códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 21 min 17 seg

A Deputación de Lugo segue a impulsar nos concellos os empregos TIC

Lun, 08/28/2017 - 11:22

O venres 25 de agosto a Deputación de Lugo fixo reconto do emprego xerado pola institución provincial ao longo dos últimos tres meses no conxunto do territorio lugués. O balance veu da man do voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos. Segundo fixo saber creáronse 210 novos postos de traballo ao longo do devandito período. Esta actividade a prol da reactivación laboral artellouse a través de dúas iniciativas da Deputación, Ben Empregado 3 e DepuEmprego 2, arestora en activo. Por certo que unha parte importante dos empregos xerados a través destes programas (en empresas, entidades, colectivos sociais e concellos de todas as comarcas provinciais) tiñan novamente relación coas novas tecnoloxías da información e a electrónica. O obxectivo xeral da institución que preside Darío Campus é “combater o paro así como reforzar o fornecemento de servizos públicos en todos os concellos, especialmente en zonas rurais”.
Santos Ramos explicou que dos 210 novos postos, 129 son do Ben Empregado 3 e 81 do DepuEmprego 2. Ademais, engadiu que “representan o 46% da oferta de emprego que poremos a disposición de todos os lucenses mediante estas dúas programacións de xeración de emprego directa na provincia”. De feito, o obxectivo é impulsar co primeiro programa 150 empregos e co segundo 300. “Facémolo con 6,1 millóns de euros, cos que financiamos os custos laborais destes 450 novos traballadores nos 67 Concellos da provincia”, explicou, engadindo que nas vindeiras semanas, ofreceranse os restantes 240 postos de traballo.
Nas comarcas de Chantada, Quiroga e Lemos, a entidade provincial leva xerado nos últimos 90 días un total de 36 novos empregos en 9 concellos. Inclúense, entre os profesionais formados e incorporados ao mercado laboral, comunity managers, comerciais, peóns forestais, camareiros, limpadores ou coordinadores de proxectos transmedia, entre outros.
Na Comarca de Lugo, o Goberno Provincial creou nos últimos 90 días un total de 36 novos empregos en 5 municipios. Inclúense, entre outros, técnicos asesores, comerciais, recepcionistas, técnicos superiores en mercadotecnia e publicidade, comunity managers, técnicos informáticos, auxiliares administrativos, reporteiros de axencias de información, técnicos de medio ambiente, electricistas ou traballadores sociais.
Na Comarca da Mariña, a Deputación leva xerado nos últimos 90 días un total de 33 novos empregos en 12 concellos. Na listaxe de postos xerados hai peóns de xardinería, cociñeiros, técnicos forestais, biólogos ou auxiliares administrativos.
Na Comarca da Terra Chá, impulsáronse nos últimos tres meses un total de 33 novos empregos en 10 concellos. Entre estes novos empregos inclúense (entre outros moitos) mecánicos, auxiliares de produción en viveiros, carpinteiros metálicos e (novamente) community managers.
Polo que respecta ás comarcas da Montaña e da Ulloa, xeráronse un total de 34 novos empregos en 10 concellos e 27 postos en 3 municipios, respectivamente. No que atinxe á Sarria e a súa contorna, impulsáronse 11 novos empregos en cinco concellos.

Categorías: Ciencia

Máis de 160 concellos integráronse xa na Historia Social Única Electrónica

Lun, 08/28/2017 - 11:13
Xuntanza para o inicio da pilotaxe da HSUE nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro, celebrada en verán do 2016

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de informar do número de entidades locais que xa levaron a cabo a súa integración na Historia Social Única Electrónica (HSUE): trátase de 160 concellos xa. Como lembraremos, trátase dunha plataforma posta en marcha polo Goberno galego (a través de AMTEGA e a Consellería de de Política Social) para facilitar ao máximo a xestión dos datos relativos á nosa historia social, axilizando a coordinación de todas as persoas e entidades implicadas no fornecemento deste tipo de servizos. Por certo que segundo lembra a axencia que dirixe Mar Pereira, nos últimos tempos fíxose un especial esforzo para impulsar e mellorar a plataforma, engadindo novas funcionalidades como a sinatura dixital e integrándoa coa aplicación informática que empregan os traballadores dos servizos sociais comunitarios.
Segundo explica a AMTEGA, a integración de SIUSS (Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais) na Historia Social Única Electrónica “facilita o intercambio de información entre os profesionais dos servizos sociais de ámbito local e autonómico”. Para a axencia, “este é un paso fundamental para completar a información da Historia Social Única Electrónica de cada individuo e incrementar a coordinación entre profesionais”.
A esta novidade, como dixemos, xúntase a incorporación da sinatura electrónica a través de HSUE, un engadido que permite xerar e asinar dixitalmente en HSUE os informes sociais normalizados e arquivalos na Historia Social Única Electrónica do individuo, “o que posibilita o envío de xeito telemático deste informe ás unidades tramitadoras”, engade AMTEGA.
En marcha hai xa un ano
A HSUE púxose en marcha pasado hai un ano nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Tras unha fase de probas iniciouse a súa extensión a outros concellos co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, a través dun convenio asinado en novembro. A día de hoxe, os traballadores sociais de máis 160 entidades locais teñen acceso á plataforma, podendo acceder ao expediente social de máis de 530.000 usuarios en formato electrónico.
En palabras de AMTEGA, “a extensión da Historia Social Única Electrónica supón un fito no eido dos servizos sociais semellante á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas”.
Ademais, engade a axencia, plataforma proporciona “unha identificación unívoca dos cidadáns”, ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado por parte dos profesionais, que accederán só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.

Categorías: Ciencia

Vitae introdúcenos nas técnicas para acadar a máxima calidade no software

Lun, 08/28/2017 - 11:00

A academia galega Vitae Consultores vai organizar os vindeiros días unha interesante actividade formativa para axudar as nosos profesionais TIC na procura da máxima calidade nos seus traballos de desenvolvemento. A cuarta edición do Curso Fundamentos en Testing (PDF), cuarta edición, celebrarase na Coruña no Hotel Attica 21 os días 18 e 19 de setembro. Ao longo de 16 horas de contidos, introducirá aos participantes en metodoloxías avanzadas para optimizar os seus traballos de desenvolvemento de software. O curso, un achegamento integral aos coñecementos e ferramentas precisas para asegurar o factor calidade na creación de programas, subministra a opción de Certificación en Fundamentos de Testing polo programa de certificación ISTQB (International Software Testing Qualifications Board), que é o estándar mundial para avaliadores de programas informáticos.
Segundo engade Vitae, os obxectivos desta actividade pasan por proporcionar os procedementos e métodos de meirande relevancia actual para capacitar aos asistentes na xestión, na planificación, no deseño e na execución de probas de software coa meirande eficacia. Desta maneira, os profesionais que participen no obradoiro terán a oportunidade de entender os conceptos clave das probas de software, asegurar un alicerce sólido para o medre profesional na área e comprender as técnicas básicas de validación de programas.
O curso está dirixido a profesionais da actividade de probas, como testers, analistas e enxeñeiros de probas, así como responsábeis de calidade de software. Tamén se encamiña a profesionais que desexen acadar unha visión avanzada e integral dos procesos de avaliación, como xefes de proxectos, analistas de negocio, xerentes, consultores TI e programadores.
A persoa encargada de impartir todos estes contidos será Aurelio Gandarillas Cordero, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías da información e máis dunha ducia de anos como consultor e formador nos eidos do deseño, a implantación e a mellora dos procesos de desenvolvemento e calidade do software.

Categorías: Ciencia

Deixa de venderse a Xbox One orixinal

Ven, 08/25/2017 - 23:00

A pasada fin de semana Microsoft abriu as reservas da Xbox One X Edición Project Scorpio, a consola de videoxogos máis potente do mercado, que superou sobradamente as previsións da compañía, que confiaba en que tivese unha boa acollida, pero non que se esgotase en varios países á velocidade ao que o fixo (algunhas tendas practicamente quedaron sen reservas nunha hora) e están a confirmalo anunciando que a Xbox One X é xa a consola Xbox que máis rápido se esgotou no seu proceso de reservas.
Cómpre detallar que estamos falando dunha edición especial limitada, que deixará claro que se trata dunha das primeiras unidades ao contar coas palabras Project Scorpio gravadas no mando e na consola, confiándose que nas vindeiras semanas saian máis unidades en venda anticipada, pero xa non da edición limitada, senón da edición estándar da consola (que nin estará gravada nin incluirá de balde un soporte para poder colocar a consola en vertical).
A celebración das boas vendas da Xbox One X coincide co que poderiamos ver como a xubilación da primeira iteración da presente xeración, pois medios como Kotaku en Reino Unido están a dar conta do feito de que Microsoft xa non vende a Xbox One orixinal (que deixou de fabricarse hai meses) de xeito que a consola normal pasou definitivamente o relevo á Xbox One S, revisión que reducía o seu tamaño e consumo á vez que gañaba prestacións (como poder reproducir películas en Blu-ray 4K).
Na páxina web oficial de Xbox en España tampouco é posible adquirir a Xbox One orixinal, de xeito que a única opción actual é a Xbox One S, polo que enténdese que a vella consola só estaría dispoñible nas tendas onde conserven unidades en stock. É de esperar que as poucas unidades da Xbox One orixinal dispoñibles actualmente en tendas baixen de prezo para saldarse, pois en boa parte dos casos están máis caras que as Xbox One S, o que explica claramente que non se conseguisen vender nos últimos meses.

Categorías: Ciencia

A cámara de Facebook estrea un filtro para converternos no Rei da Noite

Ven, 08/25/2017 - 23:00

A vindeira fin de semana emitirase o derradeiro capítulo da sétima tempada de Game of Thrones, e como non podía ser doutro xeito, a estrea chega precedida por filtracións orixinadas polos responsables da intrusión dos sistemas informáticos da HBO, que están tentando que algúns medios dean detalles sobre como rematará a penúltima tempada da serie, para así prexudicar á compañía que rexeitou someterse á súa chantaxe.
Pero o feito os prexuízos causados pola filtración de información da HBO pode ir moito máis aló da aparición na Rede de episodios antes da súa estrea, divulgando numerosos contidos que poderían considerarse confidenciais e incluso que atentarían contra a intimidade das persoas (como datos de contacto de numerosos artistas), o que podería seguir dando que falar nos vindeiros meses, xa que agora aseguran que conseguiron vender a 3 usuarios da deep web 5 TB de datos roubados á HBO.
Pero non todo son malas novas relativas á HBO, senón que estes días, cando Game of Thrones despedirase durante bastantes meses cun episodio de preto de 80 minutos, decidiron colaborar con Facebook para estrear un filtro na cámara da súa aplicación móbil que permite converter ao usuario no Rei da Noite (o grande inimigo dos reinos de Poñente).

Categorías: Ciencia

Chrome permitirá silenciar páxinas web permanentemente

Ven, 08/25/2017 - 20:00

Non son poucas as ocasións nas que, navegando pola web, sorpréndenos unha páxina web ao invadir os altofalantes do noso equipo informático con publicidade, música ou a reprodución automática de vídeos, o que resulta moi intrusivo e molesto, de aí que na versión de Google Chrome para experimentos (Canary) estean a probar estes días unha nova funcionalidade que consistirá na posibilidade de poder silenciar unha páxina web directamente dende a burbulla de información da páxina.
Esta funcionalidade permitirá que os usuarios podamos facer que o navegador web non reproduza o son de páxinas web especialmente molestas, e aínda que tardará en estar presente na versión oficial de Google Chrome, os máis ansiosos poden xa probala executando Chrome Canary co parámetro —enable-features=SoundContentSetting.

Categorías: Ciencia

Euro-Par 2017 xuntará en Compostela a expertos internacionais en computación paralela e distribuída

Ven, 08/25/2017 - 19:00

A vindeira semana xuntaranse en Santiago de Compostela expertos de todo o mundo no ámbito da computación de altas prestacións para presentar e debater os últimos avances científico-técnicos en computación paralela e distribuída a nivel global durante o Congreso Internacional Euro-Par 2017, un dos foros de maior impacto do mundo e o máis importante de cuantos celébranse no continente europeo.
O evento na súa 23ª edición chegará a Galicia da man do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela), organizado polos investigadores adscritos ao centro Francisco Fernández Rivera, Tomás Fernández Pena, José C. Cabaleiro y Dora Blanco, membros do Grupo de Arquitectura de Computadores (GAC).
Euro-Par 2017 tratará distintos aspectos relacionados co mundo da computación paralela, desde cuestións teóricas sobre os supercomputadores, os procesadores de última xeración, as tarxetas gráficas ou as redes de interconexión, ata a programación de aplicacións destinadas a dar resposta a problemas de alta demanda computacional. En particular farase especial énfase en temas de máxima actualidade, como o paralelismo en sistemas multinúcleo, a computación na nube, a computación Big Data ou o consumo enerxético dos grandes supercomputadores.
O congreso contará coa presenza, entre outros, de tres figuras do paralelismo a nivel internacional David Padua, da Universidade de Illinois (EEUU); Ian Foster, da Universidade de Chicago (EEUU); e Jürgen Döllner, da Universidade de Postdam (Alemania). Polo que atinxe á industria, en Euro-Par 2017 participan tamén compañías tecnolóxicas de prestixio, como Intel ou HP.
Ao longo da conferencia presentaranse 50 traballos, escollidos de entre 177 propostas recibidas de grupos de investigación de todo o mundo. Por outra banda, ao abeiro do congreso celebraranse ata 10 obradoiros de temáticas moi específicas, sobre as que se incidirá especialmente. Unha das principais novidades respecto a edicións pasadas será o concurso de programación paralela, dirixido aos novos asistentes ao congreso e desenvolvida nos computadores do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
A sesión inaugural terá lugar o vindeiro mércores 30 de agosto ás 8:30, e a ela asistirán o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, e o director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobío.

Categorías: Ciencia

5 anos de cadea para o máximo responsable de Samsung

Ven, 08/25/2017 - 11:33

Un tribunal surcoreano vén de ordenar a detención de Lee Jae-yong, herdeiro do imperio empresarial de Samsung polos cargos de suborno, malversación, perxurio e alterar as contas da empresa para agochar a doazón duns 43.300 millóns de wons (32,55 millóns de euros) para conseguir favores políticos, de xeito que o empresario tería que enfrontar 5 anos de cadea, o que faría que tivese que deixar a dirección da compañía que lidera dende 2014, cando o seu pai foi hospitalizado por un paro cardíaco. Curiosamente o proxenitor de Jae-yong tivera que deixar a dirección de Samsung durante un par de anos tras ser condenado por corrupción, e incluso o fundador da compañía abandonara o seu cargo por mor doutro escándalo (que incluso vedou ao seu primoxénito na empresa), de xeito que a saga familiar ten claras ligazóns con prácticas ilegais moi ligadas ao mundo da política, aínda que nos escándalos anteriores os empresarios non chegaron a ingresar en prisión.
Aínda que Lee Jae-yong é vicepresidente de Samsung, na práctica ocuparía a presidencia, aínda que a sucesión non se fixo efectiva porque supostamente o seu pai aínda está vivo, aínda que nos últimos anos foron frecuentes os rumores da súa morte e non se conseguiu ningunha evidencia de seguir con vida, xa que o seu ingreso hospitalario tratouse con total hermetismo, e numerosos investigadores tentaron verificar a condición de Lee Kun-hee sen éxito.
Dada a importancia global de Samsung no sector tecnolóxico a entrada en prisión de Jae-yong resulta preocupante, xa que a falta dunha dirección clara da compañía podería dificultar a toma de decisións, o que poder ser un serio problema nun mercado tan dinámico como o actual, aínda que non resultaría moi sorprendente que o herdeiro de Samsung recibise un indulto como aconteceu no pasado co seu pai, pois o peso de Samsung na economía surcoreana é tan importante que un mal funcionamento do conglomerado podería ter serias repercusións para o país.

Categorías: Ciencia

235 empregados públicos acóllense ao teletraballo como medida de conciliación

Xov, 08/24/2017 - 21:16

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, explicou hoxe en rolda de prensa que máis de 10.000 empregados do sector público autonómico están a utilizar a flexibilidade horaria e o teletraballo como medidas de conciliación familiar e laboral, logo de que estas iniciativas se puxeran en marcha en 2014. Prieto salientou a boa acollida destas medidas, que supoñen vantaxes tanto para a organización como para os traballadores. Ao tempo, melloran a organización e distribución do tempo de traballo, así como o coñecemento das necesidades dos distintos servizos.
Xa máis polo miúdo, detallou que a flexibilidade horaria pode motivarse ben por razóns de conciliación, ou de xeito automático. Naqueles casos derivados da necesidade de conciliación, a franxa de traballo permitida esténdese entre as 7:30 e as 18:30 horas de luns a venres (agás nos casos nos que sexa preciso establecer unha franxa de traballo obrigatoria). A flexibilidade autonómica mantén un horario fixo de presenza diaria de 9:00 a 14:30, mentres que a franxa flexible ata completar a xornada laboral é a restante, isto é, entre 7:30 e 9:00; e entre 14:30 e 18:30. Os horarios poden ser superiores ás 18:30 sempre que o centro permaneza aberto, e tendo como hora máxima as 20:00 horas. Ademais, os empregados con horario flexible poden compensar as posibles demoras no mes seguinte ao que se produza o incumprimento.
Ademais da flexibilidade, os empregados e empregadas públicas poden desenvolver as súas tarefas fóra das dependencias da Administración autonómica mediante o emprego das TIC, sempre e cando cumpran unha serie de requisitos e que a natureza do seu posto o permita.
O número máximo de xornadas que poderán efectuarse nesta modalidade serán de 3 á semana e a súa concesión, salvo prórroga, non excedera o ano de duración.
Actualmente, un total de 235 persoas prestan servizos a través desta modalidade de traballo non presencial, a maioría deles (167) nos servizos centrais. Deste total, 121 corresponden a prórrogas, froito da boa experiencia e beneficios desta medida. Por xénero, as mulleres representan o 57,14% das persoas que están teletraballando, e os homes, o 42,86%.
Os postos autorizados para teletraballo por tipoloxía son fundamentalmente asesores xurídicos, corpos de inspección (farmacéutica, urbanística, de traballo, de saúde pública...), tradutores, informáticos, e outros postos que desenvolven funcións que poden ser desempeñadas cun grao alto de autonomía e a distancia. Por porcentaxe, os informáticos supoñen o 34% dos postos autorizados, seguido por corpos de inspección (20%), asesores xurídicos (15%) e tradutores (2%).

Categorías: Ciencia

Unha xuíz determina que os vídeos de reaccións non vulneran o copyright

Xov, 08/24/2017 - 21:00
O matrimonio Klein celebrando a súa vitoria xudicial

Nos últimos anos os vídeos de reaccións, nos que se emprega un contido como orixe de comentarios, convertéronse en todo un xénero en YouTube, de aí que houbese moito interese sobre unha denuncia do creador da canle MattHossZone (Matt Hosseinzadeh) contra os responsables da canle H3H3 Productions (Ethan e Hila Klein) por ter publicado un vídeo no que recollían fragmentos dun vídeo para criticalos un a un, ou sexa, que empregouse a lexislación sobre copyright como un xeito de defenderse das críticas, o que claramente non se veu con bos ollos, o que facilitou que os denunciados puidesen conseguir rapidamente bastantes doazóns para sufragar a súa defensa e, finalmente gañar por considerar unha xuíz de New York que estabamos ante un caso de uso lexítimo de contidos audiovisuais alleos.
Aínda que iso non quere dicir que todos os vídeos de reaccións estean dentro do chamado fair use, en casos como este resulta evidente que a parte central son as críticas ao vídeo orixinal, e en ningún caso o vídeo derivado é un substituto do orixinal, polo que non habería motivo para condenar legalmente este tipo de prácticas, para tranquilidade de moitos youtubers que deste xeito é probable que non se teñan que someter a un bo número de reclamacións. O feito de que xa haxa unha resolución xudicial sobre os vídeos de reaccións é unha grande nova para moitos creadores que ven así lexitimado o formato das súas producións.

O vídeo obxecto da denuncia

Categorías: Ciencia

Xa é posible rexistrarse para participar no XGN R Encounter

Xov, 08/24/2017 - 13:49

O encontro informático Xuventude Galicia Net, este ano rebautizado como XGN R Encounter como referencia directa ao rol do operador de telecomunicacións R como patrocinador (e subministrador de conectividade) e da alianza coa rede Encounter (na que participan varios encontros deste tipo co patrocinio de Euskaltel), abriu hoxe a súa inscrición formal, de xeito que os usuarios xa poden completar todo o procedemento de reserva para facerse cunha das 1.044 prazas que estarán dispoñibles no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, sendo posible realizar tanto reservas a título individual como en grupo, permitindo esta última que os amigos que acudan xuntos á LAN Party poidan sentar xuntos.
Como novidade desta edición os participantes poderán seleccionar os postos nos que queren sentar tras confirmar a súa reserva de praza (pagando 30 euros por persoa), estando organizados os postos de xeito enfrontado e formando illas. No caso de non realizarse a reserva con antelación tamén será posible participar no encontro aboando 40 euros na propia party.
O encontro informático desenvolverase de xeito ininterrompido entre os días 8 e 10 de setembro contando cunha conexión simétrica á Rede de 10 Gbps para poder garantir unha boa calidade de acceso para os preto dun milleiro de ordenadores que poderán instalarse en Silleda para gozar de xogo en liña e moitas outras actividades ás que tamén completarán xogos e concursos tradicionais, conferencias, relatorios... que iranse detallando na páxina web do evento nos vindeiros días.

Categorías: Ciencia

Parallels Desktop 13 anticípase ás actualizacións de outono de macOS e Windows 10

Mér, 08/23/2017 - 14:24

Dende que os ordenadores de Apple funcionan con procesadores Intel teñen moito máis doado o contar cunha oferta de software, xa que, aparte das aplicacións para macOS, tamén poden correr Windows mediante arranque dual (Boot Camp) ou con solucións de virtualización, entre as que destaca Parallels Desktop, solución que o ano pasado estreou versión 12 para adaptarse a macOS Sierra e agora repite a xogada e estrea Parallels Desktop 13, versión preparada para macOS High Sierra e Windows 100 Fall Creators Update, ou sexa, que anticípase ás actualizacións de macOS e Windows que chegarán no outono.
Esta solución permite correr programas de Windows no Mac sen ter que mudar de sistema operativo, de xeito que as aplicacións de Windows poden verse como se fosen nativas de macOS, o que resulta moi cómodo para os millóns de usuarios de ordenadores de Apple que precisan no seu día a día algunha aplicación que non está dispoñible para o sistema operativo da compañía de Cupertino. Ao non precisar de empregar arranque dual para correr as aplicacións de Windows, Parallels permite uns fluxos de traballo eficientes, cun rendemento moi bo e facilitando o intercambio de ficheiros entre ambos sistemas operativos.
A nova versión de Parallels Desktop acelera o acceso a documentos de Windows até un 47%, permite que as aplicacións de Windows tiren proveito de Touch Bar do MacBook Pro, mellora a compatibilidade coas pantallas Retina, aproveita mellor a velocidade das unidades externas USB 3.0 e Thunderbolt e incluso integra protección fronte ás actualizacións de Windows.
Aínda que Parallels Desktop 13 está destinado principalmente para correr Windows 10/8.1/7 baixo macOS tamén é posible empregalo para utilizar Linux e Chrome OS.

Categorías: Ciencia

Demandan a Sony por dar a entender que varios dos seus móbiles eran somerxibles

Mér, 08/23/2017 - 12:16

Nos últimos anos Sony conseguiu facer destacar moitos dos seus smartphones pola súa resistencia á auga, pero mentres inicialmente as campañas de mercadotecnia era moi agresivas (dando a entender que os móbiles eran somerxibles, ou sexa, que podían empregarse, por exemplo, en piscinas para disparar fotografías e gravar vídeo baixo a auga), foron suavizando as imaxes para representar que simplemente os smartphones contaban con protección para evitar que se estragasen por mor da auga ante situacións fortuítas.
Pero a resistencia á auga de certos dispositivos causou estupor nos consumidores ao comprobar que, no caso de avaría por mor da auga, o servizo técnico non se facía cargo da reparación, o que motivou unha demanda colectiva nos EE.UU. que podería levar a Sony a ter que pagar aos afectados o 50% do prezo de venda orixinal dos terminais afectados.
Os smartphones incluídos na demanda serían os Xperia M2 Aqua, M4 Aqua e os da serie Z (dende o Xperia Z1 até o Xperia Z5, coas súas múltiples variantes), e os usuarios que no pasado topasen que Sony non se fixera cargo da reparación do seu teléfono conseguirían tamén unha extensión da garantía. O procedemento de unirse á demanda para solicitar a devolución do 50% do prezo de adquisición do smartphone estará aberto até o 30 de xaneiro de 2018.
Este tipo de acción xudicial carece de efecto fóra dos EE.UU., e parece difícil que agora se vaian tomar medidas a este lado do Atlántico, xa que a confusión entre somerxible e resistente á auga só podía producirse cos primeiros Xperia Z, e tras xurdir os primeiros problemas xa se coidaron de facer unha promoción máis rigorosa dos produtos.

Categorías: Ciencia

Grande éxito de reservas da Edición Project Scorpio da Xbox One X

Mér, 08/23/2017 - 11:51

Aínda que o feito de que a Xbox One X teña un prezo de 499,99 euros parece un claro freo para que a consola máis potente do mercado vaia ter unhas boas vendas, os incondicionais da plataforma de xogos de Microsoft parece ter claro querer facerse con tal máquina, como demostra o feito de que a edición limitada de lanzamento, a Edición Project Scorpio da que abriron a reserva co gallo da feira Gamescom de Colonia, estea xa a esgotar unidades en todo o mundo (pese a que non chegará a mans dos consumidores até o 7 de novembro).
Aaron Greenberg anunciou que as primeiras unidades que se puxeron á venda en Alemaña esgotáronse en menos dunha hora, para confirmar pouco despois que pasaba o mesmo en EE.UU., Suíza, Reino Unido... e mesmo en España xa non quedan unidades na tenda en liña de Microsoft e nas tendas GAME (que foi a única cadea de establecementos físicos que polo momento ofrecía a consola).
Este grande pulo inicial dá a entender que é probable que Microsoft amplíe a produción inicial da consola para atender á demanda e que así poida lanzarse unha segunda remesa de consolas para a súa reserva, e que así os interesados na mesma poidan ter a edición que amosa externamente que é das primeiras en saír á venda (co gravado de Project Scorpio).
Aparte do gravado identificativo da edición, a Xbox One X que podía reservarse incluirá tamén un soporte para colocar a consola en vertical, que segundo parece, venderase aparte no resto de edicións.

Categorías: Ciencia

Chrome OS quere entrar na empresa

Mar, 08/22/2017 - 20:00

Google leva varios anos promovendo o uso do seu sistema operativo Chrome OS en equipos informáticos, conseguindo un éxito máis que notable no sector educativo norteamericano, onde ven con bos ollos a seguridade dos equipos, a súa reducida necesidade de soporte e incluso o seu prezo asumible, e agora queren trasladar ese éxito ao ámbito corporativo, de xeito que presentan Chrome Enterprise, un servizo co que pretenden achegar as vantaxes de Chrome OS ás empresas.
Chrome Enterprise ofrece controis de seguridade avanzados, soporte as 24 horas, ferramentas de administración de frotas baseadas na nube, administración de impresoras, integración co sistema de directorios activos de Microsoft, tecnoloxía anti-roubo e incluso un sistema para o control de actualizacións, aínda que non falamos dun servizo de balde, senón que custará 50 dólares ao ano por cada dispositivo.
Outra das vantaxes de empregar actualmente Chrome OS é que en moitos dos seus equipos é posible gozar de Google Play, ou sexa, que poden executarse aplicacións para Android, o que abre a porta a un catálogo de aplicacións impresionante, no que moitas son de balde.

Categorías: Ciencia

A Super Nintendo estará moi presente nos vindeiros meses

Mar, 08/22/2017 - 13:55

Nintendo non quixo deixar pasar a celebración da Gamescom en Colonia, e esta mañá deu conta de novidades que prepara para Nintendo Switch e Nintendo 3DS, aínda que o máis destacable foi relativo ao hardware, xa que sorprenderon dando conta de novas características da Nintendo Classic Mini: Super Nintendo Entertainment System, consola que chegará as tendas o 29 de setembro como unha versión reducida da Super Nintendo, con xogos precargados e adaptada aos televisores de alta definición.
A nova consola retro terá unha función que agradecerán os usuarios que non estean afeitos ao elevado nivel de dificultade dos xogos de primeiros dos anos 90, de xeito que nun momento dado o xogador poderá optar por rebobinar a acción para repetir as partes complicadas ou recoller un obxecto que deixou pasar na primeira ocasión. Esta funcionalidade variará en función do xogo, de xeito que en Super Mario RPG poderá volverse varios minutos atrás, mentres que en Super Mario World a marxe é de 40 segundos (pensando en reintentar pequenos segmentos do xogo).
Pero non foi a única sorpresa da xornada, senón que tamén anunciaron que o 13 de outubro sairá á venda a New Nintendo 3DS XL - Super Nintendo Entertainment System Edition, ou sexa, unha versión da portátil de Nintendo coa aparencia externa da clásica Super Nintendo, e cos botóns coas mesmas cores que a consola orixinal.

Novo vídeo promocional da Super Nintendo mini

Categorías: Ciencia

Luis Tosar dá voz ao malvado de Destiny 2

Mar, 08/22/2017 - 13:42

O vindeiro 6 de setembro o xogo Destiny abrirá un novo capítulo para Xbox One e PlayStation 4 (a versión para PC non estará dispoñible até o 24 de outobro), aínda que entre os días 29 e 31 de agosto non serán poucos os que se animen a gozar a súa beta aberta, pero do que queremos dar hoxe conta sobre Destiny 2 non é de ningunha cuestión técnica, senón do feito de que este xogo de acción en primeira persoa conta co actor galego Luis Tosar pondo voz ao seu principal vilán, Dominus Ghaul, comandante da Lexión Vermella, unha nova e poderosa ameaza inimiga que aparece na secuela do aclamado Destiny.
Con Destiny 2 Tosar estréase no mundo dos videoxogos, asegurando o actor que «foi estupendo participar neste proxecto, e moi distinto ao que estou afeito a facer na miña faceta como actor. Traballar nun videoxogo permítete recrear facilmente situacións extremas, e date a oportunidade de interpretar a personaxes moi interesantes, que viven en incribles escenarios fora do común» engadindo que o papel de Ghaul «permitiume explorar novos rexistros de voz, que descoñecía».

Categorías: Ciencia

Android 8.0 Oreo ve a luz

Lun, 08/21/2017 - 21:00

A nova versión de Android xa está aquí, e confírmase que Android 8.0, tamén coñecido como Android O durante os pasados meses, levará finalmente como alcume a marca Oreo, na liña do que xa acontecera con KitKat (nome que recibiu Android 4.4). Android Oreo promete ser un sistema operativo móbil máis intelixente, máis rápido e máis potente que nunca, con novas funcións como picture-in-picture e Autofill, así como melloras de seguridade e de velocidade.
A función de picture-in-picture, aínda que xa presente nalgúns móbiles de compañías como Samsung, pasa a ser agora unha funcionalidade do sistema operativo en si, de xeito que será posible ver dúas aplicacións ao mesmo tempo para, por exemplo, tomar anotacións mentres se ve un vídeo de YouTube.
En seguridade incorpórase Google Play Protect (que vixiará a seguridade do móbil a numerosos niveis, de xeito que tanto pode evitar o software malicioso como axudar a localizar un teléfono perdido) e novas prestacións (como control de instalación de aplicacións a nivel de fonte).
Android Oreo tamén axilizará o uso do dispositivo grazas ao Autofill (que axudará a lembrar credenciais de acceso ás aplicacións) e incluso poderemos contar tamén coas moi esperadas Android Instant Apps, de xeito que será posible gozar de aplicacións móbiles sen instalalas no noso dispositivo (algo que pode resultar moi práctico para probar unha aplicación ou incluso para facer uso de ferramentas que só precisaremos puntualmente).
Dende Google aproveitaron o eclipse de sol total que podía verse hoxe nos EE.UU. para anunciar o lanzamento de Android Oreo, estando xa dispoñible o seu código fonte en AOSP e podendo instalarse xa nalgúns dispositivos da familia Pixel. Nos vindeiros meses os principais fabricantes de móbiles lanzarán novos terminais con Android Oreo e tamén actualizarán moitos dos seus dispositivos á nova versión de Android.

Vídeo de presentación de Android Oreo

Categorías: Ciencia

Estréase a 8ª xeración de procesadores Intel Core

Lun, 08/21/2017 - 18:00

Nos últimos meses puidemos ver como AMD daba un importante salto adiante nos seus procesadores e gráficas de xeito que conseguían tras moitos anos nun segundo plano equipararse a Intel mantendo uns prezos máis competitivos, o que tería bastante influencia no feito de que Intel presente agora a súa 8ª xeración de procesadores Core, que chegan para atender a demanda de contidos en 4K, a realidade virtual e outras tarefas esixentes.
A nova familia de procesadores comeza cos destinados a equipos portátiles (ultraportátiles e equipos 2-en-1) que conseguen incrementar o seu rendemento até un 40% con respecto á anterior xeración de procesadores, á vez que incorporan unha nova configuración de catro núcleos e unha microarquitectura con aforro de consumo, ou sexa, que sumaron melloras que fan que os ordenadores portátiles poidan ter cada vez máis potencia sen perder autonomía. Como exemplo, dende Intel aseguran que será posible gozar de até 10 horas de reprodución de vídeo 4K cunha única carga de batería.
Como exemplos das melloras da nova xeración de procesadores aseguran que para editar imaxes os novos Intel Core conseguen mellorar a súa velocidade un 48% fronte aos de 7ª xeración, e no caso da edición de vídeo conséguese que un vídeo que un ordenador de hai 5 anos tardaba 45 minutos en procesar agora estea listo en só 3.
Os procesadores Intel Core de 8ª xeración tamén están preparados para gozar dun xeito máis solvente de contidos en 4K, da realidade mixta que propón Microsoft e incluso de gráficas externas con tecnoloxía Thunderbolt 3. Temos así unha interesante posta ao día dunha familia de procesadores que segue o rumbo trazado pola anterior, para conseguir que traballar coas elevadas resolucións dos novos contidos (tanto en vídeo como en xogos) poida ser cada vez máis asumible.
En setembro comezaremos a ver portátiles coa nova xeración de procesadores de Intel, tendo que agardar un chisco máis para ver a súa chegada a equipos de escritorio. Intel tamén confía que esta familia vaia contar con procesadores de 10 nm (aínda que polo momento mantéñense no proceso de fabricación de 14 nm).

Categorías: Ciencia

Game of Thrones dispara os ingresos móbiles de HBO pese ás filtracións

Lun, 08/21/2017 - 14:11

Nas últimas semanas a HBO viviu todo un pesadelo por mor da filtración de numerosa información interna da compañía tras padecer unha intrusión, e os responsables do ataques están de volta, difundindo agora as credenciais de acceso ás plataformas sociais da HBO (como as contas de @HBO, @GameOfThrones e @WestworldHBO) á vez que advirten que está preparando a filtración do derradeiro capítulo da sétima tempada de Game of Thrones, o que claramente é unha medida de presión para que a HBO ceda á chantaxe ou, simplemente, para que o mundo vexa as consecuencias de non facer tal, xa que os responsables da intrusión recoñecen realizar este tipo de actividades criminais con ánimo de lucro á vez que aseguran que a meirande parte das empresas ás que atacan rematan someténdose á extorsión.
Parece bastante claro que a HBO non pagará, pois as filtracións das últimas semanas, pese a afectar negativamente á imaxe da compañía, en termos de audiencia non é así, e as publicacións temperás na Rede de varios capítulos da serie tiveron como principal consecuencia un incremento da audiencia da HBO durante a emisión tradicional. De feito, a aplicación de HBO Now leva varios días sendo líder na App Store en ingresos económicos, superando a Netflix, Tinder e mesmo Candy Crush. Ao parecer, o 16 de agosto a aplicación de HBO Now ingresou 2,6 millóns de dólares, superando a súa anterior marca máxima (1,9 millóns de dólares o pasado mes de xuño), deixando así constancia de que o fenómeno de Game of Thrones é claramente un dos motores da plataforma de streaming.

Categorías: Ciencia

Páxinas