códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 1 hora 2 min

No outono teremos un Windows 10 orientado a equipos de alto rendemento

Xov, 08/10/2017 - 23:00

Aínda que Microsoft manifestou en numerosas ocasións as súas intencións de reducir o número de versións dos seus sistemas operativos para ordenadores persoais, dá a impresión de que non son capaces de frear a súa ansia de fragmentar o mercado de Windows 10, e anuncian que para o outono non só teremos unha nova actualización do sistema operativo, senón que tamén contará cunha nova versión: Windows 10 Pro for Workstations.
Esta nova versión de Windows 10 Pro está dirixida a estacións de traballo, ou sexa, a equipos de alto rendemento, deseñados para tarefas intensivas e de grande carga de traballo, para o que os sistemas operativos comúns non están optimizados, de aí que Microsoft decidise atender a esta demanda dos profesionais cun novo Windows.
O Windows 10 Pro para estacións de traballo funcionará con ReFS (Resilient file system), memoria persistente, un sistema para compartir arquivos máis rápido (SMB Direct) e un maior soporte de hardware (para aproveitar configuracións de equipos moi elevadas, como as que contan con até 4 procesadores e até 6 TB de memoria).
O ReFS é un sistema de ficheiros de nova xeración, que conta cunha grande tolerancia a fallos e permite administrar unidades de disco de grande tamaño con facilidade. Esta tecnoloxía permite que cando unha información conte con copias en espello, o sistema detecte os datos corruptos e pase a empregar as copias que estean en bo estado.
Tamén é moi intersante o aproveitamento de módulos de memoria NVDIMM-N, que permiten acelerar o funcionamento de aplicacións e datos aos que se accede con grande frecuencia e, ao estarmos ante memoria non volátil contamos coa vantaxe de que estes ficheiros mantéñense despois de apagar a estación de traballo.

Categorías: Ciencia

TADEGa celebrará os seus dez anos de andaina con tres grandes citas tecnolóxicas

Xov, 08/10/2017 - 22:34

A asociación TADEGa, colectivo galego a prol das novas tecnoloxías diversas e inclusivas, está a celebrar este ano 2017 o seu décimo aniversario como asociación (foi constituída como tal en 2007, establecéndose xa dende ese intre o seu firme compromiso a prol de non deixar a ninguén fóra da Sociedade do Coñecemento). Para celebralo, os seus integrantes queren rematar o ano convocando unha serie de festexos-actividades.
O roteiro de celebracións comezará en outubro, entre o 20 e o 21, da man da quinta edición do Congreso TADEGa (décimo aniversario), que se vai celebrar na Facultade de Educación da Universidade da Coruña baixo o lema Destino: inclusión educativa e dixital e desenvolvendo o seu programa a través de múltiples obradoiros, todos eles co nexo común de abrir novos vieiros para facilitar a chegada e afianzamento de tecnoloxías para todas e todos, dende as escolas até os ámbitos académicos e profesionais.
A segunda parada será a oitava convocatoria co Congreso TecnoNEEt, que se celebra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro, en Murcia, xirando arredor da tecnoloxía accesíbel e inclusiva e facendo fincapé nos logros e nos desafíos que esta loita a prol da accesibilidade implica.
A terceira parada será a segunda edición do II Startup Weekend EDU Galicia, previsto para os días 15, 16 e 17 de decembro, en Santiago, baseándose boa parte do seu programa en mostrar as achegas máis innovadoras das nosas novas empresas en materia de novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito docente.

Categorías: Ciencia

Presentadas novas axudas para o espallamento dixital do noso comercio

Xov, 08/10/2017 - 16:46

O Goberno galego presentou hoxe novas axudas para a posta a punto e o espallamento dixital do noso tecido comercial. Trátase, en total, dun orzamento de 2 millóns de euros para, en palabras da Xunta, impulsar máis de 130 proxectos no comercio de proximidade galego, “contribuíndo así á mellora da competitividade do sector”. As axudas foron dadas a coñecer pola directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal. O programa de pulo á innovación está destinado a pequenas e medianas empresas (PEME) que “veñan desenvolvendo a súa actividade comercial en Galicia durante os últimos dous anos”.
A iniciativa artéllase en varias vertentes. Primeiro, segundo informou en rolda de prensa a directora xeral, apoiaranse con até 30.000 euros os proxectos de espallamento e medre comercial, para a apertura de novos establecementos. As iniciativas potencialmente beneficiarias poderán ter en marcha procesos de optimización do mesmo proxecto comercial (especialización ou diversificación de produtos, especialización de servizos ao cliente ou novas tendencias de consumo). As firmas subvencionadas deberán incluír un compromiso de contratación de polo menos un traballador. Estas iniciativas deberán, así mesmo, responder a unha idea comercial innovadora.
Por outra banda, concederanse axudas de até 3.500 euros para proxectos piloto pop up, consistentes na apertura (por un prazo máximo de dous meses) dun novo establecemento nun concello distinto ao que o comerciante veña desenvolvendo a súa actividade para “testar un mercado ou un proxecto comercial innovador”.
Os comerciantes poderán acceder ademais a apoios de ata 1.080 euros para a súa expansión dixital, co obxectivo de acceder a asesoramento profesional e especializado para a implantación e seguimento “dun plan de comunicación dixital personalizado e axeitado ao target do comerciante, definindo unha estratexia comercial dixital de espallamento”, informou a directora xeral.
Sol Vázquez engadiu que o novo programa compleméntase coas axudas destinadas á modernización e mellora da imaxe do comercio galego (dotadas con 1,3 millóns de euros) que están nestes intres en fase de resolución, a través da cal apóiase tamén a novos emprendedores, e que conta con apoios para a reforma e acondicionamento de locais comerciais que permitirá tamén a comerciantes galegos acceder á xestión profesional das súas redes sociais.

Categorías: Ciencia

Facebook proba unha plataforma de programas de televisión en liña

Xov, 08/10/2017 - 13:03

Facebook está a reforzar a súa aposta polo vídeo, que cada vez ten máis peso nesta plataforma social, de aí que agora conten cun novo xeito de presentar contidos, Watch, que bota a andar en probas nos EE.UU. limitándose a un número moi reducido de partners para ir pulindo o que pretende ser un xeito de descubrir e consumir o que pretende que sexan os programas de televisión do futuro, xa que os contidos que recollerá este espazo estará composto por episodios que compartan temática ou fío argumental.
Facebook xa contaba nos EE.UU. cunha ficha na que se recollían vídeos, buscando así traer ao seu rego o tipo de consumo habitual de YouTube, e agora, con Watch, parecen querer facer o mesmo coa televisión tradicional, de aí que este novo servizo vaia estar dispoñible en móbiles, ordenadores e incluso aplicacións para Smart TV.
Os programas de Watch poden ser en directo ou gravados, sempre que estean serializados, e os usuarios poden engadir os seus programas favoritos a unha listaxe para non perder nunca os últimos episodios.
Para facilitar o descubrimento de contidos en Watch poderemos ver os programas dos que máis se fala, os que resultan máis divertidos, os que ven os nosos amigos... e seguindo as tendencias do vídeo en plataformas sociais, en Watch poderemos ver comentarios durante a reprodución dos programas, conectar cos amigos e incluso participar nos grupos de cada programa.
Este novo xeito de difundir vídeos busca conseguir un maior compromiso dos seareiros, crear comunidade, axudar a que os programas en directo conecten coa audiencia en vivo e, en definitivo, socializar o que son os programas de televisión vistos a través da Rede. Queda por ver como será o seu crecemento, para ver se chega ao resto do mundo, sendo esta unha plataforma moi interesante para os creadores de contido xa que, entre outras cousas, serán capaces de introducir pausas publicitarias nos seus espazos, polo que de crearen series cun grande público poderían non só tirar proveito de patrocinios senón tamén de formatos publicitarios moi asentados na televisión tradicional, que teñen moitas boletos para facer sustentable o audiovisual en liña.

Categorías: Ciencia

Vodafone One acompañará con descontos a volta ao cole

Xov, 08/10/2017 - 12:14

Vodafone España xa está, literalmente, facendo “os deberes”. Sen ir máis lonxe, onte mesmo lanzou a súa campaña Volta ao cole, que ten o obxectivo de suavizar ás familias (con algunhas rebaixas e melloras nas condicións ofrecidas nos paquetes) o regreso ás aulas dos escolares, tanto dende o punto de vista da mobilidade como no que se refire ao ámbito do fogar. Basicamente, a campaña céntrase en descontos durante seis meses do 20% sobre o prezo dos paquetes converxentes de Vodafone One e das tarifas móbiles de contrato (Mini, Smart e Rede), e do 50% no servizo de +Liñas de Vodafone One. Ademais, os paquetes Vodafone One terán o dobre de velocidade en fibra durante medio ano.
Ademais, a operadora de telecomunicacións anunciou que dotará aos fogares cunha conexión a Internet “de calidade e de alta velocidade” que faga posíbel facer fronte á multitude de dispositivos conectados a unha mesma rede que cada vez máis empréganse en casa.
A maiores, os paquetes de Vodafone One seguirán incluíndo “engadidos” interesantes, como as chamadas ilimitadas desde o fixo a fixo, e desde fixo a móbiles, as chamadas de balde entre móbiles da familia, máis datos no móbil (ata 20Gb), o servizo de itinerancia incluída en Europa e Estados Unidos e o contido premium de agasallo (HBO España, Fútbol, Motor) e sen compromiso de permanencia.
Alén do devandito, Vodafone lanzou unha oferta “especialmente acaida para estudantes que buscan só unha conexión de fibra de calidade, de alta velocidade”, acompañándose da posibilidade de ser desconectada temporalmente durante os meses de verán. Trátase do servizo Fibra 120Mb, que, cun prezo de 37 euros/mes, inclúe chamadas ilimitadas a fixo e móbil e a opción de desconexión durante un máximo de tres meses.

Categorías: Ciencia

O blogueiro e crítico Armando Requeixo, premio Alecrín 2017

Xov, 08/10/2017 - 11:41

O crítico e blogueiro Armando Requeixo vai ser recoñecido co premio Alecrín 2017 da man da Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (FEGALCAT). A entrega do galardón celebrarase esta sexta feira (venres) no Castelo de Castro Caldelas, nun acto no que tamén se recoñecerá (entre outros persoeiros e entidades) o labor doutro referente galego da nosa literatura: Olegario Sotelo Blanco. Estes premios entregados anualmente dende 2010 diríxense a salientar o labor de persoas e entidades destacadas en prol de diferentes eidos da sociedade, como a comunicación, o deporte, a música ou as letras do país. É no ámbito da literatura onde se premiará a Requeixo (premio Alecrín no eido da Crítica e a Investigación Literaria) e a Sotelo (Promoción Cultural).
Armando Requeixo, como lembraremos, é un dos grandes referentes da comunidade dixital galega no ámbito da literatura e a crítica. Mantén un blog de seu, Criticalia, que é cita obrigada para os lectores e un instrumento de contacto directo coa actualidade das nosas letras. En xaneiro deste mesmo ano o portal galego Fervenzas Literarias premiou o devandito caderno dixital de Armando Requeixo como o mellor web/blog do ano na nosa Rede.

Categorías: Ciencia

As profesións relacionadas coas TIC gañan puntos nas escollas dos nenos

Xov, 08/10/2017 - 10:15

Adecco, a compañía de recursos humanos, vén de presentar a edición número 13 da súa Enquisa Que queres ser de maior? (PDF), un estudo que se dirixe a avaliar as vocacións profesionais das nosas crianzas e que serve, tamén, para visualizar (a través dos ollos dos nenos) cales son hoxe en día as profesións mellor vistas pola sociedade. No estudo, amais das previsíbeis eleccións (futbolista segue a ser a estrela das escollas entre os nenos, cun 18,2%, e profesora a das nenas, cun 20,3%), introduciuse este ano, con moita forza, unha profesión relacionada coas novas tecnoloxías: a de youtuber.
Segundo se indica na investigación, quererían ser figuras referentes na devandita rede social o 5,1% dos nenos. Esta escolla subiu cinco puntos con respecto á anterior entrega da enquisa. Amais da de youtuber, tamén ascende postos a elección dunha carreira informática.
A investigación, na que participaron 2.000 rapaces de toda España, con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, achéganos o seguinte ranking para as nenas: profesoras, doutoras (11,3%), veterinarias (6,6%), perruqueiras (4,7%) e cantantes (3,9%). A dos nenos ficaría deste xeito: futbolista (18,2%), policía (15,3), mestre (6,4%), youtuber (5,1%), bombeiro (4,2%) e informático (3,8%).

Categorías: Ciencia

Ourense estreou este verán Sede Electrónica de seu

Mér, 08/09/2017 - 23:16

A finais do mes pasado o Concello de Ourense subiu un chanzo en materia de participación cidadá a través das TIC, e fíxoo coa presentación súa Sede Electrónica. A plataforma, desenvolvida pola firma galega Imatia, xa está operativa achegando aos veciños un amplo abano de servizos, boa parte deles co nexo común de facerlles as tramitacións e as comunicacións máis doadas (sen necesidade de desprazamentos). O obxectivo da sede virtual non é outro que “ser a versión do Concello en Internet”.
Segundo nos lembra Imatia, nela atoparemos seccións públicas e outras que requiren identificación (con DNIe ou con calquera outro dos certificados electrónicos admitidos). Entre as seccións principais atópanse as seguintes: o catálogo de procedementos (con información sobre os servizos ofrecidos polo Concello, divididos por áreas), a consulta de expedientes (para comprobar en que estado se atopan os trámites xa iniciados polo cidadán), o pago en liña de recibos ou a solicitude de documentos oficiais, como os relacionados co padrón de habitantes.
Imatia tamén fai fincapé na posta a disposición pública de todo tipo de normativas municipais, información sobre retribucións económicas a cargos públicos e partidos políticos, e a posibilidade de comunicar reclamacións e incidencias á Administración. Outras funcionalidades incluídas na Sede Electrónica están relacionadas co mundo empresarial, como o perfil do contratante ou a xestión de facturas electrónicas.
Respecto do nivel de operatividade, a plataforma irá incrementando trámites co paso do tempo, centrándose polo de agora nunha parte dos procedementos que por tradición se viñan realizando de maneira presencial.

Categorías: Ciencia

O Clúster de Turismo presenta en Sanxenxo a súa campaña de presumidores en liña de Galicia

Mér, 08/09/2017 - 23:16

O Clúster de Turismo de Galicia presentou hoxe en Sanxenxo a súa campaña Ruta Presume de Galicia. No acto, no que participou Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, fíxose fincapé no obxectivo principal da iniciativa: visualizar ante o mundo o noso potencial e facelo, a plena operatividade, a través das novas tecnoloxías da información e os internautas-viaxeiros-visitantes. A campaña foi inaugurada de xeito oficial no paseo de Silgar, en Sanxenxo, despois de ter pasado por A Coruña, Foz, Padrón ou Santiago. A metodoloxía desta iniciativa, que impulsa o sector turístico galego, é converter aos viaxeiros en presumidores nas redes sociais e na páxina web www.presumedegalicia.com.
Dese xeito, a iniciativa apóiase nunha fronte colectiva (o sector empresarial galego representado no Clúster, as administracións, os viaxeiros, os internautas) para impulsar un reto común: contribuír a reforzar a marca Galicia como destino turístico. Segundo fixo saber Nava Castro, este obxectivo é compartido polo Goberno galego e está plasmado na Estratexia do turismo de Galicia 2020. “Este documento”, sinalou, “é a folla de ruta que a Xunta e o sector privado deseñaron para acompañar o medre sustentábel de viaxeiros que Galicia está a vivir”.
Volvendo á campaña co Clúster, ten a súa orixe no ano pasado, por estas datas, na presentación da campaña Presume de Galicia, da súa páxina web e da súa aplicación, novidades das que falamos polo miúdo en Código Cero. Segundo sinalabamos daquela, a iniciativa márcase o desafío de amosar (ante o mundo) a nosa terra “a partir das achegas de centenares de experiencias en primeira persoa de galegos e visitantes”. De feito, o gran alicerce da iniciativa web é a firme crenza nas posibilidades comunicativas de nós mesmos: todas e todos podemos contribuír a visualizar e potenciar a “enorme riqueza turística que atesoura a Galicia”, sinalaba daquela o Clúster. Por certo que a intención non era (e non é) só implicar ás galegas e aos galegos, senón tamén ás/os visitantes, co fin de convertelos en superpresumidores de Galicia.

Categorías: Ciencia

As centraliñas virtuais facilitan o traballo remoto

Mér, 08/09/2017 - 17:18

Desde a empresa procúrase atender aos clientes coa maior dispoñibilidade posible, de forma que os desprazamentos fóra da sede corporativa ou mesmo do país por negocios ou outras causas son un problema para evitar, e para o que saen ao rescate solucións como a de centraliña virtual, que axudan tanto para as comunicacións con clientes como entre empregados e, ao operar a través da Internet, permiten o seu acceso desde calquera parte do mundo.
Unha centraliña PBX que funciona a través de Internet aloxada na nube, permite que os traballadores accedan e conecten coa mesma desde calquera lugar do planeta, de xeito que os compañeiros e clientes non serán conscientes de que a persoa está fóra do seu lugar de traballo habitual e comunicarase con el da forma ordinaria, sen ter que recibir indicacións de contacto extraordinarias, simplificando a comunicación e mesmo supoñendo un importante aforro económico.
Pero esta non é a única vantaxe do uso de centraliñas virtuais como as que comercializa Neotel, xa que ao realizar as chamadas a través de redes de datos fai posible que as comunicacións internas carezan de custo como servizo de voz (mesmo aínda que os traballadores estean en lugares distintos do mundo) e tamén se pode completar con numerosos servizos como autoatención, caixas de voz, desvío de chamadas, cola de chamadas, multiconferencia, fax por correo electrónico... aos que é posible engadir numerosos módulos que permite gravar chamadas, realizar enquisas de telemarketing, integrar teléfonos móbiles, xerar estatísticas de chamadas entrantes, establecer salas de reunións virtuais ou mesmo avisar ás persoas que están en espera ao realizar unha chamada sobre a súa posición na cola de espera (función de gran utilidade nos servizos de atención ao cliente).

Vídeo promocional das centraliñas virtuais de Neotel

Categorías: Ciencia

Las centralitas virtuales facilitan el trabajo remoto

Mér, 08/09/2017 - 17:14

Desde la empresa se procura atender a los clientes con la mayor disponibilidad posible, de forma que los desplazamientos fuera de la sede corporativa o incluso del país por negocios u otras causas son un problema a evitar, y para lo que salen al rescate soluciones como la de centralita virtual, que ayudan tanto para las comunicaciones con clientes como entre empleados y, al operar a través de Internet, permiten su acceso desde cualquier parte del mundo.
Una centralita PBX que funciona a través de Internet alojada en la nube, permite que los trabajadores accedan y conecten con la misma desde cualquier lugar del planeta, de forma que los compañeros y clientes non serán conscientes de que la persona está fuera de su lugar de trabajo habitual y se comunicará con él de la forma ordinaria, sin tener que recibir indicaciones de contacto extraordinarias, simplificando la comunicación e incluso suponiendo un importante ahorro económico.
Pero esta no es la única ventaja del uso de centralitas virtuales como las que comercializa Neotel, ya que al realizar las llamadas a través de redes de datos hace posible que las comunicaciones internas carezcan de coste como servicio de voz (incluso aunque los trabajadores estén en lugares distintos del mundo) y también se puede completar con numerosos servicios como autoatención, buzón de voz, desvío de llamadas, cola de llamadas, multiconferencia, fax por correo electrónico… a los que es posible añadir numerosos módulos que permite gravar llamadas, realizar encuestas de telemarketing, integrar teléfonos móviles, generar estadísticas de llamadas entrantes, establecer salas de reuniones virtuales o incluso avisar a las personas que están en espera al realizar una llamada sobre su posición en la cola de espera (función de gran utilidad en los servicios de atención al cliente).

Vídeo promocional de las centralitas virtuales de Neotel

Categorías: Ciencia

Spotify por fin funciona en Xbox One

Mér, 08/09/2017 - 13:45

Dende hai un par de anos os usuarios de PlayStation 3 e PlayStation 4 podían gozar da música mediante streaming de Spotify na súa consola, deixando fóra ás consolas de Microsoft, pero finalmente rachouse a exclusiva de Spotify con Sony, e agora os usuarios de Xbox One poden instalar na súa consola a aplicación de Spotify, o que permite que gocen da súa música favorita mentres xogan.
A reprodución musical na Xbox One pódese controlar dende o mando da consola (grazas a Spotify Connect), aínda que para non ter que saír do xogo tamén será posible mudar a música dende a aplicación móbil de Spotify e, como acontece nesta mesma, os usuarios Premium poderán gozar da música con maior calidade e sen anuncios.
Cómpre lembrar que Spotify leva un tempo elaborando listaxes de reprodución musical para gamers, de xeito que será doado atopar a música ideal para as longas sesións de xogo ante a consola doméstica.

Categorías: Ciencia

Investigan unha suposta fraude en subvencións xestionadas por Gradiant

Mér, 08/09/2017 - 11:58

O diario La Voz de Galicia dá conta hoxe dunha investigación do xulgado de instrución nº 1 de Vigo na que estarían involucrados Jorge Cebreiros (CEP, Ineo e InfoJC), Manuel Varela (exdirector xeral de Innovación da Xunta de Galicia) e José Luis Fernández Carnero (Televés) por un suposto delito de apropiación indebida de subvencións europeas para a promoción da innovación tecnolóxica en Galicia.
Segundo a información publicada, a Fiscalía quere clarexar se os investigados forman parte dunha trama que xeraba facturas falsas de xeito sistemático para inflar gastos e a bolsa de horas de traballo de enxeñaría para xustificar e cobrar as subvencións europeas xestionadas por Gradiant, entidade da que os tres investigados formaban parte do padroado.
A investigación parte da denuncia dun exdirectivo de Gradiant, despedido ha dous anos, quen descubriu catro facturas falsas por importe de 55.000 euros que non se correspondían con traballos reais, o que levou á Fiscalía a estudar se os implicados crearon ou autorizaron proxectos pantasma de innovación para facerse con cartos de subvencións europeas para proxectos de I+D+i. Tamén se investiga se o que podería ser un acto puntual podería terse convertido nunha trama a grande escala.
Estamos ante unha investigación que podería declararse complexa, polo que a súa instrución prolongaríase até maio de 2018, pola grande cantidade de documentación e material informático por investigar.
O xornal coruñés tamén recolle a resposta de Jorge Cebreiros ante as acusacións contra a súa persoa, o que considera que pode tratarse simplemente do froito do resentimento por un despedimento, engadindo que os investigados e o sector está «estrañado» pola denuncia.

Categorías: Ciencia

Instagram acepta convidados nos vídeos en vivo

Mér, 08/09/2017 - 11:30

O servizo de retransmisións de vídeo en directo dende o móbil de Instagram, moi na liña de Meerkat e Periscope, está a dar un importante salto de cara á súa socialización e popularización, xa que agora é posible engadir a un convidado durante as retransmisións, de xeito que, tras iniciar o directo chegará con premer ao botón de engadir para poder sumar ao vídeo a calquera das persoas que estea a seguir o directo, o que levará a que a pantalla se divida en dous amosando a ambos interlocutores á que que o resto de espectadores poderán seguir a comentar en tempo real.
Será posible eliminar ao convidado e engadir a outro en calquera momento, así como tamén compartir o directo como historia tras o remate do emisión ou simplemente descartalo, en función da difusión que se lle queira dar, pero resulta innegable que a posibilidade de poder sumar a outras persoas aos directos vai ser un importante incentivo para o uso desta plataforma, que facilita así dende a realización de vídeos con colaboradores até un contacto máis directo cos seareiros.

Categorías: Ciencia

Imatia estrea nova oficina na Coruña

Mar, 08/08/2017 - 23:30

Imatia, empresa galega referente en desenvolvemento web e iniciativas de optimización dixital para empresas e administracións, vén de abrir oficina na Coruña. O novo centro de operacións de Imatia na cidade herculina está situado no Parque Empresarial de A Grela, onde a súa equipa coruñesa contará con máis espazo para poder facer fronte ao actual ritmo de crecemento da compañía. En palabras da empresa, as dependencias acabadas de estrear “supoñen un importante avance para Imatia, que a partir de agora contará cun espazo de 1.300 m2 nesta cidade”. Dese total, as oficinas actuais ocupan algo máis da metade, 750 m2, deixando o resto dispoñíbel para vindeiras ampliacións ou usos alternativos.
Segundo engade a compañía galega TIC, o traslado a unha oficina de maior tamaño véu motivado polo medre experimentado pola empresa nos últimos tempos, o cal levouna a aumentar de maneira considerábel o seu persoal, achegándose aos 100 empregados (situados fundamentalmente entre as oficinas de Vigo e A Coruña). “Era por tanto necesario buscar un espazo axeitado para dar acubillo aos nosos novos compañeiros, así como os que están por chegar”, engaden fontes da firma, explicando que a día de hoxe Imatia busca xente nos seguintes postos: desenvolvemento de software (junior e senior), xestión de proxectos de comercio electrónico ou especialistas no desenvolvemento de probas, entre outros.

Categorías: Ciencia

Chega dende Vigo unha web para pór orde nos nosos contidos de Instagram

Mar, 08/08/2017 - 22:45

O Grupo Sicom, compañía de Vigo especializada no mundo en liña (liñas de actividade como a comunicación dixital, o posicionamento ou o comercio electrónico), vén de deseñar e presentar o servizo IGDates, en palabras dos seus responsábeis “unha sinxela web onde os usuarios da rede social Instagram, de maneira gratuíta, poden clasificar as publicacións do seu feed en función da data ou a etiqueta que se empregue”. A idea, polo tanto, é poñer as cousas o máis doadas posíbel para os integrantes da comunidade Instagram.
Nun plano máis concreto, que saca en limpo o usuario? Pois que de maneira rápida e simple, a través desta web, poida localizar todas as súas publicacións realizadas nun período de tempo, ou aquelas que se engloban baixo un mesmo cancelo (hashtag).
Segundo engaden os responsábeis da compañía, a devandita web supón “toda unha novidade para os usuarios desta rede social”, xa que a función non está dispoñíbel por si mesma na aplicación do servizo de intercambio de fotografías. IGDates, explican, é “a mellor maneira de sentir novamente os mellores intres capturados pola nosa cámara e compartidos en Instagram”, axudándonos, cun número mínimo de clics, a localizar as imaxes que queiramos procurar.

Categorías: Ciencia

A Xunta reinstalará unha versión anterior do software xudicial Minerva por problemas de seguridade

Mar, 08/08/2017 - 16:33

A Xunta trasladoulle ao Ministerio de Xustiza, responsable do sistema de xestión procesual Minerva, a incidencia sobre a funcionalidade que permite modificar documentos dos procedementos, detectada na última versión de Minerva.
Tras a reunión técnica mantida co Ministerio de Xustiza, acórdase proceder a reinstalar a versión anterior de Minerva, na que non aparece esta opción, mentres o Ministerio de Xustiza non publique a nova versión que corrixe esta incidencia. A previsión é que o proceso de reinstalación da versión anterior se complete esta semana.
Galicia é unha das 8 comunidades usuarias dos sistemas de información xudicial que prové o Ministerio de Xustiza (Minerva, Fortuny e LexNET), que é o departamento que actualiza as versións e decide as funcionalidades destes sistemas. As comunidades autónomas se ocupan da instalación dos sistemas, de dar soporte aos usuarios e de trasladar as incidencias ao Ministerio.
Ademais das xestións referidas á Minerva, a Xunta vén de solicitarlle formalmente ao Ministerio de Xustiza información sobre a dispoñibilidade, seguridade e as medidas que se están a levar a cabo para garantir a funcionalidade do sistema informático LexNET, ante os cortes de servizo producidos a finais de xullo e os fallos de seguridade denunciados.

Categorías: Ciencia

A Xunta destaca que VíaGalicia exemplifica o compromiso que existe en Galicia polo emprendemento innovador

Mar, 08/08/2017 - 16:29

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, destacou esta mañá en Nigrán, durante a visita a cinco das iniciativas de VíaGalicia que están a traballar nos viveiros industriais de Porto do Molle, que esta aceleradora apoiada pola Xunta exemplifica o compromiso que existe na Comunidade por impulsar o emprendemento innovador e por contribuír, deste xeito, ao fortalecemento do tecido industrial e empresarial galego.
Sinalou que tanto a aposta polo emprendemento como pola innovación son dúas das claves para conseguir unha Galicia máis competitiva, favorecendo así a creación de emprego de calidade e a posta en marcha de novas solucións deseñadas desde a Comunidade para calquera lugar do mundo. Neste sentido, subliñou que Galicia quere consolidarse como unha terra de oportunidades e un ecosistema innovador.
A directora, que asistiu acompañada da delegada do Consorcio de Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, e do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, puido coñecer de primeira man o traballo que están a realizar os emprendedores de Calabizo, Dika, Help Flash, Idawen e Resetea en sectores tan diferentes como a alimentación, o automóbil, a seguridade, o téxtil ou a reciclaxe.
Patricia Argerey lembrou que ata o 29 de setembro os interesados en participar na quinta edición de VíaGalicia -unha iniciativa realizada pola Axencia Galega de Innovacion xunto co Igape e XesGalicia en colaboración co Consorcio Zona Franca de Vigo e Vigo Activo- poden presentar os seus proxectos para ser un dos 15 seleccionados que accederán á aceleración das súas iniciativas. O programa, que ofrece acompañamento na maduración, financiamento e posta en marcha dos proxectos, conta cun investimento de 2,65 millóns de euros.
VíaGalicia activouse en 2013 e, desde entón, investíronse preto de 6,4 millóns de euros e apoiáronse máis de 120 proxectos, dos que 54 xa son realidades empresariais. Unha das novidades desta edición é que aos 15 proxectos seleccionados se sumarán outros dous procedentes das fases de Academia das anteriores edicións.

Tal e como sinalou a directora de GAIN, VíaGalicia enmárcase no programa de aceleración de empresas innovadoras -un dos instrumentos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3)-, xunto con aceleradoras como Agrobiotech, Galicia Open Future, Connecting for Good Galicia ou a Business Factory Auto. A través desta rede de aceleradoras, xa se levan impulsado máis de 500 proxectos nos últimos catro anos.

Proxectos

Durante a visita, Patricia Argerey mantivo reunións cos emprendedores para coñecer o avance dos seus traballos. Así, a iniciativa Calabizo adícase á elaboración de chourizos de cabaza, un produto 100% vexetal, con sabor e aspecto de chourizo tradicional. Pola súa parte, Dika permite aos talleres a limpeza automática do sistema de control de emisións contaminantes dos vehículos de xeito respectuoso co medio ambiente.
O proxecto Help Flash está centrado na mellora da seguridade viaria cun sistema de luz de emerxencia que facilita a sinalización dun vehículo de xeito máis rápido e seguro. Idawen é unha marca de moda deportiva que utiliza avanzada tecnoloxía e aposta pola funcionalidade dos seus deseños; mentres que Resetea crea e comercializa produtos sustentables obtidos a partir da reutilización e reciclaxe de residuos.
Patricia Argerey felicitou aos integrantes dos proxectos pola súa aposta polo emprendemento innovador e destacou que un dos principais obxectivos do Goberno galego é conseguir que as boas ideas se convertan en realidade e non se queden sen executar, poñendo ao seu alcance todos os recursos cos que conta a Administración para que consigan os seus obxectivos.

Categorías: Ciencia

Xa se pode votar polas mellores imaxes do concurso de fotos co móbil de Gondomar

Mar, 08/08/2017 - 15:30

O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Xuventude, convocou este verán un concurso de fotos co móbil, o certame Gondomar en Foto. O obxectivo da iniciativa é promover e difundir o patrimonio natural, social e cultural do municipio pontevedrés, “a través da visión da mocidade” e facendo fincapé no uso das novas tecnoloxías da información. As fotos recibidas plasmarán a vida de Gondomar cotiá, as paisaxes, os monumentos e os recunchos de interese do concello, poñendo en valor os recantos locais que aínda estean pendentes por descubrir. O certame vai dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos. Por certo que hoxe mesmo, 8 de agosto, ábrese o prazo para votar as imaxes recibidas os días pasados. Podemos facelo até o 13 deste mes na páxina web do concello de Gondomar, www.concellodegondomar.org.
O 17 de agosto a organización dará conta das 10 mellores fotos elixidas polo público internauta. As 10 imaxes que obteñan un maior número de cualificacións positivas (gústasme) serán utilizadas polo Goberno local para fins de promoción turísticos, culturais, etc. Respecto das bases do concurso establécese que calquera persoa que envíe as fotografías realizadas con seu móbil a este concurso garante ser o/a autor/a exclusivo das mesmas. Tamén se fixa (entre outras cousas) que os participantes cederán o dereito de uso e reprodución da fotografía ó Concello de Gondomar para fins de promoción. Toda a información do concurso está pendurada este verán na web do Concello de Gondomar.

Categorías: Ciencia

O Concello de Moeche sobe ao carro da participación na súa nova web, moeche.gal

Mar, 08/08/2017 - 11:52

O Concello de Moeche vén de estrear nova páxina web baixo o dominio moeche.gal. O sitio, un espazo remodelado e con novos servizos para as veciñas e veciños, susténtase sobre tres piares fundamentais: participación veciñal, transparencia e usabilidade. Ademais, o obxectivo do Goberno local é converter a páxina nunha canle referencial de información sobre todo tipo de accións do Concello ou do tecido asociativo local. Ademais, quérese impulsar como unha plataforma para o impulso do turismo e, polo tanto, para visualizar ante a comunidade internauta os atractivos do concello. Segundo informa o Concello, a páxina seguirá evolucionando en datas vindeiras “cara a unha maior información e participación”.
Respecto do proceso de modernización da súa páxina web, o Goberno local sinala que se concibiu dende a súa orixe como “unha necesidade no desenvolvemento actual da vida municipal”, tanto para fornecer de información á veciñanza sobre servizos e actividades municipais como para mostrar ao detalle a realidade asociativa do concello, como (tamén) para ser unha vía de participación e transparencia.
A nova web, desenvolvida por Gnomio portal web municipal, ofrece un amplo abano de contidos (feiras, servizos municipais, rutas, datos estatísticos, patrimonio, un completo apartado sobre o Castelo de Moeche, axenda, novas, andainas, boletíns, galerías de fotos, etc) e unha vertente de comunicación directa cos veciños a través da que se quere informalos de incidencias e avisos urxentes (cortes de auga, árbores caídas, cortes de estradas, etc). Esta vertente de comunicación directa cos teléfonos móbiles das persoas residentes, sinala o Concello, é o elemento fundamental do novo traballo web.
Segundo engade o Goberno local nun plano máis detallado, o novo sistema de información inclúe a comunicación directa coa alcaldía, a posta a disposición de audios e textos das sesións plenarias, o estado de execución dos investimentos principais, un espazo para consulta de todas as redes sociais relacionadas co Concello e a comunicación veciñal a través dun mecanismo que facilita trasladarlle incidencias á Administración local.
Polo que respecta ás asociacións, ofrécese un apartado para cada unha delas, no que contan cun espazo de seu para comunicar as súas actividades e información.
Ao tempo, partindo da importancia das informacións na actualidade, o sistema publica automaticamente na web municipal e nas redes sociais as novas municipais.

Categorías: Ciencia

Páxinas