códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 50 min 47 seg

CIE prepáranos para protexer a nosa información perante ataques externos

Xov, 10/05/2017 - 12:56

Cómpre falar máis de ciberseguridade. E non só iso, senón tamén actuar máis en ciberseguridade, e facelo de maneira conxunta e eficaz. Que podemos ir facendo como usuarios ou simples empresas para protexer a nosa información dos ataques das novas ameazan que buligan polas redes, por exemplo o virus WannaCry? Dar unhas cantas respostas útiles a esta pregunta é o gran obxectivo da xornada de traballo que organiza a firma galega CIE Tecnoloxías no Club Financeiro da Coruña (Club Financeiro Atlántico), o 26 de outubro en horario de 10.00 a 14.00 horas. O evento Seguridade IT ten a súa orixe no seguinte: o clima de desconfianza que xerou o ano 2017 en todos os niveis empresariais, no que a vulnerabilidade da información e os sistemas se refire. Segundo CIE, o ano en curso pasará á historia como “o ano en que a seguridade en liña quedou en dúbida”.
E todo, isto, engade a empresa, malia os esforzos de moitas compañías en contar con medidas de seguridade nos seus sistemas. Isto non impediu que calquera físgoa dese pé a ataques masivos como os que se viron estes últimos meses. Un exemplo significativo disto aconteceu en maio, cando o WannaCry demostrou que “ningunha empresa estaba a salvo dun ataque masivo como o que se viviu”.
Tendo en conta este nivel de risco, CIE pregúntanos: “Que se pode facer para protexer a información dunha empresa de ataques externos?” A resposta, nas súas palabras, é ben sinxela: “Formación e prevención”. Polo tanto, dar a coñecer (de primeira man) os actuais riscos aos cales se expón a información das empresas e as formas de minimizalos é un dos grandes obxectivos da xornada do 26, na que, nun plano máis detallado, aprenderásenos a facer cousas como establecer sistemas de control, detectar vulnerabilidades e adecuar a nosa infraestrutura informática.
Os profesionais de CIE Tecnoloxías, acompañados por empresas tamén punteiras como WatchGuard, Ruckus, e Delta, tocarán temas de actualidade como a ciberseguridade, as novas tendencias de conectividade sen fíos, a seguridade dos centros de datos, a contorna VDI ou a necesidade de adoptar servizos xestionados.

Categorías: Ciencia

A Fundación Galicia Innova fomenta a empregabilidade nas nosas cidades pola vía das TIC

Xov, 10/05/2017 - 12:05

As nosas cidades (Lugo, Ferrol, Santiago e Vigo) a Fundación Galicia Innova queren tirar proveito das novas ferramentas de comunicación, formación e información para mellorar a empregabilidade da xente nova. Isto estase a traducir en iniciativas como a presentada onte no consistorio ferrolán, da man da concelleira de Benestar Social, Muller, Igualdade e Mocidade, Saínza Ruiz, e de Marta Boedo, da Fundación Galicia Innova. Trátase dun programa de formación e acompañamento para favorecer a inserción laboral xuvenil, o programa PROEMGA 2, en palabras de Ruiz e Boedo “unha oportunidade de balde para que 20 mozas e mozas do municipio melloren as súas oportunidades”. O programa, que é de balde, consta de catro fases de capacitación. Boa parte dos seus contidos apóianse nas TIC (deseño de solucións, comunicación e mercadotecnia dixital, profesionais 2.0).
A segunda edición do programa PROEMGA vaise desenvolver a un tempo en Lugo, Ferrol, Santiago e Vigo. O obxectivo xeral da iniciativa (aplicábel a todas as ditas urbes), é “o de mellorar a inclusión ao mercado laboral de 80 mozos menores de 30 anos destas, arredor de 20 alumnos por cada concello, que non se atopan empregados nin participan nos sistemas de educación ou formación e que estean rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil”, sinalaron Ruiz e Boedo, engadindo este mesmo programa “xa veu funcionando con boa acollida e excelentes resultados no ano 2016, con 56,14% de empregabilidade entre os participantes”.
Os programas comezarán coa fase de motivación a finais do mes de outubro, mediante unha xornada por localidade, de 4 horas de duración, onde se guiará ás persoas asistentes en reforzar aspectos persoais como a confianza ou a motivación para afrontar novos retos, de maneira complementaria cunha introdución ás metodoloxías para a identificación de oportunidades emprendedoras. A principios do mes de novembro comezaría a fase de formación grupal presencial en cada unha das localidades cuxa duración será de 40 horas a desenvolver en 7 días, cuxo temario será o seguinte: Habilidades (6 horas), Deseño de Servizos e Solucións (6h), Modelo de negocio (6h), Comunicación e Mercadotecnia Dixital (6h), Plan de Negocio (12h) e O Profesional 2.0 (4h).
Unha vez finalizada esta fase comezaríanse coas titorías individualizadas que se compoñen de 8 horas presenciais e 8 horas online por alumno, onde os titores complementarán a actividade docente grupal reforzando o vínculo titor-estudante.
Por último, a partir do mes de xaneiro de 2018, comezará a fase de mentoring, composta por unha fase de asesoramento en liña e outra presencial.

Categorías: Ciencia

As historias de Instagram poderán publicarse en Facebook

Xov, 10/05/2017 - 12:04
A publicación en Facebook das historias de Instagram leva un mes en probas en Portugal

A integración entre Instagram e Facebook é tradicionalmente boa, de xeito que cando realizamos unha publicación ordinaria en Instagram podemos facer que se replique de xeito natural en Facebook (dun xeito moi diferente ao que acontece con Twitter, plataforma que non ofrece previsualización dos contidos de Instagram por ser unha plataforma competidora), e esta integración está a avanzar para facilitar a publicación simultánea en varias plataformas dun xeito áxil, e quere trasladarse tamén ás historias, algo que leva un mes en probas en Portugal, e que finalmente chegará ao resto do mundo, de xeito que moitos usuarios particulares teñen xa dispoñible a opción de, á hora de publicar unha historia, poder marcar como destino tamén a Facebook, mellorando así a súa distribución.
Polo momento esta funcionalidade non está dispoñible para contas de empresa, e aínda que a novidade podemos vela como unha prestación para facilitar que os contidos cheguen a un público máis amplo, resulta inevitable pensar que esta estratexia de Facebook o que persegue é mellorar o uso das historias de seu, xa que actualmente as historias de Facebook son un rotundo fracaso, cun nivel de uso reducidísimo, mentres que en Instagram son o formato que máis está a callar entre os usuarios máis novos.

Categorías: Ciencia

Os Pixel 2 son os primeiros smartphones en integrar eSIM

Xov, 10/05/2017 - 12:00

A presentación dos novos smartphones da familia Pixel de Google agochaba unha sorpresa que inicia unha revolución no sector da telefonía móbil do que aínda é difícil prever o impacto a longo prazo, xa que estes novos trebellos, aparte de poder funcionar con tarxetas nano SIM, levan no seu interior unha tarxeta SIM integrada, de xeito que para facer funcionar este dispositivo cun operador non será preciso introducirlle unha tarxeta SIM ordinaria, o que facilita dende a posta en funcionamento do terminal até o cambio de compañía móbil, xa que elimínanse as esperas por mor do envío das tarxetas físicas, o que pode ser unha grande ameaza para as tendas de telefonía físicas e disparar as portabilidades a longo prazo.
As eSIM están recoñecidas polas industria dende hai bastante tempo, e durante e supostamente a súa implantación tería que ser masiva a nivel mundial para accesorios como os smartwatches dende a primeira metade de 2016 e pasar a aplicarse aos smartphones na segunda metade de 2016, pero os fabricantes non parecían estar pola labor, e en España a única compañía que polo momento avanzou algo neste eido foi Orange ao comercializar hai preto dun ano a un prezo moi atractivo o reloxo Samsung Gear S2 Classic 3G con eSIM.
Precisamente hai moitos consumidores que están a esperar que as compañías dean o paso de abrazar esta tecnoloxía para, por exemplo, poder gozar en España do novo Apple Watch con soporte de LTE (que polo momento non se vende no noso territorio), e o feito de que Google, en vez de dar o salto para dispositivos como os reloxos con Android Wear o fixese directamente cos seus móbiles insignia supón todo un golpe sobre a mesa, que sen dúbida levará a moitos fabricantes a seguir os seus pasos nos vindeiros meses.

Categorías: Ciencia

Siri confundiu o himno de Bulgaria con Despacito

Xov, 10/05/2017 - 10:59

Que as intelixencias artificiais integradas nos móbiles están moi lonxe de ser realmente intelixentes é algo indubidable, e pese a utilidades moi puntuais, para moitos usuarios son simples divertimentos, aínda que nalgúns casos iso non é algo perseguido, como o que a pasada noite aconteceu co Siri de Apple, xa que en Reddit desvelaron que ao preguntarlle cal é o himno nacional de Bulgaria, o asistente da compañía da mazá en vez de responder Mila Rodino aseguraba que era o tema musical Despacito.
Esta resposta resulta cómica para moitos, pero para outros tantos creaba unha grande incógnita. Como era posible que tal confusión? Terían modificado a entrada nalgunha fonte relevante como a Wikipedia enganando así a Siri? Polo momento ninguén atopou a resposta ao enigma e Apple, que corrixiu o erro a poucas horas, non comunicou os detalles deste fallo que polo momento queda en anécdota, pero que debería facernos reflexionar sobre a fiabilidade de certas informacións que podemos atopar na Rede.

Categorías: Ciencia

SIVSA e Gradiant impulsan un revolucionario proxecto para axudar aos médicos nas súas decisións

Mér, 10/04/2017 - 20:22

Seguimos sendo un referente en novas tecnoloxías e saúde? Sen dúbida si, e un exemplo recente disto é o proxecto SADAS, dirixido a materializar un sistema para axudar na toma de decisións médicas. A iniciativa, liderada pola empresa galega SIVSA, encamíñase a clarificar información, facendo sinxelo e manexábel o que doutra maneira serían datos a gran escala sen posibilidade de converterse en útiles para médicos e profesionais sanitarios (información almacenada nos rexistros electrónicos de pacientes, resultados das investigación clínicas, xenomas individuais, rexistros xerados polos propios pacientes por medio de dispositivos e plataformas de saúde móbil, etc). O proxecto SADAS está financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (MINECO) na convocatoria Retos-Colaboración 2016 e co-financiado con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). No proxecto participan o Centro Tecnolóxico Gradiant, a Fundación Biomédica Galicia Sur e facultativos do Hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo, e do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
O principal obxectivo do proxecto SADAS céntrase no desenvolvemento dun sistema de soporte á decisión clínica (SSDC) que permita aos facultativos axilizar a toma de decisións á hora de tratar aos pacientes. Segundo nos contan dende o Centro Tecnolóxico Gradiant, os SSDC defínense como servizos ou aplicacións software que integran os datos do paciente cunha base de datos de coñecementos médicos. Basicamente, este sistema “incorpora un mecanismo de inferencia que favorece a procura de resultados (en forma de recomendacións) adaptada ás necesidades do paciente, por exemplo, para o coidado, as avaliacións, as alertas e os recordatorios, apoiando activamente aos profesionais na toma de decisións clínicas”, tal e como indica Helena Fernández, directora de eSaúde de Gradiant.
En palabras de Marta Cubilot, directora de Planificación Estratéxica de SIVSA, “SADAS permitiranos fornecer de servizos de apoio á decisión clínica de última xeración dos que calquera sistema de historia clínica electrónica podería beneficiarse”. Trátase, engade, “dun sistema versátil, válido para calquera rede hospitalaria”.
A finalidade xeral do proxecto SADAS é o desenvolvemento dun Sistema de Soporte á Decisión Clínica (SSDC) que emprega un enfoque de arquitectura e compoñentes baseados en estándares abertos que faciliten a súa conexión a calquera sistema de información hospitalaria, así como a dispositivos médicos ou implantábeis conectados, sensores ou a sistemas mHealth que poidan ter os doentes. Segundo explica Fernández, “os módulos SSDC desenvolvidos están pensados para axudar aos profesionais médicos na súa actuación en diferentes casos de uso como son o apoio á prescrición de fármacos ou o seguimento de pacientes con múltiples tratamentos; trátase en definitiva de mellorar a calidade asistencial e a eficiencia dos sistemas sanitarios así como de reducir os erros médicos e as súas consecuencias sobre a saúde das persoas”.
A equipa que dirixe Fernández ocúpase de deseñar os compoñentes centrais dun SSDC baseado en estándares abertos desenvolvidos por organizacións internacionais, como HL7; e cun enfoque de arquitectura orientada a servizos (SOA, polas súas siglas en inglés).
Porén, malia as vantaxes dos SSDC, a maioría das decisións clínicas fanse sen a axuda de sistemas computarizados. Respecto dos atrancos a salvar, Lorena González, investigadora do equipo de eSaúde de Gradiant, explica que “aínda hai barreiras para a adopción ampla dos SSDC, debido ao alto axuste que existe a día de hoxe entre estes e sistemas software específicos”. Segundo indica, para superar estes atrancos é importante que os sistemas “falen” estándares abertos que todos poidan entender, “facilitando a transferencia de coñecementos clínicos entre todas as aplicacións”.

Categorías: Ciencia

A Casa das Campás achegará cursos de recursos web, xestión de redes sociais e Photoshop

Mér, 10/04/2017 - 17:30

A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás (Campus de Pontevedra) vén de presentar o seu programa formativo para o que resta de ano, dirixido, unha vez máis, tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía. O abano de temáticas dos cursos será variado abondo: haberá de deseño web, de tratamento de imaxes e de xestión das redes sociais. Ademais, achéganse novas edicións dalgúns dos cursos que máis interese espertaron en anos anteriores e aos que se suma como novidade o taller Iniciación aos recursos web para a educación, que Isaac Gómez Figueroa impartirá entre o 20 de novembro e o 5 de decembro e que se dirixe a mostrar a importancia que teñen as TIC no ensino e identificar unha serie de ferramentas web que poden ser útiles neste eido.
Cun límite de 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición, a matrícula nestas actividades, de carácter gratuíto, abrirase nos vindeiros días na plataforma Bubela.
O programa de cursos, de 12 horas de duración (divididas en catro ou seis sesións), bota a camiñar o 17 de outubro con Introdución e fundamentos da maquetación frontend con CSS. Impartido polo deseñador e ilustrador Alberto García, este obradoiro dividido en catro sesións, diríxese a dotar ao alumnado dos fundamentos básicos para poder adaptar a aparencia das webs a diferentes dispositivos de visualización a través do maquetado de documentos por medio de follas de estilo CSS (para esta actividade recoméndase que o alumnado posúa coñecementos de linguaxe HTML).
García Ariza será así mesmo o responsable de Introdución ao retoque fotográfico con Adobe Photoshop, que se desenvolverá en catro sesións, os días 20 e 27 de outubro e 3 e 10 de novembro. Sen necesidade de coñecementos previos, este curso “busca amosar ao alumnado como realizar manipulacións básicas de edición e retoque dixital, así como a xestionar de forma eficiente o seu banco de imaxes persoais”, explican os responsábeis da Aula Tecnolóxica, que engaden que entre o 18 de outubro e o 9 de novembro, a Aula Tecnolóxica acollerá, en seis sesións, o curso Introdución ao community management, no que a profesional deste eido Marta Crespo Cruces afondará co alumnado no coñecemento das principais redes sociais e da contorna 2.0, “co propósito de achegar aos participantes ás ferramentas necesarias para o se seguimento, medición e para a súa xestión estratéxica dentro do plan de comunicación e mercadotecnia dunha empresa”.

Categorías: Ciencia

Amazon recibiu beneficios fiscais indebido en Luxemburgo por valor de 250 millóns de euros

Mér, 10/04/2017 - 16:00

Os beneficios fiscais a grandes multinacionais son un problema recorrente para as autoridades comunitarias, que ven con ollo crítico que certas compañías de fóra da Unión fagan negocio cos europeos pagando menos impostos do debido, aproveitando acordos locais que en moitos casos vulnerarían a lexislación europea, e dentro desta zona gris estaría Amazon, compañía da que unha investigación da Comisión Europea conclúe que gozou de beneficios fiscais indebidos en Luxemburgo por un valor total de 250 millóns de euros.
Concretamente a responsable da Política de Competencia, a comisaria Margrethe Vestager, asegurou que os beneficios fiscais ilegais tiveron como resultado que «preto das tres cuartas partes dos beneficios de Amazon non tributaron», ou sexa, que Amazon pagou a cuarta parte do que tería que pagar unha empresa europea suxeita ás normas fiscais do seu país, o que claramente sería ilegal, xa que «os estados membros non poden conceder a grupos multinacionais beneficios fiscais selectivos aos que non teñen acceso outros».
Esta investigación iniciouse en 2014 e concluíu que a resolución fiscal adaptada por Luxemburgo en 2003 e prorrogada en 2011 carecía de xustificación válida para reducir os impostos pagados por Amazon mediante a redución artificial dos beneficios de Amazon EU a través do pagamento dun canon a outra empresa do seu grupo (que non tributa, e que non desenvolvería unha actividade que xustifica o nivel de canon recibido).

Margrethe Vestager explicou hoxe ante os medios as conclusións da investigación sobre os beneficios fiscais de Amazon en Luxemburgo
Categorías: Ciencia

Shopify permitirá vender a través de Instagram

Mér, 10/04/2017 - 16:00

Levamos un ano escoitando falar á xente de Instagram da posibilidade de abrir a súa popular aplicación social á venda de produtos, o que polo momento limitábase a un reducido grupo de empresas norteamericanas, que xa podían etiquetar os seus produtos en instantáneas, para que cun simple toque sobre as mesmas os usuarios puidesen acceder a unha plataforma que facilitase a súa compra, e agora esta posibilidade parece que vai abrirse amplamente, xa que a Shopify, plataforma de tendas en liña de grande presenza global, comezou a ofrecer aos seus clientes Shopping on Instagram, de xeito que milleiros de tendas poderán vender os seus produtos directamente a través de Instagram antes da campaña de Nadal, o que supón unha interesante oportunidade de negocio.
Shopify leva bastantes anos facilitando aos comercios ter presenza na web, pero tamén facilitaba integracións con plataformas como Facebook, Messenger ou Pinterest. Agora, coa ampliación do seu produto relativo a Instagram será posible que máis de medio milleiro de produtos á venda a través de Shopify, que van dende roupa até mobles, poidan etiquetarse en publicacións, facilitando así a súa compra sen saír da aplicación.
Para as tendas en Shopify que xa estean integradas con Facebook a apertura a Instagram será case inmediata, xa que chegará con conectar esta selección de produtos con Instagram sen ter que facer un esforzo adicional, tras o que os produtos da ten serán etiquetables dentro de Instagram.
Un importante salto dentro do comercio electrónico móbil, que polo momento limítase a establecementos estadounidenses, pero que xa pon esta oportunidade no punto de mira de moitas tendas de todo o mundo, que poderán explorar novos xeitos de chegar aos seus clientes.

Categorías: Ciencia

Os Amigus Labs convocan argalleiros nas Pontes para dar forma a un pantógrafo CNC

Mér, 10/04/2017 - 15:43

O sábado 14 de outubro o programa de obradoiros Amigus Labs, o proxecto argalleiro e Maker da Asociación Informática Amigus, celebra unha xornada de traballo no Lar de Endesa das Pontes centrada na creación dunha das máquinas con que se dotará o Fab Lab da dita entidade, trátase do pantógrafo CNC. Así, no dito encontro trataranse temas coma a Industria 4.0, a democratización da fabricación, ou o movemento Maker, fronte ao modelo actual de modernización da industria (robotización e automatización cun maior produtividade pero un maior desemprego) e achegando unha alternativa (a alternativa Maker) que, segundo explican dende Amigus, favorece o autoemprego e a fabricación personalizada grazas ao coñecemento aberto e cooperativo en materia de enxeñería, electrónica, robótica, impresión 3D, ferramentas CNC, e actividades máis tradicionais, como a metalurxia ou a artesanía.
Neste contexto, durante o laboratorio Amigus Lab do 14 de outubro crearase a que sería a primeira máquina colaborativa da asociación, un Pantógrafo CNC cunha área de traballo de 1300 x 950 x 300 mm, que “permitirá comezar a producir pezas en madeira, contrachapados, MDF, plásticos, escumas, acetatos, PVC, policarbonato, poliestireno, poliuretano, fibra de vidro ou de carbono, entre outros materiais”, sinalan dende a asociación con sede de seu nas Pontes. De maneira paralela, activarase unha zona de impresión 3D, onde os usuarios poderán coñecer a fondo como construír a súa propia impresora, que materias se precisan, como funciona ou como preparar os modelos 3D para imprimir. Para esta tarefa contarase coa axuda de Álvaro Rey, de MakerGal.
Amigus tamén lembra que haberá un espazo específico para as crianzas, cunha zona Amigus Labs Kids, onde os nenos poderán asistir a un curso de microsoldadura con estaño e crear por si mesmos coches autónomos.
Tódalas actividades realizaranse de 10:00 a 20:00, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00.
A inscrición na actividade é de balde, e o prazo remata o 12 de outubro. Podemos apuntarnos apuntarte enviando un correo electrónico a amigus@amiguslabs.org.

Categorías: Ciencia

Marcos Mata e Mar Pereira inauguran a sétima Xornada de Informática Xudicial

Mér, 10/04/2017 - 13:10

As novas tecnoloxías están a introducirse no noso día como nunca imaxinamos que se introducirían. De maneira paralela, achegan vantaxes para os nosos xeitos de comunicarnos e de traballar e de producir cos que nin sequera soñabamos hai cousa de quince anos. Todo isto vaise regular só, sen axuda de ninguén? Nada máis lonxe da realidade. De feito, está cada vez máis claro que todos debemos poñer o noso gran de area para que os avances dixitais que estamos a vivir (e que viviremos) sexan seguros, legais, regulados, racionais e respectuosos cos usuarios. Nesta necesidade de facer fronte común perante os retos que nos agardan é no que están a coincidir as/os participantes da sétima Xornada de Informática Xudicial, que se celebra hoxe na Cidade da Cultura de Santiago da man (novamente) do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Precisamente Marcos Mata (presidente do colexio) e Mar Pereira (directora da axencia) foron os encargados de inaugurar este referencial encontro a primeira hora da mañá, ante a presenza duns 150 asistentes no público. No seu discurso, Marcos Mata fixo un breve pero intenso percorrido pola historia do colexio que representa (que vén de entrar na súa idade de madureza, con dez anos de andaina acabados de cumprir) e polas diferentes edicións das Xornadas de Informática Xudicial, que arrancaron en 2010 cunha arela principalmente divulgativa e que, de maneira progresiva, con cada convocatoria, foron converténdose nun ambicioso foro de análise e debate dos principais desafíos aos que nos aboca a ciberseguridade. Mata, no acto de inauguración, amais de trazar un itinerario polas cousas (moitas) que mudaron e evolucionaron ao longo destes dez anos de andaina do CPETIG, tamén tivo palabras para pararse no que por desgraza non cambiou: a falta de recoñecemento á profesión informática que presenta o colexio (en relación coas restantes enxeñerías) por parte das administracións e as entidades. “Aínda despois deste tempo”, dixo, “segue a haber unha materia pendente que resolver a día de hoxe: a total ausencia de regulación algunha sobre a prestación de servizos relacionados coa informática”. E engadiu: “Oxalá que esta sétima edición da Xornada de Informática Xudicial sexa a derradeira que se celebra nun entorno sen regulamento”.
O acto de inauguración tamén contou coa presenza da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen tamén fixo mención dos principais retos dixitais aos que nos enfrontamos, un dos cales é o de evitar a toda costa que a Sociedade da Información achegue beneficios a unha parte da poboación, deixando de lado a restante. “Para garantir que a actual transformación dixital sexa inclusiva é preciso facilitar o acceso a novas habilidades dixitais e camiñar cara á hibridación entre o mundo humanístico e tecnolóxico”, sinalou.
Pereira tamén avaliou aspectos relativos á ciberseguridade e á privacidade, salientando “o compromiso” da Administración autonómica para adaptarse ao novo Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018. “Este proceso de adaptación”, apuntou, “enmárcase no Plan Director de Ciberseguridade da Xunta, co que nos últimos anos incrementáronse as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade”. Tamén recordou que as actuacións do dito Plan fortaleceranse coa Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), arestora en proceso de elaboración, e coa “que buscamos prestar un servizo personalizado e proactivo á cidadanía”, explicou.
Volvendo ao miolo da xornada, a edición deste ano da Xornada de Informática Xudicial, convocada baixo o título Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial e adoptando o nome propio de #IURISTICGAL17, está a reunir ao longo de todo o día un salientábel panel de relatoras/es expertas/os do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que “darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei”.
Nun plano máis detallado, farase fincapé en cuestións innovadoras como a condución autónoma ou as fábricas plenamente automatizadas, e en como estes escenarios están a ser percibidos pola sociedade dun xeito ambivalente, á vez como oportunidade e como ameaza, “especialmente pola inevitábel destrución de postos de traballo que serán copados progresivamente por robots intelixentes”. En palabras da organización da xornada, esta “complexa realidade abre numerosas esixencias no eido do dereito, de xeito que os profesionais da xustiza están obrigados a coñecer, interpretar e aplicar estas tecnoloxías para dar unha resposta acorde aos crecentes requirimentos”.

Categorías: Ciencia

Tolemias convértese en plataforma de vídeo SVOD centrada na música en directo

Mér, 10/04/2017 - 13:09

O estudo de gravación Casa de Tolos está a piques de facer subir un novo chanzo a súa canle Tolemias, que, como lembraremos, comezou sendo un servizo de subscrición da operadora R centrada na retransmisión de concertos en vivo, gravados na propia Casa de Tolos, e que agora en outubro inicia unha nova andaina como plataforma de vídeo por demanda baixo subscrición (SVOD, nas súas siglas en inglés) especializada na música en directo e a acompañada, en todos os casos, da máis alta calidade de imaxe e son. Tolemias, polo tanto, non é un proxecto novo. O que si que é novo é o fortalecemento do seu carácter internacional e a seu apuntalado ingrediente innovador (non hai, que saibamos, máis plataformas SVOD en streaming específicas e centradas en concertos). En palabras de Segundo Grandío, responsábel deste proxecto que ten a súa base de operacións en Gondonar, a idea é chegar á máxima cantidade de público a través dos smartphones, os ordenadores e as pantallas de TV.
A orixe de Tolemias está na necesidade de buscar novos vieiros de facer chegar a música á xente, logo do esborrallamento do sector discográfico tal e como o coñecemos. Tolemias, que naceu en 2012 formando parte da grella de R ofrecendo concertos da escena galega, foi un exemplo desta busca de novos ámbitos de contacto. A experiencia foi positiva pero precisaba de novos cambios tecnolóxicos para espallarse e converterse en iniciativa autónoma. Segundo reflicte o CCG na súa web a través dunha pormenorizada reportaxe-entrevista, este mes de outubro é o intre definitivo deste proceso de medre, converténdose o espazo público Tolemias en distribuidora con empresa propia detrás, Tolemias on demand SL, e amplificando e reforzando catálogo con varios centos de concertos dispoñíbeis.
A idea, dentro de algo menos dun ano, é fornecer á comunidade de seareiros de actuacións celebradas alén da nosa xeografía, achegando a finais de 2018 un catálogo de actuacións en directo que vaia máis alá das 1.000 citas musicais, abranguendo de maneira progresiva todas as músicas, estilos e procedencias posíbeis. Igualmente, está previsto retransmitir concertos ou festivais en vivo e en tempo real. No eido das contribucións aos artistas, Tolemias promete “unha retribución xusta aos músicos polas visualizacións que se fagan as súas actuacións”.
No que atinxe á calidade subministrada, os contidos achegaranse como mínimo en HD con audio gravado en multipista e posproducido coas máis avanzas técnicas de traballo. Ademais, está previsto producir en 4K a medio prazo.

Categorías: Ciencia

Ábrense as reservas dos primeiros cascos de realidade mixta

Mér, 10/04/2017 - 11:00

A realidade mixta de Windows está a piques de chegar, pois o disparo de saída terá lugar o 17 de outubro coa chegada da actualización de outono de Windows 10, e por iso Microsoft decidiu abrir xa nos EE.UU. a reserva dos primeiros cascos de realidade mixta, permitindo así que os usuarios poidan ir elixindo entre os produtos de distintas marcas segundo as súas necesidades e esixencias, á vez que tamén avanzaron algúns detalles sobre este ecosistema prometedor.
Microsoft anunciou a compra de AltspaceVR, unha plataforma para que a xente poida xuntarse en mundos virtuais, que é compatible coa meirande parte das plataformas de VR actuais (Daydream, Gear VR, HTC Vive, Oculus Rift...); confirmou que o 17 de outubro estarán dispoñibles máis de 20.000 aplicacións compatibles coa realidade mixta na Microsoft Store, mentres que os títulos de SteamVR estarán dispoñibles antes do Nadal; e desvelou o casco de realidade mixta de Samsung filtrado hai pouco.
O Samsung HMD Odyssey é un produto moi rechamante, que chegará ao mercado o 10 de novembro, e que pode considerarse como un casco premium para a realidade mixta, que venderase por 499,99 dólares cos controis de movemento e supera aos seus irmáns en campo de visión (110 graos), resolución de pantalla (dobre AMOLED de 3,5 polgadas cunha resolución de 1.440 x 1.600 píxeles) e, un complemento moi atractivo, auriculares AKG de 360 graos (que permiten unha maior inmersión nos contornos virtuais).
Un detalle a salientar é que dos cascos de realidade mixta de saída temos un abano de prezos, de xeito que os cascos máis baratos cos mandos incluídos sairían a 399 dólares (falamos dos modelos de Lenovo e Acer), mentres que Dell e HP colocaríanse nun rango intermedio (449 dólares) e Samsung sorprendería marcando o teito en 499 dólares, de xeito que empataría co prezo actual de Oculus Rift con Touch, e quedaría moi preto de HTC Vive, dando a impresión de que confían en que esta nova plataforma será capaz de superar ás establecidas por ofrecer unha calidade semellante (e incluso superior, no caso de Samsung) cunha vantaxe significativa: a simplicidade de instalación (xa que a realidade mixta non precisa de sensores na habitación, reducindo moito o cableado).
Aínda que a reserva destes cascos non comezou en España, xa é posible anticipar a compra dos de HP a través de Amazon en Reino Unido, saíndo con portes a España en 456,12 euros, un prezo que confiamos que estará moi próximo ao oficial que terá o casco cando chegue polas canles de distribución ordinarias.

Categorías: Ciencia

Instagram estrea enquisas efémeras

Mar, 10/03/2017 - 22:30

Dende Instagram son moi conscientes de que as historias son o motor de atracción de usuarios, e continúan a renovar este formato de publicación efémero enriquecendo a súa interacción, de xeito que a partires de hoxe é posible realizar preguntas suxeitas a votación a través dun novo adhesivo que podemos pegar nas historias e que funcionará a xeito de enquisa.
Deste xeito, cando publiquemos unha imaxe ou vídeo nunha historia podemos inserirlle un adhesivo con dúas opcións, de xeito que os amigos poderán premer nunha das mesmas, momento no que verán os resultados da votación en tempo real e, no caso de visitar a historia máis adiante, veranse os resultados dese momento.
Os usuarios que publicaron a enquisa non só poderán ver os resultados, senón que tamén coñecerán as votacións de cada usuario, o que permite debullar entre amigos e seareiros en función da confianza que se ten nos mesmos, para saber como ter en consideración as respostas.
Como en toda historia, as enquisas e os resultados desaparecerán ás 24 horas.

Novas ferramentas

Adicionalmente as historias en Instagram tamén incorporan novas ferramentas como é a posibilidade de empregar o contagotas para seleccionar a cor do texto ou da ferramenta de debuxo que empreguemos (facendo doado que o contido que vaiamos a engadir case axeitadamente co contido da historia) e tamén contaremos con guías azuis en pantalla para axudar a centrar adhesivos ou para facilitar a súa colocación en lugares visibles.

Categorías: Ciencia

Nathalie Picquot será a directora xeral de Twitter España

Mar, 10/03/2017 - 20:30

Tras meses co cargo vacante, finalmente Twitter España estreará en novembro unha nova dirección xeral, recaendo o cargo para España e Portugal en Nathalie Picquot, profesional que durante 11 anos ocupou distintos postos en Google España (directora de axencias, vídeo e branding, responsable da área de branding ou directora de desenvolvemento de partnerships estratéxicos).
Picquot anunciou a súa nova etapa profesional en Twitter, aínda que cómpre recoñecer que o seu posto vai requirir grandes esforzos, xa que terá que desenvolver a estratexia de negocio, marketing e vendas de Twitter en España e Portugal, así como impulsar o crecemento de negocio en ambos territorios, nun momento complicado para Twitter, pois pese á súa grande visibilidade nos medios de comunicación está a experimentar un estancamento en número de usuarios, mentres que Instagram medra meteoricamente.
Dende Twitter confían en que a experiencia de Picquot axude a consolidar o equipo en España.

Categorías: Ciencia

Televés investirá 23 millóns de euros na súa estratexia 4.0

Mar, 10/03/2017 - 20:00

A corporación compostelá Televés, centrada no desenvolvemento e fabricación de tecnoloxías de telecomunicacións para o fogar e o edificio dixital, vén de anunciar un importante investimento para impulsar a integración das firmas do grupo no que se coñece como Industria 4.0 (metodoloxías e recursos que tiran proveito da información a gran escala e dos sistemas intelixentes para crear xeitos de desenvolver e fabricar máis eficientes, eficaces, rendíbeis, económicos, produtivos e sustentábeis).
A contía total será de 23 millóns e abranguerá os catro vindeiros anos. O proxecto Corp4Future conta co apoio da Xunta de Galicia, que incluíu a iniciativa no programa de incentivos para investimentos no ámbito da industria intelixente, tras unha convocatoria pública en concorrencia competitiva e co apoio da Axencia Galega de Innovación.
Segundo informa a corporación, o proxecto implica “un gran compromiso para as empresas que integran a Corporación Televés”, amais de significativas novidades en materia profesional. En termos concretos, suporá o desenvolvemento duns 120 novos perfís laborais, “con importantes oportunidades de formación e impulso profesional”.
Nun plano máis detallado, Corp4Future impulsará a competitividade dos procesos produtivos e a eficiencia loxística a través de novas tecnoloxías e métodos de fabricación. Entre estas novas tecnoloxías e métodos atópanse os seguintes: a realidade aumentada (facilitando que os traballadores interactúen cos robots a través de interfaces físicos), a robótica colaborativa (permitindo que as máquinas e os operarios traballen de maneira simultánea nunha mesma tarefa, buscando a máxima eficiencia) e a Internet das Cousas (IoT). “Todo isto”, explican fontes da firma galega, “fortalecerá a capacidade da corporación para manter o liderado nos seus mercados tradicionais e mellorar a súa posición en ámbitos novos, como servizos sociosanitarios, eficiencia enerxética, Cidades Intelixentes ou aeronáutica”.

Categorías: Ciencia

O ciclo de encontros sobre Industria 4.0 chega a Pontevedra

Mar, 10/03/2017 - 19:30

Este 5 de outubro celébrase en Pontevedra un encontro empresarial especialmente acaído para todos aqueles que anden na procura de metodoloxías-tecnoloxías para producir mellor, con menor esforzo, dun xeito máis sustentábel co medio e máis eficiente. Estamos a falar da edición local do ciclo Retos e oportunidades da Industria 4.0 para Galicia. Celebrarase na sede de Afundación situada no número 2 da na rúa Augusto González Bicada, a partir das 9:15horas. A sesión vén da man, conxuntamente, do IGAPE, o Círculo Financeiro de Galicia e APD, coa colaboración ademais de ABANCA, AJE Pontevedra, AEMPE e a firma de novas tecnoloxías da información Emetel.
A xuntanza desta semana forma parte dun ciclo itinerante (primeiro Vigo e Ourense e agora Pontevedra) que busca promover novos xeitos de xerar información, coñecemento, producir e facer actividade industrial. “Con estes encontros”, sinala a organización, “preténdese reflexionar, concienciar, debater, compartir experiencias e promover a colaboración entre empresas, administracións, centros tecnolóxicos, universidades, clústers, etcétera, así como analizar as oportunidades que a revolución tecnolóxica en todos os seus aspectos ofrece á industria galega”.
A sesión de Pontevedra será inaugurada por Mª Carmen Fdez Penas, directora territorial de Pontevedra de ABANCA, Marcelino Otero, do Círculo de Empresarios de Galicia. Participarán Norberto Penedo, director da área de Competitividade do IGAPE, Camilo Lobato, director adxunto de Emetel, Francisco Izquierdo, presidente de Grupo IZ, e Antonio Casal, director territorial de ENCE en Pontevedra.
As vindeiras sesións empresariais deste ciclo terán lugar en Ferrol, Lugo e Boiro ao longo deste mes de outubro.

Categorías: Ciencia

Vodafone e unha ducia de grandes empresas amosarán en Vigo as claves do seu éxito

Mar, 10/03/2017 - 18:55

Vigo vai acoller o vindeiro 11 de outubro unha macrosesión de presentación de casos de éxito empresarial. E dicirmos o de “macro” non tanto pola cantidade de compañías que participan, mostrando os seus achados e os froitos recollidos ao longo das súas traxectorias no mercado, senón máis ben polo seu tamaño. Concorren, entre outras empresas de envergadura, a operadora de telecomunicacións Vodafone, UniversalPay (servizos de pago dixital e con cartón), JCDecaux (publicidade exterior), Mercedes-Benz, Banco Santander ou American Express. Todas elas debullarán as claves do seu éxito perante as PEME locais.
A cita será inaugurada ao fío das 9.00 horas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e polo presidente da CEP, Jorge Cebreiros. Celebrarase no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Está prevista a asistencia de preto de 200 empresas galegas.
A sesión insírese no movemento Impulsando PEME, promovido por 13 compañías referenciais nos seus sectores e que conta coa colaboración de CEPYME. O seu obxectivo é o desenvolvemento e modernización das pequenas e medianas empresas do ámbito estatal, a partir das mellores ideas e innovacións de, en palabras dos impulsores do movemento, “grandes compañías que tamén foron PEME e que hoxe son líderes nos seus respectivos mercados”.
A xornada, ao longo de dúas horas, achegará aos presentes a cuestións como a dixitalización nas empresas, o aforro e a xestión eficiente da enerxía, a apertura de mercados internacionais, a prevención de “ciber-riscos”, a xestión intelixente de frotas, a sustentabilidade e xestión de residuos ou as oportunidades que ofrece o uso avanzado dos novos medios de pago.
Asemade, no transcurso do evento, farase entrega a dúas empresas galegas do Premio Vodafone á Transformación e do Premio Endesa á Eficiencia Enerxética.

Categorías: Ciencia

Creadores de videoxogos mostran no Campus de Ferrol as oportunidades (moitas) do sector

Mar, 10/03/2017 - 18:30

Chega a segunda edición dos Encontros Profesionais do Campus Industrial de Ferrol e, desta volta, tócalles aos seareiros de Código Cero máis preto que nunca. Por que motivo? Pois entre outras cousas porque o fío temático desta convocatoria son As potencialidades profesionais na industria dos videoxogos (PDF). Isto significa que imos poder escoitar in situ a algúns creadores de aventuras gráficas contándonos as súas experiencias e mostrándonos os camiños a seguir? Afirmativamente. Para quen queira anotalo na súa axenda, a cita será este 4 outubro no salón de actos do Campus ás 16:30 horas.
Nesta sesión intervirán Cristina Arbones Pérez e Bruno Galán Adega, graduados en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto pola Universidade da Coruña.
En palabras da organización, “os Encontros Profesionais pretenden achegar o mundo profesional de antigos alumnos aos estudantes do Campus Industrial a través das súas propias experiencias laborais”.
Cristina Arbones Pérez estudou na Escola Universitaria de Deseño Industrial da UDC, onde obtivo o Grao e realizou un Mestrado propio Universitario en Deseño de Videoxogos: especialidade Deseño & Arte na Universidade de Málaga. Foi co-fundadora de MoitaPechá, un estudio formado para o desenvolvemento do videoxogo Paradaim; artista 2D e 3D en Pixel Surfers, estudio dedicado ao desenvolvemento de videoxogos e á formación e, actualmente, é deseñadora gráfica de mercadotecnia de videoxogos para ABYstyle Studio.
Bruno Galán Adega graduouse tamén na EUDI da UDC e realizou o mesmo mestrado na Universidade de Málaga. Na súa experiencia profesional, foi artista 2D en Altivasoft, empresa adicada ao desenvolvemento de videoxogos para móbiles, participando no desenvolvemento de máis de vinte proxectos dixitais deste tipo; co-fundou a empresa Aristokraken Games, adicada ao desenvolvemento de videoxogos para dispositivos móbiles, na que prosegue a día de hoxe.

Categorías: Ciencia

O CPETIG lévanos da man aos retos da informática xudicial e da intelixencia artificial

Mar, 10/03/2017 - 17:09

Este 4 de outubro toca falar de novas tecnoloxías e de todos aqueles puntos nos que estas se tocan cos ámbitos xudicial, policial e legal. O motivo? A celebración da sétima Xornada de Informática Xudicial, na Cidade da Cultura de Santiago e da man (novamente) do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Os temas a tratar serán múltiples e variados pero, segundo nos fixo saber recentemente o colexio que preside Marcos Mata, farase especial fincapé na intelixencia artificial, un ámbito en proceso de medre cuxas infinitas contribucións para mellorar a nosa vida persoal e empresarial precisarán, sen remedio, de medidas acordes de protección. Tanto dos datos xerados, como dos sistemas como de nós mesmos os usuarios.
A cita será inaugurada ás 9.30 horas por Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA; acompañada polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín; e o presidente do Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, Marcos Mata.
A edición deste ano, convocada baixo o título Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial, adopta o nome propio de #IURISTICGAL17. Baixo este epígrafe e este nome, a organización busca principalmente “singularizar o evento”, unha cita “moi consolidada” a nivel galego e estatal e que serve de punto de referencia para a reflexión e o debate acerca dos rumbos que debera seguira loita contra o cibercrime.
Segundo nos conta o CPETIG, a xornada reunirá un salientábel panel de relatoras/es expertas/os do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que “darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei”.
Nun plano máis detallado, farase fincapé en cuestións innovadoras como a condución autónoma ou as fábricas plenamente automatizadas, e en como estes escenarios están a ser percibidos pola sociedade dun xeito ambivalente, á vez como oportunidade e como ameaza, “especialmente pola inevitábel destrución de postos de traballo que serán copados progresivamente por robots intelixentes”. En palabras da organización da xornada, esta “complexa realidade abre numerosas esixencias no eido do dereito, de xeito que os profesionais da xustiza están obrigados a coñecer, interpretar e aplicar estas tecnoloxías para dar unha resposta acorde aos crecentes requirimentos”.
Nun plano máis concreto e meténdonos xa no programa, sinalar que a intelixencia artificial na interpretación e na aplicación da lei, mediante un xuíz robot, será o tema de apertura da VII Xornada de Informática Xudicial, cun relatorio ofrecido por Alejandro Sánchez del Campo Redonet, regulatory counsel en Telefónica Digital.
Despois, Ofelia Tejerina, avogada da Asociación de Internautas e membro do Grupo de Traballo sobre Dereitos Dixitais da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, exporá un relatorio sobre privacidade e dereitos fundamentais.
A ciberseguridade e a peritaxe informática centrarán o terceiro dos relatorios, ofrecido por Pilar Vila, perita informática en Forensic &Security, seguido dunha mesa redonda sobre Privacidade e xustiza ante un mundo plenamente dixital, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada.
A sesión de tarde comezará coa exposición de Juan Antonio Frago, fiscal do Grupo de Delitos Económicos en A Coruña, titulada e-Xustiza, mito ou realidade?, para dar paso despois a Manuel Guerra, analista forense na Sección Técnica da Unidade Central de Investigación Tecnolóxica, UIT, da Policía Nacional, que exporá o relatorio titulado A ciberdelincuencia desde o outro punto de vista.

O xuíz Eloy Velasco falará novamente na xornada do CPETIG

Como punto e final, #IURISTICGAL17 rematará cunha mesa redonda sobre Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria na que actuará como relator e moderador Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional.
Programa de actividades
Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial
9:00
Recepción e Entrega do Material
9:00
9:30
Recepción dos asistentes e entrega do material correspondente á VII Xornada Xudicial.
9:30
Presentación VII Xornada Xudicial
10:00
O xuíz robot: a intelixencia artificial na interpretación e aplicación da lei
10:50
Privacidade e dereitos fundamentais na Sociedade da Información
11:40
Descanso Café
12:10
Ciberseguridade e peritaxe informática
13:00
Mesa Redonda I
14:00
Xantar
16:00
A e-xustiza mito ou realidade?
Ciberdelincuencia desde outro punto de vista
17:40
Mesa Redonda II
18:45
Clausura

Categorías: Ciencia

Páxinas