códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 25 min 57 seg

Constrúen unha Polaroid de imaxes GIF

Mér, 08/30/2017 - 23:00

Aínda que pode parecer absurdo, non son poucas as persoas que ao introducirse nos últimos anos no mundo da Internet teñen dificultades para entender conceptos como que non poden imprimir imaxes animadas en formato GIF (conservando a animación), pero hai quen ten imaxinación dabondo para superar tal atranco, e o argalleiro Abhishek Singh conseguiu facer realidade a Instagif NextStep, unha modificación dunha clásica cámara fotográfica Polariod OneStep que en vez de disparar fotografías que se revelan automaticamente no seu cartucho inclúe unha pequena pantalla que simula ser unha fotografía Polaroid animada.
Os interesados poden ver todo o proceso de creación desta cámara capaz de disparar imaxes GIF, aínda que o cartucho só ten batería dabondo como para funcionar uns 20 minutos fóra da cámara (por ter que contar cunha batería o suficientemente pequena para integrala nun cartucho de Polaroid).
Para facer realidade este proxecto empregáronse distintos elementos baseados en Raspberry Pi tanto na cámara como no cartucho, de xeito que por un lado constrúese unha cámara baseada en hardware libre e, polo outro temos unha pequena pantalla de 2,8 polgadas para amosar as imaxes animadas captadas.
Estamos ante unha creación moi intelixente, na que conséguese recrear dun xeito revolucionario un produto clásico, facendo uso de elementos relativamente doados de conseguir e cun resultado final que deixa a calquera coa boca aberta.

Vídeo de presentación da Instagif NextStep

Categorías: Ciencia

A web galega de videoxogos Vandal cumpre 20 anos

Mér, 08/30/2017 - 21:00
Pablo Grandío é o fundador de Vandal.net

Unha das páxinas web do mundo dos videoxogos de maior repercusión entre o público de fala hispana, Vandal.net, resulta ser galega, e hoxe mesmo está a celebrar os seus 20 anos de actividade facendo un repaso da súa historia. Este espazo na Rede creado polo coruñés Pablo Grandío inicialmente no servizo de hospedaxe web de balde Geocities botou a andar o 30 de agosto de 1997, e non foi até marzo de 1998 cando adoptou un dominio de Internet de seu, ao redor do que se sostiña tanto un medio informativo con cada vez maior frecuencia de actualización, así como tamén se asentaría un foro, creando unha grande comunidade de afeccionados aos videoxogos.
Nesta traxectoria Vandal pasou por numerosas fases, en grande medida pola evolución que tiveron tanto a industria dos videoxogos (que pasou de ser minoritaria a converterse na principal industria cultural) como a penetración da Internet (que evolucionou dende certa precariedade até unha situación actual na que incluso transcendeu da pantalla do ordenador para invadir os móbiles).
Vandal non quedou nun espazo con novas, senón que tamén foi enriquecéndose con contidos como coberturas de eventos internacionais, vídeos en alta definición, presenza en redes sociais, un podcast de grande éxito que axuda a consolidar a comunidade ao redor do medio e, máis recentemente, optouse incluso a mudar de imaxe e ter fillos, de xeito que Vandal conta agora compleméntase con Vandal Sports (cabeceira destinada aos deportes electrónicos), Vandal Ware (centrada no mundo do hardware e o software para xogadres) e Vandal Random (que achégase ao cine, á televisión, a cultura dixital e outras temáticas coa que os seus lectores habituais teñen certa afinidade).
Con dúas décadas ás costas temos aquí un grande exemplo do que pode emprenderse dende Galicia, conseguindo proxectar a súa sombra non só ao territorio español, senón tamén ao público de fala hispana ao outro lado do Atlántico.

Categorías: Ciencia

A nova xira @asLAN chega en setembro a Santiago da man do COETG

Mér, 08/30/2017 - 17:22

A nova edición da xira Tour Tecnolóxico @asLAN, que organiza a asociación do mesmo nome por unha manchea de localidades estatais, terá novamente unha parada galega. Será en Santiago, o 21 de setembro no Hotel Araguaney, baixo o epígrafe Transformación dixital, Todo Conectado e contando coa colaboración (un ano máis) do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG). A xira pasará por diferentes cidades españolas como Valencia (28 de setembro), Barcelona (18 e 19 de outubro), Vitoria (7 de novembro) e Málaga (23 de novembro).
O encargado de abrir os relatorios da cita compostelá (logo da benvida oficial) será precisamente o decano do COETG, Julio Sánchez Agrelo. Farao ao fío das 9.00 horas na compaña de Francisco Verderas, director xerente da Asociación @asLAN. De contado, presentarán tecnoloxías avanzadas os responsábeis de empresas como Nutanix, Flytech, Schneider ou Dell.
Segundo reflicte o COETG, desenvolverase na xornada “un extenso programa no que se abordará o papel das tecnoloxías en rede para impulsar a transformación dixital” e ofrecerase “unha ampla perspectiva sobre importantes tendencias de futuro e solucións tecnolóxicas dispoñíbeis para construír plataformas dixitais aliñadas co negocio, tocando cuestións como a Internet das Cousas, a mobilidade ou a nube híbrida”.

Categorías: Ciencia

A Finca Mouriscade aposta pola eficacia e a operatividade na súa nova web

Mér, 08/30/2017 - 14:10

A semana pasada a Deputación de Pontevedra presentou a nova web da Finca Mouriscade, unha presenza na web que salienta por querer incluír un extra de eficacia e operatividade na actividade da estación. Ou sexa, por estar concibida para que as comunicacións entre os usuarios deste laboratorio dependente da Deputación e os seus responsábeis sexan o máis rápidas e doadas posíbeis (facendo especial fincapé en que os resultado das análises se reciban o antes posíbel). A web foi dada a coñecer pola deputada provincial Eva Vilaverde, no salón de actos do laboratorio, acompañada pola xefa do servizo, María Hermida, e polo responsábel de portais web da Deputación, Rubén Gómez. Coincidiron na necesidade de acometer a renovación (logo de 17 anos de actividade dixital previa) e nas facilidades de uso que pon en xogo a nova páxina, “máis intuitiva e accesíbel”.
Segundo fixo saber Eva Vilaverde, o sitio fornece de acceso privado para os usuarios, achegándolles unha área de consulta de resultados aos que poderán ter conexión, tamén, a través de dispositivos móbiles. Precisamente unha das grandes novidades é a versión para móbil e para tableta, “porque non podemos esquecer que hoxe en día moito traballo se realiza desde este tipo de dispositivos, o que mellora a nosa capacidade de resposta”, sinalou a deputada delegada de Finca Mouriscade, lembrando que o laboratorio de Finca Mouriscade superou as 85.500 mostras recibidas para análise durante o pasado ano e que a día de hoxe e desde o 1 de xaneiro de 2017 xa se recibiron preto de 52.000 mostras.
Vilaverde engadiu que “é unha satisfacción dispor dunha páxina web máis operativa, porque segue no camiño de mellorar o servizo que se fai desde a propia finca e chegar mellor ao sector, permitindo que as persoas usuarias accedan máis rápido e teñan un recurso doado de utilizar”.
A deputada tamén fixo fincapé nos idiomas nos que se poderá acceder á páxina. Se ben neste momento está operativa nos idiomas galego e español, nas vindeiras semanas habilitarase tamén o inglés e o portugués, “atendendo aos clientes de fóra do país, e nomeadamente aos do norte de Portugal”. Lembrou tamén que a esta nova páxina xa se pode acceder a través do enderezo mouriscade.depo.es e ao longo dos vindeiros meses iranse implementando novos contidos e servizos, a maiores dos relativos ao laboratorio.

Categorías: Ciencia

Google competirá coa realidade aumentada de Apple

Mér, 08/30/2017 - 13:51

Na pasada edición da WWDC Apple adiantou novidades que chegarán ao público no outono, entre as que chamou moito a atención a súa solución de realidade aumentada (ARKit) para facilitar que os desenvolvedores creen ferramentas que aproveiten esta tecnoloxía, e agora Google move ficha, e presenta ARCore, un kit de desenvolvemento para facilitar a creación de software que aproveite a realidade aumentada baixo Android, tanto para teléfonos actuais como futuros.
Google leva tres anos traballando coa realidade aumentada a través do proxecto Tango, para o que precisaba de smartphones con sensores de profundidade específicos, pero con ARCore queren aplicar todo este traballo a dispositivos que non precisen de hardware específico, de xeito que funcionen en todo o ecosistema de Android. Polo momento ARCore está dispoñible para os Google Pixel e Samsung Galaxy S8, pero pretende chegar a 100 millóns de dispositivos en poucos meses, mentres proban esta prometedora tecnoloxía.
ARCore funciona con Java/OpenGL, Unity e Unreal (o que facilitará o seu aproveitamento en aplicacións e xogos) enfocándose en tres piares: o seguimento do movemento (determina a posición e orientación do teléfono para que os elementos virtuais aparezan colocados axeitadamente), a comprensión do contorno (o sistema ten que identificar as superficies horizontais nas que se colocarán os obxectos virtuais) e a estimación da luz (deste xeito os obxectos virtuais poderán aparecer correctamente iluminados e xerar sombra, para ter un acabado máis realista).

Vídeo de presentación de ARCore

Categorías: Ciencia

Afundación retoma este 1 de setembro as súas actividades de dinamización dixital para maiores

Mér, 08/30/2017 - 11:36

Logo da pausa do verán, os Espazos +60 de Afundación (ABANCA) abrirán de novo as súas portas o vindeiro 1 de setembro, con novas propostas de formación e divulgación que teñen como finalidade xerar novas canles de intercomunicación entre diferentes xeracións, fomentar o voluntariado (no plano físico e no dixital) e, tamén, pór en valor o papel dos maiores de idade na nosa sociedade. O programa, por temáticas, estará centrado en diferentes xeitos de favorecer os hábitos saudábeis, incluído un achegamento directo ás novas tecnoloxías da información.
En palabras de Sabela Couceiro, coordinadora da área de Envellecemento Activo de Afundación, seguir hábitos saudábeis na terceira idade “permite incrementar a satisfacción, o benestar, a calidade de vida e, indirectamente, contribúe a unha diminución dos problemas de saúde física e psicolóxica”.
Lembrar que Afundación dispón dunha rede propia de 11 espazos, situados nas sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Betanzos, Monforte, Pontedeume e Viveiro).
Os centros, que contan na actualidade con máis de 12.000 persoas socias, foron concibidos como “espazos destinados a conseguir que a etapa vital que iniciamos coa xubilación siga ofrecéndonos oportunidades de medrar persoalmente e estarmos conectados cos temas emerxentes”. Con esta finalidade, cada ano proponse “unha ampla e innovadora programación”, incluído o deste curso que está a piques de comezar.
A proposta de programación nos Espazos +60 estrutúrase en seis programas:
• O valor da experiencia, co que se propician oportunidades para que as persoas socias poidan compartir a súa experiencia profesional e de vida a través de accións de voluntariado. Nesta liña enmárcase a iniciativa Fálame dá emigración na que participaron no curso pasado 71 voluntarios e voluntarias, 18 IES e 825 mozas e mozos. A programación inclúe tamén conferencias e obradoiros, actuacións musicais e teatrais ou clubs de lectura impartidos todos por persoas socias.
• Formación e coñecemento, con actividades que favorecen a aprendizaxe de idiomas, o coñecemento do patrimonio, as humanidades ou a formación en novos temas e fenómenos sociais emerxentes.
• Cultura dixital, mediante unha formación centrada no uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), desde a perspectiva da revolución tecnolóxica actual e o alcance da Internet.
• Hábitos saudábeis, con actividades físicas pero tamén de desenvolvemento cognitivo, benestar psicolóxico ou nutrición, entre outras.
• Expresión artística, a través dun achegamento á música, debuxo, teatro ou artesanía, entre outros.
• Lecer activo, coa programación de viaxes nacionais e internacionais e visitas culturais a museos, rutas históricas etc.
Segundo lembra Afundación, a partir do venres 1 de setembro, as persoas interesadas en facerse socias poden dirixirse aos Espazos +60 das súas cidades para informarse e/ou facer a súa reserva.

Categorías: Ciencia

EGATEL formará a xente nova en Linux e servidores

Mér, 08/30/2017 - 10:29

EGATEL, empresa con sede na Tecnópole (Ourense) centrada no desenvolvemento e fabricación de equipos para a radiodifusión de TV e comunicación vía satélite, vén de anunciar que impartirá un curso sobre Linux, servidores e sistemas embebidos para xente nova (mozos de entre 16 e 25 anos). Será un obradoiro de formación en modalidade presencial e celebrarase a finais do próximo mes de setembro. A data concreta está suxeita ao peche dun grupo mínimo de cinco persoas.
Segundo informa a Tecnópole, o curso abranguerá 300 horas de actividade docente e impartirase en xornadas de oito horas de luns a venres. Das cinco persoas seleccionadas para recibir a formación, tres optarán a unhas prácticas na empresa de 200 horas e destas tres, dúas conseguirán un contrato de seis meses. Na selección de participantes valorarase o coñecemento previo do temario para “avanzar coa programación de maneira máis rápida e produtiva”.
Os participantes deben estar inscritos no sistema de garantía xuvenil e cumprir os requisitos que alí se esixen. EGATEL habilitou na Rede, nun documento en PDF, toda a documentación ao respecto.

Categorías: Ciencia

Senseitrade, entre os finalistas dos premios Fintech European Awards

Mar, 08/29/2017 - 23:42
David Conde e Juan Carlos Díaz, cofundadores da empresa

Estes días a comunidade en liña está a elixir coas súas votacións os gañadores do certame Fintech European Awards. Entre os finalistas deste prestixioso concurso de innovación europea hai presenza galega. Máis polo miúdo a da firma Senseitrade, con sede na Tecnópole. O palmarés daranse a coñecer durante a conferencia internacional do sector programada en Bruxelas o 27 de setembro. A firma Senseitrade parte dos mellores precedentes: foi gañadora na edición 2015 da aceleradora ViaGalicia. O motivo? A súa tecnoloxía innovadora, un recurso que nos permite tomarlle o pulso ás redes sociais en materia bolsista.
Trátase, máis en detalle, dunha aplicación que nos axuda a tirar proveito da inxente información de valor que se publica nas redes sociais (o que se coñece como Big Data social) para tomarmos as mellores decisións en materia de investimento en bolsa. A app Senseitrade está dispoñíbel para iOS e para Android e foi desenvolvida co obxectivo de tirar proveito das comunidades 2.0, en especial Twitter, como emprazamentos de información onde se deciden boa parte dos camiños que vai seguir a bolsa
O xermolo desta iniciativa empresarial partiu dun estudo da Universidade de Múnic no que, tras avaliar polo miúdo máis de 250.000 chíos sobre bolsa, concluíuse que é posíbel predicir a súa evolución cun 87% de acerto. A partir da análise das redes sociais, Senseitrade ofrece unha serie de funcionalidades para que calquera persoa poida acceder ao investimento en bolsa sen ser un experto. A día de hoxe, conta xa con máis de oito millóns de usuarios en España.

Categorías: Ciencia

Borran centos de apps para Android que se empregaban para lanzar ataques de denegación de servizo

Mar, 08/29/2017 - 23:00

Dende Akamai, compañía especializada en redes de distribución de contido para facilitar a súa dispoñibilidade global, detectou unha rede de bots chamada WireX que dedicábase a lanzar ataques de denegación de servizo aproveitando móbiles con Android infectados con malware para lanzar os seus ataques, para extorsionar ás vítimas destes ataques, e sorprendentemente o código malicioso que permitía secuestrar os smartphones para empregalos para colapsar servidores en liña chegou a coarse en moitas aplicacións de Google Play, aínda que, advertidos da situación, finalmente borraron preto de 300 aplicacións da tenda dixital de aplicacións para Android.
As aplicacións que incluían o malware parecían do máis inocente, e ían dende administradores de ficheiros até programas de descargas de melodías, e aínda que o número de aplicacións que conseguiron chegar a Google Play foi bastante elevado, o seu impacto foi bastante reducido (estiman que infectaron 70.000 dispositivos).

Categorías: Ciencia

WhatsApp proba as contas de empresa verificadas

Mar, 08/29/2017 - 22:00

Dende que WhatsApp é unha aplicación completamente de balde están a explorar canles para rendibilizar a aplicación economicamente, de xeito que levamos meses esperando a que cheguen novidades como a posibilidade de contar con servizos para empresas que puidesen ir dende o envío de mensaxes de xeito automatizado (herdando así o uso actualmente das mensaxes de texto) até facilitar o uso de WhatsApp a través dunha aplicación independente dun teléfono móbil.
Nesta última liña WhatsApp confirma na súa axuda en liña que xa contan con contas verificadas de negocios, ou sexa, que unhas poucas empresas que están a participar no programa piloto desta funcionalidade poden ter un número de teléfono asociado que na aplicación de WhatsApp estarán destacadas cunha aspa para marcar que se tratan de contas verificadas na liña de como funcionan as contas verificadas de Twitter, como un xeito de que os usuarios poidan saber que a compañía que está ao outro lado do WhatsApp é quen di ser. Deste xeito quere fomentarse o uso de WhatsApp como canle de atención ao cliente.
Dende WhatsApp lembran que se un usuario quere que unha empresa deixe de contactar con el sempre pode bloquear o seu número na aplicación.

Categorías: Ciencia

Instagram mellora a publicación de álbums

Mar, 08/29/2017 - 22:00

Dende o pasado mes de febreiro Instagram permite incluír até 10 fotografías e vídeos nunha única publicación, pero estes novos álbums tiñan unha importante limitación: os contidos tiñan que ser cadrados. Pero este formato de grande éxito por fin dá un paso adiante, adaptándose mellor aos contidos que queremos compartir, facilitando a posibilidade de publicar fotografías e vídeos en vertical ou horizontal, aínda que mantendo todos os contidos na mesma orientación para manter a consistencia e facilitar unha experiencia fluída.
Pero esta non é a única mellora que ten este formato, senón que agora os álbums tamén permitirá editar as persoas etiquetadas nas imaxes despois da súa publicación. Estas melloras chegarán a Instagram na súa versión 12 para iOS e Android.

Categorías: Ciencia

Xeopesca introdúcenos nas moitas posibilidades de GIMP

Mar, 08/29/2017 - 18:16

Este sábado 2 de setembro imos ter en Santiago unha boa oportunidade de coñecer o programa GIMP e todas as súas funcionalidades, dende as básicas até as máis avanzadas. A cita vén da man da Asociación Xeopesca e celébrase no Centro Sociocultural de Caramoniña. Este obradoiro de iniciación a edición fotográfica a través de GIMP desenvolverase en horario de 10:30 a 13:30 horas e será gratuíto e aberto.
Como lembraremos, a ferramenta GIMP (GNU Image Manipulation Program) é con toda probabilidade a alternativa libre ao Photoshop máis viábel, completa, competitiva e avanzada. Está localizada ao galego e, por ser aberta, ten a vantaxe de ser de balde e estar dispoñíbel para múltiples plataformas, coma Windows, Linux, Mac OS X e outros sistemas operativos.
No obradoiro que organiza Xeopesca aprenderásenos a manexar as diferentes capas e ferramentas que nos proporciona o GIMP, a aplicar ao xeito recursos diversos (filtros, balances de cor, brillo e contraste, ton e saturación), a introducirnos no escalado e exportación de fotografías e a publicar imaxes con licenzas libres.
Este obradoiro conta coa colaboración do Recuncho Maker que cedeu o espazo do Centro Socio Cultural de Caramoniña para a súa realización.
A actividade forma parte das que a Asociación Xeopesca realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

Categorías: Ciencia

O GPUL celebra en outubro unha nova edición do seu Hackatiño

Mar, 08/29/2017 - 14:23

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), con sede de operacións na Facultade de Informática da Coruña, recolle o fío da súa incansábel actividade a prol da difusión do software libre e organiza, a comezos do outono, a segunda edición do seu Hackatiño de datos abertos, que desta volta centrará boa parte do seu programa en ferramentas e solucións para o fomento da mobilidade sustentábel. O evento conta coa colaboración das asociacións Árticos, o GDG Coruña e mailo Concello (a través da área de Participación e Innovación Democrática que dirixe Claudia Delso). Celebrarase no centro municipal Ágora o vindeiro 7 outubro. Terá formato de xornada aberta á cidadanía.
Segundo informa o Concello, o Hackathiño é un evento que xuntará a profesionais do desenvolvemento de datos abertos, xornalistas, deseñadores e deseñadoras co obxectivo de idear proxectos que melloren, a través de datos abertos, un aspecto en concreto da sociedade. Como na anterior edición, os e as asistentes a este encontro tratarán de aproveitar ou xerar datos en formato aberto e a tecnoloxía sen cancelas. Estes serán publicados cunha licenza de carácter libre que permitirá a súa reutilización para calquera uso.
Do mesmo xeito có ano pasado, varios e varias expertas en temas como a liberación, a visualización ou a análise de datos, traballarán cos equipos que terán a oportunidade de aprender da súa experiencia de primeira man. Os mellores proxectos do presentados recibirán un agasallo. O prazo de inscrición xa está aberto, e pode realizarse a través da web https://hackathino.gpul.org, onde está dispoñíbel toda a información acerca do evento.
Segundo lembra o Concello, o evento contribuíu o ano pasado ao pulo de iniciativas tan salientábeis como a integración de datos de uso en tempo real dos servizos de BiciCoruña ao abeiro do proxecto aberto e internacional Citibik.es, e outros proxectos como OpenPet, para agrupar datos de protectoras de animais.

Categorías: Ciencia

A tramitación da documentación plenaria da Deputación de Pontevedra será dixital en outubro

Mar, 08/29/2017 - 10:56

A Deputación de Pontevedra anunciou a semana pasada que a partir deste mes de outubro a tramitación dos expedientes plenarios será realizada de maneira cen por cen dixital. Este novo paso en materia de Administración Electrónica vai permitir, en materia da entidade que preside Carmela Silva, que a partir do devandito mes a Corporación provincial ao completo poida acceder á documentación do pleno da institución provincial a través da plataforma tecnolóxica da Deputación.
En base a isto, durante o mes de setembro, previamente á posta en marcha deste servizo e con vistas a tirarlle o máximo proveito, as deputadas e deputados recibirán unha sesión formativa sobre o acceso telemático á información xerada nos plenos. Asemade, o persoal dos distintos servizos da Deputación recibirá formación relativa ao envío dos datos dos plenos mediante a plataforma de xestión de expedientes.
Amais de todo isto, a entidade provincial tamén lembrou que está a fornecer do servizo de implantación, uso e soporte dunha solución de Administración Electrónica para os concellos de menos de 50.000 habitantes. O obxectivo, en palabras da Deputación, é permitir “que as localidades da provincia dean cumprimento á lexislación vixente relativa ao acceso electrónico da cidadanía ás actuacións públicas”, unha cuestión incluída no marco das competencias que a lei de réxime local lle ten concedido ás institucións provinciais. A Deputación de Pontevedra recordou os días pasados que destina 847.000 euros a este servizo, facilitando que os concellos que non contan con recursos de abondo poidan levar a cabo a adaptación e modernización tecnolóxica. Polo de agora, xa son 55 as administracións locais adheridas (e unha entidade menor). Segundo salienta a Deputación, a principal característica do servizo é que se trata dun modelo de servizo ofrecido na nube. A implantación xa comezou en 36 deles, dando formación a preto de 2.100 empregadas e empregados e 700 cargos públicos.

Categorías: Ciencia

Investigadores galegos impulsarán a integración da robótica terrestre e aérea nos viñedos

Mar, 08/29/2017 - 09:47

Investigadores galegos están a participar nunha nova iniciativa de longo alcance que busca asentar os alicerces para potenciar o emprego da tecnoloxía robótica nos viñedos españois. No proxecto intégranse 15 entidades participantes (centros de investigación, adegas, empresas tecnolóxicas, asociacións empresariais, denominacións de orixe, etc), entre os que se contan o Grupo de Viticultura da MBG (con sede en Pontevedra e dirixido por Carmen Martínez Rodríguez) e o Grupo de Percepción Artificial do Centro de Automática e Robótica, ambos dependentes do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Estas entidades participantes xuntan forzas no grupo supra-autonómico ROBODRONVI. Amais do devandito grupo de Pontevedra, tamén están presentes (pola nosa terra) a adega Terras Gauda, a USC, a Asociación Galega de Sistemas Intelixentes Non Tripulados (AGASINT), a Denominación de Orixe Rías Baixas e as firmas Seresco e 3Edata.
Máis en detalle, o proxecto Aplicacións e uso de Robótica no manexo do Viñedo (acrónimo de ROBODRONVI) está subvencionado polo MAPAMA (Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e é un grupo operativo supra-autonómico que nace co obxectivo de impulsar a aplicación da robótica (aérea e terrestre) como ferramenta que facilite a toma de decisións operativas nas explotacións vitícolas por parte de viticultores e técnicos. Segundo informa o CSIC dende Santiago, co devandito labor de innovación preténdese “mellorar a competitividade, rendibilidade e sustentabilidade do sector vitivinícola español”.
O traballo do grupo desenvolverase até novembro de 2017. Arrincou cun exame pormenorizado e conxunto do estado actual das devanditas tecnoloxías. Unha vez rematado o diagnóstico, tomaranse as “decisións estratéxicas” oportunas para dar forma definitiva ao proxecto. A aplicación do mesmo, a partir do ano vindeiro, posibilitará ante todo o seguinte: o traballo real de trebellos robóticos nas explotacións, tanto a pé de viñedo como dende o ar (drones).
Segundo informa o CSIC, o roteiro a seguir non é só contribuír a mellorar as explotación, senón as posibilidades mesmas da intelixencia artificial de uso potencial nestas explotacións. “Como resultado deste proxecto”, explícase, “poderanse minimizar os inconvenientes que presenta a día de hoxe o uso destes prototipos de robots para uso terrestre e aéreo en viñedo, entre os que se poden citar a súa escasa flexibilidade, eficiencia e robustez e o seu alto custo operativo”.
A iniciativa tamén se dirixe a resolve a adaptación real destes sistemas robotizados ao eido dos viñedos con distintos sistemas de cultivo, así como minimizar o seu impacto ambiental, mellorar a calidade e sanidade da vendima e incrementar a rendibilidade da produción nos viñedos nos que se implementen.
Os socios do grupo
· Robotnik Automation, líder do consorcio.
· Catro adegas de distintas zonas vitícolas españolas: Bodegas Matarromera (Castela-León), Puerto Fino-Grupo Luis Caballero (Andalucía), Viticultores Heroicos Asturianos (Principado de Asturias) e Adegas Terrras Gauda (Galicia).
· Dúas empresas vinculadas ao subsector de novas tecnoloxías con aplicación en viticultura: Seresco e 3Edata Enxeñaría Ambiental.
· O CSIC, a través de dous grupos de investigación de dous centros de excelencia: Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia e Grupo de Percepción Artificial do Centro de Automática e Robótica (centro mixto coa Universidade Autónoma de Madrid).
· A Universidade de Santiago de Compostela a través do Departamento de Botánica da Facultade de Bioloxía.
· Dúas asociacións: Plataforma Tecnolóxica do Viño e Asociación Galega de Sistemas Intelixentes Non Tripulados.
· Dúas denominacións de Orixe: Jerez-Xeres-Xherry e Rias Baixas.
· Unha PEME: Vara y Pulgar, especializada no asesoramento vitícola sobre pragas e doenzas da vide colaboradora co Departamento de Sanidade Vexetal da Xunta de Andalucía.

Categorías: Ciencia

SmartPEME incrementa os seus asesoramentos TIC nun 50%

Lun, 08/28/2017 - 19:48

A rede SmartPEME, iniciativa da Deputación de Pontevedra para achegar a formación TIC aos emprendedores e autónomos da provincia, incrementou a súa actividade e o seu potencial de convocatoria en preto dun 50% ao longo dos últimos doce meses. Este medre, segundo sinalan fontes da entidade provincial, é aplicábel tanto ao número de persoas que se formaron a través dos obradoiros da rede como á cifra de empresas e participantes ás que se lles realizaron asesoramentos. Todo isto tradúcese en 3.266 profesionais formados en novas habilitades TIC entre xullo de 2016 e xullo de 2017, o que representa un incremento do 45,5 % respecto ao ano anterior, a través dos obradoiros semanais.
Ademais, un total de 1.766 pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e persoas emprendedoras recibiron asesoramentos do equipo de profesionais de SmartPEME entre xaneiro e xullo de 2017, o que supón un incremento do 48 % respecto ao período anterior.
Segundo explica a Deputación, esta mellora ten en boa medida o seu punto de partida no “aumento do catálogo de servizos que lles presta o programa da Deputación de Pontevedra aos usuarios e usuarias”, o que se traduciu na incorporación recente de novas ferramentas como a posibilidade de realizar asesoramentos a través de videochamadas, “evitando desprazamentos e favorecendo que as persoas autónomas con horario comercial e coincidente co do asesoramento de SmartPEME poidan realizar as súas consultas”.
Por outra banda, a Deputación creou (ao abeiro do programa formativo) o servizo SmartPEME Conecta, que establece colaboracións coas principais asociacións do sector e que permite buscar provedores TIC a través “da creación de perfís cegos” para así “dar solucións ás necesidades ás que o programa non pode dar cobertura, con provedores locais de solvencia e xerando riqueza no sector da provincia”, explicou o goberno da entidade provincial, engadindo a importancia vindeira dun novo paquete de solucións TIC para persoas emprendedoras que estará axiña dispoñíbel a través da páxina web do programa. Segundo explica a Deputación, este guieiro presentarase adaptado a cada unha das fases do proxecto de emprendemento (inicio, en trámites de constitución e coa actividade comezada) e recollerá un conxunto de ferramentas escollidas especificamente para que “a implantación do seu uso sexa doada e rápida e cunha predominancia de programas libres e de uso gratuíto”.
A Deputación tamén lembra que SmartPEME ten realizado máis de 30 reunións de traballo cos axentes implicados: en primeiro lugar cos concellos, buscando que se convertan en protagonistas activos de cara ás empresas de cada unha das vilas da provincia e, en segundo lugar, co tecido asociativo sectorial e distintas entidades, dándolle voz ao tecido empresarial para chegar aos seus e ás súas asociadas e tamén pensando nas propias asociacións como usuarias potenciais.
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a institución que preside Carmela Silva, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Categorías: Ciencia

As páxinas de Facebook que promovan falsidades non poderán mercar publicidade

Lun, 08/28/2017 - 19:30

Nos últimos meses existe unha grande preocupación polo rol que toma Facebook na proliferación das novas falsas e os dixomedíxomes a través da Internet, chegando incluso a considerase que este tipo de informacións xogaron un papel importante na vitoria do actual presidente dos EE.UU., e aínda que inicialmente Facebook non quería admitir tal responsabilidade, finalmente iniciou unha serie de medidas para frear a divulgación das chamadas false news e facilitar a súa identificación.
Actualmente non permiten que os anunciantes introduzan publicidade que ligue a historias que fosen marcadas como falsas por organizacións independentes de verificación de novas, pero agora dan un paso adiante máis decidido, e se unha páxina comparte repetidamente historias consideradas como falsas castigarán a súa reincidencia impedíndolle anunciarse en Facebook.
Deste xeito, confían en reducir a distribución das novas falsas evitando que as páxinas que as difunden poidan mercar anuncios en Facebook para chegar a unha maior audiencia e así conseguir ingresos publicitarios dende as súas páxinas web (pois curiosamente as páxinas web con novas inventadas en vez de atender a intereses políticos na súa meirande parte responden directamente a intereses económicos, xa que as novas máis escandalosas, pese a non ser certas, atraen moito tráfico e, polo tanto, xeran moito espazo para inserir publicidade).
Se dende Facebook detectan que unha páxina cesa as súas malas prácticas, permitiralle volver a anunciarse na súa plataforma, pero destacan que as novas falsas son unha lacra para a comunidade, polo que loitan contra elas evitando que a súa creación sexa lucrativa, dificultando a súa distribución e achegando ferramentas para que os usuarios poidan tomar decisións informadas.

Categorías: Ciencia

A realidade mixta de Microsoft chegará ao mercado de cara ao Nadal

Lun, 08/28/2017 - 17:00

Este mes Microsoft iniciou a venda de cascos de realidade mixta para desenvolvedores, deixando claro que quería que houbese contidos que aproveitasen esta tecnoloxía cando chegue a actualización de outono de Windows 10, que serán a que incorpore a tecnoloxía coñecida como Windows Mixed Reality, que promete a democratización das tecnoloxías de realidade virtual sentando as bases dunha plataforma cun hardware cada vez máis asumible, de xeito que poderían conseguir unha penetración no mercado moito máis forte da que actualmente teñen as Oculus Rift e HTC Vive, que pese á súa relativa madurez están moi afastadas do grande público.
Mentres outras compañías se centraban na realidade virtual pura, dende Microsoft xa anunciaran en 2015 que preferían ser máis ambiciosos e mesturar tal tecnoloxía coa realidade, para o que desenvolveron HoloLens, un produto moi revolucionario pero extraordinariamente caro (inicialmente vendíanse por 3.000 dólares), que sentou unhas bases moi prometedoras que posibilitaron o seguinte paso, o dos cascos de realidade mixta para Windows, que finalmente chegarán ao mercado na campaña de Nadal a través de distintos partners de Microsoft.
Estes novos cascos buscan ser doados de instalar (evitando a instalación de sensores na habitación para detectar os movementos do usuario), ter un prezo asumible (os cascos custarán a partires de 399 dólares e funcionarán en ordenadores que custen a partires de 499 dólares, ou sexa, que custarían a metade que as solucións coas que compiten actualmente) e permitir que o usuario teña distintas opcións (ao ser unha plataforma poderán comercializarse cascos de numerosas marcas e deseños, e incluso diferir en características).
Para a realidade virtual convencional é preciso contar cun ordenador dunhas prestacións sumamente elevadas, que é algo do que Microsoft quere fuxir, de xeito que ofrecerán dous niveis ben diferenciados de experiencias, en función da potencia do equipo informático: co equipos con gráficas integradas e potencia limitada os cascos correrán a 60 imaxes por segundo, mentres que en ordenadores máis potentes, con gráficas discretas, os cascos poderán moverse a 90 imaxes por segundo. Ambas configuracións permitirán gozar do vídeo inmersivo e de videoxogos, só que mudará considerablemente a calidade de imaxe e o nivel de inmersión conseguido (xa que a velocidade de refresco da imaxe xoga un importante papel á hora de somerxer ao usuario nos mundos virtuais).
Pero o máis interesante do que vén de anunciar Microsoft é que non será preciso que agardemos unha chea de meses para ver contidos inmersivos para os novos cascos, senón que os contidos de realidade virtual que están dispoñibles en Steam serán compatibles, de xeito que o Nadal será un momento ideal para dar o salto a esta tecnoloxía emerxente, que busca facernos viaxar virtualmente a lugares afastados ou a mundos imaxinarios, facernos vivir experiencias máxicas e incluso xerar hologramas ao noso redor que poidan supor un grande cambio no xeito de entender a informática persoal no futuro.

Novo vídeo promocional da realidade mixta de Windows 10

Categorías: Ciencia

A Pantín Classic achegará radiografías en 4D dos movementos dos surfeiros

Lun, 08/28/2017 - 14:53

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) é (até 2020) o socio tecnolóxico do gran evento galego de surf: a Pull & Bear Pantín Classic Galicia Pro. Isto que significa? Pois que a un nivel xenérico, a entidade con sede na Coruña traballará en identificar “os retos tecnolóxicos do campionato co obxectivo de situalo como referente internacional en materia de innovación”. A un nivel máis concreto, porá en xogo recursos propios como unha tecnoloxía que é quen de avaliar e calibrar cousas como a forza que imprime o surfeiro á táboa ou a velocidade de execución dos seus xiros. A finalidade desta novidade, operativa nas probas que se van desenvolver dende este 29 de agosto até o 3 de setembro, é achegar “información obxectiva, medíbel e útil ao deportista e axudalo a evolucionar nas súas manobras e movementos”.
Ademais, a tecnoloxía despregada, chamada FlyThings Surf, fornecerá valor informativo para os relatores comunicadores encargados das retransmisións en directo e para o público, xa que os datos xerados visualizaranse nas pantallas instaladas para o seguimento da competición. Segundo lembra o ITG, FlyThings Surf proporcionará coñecemento do que aínda non dispón ningún outro campionato no mundo.
Preparación
Durante o últimos catro meses, un equipo de 8 enxeñeiros (informáticos, de telecomunicacións e industriais) de ITG traballou no deseño desta solución de telemetría. Para iso, desprazáronse a probas da primeira edición da Siroko Surf League, liga de surf española que xa celebrou as dúas primeiras competicións en Zarautz e Xixón e que remata coa competición de Pantín. O equipo do ITG fixo medicións tamén nos areais ferroláns de Pantín e de Baleo. Nestas probas, os surfeiros encargados de testar o produto foron Vicente Romero, top 100 na clasificación da World Surf League; e Rubén Sanmartin Mayobre, profesor de surf cunha extensa experiencia docente-deportiva.
A solución, polo miúdo
Segundo explica máis en detalle o ITG, FlyThings Surf é unha solución formada por un dispositivo hardware (un sensor de menos de 100 gramos de peso, 6 centímetros de diámetro e 2 de grosor que se instala na punta da táboa) e por un software que representa sobre a imaxe de vídeo os valores que acada o surfeiro en cada unha das súas manobras. “A información obtida permite valorar, de forma obxectiva, o esforzo, a habilidade e a destreza destes deportistas”, explican os integrantes do Instituto Tecnolóxico de Galicia, engadindo que os resultados finais proporcionan “unha radiografía 4D do deportista durante o tempo que estea na auga”. En termos concretos, permiten coñecer e discriminar os movementos e/ou manobras do deportista mediante o coñecemento e análise da posición exacta da táboa en tres eixos (tres dimensións) e o longo do tempo (cuarta dimensión). Polo que respecta ao sensor, de alta precisión e baixo consumo, é quen de rexistrar 50 datos por segundo. Estes son analizados e tratados con técnicas de intelixencia artificial dando como resultado “unhas estatísticas comprensíbeis para o espectador”, engaden os técnicos do ITG.
O acordo
A aplicación desta tecnoloxía no evento de Pantín é o resultado do acordo estratéxico asinado recentemente entre os organizadores da proba (o máis senlleiro e referencial da nosa terra e de todo o conxunto do territorio estatal) e o ITG para achegar cobertura tecnolóxica durante os vindeiros catro anos. Segundo explicaron, a solución que se vai empregar estes días é a primeira versión versión de FlyThings Surf. Os vindeiros desenvolvementos permitirán “cuantificar e diferenciar a tipoloxía de xiros ou tempos efectivos de traballo, aceleracións en puntos críticos da onda así como o seu rexistro en tempo real”. Por outra banda, prevese unha redución do tamaño do dispositivo nun 50%.

Categorías: Ciencia

A app para guiarnos nos centros de saúde xa foi obxecto de máis de 9.000 descargas

Lun, 08/28/2017 - 14:04

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) vén de facer balance da resposta xerada na cidadanía pola súa aplicación destinada a guiar aos pacientes polos centros sanitarios, a ferramenta móbil SIGUE (Sistema Intelixente de Xeolocalización de Usuarios en Edificio), habilitada en xaneiro co obxectivo de incrementar a eficacia e mellorar a atención nestes centros (e, tamén, de acurtar ao máximo o tempo que empregamos en entrar neles e sermos atendidos). Segundo fai saber o SERGAS, a aplicación xa foi obxecto de 9.117 descargas, 5.386 a través Google Play e 3.731 da App Store de Apple.
“A aplicación”, explica o Servizo Galego de Saúdo, “permite ofrecer un servizo de localización no interior de edificios onde non existe cobertura de abondo dos sinais de satélite utilizado polo GPS”. Asemade, posibilita cousas como consultar as citas programadas no sistema público de saúde, tanto en hospitais como en centros de saúde, ofrecéndonos a opción de iniciarmos a navegación ata o centro no que teñamos programada a cita.
A maiores, a ferramenta incorpora servizos como a suxestión de rutas internas até o punto público do hospital que elixamos; información sobre servizos non sanitarios do edificio (cafetería, prensa, etc.) e da súa contorna e máis a comunicación dunha posición dentro do centro a outros usuarios da app que figuren como contactos.
O SERGAS lembra tamén que “para o funcionamento desta aplicación móbil tense creado un sistema de cartografía de edificios para incorporar os mapas internos dos centros nos que funciona o sistema de guiado”. Polo de agora a ferramenta xa funciona no Hospital Lucus Augusti de Lugo, no Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Hospital de Verín ademais de en 22 centros de saúde e no edificio de servizos centrais da Consellería de Sanidade.

Categorías: Ciencia

Páxinas