códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 10 min 26 seg

Redegal incrementa de maneira notábel as descargas das apps do Museo Thyssen-Bornemisza

Ven, 12/29/2017 - 19:00

Entre os casos de éxito recente da firma galega Redegal, centrada en servizos innovadores de desenvolvemento web e mercadotecnia en liña, atópase a optimización da maquinaria de promoción, divulgación e comunicación do prestixioso Museo Thyssen Bornemisza na Rede. Máis polo miúdo, grazas ao labor da empresa de Ourense, este gran acubillo de arte, considerado o segundo mellor museo de España, foi quen de aumentar de maneira significativa as descargas das súas aplicacións.
A orixe destes traballos hai que rastrexala nunha necesidade ben concreta do devandito espazo artístico privado: aumentar a súa presenza nos dispositivos tecnolóxicos, facendo fincapé nos aparellos (tabletas, smartphones) das novas xeracións. Redegal, ao abeiro desta demanda, desenvolveu unha estratexia performance centrada en diferentes canles de actuación.
As necesidades concretas do museo eran as seguintes: incrementar o volume de descargas de apps en dispositivos iOS e Android, aumentar o tráfico cualificado cara a web do museo e incrementar a visibilidade da marca.
A estratexia desenvolvida, máis en detalle, pasou por visualizar o Museo nas TIC, impulsar o número de descargas e de marxe de interacción das cinco aplicacións principais do museo, botar man de estratexias de branding en medios do sector e a través de Google Adwords e, tamén, activar campañas de descargas e interacción en Google Adwords, iADS e Facebook Ads.
O resultado de todo este traballo foi un incremento do 41% no tráfico web da información do museo, unha suba do 31% en materia de descargas para iOS e un medre do 72% no ámbito das descargas para sistemas con Android.

Categorías: Ciencia

O sistema de xestión integrada das bibliotecas municipais implántase en Oroso, Ames, Teo e Brión

Ven, 12/29/2017 - 18:21

O catálogo único da Rede de Bibliotecas de Galicia esténdese. Segundo veñen de informar a Consellería de Cultura e Educación e a axencia AMTEGA, implantouse finalmente o sistema de xestión integrada nas bibliotecas públicas municipais de Oroso; de Bertamiráns e Milladoiro (Ames); dos Tilos e Grilo (Teo); e de Brión. Isto que significa? Pois, entre outras cousas, máis comodidade para os usuarios á hora de facer as súas buscas. Por exemplo, poderán facer xestións (coa vantaxe de ter un carné único) como acceder aos servizos de todas as bibliotecas dende o seu centro de lectura e consulta máis próximo. Para o persoal que traballa nestes espazos, ponse en xogo máis homoxeneidade e eficiencia no día a día da súa biblioteca e en relación coas demais.
Segundo informa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en total son preto de 90 as bibliotecas municipais públicas que xa dispoñen do novo sistema integrado de xestión, un software de código aberto que “abre as portas da integración” de todos os centros nunha contorna unificada, “tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia para calquera usuario ou usuaria”.
O novo sistema, como dixemos, pon en xogo un catálogo único dispoñíbel en catalogo-rbgalicia.xunta.gal. Con esta tecnoloxía, a maiores do devandito, podemos facer cousas en liña como solicitar o carné da Rede, facer reservas e renovacións, trocar de contrasinal e acceder co mesmo usuario e contrasinal a este sistema e á plataforma GaliciaLe, o sistema pioneiro de préstamo de libro electrónico.

Categorías: Ciencia

A páxina web de Movistar incluíu código malicioso para o minado de criptomoedas

Ven, 12/29/2017 - 18:00

Non parece que Movistar vaia lembrar 2017 con moita ledicia, pois resultou un ano moi negativo no capítulo da seguridade informática, xa que foron vítimas dun ransomware no mes de maio que os levou a ter que deixar de usar ordenadores durante toda unha xornada na que estiveron corrixindo a súa seguridade interna, e hai poucas semanas desvelouse que durante anos o sistema de centraliñas virtuais Centrex IP tiña un grave fallo de seguridade que facía moi doado que un cliente puidese acceder ao control do servizo do resto, afectando a grandes empresas como Dragados, ou o Grupo IFA. Non conformes con todos iso, onte nos seus foros advertiron dun fallo de seguridade na páxina web de Movistar, na que apareceu un código malicioso (CoinHive) que empregaba os ordenadores dos visitantes para minar criptomoedas, que semella que foi ignorado pola compañía (pese a que o software de seguridade informática como o de NOD32, Kaspersky ou Avast alertaban con só visitar tal páxina web) até que o asunto chegou a ForoCoches, precipitando o eliminado do código malicioso a media mañá.
Desta volta sorprende tanto o feito de que a unha grande compañía de telecomunicacións se lle puidese coar un código malicioso na súa páxina web principal como o feito de que tardasen tanto tempo en solucionar o problema. Tamén resulta moi difícil de crer a explicación do sucedido que deron a algún medio, pois aseguran que probaran a instalar o código malicioso para probar medidas de seguridade contra o mesmo e que, accidentalmente, o código pasou de probas a produción.
En calquera caso, a confianza en Movistar queda claramente danada, pola reiteración de incidentes de seguridade informática nun período de tempo tan reducido.

Categorías: Ciencia

Fene impulsará na Rede a súa tradición mariñeira

Ven, 12/29/2017 - 11:54

Fene acolleu os días pasados a presentación dun proxecto para pór en valor o mar e máis a estreita relación co mar da veciñanza do concello, directamente (as/os profesionais da pesca e o marisqueo) e indirectamente (todos os demais sectores produtivos e ámbitos sociais). O proxecto Fene, mar vivo foi posto en marcha, en palabras da Confraría e do Concello, para amosar ao mundo “a nosa grande actividade de lecer, gastronomía e cultura, moita dela ligada ao noso mar”. A iniciativa, segundo se fixo na súa presentación, na que participou a empresa TIC Abertal (encargada da dar forma á ampla vertente dixital do proxecto), abranguerá a creación dunha aula itinerante (na que os mariñeiros locais explicarán aos escolares cales os principais produtos do mar e con que artes se collen) e unha serie de eventos (sete) a desenvolver ao longo de todo ano.
Tamén haberá xeiras de asesoramento, accións formativas (individualizadas e colectivas) e un escaparate web onde se reflectirá toda a actividade municipal ao abeiro da proposta.
Fene, mar vivo vén da man do Concello e da Confraría de Pescadores de Barallobre, contando coa colaboración do Galp Golfo Ártabro. O proxecto está financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e a Xunta de Galicia, e alongarase até outubro do 2018 dando acubillo, amais de todo o devandito, á creación de produtos turísticos e ao impulso conxunto de actividades que divulguen e protexan o patrimonio pesqueiro do concello e o seu litoral. Tamén se dará forma a un microdestino con accións de dinamización con entidades da hostalaría ou comercio.

Categorías: Ciencia

As mozas de familias disgregadas son as que máis sofren o ciberacoso

Ven, 12/29/2017 - 11:13

O ciberacoso é unha realidade que está aquí e contra a que temos que facer fronte común. Porén, para acadar a máxima efectividade é preciso esculcar polo miúdo na realidade do problema e dar con todas as causas do mesmo, mesmo coas máis (en aparencia) insignificantes. Isto é o que vén de facer, precisamente, un grupo de investigadoras/es da Universidade de Vigo: tentar coñecer quen acosa, quen adoita recibir o acoso e como se xera e materializa e en que ferramentas. Segundo fan saber, a vítima máis común destas prácticas é unha moza de entre 13 e 15 anos procedente de familias disgregadas.
Na outra beira sitúanse os nenos de 12 anos de familias sen disgregar. Ademais, no estudo sinálase que un 15,3 por cento dos adolescentes galegos practicou algunha vez ciberacoso e, tamén, que para levar a cabo estas prácticas, quen as infrinxe prefire o teléfono móbil.
Estes e outros datos figuran no estudo Cyberbullying escolar: incidencia del teléfono móvil e internet en adolescentes, desenvolvido polos investigadores José Domínguez Alonso, Elia Vázquez Varela e Sandra Núñez Lois en Relive, Revista Electrónica de Investigación e Avaliación Educativa.
Segundo se fai saber na dita publicación, a mostra final estivo formada por un total de 749 alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria, con idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos. Como dixemos, o traballo pon de manifesto a “lixeira prevalencia” dos actos de acoso a través do teléfono móbil (18.6%) sobre Internet (12%) dos adolescentes. Así mesmo, a investigación reflicte que entre as formas de comportamento que implican agresións, tanto a través do teléfono móbil como de nternet, despuntan a denigración e a violación da intimidade.

Categorías: Ciencia

Kodi chega a Xbox One

Ven, 12/29/2017 - 11:11

A aplicación Kodi, que facilita a organización e reprodución de contidos multimedia (e que fíxose especialmente popular polos engadidos que permiten o acceso a contidos audiovisuais de orixes irregulares) leva máis dun ano presente na tenda de Windows 10 como unha aplicación que funciona en ordenadores, móbiles e HoloLens que vén de incorporar unha nova plataforma: Xbox One.
Deste xeito, o Kodi para Windows 10 funciona tamén na consola de Microsoft, facendo así máis accesibles os contidos audiovisuais aos televisores do fogar, de xeito que para gozar de Kodi no salón xa non haberá que empregar dispositivos con Android ou conectar un ordenador ao televisor, xa que pode aproveitarse que a consola de videoxogos xa é un trebello conectado habitualmente a pantallas grandes.
A nova versión de Kodi aínda está nunha etapa un chisco inmatura, pero resulta operativa, de xeito que tanto podemos aproveitar a ferramenta para acceder ás nosas fotografías, a nosa música e os nosos vídeos dun xeito ordenador, como para gozar dos engadidos que abren o acceso a moitos contidos en liña, entre os que non faltan fluxos de vídeo piratas, manténdose a aplicación neutral ao uso que se faga da mesma (de aí que estea dispoñible para a consola de Microsoft).

Categorías: Ciencia

Un par de irmáns napolitanos conseguen rexistrar mundialmente a marca Steve Jobs

Xov, 12/28/2017 - 22:30
Imaxe dos irmáns Barbato publicada por Business Insider

A prensa italiana está a informar estes días da vitoria legal fronte a Apple dun par de irmáns, Vincenzo e Giacomo Barbato, que tiveron a grande idea de fundar unha marca de roupa chamada Steve Jobs ao seren conscientes de que a compañía da mazá non tiña rexistrado como marca o nome dun dos seus fundadores.
Os irmáns Barbato levaban anos creando produtos para outras marcas, pero pensaron que Steve Jobs podería ser un nome perfecto para unha nova, pese a ter que loitar por ela nos tribunais dende 2012. Dado que Apple non tiña a marca Steve Jobs, atacou ao seu logotipo, unha letra J trabada como a mazá de Apple e cunha folla no canto do seu punto, pero para os organismos da Unión Europea xa resultaba claro en agosto de 2014 que unha letra non é unha froita, polo que rexeitaron a oposición de Apple ao rexistro da marca Steve Jobs.
Grazas a iso, agora en Napoles hai unha marca que fai pantalóns vaqueiros, camisetas, bolsas e accesorios de moda, que en 2014 conseguiu facerse co rexistro de marca a nivel europeo, pero que realmente xa a teñen a nivel mundial, e incluso pretenden entrar no sector dos produtos de electrónica de consumo da man dun fabricante chinés, algo que podería resultar moi polémico e incluso ocasionar prexuízos a Apple no caso de que, por exemplo, chegasen ao mercado smartphones coa marca Steve Jobs que funcionasen con Android.

Categorías: Ciencia

Apple reduce temporalmente o prezo da substitución de baterías dos vellos iPhone

Xov, 12/28/2017 - 22:30

A crise de reputación de Apple por mor da polémica suscitada pola súa escura práctica de reducir a velocidade dos iPhone vellos por mor do estado da súa batería sen advertir aos consumidores, alimentando así as teorías da conspiración da obsolescencia programada para levar aos usuarios a cambiar periodicamente os seus terminais parece que quere atallarse antes de que se consoliden cas numerosas demandas colectivas que están iniciando nos EE.UU., pois nun comunicado publicado hoxe mesmo por Apple a compañía descúlpase polo sucedido e anuncia medidas para reparar o seu mal proceder.
Para comezar anuncian que a partires de finais de xaneiro e até finais de 2018 os usuarios con móbiles a partires do iPhone 6 que presenten problemas coa súa batería terán un prezo de substitución moi inferior ao habitual (pasa de 79 a 29 dólares, descoñecéndose polo momento o prezo en España, que actualmente é de 89 euros), proceso sobre o que darán detalles en breve. Adicionalmente actualizarán iOS para os usuarios poidan ver de xeito doado o estado de saúde da batería do seu iPhone, para que así poidan comprobar por si mesmos o seu deterioro polo uso.
Dende Apple confirman que con iOS 10.2.1 introduciron a funcionalidade que reduce a velocidade en móbiles iPhone 6, 6 Plus, 6s, 6s Plus e SE ao detectar que a súa batería está degradada, para así solucionar os problemas de apagados bruscos que estaban a detectar, e en vista de que tal solución resultaba efectiva, en iOS 11.2 ampliaron a medida aos iPhone 7 e 7 Plus (preparándose así para cando eses teléfonos vaian vellos).
Tamén recoñecen que durante o outono recibiron numerosas queixas dos usuarios que vían como baixo certas condicións os seus teléfonos ían extraordinariamente lentos, pero dende Apple pensaron que só eran consecuencia da acumulación de pequenos fallos nas últimas versións de iOS que foron corrixindo paulatinamente, pero finalmente tiveron que recoñecer que os problemas os causaran eles ao mudar o comportamento do sistema operativo ante o envellecemento das baterías dos móbiles.

Categorías: Ciencia

Google recoñece tacitamente o fracaso de Android para tabletas ao dicir adeus ao Pixel C

Xov, 12/28/2017 - 22:00

Hai pouco máis dun ano saía á venda a nova Pixel C, unha tableta de Google que vendíase a un prezo que partía dos 499 euros e que pretendía completarse cunha funda-teclado que facilitase o seu uso para labores de produtividade, pero que, pese a ser un produto de grande potencia e calidade, non parece ter atopado un oco no mercado, como demostran o feito de que non tivese outro produto de Google que tomase o seu relevo e que a propia Google Store eliminase nas últimas horas, e sen avisar, a sección de tabletas na que se vendía directamente, de xeito que falamos dun produto descatalogado.
O Pixel C perdería este mes o seu soporte completo (ao pasar dos 24 meses) e aínda que continuará a ser un produto moi solvente, continúa a ter como grande eiva o operar con Android, sistema operativo que non conseguiu madurar debidamente no contorno das tabletas, que pode considerarse dominado por Apple. O simple feito de que Google retire da venda todas as súas tabletas e que agora non teña ningunha tableta de referencia supón o recoñecemento de que deron tal guerra por perdida, e agora parecen centrados en produtos tipo Chromebook, con grande aceptación no mercado educativo norteamericano, mentres que as tabletas con Android parecen relegadas a produtos de baixa gama dirixidos a un público infantil.

Categorías: Ciencia

A Estrada Dixital xa ten máis de 1.600 usuarios da súa rede sen fíos

Xov, 12/28/2017 - 19:30

O remate do ano adoita coincidir con recontos de éxitos e de obxectivos. Isto acontece moito a nivel estatal e autonómico, pero tamén a nivel local, o que en ocasións ten máis interese (por ser as cifras máis doadas de asimilar e concretar) e máis mérito (por incluír recursos máis limitados e en ocasións mellor aproveitados). Neste grupo sitúase o informe lanzado pola iniciativa A Estrada Dixital, que vén de facer balance do conseguido nos meses que vimos de deixar atrás. O balance achega datos tan salientábeis como a cifra de 1.603 usuarios da rede sen fíos finalmente acadados. Deles, o 96,5% son particulares. O servizo, ademais, conta con 63 empresas locais dadas de alta como clientes.
Como lembraremos, A Estrada Dixital púxose en marcha hai 11 de anos, impulsada pola Fundación Cultural A Estrada, entidade sen ánimo de lucro dependente do Concello. Trátase, para quen non o saiba, dun operador municipal de Internet que abrollou dun proxecto tecnolóxico europeo, tamén denominado “aestradadixital”, que abrangueu múltiples actuacións relacionadas coas novas tecnoloxías, “coa intención de facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e á Sociedade da Información ós estradenses”, tentando achegar conexión a todos os enclaves das 51 parroquias do municipio e os seus 473 núcleos de poboación.
Volvendo ás cifras do balance, sinalar que maior parte dos usuarios da rede sen fíos pertencen á contorna rural do municipio, un 62,6% dos clientes, fronte aos 599 usuarios do centro urbano (o 37,3%). Segundo os impulsores de A Estrada Dixital, esta porcentaxe non fai máis que amosar os obxectivos básicos da iniciativa, que foron (e seguen a ser) loitar contra a fenda dixital que adoita separar as contornas urbanas das non urbanas, en detrimento destas últimas.
Por parroquias, Ribeira é a que rexistra un maior número de clientes, cun total de 36 fogares conectados. Séguenlle Santeles (35), Moreira (33), Berres (32) e San Miguel de Castro (30).

Categorías: Ciencia

Conecta PEME mobilizará 50 millóns de euros en 70 proxectos innovadores

Xov, 12/28/2017 - 17:48

O Goberno galego presentou hoxe, cun investimento público-privado de 63 millóns de euros, a nova edición do programa Conecta PEME (dirixido, entre outras cousas, a fomentar a cooperación entre pequenas e medianas empresas e os axentes do sistema autonómico de innovación) e as axudas para o equipamento dos centros tecnolóxicos. As iniciativas dadas a coñecer polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teñen o nexo común de avanzar noso medre económico baseado no trinomio I+D+i. Conecta PEME prevé mobilizar 50 millóns de euros en 70 proxectos nos que se estima que participarán unhas 250 pequenas e medianas empresas. Segundo fixo saber o presidente, as iniciativas aprobadas desenvolveranse até 2020 e prevese que xeren máis de 100 postos de traballo.
O orzamento que achega a Xunta ascende a 27 millóns de euros, un 8% máis ca na convocatoria anterior. As principais novidades desta convocatoria serán: máis puntuación para os proxectos que creen máis traballo e manteñan o seu persoal en Galicia; meirande valoración para aqueles proxectos máis próximos ao mercado; e a introdución dunha limitación sobre o número de proxectos nos que pode participar unha mesma empresa.
O titular do Goberno galego lembrou que, desde a súa posta en marcha en 2013, Conecta PEME apoiou investimentos por valor de máis de 100 millóns de euros en proxectos de cooperación nos que participaron preto de 520 empresas.
No que atinxe aos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación, Feijóo salientou a nova iniciativa da Xunta para que poidan adquirir infraestruturas de alta calidade. Deste xeito, prevese que a axuda pública de 6,5 millóns de euros estimule un investimento privado do mesmo importe, polo que en total mobilizaríanse 13 millóns de euros.
Ao abeiro desta axuda, poderanse adquirir equipos científicos e técnicos, ademais de programas e aplicacións informáticas especializadas. O importe de compra debe ser dun mínimo de 100.000 euros.
“Este equipamento”, sinalou, “axudará a mellorar a excelencia investigadora e a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo, pois permitirá poñer a disposición das PEME galegas as capacidades dos centros tecnolóxicos”.

Categorías: Ciencia

Instagram comeza a amosar publicacións recomendadas

Xov, 12/28/2017 - 13:02

Sen darlle publicidade Instagram está a mudar de novo o xeito de amosar publicacións aos usuarios, e non conformes con deixar de lado a orde cronolóxica orixinal para empregar algoritmos que sepultan a meirande parte de contidos compartidos polos nosos amigos, agora engaden unha sección de Recomendado para ti, na que inclúen de 3 a 5 publicacións suxeridas.
Estamos ante un dos cambios máis importantes dentro de Instagram nos últimos tempos, xa que non só afecta ao xeito no que vemos os contidos, senón que tamén facilita a que certas publicacións cheguen a un público moito máis amplo, xa que as verá xente que non segue aos seus autores e non está a realizar buscas activas.
A nova sección poderá ocultarse temporalmente se nos resulta molesta, aínda que polo momento non hai xeito de eliminala completamente.
Esta funcionalidade está en probas, e polo momento só é visible despois de ver as publicacións máis interesantes das persoas que seguimos, estando actualmente a espallarse entre todos os usuarios de iOS e Android, polo que nos vindeiros días calquera usuario debería ver esta nova sección que parece estar a producir certo rexeitamento por parte dos usuarios, cansos de que os algoritmos decidan o que teñen que ver, aproximando cada vez máis o funcionamento de Instagram ao de Facebook.

Categorías: Ciencia

Arousa Norte crea, instala e pon en marcha unha plataforma en liña de xestión unificada de oficinas de turismo

Xov, 12/28/2017 - 12:15

A nova aplicación achegada pola entidade Arousa Norte (Mancomunidade de Municipios integrada polos Concellos de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo) é unha aplicación móbil e unha plataforma OfiTur Online que permite unificar a xestión de múltiples oficinas de turismo, automatizando o envío de información estatística e informes sobre visitantes, procedencias, duración, actividades, etc. A app en cuestión está dispoñíbel xa para móbiles con sistemas Android.
Conta con dous módulos principais: Enquisas de visitantes e Informes. Dende o punto de vista tecnolóxico, trátase dunha plataforma web en liña, accesíbel a través de calquera navegador de Internet, o que segundo os seus creadores facilita a súa instalación e implantación, mantemento e despregue a múltiples oficinas de turismo, e unha app de enquisas para dispositivos móbiles Android.
A ferramenta de xestión de Oficinas de Turismo ofrece a posibilidade de cubrir enquisas de recollida de datos de aquelas persoas que se achegan a oficina na procura de información e, por outra banda, proporciona o resultado da análise dos datos introducidos en forma de táboas e gráficas.
Respecto dos elementos (tanto de hardware como de software) precisos para a implantación da plataforma en sete oficinas de turismo e un centro de xestión unificado, son os que detallamos a continuación.
En materia de acceso á app, este faise mediante un navegador a través dunha URL onde está aloxada a aplicación. A plataforma estará acubillada nun aloxamento en liña proporcionado pola empresa AVA. O acceso a aplicación está restrinxido aos usuarios rexistrados que accederán introducindo o seu nome de usuario e o correspondente contrasinal.
A pantalla de inicio pode personalizarse con fin de integrar a imaxe corporativa e os logotipos correspondentes segundo o caso. Esta pantalla contén os accesos directos as funcionalidades máis utilizadas.
Estas funcionalidades inclúen, na parte superior dereita da pantalla, o nome de usuario (que está sempre á vista e que nos permite saber quen está empregando a aplicación), o cambio de contrasinal e o remate da sesión (posibilidade de finalizarmos o traballo que estamos a desenvolver en liña, ceibando as conexións e deixando libre o equipo para ser empregado por outro usuario). Polo que respecta á parte central da pantalla (a xeito de botóns para premer), están habilitadas as seccións de Enquisas (que nos leva á parte de xestión dos cuestionarios que comprende a listaxe de enquisas de recollida de datos), de Informe diario (sección na que podemos ver, imprimir ou exportar a un documento Excel un informe de resultados da análise da información recollida nos cuestionarios entre dúas datas a escoller) e de Informes (este apartado permite consultar, imprimir e exportar os resultados das enquisas, podendo ser filtrados os datos obtidos de xeito sinxelo e combinado; os datos resultantes preséntanse en táboas e gráficas).
Polo que respecta á aplicación de enquisas, dende a pantalla principal da app accedemos ao cuestionario para que poder recoller os datos das visitas dos turistas. Para esta ferramenta móbil son precisas tabletas móbiles de 9,7 polgadas ou 10 polgadas co sistema operativo Android. O centro de xestión de datos unificado de OfiTur Online require de calquera equipo informático PC, portátil, tableta ou móbil con conexión a Internet. Incorpórase ademais o aloxamento web preciso para o correcto funcionamento da aplicación e almacenamento dos datos das enquisas nunha base de datos online.

Categorías: Ciencia

A comunidade do Portal das Palabras elixe palabra galega do ano: afouteza

Xov, 12/28/2017 - 11:38

O Portal das Palabras está a pechar o ano reivindicando o uso da nosa lingua na Rede en máis en todos os espazos que non son Rede aínda que poderían selo. E faino organizando un certame en liña para elixirmos entre todas e todos a “palabra galega do ano” (desenvolvido entre o 18 e o 25 de decembro) e dando a coñecer, con altofalante, o termo da nosa lingua que finalmente foi quen de obter o devandito recoñecemento: afouteza. Tanto para os impulsores do Portal das Palabras como para a comunidade dixital galega está claro que non se trata dunha elección casual: a afouteza (valentía, coraxe, autoconfianza) é se cadra o valor de noso máis acaido para encarar o futuro, este ano 2018 que estamos a piques de enfiar.
Afouteza gañou, ademais, por goleada: acadou case a metade dos votos. Segundo informa a Real Academia Galega, impulsora do Portal das Palabras, votaron polo devandito termo 3.004 persoas das 6.228 que participaron no proceso. Independencia foi a seguinte en número de votos con 939 e sapoconcho a terceira con 830. Eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina completan, por esta orde, a táboa de posicións final.
A RAG lembra que o éxito de afouteza xa se vía vir, “cociñándose ao longo de todo o ano 2017”. O porqué disto radica no seguinte: durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis procuradas no dicionario en liña semana tras semana, o que respondeu, sen dúbida, ao interese xerado pola campaña do Celta de Vigo no que se nomeaba (Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza) e polo reflexo da mesma nunha manchea de medios de comunicación.
Afouteza vén definida no dicionario galego en dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos ou á seguridade en si mesma que demostra unha persoa.

Categorías: Ciencia

O COETG encara o novo ano con formación en ciberseguridade e evidencias dixitais

Xov, 12/28/2017 - 10:56

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) presentou os días pasados o programa formativo para o arranque deste ano 2018 que está a piques de comezar, un programa que fai fincapé nas temáticas prioritarias para a nova andaina da entidade (tal e como nolas recordou nunha entrevista recente Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, AETG). En termos concretos, a ciberseguridade e as evidencias dixitais serán as temáticas dos cursos que comezan en xaneiro de 2018, ambos o día 22.
Trátase de dous obradoiros con formato en liña, Introdución á Ciberseguridade e Adquisición, análise e presentación de evidencias dixitais, ámbolos organizados polo colexio e os dous co prazo de inscrición aberto. O primeiro abordará os antecedentes e as diversas iniciativas internacionais a nivel de normativa e regulamento. Estudará os procesos de análise de riscos de seguridade dunha organización e realizará unha introdución na aprendizaxe de técnicas de detección de ataques cibernéticos e actividades maliciosas, prevención, recuperación e mitigación de ciberataques, avaliación do risco, probas de penetración e análise de malware.
O curso sobre Evidencias Dixitais diríxese á formación de expertos en Informática Forense co fin de que teñan a capacidade e o adestramento preciso para detectar, anticiparse e reaccionar ante os incidentes de seguridade que sofren acotío milleiros de empresas e usuarios.
Para máis información sobre estas actividades, que proseguirán este mes de xaneiro cunha nova xeira formativa sobre Hacking ético e técnicas de hacking avanzadas sobre Windows (a partir do día 29), cómpre visitar a páxina web do COIT sobre as actividades formativas dos colexios de Telecomunicación.

Categorías: Ciencia

Toponimízate convida a xeorreferenciar a microtoponimia de Coruña, Palas de Rei e O Grove

Mér, 12/27/2017 - 23:49

O programa itinerante Toponimízate da Secretaría Xeral de Política Lingüística e os concellos da Rede de Dinamización (RDL), dirixido a facer fincapé na importancia da microtoponimia (convidándonos a rexistrar e xeorreferenciar os máis miúdos nomes de lugar, nomes que non adoitan aparecer nos mapas e que corren risco de desaparecer co despoboamento), chega esta semana á Coruña (este 27 de decembro), a Palas de Rei e máis ao Grove (este xoves 28). Con estas tres charlas, ás que cómpre engadir outra xeira en Viveiro, completarase a xira de Toponimízate por 15 concellos da nosa xeografía, buscando mobilizar á veciñanza para salvar a microtoponimia botando man das novas tecnoloxías da información (xeorreferenciando e xeolocalizando cada nome de lugar).
O programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra estase a materializar con 15 xuntanzas en aberto nas que participan técnicos especialistas en toponimia compartindo impresións coa cidadanía, facendo fincapé na importancia da microtoponimia. A previsión é darlle continuidade á xira en datas vindeiras. Segundo explicou recentemente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, “a toponimia e a microtoponimia son unha grande riqueza e obra colectiva que cómpre salvagardar para evitar a súa perda”. Tamén recordou que a súa recuperación e fixación é un compromiso do Goberno galego en estreita colaboración coa Real Academia Galega (RAG).
Esta acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, coordinados ambos os dous desde a Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa colaboración da AMTEGA e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Desde o pasado 30 de novembro Toponimízate chegou a Ourense, Lousame, Arteixo, Boqueixón, O Carballiño, Melide, Cangas, Sober, Vedra, Outes e Silleda por medio de conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, centradas na toponimia galega (motivos da abundancia de nomes de lugar no país, toponimia galega como patrimonio inmaterial etc.) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas, como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos, utilidades desta ferramenta etc.).
Nelas presentouse ademais, no caso daqueles concellos que teñen aínda sen recoller a súa microtoponimia (nomes de leiras, camiños, fontes, penedos etc.) a nova aplicación tecnolóxica que lle permitirá á veciñanza colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas asociadas a eles, de xeito que tamén poida colaborar na salvagarda deste importante patrimonio inmaterial.

Categorías: Ciencia

Condenan a Sharemula a pagar 2,3 millóns de euros por piratería musical

Mér, 12/27/2017 - 22:30

Hai máis dunha década que as entidades de xestión de dereitos de autor están a enfrontarse á páxina web de intercambio de arquivos a través de redes P2P Sharemula, e aínda que en 2008 as actuacións sobreséranse por non considerarse delito a actividade da páxina web denunciada, finalmente a sección número 28 da Audiencia Provincial de Madrid condenou á administradora de Sharemula, Silvia Martínez Ramírez, a indemnizar a Promusicae e as principais discográficas españolas con 2.354.350 euros pola comunicación pública, sen autorización algunha por parte dos titulares dos dereitos, de centos de milleiros de cancións protexidas.
Esta sentenza, contra a que aínda cabe recurso ante a Sala do Civil do Tribunal Supremo, rectifica dúas resolucións anteriores, a mencionada pola vía penal, e outra en primeira instancia civil, na que absolveran á páxina web, que agora tamén terá que facer fronte ao pagamento de 31.406 euros polos gastos de investigación incorridos durante o procedemento.
A compensación calculouse en función dun informe pericial que certificou que a través de Sharemula efectuáronse un total de 429.626 descargas de material protexido entre xaneiro de 2009 e marzo de 2011. A páxina web en cuestión xa deixara de operar en maio de 2011.
Aínda que dende Promusicae láianse do feito de non ter conseguido unha sentenza condenatoria antes, cómpre salientar que este adiamento é directamente culpa da súa estratexia para atallar as descargas a través da Internet, xa que recorreron á vía penal (na que xa existían numerosas sentenzas confirmando que o P2P non é delito) en vez de acudir á vía civil, a que facilitaba un resarcimento dos danos causados.

Categorías: Ciencia

A Mariña de Lugo achegará realidade aumentada e virtual para darse a coñecer

Mér, 12/27/2017 - 18:30
O edificio do CENIMA, sede do centro de turismo interactivo da comarca

O Concello de Foz remata o ano facendo reconto do que será un dos grandes proxectos TIC do municipio e máis da súa contorna: o Proxecto Mariña Virtual, dirixido a tirar o máximo proveito dos novos recursos tecnolóxicos para fortalecer as moitas posibilidades turísticas locais. A Mariña Virtual vén da man do Concello, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral de Presidencia. Segundo informa o Goberno focense, avanzando algúns detalles da iniciativa, esta permitirá que o coñecemento sobre cada zona da costa de Lugo que se visite sexa o máis amplo posíbel, achegando, en relación con cada emprazamento de interese, “experiencias únicas para os sentidos”.
Por exemplo, permitirase que coñezamos cada enclave turístico dende o ar, que interactuemos con personaxes históricos ou que viaxemos polo tempo e a historia para coñecer o pasado da comarca. E todo, sinala o Concello, “dunha maneira integral, lúdica, divertida e sensorial”.
Entre outros recursos, botarase man de tecnoloxías avanzadas de realidade aumentada, montaxes 3D, videogravación inmersiva e realidade virtual. O centro de operacións do proxecto (unha oficina de turismo virtual que aglutine os esforzos dos quince concellos da comarca) localizarase no andar baixo do edificio do CENIMA. O centro integral de turismo interactivo será obxecto dun investimento de máis de 240.000 euros.

Categorías: Ciencia

beINN CONNECT engade á súa oferta a canle Movistar Partidazo

Mér, 12/27/2017 - 17:11

Nos últimos anos a pugna polos dereitos deportivos por parte das compañías de telecomunicacións converteuse nunha dura guerra, xa que entenderon que o fútbol era un importante reclamo para os consumidores, o que facilitou que Movistar conseguise unha posición de dominio, ao ser a compañía que empaquetaba a meirande oferta deportiva pero, por sorte, para quen non quere casar unha operadora existen alternativas grazas aos servizos de vídeo baixo demanda como beINN CONNECT, que está a mellorar a súa oferta actual incorporando a opción de contratar El Partidazo.
Até o momento o paquete de fútbol de beINN CONNECT incluía 4 canles de fútbol que garantían a recepción de 9 partidos de LaLiga, toda a Champions e a Europa League, a Copa do Rei e LaLiga 1|2|3, así como resumos e partidos á carta e a opción de recibir un partido de LaLiga en 4K de contarmos cun Smart TV UHD da marca Samsung; pero este paquete que ten un prezo de 9,99 euros/mes ten agora unha versión que por 16,99 euros/mes inclúe tamén a canle Movistar Partidazo, de xeito que cada xornada conta cun partido do Real Madrid ou do F.C. Barcelona, o Clásico de volta e o mellor partido de LaLiga 1|2|3.
Para recibir beINN CONNECT podemos empregar practicamente calquera dispositivos audiovisual conectado, xa que está dispoñible para ordenadores persoais, numerosos Smart TV, dispositivos móbiles con Android e iOS, Chromecast e consolas PlayStation, de xeito que podemos tirar proveito desta plataforma audiovisual con calquera operador de telecomunicacións español que achegue un acceso á Internet cunha velocidade mínima de 3 Mbps (para o que recomendan liñas que ofrezan como mínimo 10 Mbps de velocidade de descarga).

Categorías: Ciencia

A zona azul de Vigo poderá xestionarse dende o móbil

Mér, 12/27/2017 - 14:17

A zona azul de Vigo poderá xestionarse dende o aparello móbil dos usuarios. Así o vén de certificar o Goberno do Concello de Vigo, que aprobou os días pasados a adxudicación do estacionamento regulado na vía pública, a chamada zona azul, poñendo en xogo un servizo público-urbano que, entre outras cousas, permitiranos prorrogar as estadías do noso automóbil nas devanditas areas con total comodidade, dende o móbil, e sen que exista a necesidade de facer un desprazamento para efectuar a dita prórroga. O alcalde Abel Caballero fixo saber que a adxudicación foi dar á “oferta mellor puntuada polos técnicos”, a presentada por Dornier.
Segundo precisou o rexedor, a empresa fornecerá ao servizo dun turismo, de dous vehículos de transporte de mercadorías e dunha motocicleta. Caballero tamén sinalou que Dornier instalará 27 postes de recarga para vehículos eléctricos na cidade, nove no primeiro ano de contrato e os 18 restantes ao longo do seguinte lustre. Os parquímetros, ademais, serán puntos de información municipal relacionados coa mobilidade. Para o alcalde, un dos aspectos máis destacábeis desta iniciativa é a súa vertente dixital, con toda sas vantaxes que pon en xogo. A xeito de exemplo, sinalou que coa información obtida polos sistemas habilitados acerca da ocupación a tempo real, o Goberno de Vigo prevé adaptar o tempo máximo en cada zona da cidade ao uso que fan os cidadáns.

Categorías: Ciencia

Páxinas