códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 53 min 48 seg

A directora da AMTEGA destaca a importancia da ciberseguridade para protexer os servizos públicos

Ven, 11/10/2017 - 14:31

A transformación dixital converteu a ciberseguridade nun elemento inherente ao funcionamento de empresas e institucións, que precisan perfís cun alto grao de especialización para implementar os seus plans de seguridade. Durante a inauguración da xornada Intelixencia e Ciberseguridade, que se celebra hoxe na Coruña a directora da AMTEGA, Mar Pereira, acompañada polo director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, sinalou que a Administración autonómica busca «ofrecer máis e mellores servizos dixitais pero tamén dinamizar o seu uso, xerando un clima de confianza, que require da colaboración conxunta de gobernos, corpos e forzas de seguridade e sector tecnolóxico».

Alta demanda de perfís especializados

En 2016 o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE) contabilizou 115.000 incidentes informáticos a empresas e particulares en España, un 130% máis que os 50.000 rexistrados o ano anterior. Esta estatística sitúa a España como o terceiro país máis atacado do mundo, tras Estados Unidos e Reino Unido. Para afrontar esta realidade, as organizacións públicas e privadas precisan de perfís cun alto grao de especialización difíciles de atopar.
A Unión Europea calcula que en 2025 haberá unha carencia de 825.000 perfís tecnolóxicos, que continuará aumentando se non e toman as medidas para paliala. Desde a Xunta apóstase pola colaboración conxunta entre administracións, universidades e sector TIC para captar talento tecnolóxico.

Adaptación ao novo Regulamento Europeo

Un dos retos actuais para empresas e administracións públicas é a adaptación ao novo Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018. Esta lei que incorpora novos dereitos para os cidadáns como o dereito ao esquecemento, o consentimento expreso ou a portabilidade dos datos e implica un maior compromiso das organizacións públicas e privadas coa protección de datos.
A Administración autonómica está a abordar este proceso no marco do Plan Director de Seguridade TIC da AMTEGA. Nos dous últimos anos as medidas deste Plan incrementaron a capacidade de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade e facilitaron unha maior colaboración cos corpos e forzas de seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles de delitos relacionados co ciberespazo. O Plan incide ademais na concienciación dos empregados públicos, cuxa implicación é fundamental no proceso transformación dixital da Administración.

Categorías: Ciencia

Twitter amplía as lonxitudes dos nomes de perfil até os 50 caracteres

Ven, 11/10/2017 - 11:52

Ao ampliar o número máximo de caracteres por chío en Twitter até os 280, parece evidente que agora a plataforma social pode ampliar máis límites, e aínda que a lonxitude máxima dos nomes de usuario continúa limitada a 15 caracteres (mudar este factor podería ter repercusións moi serias, tanto por provocar cambios masivos e nomes de usuario como facilitando a suplantación de identidade) o nome longo que figura xunto aos mesmos si amplía de lonxitude, pasando de 20 a 50 caracteres de máximo.
A ampliación da lonxitude dos nomes en Twitter busca que as persoas poidan amosar o seu nome completo, engadir un alcume, ou incluso algunha emoticona, facendo máis variado ese elemento que estaba restrinxido polo reducido espazo en pantalla que Twitter pretendía para os chíos.
Pero esta medida de Twitter está a verse de xeito bastante crítico por moitos, que parecen ver aquí unha cortina de fume para desviar a atención do sistema de verificación de contas de Twitter, que está no medio da polémica tras verificar a conta de Jeson Kessler, o organizador das protestas de Charlottesville nos EE.UU. e unha das cabezas visibles da extrema dereita estadounidense e, aínda que a verificación dunha conta non supón a súa aprobación, vendo o rexeitamento público provocado, decidiron conxelar o proceso xeral de verificación de contas mentres non corrixen os protocolos para facer tal.
Para deixar clara a crítica ao proceder de Twitter, moitos usuarios están a promover o cancelo #WouldPreferThatYouBanNazis, ou sexa, que indícase claramente que o cambio nas lonxitudes dos nomes non é dabondo para arranxar o problema de imaxe tras verificar a conta dun usuario da dereita radical. Cómpre detallar que o procedemento de verificación de contas de usuario non parou de recibir críticas dende o seu inicio, principalmente pola súa arbitrariedade, xa que rexeitan en numerosas ocasións a figuras públicas que incluso achegan documentación de identificación persoal, mentres outras persoas con menor presenza social e mediática gozan da verificación da súa conta de usuario de xeito doado ou incluso sen solicitalo persoalmente.

Categorías: Ciencia

AtlanTICs fomenta o uso seguro de redes sociais en Arteixo

Ven, 11/10/2017 - 11:30

A Asociación Educativa AtlanTICs desenvolveu na xornada de onte un encontro organizado dende a ANPA Século XXI no Salón de Actos do IES Manuel Murguía de Arteixo no que durante un par de horas conversaron con nais, pais, fillos e algúns avós sobre Mediación Parental e Educación en Redes Sociais. Fíxose un repaso non só dos riscos e perigos aos que todos estamos expostos no uso cotián da Internet e as redes sociais, senón que tamén compartíronse consellos e informouse de diversas páxinas web nas que atopar ferramentas e información de utilidade.
Dende AtlanTICs insisten en que hai que normalizar o uso da tecnoloxía dende as familias, para o que recomendan seguir catro pasos:
- Acompañar: o que pode facilitarse instalando o ordenador da casa en zonas comúns e non en dormitorios.
- Interesarse: cómpre que os proxenitores pregunten polos gustos en redes sociais, os contidos que se ven en YouTube ou os videoxogos dos que os mozos gustan.
- Supervisar: pór límites, establecer horarios, definir que aplicacións e contidos poden descargarse no móbil... en definitiva, exercer como titores.
- Crear confianza: de realizar ben os pasos anteriores, cando o cativo teña algún problema, se ten a confianza suficiente compartirá o que lle acontece.
A Asociación Educativa AtlanTICs promoven o uso seguro e responsable da tecnoloxía, e colaboran con numerosas entidades para poder levar adiante o seu labor divulgativo.

Categorías: Ciencia

Investigadores do CITIC lideran un proxecto internacional sobre tecnoloxías de secuenciado de ADN

Ven, 11/10/2017 - 10:20
Reunión de seguimento entre Investigadores do proxecto e responsables da Axencia Ejecutiva de Investigación (REA) da Comisión Europea

Investigadores da área de Ciencia de Datos e Información do CITIC da UDC lideran o proxecto de Investigación e Desenvolvemento (I+D) de ámbito internacional BIRDS, Bioinformatics and Information Retrieval Data Structures Analysis and Design, financiado pola acción Marie Sklodowska-Curie (RISE) de intercambio de persoal de investigación e innovación pertencente ao programa de financiamento de I+D da UE Horizonte 2020 (proxecto con referencia 690941). No proxecto, ademais da UDC, participan universidades de Finlandia, Xapón, Australia, Chile e Portugal. BIRDS xorde da necesidade de mellorar o procesamento de grandes volumes de datos existentes en diferentes eidos de aplicación como a bioinformática ou a recuperación de información.
Segundo informa a investigadora principal do proxecto, Susana Ladra, hoxe en día existen por exemplo motores de procura que procesan ducias de miles de consultas de usuario por segundo. Aínda así, engaden fontes do Centro de Investigación TIC da Coruña, o futuro da era da información está en risco, xa que a cantidade dispoñíbel de datos aumenta de forma exponencial cada día. As novas tecnoloxías de secuenciado de ADN, por exemplo, están a evolucionar moito máis rápido que as leis que rexen os cambios nas capacidades dos procesadores dos computadores.
Procesar a cantidade de información que fará que o medicamento personalizado sexa unha realidade require un novo enfoque. Recentemente desenvolveuse unha nova clase de estruturas de datos para abordar os novos desafíos no almacenamento, procesamento, indexación, procura e navegación de datos biolóxicos. Tarefas similares tamén foron abordadas por investigadores na comunidade de recuperación de información: tales como o deseño de algoritmos para a análise de secuencias, a representación de redes ou a compresión e indexación de datos repetitivos. Segundo engade o CITIC, as sinerxías dos investigadores de ambos os campos poden conducir a novos enfoques eficientes para mellorar a tecnoloxía utilizada para a análise de datos a escala do xenoma.
BIRDS agarda un impacto real da transferencia dos resultados obtidos na súa investigación na sociedade. De feito, os algoritmos e as estruturas de datos aplicadas á bioinformática permiten mellorar a comprensión das causas e os mecanismos que subxacen na saúde e as doenzas. Só para dar un exemplo ilustrativo, os algoritmos para a análise de secuencias poden usarse para identificar mutacións e reordenamentos xenéticos que están presentes nos xenomas do cancro, e esta identificación, explica o centro coruñés, pode ser esencial para comprender a enfermidade e para desenvolver terapias dirixidas.
Mellorar a excelencia científica dos participantes no deseño de estruturas de datos e algoritmos avanzados para os eidos da bioinformática e a recuperación de información, aproveitando as sinerxías destas dúas comunidades é o obxectivo principal de BIRDS.
Outro dos obxectivos do proxecto é “reforzar as colaboracións existentes e crear novas colaboracións entre todos os participantes, tanto entre os socios europeos como os internacionais coa finalidade de desenvolver asociacións de investigación a longo prazo”.
O proxecto artéllase e desenvólvese con intercambio de persoal, escolas de verán, conferencias e workshops para facilitar o intercambio de coñecemento entre os membros da rede. A última acción deste tipo tivo lugar en Palermo o pasado 29 de setembro, onde máis de 50 investigadores puideron pór en común as investigacións desenvolvidas até ese intre en concreto.
Por último, indicar que este proxecto de I+D fomentará a transferencia de resultados das investigacións realizadas á industria, grazas á participación no proxecto da empresa de desenvolvemento de software Enxenio S.L., empresa con sede na Coruña, asociada á UDC e membro do padroado da Fundación CITIC.

Categorías: Ciencia

O CCG salienta a relevancia dos móbiles para culturas minorizadas como a galega

Ven, 11/10/2017 - 10:20

Que oportunidades ten a cultura galega na era dos dispositivos móbiles? Esta foi unha das moitas preguntas formuladas, directa e indirectamente, na xornada Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos organizada polo Consello da Cultura Galegas para, entre outras cousas, comprobar até que punto chegamos en materia de comunicación móbil e cultura, e avanzar algunha das novidades que nos agardan. A xornada contou na comisión organizadora con Manuel Gago, Xosé López García e Alba Silva, e foi inaugurada por Ramón Villares, presidente do CCG, quen asegurou que “non todo se resolve con máquinas e cómpre pensar e tratar de adaptar a cultura aos soportes que ten a sociedade”.
Participou, entre outros, Koldo Meso, da Euskal Herriko Unibertsitateak, que partindo dunha serie de cifras sobre o noso uso dos aparellos TIC (a media europea de minutos diarios ao móbil, que son 170, ao computador 120, e ás tabletas 75), afirmou que “o futuro pasa por Internet e pola creación de novos produtos e novos nichos de mercado”. Avogou así pola importancia da innovación nos medios nun contexto marcado pola crise, unha focha produtiva que fixo que en 2015 se pecharan en España 375 medios de comunicación. Segundo fixo saber, o grande reto é crear contidos, reordenar redaccións a ese novo entorno e, tamén, aproveitar o tráfico.
A xornada comezou cun relatorio de Juan Miguel Aguado, da Universidade de Murcia, que explicou que a información é hoxe en día ubicua, “porque se pode levar dun lado a outro”. Situou esa capacidade en tres vectores: o relacional, o identitario e o ambiental. Aguado, que traballa en contidos para dispositivos móbiles desde o ano 2003, destacou o papel do contido que “deixa pegada, se pode empregar e tamén se pode monetizar”.
Pechou a sesión da mañá João Canavilhas, da Universidade da Beira Interior, cun relatorio no que puxo de manifesto a oportunidade dos dispositivos móbiles para producir contidos e intervir na sociedade.
Pola tarde Andreu Casero-Ripollés, da Universitat Jaume I, falou sobre a comunicación política na sociedade móbil, que definiu como un “terreo pouco explorado, infravalorada e infrautilizada”. Na súa opinión os móbiles poden achegar moito á comunicación política en tres niveles: acceso, organización e conexión.
Eva Campos, da Universidade de Valladolid, debullou as oportunidades da comunicación móbil para os axentes culturais, no que definiu como “prosumo”, a suma de produción máis o consumo de bens e servizos. Manuel Gago, director do portal Culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega, pechou os relatorios facendo unha prospectiva da evolución de Internet para os vindeiros anos e o impacto que pode desenvolver en culturas minorizadas como a galega. Nese sentido fixo unha relación de estratexias concretas e puxo sobre a mesa aplicacións que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega como a máquina do tempo, que avanzamos os días pasados dende Código Cero.

Categorías: Ciencia

Un encontro afonda nas posibilidades de traballo que a Internet ofrece para a creación audiovisual

Ven, 11/10/2017 - 01:42

O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu hoxe o encontro Novos modelos profesionais para o audiovisual enmarcado nas actividades do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) pertencente ao programa Coruña Dixital, no que creativos deste sector, xunto con empresas produtoras, axencias de publicidade e marcas, afondaron nas distintas posibilidades de traballo que os novos medios están traendo para a industria audiovisual, máis alá dos soportes tradicionais do cine e a televisión.
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande abriu esta xornada que organiza a súa concellaría coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual. O obxectivo do encontro era coñecer de preto o novo escenario no que moitos profesionais están empezando a traballar, que é a produción audiovisual deseñada para a difusión en internet, con fins promocionais ou comerciais, e moitas veces encargada directamente polas propias marcas.
A sesión matinal dividiuse en dous paneis. O primeiro, co título A quen lle vendo o meu traballo? Novos formatos, novos clientes, novos mercados, reuniu a creadoras, realizadores e produtores audiovisuais como Álvaro P. Becerra (Ainé Producións), Isabel Vila, creadora gráfica e animadora, JS Raimundi (Ziwa) e Adolfo Ponte Velasco (Milana Bonita Producciones), nunha mesa moderada polo presidente da Academia, o guionista Carlos Ares.
A continuación, no panel Máis alá do spot: o vídeo na publicidade dixital. Formatos e soportes foron as marcas e as axencias de mercadotecnia en liña as que tomaron a palabra para dar a visión desde o outro lado deste ecosistema, o que xera a demanda de creación de vídeo na Internet. Falaron Gabriel Barrós, director de comunicación do RC Deportivo da Coruña, David Fernández, brand manager de Cabreiroá, e Fátima Carmena, directora de proxectos de Nasas, axencia creativa de mercadotecnica en liña.
A xornada continuou pola tarde cunha sesión de speed-dating na que 10 creadores e 10 empresas puideron conversar durante 10 minutos para coñecerse, ofrecer servizos e explicar as súas necesidades. E pechouse cun coloquio sobre as condicións profesionais deste sector emerxente e a proposta dun código de boas prácticas a seguir por clientes, axencias, produtoras, e profesionais asalariados e autónomos.

Categorías: Ciencia

COGAMI e a Fundación Vodafone apostan na nosa terra polo vídeo currículo

Xov, 11/09/2017 - 16:29

COGAMI, a entidade galega de persoas con características diversas, está a apostar pola metodoloxía do vídeo currículo para facilitar o camiño dos seus integrantes de cara a un posto de traballo. A iniciativa, que se materializa a través da área de emprego de COGAMI, estase a desenvolver a través do programa Participa coa Dis-Capacidade, que impulsa a Fundación Vodafone e que serve para que as persoas potencien o uso das novas tecnoloxías durante a súa procura de emprego, a través do que se coñece como currículo 2.0. Segundo informa COGAMI, a importancia do currículo 2.0 é cada vez maior na sociedade actual e noso mercado de emprego. Un exemplo disto é feito de que LinkedIn, a rede social referente no ámbito do emprego, que en España conta con máis de 10 millóns de membros, vén de implantar no seu seo unha ferramenta que permite aos usuarios pendurar un vídeo ao seu perfil.
COGAMI tamén explica que o vídeo currículo consiste nunha presentación audiovisual onde a persoa aspirante a un posto fala sobre si mesma, dando a coñecer as súas aptitudes, habilidades, logros, ambicións e expectativas.
Ao fío do devandito, COGAMI e a Fundación Vodafone ofrecen aos integrantes da confederación galega a posibilidade de gravar o seu propio currículo 2.0, ademais de achegar as pautas necesarias para a correcta difusión do mesmo, tendo como obxectivo final o conseguir unha entrevista persoal.
Unha das persoas que mostrou interese nesta iniciativa foi Felisa Nchama Alogo Abuy, unha moza graduada en Dereito que quere apostar polo audiovisual para presentarse ás ofertas de emprego. Felisa aproveitou esta oportunidade que se lle brinda a través de Participa coa Dis-Capacidade porque, segundo dixo, non quere pecharse a ningunha posibilidade para estar ao día no mercado laboral.

Categorías: Ciencia

A youtubeira Nuria Espasandín e a editora Cecilia Fernández, na terceira edición do LGx15

Xov, 11/09/2017 - 15:12

O espírito de LGx15 segue vivo e dando novos froitos. Esta mesma tarde, na Sala Capitol de Santiago, celébrase (a partir das 18.00 horas) a terceira edición do evento, organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística co obxectivo de mostrar e compartir ideas innovadoras para o futuro da nosa lingua e asentar os alicerces de novas propostas. Haberá charlas breves de duración, apoio audiovisual, música e humor. Entre outras relatoras, contarase coa presenza de Cecilia Fernández Santomé, editora da publicación dixital Coolt, revista mensual e en galego sobre moda, tendencias e estilos de vida. Nesta nova entrega do LGX15 tamén falará a alumna de Dereito (UDC) Nuria Espasandín, coa charla A lingua non é unha peza de museo.
Nuria, como lembraremos, foi finalista este mesmo ano na primeira edición de Youtubeir@s e ten un espazo de seu na dita rede social dende o que convida á reflexión colectiva sobre a democracia e a liberdade na que supostamente vivimos, sobre o galego ou sobre determinadas materias pendentes no sistema educativo.
Sobre Youtubeir@s
A primeira edición de Youtubeir@s, como lembraremos, resolveuse o pasado mes de maio no Teatro Principal de Ourense, nunha gala na que participaron máis de cen persoas e na que se entregaron os galardóns do certame. A colleita do certame foi ben salientábel: máis de 200 vídeos sobre diferentes xeitos de vivir en galego e de reivindicalo. A iniciativa veu da man dos servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Categorías: Ciencia

Dous doutorandos da USC, premiados no Congreso Galego de Estatística

Xov, 11/09/2017 - 15:10

O Campus de Ferrol acolleu os días pasados a 13 edición do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, organizado polo departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña a petición da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (SGAPEIO), contándose coa colaboración directa do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña. No congreso, que tivo o obxectivo de contribuír á divulgación dos avances na teoría e nas aplicacións da estatística e a investigación de operacións, houbo conferencias, mesas redondas, obradoiros, comunicacións e máis premios. Respecto destes últimos, os galardóns ás mellores comunicacións foron dar aos doutorandos da Universidade de Santiago, Jorge Rodríguez Veiga e Isabel Borrajo García.
Segundo informa a USC, o premio á mellor comunicación aplicada foi para o traballo Un modelo de programación matemática para a selección e asignación temporal de recursos aéreos destinados á contención dun incendio forestal de Jorge Rodríguez Veiga e da que son coautoras Balbina Virginia Casas Méndez e María José Ginzo Villamayor, tamén da USC. No traballo proponse un modelo de optimización matemática para seleccionar os recursos necesarios na extinción de incendios, así como a asignación das tarefas que as aeronaves realizarán en cada instante.
Pola súa banda, a mellor comunicación teórica foi a de María Isabel Borrajo García polo traballo Characterization of point processes with covariates through the first-order intensity function da que tamén son autores Wenceslao González Manteiga, da USC, e María Dolores Martínez Miranda, da Universidade de Granada. No seu traballo subministra dúas achegas ao ámbito da inferencia estatística en procesos puntuais: estimación e contraste da función de intensidade empregando co-variábeis.
Tanto Rodríguez Veiga como Borrajo García son estudantes de doutoramento no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Facultade de Matemáticas da USC, baixo a dirección de Balbina Casas e Wenceslao González e María Dolores Martínez. A cada unha das dúas comunicacións premiadas correspondeulles un premio en metálico de 500€.

Categorías: Ciencia

O sistema SIR, que permite o intercambio electrónico de documentos, xa está dispoñíbel en 79 concellos da Coruña

Xov, 11/09/2017 - 13:12
Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña

A Deputación de Coruña segue a subir novos chanzos en materia de interoperabilidade entre entidades e Administración Electrónica. Se recentemente falamos da súa plataforma turística integradora (unha plataforma para implicar a máxima participación dos concellos), hoxe a Deputación deu conta do estado de cousas relativo á implantación do sistema SIR, que permite aos concellos rexistrar documentos para calquera administración do Estado, posibilitando o intercambio dos mesmos de maneira electrónica. O sistema SIR, que foi adoptado hai aproximadamente un ano pola entidade coruñesa, xa abrangue a día de hoxe todas as entidades locais da provincia integradas na plataforma de Administración Electrónica da Deputación Provincial. Segundo informa a entidade que preside Valentín González, a Deputación da Coruña foi a primeira entidade local galega en adherirse a este sistema.
Polo que respecta ao proceso implantación nos concellos, xa cubriu os seguintes: Abegondo, Ames, Aranga, Arteixo, Arzúa, A Baña, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cambre, A Capela, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Cerdido, Coirós, Corcubión, Coristanco, Curtis, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Frades, Irixoa, A Laracha, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mañón, Mazaricos, Melide, Mesía, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Muxía, Neda, Negreira, Ordes, Oroso, Outes, Paderne, Padrón, O Pino, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Rianxo, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas, ademais do Consorcio das Mariñas e o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña.
Para reforzar o proceso de integración de SIR, a institución provincial creou un equipo de técnicos que asesora e apoia os concellos para superar as dificultades tecnolóxicas que implica a dixitalización dos trámites. Segundo informa a Deputación, a colaboración cos técnicos municipais deu como resultado que en menos dun ano se completase este “ambicioso proxecto”, logrando que “todas as entidades locais da provincia integradas na plataforma de Administración Electrónica xa estean completamente adheridas ao SIR”.
A Deputación tamén lembra que o devandito servizo ten como consecuencia que calquera cidadán poida presentar e enviar documentos a través da oficina de rexistro do seu concello ou da Deputación, dirixidos a calquera outra administración do Estado, tanto da administración central como da comunidade autónoma ou doutros concellos. “Outra das grandes vantaxes do SIR”, engade a entidade provincial, “é que, ao realizarse os intercambios de maneira electrónica, a recepción dos documentos prodúcese poucos minutos despois do seu envío, reducindo de maneira considerábel os prazos na tramitación”.
Até o de agora, a través do SIR na plataforma TEDeC, producíronse xa máis de 40.200 intercambios, cifra que se prevé vaia en aumento. A nivel estatal, desde 2012 intercambiáronse por SIR máis de 4.500.000 asentos rexistrais.

Categorías: Ciencia

A Cidade da Cultura convídanos o 1 de decembro a mergullarnos na innovación educativa que se fai aquí

Xov, 11/09/2017 - 12:15

O 1 de decembro temos cita no Gaiás (Santiago) con todas aquelas cousas que fan que o ensino de hoxe sexa máis inclusivo, universal, tecnolóxico e moderno có que as xeracións previas tivemos ocasión de coñecer. Estamos a falar da xornada InquEDU: Falemos de Educación, que organizan a Consellería de Cultura e Educación e a Fundación Galicia Sustentable. A cita, en palabras das entidades impulsoras, é unha “ocasión para compartir iniciativas, divulgar ideas e fomentar o debate a reflexión sobre propostas educativas innovadoras”. Diríxese a todos os integrantes da comunidade escolar: mestres, familias e estudantes. Por temáticas, porase sobre a mesa unha manchea de proxectos que salientan por facer das aulas mellores espazos para vivir e convivir (máis respectuosos co diverso e con menos atrancos para tirar proveito da música, as ciencias ou a tecnoloxía). Nun plano máis concreto, presentarase o libro musical Sira e Robot.
O libro-CD, que será presentado polo mestre de idiomas e música Mark Wiersma, co-autor da obra, sitúa ao lector na Galicia do ano 2050, nun intre en que o inglés vén de ser declarado lingua oficial xunto co galego. Segundo avanza a organización da xornada, Sira e Robot ten un amplo potencial como instrumento lúdico e didáctico en relación coa nosa lingua e co inglés, de interese non só para os escolares senón tamén para as familias.
O evento InquEDU celebrarase no Edificio CINC do Gaiás e artellarase en dúas xeiras de divulgación. A quenda da mañá é de carácter pechado para as rapazas e rapaces dos centros educativos gañadores do concurso escolar para impulsar as competencias orais activas ComunicaTedu; mentres que a da tarde é aberta, con asistencia de balde para todos os públicos, previa inscrición na páxina web inquedu.galiciasustentable.org.
Pola mañá presentarase o devandito libro-CD de Mark Wiersma e, ademais, a rapazada terá ocasión de achegarse ás propostas músico-lúdicas de Roi Casal, ao abeiro das charlas denominadas Edumotiva.
O programa en aberto da tarde comeza coa presentación do evento por parte de Paco Castillo, docente e investigador, que ademais tirará proveito desta xornada para afondar na paisaxe coma obxecto de ensino e aprendizaxe. Seguiralle a charla de Cristina Palacios que leva por título Escola sen armarios, e que é un achegamento ás metodoloxías que garanten a transformación das escolas en lugares seguros para a diversidade sexual.
A continuación Lola Ferreiro Díaz, doutora en medicina e especialista en educación, saúde e perspectiva feminina, abordará a coeducación global na familia e na escola.
Na xeira de tarde tamén se vai presentar o Proxecto Educativo Semente Compostela, da man do educador, escritor e activista Sechu Sende, que mostrará os obxectivos e os resultados obtidos ao abeiro das dúas escolas compostelás do proxecto (Salvadas e Torreira), impulsado hai cinco anos por unha comunidade de familias e persoas colaboradoras co obxecto de “reforzar a galeguización das xeracións máis novas” e apostar, de xeito complementario, por unha educación libre, inclusiva e diversa.
Logo do faladoiro A ilusión dun cambio, da man de Laura Adela Fernández Blanco, profesora do CPI de Atios (Valdoviño), e da intervención de Juan Sanmartín para contar en que consiste Flipped Classroom (plataforma tecnolóxica-educativa integrada por mestres de todo o ámbito estatal, xuntando forzas para impulsar o modelo pedagóxico das clases inversas, ou sexa, un modelo onde as sesións formativas nas aulas se centren nas actividades que requiren máis participación e interacción, deixando para os fogares o resto das tarefas), a xornada clausurase cun obradoiro de divulgación a cargo de Vicente Mohedano que forma parte do proxecto Peripeciencia, unha iniciativa para espertar o interese pola ciencia e as tecnoloxías dende formatos de comunicación innovadores que se abeiran ás artes escénicas e tiran proveito delas: obradoiros, discurshows, ludiconferencias ou cafés.

Categorías: Ciencia

O acceso á cultura na era dos móbiles, polo miúdo hoxe na sede do CCG

Xov, 11/09/2017 - 10:30

Hoxe ás 9.30 horas inaugúrase en Santiago, na sede do Consello da Cultura Galega, unha xornada dirixida a avaliar polo miúdo as transformacións que están a imprimir as TIC nos nosos hábitos diarios de comunicación e acceso á cultura. A apertura de actividades virá da man do presidente do CCG, Ramón Villares, e do coordinador da xornada, Xosé López. O evento Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos será unha oportunidade para ver até onde chegamos en materia de comunicación móbil e albiscar o que nos reserva o futuro neste ámbito. Segundo avanza o CCG, todo indica a que este modelo comunicativo e cultural (tendo en conta o espectacular medre no tráfico de mensaxes nos dispositivos móbiles) “veu para quedar”. A xornada conta na comisión organizadora con Manuel Gago, Xosé López García e Alba Silva.
O CCG tamén lembra que os datos recentes achegan evidencias claras sobre a importancia destes dispositivos no ámbito da comunicación e da cultura: no ano 2016, o tráfico de Google alcanzou a marca do 50 por cento para dispositivos móbiles por primeira vez, fronte a un 42 por cento nos dispositivos de escritorio. E no ano 2017 esta cifra medrou ata o 60 por cento, mentres o de Facebook pasou do 78 por cento ao 87 por cento.
Neste contexto, o obxectivo desta xornada é “analizar como a sociedade móbil está a mudar usos e consumos de produtos culturais”. Trátase, engade o CCG, “de dispoñer de visións do novo marco, nas vésperas da cuarta revolución industrial, e da situación da cultura galega nese escenario en construción”.

Programa da xornada

9:15 horas - Inauguración
9:30 horas - Contornas de información ubicua. Catálogo de desafíos pendentes - Juan Miguel Aguado. Universidad de Murcia. Director xeral de RTRM
10:30 horas - Produción e consumo de información en móbiles. Unha visión do panorama europeo - Oscar Westlund. Götegorgs Universitet
11:30 horas - Descanso
12:00 horas - Periodismo móbil e cultura móbil - Koldobika Meso Ayerdi. Euskal Herriko Unibertsitateak
13:00 horas - O móbil como oportunidade para producir contidos e intervir
João Canavilhas. Universidade da Beira Interior
16:30 horas - A comunicación política na sociedade móbil: oportunidades e retos nunha contorna híbrida - Andreu Casero-Ripollés. Universitat Jaume I
17:30 horas - Oportunidades da comunicación móbil para os actores culturais: o prosumo como actividade creativa - Eva Campos. Universidade de Valladolid
18:30 horas - A conquista de novos territorios comunicativos para a cultura galega - Manuel Gago. Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela
19:30 horas - Clausura - Trazos e identidades dunha cultural con identidade e migrante - Ramón Villares. Presidente do Consello da Cultura Galega

Categorías: Ciencia

Novo número da nosa edición impresa

Xov, 11/09/2017 - 03:37

Como todos os meses, chega outro número de Código Cero na súa edición impresa, que se pode achegar de balde nunha completa rede de puntos de distribución, podéndose descargar tamén en formato PDF ou ler en dispositivos móbiles a través da aplicación de quiosco dixital Magzter.
Nesta nova entrega salientamos a o pulo que ten en Galicia a programación aberta e o movemento Maker. Tamén abordamos temas como os seguintes:
- O CITIC lidera un proxecto para dar con tecnoloxías axeitadas para estudar o noso xenoma
- A Deputación de Lugo combate o esquecemento co seu banco de recordos Memoria Dixital
- O CPEIG fomenta o talento TIC mostrando casos concretos de talento TIC
- O Centro Ramón Piñeiro presenta a versión 3.0 do corpus lingüístico galego CORGA
- Medra o número de galegos que empregan as TIC nas súas xestións coas administracións
- Divulgacción achéganos á figura do home das 40 vacinas
- O Goberno galego salienta as posibilidades laborais que se abren co Fondo Social Europeo
- O Consello da Cultura Galega prepara importantes iniciativas TIC para o ano vindeiro
- Un investigador do CiTIUS, recoñecido nos Premios de Informática Fundación BBVA
- As operadoras que achegan servizos na nosa terra, a exame

Categorías: Ciencia

Redegal celebra este 9 de novembro a súa primeira xornada de portas abertas para estudantes

Mér, 11/08/2017 - 22:54
Jorge Vázquez, CEO de Redegal, nunha imaxe de Guille Dacal

A axencia galega Redegal, especializada en servizos avanzados de desenvolvemento web e mercadotecnia en liña, vai celebrar este 9 de novembro a súa primeira Xornada de Portas Abertas na súa sede central de Ourense. A cita, que se desenvolve baixo o epígrafe Pensa en Dixital, quere facer avanzar con este tipo de actividades a súa colaboración coas universidades, colexios e institutos, dándolle a coñecer á nosa comunidade de estudantes as moitas vantaxes das profesións vencelladas ao dixital. Nesta primeira visita participarán alumnos de Bacharelato do Colexio Maristas Santa María de Ourense. O obxectivo da firma galega é conseguir que os estudantes vexan de preto os novos perfís profesionais dixitais e afonden nas diferentes saídas profesionais do ámbito tecnolóxico.
A xornada contará coas intervencións Javier Rodríguez Martínez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática e Jorge Vázquez, director executivo (CEO) de Redegal. Grazas a esta iniciativa, a empresa galega quere “reforzar a aposta polo talento local” e mostrar o seu compromiso coa Universidade de Vigo.
A xornada, como dixemos, celebrarase na sede ourensá de Redegal, no número 9 (baixo) da Avenida de Santiago. A actividade desenvolverase entre as 15.00 e as 16.30 horas.

Categorías: Ciencia

Desactivan os certificados dixitais dos DNIe por motivos de seguridade

Mér, 11/08/2017 - 22:30

A Dirección Xeral da Policía decidiu reforzar a seguridade do DNI electrónico para o seu uso telemático, polo que decidiron que os certificados electrónicos contidos no DNIe serán substituídos sucesivamente para garantir a seguridade dos usuarios da certificación e a sinatura electrónica en España, o que terá como consecuencia a suspensión da funcionalidade dos certificados.
Esta medida parte dun estudio publicado pola Universidade da República Checa que podería alertar dunha vulnerabilidade nos certificados dixitais do DNIe que afectaría aos documentos con número de soporte posterior ao ASG160.000 expedidos a partires de abril de 2015, de aí que se procedeu á desactivación dos certificados dixitais mentres se estuda como solucionar a situación.
Mentres tanto, os DNIe continuarán a ser válidos como documentos de identificación e documentos de viaxe, descoñecéndose cando se comezarán a expedir os novos certificados seguros, para os que será preciso que os titulares dos carnés acudan ás Oficinas de Documentación.
Dende aposta en funcionamento do DNIe a Policía expediu máis de 59,4 millóns de documentos, indo esta tecnoloxía xa pola súa terceira versión, que destaca por incorporar NFC, o que facilitaría o uso do DNIe en dispositivos con tecnoloxía contactless, o que podería resultar moi práctico para a súa utilización en móbiles (facilitando que os usuarios poidan identificarse ante a Administración virtual achegando o seu DNI ao smartphone).

Categorías: Ciencia

A Deputación e o Concello de Lugo inauguran XENERGAL, no que participan máis de cen profesionais

Mér, 11/08/2017 - 16:39

Hoxe comezou en Lugo un evento destinado a pór de relevo a importancia da innovación smart e as novas tecnoloxías para dar con formas máis sustentábeis, eficientes, eficaces, limpas e rendíbeis de xestionar e consumir enerxía. Falamos da cuarta edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética, XENERGAL 2017, que se desenvolve até mañá no Pazo de San Marcos da man do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello. A inauguración correu a cargo do deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o director do Congreso, Fernando Blanco. Segundo fixeron saber, no evento están a participar un centenar de profesionais de toda a Comunidade, achegando 36 relatorios.
O obxectivo deste encontro é “difundir o coñecemento relacionado coa xestión da enerxía”, pero ao mesmo tempo “servir como plataforma de contacto entre profesionais, para o que ademais das correspondentes mesas está previsto a celebración de actos networking paralelos”.
Santos Ramos subliñou no acto de apertura que “é un orgullo para a nosa provincia poder acoller a maior cita do sector enerxético en Galicia coa celebración deste Congreso”, que versará sobre enerxías renovábeis, tecnoloxías smart, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal dos devanditos recursos.
Segundo engadiu o deputado, “dende o Executivo provincial estamos comprometidos e sensibilizados nesta materia”. Esta é a razón, dixo, de que a entidade provincial destinase 1,5 millón de euros a través do Plan de Aforro Enerxético (ao que se adheriron 37 Concellos, permitíndolles aforrar máis dun 10% nos custos municipais); de que se elaborase un novo programa de aforro enerxético chamado ILUMIN@ (dirixido a todos os municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e totalmente gratuíto para os mesmos, recibindo unha axuda económica para a compra e instalación de novo equipamento de baixo consumo en dotacións municipais) e de que se investisen 750.000 euros para fornecer dun novo sistema de iluminación ao Paseo do Río Rato, con 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos nun treito de 7 quilómetros.
Pola súa parte, Méndez López engadiu que “énchenos de orgullo que Lugo sexa unha cidade na que cada vez se celebran máis citas deste tipo, citas importantes polo contido, e polas conclusións ás que se chegará”. Segundo dixo, existe o firme compromiso dende o Goberno local de converter a cidade nunha urbe sustentábel, e nesa liña leváronse a cabo medidas como reducir a velocidade a 30 nunha manchea de rúas ou habilitar máis zonas peonís en múltiples barrios. Ademais, engadiu, “fomos quen de acadar 22 millóns de euros de fondos europeos, para implantar este tipo de medidas de aforro enerxético”.
Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros industriais como profesionais de referencia da enerxía; este papel debe estar apoiado por outras profesións complementarias, e por iso este congreso exponse aberto á participación de diferentes disciplinas”.
Pola súa banda Fernando Blanco salientou “a necesidade de implantar a xestión enerxética na empresa e na administración pública” indicando que “esta é unha disciplina que se integra e aplica dende finais do século XX pola necesidade de diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro, así como para garantir a seguridade das instalacións en funcionamento”.
24 relatorios na xornada de hoxe
Ademais da inauguración, na xornada de hoxe celebráronse un total de 24 relatorios, en sete mesas. En horario de mañá celebrouse a mesa institucional, na que estiveron presentes as iniciativas do Concello de Lugo e da Feira da Enerxía de Galicia; a segunda mesa centrouse no aforro en instalacións industriais, mentres que a terceira versou sobre as aplicacións da enerxía xeotérmica en Galicia, que contou á súa vez coa colaboración do Clúster Galego de Enerxía Xeotérmica (ACLUXEGA).
En horario de tarde desenvolvéronse a segunda edición do Seminario Técnico Galego de Iluminación, a quinta Xornada Eólica de Galicia (en colaboración co Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, Cluergal) e as mesas correspondentes ao mantemento de edificios e pobreza enerxética e compoñentes sociais da enerxía.

Categorías: Ciencia

Vitae leva á Coruña o seu curso sobre autoliderado baseado na neurociencia

Mér, 11/08/2017 - 16:38

Vitae Consultores vai desenvolver na Coruña, este mes de novembro, unha achega formativa para facer máis rendíbel, eficaz e doado o día a día dos profesionais que coordinan e dirixen equipas de profesionais. Trátase do Curso Auto Liderado Baseado na Neurociencia (PDF), que xa tivo a súa edición en Vigo, os días pasados, e que agora chega á cidade herculina para despregar novamente, ante a vista dos profesionais locais, diferentes técnicas e recursos para (primeiro) coñecérense a si mesmos e (segundo) coñecer os perfís dos demais profesionais e, sobre todo, dos que están baixo a súa responsabilidade. Isto, sinala Vitae, resulta crucial para entender as intencións e as motivacións de cada un dos integrantes dunha equipa profesional, o que está na base da resolución de múltiples conflitos e, dende logo, nunha mellor comunicación.
No curso, de 10 horas, proporcionaranse as ferramentas precisas de autocoñecemento e autoliderado para podermos ter unha perspectiva baseada na ciencia que nos axude a ser mellores líderes e traballar en equipo.
O curso, segundo informan os organizadores, fornecerá aos asistentes de 10 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional, polas súas siglas en inglés Professional Development Unit) a validar polo PMI (Project Management Institute).
Os obxectivos concretos desta actividade formativa son elaborar unha descrición baseada na ciencia do perfil de comportamento profesional, achegar un método eficaz para o autocoñecemento e o autoliderado e subministrar ferramentas para liderar e traballar en equipo xestionando as expectativas e os conflitos.
O obradoiro inclúe dez horas lectivas a distribuír en dúas xornadas de cinco horas. Celebrarase os días 27 e 28 de novembro no Hotel Attica 21 da Coruña, no número 34 da rúa Enrique Mariñas.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

Categorías: Ciencia

GAIN afronta 2018 con máis orzamentos e máis foco no talento e na innovación

Mér, 11/08/2017 - 12:58
Patricia Argerey, directora de GAIN, nun dos actos de celebración dos 25 anos da Tecnópole

Onte tivemos ocasión de coñecer boa parte da folla de ruta para 2018 da Axencia Galega de Innovación, GAIN, un roteiro que se centrará principalmente en cousas que nos tocan de preto, como incrementar a competitividade das PEME a través da innovación, impulsar a transferencia de tecnoloxía dos investigadores ás empresas, apoiar o espallamento da Industria 4.0 no noso tecido produtivo ou captar e reter talento innovador. Os plans para o ano vindeiro foron dados a coñecer no Parlamento pola directora da axencia, Patrica Argerey, quen salientou que os orzamentos do organismo medraron nun 26%, situándose preto dos 80 millóns de euros. Respecto dos eidos onde se rexistrou meirande crecemento, foi sobre todo no ámbito das partidas de investimento.
Respecto do talento e a captación e retención do mesmo, Argerey sinalou que se lle dará continuidade aos programas Oportunius e Principia, con 3,4 millóns de euros, “aos que se engadirá unha liña para facilitar a contratación de persoal investigador sénior por parte de centros de coñecemento e empresas, cun orzamento dun millón de euros”.
No que atinxe á transferencia tecnolóxica, prolongarase e reforzarase o programa Ignicia, con 2,5 millóns de euros, co obxectivo de “impulsar entre 7 e 10 novos proxectos de proba de concepto que acheguen a investigación galega ao mercado”. Ademais, activarase unha convocatoria para o fortalecemento dos centros tecnolóxicos galegos para apoiar a dotación e actualización de equipamento actualizado e diferencial, que permitirá mobilizar 13 millóns de euros.
Respecto da cultura da innovación nas PEME, manterase o programa Innova PEME e lanzaranse dous novos programas: o Reacciona Innovación (en colaboración co IGAPE e destinado ás firmas que queiran orientar o seu camiño cara á innovación e para que teñan acceso a servizos especializados) e un programa de impulso do deseño como factor facilitador da innovación, “que conecta a empresa co mercado cun enfoque de innovación non tecnolóxica”.
Así mesmo, lanzarase a cuarta convocatoria do Conecta PEME, con 25 millóns de euros, coa finalidade de “desenvolver proxectos innovadores en cooperación”. Por outra banda, no marco do polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados de Rozas (que conta con 9 millóns de euros consignados no orzamento do vindeiro ano), Argerey explicou que se vai pór en marcha un programa de aceleración de proxectos aeroespaciais “para que emprendedores de todo o mundo poidan validar as súas solucións e xerar actividade económica”. A aceleradora, que contará coa colaboración de Indra e Babcock, busca apoiar 15 start-ups. Tamén está prevista a incorporación dun espazo de coworking e viveiro de empresas en Lugo, nas instalacións do antigo hospital.
Do mesmo xeito, tamén se dará continuidade ao programa de I+D+i da Civil UAVs Initiative, que segundo fixo saber a directora de GAIN, “está a xerar 170 empregos altamente cualificados, tanto en Indra como en Babcock como nas 17 PEME e centros tecnolóxicos galegos que están subcontratados até o de agora”.

Categorías: Ciencia

O certame europeo de navegación por satélite premia o proxecto Alivetor de Gradiant

Mér, 11/08/2017 - 12:33

Finalmente houbo presenza galega no palmarés do Concurso Europeo de Navegación por Satélite (ESNC 2017, polas súas siglas en inglés), resolto en Tallin (Estonia) durante a noite deste 7 de novembro ao abeiro da celebración da Semana Europea do Espazo. Máis en concreto, a do Centro Tecnolóxico Gradiant, que viu recoñecido no devandito certame o seu proxecto Alivetor, destinado, entre outras cousas, a extremar a eficacia nos labores de rescate das persoas vítimas dun terremoto, dun alude ou da caída dun edificio. Alivetor, segundo nos recorda Gradiant, tira proveito para o seu funcionamento dun equipo de sensores montados sobre un vehículo aéreo non tripulado e comunicado por satélite, un UAV polas súas siglas en inglés. Respecto da súa participación no dito certame impulsado pola Comisión Europea, Alivetor chegou á final tras proclamarse vencedor da competición galega, organizada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo.
Respecto do papel despregado en Tallin, o proxecto galego obtivo un dos tres premios especiais de servizos incubación que outorga E-GNSS Accelerator, o programa europeo de aceleración de start-ups que realizan desenvolvementos tecnolóxicos a partir do sistema Galileo, o sistema europeo de navegación por satélite.
Os líderes do equipo de Gradiant que estivo á fronte de Alivetor foron os encargados de defender o proxecto na fase final do ESNC 2017. Da explicación das características e funcionalidades de Alivetor encargáronse o director do Departamento de Comunicacións Avanzadas de Gradiant, Jorge Munir El Malek Vázquez, e o enxeñeiro Pablo González Fernández.
Como dixemos, Alivetor permite buscar vítimas en extensas contornas de territorio en pouco tempo e en escenarios de catástrofe. Os seus sensores funcionan con ondas electromagnéticas e poden detectar a presenza de persoas atrapadas até a medio metro de profundidade e a través de materiais como pedra, madeira, terra ou tea. A través da súa conexión satelital GNSS, Alivetor transmite a localización exacta dos datos que obtén. Entre outras cousas, posibilita unha importante redución nos tempos de procura de persoas con vida despois dunha catástrofe, “algo fundamental para minimizar o número final de vítimas”, sinalan os seus desenvolvedores.

Categorías: Ciencia

A web redepatrimonio.gal, eixe das celebracións galegas do Día do Patrimonio Mundial

Mér, 11/08/2017 - 12:07

O vindeiro 16 de novembro celébrase o Día do Patrimonio Mundial, unha data para pór de relevo o moito que temos que avanzar en determinadas contornas (coma a nosa) para conservar e reivindicar a riqueza arquitectónica, artística, etnográfica, cultural ou lingüística creada e transmitida polos que viñeron antes ca nós. Dito doutra maneira: en Galicia temos moito que preservar e reivindicar, pero tamén moito que roer e moito que avanzar. Só así se explica que cada pouco tempo se esborralle sen remedio unha casa nun casco histórico ou que a maquinaria arrase cun castro ou cunha mámoa. Estas e outras cousas son as cuestións que quere pór de relevo a Rede do Patrimonio Cultural con motivo da celebración do 16. Haberá unha manchea de actividades (case 40) en defensa dos nosos bens, moitas delas nas nosas vilas e cidades e outras tantas na contorna dixital. Teremos que estar atentos do que se faga ao abeiro de #DiadoPatrimonio e na web redepatrimonio.gal.
O programa inclúe, entre outras cousas, roteiros, visitas guiadas, conferencias, concertos, xantares e actividades varias, a desenvolver ao longo das vindeiras fins de semana (esta que se achega e máis a que vén) co obxectivo de concienciar aos galegos da importancia da conservación e promoción da súa riqueza histórica. Convocadas pola Rede do Patrimonio Cultural (RPC), un total de 25 entidades realizarán case 40 actividades para celebrar a festividade internacional do 16.
Segundo informa a Rede, será a primeira vez que a entidade contribúa á visualización do patrimonio cultural galego e das entidades que o promoven, protexen e poñen en valor.
Para darlle unidade á campaña e achegarlle cumprido eco no plano dixital, a RPC propuxo empregar o cancelo #DiadoPatrimonio para as as comunicacións nas redes sociais relativas aos distintos eventos convocados.
Actividades
Así, entre as devanditas accións, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas realizará un programa de radio sobre o pergameo Vindel. O Sorriso de Daniel fará o domingo 19 unha xeira románica por Guntín e unha visita guiada ao museo diocesano de Lugo. Amigos do Patrimonio de Castroverde realizarán o sábado día 11 un percorrido por parte do roteiro do val do río Tórdea e Xérmolos, unha andaina ata a Pena Xiboi de Parga.
Pola súa banda, Petón do Lobo, Asociación Galega Cova Crea e Asociación Ouriol do Anllóns organizan un roteiro tras ao antigo cemiterio civil de Corcoesto o 18 de novembro e a Asociación de Amigos do Pasatempo unha visita guiada ao Parque do Pasatempo o 19 de novembro. Tamén a Gentalha do Pichel convoca ás III Conversas sobre a xestion cultural e a presentación do tríptico sobre o Megalitismo en Compostela, así como a un roteiro polos castros e mámoas de Santiago.
A Asociación Cultural Apelón Educación organiza unha andaina Cultural con visita ao xacemento romano de Noville o 18 de Novembro e a Asociación Amigos dos Castros de Cuntis unha saída fotográfica. Tamén Patrimonio dos Ancares realizará un roteiro e a Asociación Monte Pituco, o sábado 25, unha visita aos conxuntos rupestres da Carrasca e Champás. Pola súa banda, a Asociación Festa da Prehistoria organiza unha visita á Laxe das Cruces e a Asociación Batistales, un concerto nas campás da Igrexa de Mondoñedo.
Segundo recalca a Rede, toda a información, horarios, lugares e días de actividades pódese consultar na web redepatrimonio.gal onde tamén hai un mapa interactivo e os carteis con toda e cada unha das accións da RPC.


Categorías: Ciencia

Páxinas