; e as xornalistas Anastasia Makina, da revista Women Health; e Olga Koynova, da publicación Ural Airlines Magazine, participan nesta viaxe de familiarización co destino turístico Galicia, organizada por Turismo de Galicia.
As visitantes teñen a oportunidade de coñecer o Camiño de Santiago e a cidade de Santiago de Compostela, e comprobar a súa influencia en Galicia como destino turístico de características propias. Ademais, están a visitar distintas contornas de costa para coñecer as posibilidades de Galicia neste eido, asociadas á natureza e á cultura.
Na súa estadía en Galicia, tamén poden coñecer distintas vilas costeiras galegas, así como contornas urbanas do interior de interese monumental e turístico.
As xornalistas e blogueiras de Rusia visitan todos os bens Patrimonio Mundial da Unesco e coñecen produtos relacionados coa marca do Turismo de Galicia como a Ruta da camelia, Paseando entre viñedos ou Patrimonio oculto.
Por outra banda, visitan varias adegas de distintas denominacións de orixe protexidas dos viños de Galicia e teñen a oportunidade de gozar da gastronomía de Galicia en distintos restaurantes e locais de hostalaría da Comunidade galega.

Categorías: Ciencia

Núñez Feijóo salienta o pulo innovador da Tecnópole na celebración dos seus 25 anos

Ven, 10/20/2017 - 14:57

A Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense) está a celebrar este venres os seus 25 anos de traxectoria. E faino contando coa participación das empresas, os centros de coñecemento e outras entidades de innovación que tiveron a súa sede alí ao longo deste cuarto de século. A xornada, que abrangue actividades até a tarde, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou que o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) é un exemplo referencial de como facer que a innovación sexa un foco para atraer investimentos. Asemade, destacou que o complexo tecnolóxico ourensán está “en condicións de atraer capital e novos proxectos empresariais por ser un polo de innovación en Galicia”. Nos actos de hoxe rendéuselles homenaxe ás 300 firmas ás que xa deu acubillo a Tecnópole ao longo do seu percorrido.
Volvendo á intervención do presidente, este subliñou que o Parque Tecnolóxico de Galicia atesoura “un claro compromiso coa divulgación científico-tecnolóxica, especialmente, entre os máis novos”. Isto, sinalou, tradúcese en cousas como o feito de que máis de 20.000 visitantes participasen nas 11 convocatorias do certame Galiciencia ou nos sete cursos das Aulas Tecnópole dirixidos a escolares galegos.
Tamén salientou a importante actividade despregada polo Centro de Empresas e Innovación da Tecnópole, que funciona como incubadora de novos proxectos, ao que cómpre engadir o Laboratorio de Biotecnoloxía, o Centro de tecnoloxías médicas avanzadas e o Centro experimental de enerxías renovábeis. “En definitiva”, dixo, “estamos a falar dun espazo de referencia en Galicia dirixido a acoller, apoiar e potenciar iniciativas de marcado carácter innovador que apostan pola tecnoloxía e a investigación como unha forma de xerar valor e actividade económica”.
Ano de celebracións
Como lembraremos, boa parte das celebracións dos 25 anos da Tecnópole xa se están a desenvolver ao longo de 2017. Entre as máis relevantes, informativamente falando, situouse o encontro celebrado en xuño co obxectivo de presentar a memoria global de actividade do parque. Segundo se fixo saber daquela, o recinto acolleu ao longo da súa historia un total de 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades relacionadas coa innovación.
Tamén se destacou no almorzo que a sociedade xestora participou en 28 proxectos de I+D+i e promoveu a posta en marcha de tres instalacións científico-tecnolóxicas ao servizo de todo o tecido empresarial galego: un laboratorio de biotecnoloxía, un centro de tecnoloxías médicas avanzadas e un centro experimental de enerxías renovábeis. Ademais, organizou dúas conferencias internacionais de parques tecnolóxicos e unha chea de actividades formativas e eventos centrados no intercambio de coñecemento.

Categorías: Ciencia

A UDC lanza portal para que a comunidade participe e decida na vida dos campus

Ven, 10/20/2017 - 14:57

A Universidade da Coruña presentou hoxe un novo recurso dixital destinado a “facer” comunidade e a estimular nos campus o traballo conxunto con estudantes, profesorado, investigadores e demais integrantes do “colectivo UDC”. Trátase do seu novo Portal de Participación, destinado a posibilitar que “calquera usuario da comunidade universitaria poida debater sobre os temas que lle preocupan, propoñer ideas de mellora da UDC e decidir, co seu voto, as que se leven a cabo”. O portal foi dado a coñecer en rolda de prensa polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora de Estudantes e Participación, Margarita Amor, e o Adxunto de Participación, José Rodrigo Sanjurjo. Segundo fixeron saber, con este recurso dixital a Universidade da Coruña subirá novos e significativos chanzos en materia de comunicación. En boa medida, segue e amplía o ronsel das iniciativas de orzamentos participativos postas en marcha en concellos como o da Coruña ou Santiago.
O seu funcionamento, en liñas básicas, será o seguinte: os usuarios dos campus terán grazas ao portal a posibilidade de crear e apoiar novas propostas que en caso de acadar unha cantidade de votos elevada serán estudadas por un grupo de traballo para decidir despois se se leva a cabo. A plataforma, que está en probas, ficará aberta para toda a cidadanía, aínda que só poderán presentar e apoiar propostas os membros da comunidade universitaria.
Haberá dúas modalidades de visita: poderá accederse a udcdecide.udc.gal como usuario anónimo, só para ver os debates e as propostas, ou como usuario rexistrado como membro da UDC, para crear, votar e comentar propostas. Os mecanismos de participación inclúen debates, propostas e comentarios. Segundo se fixo saber, “calquera membro rexistrado pode comezar un debate sobre calquera tema relacionado coa universidade que se publicará no portal; debates en base aos que logo poderase votar, compartir, comentar ou marcar como inapropiado”. As propostas poderá facelas calquera usuario rexistrado da comunidade universitaria; deste xeito, será só a propia Universidade a que decida as propostas que lle interesa como comunidade.
Na rolda cos medios tamén se informou de que esta plataforma de participación responde a un dos retos propostos polo actual reitor na súa campaña electoral, na que se comprometeu “a garantir a participación activa da comunidade universitaria, de xeito que toda a comunidade universitaria poida ser partícipe na toma de decisións e no debate como mellora da xestión da universidade”. O reitor manifestou a súa firme decisión de contar coa participación das/os estudantes “no momento da toma de decisións estratéxicas e nas de carácter máis cotián que teñan que ver coa docencia e a calidade de vida universitaria”. O Portal de Participación, engadiuse, está feito con software libre.

Categorías: Ciencia

Vodafone achega as múltiples vantaxes do Big Data ás empresas e ás administracións

Ven, 10/20/2017 - 13:23

Pode a información a gran escala (Big Data) mellorar a eficiencia e a rendibilidade de empresas e institucións públicas? Pode, e practicamente non queda a estas alturas ningún profesional das TIC que o poña en dúbida, limitándose estas (as dúbidas) a xeitos de proceder e metodoloxías de aplicación (ou sexa, máis aos “comos” que aos “ques” e os “porqués”). Entre as empresas que queren apostar de xeito máis decidido polo Big Data para poñelo a disposición das entidades figura Vodafone, cuxa división española anunciou onte un acordo con Carto, plataforma que permite facer análises granulares e visualizar as relacións entre mancheas de datos, coa vista posta en axudar a que os negocios das empresas obteñan os mellores resultados.
Segundo explica Vodafone, Carto ten a capacidade de saber o que pasou, o que pasa e o que pasará. Semellante actividade no tempo só podía achegar vantaxes para cidades, países ou negocios, engade a operadora, que en virtude desta alianza engadirá ao seu catálogo de servizos para grandes clientes e administracións unha solución de Big Data (Vodafone Anaytics) “doada de usar e moi intuitiva”.
A solución, ademais, ten o punto forte de que non precisa da concorrencia activa de especialistas e de expertos en analítica de datos dentro das organizacións para tirar proveito do seu rendemento. Vodafone Analytics, engade a operadora, “permitirá ás administracións públicas mellorar a xestión das cidades e a calidade de vida dos cidadáns, ao ser posíbel a súa aplicación en diferentes ámbitos como o transporte urbano (optimizando rutas e recursos adicados ao transporte ou reducindo atoamentos de tráfico), no turismo (dispoñibilidade de aloxamento, desprazamento de turistas, planificación de eventos con afluencia masiva de visitantes), eficiencia enerxética, censo en tempo real, etc.”
No caso das empresas, a aplicación axudaralles a “seren máis eficaces dentro dos seus mercados ao poder adecuar a súa estratexia dunha forma máis acertada”. Por exemplo, esta ferramenta podería permitir coñecer cal é a mellor zona onde localizar unha nova tenda tendo en conta o perfil de consumidor que transita preto, realizar unha planificación loxística máis eficiente, ou xestionar mellor o stock en función do público que visita os espazos.
Para quen a estas alturas non escoitara falar de Big Data, dicirlle que constitúe un dos eidos que máis interese está a espertar na actualidade, non só entre a comunidade académica e investigadora, senón tamén entre as empresas, pola súa aplicación e a súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos. De feito, as técnicas de análise de coñecemento a gran escala son un valor en auxe que transforma datos en información clara e eficaz, permitindo un coñecemento detallado sobre procesos, clientes, etc.

Categorías: Ciencia

Páxinas