códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 1 hora 5 min

Unha empresa norteamericana vende unha aplicación para desbloquear os iPhone

Lun, 03/12/2018 - 18:00

As novas que apuntaban a que a compañía israelí Cellebrite podía desbloquear calquera iPhone para axencias de seguridade de todo o mundo non só están a ser máis que confirmadas, senón que agora están a xurdir competidores de grande peso, como unha startup norteamericana chamada Grayshift, que segundo parece estaría formada por contratistas de axencias de intelixencia estadounidenses e un antigo enxeñeiro de seguridade de Apple, e que estaría a ofrecer a policías e grupos de informática forense unha utilidade chamada GrayKey que por 15.000 dólares permitiría desbloquear até 300 teléfonos, existindo tamén unha modalidade de licenza que por 30.000 dólares facilitaría usos ilimitados. En ambos casos a licenza tería unha limitación de 1 ano.
Aseguran que GrayKey podería servir para desbloquear smartphones que funcionasen con iOS 10 e iOS 11 (incorporarían soporte para iOS 9 en breve) para todo o hardware de Apple (incluíndo o iPhone 8 e o iPhone X), e fontes consultadas por Forbes admiten que Grayshift realizoulles unha demostración desbloqueando un iPhone X.
Polo momento descoñécense as vulnerabilidades de iOS que estas empresas están a empregar para saltarse a protección dos teléfonos de Apple, e se estas corrixiranse en futuras actualizacións, aínda que o feito de que sexa posible mercar o software de Grayshift facilitará que profesionais de Apple poidan analizar os métodos empregados para evitar que poidan continuar a empregarse.
O máis curioso desta guerra de empresas de informática forense é que nos últimos anos puidemos ver casos nos que falábase de que desbloquear un iPhone chegou a custarlle ao FBI 1 millón de dólares, mentres que agora falamos de solucións que poderían custar 50 dólares por terminal, facendo moito máis accesible ás forzas de seguridade o acceso a dispositivos aos que teñen acceso físico, pero dos que até o momento non podían consultar o seu contido, o que pode resultar crucial en casos de terrorismo, pornografía infantil e outros delitos de extrema gravidade.

Categorías: Ciencia

As vilas galegas aumentan o seu nivel de transparencia

Lun, 03/12/2018 - 16:34
O consistorio de Redondela nunha imaxe de José Antonio Gil para a Galipedia

Estes días déronse a coñecer os novos datos da plataforma-consultora Dyntra respecto do nivel de transparencia dos concellos galegos. Ou sexa, do nivel de fiabilidade e correspondemento entre o que os gobernos locais din facer na Rede ante a cidadanía e o que de feito fan. Unha das grandes sorpresas da listaxe é atopar nos postos máis alto concellos que non acubillan grandes cidades, senón vilas de tamaño grande ou medio. É o caso de Redondela, de 29.000 habitantes, que aparece no posto máis alto do ranking cunha taxa do 69.7% en materia de indicadores conseguidos. Redondela, deste xeito, sitúase por diante da urbes de envergadura como A Coruña (segunda no ranking, cunha porcentaxe do 64.45%) e Pontevedra (terceira posición, 63.82%).
Na clasificación, ocupando o oitavo posto, tamén aparecen (compartindo puntuación en nivel de transparencia) Lalín e máis Vilagarcía. Respecto do caso de Lalín, o seu edil Tomás Vilariño salientou hoxe “o esforzo que está a realizar o Concello para avanzar neste eido”, un esforzo que xa xa permitiu pasar do posto 20 ao posto 8 en menos e dúas semanas. O concelleiro de Novas Tecnoloxías destacou tamén “o elevado grao de cumprimento na información sobre a organización e o patrimonio do Concello, a información contábel e orzamentaria ou a publicación de contratos, convenios e subvencións, todos eles por riba do 60 por cento”.
Os primeiros postos da listaxe ficarían do seguinte xeito: Redondela (67,95), A Coruña (62,82), Pontevedra (62,18), Vigo (54,49), Ourense (53,85), Lugo (51,92), Ferrol (50,64), Vilagarcía (46,15) e Lalín (46,15).

Categorías: Ciencia

Coruña Bloggers adianta unha semana a súa edición de marzo

Lun, 03/12/2018 - 13:43

O encontro solidario Coruña Bloggers, que o último mércores de cada mes xunta a interesados no mundo dos blogs, as redes sociais e o sector TIC en xeral no salón de actos da Fundación Barrié da Coruña, instando aos asistentes a acudir cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a súa entrega á Cociña Económica, ten xa aberta a inscrición para a edición deste mes, a número 16, que de xeito excepcional adiántase ao 21 de marzo (para non coincidir coa Semana Santa).
O XVI Coruña Bloggers abrirá con José Antonio Vázquez, director xeral da empresa de hospedaxe web Andaina.net, quen impartirá unha charla sobre a seguridade e a optimización do xestor de contidos máis empregado a nivel mundial, WordPress (empregado polo 57% dos blogueiros coruñeses).
Completarán a xornada Julya Pepry e Fanny Looks, blogueiras que nesta ocasión achegarán as súas claves para facer un bo directo en Instagram e Facebook, elementos que consideran fundamentais para influencers e marcas para atraer e reter seareiros nas redes sociais.
A xornada que desenvolverase de 19:30 a 21:00 horas na Fundación Barrié, continuará cunha sesións de networking en La Taberna de Rita, un local de hostalaría próximo.

Categorías: Ciencia

O CEIP de Laredo, primeiro premio nacional Wisibilízalas

Lun, 03/12/2018 - 13:17

Finalmente, o Colexio de Infantil e Primaria de Laredo (Chapela, Redondela) foi recoñecido o pasado sábado 10 de marzo co primeiro Premio Nacional Wisibilízalas (categoría junior), convocado polo buscador Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, poñendo o foco en figuras referentes nestes eidos. O proxecto do CEIP de Laredo foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos.
Segundo nos contan fontes do colexio, a iniciativa recoñecida por Wisibilízalas (o proxecto Donas do Código) consistiu en mostrar ante o mundo docente mulleres actuais dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, referencias, destacadas e sobranceiras. Para impulsar a visualización do traballo destas investigadoras incluíronse charlas, encontros e outras actividades coas mulleres investigadas. Encontros como o realizado recentemente no centro con África González, unha das figuras máis salientábeis dos eidos da inmunoloxía e a nanotecnoloxía, ou Alba Alonso e Edita de Lorenzo, referentes nos ámbitos das tecnoloxías da información e na loita contra a fenda dixital de xénero.
O resultado do traballo das crianzas do CEIP de Chapela pode verse na web donasdocodigo.ceipdelaredo.com ou ben, na súa versión para móbiles con Android, nun espazo específico de Google Play.
Máis detalles sobre Donas do Código
En detalle, os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos.
Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.



Categorías: Ciencia

Twitter borra masivamente contas que inflaban artificialmente as interaccións

Lun, 03/12/2018 - 12:30
Unha das contas borradas nos últimos días, que limitábase a publicar contido alleo para roubar a súa viralidade

Tras avisar do cambio das súas normas para evitar o spam, Twitter comezou finalmente a pór en práctica o novo regulamento e, como consecuencia, durante os últimos días suspendeu numerosas contas de usuarios por facer tweetdecking, ou sexa, por realizar unha práctica que consiste en roubar chíos ou rechouchíar chíos masivamente para convertelos artificialmente en virais.
Algunhas das contas suspendidas eran moi populares, con centos de milleiros e incluso millóns de seareiros, sendo coñecidas por rechouchíar masivamente a outras contas de usuario entre as que tamén figuran a clientes de pagamento, ou sexa, que cubra por incrementar a visibilidade de chíos, creando unha viralidade artificial vulnerando as normas de Twitter que indican expresamente a prohibición de «vender, mercar ou tentar inflar artificialmente as interaccións de contas».
Non é a primeira vez que Twitter suspende contas de usuario que realizan este tipo de prácticas, pero desta volta as suspensións foron masivas, o que sumado aos milleiros de contas de bots eliminadas nas últimas semanas supón unha grande limpa da plataforma. Os efectos positivos deste paso á acción de Twitter son evidentes, aínda que é de esperar que isto vaia traducirse nun xogo do gato e o rato, no que os oportunistas que controlan granxas de bots para manipular información en Twitter muden as súas técnicas para poder seguir tirando proveito económico.

Categorías: Ciencia

ATRIGA porá o foco en impulsar os servizos electrónicos

Lun, 03/12/2018 - 12:18

A Axencia Tributaria de Galicia, dependente da Consellería de Facenda, vén de informar dos seus obxectivos para este ano, ao abeiro do Plan Xeral de Control Tributario para 2018. En primeiro lugar, porase o foco en fortalecer “a loita contra a fraude fiscal conforme aos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica”. Ao mesmo tempo, a axencia apostará “por introducir medidas que faciliten o cumprimento das obrigas tributarias”. Neste punto, poranse en práctica iniciativas para fomentar o uso dos servizos por vía electrónica e as notificacións telemáticas.
Por exemplo, impulsarase a presentación de autoliquidacións, “o que supón”, en palabras da axencia, facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas.
A ATRIGA tamén vai potenciar este ano a práctica das notificacións telemáticas, “o que ademais de supoñer un aforro de custo e tempo, redundará nunha redución do número de notificacións devoltas”, explican fontes da axencia, engadindo a intención de “facilitar o pagamento mediante domiciliación bancaria, co obxectivo de facer máis sinxelo o cumprimento das obrigas tributarias”.

Categorías: Ciencia

O viveiro de Barro estréase en SmartPEME con cinco obradoiros en marzo

Lun, 03/12/2018 - 12:17

A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra suma e segue. Amais dos espazos de formación TIC avanzada de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados, Lalín e A Estrada (este último posto en funcionamento co novo ano), o concello de Barro vén de adherirse á experiencia co seu viveiro de empresas. Segundo nos conta a Deputación, o acubillo empresarial acollerá durante este mes de marzo cinco novos obradoiros ao abeiro da devandita rede TIC. A primeira cita foi o pasado 8 de marzo, co curso Sistemas embebidos, iniciación ao Arduino. De seguido, este 14 de marzo ás 11 horas ofrecerase un obradoiro de Arduino avanzado con ferramentas libres.
A semana do 19 ao 25 desenvolveranse dous novos obradoiros, o luns 19 de marzo ás 19 horas sobre Firewalls, ferramentas imprescindíbeis para protexer a túa rede e o mércores 21 ás 11 horas sobre Iniciación á impresión 3D. O derradeiro obradoiro de "SmartPeme do mes de marzo en Barro terá lugar o martes, 27 ás 19 horas, sobre NAS, a túa solución de almacenamento en rede. As persoas interesadas en participar nestes obradoiros poderán formalizar a súa inscrición chamando ao 886 202 020 ou ben a través do correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou da páxina web www.smartpeme.depo.es.
Sobre SmartPEME
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a Deputación de Pontevedra, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo e A Estrada póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
No último ano SmartPEME bateu unha serie de récords importantes. Máis polo miúdo, aumentouse en preto dun 50% tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra.

Categorías: Ciencia

Santiago mergúllase na innovación europea a prol das smart cities

Lun, 03/12/2018 - 09:41

O proxecto europeo Smarter Together, no que se integra Compostela como cidade seguidora, celebrou os días pasados en Viena a súa asemblea xeral. A xuntanza, na que participou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, serviu para avaliar o desenvolvemento do programa, que xa leva dous anos en activo e que ten o obxectivo de compartir coñecemento útil e experiencias e converter as urbes participantes en cidades intelixentes grazas ao aproveitamento das novas tecnoloxías da información. Na cita, Duarte salientou a oportunidade que supón o grupo “para coñecer proxectos desenvolvidos noutras cidades, que agora queremos introducir en Compostela”.
Entre estes proxectos atópase a chamada “calefacción de barrio”, unha iniciativa que o Concello de Santiago estuda introducir na contorna de Pontepedriña para “acompañar as actuacións de rehabilitación enerxética e mellora da accesibilidade nos edificios da ARI”. O edil tamén valorou moi positivamente “a aprendizaxe obtida das cidades faro”, e que “poderemos utilizar en retos que ten Santiago como a xestión de servizos innovadores en áreas con importantes restricións por motivos patrimoniais”.
Volvendo aos retos que se propón Smarter Together, sinalar que as súas áreas de traballo son: información local a a gran escala (Big Data), plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sustentábel, district heating e enerxías renovábeis. Compostela é socia do proxecto como cidade seguidora, xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas “cidades faro”, que son Lyon, Múnic e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 20120.

Categorías: Ciencia

Un foro tecnolóxico de Código Cero afonda na chegada da Rede a Galicia

Dom, 03/11/2018 - 23:00

O luns ás 19:30 horas celebrarase no Auditorio 2 do Centro de Innovación Cultural (Edificio CINC) da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela o vindeiro Foro Tecnolóxico de Código Cero, que leva por título 25 anos da Rede en Galicia, e co que se pretende celebrar a chegada da Internet á nosa comunidade autónoma.
En febreiro de 1993 o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) conectouse por primeira vez coa rede de redes, a Internet, abrindo na comunidade galega a porta de acceso a todo un mundo de intercambio de información que naquel momento estaba limitado a uns poucos computadores nas universidades e entidades públicas, o que desembocaría en 1995 no despregamento da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA).
Para dar conta deste momento histórico participarán neste acto de entrada libre o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director do CESGA en 1993, Juan Casares-Long; o subdirector técnico do CESGA e técnico de RECETGA, José Ignacio López Cabido; o responsable de comunicacións do CESGA en 1993, Juan Luis Ruiz Buján; o profesor emérito de Física Teórica da USC, Carlos Pajares; e o autor de Historia da Informática. Unha cronoloxía, Henrique Neira. Os asistentes recibirán unha copia do mencionado libro de Henrique Neira por cortesía do CPEIG.
Dende Código Cero queremos convidar a acudir a este encontro a todo aquel interesado en coñecer os detalles da chegada dunha tecnoloxía a Galicia que mudou profundamente a nosa sociedade, indo moito máis aló dos ámbitos educativos e de investigación, e provocando toda unha transformación sociocultural da que non hai precedentes no que a velocidade de adopción se refire. Tamén procuraremos achegar o evento a través de streaming, para que estea ao alcance dos interesados na materia que non poidan acudir en persoa.

Categorías: Ciencia

Google Maps celebra o Día de Mario

Ven, 03/09/2018 - 21:49

Ao igual que o 4 de maio (May the Fourth, en inglés) está considerado por moitos como o Día de Star Wars, o 10 de marzo (MAR 10) está considerado como o Día de Mario, e para celebralo cos seareiros do fontaneiro de Nintendo dende Google decidiron agochar unha curiosidade na aplicación de Google Maps para iOS e para Android, de xeito que agora, cando solicitamos unha ruta, xunto ao botón para iniciar as indicacións atopamos unha icona cunha interrogación que iniciará o Mario Time.
Este novo modo de funcionamento de Google Maps consistirá en presentar a figura de Mario subido nun kart no mapa, indicando a nosa posición, de xeito que acompañaranos nas nosa viaxe, mentres se escoitan son dos seus xogos. Esta funcionalidade estará dispoñible durante unha semana en todo o mundo, instando aos usuarios a que compartan capturas de pantalla coa mesma co cancelo #MarioMaps.
Dende Google tamén recomendan unha condución responsable e segura, polo que pregan aos usuarios da súa aplicación que durante o Mario Time non tiren á estrada mondas de plátano nin arroxen cunchas vermellas a outros condutores.

Categorías: Ciencia

HackForGood Vigo xunta 80 programadores á procura do máximo ben social pola vía das TIC

Ven, 03/09/2018 - 19:30

A Universidade de Vigo celebra até mañá sábado a sexta entrega da edición galega do desafío colectivo HackForGood de Telefónica, o evento de programadoras/es solidarias/os que reúne a oitenta persoas dispostas a superar algún dos máis de 200 retos expostos pola cidadanía a través de www.hackforgood.net. O encontro estase a celebrar na sala I do Edificio Miralles da Universidade. Lembrar que este hackathon desenvólvese de maneira simultánea en 20 universidades españolas organizado por Telefónica, Hazloposible e Mashme, e xunta a preto de 1.500 universitarias e universitarios en todo o territorio estatal.
A edición viguesa, organizada ao abeiro da Cátedra Telefónica, foi inaugurada esta sexa feira (venres) polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. En total participan 80 estudantes de diferentes eidos do coñecemento, 60% homes e 40% mulleres, que traballan divididos en 17 grupos. Cada equipo escollerá un dos 200 retos presentados por entidades, asociacións e particulares e tratará de darlle solución. Deste xeito traballarán en temas como a detección de incendios, a atención a nenas e nenos autistas, a mobilidade de persoas invidentes, a accesibilidade... Nesta edición prestarase especial atención ás solucións baseadas no internet das cousas e os obxectos conectados, a industria 4.0 e a información a gran escala (Big Data).
60.000 euros en premios xerais e 3.500 en Vigo
Ademais dos 60.000 euros en premios da convocatoria xeral, na edición viguesa os participantes poderán optar a premios locais de 1.000€, 600€ e 400€ e premios temáticos de 500€ á innovación social concedido polo Consello Social, á innovación enerxética patrocinado pola Cátedra Telefónica e ao desenvolvemento sustentábel, da man da Oficina de Medio Ambiente.
A nivel global, outórganse os premios HackForGood Big Day cun total de 12.000€ de contía para poñer en valor os proxectos que teñan continuidade e os premios HackForGood Global ás mellores solucións tecnolóxicas en cada sede dotados de 20.000€ para os tres mellores premios proxectos globais.

Categorías: Ciencia

CreaGaiás móstranos como deixar a máxima pegada visual nas redes sociais

Ven, 03/09/2018 - 17:20

O vindeiro 13 de abril a Cidade da Cultura acollerá a xornada CreaGaiás, unha iniciativa “lúdico-formativa” que ten a finalidade de mostrar e fortalecer o emprendemento e a creatividade, así como visualizar as empresas e proxectos do Centro de Emprendemento local, emprazado no complexo compostelán. Na súa estrea, CreaGaiás pon o foco en como tirar partido da imaxe (persoal, empresarial, de marca) nas redes sociais. Neste caso concreto, porase o foco na imaxe do traballo das persoas emprendedoras.
A xornada, que arrancará ás 16 horas, está especialmente dirixida a persoas emprendedoras ou profesionais do sector creativo, así como a público interesado en aprender sobre xestión de marca e imaxe na contorna dixital, ou en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento no Gaiás, que, segundo informa a Cidade da Cultura, apoiou xa uns 350 proxectos dende a súa creación.
No programa inclúense obradoiros, charlas e un mercado de emprendemento creativo, ademais de espazos para o networking e a música, cun concerto acústico de Miren Iza e Jose Luis Martín-Serrano, do grupo Tulsa.
De xeito complementario a este programa, CreaGaiás pon en marcha un certame de reportaxes fotográficas co emprendemento como eixo, dirixido a estudantes e fotógrafos non profesionais. Os participantes deberán retratar en sete imaxes a semana dun emprendedor ou empresa do Gaiás, mostrando a realidade do seu día a día como profesionais. A reportaxe gañadora será galardoada cun premio dotado con 1.200€.
Como engadido, lanzouse a través da rede social Instagram un concurso dirixido a instagramers de toda Galicia que os anima a publicar todo tipo de fotografías relacionadas coa temática do emprendemento, entre as que a mellor será premiada con 300€. Ambos contarán cun xurado especializado composto por profesionais da fotografía, e representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.
O 13 de abril, as actividades iniciaranse ás 16:00 cun obradoiro de imaxe e marca na contorna dixital, especialmente dirixido a emprendedores, creadores e profesionais do ámbito das industrias culturais. Estará impartido por Iván L. Gimeno, especialista en xestión de redes sociais, country manager de Kafe Rocks e socio de Valumbo, consultora de desenvolvemento de negocio e transformación dixital de empresas.

Categorías: Ciencia

O Plan de Talento Dixital da Xunta inicia as accións para impulsar as vocacións STEM na mocidade

Ven, 03/09/2018 - 16:51

O Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, vén de coller impulso. Así nolo confirma a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a entidade responsábel do plan, que ten o apoio e adhesión da ducia de empresas asinantes do Pacto Dixital, a alianza formalizada en 2013 para contribuír a converter Galicia nun punto tecnolóxico de referencia. Segundo puidemos saber, o programa DigiTalent 2020, destinado a reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral, puxo en marcha as súas primeiras iniciativas. Con elas búscase “estimular o talento precoz no ámbito TIC” e fomentar a capacidade vocacional das profesións científico-tecnolóxicas dende idades temperás, “con especial atención entre as mozas”.
As primeiras iniciativas propostas pola AMTEGA, o programa de bolsas Áncora e a iniciativa Tecnológos por un día, activáronse no mes de decembro, contando co apoio das empresas do Pacto.
Ademais, a axencia sinala que tamén se vai pór en marcha este ano unha iniciativa focalizada nas rapazas, Girl STEM, un programa de asesoramento con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás nenas, “clarificando posíbeis dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos”.
Igualmente, desenvolveranse os campamentos TIC Digitalia para rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos, que se incluirán na edición de 2018 do Programa de Campamentos de verán da Xunta. Outra das iniciativas a estrear este ano é Techkids, unha proposta para rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos para que poidan participan en obradoiros de deseño, construción, validación e programación de robots e aplicacións.
As devanditas constitúen cinco das 20 iniciativas abeiradas xa ao Plan DigiTalent para potenciar o atractivo dos estudos científico-tecnolóxicos dende a nenez e a adolescencia.
Becas Áncora e Tecnólogos por un día
Áncora é un programa de prácticas non laborais en grandes empresas do sector TIC, tanto en centros de traballo de Galicia como do estranxeiro, con compromiso de contratación das persoas que superen con éxito o período de prácticas, que será de entre 6 e 9 meses. Altia, Coremain, Evereis, Iecisa, Indra, R e Televés ofrecen un total de 78 prazas para estudantes universitarios, de Formación Profesional ou recentemente titulados que estean cursando formación do eido tecnolóxico.
Ata 54 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos poderán ser “tecnólogos por una día” e experimentar en primeira persoa a xornada laboral dun profesional do sector, participando nas distintas actividades que teña na axenda de traballo (reunións, visitas a clientes tecnolóxicos, comida de traballo, etc.). Altia, Coremain, Evereis, Iecisa, Indra mostrarán aos participantes as dinámicas que dominan este tipo de profesións e resolverán as súa dúbidas vocacionais.
Escasa demanda das carreiras STEM
Segundo informa AMTEGA, a día de hoxe só o 9,3% dos matriculados no sistema universitario da nosa terra cursa carreiras do ámbito STEM (estudos científicos, tecnolóxicos, en Enxeñarías ou Matemáticas). A presenza de mulleres nestes estudos redúcese ao 29%, unha de xénero que comeza xa na elección dos estudos posteriores á ESO, cando só o 33% das mozas galegas se decantan polo Bacharelato científico-tecnolóxico fronte ao 46% dos mozos.
A baixa demanda das carreiras STEM contrasta coa alta empregabilidade dos profesionais do ámbito dixital. A axencia que dirixe Mar Pereira tamén explica que en Galicia o sector tecnolóxico mantivo nos últimos anos una taxa de emprego estábel en torno ao 1,6%, batendo o seu récord de empregabilidade en 2016 con máis de 16.000 traballadores.
Fenda de xénero no sector TIC
Amais dos devanditos datos, AMTEGA lembra que a porcentaxe de empregadas do sector sitúase no 32%, segundo os últimos datos do estudo As mulleres no sector TIC publicado esta semana polo OSIMGA, dependente da axencia, que lembra o a porcentaxe é “un reflexo do que acontece xa antes do Bacharelato”. Respecto aos roles, o estudo sinala que mentres o 26,8% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, só o 7,4% son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. O estudo salienta igualmente “a significativa fenda existente nos ciclos formativos superiores TIC”.


Categorías: Ciencia

Medio cento de firmas participaron no Foro Tecnolóxico de Emprego

Ven, 03/09/2018 - 16:18
Salustiano Mato, reitor da UVigo, presidindo o acto de inauguración do foro

Estes días (até hoxe ao mediodía) celebrouse nas tres enxeñarías do Campus de Vigo (Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación) a 28 edición do Foro Tecnolóxico de Emprego. Os organizadores do encontro (o alumnado das ditas escolas) puxeron todo da súa parte para superar os 2.500 currículos recollidos na convocatoria do ano pasado, cousa que de seguro confirmarán os días vindeiros. Na cita participaron empresas “clásicas” no foro (Repsol, a operadora de telecomunciacións R, Aluminios Cortizo ou BorgWarner, entre outras) e outras que se estrearon, como por exemplo Televés ou EDF Solar ou Norvento. En total, concorreron medio cento de firmas, 33 con stand de seu. A xuntanza acolleu unha manchea de conferencias, workshops e mesas redondas.
Na inauguración oficial, celebrada a cuarta feira (mércores), o reitor Salustiano Mato retou ás empresas a ser “quen de reter o talento que cada ano sae das aulas”.

No acto de apertura tamén participaron Natalia Caparrini, directora da EE Minas; Íñigo Cuiñas, director da EE de Telecomunicación, e Ana Megías, subdirectora da EE Industrial, que amosaron o seu orgullo porque “unha vez máis o alumnado foi quen de demostrar a súa valía, organizando un evento á altura dos mellores foros de referencia a nivel estatal”. Na cita tamén participaron o coordinador xeral desta edición, Martín Rodríguez, estudante do Grao en Enxeñaría da Enerxía, e máis a responsábel da primeira edición do encontro, Patricia Leal, que fixo un percorrido polos inicios da iniciativa na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, uns inicios modestos (o foro celebrouse no aparcadoiro da escola e case tivo que ser cancelado por mor do mal tempo) pero moi esperanzadores, tal e como se demostra na participación (de alumnado, de empresas tecnolóxicas) desta convocatoria actual que hoxe remata.
Entre outras moitas cousas, o foro deu acollida a unha mesa redonda dirixida ao mundo do empredemento, un coloquio co que achegarse á experiencia de antigos alumnos e alumnas que no seu día optaron por montar as súas propias ideas de negocio e que hoxe teñen a satisfacción de vivir da súa propia empresa. Por temas, tratáronse todo tipo de cuestións relacionadas coa innovación e co día a día ao que se van ter que enfrontar as/os estudantes que están a piques de acadar un posto de traballo, ben grazas ao foro, ben grazas a outras canles de comunicación coas emprestas. Os temas principais foron a Internet das Cousas e a Industria 4.0, a xestión da rastrexabilidade (tamén coñecida como trazabilidade),a situación e futuro do sector mineiro en Galicia, as posibilidades do traballo virtual, a información a gran escala (Big Data), etc.

Categorías: Ciencia

Telefónica traslada dende León ao Montiño (A Coruña) o nivel LH2 de acceso a Internet

Ven, 03/09/2018 - 15:30

As infraestruturas da rede de Telefónica en Galicia veñen de dar o que a operadora cualifica de “chimpo histórico”. E por que motivo? Pois basicamente polas importantes melloras levadas a cabo na súa central do Montiño, na Coruña, onde se instalou o nivel HL2 da súa malla fotónica estatal, que é a que soporta o tráfico de datos e de acceso a Internet. Este avance, engade a compañía, “repercutirá de maneira directa na velocidade de acceso a Internet e na capacidade para enviar e recibir datos, fotos e vídeos dos clientes galegos de Movistar”. O nivel LH2 de acceso a Internet, para que non o saiba, estaba previamente en León.
Segundo engade a operadora, a instalación na nosa terra desta “infraestrutura clave” que só está presente en oito cidades do territorio estatal (amais de nas Illas Canarias) ten potencial para “romper cunha tradición de 90 anos, vixente desde a fundación de Telefónica, pola que este tipo de instalacións que daban servizo a Galicia situábanse en León”. Isto prepararía a nosa terra para dar un importante avance en calidade de servizo, un avance que dá (e dará) resposta ao “salto exponencial” da demanda actual e vindeira de datos.
Telefónica explica que a primeira consecuencia práctica do achegamento da infraestrutura profunda da Rede ao cliente galego é que “este verá reducida nun 1000% a latencia no acceso a Internet”, sendo a latencia o tempo que tarda en despregarse unha web no computador ou no móbil. “Isto”, engade a empresa, “prodúcese porque o sinal dos usuarios galegos de Telefónica cara aos servidores de Internet viaxará sempre dentro de Galicia, e a que os equipos instalados en Coruña son de última xeración”. Nun plano detallado, estes equipos teñen unha capacidade de até 20 terabytes por segundo, é dicir, o equivalente a 30.000 películas HD (High Definition) por segundo, e están preparados para aumentala de maneira progresiva até os 100 Tb. Telefónica, para facernos unha idea do desafío que encaran estas tecnoloxías, recorda que a día de hoxe, en Galicia, pódense acadar en horas punta demandas de até 6 Tb por segundo.
As infraestruturas novas do Montiño foron duplicadas, “para dar meirande robustez e seguridade ao sistema”, e dotáronse de sistemas especiais de climatización e de grupos electróxenos de apoio que garanten unha autonomía de 7 días.

Categorías: Ciencia

As emprendedoras de Lugo mostran espírito innovador inquebrantábel nos Premios Son Muller 2018

Ven, 03/09/2018 - 13:32

O espírito innovador e as novas tecnoloxías foron co-protagonistas dos Premios Son Muller 2018 que se desvelaron e entregaron onte en Lugo, un co-protagonismo que compartiron co que foi, sen dúbida, a gran estrela da xornada: o emprendemento feminino. Na gala co certame (organizado pola Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, AELU, coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo, e máis da Xunta, co obxectivo de visualizar o poder creativo-empresarial das mulleres da provincia), recoñeceuse a traxectoria e o alento innovador de Champivil, Muuhlloa, a plataforma tecnolóxica Sientegalicia.com, Gerosonajero, Coeduca e Tastelab.
Na cita participaron o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; e a presidenta de AELU, Beatriz Varela Regueira. O certame, como dixemos, veu da man da dita asociación provincial e contou coa colaboración da Deputación e Concello de Lugo, que achegaron 4.600 euros, converténdose nas principais patrocinadoras.
Segundo lembraron, nesta primeira edición, que tivo como fin promover e potenciar a actividade da muller no entorno económico e social lucense, participaron 51 empresarias e emprendedoras cos seus proxectos. Os premios contaron con 3 categorías: Son Empresaria Rural, Son Empresaria e Son Emprendedora.
No acto de entrega dos galardóns, tamén participaron o delegado da xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e a concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira.
Santos Ramos felicitou a todas as participantes e gañadores desta iniciativa e salientou que “esta gala non sería posíbel sen a labor da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo, unha organización liderada por emprendedoras e que leva 30 anos empoderando á muller traballadora na nosa provincia”.
A alcaldesa de Lugo deu os parabéns ás mulleres que presentaron candidatura, ás finalistas, ás premiadas e á homenaxeada, “e en xeral a todas as mulleres empresarias e emprendedoras de Lugo por contribuír co voso traballo ao desenvolvemento socioeconómico da nosa cidade”.
Amais dos premios das ditas categorías, nesta primeira edición tamén se distinguiu a Blanca García Montenegro, presidenta do Grupo El Progreso, co Premio á longa traxectoria. A AELU, Deputación e Concello de Lugo recoñeceron con este galardón especial “o frutífero traballo desta pioneira empresaria lucense de prestixio”.
Premiadas
Os Premios Son Muller 2018 contaron cun xurado formado por representantes de AELU e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresas e sociedades lucenses. As premiadas desta primeira edición foron:
· Son Empresaria rural: 1º premio para Champivil, que recibiu 1.000 euros, máis un ano de cota de balde como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas. O 2º premio foi para Muuhlloa, que recibirá un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas.
· Son Empresaria: 1º premio para Siente Galicia, que recibiu 1.000 euros, máis un ano de cota de balde como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas. O 2º premio foi para Gerosonajero, que terá un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas.
· Son Emprendedora: 1º premio foi para Coeduca, que recibiu 1.000 euros, máis un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas. O 2º premio foi para Tastelab, que recibirá un ano de cota de balde como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas.

Categorías: Ciencia

Menéame levará ao Supremo o caso de comentarios ofensivos contra un concelleiro na súa plataforma

Ven, 03/09/2018 - 13:31

O agregador de novas actualmente administrado dende Galicia, Menéame, recibiu unha sentenza da Audiencia Provincial de Málaga na que fáiselles responsables dos comentarios dos seus usuarios ante unha nova na que dábase conta do dispendio dun concelleiro marbellí que gastara 14.600 euros en teléfono nun mes, polo que terían que indemnizar ao concelleiro con 1.200 euros por vulnerar a súa honra.
Os maxistrados malagueños consideraron que os comentarios en Menéame superaban o lexítimo dereito á crítica e só buscaban atentar contra a honra e a dignidade do afectado pola nova, quen tería solicitado en dúas ocasións a eliminación dos comentarios ofensivos, primeiro por correo electrónico e logo por burofax, ao que dende Menéame responden que o e-mail chegou dende un enderezo de Gmail xenérico e o burofax carecía de enderezo de resposta, polo que consideran deficiente as notificacións e, en palabras do máximo responsable da compañía, Daniel Seijo, «isto pode afectar, como quen día, a media Internet. Crearíase unha xurisprudencia moi perigosa para foros, agregadores, medios de comunicación... Calquera persoa podería enviar un e-mail dicindo, por exemplo, que é Mariano Rajoy e, sen ofrecer maior identificación, pedir que se eliminen eses comentarios. Se non o fan estarían nunha situación de inseguridade xurídica». Por iso, Menéame optará polo recurso, acción que claramente será máis gravosa economicamente que pagar a sanción establecida, para evitar un perigoso precedente.

Categorías: Ciencia

O CPEIG mostra hoxe no Colexio Junior"s de Santiago como traballar a prol das navegacións seguras

Ven, 03/09/2018 - 11:55

Este venres temos unha cita coas novas tecnoloxías e a educación no Colexio Junior"s de Santiago. Trátase da charla Educar na era das pantallas, que imparte o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, e que está prevista para as 16.00 horas na aula de conferencias do centro docente compostelán (emprazado, para quen non o saiba, no número 81 de Roxos – Silvouta). Na cita, Suárez mostrará ás nais e aos pais asistentes os criterios que deben manter á hora de educar ás súas crianzas en relación ás novas tecnoloxías e as redes sociais.

Fernando Suárez será a persoa encargada de impartir a charla

O presidente do CPEIG, para meternos en situación, adiántanos que segundo o estudo Screening do uso problemático de internet entre os adolescentes da comunidade galega (elaborado en 2014 pola Xunta, a USC e o Valedor do Pobo para coñecer os hábitos de uso de Internet entre os estudantes de ESO en Galicia), un 71% dos enquisados afirmaron que usaban acotío a Rede, o 13,5% conéctase máis de 5 horas ao día (22,9% na fin de semana) e un 81% accedía a través do seu móbil. Un dato a ter en conta é que, se atendemos a que xa pasaron catro anos dende a data en que foron presentadas as conclusións da enquisa, e valorando o medre progresivo das TIC nas nosas vidas e das nosas crianzas, é de supoñer que as devanditas cifras aínda serán maiores hoxe en día.
Suárez tamén fai fincapé en que “desta análise extráese que un 8,9% dos enquisados sentiuse algunha vez ameazado ou acosado a través de internet e o 6,8% ameazou ou acosou a alguén”. Ademais, engade, “detectouse un 4% de sexting ou envío de mensaxes sexuais polo móbil e un 31,4% recoñeceu ter contactado con descoñecidos a través da Rede, chegando nun de cada tres casos a quedar fisicamente con eles”.
Tendo en conta todo isto, o presidente do CPEIG comentará na charla desta sexta feira en Compostela todos estes perigos (ciberacoso, ciberbullyng, grooming, phising, os virus e os troianos, contidos desapropiados e contidos falsos, correos lixo, spam ou cadeas e a violación da privacidade) e os xeitos e combatelos. Neste contexto, Fernando Suárez recomenda aos pais e nais que advirtan ao seus fillos e fillas dos riscos dun uso inapropiado de Internet e de como facer unha navegación segura. Explicará tamén como poden protexer os menores a súa privacidade, ordenadores e rede.

Categorías: Ciencia

A Policía confirma que Blusens estaba detrás dos contidos ilícitos que achegaba o WebTV

Ven, 03/09/2018 - 11:24

A Policía Nacional dá hoxe conta da súa operación ao redor do receptor WebTV de Blusens, para a que contaron co apoio de EUROPOL e que saldouse coa detención de 6 persoas na Coruña, Xaén e Barcelona pola distribución de contidos televisivos (moitos correspondentes a canles de acceso condicionado a pagamento) a través do polémico dispositivo ofertado a través de máis de 14.000 puntos de venda a nivel mundial. A policía constatou que o deseño e desenvolvemento técnico do terminal realizábase no laboratorio de I+D da empresa, onde tamén se desenvolvían as aplicacións coas que acceder a películas, series ou eventos deportivos.
A investigación iniciouse ante unha denuncia de EGEDA por acceso ilegal a contidos audiovisuais, á que logo uníronse Mediapro e a Liga de Fútbol Profesional, ao descubrirse que tras estas actividades atopábase unha sociedade mercantil con sede en Galicia que, ademais estaba a distribuír ilicitamente o sinal de multitude de canles de televisión. O dispositivo comercializábase en grandes superficies e a través de canles de venda en liña de xeito masivo.
Os contidos televisivos e outros eventos deportivos, películas ou series atopábanse aloxados nun servidor en Francia, aínda que o control realizábase remotamente dende o departamento de I+D da mercantil. Os clientes recibían asesoramento nun foro especializado que, a xeito de servizo técnico e de asesoramento, guiáballes no xeito de acceder aos contidos ilícitos e dende o que podíase descargar o firmware necesario para actualizar a conexión co servidor onde emitían os contidos. Unha vez descargada a aplicación e instalado o software, o cliente podía acceder a centos de canles de televisión (a meirande parte de pagamento) e a listaxe organizados de copias fraudulentas de obras audiovisuais emitidas por diferentes plataformas de pagamento.

A Policía incautou milleiros de unidades dos WebTV
Categorías: Ciencia

AGASOL quere dar visibilidade ás mulleres tecnolóxicas

Xov, 03/08/2018 - 13:08

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) estrea hoxe un apartado na súa páxina web titulado Mulleres Tecnolóxicas no que queren salientar o rol das mulleres nos ámbitos do software libre e o código aberto cun quen é quen en Galicia e no resto do mundo.
AGASOL quere dar visibilidade ao traballo das mulleres no sector TIC, conscientes de que aínda queda moito camiño por andar para entender o software libre e a tecnoloxía en xeral como eidos que non distinguen de sexo, estando abertos a achegas de calquera persoa.
O novo apartado está a promocionarse en redes sociais, e actualmente recolle as figuras da xornalista Montserrat Boix de Mulleres en Rede, da enxeñeira en Informática Antía Puentes, da licenciada en Informática Mar Castro e doutras tres mulleres que desenvolven o seu traballo ao redor do CESGA: María José Rodríguez, Natalia Costas e Carmen Cotelo.

Natalia Costas xunto ao Finisterrae II no CESGA
Categorías: Ciencia

Páxinas