códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 26 min 43 seg

O CPEIG conmemora os seus dez anos de traballo coas principais entidades TIC da nosa terra

Ven, 12/01/2017 - 10:57

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en compaña das principais entidades TIC da nosa terra, fixo este 30 de novembro un repaso polo que deu deu de si a década comprendida entre 2007 e 2017, ou sexa, polos seus dez anos de vida. Na cita, un animado encontro participativo onde se escoitaron múltiples voces e puntos de vista, participaron arredor dun centenar de persoas. Celebrouse no salón de actos do Centro ABANCA da Praza de Cervantes de Santiago e foi conducido polo divulgador Manuel Vicente, quen se apoiou nunha parte importante dos asistentes (membros do CPEIG e doutras entidades TIC da nosa terra) para, primeiro, facer memoria do acontecido mundialmente (e xenericamente) ao longo destes dez anos, do ocorrido tecnoloxicamente (disto encargouse Pilar Vila, vogal do CPEIG) e do acontecido en relación ao colexio (tarefa encomendada a Fernando Suárez, presidente do CPEIG).
O devandito complementouse coa visión achegada por Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL); Alejandro Lamas, videpresidente do Clúster TIC de Galicia; Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais de AMTEGA; Frankie Gomez, responsábel de Lacon Network; Fernando Prieto, da empresa Gato Salvaje; Manuel González, presidente de Puntogal; Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais; Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e tamén vogal do CPEIG; e José Ramón Méndez, profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial da UDC. Tamén interveu, entre outros, Arno Fornella, investigador e profesor da Escola de Enxeñaría Informática de Ourense (amais de membro do Laboratorio de Informática Aplicada e coordinador dos traballos de desenvolvemento e lanzamento do picosatélite galego XaTcobeo). Tamén interveu amplamente Pilar Vila, vogal do CPEIG, elaborando un percorrido polos principais achados e acontecementos mundiais da nosa historia tecnolóxica recente (a comprendida, como dixemos, entre 2007-2017).
En relación ao CPEIG, a cita foi un repaso das principais actividades, logros e fitos acadados pola entidade ao longo da súa andaina. Fernando Suárez debullou os (“duros”) comezos do proxecto e os principais obxectivos primeiros do CPEIG (impulsar unha entidade que protexese e velase aos nosos profesionais da Enxeñaría en Informática, e fomentar ao mesmo tempo o progreso e a innovación). Tamén recordou que malia os dez anos de “vida” do CPEIG, a profesión é moito máis antiga ca iso (xa cumpriu os 40 anos) e que, malia o moito que se ten avanzado, hoxe en día fica pendente de solucionar definitivamente un problema que se arrastra dende hai anos: a falta de equiparación, en materia de recoñecemento público, da Enxeñaría en Informática con respecto ao resto das enxeñarías. Suárez tamén falou doutra das grandes preocupacións do colexio, que é a ausencia de mulleres no sector, unha baixa participación que, lonxe de atenuarse co paso dos anos, non deixa de ir a máis nas contornas previas aos ámbitos profesionais, ou sexa nos propios estudos de informática.
A cita, como dixemos, encadrouse nos eventos de conmemoración do décimo aniversario do CPEIG que a entidade profesional programou este 2017, ao abeiro do lema 10 anos conectad@s. O evento do 30 de novembro foi, de feito, a culminación desas conmemoracións.
O evento foi pechado pola directora da Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen fixo un percorrido polos principais logros da profesión e polo seu “papel como embaixadoras e embaixadores das vocacións STEM para difundir o amplo abano de posibilidades laborais que ofrece o sector tecnolóxico”. Tamén aproveitou para felicitar ao colexio por “esta década de traballo” e ao que recoñeceu “a súa colaboración na formación e difusión das TIC en diferentes iniciativas da Axenda Dixital de Galicia, claves para contribuír a xerar un clima de confianza entre os cidadáns e dinamizar o seu uso”.
A maiores, Pereira lembrou que, malia ser un perfil moi demandado, en Galicia só un 9,3% dos alumnos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito científico-tecnolóxico. Ademais, dixo, só o 29,1% das persoas matriculadas en carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) son mulleres, unha fenda de xénero que xa se percibe antes da universidade, xa que só o 33% das mozas optan polo Bacharelato Científico-Tecnolóxico fronte ao 46% dos mozos. A directora de AMTEGA subliñou que “incrementar estas cifras é unha responsabilidade conxunta que implica a administración públicas, universidades, colexios profesionais e sector empresarial, e que se está a afrontar cun enfoque multidisciplinar”.

Categorías: Ciencia

Vitae achéganos ás posibilidades de Selenium para unha programación áxil e eficiente

Xov, 11/30/2017 - 22:55

Canta máis liberacións de programas, máis esforzo de probas e validación. A pregunta que se fan moitos desenvoldedores na actualidade é: como facer para que o testeado de novas ferramentas e actualizacións de recursos previos sexa o máis doado, automático, áxil e efectivo posíbel? Unha das posíbeis respostas a esta cuestión está sen dúbida en Selenium, unha ferramenta de código aberto que abre importantes posibilidades en materia de comodidade e rapidez para os programadores con tarefas de testing de aplicacións entre mans. Para botar luz sobre as potencialidades da ferramenta, a consultora Vitae está a organizar o curso de 16 horas Automatización de Probas con Selenium (PDF), que se celebra en xaneiro, os días 29 e 30, no Hotel Attica 21 da Coruña. Segundo apunta Vitae, a actividade formativa achega materia prima para quitarlles de enriba aos equipos de testing boa parte da presión coa que conviven.
Entre outras cousas, Selenium pon en xogo importantes recursos de automatización, un complemento ao testeado manual para reducir o tempo destinado ás probas de regresión, smoke test ou probas funcionais. Segundo informa Vitae, durante este curso abordaranse os principais conceptos sobre automatización de probas, presentando unha metodoloxía para acadala e asegurala e, tamén, levándoa á práctica nun caso particular empregando Selenium.
Os obxectivos específicos do obradoiro son os seguintes: comprender a utilidade a necesidade da axilizar o traballo das probas dentro do proceso xeral de desenvolvemento de software; adquirir os fundamentos para deseñar, construír e executar probas de maneira automática con Selenium (permitindo aos asistentes realizar proxectos de automatización xusto despois de rematar o curso); comprender os aspectos que interveñen nunha estratexia de automatización e, tamén, coñecer os aspectos claves dunha destas estratexias, achegando a información precisa para a toma de decisións.
O curso vai dirixido a analistas e enxeñeiros de probas e desenvolvemento de software, así como a programadores e técnicos de sistemas (explotación).
Recoméndasenos, para inscribirnos nel, contarmos con experiencia en iniciativas de desenvolvemento de software e coñecementos básicos de programación. Nun principio, os casos prácticos están orientados ao emprego de linguaxe Java, pero é viábel o uso doutras tecnoloxías.
O encargado de impartir os contidos será Aurelio Gandarillas Cordero, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia profesional no sector TI e máis dunha ducia de anos de bagaxe como consultor e formador en desenvolvemento e calidade do software.

Categorías: Ciencia

As xornadas de seguridade e defensa celebradas no CITIC xuntaron representantes da Armada, Airbus ou Getronics

Xov, 11/30/2017 - 21:12

O primeiro sistema de detección temperá de sismos e tsunamis en España, estratexias de defensa ante ciberataques ou a utilización de modelos matemáticos para o reparto de axuda humanitaria nas catástrofes, foron algúns dos temas protagonistas dos 12 relatorios que formaron parte das V Xornadas sobre Seguridade e Defensa organizadas por CITIC da UDC e o ITMATI os pasados 23 e 24 de novembro na Coruña. O evento xirou arredor da exposición de casos de éxito nestas materias, onde teñen moita influencia os algoritmos numéricos e o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
A relevancia que posúe Internet actualmente foi resaltada polo CEO de Torusware, Guillermo López, que afirmou que neste medio é onde “se libran as guerras do século XXI”. Ademais, engadiu que a análise de grandes cantidades de datos dixitais serve para anticipar unha estratexia de ciberdefensa e adaptala a tempo real, ademais de axudar a detectar patróns de comportamento anormais nas persoas. “Se un sospeitoso apagou o móbil e normalmente non o fai, é probable que nese tempo cometera o delito e este feito xa serve como proba nun tribunal”, puxo López como exemplo.
Innovación para a detección de fenómenos atmosféricos
O capitán de Navío e profesor emérito do Departamento de Xeofísica da Escuela de Estudos Superiores, José Martín Dávila, presentou o primeiro sistema de detección temperá de sismos e tsunamis en España, que funciona mediante modelos matemáticos e algoritmos numéricos. Dávila defendeu que con este sistema pódense predicir os tsunamis mesmo con minutos de antelación, o que permite poñer a salvo á poboación.
Pola súa parte, a Armada amosou un algoritmo matemático para calcular a destrución que pode producir un tsunami, ao que Martín engadiu que tamén é posible facer un seguimento de grandes terremotos grazas a unha rede GPS creada para detectar deformacións no terreo.
O broche das xornadas foi unha mesa redonda que xirou en torno ao ámbito do Big Data, e na que se discutiu acerca das maneiras de realizar análises de datos para sacarlles o maior partido posible, ademais da seguridade dos mesmos e a súa xestión. Os participantes no debate como os representantes do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), do CITIC e do Centro Superior de Estudos de Defensa Nacional (CESEDEN), contaron coa presenza de profesores e alumnos universitarios e profesionais de empresas que aportaron novas e innovadoras visións a este eido.
As principais ferramentas das V Xornadas de Seguridade e Defensa
O encargado da Sección de Efemérides do Real Instituto e Observatorio da Armada (ROA), Sergio Borrallo, presentou o Almanaque Naútico Digital (ANdi), unha aplicación informática que asiste aos marines para poder situarse no océano de maneira inmediata e con exactitude.
Á súa vez, mediante o emprego de determinados modelos matemáticos, conseguíronse adaptar os sistemas tradicionais de distribución ao reparto de axuda humanitaria nas catástrofes, como detallou Teresa Otuño, do Instituto de Matemática Interdisciplinar. Otuño e o seu equipo conseguiron integrar variables como a equidade e a conveniencia de viaxar en convoi para poder levar escolta e circular pola ruta máis segura, o que ela considera que é unha axuda para os expertos á hora de tomar decisións.
Toda a información sobre a denominada “firma radar” foi exposta por Jesús Álvarez, de Airbus Defense and Space. Esta ferramenta determina o que son exactamente os brancos que localizan os radares e deste xeito non é necesario que os militares teñan que arriscarse a achegarse ao obxectivo para comprobar do que se trata. “Esta información permite facer simulacións sen ter que facer simulacros reais, o que abarata custes” matizou Álvarez.

Categorías: Ciencia

Os usuarios do libro dixital terán á súa disposición un servizo de atención para resolver dúbidas e incidencias

Xov, 11/30/2017 - 18:30

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, presentou hoxe o novo servizo de atención para os alumnos, familias e docentes usuarios do libro dixital, que permitirá resolver dúbidas e incidencias tanto de xeito remoto como presencial, servizo dispoñible de xeito remoto a través do teléfono e Internet, a 24 horas e 7 días á semana; e de xeito presencial a través de puntos físicos de atención ou no domicilio do usuario en caso de que a incidencia o requira. O valor do contrato deste servizo é de 2,2 millóns de euros cada dous anos.
O presidente da Xunta lembrou que en Galicia 154 colexios en Galicia están adheridos ao libro dixital, 60 deles incorporados este ano académico, un incremento de máis do 50% con respecto ao curso pasado. Case 12.000 alumnos e alumnas de 5º de Primaria a 2º da ESO están a recibir un ensino completamente dixital.
Ademais, Feijoo adiantou que, a nivel de equipamento, comezarán a distribuírse ao longo de decembro e xaneiro os 14.600 ordenadores portátiles para alumnos e os 2.000 para profesores que xa foron adquiridos; e anunciou que tamén se ampliarán os contidos do libro dixital, xa que se incorpora un terceiro provedor de contidos, a Editorial Planeta, que se sumará a Netex e a Edebé.

Categorías: Ciencia

O segundo certame Youtubeir@s amplía categorías e premios, 5.500 euros en total

Xov, 11/30/2017 - 14:33

Se YouTube é un praza onde se xuntan millóns de persoas, calquera iniciativa que queira reivindicar de verdade o galego terá que pasar por forza por ese espazo de confluencia. Sobre todo se tempos en conta que non se trata dunha praza calquera: trátase do segundo buscador máis grande do mundo e o terceiro sitio máis visitado despois de Google e Facebook, cunha taxa de crecemento de 10 vídeos por segundo. Este 30 de novembro presentouse en Santiago a segunda edición dunha iniciativa que é como montar un estrado na dita praza e subir ben o volume para que se nos escoite. E facendo fincapé nas novas xeracións, que son as que lle inxectan a maior cantidade de combustíbel a YouTube. Estamos a falar da segunda convocatoria de Youtubeir@s, cuxo obxectivo é ateigar a Rede de vídeos na nosa lingua.
Segundo se lembrou na presentación, celebrada na Facultade Ciencias da Comunicación, o proxecto vén da man dos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das nosas tres universidades e da Deputación da Coruña. Tamén se recordou que outra das finalidades é fomentar a creatividade con temas propios ao tempo que se xeran referentes en galego.
Na presentación participaron a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, a vicerreitora de Servizos Universitarios da Universidade de Santiago, María do Carme Silva Domínguez e os responsábeis dos servizos de Normalización Lingüística dos restantes concellos implicados.
No acto, que tivo como distintivo máis visíbel unhas lentes vermellas nas facianas dos participantes (lentes que tamén apareceron no vídeo promocional proxectado e que serán un sinal ou marca youtubeira para fortalecer as ligazóns entre os vídeos a concurso e facilitar a súa identificación, a “marca” galega de seu), Fernández Valencia achegou unha serie de detalles importantes sobre a edición do ano pasado e a presente. Segundo dixo, este ano hai máis premios e máis contías a repartir (5.500 euros) en relación á convocatoria previa, e tamén máis entidades implicadas (por exemplo a Deputación da Coruña). Respecto da edición 2017, dixo que saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Fernández Valencia tamén lembrou que o certame xa está a piques de comezar, e que a partir deste 1 de decembro poderemos presentar xa as nosas achegas audiovisuais de reivindicación do galego.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, fixo fincapé no potencial de promoción cultural da Internet: “Nas redes podemos refrescar a lingua, unha lingua que por desgraza aínda fica afastada de moitos ámbitos de uso”. A intención de Youtubeir@s, dixo, é conectar coa mocidade, xa que a mocidade está nas redes, e a mocidade é quen posúe verdadeiramente o poder para facer preservar a lingua que lle foi herdada. Tamén recordou que entre as novidades desta convocatoria atópase a de dar máis voz ás persoas maiores para que contribúan elas tamén ao obxectivo de reivindicar a lingua ao mesmo tempo que se impulsa a creatividade e a innovación.

Premios Youtubeir@s

Nos Premios Youtubeir@s poderán participar “todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle”. Segundo se fixo saber, as pezas deberán estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que, como dixemos, incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. Este último galardón, chamado #propostayoutubeira, será tamén unha das grandes novidades deste ano. A través deste premio, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases ao completo pódense consultar na web youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.

Categorías: Ciencia

Toponimízate convida á veciñanza a rexistrar e xeorreferenciar os máis miúdos nomes de lugar

Xov, 11/30/2017 - 13:17

Esta semana a Secretaría Xeral de Política Lingüística e os concellos da Rede de Dinamización (RDL) presentaron o programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que comeza a súa andaina en 14 municipios da dita Rede con outras tantas xuntanzas en aberto para pór en valor os nomes de lugar locais e de máis alá do ámbito de cada concello. Nas xeiras, nas que participarán técnicos especialistas en toponimia compartindo impresións coa cidadanía, farase fincapé na importancia da microtoponimia, ou sexa, naqueles nomes referentes a elementos e espazos miúdos que non adoitan aparecer nos mapas e que, por estas e outras razóns (por exemplo a perda da poboación no rural), están en claro risco de desaparecer. Cada concello dos ditos 14 acollerá unha xuntanza. A previsión é dar continuidade á xira. Nela tamén se porá o foco na relevancia de xeorreferenciar e xeolocalizar este patrimonio inmaterial coa axuda das novas tecnoloxías (Rede, móbiles, GPS, aplicacións).
Segundo explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, “a toponimia e a microtoponimia son unha grande riqueza e obra colectiva que cómpre salvagardar para evitar a súa perda”. Tamén recordou que a súa recuperación e fixación é un compromiso do Goberno galego en estreita colaboración coa Real Academia Galega (RAG). Acompañárono na presentación o académico da lingua galega Xesús Ferro Ruibal; Vicente Feijoo, encargado das charlas; e Antonio F. Guiadanes, responsábel da etimoloxía e a motivación deste proxecto. Os dous últimos son, canda o xeógrafo Antonio Fraga, os responsábeis técnicos da implementación do programa.
Esta acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, coordinados ambos os dous desde a Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa colaboración da AMTEGA e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Ao longo do mes de decembro, A Coruña, Arteixo, Boqueixón, Lousame, Melide, Miño, Vedra, Palas de Rei, Sober, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove e Silleda acollerán conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Nelas falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...).
Amais, nos concellos que teñan pendente recoller a súa microtoponimia (nomes de leiras, camiños, fontes, penedos) mostrarase unha aplicación móbil que lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e pendurar na Rede todo o colleitado, tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, “de xeito que todos poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo”, sinalou Política Lingüística.
Toda a información e calendario de sesións está no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Categorías: Ciencia

A Xunta abre unha consulta pública ao mercado para estender o modelo de teleasistencia avanzada no fogar

Xov, 11/30/2017 - 13:17

A Xunta abriu esta semana unha convocatoria de consultas preliminares ao mercado para definir os servizos e solucións que permitan estender a teleasistencia avanzada no fogar na Comunidade. Esta mañá a directora da AMTEGA, Mar Pereira, xunto con subdirector Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Consellería de Política Social, Luis Vázquez; e o subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, mantiveron a primeira xornada de traballo con empresas interesadas en participar na consulta.
A Administración autonómica aposta por un modelo de Fogar Dixital Sociosanitario, que a través dunha única plataforma tecnolóxica permita a prestación tanto de servicios sanitarios como sociais no domicilio dos usuarios. Búscase a evolución da teleasistencia social actual, baseada no botón de alarma ante unha incidencia, a un modelo que permita identificar situacións de risco no fogar de forma automática e comunicalas telemáticamente aos coidadores ou prestadores de servizos.
O obxectivo desta consulta é identificar o modelo tecnolóxico que permita prestar no domicilio os servizos catalogados como teleasistencia avanzada. É preciso definir tanto os compoñentes tecnolóxicos cos que ten que contar o fogar, como a conectividade necesaria para o correcto funcionamento dos diferentes servizos, así como o modelo económico que permita estender de maneira eficiente estender a teleasistencia avanzada no territorio galego.
Entre os servizos que incorporará a teleasistencia avanzada están os relacionados coa domótica (detección de situacións de risco por escapes de gas, auga, lume, ...); os relacionados co estudo de alteracións nos hábitos no domicilio (patróns de actividade, caídas, ...); a xeolocalización dos usuarios; a telediagnose, teleconsulta médica, telemonitorización sanitaria ou os relacionados coa mellora da capacidade cognitiva dos usuarios.
Actualmente, aproximadamente uns 5.000 fogares benefícianse do modelo de teleasistencia actual dentro dos programas impulsados pola Xunta. Estes fogares son susceptibles de beneficiarse da evolución a un novo modelo de telasistencia, así como outros colectivos de persoas maiores que vivan soas ou enfermos crónicos que así o requiran.

Actuacións en marcha: Activage, HSUE, Decreto Fogar Dixital

A Administración autonómica ten en marcha diferentes actuacións encamiñadas a facilitar este novo modelo de prestación de servizos sociosantiarios.
Así, no marco do proxecto europeo Activage, o Sergas, a Consellería de Política Social, a Amtega están a colaborar con Televés e Cruz Roja na pilotaxe de solucións de fogar dixital sociosanitario con 700 usuarios, 100 deles con necesidades puramente clínicas, 450 usuarios de prestacións sociais, e 150 con necesidades sociosanitarias
As probas de diferentes solucións en función dos perfiles permitirá sentar as bases dunha futura carteira de servizos sociais prestados desde o fogar (coidado integral para os adultos de idade avanzada con enfermidades crónicas, a monitoraxe da actividade diaria, solucións de seguridade e confort en casa, de estimulación cognitiva ou de prevención do illamento social, etc)
Por outra banda, dentro o proceso de modernización dos servizos sociais, a Xunta puxo en marcha a Historia Social Única Electrónica, que proporciona aos profesionais deste área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único ao expediente social dixital de 530.000 usuarios incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais. Xa está operativa en preto de 200 concellos e nun futuro integrarase coa será un dos instrumentos que nun futuro facilitará o modelo de teleasistencia avanzada no fogar. A entrada en funcionamento do HSUE supón un avance cara a futura historia-sociosanitaria, que permitirá a completa trazabilidade da información do cidadán en ambos sistemas
A nivel normativo aprobouse o Decreto que garante que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados do Fogar Dixital, tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort.
Establece que para obter as licenzas oportunas será requisito obrigatorio proxectar e instalar as infraestruturas de soporte do Fogar Dixital. A norma obriga a incorporar unha serie de canalizacións, rexistros e espazos de reserva durante a fase de construción das vivendas e recolle tamén a recomendación de que estas se inclúan cando se rehabiliten ou remodelen as vivendas xa existentes.

Benestar e autonomía

A teleasistencia avanzada busca mellorar o benestar, a autonomía e saúde das persoas maiores ou con dependencia, convertendo o fogar nun lugar seguro e confortable para aquelas persoas maiores que tendo autonomía, e preferindo manterse na súa contorna social, precisan de servizos e coidados sociais e sanitarios que se poidan prestar a distancia.
Falamos dun servizo de gran importancia para acadar un modelo de prestación de servizos públicos sustentables na Comunidade onde 23,6% da poboación ten máis de 65 anos, dos que aproximadamente 110.000 viven sos e a maioría prefiren vivir no seu fogar.

Categorías: Ciencia

O CESGA ponse ao servizo do sector biotecnolóxico da nosa terra

Xov, 11/30/2017 - 12:18

O pasado venres 17 de novembro, o Centro de Supercomputación de Galicia acolleu unha xornada sobre cálculo avanzado e servizos na nube en colaboración con Bioga, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida. A xornada, que se celebrou na sede do CESGA en Santiago, serviu para mostrar as principais necesidades das empresas integradas na entidade e, tamén, para amosar o potencial e as capacidades do Centro de Supercomputación en materia de cálculo de alto rendemento e almacenamento de datos. Segundo se fixo saber no encontro, o noso sector “bio” consume a día de hoxe o 20% da capacidade de computación do CESGA e copa, ademais, o 30% dos recursos de almacenamento do centro.
Na xornada interveu o director do CESGA, Javier García Tobío, quen lembrou que o centro “é unha ferramenta fundamental para a competitividade do sector biotecnolóxico da nosa Comunidade”, un sector que integra unhas empresas con “necesidades moi relevantes de cálculo e de almacenamento de datos”. Segundo engadiu, aí da de hoxe “algo máis dunha ducia de empresas galegas deste ámbito traballan xa co CESGA, así como diferentes grupos de investigación das universidades galegas e doutras Comunidades e do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC)”. Entre estas empresas e grupos, recordou, atópanse AllGenetics, MD Use!, Affinimeter o Glecex, cuxos casos de éxito foron debullados no transcurso da xornada.
Segundo os cálculos de García Tobío, o sector biotecnolóxico require dunha parte importante dos recursos do CESGA, o que vén motivado polas demandas especiais de disciplinas como a xenómica ou a nanomedicina, ámbitos de investigación que producen mancheas de datos que cómpre almacenar para logo poder tratalos e tirarlles proveito.
Na xornada participaron medio centenar de empresas de Bioga, abordando exemplos de computación, cloud e acubillos de información. Impartiron charlas os doutores Aurelio Rodríguez e Carlos Fernandez, técnico superior de Aplicacións e administrador da Área de Sistemas do CESGA, respectivamente, tras unha presentación de Ramón Basanta, responsable de Transferencia do centro. Os asistentes coñeceron diversos casos de uso e debateron sobre as necesidades das empresas do sector en computación, almacenamento e comunicacións. O director do CESGA, ao remate da xornada, mostrou as instalacións.
Seguindo engadiu García Tobío, “para estar na vangarda e sermos competitivos é crucial que teñamos a capacidade de manexar e almacenar información”. Neste senso, engadiu, o CESGA ofrece o uso de infraestruturas de computación e almacenamento de datos, define solucións tecnolóxicas adaptadas ás necesidades de cada empresa e fornece de consultoría e asesoramento sobre plataformas de computación, simulación, modelado, datos inxentes (Big Data), aprendizaxe a distancia (eLearning) ou GIS. Como exemplos concretos destas demandas atendidas das firmas de biotecnoloxías, puxo o foco nas necesidades computacionais do deseño de novos fármacos, un eido no que é preciso coñecer a dinámica molecular ou desenvolver novas moléculas, e para iso “faise preciso elaborar simulacións sobre cal vai ser o comportamento das mesmas”. Segundo engadiu, no deseño de novos medicamentos, antes e despois de probas de laboratorio, cómpre levar a cabo centos ou milleiros de simulacións.
Bioga é unha asociación empresarial sen ánimo de lucro que aglutina ás organizacións integradas na cadea de valor do sector biotecnolóxico que teñen a súa sede en Galicia. O Clúster traballa para mellorar o emprazamento competitivo do sector galego, buscando melloras competitivas e a xeración de negocio mediante o impulso de accións e servizos directamente dirixidos ás empresas deste ámbito.

Categorías: Ciencia

A USC lanza unha app para identificar e corrixir colectivamente os seus elementos non accesíbeis

Xov, 11/30/2017 - 10:21

A Universidade de Santiago quere ser accesíbel ao cen por cen, e quere facelo, ademais, coa axuda e coa participación da súa comunidade e dos usuarios das súas infraestruturas. Por esta razón, a institución educativa desenvolveu e lanzou a ferramenta AdappTAUSC, unha aplicación móbil gratuíta e deseñada co obxectivo de identificar colectivamente as infraestruturas e servizos con necesidades de adaptación nos campus. A iniciativa, que vén da man do Grupo de Estudos sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (GREDDIS), busca que os usuarios con necesidades especiais se convertan “en suxeitos activos na busca de solucións e na mellora do proceso de adaptación das infraestruturas da universidade compostelá”.
Segundo informaron onte os responsábeis do lanzamento, ADappTAUSC é un software pioneiro e innovador que marca un antes e un despois nas estratexias institucionais por derrubar atrancos e recoñecer diversidades, sobre todo polas súas implicacións tecnolóxicas. De feito, permite marcar os elementos do equipamento dos campus con foto xeolocalizada e comentar ese lugares concretos, tanto “polo seu valor positivo como negativo”. O reitor Juan Viaño salientou as posibilidades que abre esta ferramenta para permitir que se cruce unha liña concreta: a que separa a titorización de persoas con problemas de mobilidade, por unha banda, da acción directa da man destes colectivos, pola outra. Estes colectivos, salientou, son pois os encargados do pilotaxe do proxecto.
Viaño estivo acompañado na rolda cos medios polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a presentación celebrouse nun acto na sala de xuntas da Facultade de Dereito á que tamén asistiron o co coordinador do Grupo Greddis, José Julio Fernández; e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez.
Funcionamento
Unha vez instalada a aplicación no móbil, o usuario poderá sinalizar aqueles espazos ou accesos da USC non adaptados a través dunha fotografía nun mapa, así como aqueles outros que representan unha mostra de boas prácticas en materia de adaptación ou accesibilidade. Segundo se fixo saber na presentación, nos dous casos, a través dun código de sinais en vermello ou verde (segundo sexa un lugar adaptando ou non), o usuario poderán ademais engadir un comentario que describa de xeito breve o problema detectado ou o carácter positivo da adaptación atopada.
A finalidade de ADappTAUSC é “elaborar unha auditoría ou informe que poña en coñecemento da administración as posíbeis deficiencias así como as iniciativas positivas no eido da accesibilidade sen barreiras”.
Como dixemos, esta nova aplicación é unha iniciativa do Grupo de Estudo sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (GREDDIS), grupo multidisciplinar que nace na procura de xuntar vieiros de inclusión deste colectivo na ensinanza universitaria. Foi constituído en xullo de 2017 grazas á financiación do Consello Social da USC e está coordinado polos profesores da Facultade de Dereito José Julio Fernández Rodríguez e Luz Mª Ruibal Pereira.
Entre as iniciativas levadas a cabo por GREDDIS figuran a elaboración dun informe dirixido á Xunta sobre a necesidade de artellar novas accións para a atención ás persoas con diversidades funcionais (con especial atención ás solucións da tecnoloxía dixital) e o desenvolvemento dun estudo para coñecer a situación da adaptabilidade da USC a través dunha enquisa en liña, á que agora se suma ADappTAUSC.

Categorías: Ciencia

Antonio Fernandes salienta na UVigo as posibilidades laborais do ámbito hacker

Mér, 11/29/2017 - 23:58

A figura do hacker perante a sociedade está ateigada de connotacións negativas (mesmo delitivas), sendo esta visión tan simplista algo que dista bastante da realidade pois na actualidade a experiencia dalgunhas destas persoas están a axudar a atallar debilidades, atopar puntos febles e introducir medidas máis seguras dentro do ciberespazo. É o caso de Antonio Fernandes, hacker de Vigo que se achegaba hoxe até a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dentro do ciclo Enxeñaría e Sociedade para falar de diferentes aspectos relacionados coa ciberseguridade.
Segundo explicaba Fernandes, “a ciberseguridade é unha materia transversal a calquera eido no que estea presente a tecnoloxía” e, pouco a pouco, mediante a transformación dixital, estará presente en “todos os sectores profesionais e no noso día a día”. De feito, o Internet da Cousas é un dos retos da ciberseguridade e “moitos dispositivos de IoT (Internet of Things) para uso persoal carecen das medidas de seguridade suficiente” e é preciso concienciar á sociedade da cantidade de “información de carácter persoal que damos consciente ou inconscientemente a estes aparatos no noso día a día”.
Dende a automatización da industria aos coches intelixentes, das casas domóticas aos teléfonos móbiles, a sociedade está cada vez máis conectada e, segundo o hacker, “temos que comezar a considerar que todos os servizos e produtos que se creen, deben pensarse coa ‘seguridade por deseño", cousa que actualmente podemos dicir que en multitude de produtos non está ocorrendo”.
Para rematar, Fernandes quixo facer fincapé en que o eido dos hackers estase a converter nunha opción máis a nivel laboral encamiñada ao alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. De feito, o centro porá en marcha o vindeiro curso un Máster en Ciberseguridade e conta, dende 2016, coa Cátedra Deloitte en Ciberseguridade.

Categorías: Ciencia

YouTube xa ten a súa alternativa ás historias

Mér, 11/29/2017 - 22:00

Dende YouTube están a preparar numerosas novidades que buscan facilitar a conexión entre creadores e seareiros, e que xa están en probas. Teñen así novos elementos como enquisas, imaxes, textos, imaxes GIF e outros elementos nunha nova sección chamada Comunidade, e que vén de iniciar o seu espallamento entre creadores con máis de 10.000 subscritores.
Como exemplo destes cambios dan conta das vantaxes que supón a participación dos seareiros no proceso creativo, de xeito que a opinión dos subscritores pode axudar a decidir o tipo de contidos que queren ver máis adiante; os novos contidos facilitan información como fotografías que facilitan unha visión dos vídeos entre bambolinas ou imaxes animadas que serven de adianto do vindeiro vídeo publicado; as novas ferramentas facilitan que un creador poida promocionar outras canles (incrementando a sensación de comunidade); os novos contidos amosaranse principalmente aos usuarios que presentan un maior índice de participación (con independencia de se son ou non subscritores dunha canle) buscando así chegar a quen máis poden interesar (o que mellora a exposición); e incluso anímanse a estrear novos formatos, entre os que chama a atención os chamados Reels, que non son outra cousa que as historias que tan populares son en Snapchat ou Instagram, e que agora chegan a YouTube cunha grande diferenza: non é obrigatorio que sexan contidos efémeros. Deste xeito, YouTube subiría ao carro dunha tendencia que parece imparable, e que demostra o peso que actualmente teñen os contidos móbiles.

Categorías: Ciencia

Corrixen o grave fallo de seguridade de macOS High Sierra

Mér, 11/29/2017 - 21:00

O escandaloso fallo de seguridade que afectaba ás últimas versións de macOS que estes días saíu á luz pública, e do que advertían nos foros de desenvolvedores de Apple hai máis de dúas semanas, ten xa unha actualización de sistema que corrixe o fallo de identificación que permitía entrar os Mac sen contrasinal ningún e con permisos de administrador, podendo así acceder a todos os contidos e incluso realizar modificacións no sistema.
Sobra dicir que todos os usuarios de macOS 10.13.1 deberían instalar o antes posible o parche de seguridade que vén de lanzar Apple, xa que corrixe un fallo que nalgunhas situacións incluso pode explotarse de xeito remoto, sendo posiblemente unha das vulnerabilidades dun equipo informático moderno máis grave que pode lembrarse.

Categorías: Ciencia

Waze apunta ás motocicletas e ao control por voz

Mér, 11/29/2017 - 16:00

Pese a que as ferramentas de navegación incluídas de serie nos distintos smartphones son cada vez de maior calidade, moitos usuarios prefiren empregar alternativas como Waze, que aproveitan a colaboración entre usuarios para enriquecer o seu sistema para poder facilitar unha mellor experiencia de navegación, xa que o sistema é capaz de guiarnos para evitar atascos de tráfico, accidentes, obras... e agora a cousa vai máis aló, e facilita unha maior personalización coa estrea da posibilidade de poder indicar que o noso vehículo é unha motocicleta (o que posiblemente faga que haxa unha importante masa de motoristas de todo o mundo que se animen agora a facer uso de Waze) e a característica Talk to Waze¸ ou sexa, que a aplicación de navegación para iOS e Android pasa a funcionar dun xeito semellante á aplicación de Google, de xeito que cando o usuario di «OK Waze» activa o recoñecemento de voz para poder emitir ordes de voz que permitan iniciar un percorrido, previsualizar unha routa, enviar informes ou engadir unha parada intermedia, sen ter en ningún momento que quitar as mans do volante.
Polo momento as ordes de voz para Waze só funcionan en inglés, pero irán ampliándose a novas linguas progresivamente, como tamén irá espallándose xeograficamente o soporte de carrís preferentes (polo de agora só en EE.UU. e Canadá).

Waze está a incorporar a posibilidade de controlar a aplicación por voz (polo momento, só en inglés)
Categorías: Ciencia

O CESGA multiplica por cinco a capacidade dos seus servidores de datos

Mér, 11/29/2017 - 13:40

As capacidades e a potencialidade de resposta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vanse ver reforzadas coa entrada do novo ano. Máis polo miúdo, o centro afrontará a súa nova andaina con “azos” renovados en materia de traballo con grandes volumes de datos. O motivo? Pois a inclusión dun novo servidor de 1,54 millóns de xigabytes. Esta incorporación, aplicada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, permitirá (entre outras cousas) multiplicar por cinco a capacidade dos seus servidores de datos. En palabras do departamento da Xunta que dirixe Francisco Conde, o novo sistema tamén “aporta velocidade de acceso e flexibilidade na xestión da información”.
Máis en detalle, a tecnoloxía incorporada foi especialmente deseñada para facilitar un acceso inmediato á información almacenada, multiplicando por cinco a capacidade bruta do CESGA e, en concreto, a dos seus servidores de almacenamento de datos, ao dispor da comunidade científica e tecnolóxica usuaria do centro.
O novo equipamento, co-financiado con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), foi adquirido á multinacional tecnolóxica Fujitsu e producido polos actuais líderes mundiais en almacenamento de datos, NetApp, e supuxo un investimento de 500.000 euros.
O equipo atópase neste momento na fase final de configuración e probas e entrará a prestar servizo para a comunidade usuaria a principios do vindeiro mes de decembro. Neste sentido, permitirá a investigadores de institucións e empresas explotar de maneira máis eficiente os inxentes conxuntos de datos cos que traballan, xa que poderán acceder, procesar, manexar, explorar, ou comparar maiores cantidades de datos a grande velocidade. Para facernos unha idea da importancia destas novidades, só ao longo deste ano CESGA rexistrou máis de 50 grupos de usuarios traballando de maneira intensiva con grandes volumes de datos.
Entre as entidades que se beneficiarán deste sistema atopamos á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dependente do SERGAS e dirixida por Ángel Carracedo, que precisa ampliar as súas capacidades de traballo con datos para dar resposta ás crecentes demandas impostas polos avances en medicina personalizada.
O servizo de predición meteorolóxica galego, MeteoGalicia, ou o servizo europeo de predicións de estado do mar, Copernicus, liderado en España por Puertos del Estado, tamén se atopan entre as entidades que demandan capacidade para poder incrementar a resolución dos seus modelos e poder así mellorar a fiabilidade das súas predicións.
Investigadores galegos que participan na redacción dos informes do Panel Intergubernamental de Cambio Climático, como Juan Añel da Universidade de Vigo, precisan igualmente manexar con axilidade maiores conxuntos de datos para testar e interrogar axeitadamente os modelos cos que traballan.
Pequenas empresas que medran a gran ritmo e que traballan na punta de lanza da innovación en Galicia, como a coruñesa Health in Code, especializada en prover servizos de xenética médica, tamén demandan un acceso flexíbel a recursos especiais para seren quen de responder a picos de traballo.
Por outra banda, os centros do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Galicia contan con grupos de investigación que fan uso de complexos modelos oceanográficos nos que incorporan parámetros físicos e bioxeoquímicos para determinar o estado e predicir as dinámicas dos recursos mariños.
A maiores, grupos adicados a seguridade alimentaria e a mellora xenética animal e forestal do Instituto Nacional de Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) esperan dispor de servizos como os que fornecerá o CESGA con esta infraestrutura para acelerar a súa produción de resultados.
De igual xeito, as novidades tecnolóxicas introducidas darán azos a proxectos de centros tecnolóxicos e de empresas da contorna de tres clústeres en Galicia; o Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga), o Clúster Audiovisual Galego (CLAG), e o Clúster TIC Galicia.
O CESGA
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) depende da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). É un organismo cunha traxectoria de 24 anos. O seu obxecto é investigar, fomentar, difundir e prestar servizos de cálculo intensivo, almacenamento e comunicacións avanzadas ás comunidades investigadoras galega e do CSIC, así como a empresas e institucións. Como nodo da Rede Española de Supercomputación, o Centro é recoñecido como Infraestrutura Científico Técnica Singular do Estado.

Categorías: Ciencia

O CPEIG celebra en Santiago, cun evento participativo, os seus dez anos de andaina

Mér, 11/29/2017 - 13:14
O Centro ABANCA Obra Social na praza de Cervantes, en Santiago

Se ben o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén organizando ao longo deste ano múltiples eventos encadrados na conmemoración do seu décimo aniversario, é o vindeiro 15 de decembro cando oficialmente se cumpre a primeira década de vida da entidade profesional galega, xa que é a data na que formalmente foi creada. Para celebralo, este 30 de novembro o CPEIG convoca un evento participativo en Santiago. Ao abeiro desta xuntanza, rememorase cada ano de vida e cada achega tecnolóxica desta primeira década de andaina do CPEIG, unha década de traballo incansábel a prol do desenvolvemento da nosa terra e da profesión informática que, estamos seguros, será a primeira de moitas.
O encontro terá lugar a partir das 19.00 horas no salón de actos do Centro ABANCA Obra Social, sito na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela. Asociacións, empresariado e cargos institucionais xa confirmaron a súa asistencia ao acto, no que acompañarán ás colexiadas e colexiados.
Como dixemos ao comezo, baixo o lema 10 anos conectad@s o CPEIG leva organizadas ao longo de 2017 unha serie de actividades e actos dirixidos a celebrar a efeméride. O evento deste xoves será a culminación desas conmemoracións e estará conducido polo divulgador científico Manuel Vicente. Intervirán, por parte do CPEIG, Fernando Suárez, presidente, e Pilar Vila, vogal. A directora da Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, pechará o encontro cunhas palabras.
No decurso do acto, darase conta dos fitos tecnolóxicos e informáticos acontecidos desde 2007 ata os nosos días, “desde unha dimensión galega e internacional, así como desde o punto de vista do ente colexial”. O presentador interpelará a varias persoas dos presentes para tecer unha pequena historia deses dez anos que marcan o comezo e madureza do CPEIG.
Participantes
Deste xeito, tamén participarán: Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL); Miguel Quelle, director de RETEGAL; Frankie Gomez, responsábel de Lacon Network; Fernando Prieto, da empresa Gato Salvaje; Manuel González, presidente de Puntogal; Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais; Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo; Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e tamén vogal do CPEIG; e José Ramón Méndez, profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial da UDC.

Categorías: Ciencia

As xornadas sobre videogamificación e sexualidades desvelan múltiples exemplos de machismo nos videoxogos

Mér, 11/29/2017 - 12:12

Estes días (onte e hoxe) estanse a celebrar no Campus de Ourense unhas xornadas que enfían directamente coa celebración internacional do sábado 25 de novembro (o día contra a discriminación contra as mulleres) e que están encamiñadas a facermos fronte común a prol da igualdade de xénero na industria do videoxogo. Trátase das xornadas Videogamificación e sexualidades: identidades, xéneros e discursos interactivos. Consecuencias para a industria e a educación. Nos encontros, que veñen da man das docentes María Isabel Doval, da Facultade de Ciencias da Educación, e Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, as relatoras coinciden en afirmar que o eido dos videoxogos, malia ser un ámbito de expresión e creatividade relativamente novo e innovador, é tamén un caldo de cultivo para o patriarcado e para o machismo.
Polas xornadas, encamiñadas a visualizar até que punto a industria das consolas e das aventuras gráficas segue “lonxe dos estándares de igualdade que debera manter”, están a pasar unha manchea participantes de todo tipo de eidos, desde o académico ao de desenvolvemento de videoxogos. Segundo explicou Doval, a idea de levar a cabo esta cita naceu hai dous anos, cando na celebración no Campus de Pontevedra dun congreso internacional sobre videoxogos e educación, unha das cuestións postas sobre a mesa de xeito reiterativo foi “o androcentrismo imperante no sector dos videoxogos”. Na súa opinión, “hai un déficit moi grande en todo o relacionado coa muller e a tecnoloxía que se filtra a todo tipo de cuestións, neste caso os videoxogos”. Estas xornadas, explican, Alma Gómez, queren “facilitar unha ollada de xénero a esta industria tendo en conta a tendencia que hai de fomentar unha aprendizaxe baseada neste formato”.
Unha das participantes nas xuntanzas é Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (entidade que patrocina as xornadas), quen convidou ao alumnado asistente “a transferir á sociedade o coñecemento adquirido nestas xornadas”, e a “que sexan auténticos motores de cambio para contribuír a unha sociedade máis xusta”. Pola súa banda, Carmen Ricoy, vicedecana de Ciencias da Educación, fixo fincapé na súa intervención no carácter multidisciplinar desta actividade, que se realiza tanto desde o eido da educación como da tecnoloxía e desde o académico ao profesional.
A programación arrancou cunha conferencia sobre a reprodución de microculturas patriarcais e masculinidades hexemónicas a través dos videoxogos, a cargo de Jorge García Marín, do Departamento de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa intervención, afondou nun feito incontestábel: nos videoxogos os personaxes masculinos están “ligados a elementos clásicos da identidade masculina hexemónica, como a forza, a agresividade ou a violencia”. Deste xeito, apuntou, perpetúanse roles que deberan ser superados porque son o xermolo de vindeiros problemas de dominio e discriminación, por exemplo o rol de rescatador de princesas vingador e violento.
A primeira xeira tamén contou con varias mesas redondas sobre temas como os art games e o xénero e a muller na industria do videoxogo. Nas intervencións abordáronse temas como o papel da arte nesta relación entre videoxogos e xénero, a alfabetización dixital crítica e inclusiva, a evolución da imaxe da muller nas portadas dos videoxogos ou os videoxogos como ferramenta socializadora de xénero. Entre os participantes nestas mesas estivo Silvia López, investigadora e desenvolvedora de Serious Games en DIMElab. López salientou a importancia da incorporación das mulleres nos equipos directivos de produción de videoxogos, poñendo o foco na creación de produtos con intención educativa que consigan o mesmo impacto cós comerciais. Para loitar contra os estereotipos de xénero, Silvia López dixo que “cómpre facer un bo estudo das personaxes, do contexto de xogo, das interaccións entre personaxes e dos diálogos”.
Pola súa banda, Marta Somoza, arquitecta e investigadora, avaliou as paisaxes que aparecen nos videoxogos e o seu carácter ou non inclusivo, facendo fincapé no predominio de territorios perigosos, fríos e catastróficos. Deste xeito, recalcou, “non son inclusivos nin para a muller nin para a especie humana en xeral, xa que son territorios onde é difícil a supervivencia”.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo quere máis e mellor banda larga para o rural

Mér, 11/29/2017 - 11:25
O deputado Álvaro Santos nunha rolda de prensa recente

A Deputación de Lugo quere impulsar o rural da provincia, avanzando en política forestal sustentábel e en servizos básicos de atención e educación, nunha meirande atención ao sector agrogandeiro, na capacidade de resposta fronte as meteoroloxías adversas e avanzando, tamén, no ámbito da implantación tecnolóxica (máis e mellores accesos dixitais de calidade). Así o acordou en pleno a Deputación, con feitura de proposta do PSOE e o BNG, dirixida a instar á Xunta a elaborar “un plan participativo de impulso ao medio rural” no que se inclúan todos os axentes implicados e que estea “dotado de orzamento nas vindeiras anualidades para poñer en marcha medidas que freen o abandono da poboación”. Entre estas medidas, como dixemos, incluiríase unha aposta firme polas TIC.
O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, apuntou que “o abandono do medio rural é un feito totalmente constatábel, que provén da falta de planificación e estruturación do entorno natural por parte das administracións coas competencias directas na materia”. Segundo engadiu, dende o Goberno da Deputación “non vemos ao rural como un problema senón como unha oportunidade”, debéndose “por en marcha políticas encamiñadas a dotar ao rural de, cando menos, os mesmos servizos que as zonas urbanas”.
O voceiro subliñou que a contorna non urbana da provincia “enfróntase sobre todo a tres problemas: renda, acceso a servizos básicos e o abandono”. Para facer fronte a eles, engadiu, “é preciso poñer en marcha un plan de investimentos, servizos e innovación, que vaia acompañado de accións transversais que melloren as oportunidades de vida no rural”. No capítulo de implantación tecnolóxica, avogou por dotar aos concellos dunha “electrificación axeitada e unha banda larga de Internet que garanta unha conectividade semellante á das zonas urbanas, para facilitar a posta en marcha de novos modelos de negocio”.

Categorías: Ciencia

O evento sobre metodoloxías áxiles que celebrou Vitae, éxito de convocatoria

Mér, 11/29/2017 - 11:00

Finalmente, o evento organizado por Vitae Consultores para mostrar as tecnoloxías e metodoloxías máis avanzadas que nos permiten coñecer aos usuarios dos nosos servizos (comunicándonos mellor con eles e anticipándonos ás súas demandas) resultou ser (tal e como se prevía) un éxito de convocatoria e participación. De feito, a xornada Xestión de Proxectos Áxiles vs. Xestión de Organizacións Áxiles contou coa presenza de máis de 100 persoas interesadas en escoitar as achegas dos relatores.
A cita desenvolveuse o 21 de novembro na sede CITEXVI na Universidade de Vigo. As sesións comezaron cun relatorio a cargo do fundador e presidente de Scrum Manager en España, Juan Palacio. A continuación, Adrián Ager mostrou para que serve a fórmula do Deseño Intelixente (Design Thinking) e como podemos aplicala en proxectos áxiles, falándonos da súa experiencia no grupo BBVA.
Máis tarde foi a quenda de Juan Martínez Neira, director da área de Desenvolvemento de Software en Plexus, que explicou un caso de éxito orientado á calidade e ao testeado das vantaxes das metodoloxías áxiles con vistas a garantir a calidade do software. A continuación, Josefina Alonso como responsábel de Calidade dunha área tecnolóxica do CTAG, centrouse na xestión de persoas e dirección de equipos nos proxectos áxiles, facendo fincapé na utilidade das reunións diarias e a retrospectiva.
Para rematar, Manuel Doval, que exerceu durante 19 anos como CIO da operadora galega R, achegounos o caso real de R Cable e a súa fórmula de éxito en materia de organización, poñendo o foco no encaixe das metodoloxías áxiles na mesma.
Como conclusión constatouse que as metodoloxías áxiles son unha evolución e non unha revolución con respecto ás metodoloxías tradicionais de xestión de proxectos.

Obxectivos do evento

A cita encamiñouse a afondar no escenario actual das metodoloxías áxiles e do seu futuro, facendo fincapé en como deseñar de maneira adaptativa produtos e servizos, e afondando en cuestións como a xestión da calidade do software, na xestión das persoas e en como implantar metodoloxías eficaces nunha organización con casos reais.
Outro dos retos da convocatoria foi combinar enerxías, intercambiando experiencias e amosándoas ao detalle, a prol de conseguir unha integración óptima das metodoloxías áxiles no seo dunha empresa. “As metodoloxías áxiles para a xestión de proxectos”, explicaron os días pasados dende Vitae Consultores, “estanse a introducir con moita forza e rapidez nas organizacións e ás veces estas non están preparadas para o cambio de prioridades nin dos procesos nin nas persoas”. >

Relatores da xornada

- Juan Palacio. Profesor de Enxeñaría do Software e profesional con máis de 20 anos de experiencia en xestión de empresas, proxectos e equipos. Dirixiu a área técnica de iA Soft (actualmente Grupo Oesía - Zaragoza). É fundador de Scrum Manager, proxecto que actualmente preside, e tamén fundador de Safe Creative e Safe Stamper, empresas que dirixe a día de hoxe.

- Adrián Ager. Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas cun master en Mercadotecnia ademais de posgraos en Innovación e Creatividade. Profesional con máis de 5 anos de experiencia desenvolvendo proxectos dixitais a través de metodoloxías como Design Thinking e Lean Startup tanto para grandes empresas como para proxectos en startups. Traballou en Orange, na Fundación Telefónica e en BEEVA, consultora de Innovación e Tecnoloxía do grupo BBVA.

- Juan Martínez Neira. Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela. A día de hoxe é director da área de desenvolvemento de software de Plexus, consultora tecnolóxica galega con máis de 700 empregados. Profesional con máis de 15 anos de experiencia no sector TI traballando con metodoloxías áxiles e preditivas.

- Josefina Alonso Nocelo. Enxeñeira Superior en Informática pola Universidade de Vigo. Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e Preditivas (PMI, CMMI) para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo.

- Manuel Doval. Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid e posgrao en Dirección de Empresas polo IESE. Foi durante 19 anos o director IT na empresa R Cable e Telecomunicacións, sendo uns dos pioneiros en implantar metodoloxías áxiles tanto a nivel de proxectos como na organización.

Categorías: Ciencia

Renóvase o Escritorio Remoto de Microsoft para Mac

Mér, 11/29/2017 - 11:00

A aplicación de macOS para conectarse a escritorios remotos de Windows, Microsoft Remote Desktop, vén de renovarse na tenda de aplicacións do sistema operativo de Apple, incluíndo interesantes melloras como permitir redirixir o micrófono local ou smart cards cando esteamos nunha sesión remota, usar atallos de teclado de macOS en sesións remotas (para, por exemplo, poder copiar e pegar) e melloras de interface como asignar conexións de escritorio a grupos personalizados, identificar as conexións activas no centro de conexións, administrar unha listazxe única de contas de usuario nas preferencias da aplicación e almacenar múltiples entradas cun mesmo nome de usuario e diferentes contrasinais.

Categorías: Ciencia

Os peregrinos, cada vez máis tecnolóxicos

Mér, 11/29/2017 - 10:53

Os peregrinos que chegan a diario a Santiago de Compostela estanse a sumar cada vez máis ao uso das tecnoloxías como apoio ao seu percorrido polo Camiño de Santiago, enriquecendo así a súa experiencia da peregrinaxe. Nos dez primeiros meses do ano, medraron as consultas á web do Camiño de Santiago e tamén as descargas da aplicación móbil da Xunta de Galicia, así como o uso da conexión Wi-Fi nos setenta albergues da rede pública.
As descargas da app do Camiño de Santiago, que contén información útil sobre o trazado dos diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos dos que poderán participar no seu percorrido medraron no que vai de ano en máis dun 45% con respecto ao ano pasado.
Gratuíta, dispoñible en galego, castelán e inglés e apta para as plataformas iOS e Android, suma xa preto de 13.000 descargas só nese período e continúa a ser a máis descargada das apps de Turismo de Galicia. Grazas a ela, os peregrinos poden consultar horarios, localización ou teléfonos en cada tramo. Ademais, teñen acceso ás condicións meteorolóxicas e ás direccións e contactos dos centros de saúde e emerxencias. A maior parte das súas funcións están dispoñibles sen necesidade de cobertura no móbil.
E tamén os peregrinos consultan cada vez máis a páxina web. Neste caso o número de visitas a www.caminodesantiago.gal superou as 221.000 nestes dez primeiros meses do ano. E cómpre subliñar dous datos: a duración media da sesión de visita é especialmente elevada, con máis de 5 minutos e medio por persoa, o que demostra que os contidos que atopan na web resultan de interese e satisfán as súas necesidades. Ademais, a maioría deles visitan máis dunha páxina, consultando unha media de 4.

WIFI para máis de 123.000 peregrinos nos albergues

Outra mellora impulsada grazas ao Smart Camiño é a dotación de conexión Wi-Fi na Rede Pública de Albergues, que suman un total de 70 establecementos. E o seu uso tampouco deixa de medrar. Nos dez primeiros meses do ano, son xa máis de 123.000 os peregrinos aloxados nalgún dos establecementos da Rede Pública de Albergues que se conectaron a ela.
Todas estas iniciativas están incluídas no plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase dunha das iniciativas enmarcada no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, a folla de ruta coa vista posta no Xacobeo 2021 coa que a administración autonómica está a actualizar o Camiño de Santiago ao século XXI, dando resposta á súa internacionalización e diversificación.

Categorías: Ciencia

Páxinas