códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 59 min 19 seg

Santiago acolle en outubro a cuarta xornada de usuarios galegos de R

Ven, 08/04/2017 - 11:03

Á volta do verán temos unha nova cita en Compostela coa ferramenta libre R, un software desenvolvido en orixe para a análise estatística e a creación de gráficos pero con gran potencial, a día de hoxe, para numerosos ámbitos científicos e empresariais relacionados coa estatística e o cómputo. A cita de Santiago, a cuarta Xornada de Usuarios de R en Galicia, celebrarase na aula magna da Facultade de Matemáticas de Santiago, o 19 de outubro. Está dirixida principalmente á cada vez máis importante comunidade galega de usuarios de R, que abrangue xa todo tipo de eidos: empresarial, académico, investigador, administracións, etc.
Para as persoas interesadas en participar, dicirlles que xa está aberto o prazo para presentar relatorios e obradoiros. Podemos facelo a través do formulario específico de envío de propostas. O prazo fica aberto até o 1 de setembro. Unha semana despois o comité seleccionará as propostas e notificará aos participantes a fin de conformar o programa definitivo da xornada.
O obxectivo destas xornadas é promover o coñecemento arredor do software R e as súas posibilidades de uso, achegando un foro de debate e de intercambio de coñecemento e, tamén, facendo o posíbel por estreitar as ligazóns da comunidade de usuarios de R. Ademais preténdese tamén fomentar o traballo colaborativo e multidisciplinar propio do ámbito da investigación e do software libre.
A IV Xornada de usuarios de R en Galicia volve ser organizada novamente Oficina de Software Libre do CIXUG, no marco do convenio de colaboración asinado entre a AMTEGA e a Oficina de Software Libre do CIXUG para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2017.

Categorías: Ciencia

LastPass dobra o prezo do seu plan Premium

Ven, 08/04/2017 - 10:30

Cada vez que se produce unha serie intrusión informática lémbrase a necesidade de ter unha boa política de contrasinais, para o que contribúen seriamente os xestores de contrasinais como LastPass, que o ano pasado deu un importante salto ao mellorar o seu plan de balde ofrecendo a posibilidade de sincronizar contrasinais en varios dispositivos sen pasar por caixa, o que de seguro que captou novos usuarios, pero agora o servizo está a experimentar un profundo cambio que pode supor unha grande crise para a compañía, xa que decidiron dobrar o prezo do seu plan Premium, que pasa de 12 a 24 dólares/ano (o que xa está a provocar unha resposta moi negativa en redes sociais).
Cómpre lembra que o competidor máis directo de LastPass, 1Password ten un prezo de 2,99 dólares/mes (facturados anualmente), de xeito que o prezo é LastPass sería máis que competitivo, pero a xogada de incrementar o prezo un 100% é demasiado brusca, aínda que agora LastPass tamén prepara a oferta un novo servizo que en moitos casos podería paliar a suba de prezos: LastPass Families. Este novo servizo familiar incluirá 6 licenzas de LastPass Premium por 48 dólares/ano, de xeito que para grupos de 4 usuarios terían as mesmas tarifas que o ano pasado e para 5-6 usuarios incluso resultaría máis barato.
O plan de balde de LastPass continúa a permitir as funcións básicas de gardado e completado de contrasinais, xerador de contrasinais seguros, identificación multi-factor e acceso dende varios dispositivos; pero os usuarios que queiran gozar de funcións avanzadas, a posibilidade de empregar o xestor de contrasinais con aplicacións e gozar de 1 GB de almacenamento cifrado de ficheiros terán que pagar un par de dólares ao mes.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Pontevedra terá seu propio Street View para a xestión das súas estradas

Ven, 08/04/2017 - 10:13

A Deputación de Pontevedra quere botar man das novas tecnoloxías para crear unha nova e exhaustiva base de datos sobre a rede de estradas de titularidade provincial. Máis en detalle, o que busca é elaborar un catálogo-inventario que permita, entre outras cousas, facer consultas da rede viaria e dos seus treitos con imaxes de 360º, en tempo real, abranguendo vistas non só das estradas en si mesmas senón de todos os elementos que as acompañan. Ao fío destes requirimentos, a Deputación xa recibiu cinco ofertas de empresas interesadas en facer os traballos. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o orzamento de licitación para este novo rexistro é de 217.195 euros.
Amais de permitir imaxes pormenorizadas, o proxecto incorporará un software para traballar con datos de sinistralidade, de tráfico e auscultación que permitirán “unha xestión máis eficiente, ademais da posibilidade de xerar buscas ou informes por items”.
A Deputación tamén informou de que o mércores 9 de agosto está previsto abrir os sobres coas ofertas técnicas presentadas por Ingeniería Insitu, Cotesa, Relieve MDC, AMAC Europa, S.L. e Applus Control, que deberán ser valoradas pola equipa do departamento de Mobilidade. O deputado explicou que a entidade provincial pretende actualizar o inventario, “xa que o actual data de 2004 e está totalmente desactualizado tanto dende o punto de vista da información que manexa como dende a utilización das novas tecnoloxías”. A intención é adxudicar os traballos no outono para poñer en marcha a aplicación doce meses despois, “prazo necesario para realizar a implantación do novo catálogo”. En palabras de Benítez, “trátase dunha ferramenta complementaria ao labor dos técnicos, e tamén moi importante para realizar todas as labores de conservación e mantemento precisas”.
No contrato establécese que “deberá haber unha recollida de datos en campo con captura de imaxes dixitais, así como un levantamento topográfico mediante escaneado con láser móbil sobre vehículo dos 1.700 quilómetros de viario provincial”. O devandito levantamento, que servirá de base cartográfica, poderá ser utilizado mesmo “para a elaboración de futuros proxectos de mellora das estradas”, engadiu a Deputación.
Mediante a ferramenta informática, o usuario poderá situarse en calquera punto de calquera treito e percorrer cada estrada provincial visualizándoa mediante un simulador de vídeo cun paso mínimo de 10 metros. A aplicación deberá conter e xestionar de xeito sincronizado un visor panorámico tipo Street View no que se poidan ver 360º as fotografías inventariadas, un visor panorámico 3D no que se poida visualizar a nube de puntos do levantamento topográfico, e un visor en planta 2D cos elementos inventariados e a cartografía asociada de xeito similar a Google Maps.

Categorías: Ciencia

LinkedIn Lite chega a máis de 60 países

Xov, 08/03/2017 - 22:23

Tanto para usuarios con móbiles básicos ou con conexións á Internet deficientes resultan moi atractivas as versións Lite ou lixeiras de moitas aplicacións de plataformas como Facebook ou YouTube, e entre a colección de apps que reciben este tratamento destaca agora LinkedIn, que abriu hoxe LinkedIn Lite a máis de 60 países en vías de desenvolvemento (concretamente de África e Asia).
Nunha serie de mercados a versión lixeira de LinkedIn só está dispoñible vía web, mentres que na meirande parte está xa dispoñible como aplicación para Android, destacando por ocupar só 1 MB, o que é máis que suficiente para permitir localizar traballos e establecer conexións con outros usuarios.
LinkedIn Lite non só ocupa menos no móbil, senón que tamén consegue descargar até 5 veces máis rápido (pois reduce o consumo de datos até un 80%) o que será de grande utilidade especialmente nos países nos que esta plataforma social profesional busca gañar usuarios para trasladar o éxito que consegue en mercados como o europeo e o norteamericano.
Polo momento non está previsto que LinkedIn Lite estea dispoñible dende España, pero é probable que co tempo rematen abrindo a aplicación a todo o mundo, por considerarse que calquera territorio é susceptible de ter zonas cunha banda larga deficiente.

Categorías: Ciencia

As historias de Facebook preparan a súa chegada ao escritorio

Xov, 08/03/2017 - 20:18

Comezamos a semana dando conta de que as historias de Facebook xa podían configurar a súa privacidade para estar dispoñibles de xeito público e non só limitadas aos amigos, e agora dende TechCrunch informan de que as historias de Facebook estarían a dar o salto (cando menos en probas) á versión de escritorio da plataforma, ou sexa, que non se limitarían á aplicación móbil.
Na versión web de Facebook as historias non ocuparían un lugar tan destacado como no móbil, senón que quedarían relegadas á columna da dereita da páxina web, dende a que poderiamos ver as fotografías e os vídeos que os nosos amigos compartan de xeito efémero (pois desaparecen 24 horas despois da súa publicación).
Haberá que ver como funcionan as historias neste novo contorno, pero polo momento as historias que realmente son efectivas son as de Instagram, que conseguen aglutinar a 250 millóns de usuarios ao día, superando claramente aos 166 millóns de usuarios de Snapchat (servizo co que querían competir) de xeito que a compañía de Mark Zuckerberg conseguiu un éxito impresionante, quedando agora pendente de ver se conseguen arrastrar a tendencia do móbil ao PC (o que podería axudar tamén a que as historias de Facebook teñan algo máis de uso, pois actualmente están consideradas un rotundo fracaso, como resulta evidente cando abrimos a aplicación móbil e vemos que a meirande parte do espazo reservado para as historias aparece en branco).

Categorías: Ciencia

TokApp plántalle cara a WhatsApp adaptando a súa aplicación de mensaxes a empresas e administracións

Xov, 08/03/2017 - 19:30

A empresa TokApp, responsábel da aplicación do mesmo nome destinada a mellorar e ampliar a nosa experiencia comunicativa, vén de declararlle a guerra ao servizo de mensaxes instantáneas WhatsApp. Ou mellor dito: aos problemas de toda índole que se poden derivar dunha centralización parcial dun colectivo arredor do WhatsApp. A principal baza de TokApp é precisamente a súa aplicación para os ámbitos escolares, TokApp School, presente en centros educativos dunha manchea de provincias (máis polo miúdo en máis de 2.000 colexios e formando unha comunidade de medio millón de usuarios). A idea da firma viguesa é adaptar esta tecnoloxía ás institucións públicas e privadas.
Con esta adaptación, engade a empresa, acabaríase con boa parte das complicacións derivadas do devandito servizo de mensaxes instantáneas, sobre todo para os administradores de grupos. Cousas como respostas masivas, confirmacións aleatorias, persoas non len unha mensaxe e “unha longa listaxe de inconvenientes que fan que a interacción coas persoas sexa máis e máis difícil”, sinala TokApp, engadindo que estes quebradeiros de cabeza, de seren aplicados ao ámbito dunha asociación ou un concello, non farían máis que ir máis. “Se organizar uns aniversarios de 10 amigos convértese nun debate de semanas, imaxina propor un evento de 200.000 veciños”, comentan dende TokApp.
Segundo explica o conselleiro delegado da firma galega, Javier Romero, “a idea partiu dalgunhas provincias nas que TokApp school estaba moi presente, onde as asociacións nos preguntaron se eles tamén podían utilizar a aplicación para comunicarse, alén dos ámbitos escolares”. A conclusión, engade, “é que nos decatamos de que tanto os concellos como as asociacións teñen o mesmo problema de comunicación: centralizar aos seus integrantes nun mesmo medio comunicativo”. Con TokApp, di Romero, “xa tiñan á gran parte de usuarios dispoñíbeis”.
Algunhas das vantaxes que achega TokApp son que reduce o tempo de xestión na comunicación mellorando a atención a clientes, empregados e asociados, así como o factor privacidade de datos que pon ao alcance dos usuarios, “cunha rápida posta en marcha do servizo e con mensaxes ilimitadas”.
A devandita adaptación a institucións públicas e empresas xa é unha realidade en administracións como o Concello de Llaneras, que ofrece a posibilidade de subscribirse ás novas da área de cultura, deportes, mocidade e emprego, permitindo tamén que os cidadáns utilicen os seus servizos por toda a comunidade.

Categorías: Ciencia

A Mariña luguesa terá un centro integral de turismo interactivo

Xov, 08/03/2017 - 18:35

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Secretaría Xeral da Presidencia e o Concello de Foz para a realización do proxecto A Mariña Virtual.
Ao abeiro deste acordo, a Administración autonómica achegará máis de 240.000 euros para a posta en marcha desta iniciativa, que incluirá un centro integral de turismo da Mariña luguesa, onde, a través dunha visualización tridimensional e interactiva, se presentará o territorio aos visitantes dunha maneira detallada e ordenada.
Este centro estará localizado no edificio do CENIMA (Centro de Interpretación da Mariña), no concello de Foz e permitirá achegar ao visitante todo o potencial deste territorio, interactuando con personaxes históricos, viaxando no tempo e na historia a través de tecnoloxías avanzadas de realidade aumentada, montaxes 3D, videogravación inmersiva e tamén a través de realidade virtual.
Este convenio enmárcase no traballo da Administración autonómica pola promoción turística dos recursos diferenciadores de Galicia, como o é a costa galega, así como por impulsar a innovación turística e as novas tecnoloxías e tamén por promover e coordinar o desenvolvemento rural en Galicia.
Todos estes aspectos están recollidos na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta transversal e participativa do turismo galego para os vindeiros catro anos que conta cun investimento de preto de 240 millóns de euros en catro anos, e que recolle de xeito transversal estes asuntos nas súas 11 liñas estratéxicas.
O proxecto permitirá coñecer dun modo diferente da man das novas tecnoloxías esta zona de Galicia, un xeodestino, o da Mariña luguesa, que abarca os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo Viveiro e Xove.

Categorías: Ciencia

Lugo investiu 3,6 millóns de euros en fomentar o emprego pola vía tecnolóxica e innovadora

Xov, 08/03/2017 - 18:20
A concelleira de Economía e Emprego Ana Prieto nunha rolda de prensa recente

O Concello de Lugo fixo reconto hoxe das súas medidas destinadas a fomentar o emprego a través da innovación e as novas tecnoloxías. A máis recente destas medidas é o obradoiro de emprego denominado TIC-Arqueolóxico, que conta cun orzamento de 224.000 euros e que ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, ao mesmo tempo que se facilita a formación de 16 persoas desempregadas maiores de 18 anos. Ademais, o TIC-Arqueolóxico está encamiñado a impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.
Este obradoiro ten unha duración de nove meses e todo apunta a que arrincará a finais de setembro. Entre as diferentes especialidades formativas a impartir coas que conta atópase a dixitalización en 3D de bens móbeis e inmóbeis do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dunha canle cultural.
Amais desta actividade formativa e dinamizadora, o Concello de Lugo tamén ten abertas outras frontes a prol do emprego, constituíndo todas elas un programa de oito proxectos con 3,6 millóns de euros investidos no que vai de lexislatura (dous anos de Goberno). Segundo apuntou o Consistorio, o devandito orzamento significa que se investiron 529 euros por persoa desempregada. O programa acubilla (entre outras) iniciativas como o Inicia Coworking (pensado para dar asesoramento a 260 emprendedores), o obradoiro EmpregaTIC (que abriu oportunidades laborais a máis de 15 mozos e mozas en materia de novas Tecnoloxías da Información e Comunicación) ou o Plan Mellora Lugo, (destinado a fomentar a empregabilidade e a mellora de servizos municipais, achegando formación a 20 desempregados).
Estas achegas únense ao TIC-Arqueólico, o Lugo Cóidate (que ofrecerá formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas), e o Empregalia (encamiñado a proporcionar á mocidade de Lugo capacitación en sectores innovadores).

Categorías: Ciencia

Mediación Móbil, entre os elixidos para a segunda edición de Connecting for Good Galicia

Xov, 08/03/2017 - 17:23

Xa sabemos cales van ser os proxectos apoiados pola segunda edición da iniciativa-aceleradora Vodafone Connecting for Good Galicia, impulsada pola dita operadora de telecomunicacións e pola axencia AMTEGA co obxectivo de alentar a innovación social dende o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura (Santiago). Ou sexa, o desenvolvemento de tecnoloxías con vocación de botar unha man, facendo fincapé en mellorar a calidade de vida (a capacitación tecnolóxica, a empregabilidade, a independencia, o benestar) de colectivos en risco de exclusión. O xurado do programa decantouse por seis proxectos, entre os que se atopa un dos premiados na última edición dos INCUVI-Emprende, Mediación Móbil, unha iniciativa dirixida a ofrecer servizos de mediación a empresas, organizacións ou particulares a través dunha páxina web, unha aplicación móbil ou unha plataforma de elearning. Os restantes proxectos son Tapper, 3DAcoustic, It!, Formadox e Sense(x).
Segundo nos conta a Universidade de Vigo, Mediación Móbil vén da man dos estudantes Ángel Torres (estudante do grao en Dereito) e Ignacio Fernández (egresado do grao en Dirección e Xestión Pública). Ámbolos dous veñen traballando nos últimos meses no desenvolvemento do seu proxecto empresarial a prol da comunicación e o entendemento (no sentido da expresión máis abeirado á resolución de conflitos), tras proclamarse como unha das dúas iniciativas premiadas no campus pontevedrés na sexta convocatoria dos premios ao emprendemento que promove a UVigo.
Segundo comentan Torres e Fernández ao fío da importancia do apoio de Vodafone e AMTEGA, “a selección para participar en Connecting for Good Galicia vainos axudar a darlle un compoñente tecnolóxico á nosa empresa”, salientan da súa iniciativa, xermolada o pasado curso no Campus de Pontevedra (ao abeiro do Curso de Especialista en Mediación) coa idea de “achegar unha forma diferente de xustiza, como é a mediación” a ámbitos como o educativo, o familiar, o empresarial e o deportivo mediante o emprego das novas tecnoloxías.
Torres e Fernández tamén enxalzan a importancia formativa da súa participación conxunta na palestra de Vodafone e AMTEGA, un programa polo que tamén son galardoados cun patrocinio de 2.000 euros outorgado pola Axencia Galega de Innovación e no que os seis proxectos escollidos polo xurado optan a unha axuda de 25.000 euros, outorgada pola Xunta, así como a un premio de 10.000 euros, que a Fundación Vodafone entregará ao proxecto que mellor incorporase os principios da accesibilidade universal.

Categorías: Ciencia

Novo número da nosa edición impresa

Xov, 08/03/2017 - 14:25

Como todos os meses, chega outro número de Código Cero na súa edición impresa, que se pode achegar de balde nunha completa rede de puntos de distribución, podéndose descargar tamén en formato PDF ou ler en dispositivos móbiles a través da aplicación de quiosco dixital Magzter.
Nesta nova entrega achegámonos á situación actual do noso turismo con respecto á Rede. Tamén abordamos os seguintes temas:
- O CITIC pon en xogo a súa tecnología avanzada para o estudo da retina
- O CPEIG formou a maiores e pequenos en desenvolvemento e programación
- AMTEGA fai balance dos dous primeiros anos da Axenda Dixital 2020
- A Deputación de Lugo achega un novo e rendíbel sistema de aforro enerxético
- En marcha o primeiro programa de impulso empresarial de Conector Galicia
- Tek-Fest converterá Pontevedra na gran capital das tecnoloxías creativas
- Cruz Vermella, Televés e Xunta impulsan a teleasistencia avanzada para maiores
- A innovación galega segue a encher de referentes o desenvolvemento das TIC
- Achegámonos á intensa vida dixital dun referente da CRTVG, Luar
- Santiago será en datas vindeiras a capital do movemento Maker

Categorías: Ciencia

A filtración da HBO inclúe moita información sensible

Xov, 08/03/2017 - 13:01
A información filtrada partiu inicialmente da web Winter-leak.com, que en poucos minutos saturouse pola grande cantidade de tráfico recibido

Que varios episodios de series da HBO poidan circular pola Rede por mor dunha intrusión nos seus sistemas pode parecer algo moi grave nun momento como o actual, coa serie Game of Thrones en curso, pero o problema de seguridade da compañía parece estar a ter consecuencias moito peores do que se pensaba, e Variety está a dar conta do feito de que, xunto a varios episodios inéditos das súas series, entre os 1,5 TB de datos roubados figurarían milleiros de documentos internos da compañía.
Dende a HBO están a actuar rapidamente para evitar que as filtracións estean dispoñibles a través de Google e así poidan chegar ao grande público con facilidade, pero parece constatado o feito de que, aparte de contidos importantes (episodios das series Ballers, Insecure e Room 104 e incluso de Barry, serie que non verá a luz até 2018), resulta máis preocupante a enorme cantidade de información persoal dunha das directivas de HBO. Entre os datos filtrados habería nomes de usuario e contrasinais do correo electrónico, as redes sociais, numerosos servizos accesibles en liña (dende a súa entidade bancaria até a subscrición a algunha revista), números de tarxetas bancarias... en definitiva, que veñen de complicarlle a vida de xeito importante, pois a afectada terá serias complicacións para poder asegurar a súa economía persoal despois da filtración.
A filtración masiva que está a verse polo momento sería só un primeiro paso, xa que ameazan con continuar, existindo o temor de que poida ver a luz numerosa información sensible, xa que os responsables desta acción criminal parece que conseguiron acceso ás ferramentas de administracións interna da HBO, ao listado de traballadores e os seus enderezos de correo electrónico... polo que a posible información sensible á que tiveron acceso sería bastante.
No que á serie Game of Thrones, os intrusos conseguiron acceder aos guións dos episodios 3 e 4 da actual tempada, ou sexa, que dentro de poucos días perdería interese a filtración, aínda que os seareiros da serie deberán limitar a lectura en liña sobre a mesma se queren evitar incómodos spoilers.

O guión do vindeiro episodio de Game of Thrones é un dos contidos filtrados esta semana
Categorías: Ciencia

Phottic presenta as súas últimas publicacións na Feira do Libro da Coruña

Xov, 08/03/2017 - 12:24

A Feira do Libro da Coruña vai ter vertente dixital. Máis en detalle, a vertente dixital achegada pola plataforma en liña Phottic, o proxecto de memoria dixital nacido de Abertal Networks (hoxe en día operando como start-up). Na cita no encontro editorial coruñés, contarase coa presenza dos autores de dous libros impulsados por Phottic e polo xerente de Abertal, Manuel Pan, que fará un percorrido polas orixes da plataforma, polos seus fitos recentes (xa superou as 15.000 fotografías da nosa terra dixitalizadas e acubilladas) e polo seu alto nivel de convocatoria (colaboran nesta iniciativa, achegando pegadas visuais e textuais do noso pasado, unha manchea de persoas e entidades, dende veciños e asociacións até empresas e concellos). A cita na Coruña será mañá ás 19 horas. Nela, os autores Xan Fraga e Hector Pose presentarán os seus libros De Arsenio a Arsenio e Mar de invernía.
Da primeira das obras falamos recentemente en Código Cero, salientando o seu potencial para coñecermos a fondo o período do club coruñés marcado pola fichaxe do ex xogador e ex adestrador Arsenio Iglesias, a quen o libro rende unha “humilde homenaxe” por ser Arsenio unha figura transcendental do deportivismo. O libro, destacabamos con motivo da súa presentación, constitúe ante todo unha análise pormenorizada da historia do equipo durante o devandito período e tanto pode atoparse para a súa compra nas librarías coruñesas como na tenda en liña de Phottic.

Categorías: Ciencia

En marcha unha guía de recursos sobre a nosa riqueza lúdica

Xov, 08/03/2017 - 11:59

Se hai unha figura á que acudir cando buscamos información sobre brinquedos e actividades lúdicas populares galegas, sen dúbida esta figura é Paco Veiga, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Del temos falado en Código Cero para dar conta da páxina do devandito colectivo, agxpt.gal, e do seu traballo catalogando e mostrando perante o mundo máis dun cento de xogos tradicionais galegos. Tamén temos dado conta da importancia da dita web en materia de recursos e documentación sobre os nosos múltiples xeitos de xogar, incluído o catálogo de actividades lúdicas populares. Destes vimbios, precisamente, e combinando todo cun xeito participativo de facer Rede (que é, tamén, un análogo xeito de brincar) vén de xurdir a que sería a primeira base de datos en liña sobre xogos tradicionais da nosa terra. Comeza a súa andaina con máis de 200 recursos e acubilla empresas, asociacións, clubs, centros educativos e fabricantes de brinquedos. A iniciativa conta co apoio do Consello da Cultura Galega.
Segundo puidemos saber, a finalidade do proxecto é atender a necesidade crecente de información sobre a riqueza lúdica galega, unha demanda que non para de medrar e que ten o seu reflexo nas redes e nos múltiples faladoiros abertos sobre a cuestión. A iniciativa, a maiores, xorde directamente da cooperación: moitas mans cunha arela común de facer preservar o que somos e como aprendemos xogando a ser o que somos. Tralo proxecto atópanse empresas e colectivos como ETNOGA, Melga, Xotramu, Tempo de Xogar, Brinquedia ou a devandita Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional.
Segundo reflicte o propio Paco Veiga para Sermos Galicia, para darlle forma á base de datos houbo que ir colleitando a información aos poucos e recuperar os dados “case a conta gotas”. Engade que malia ser o patrimonio lúdico galego un dos máis ricos da Península, o xogo tradicional é un eido do que apenas hai información até comezos do século XIX e non foi até a recta final dos anos 90 do noso século cando se comezaron a pór en marcha contribucións globais. Esta liña de traballo culmina de facto coa base de dados recentemente presentada, unha “obra en permanente construción” na que podemos atopar descricións dos propios xogos ou fondos documentais e bibliográficos, amais de recursos en liña e musicais. A páxina web pode atoparse en www.xogostradicionais.gal e www.xogospopulares.gal .

Categorías: Ciencia

TokApp lánzase á conquista de Latinoamérica afianzándose en media ducia de países

Xov, 08/03/2017 - 11:46

A empresa viguesa TokApp, responsábel da ferramenta global do mesmo nome para facilitar e mellorar a comunicación empresarial, vén de achegar unha serie de novidades sobre o seu proceso de espallamento nos ámbitos estatal e internacional. Un proceso que, por certo, tamén atinxe á súa filial TokApp School, aplicación destinada a evitar calquera tipo de incidencia comunicativa no eido escolar, ao tempo que achega rapidez e eficacia no intercambio de datos, contidos, mensaxes. Segundo nos conta TokApp, a empresa decidiu lanzarse á conquista de Latinoamérica e está a comezar a ser “unha aplicación imprescindíbel” en seis países do continente americano (México, Uruguai, Arxentina, Colombia, Costa Rica e Nicaragua).
Sen ir máis lonxe e como froito do interese xerado nestes mercados polas dúas aplicacións, a firma viguesa foi convidada a participar na feira ExpoPymes Internacional de México, que se celebra o 25 de agosto con presenza de empresas e entidades de Los Ángeles, Phoenix, San Antonio ou Chicago. Segundo conta TokApp, esta edición de Expopymes centrará os seus temas principais en enerxías limpas, industrias creativas e comunicación e innovación en turismo, comercio e educación.
Nun plano máis concreto, a arela de espallamento internacional da firma galega pasa por consolidar as dúas marcas nestes mercados e penetrar en sectores como o deporte, a cultura, o turismo, a saúde e “practicamente calquera sector que precise dunha comunicación directa cos seus clientes ou usuarios”. En palabras da empresa, TokApp “está chamado a ser un importante actor no ámbito da comunicación e as relacións empresariais e persoais en ámbalas beiras do Atlántico, especialmente pola súa clara vocación de ser unha ferramenta de comunicación útil e efectiva”, explica Javier Romero, conselleiro delegado de TokApp.
Romero engade que as previsións da compañía incrementan mesmo os datos deste ano, que triplicou a súa facturación anual respecto de 2015. Para 2018, TokApp prevé chegar ao millón de usuarios e ter presenza activa en 20 países.

Categorías: Ciencia

Seleccionados os 6 proxectos emprendedores da 2ª edición do programa Vodafone Connecting for Good Galicia

Xov, 08/03/2017 - 11:30

O xurado do programa Vodafone Connecting for Good Galicia seleccionou seis proxectos emprendedores de innovación social para formar parte a segunda edición do programa impulsado pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da AMTEGA e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Nesta segunda convocatoria, o xurado (formado por membros de AMTEGA, GAIN, XesGalicia, Vodafone España e a Fundación Vodafone España) fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as candidaturas recibidas:
- 3DAcoustic proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción, e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa.
- it! é unha empresa de creación e fabricación 4.0, que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada. it! ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu Marketplace online it!MARKET e o seu FabLab na Coruña it!LAB.
- Formadox é unha plataforma de formación interactiva en tecnoloxía que achega ao usuario a experiencia da formación presencial dos talleres ou os laboratorios, mediante vídeos, simuladores e kits didácticos. A formación que se ofrece é a relacionada, entre outras materias, co Internet das cousas, a industria 4.0, a robótica, a impresión 3D, as técnicas de fabricación dixital, a visión artificial, a realidade virtual e aumentada.
- Mediación Móbil é un proxecto que busca axuntar novas tecnoloxías e plans integrais de mellora da convivencia en catro ámbitos (educativo, familiar, empresarial e deportivo) co obxectivo de prover a todo tipo de persoas dunha ferramenta de prevención e resolución de conflitos accesible, económica, personalizada e profesional.
- Sense(x) é un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Ademais, grazas a un software específico, integra o sensor con diferentes dispositivos, o que permite obter estatísticas detalladas dos diferentes sensores, análises de uso, e mesmo compartir resultados nunha rede social.
- Tapper é unha app que contribúe a reducir o desperdicio alimentario. Grazas a Tapper, os establecementos poden publicar ofertas de produtos preto do fin da súa vida útil, que os usuarios poden adquirir a un prezo rebaixado.

Beneficios de formar parte do programa

Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Os seleccionados poderán tamén dispoñer dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000€, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados outorgada por Fundación Vodafone.
As iniciativas poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

Categorías: Ciencia

As historias de Instagram celebran o seu primeiro aniversario

Mér, 08/02/2017 - 23:00

Hai un ano Instagram incorporaba as historias como clara resposta a Snapchat, e agora aproveitan este primeiro aniversario das Instagram Stories para facer balance desta funcionalidade que conta con máis de 250 millóns de usuarios diarios.
Estes meses serviron para confirmar a boa decisión que foi a incorporación das historias dentro de Instagram, pois contribuíu a incrementar o tempo que a xente pasa en Instagram, de xeito que os menores de 25 anos pasarían máis de 32 minutos ao día en Instagram de media, mentres que a partires dos 25 anos de idade o tempo na aplicación superaría os 24 minutos ao día.
Pero as historias de Instagram non se estrearon e punto, senón que cada poucas semanas incorporan algunha nova funcionalidade, mantendo unha grande atención sobre a funcionalidade que desata a creatividade dos usuarios dun xeito desenfadado ao tratarse de contidos efémeros.
Entre os detalles que dan das historias de Instagram co gallo do seu primeiro aniversario sorprende que a cuarta etiqueta de localización sexa a cidade de Madrid, e para animar esta celebración tamén veñen de estrear etiquetas de feliz cumpreanos.

Categorías: Ciencia

Firefox Send permite enviar ficheiros de até 1 GB de tamaño

Mér, 08/02/2017 - 20:37

Para o envío de ficheiros de grande tamaño existen servizos como WeTransfer ou o recente Velaquí.gal, e agora chega de xeito sorprendente a Fundación Mozilla ofrecendo en probas Firefox Send, un servizo web que permite subir e cifrar ficheiros de até 1 GB de tamaño para compartilos en liña e expirando as ligazóns que facilitan a súa descarga tras a mesma ou en 24 horas, borrándose logo de xeito automático os ficheiros do servidor (contido aos que Mozilla non ten acceso por estar cifrado).
Curiosamente Firefox Send non precisa de ningún engadido especial e nin sequera de facer uso de Firefox, senón que é compatible con calquera navegador web moderno. Durante as probas deste servizo os responsables do mesmo simplemente recompilarán información sobre o seu funcionamento, como a frecuencia de uso do servizo, a duración dos ficheiros no servidor antes da súa expiración, os erros de transferencia ou os protocolos de cifrado que soportan os navegadores dos usuarios.

Vídeo no que se explica o funcionamento de Firefox Send

Categorías: Ciencia

Huawei achégase a Apple e Samsung en volume de smartphones

Mér, 08/02/2017 - 14:22

As estimacións sobre o mercado dos smartphones a nivel mundial relativas ao segundo trimestre de 2017 por Canalys Research deixa constancia do liderado de Samsung, compañía que con 79 unidades postas no mercado consegue manter a súa posición, a unha cómoda distancia de Apple, que con 41 millóns de iPhones distribuídos sorprendeu, xa que incrementaría as súas vendas nun 2% e superaría claramente as vendas do Samsung Galaxy S8 pese a que o iPhone 7 está considerado un produto con poucas novidades e a enorme expectación polo vindeiro iPhone.
Un fabricante que consegue ter unha forte presenza global é Huawei, que colocou no mercado 38 millóns de unidades, colocándose nunha posición moi sólida, que dá a entender que o liderado do sector xa non é cousa de dous, senón de tres.
A maior distancia estarían Oppo e Xiaomi, outros fabricantes chineses de grande pulo, pero con pouca presenza comercial fóra do seu territorio, sendo bastante relevante o feito de que Xiaomi conseguise recuperar o quinto posto global, xa que ultimamente vía moi ameazada a súa posición ante a forza doutras compañías chinesas.
Este panorama déixanos nunha situación moi interesante, especialmente pensando no último trimestre do ano, cando previsiblemente haberá unha grande competencia tras os lanzamentos de dispositivos como os previsibles iPhone 8 e Samsung Galaxy Note 8, smartphones aos que os fabricantes chineses tamén terían que responder dalgún xeito, aínda que parece evidente que cada compañía traballa en tramos de prezo diferentes, e o que resulta difícil de estimar é cal sería o tamaño do mercado dos smartphones de alta gama.

Categorías: Ciencia

Informan dun novo fallo de seguridade do Ministerio de Xustiza

Mér, 08/02/2017 - 13:46
Extracto dun dos manuais de Orfila filtrados

O polémico fallo de seguridade que deixou expostos os datos de todos os procesos xudiciais en curso en España durante varias días parece ser só unha mostra das deficiencias dos sistemas informáticos da Xustiza española, pois non só as informacións que están a darse sobre os fallos de LexNET son pouco rigorosas (negan que houbese intrusións cando o fallo foi reportado precisamente por intrusos) senón que agora tiveron que recoñecer a filtración de preto de 11.000 documentos (cun peso duns 600 MB) que describen ao detalle parte da arquitectura dos seus sistemas informáticos e incluso con partes do código fonte de LexNET e incluso os seus certificados dixitais, o que podería dar demasiadas pistas para futuros ataques.
Os arquivos filtrados estarían nun servidor do Ministerio de Xustiza que estaba completamente aberto e sen contrasinais, ou sexa, que un fallo de configuración abriu o acceso ao panel de monitorización de LexNET, a numerosos documentos da plataforma e tamén de Orfila (o sistema que conecta aos xulgados, tribunais, fiscalías e oficinas de Rexistro Civil cos institutos de medicina legal), incluíndo os manuais de explotación e desenvolvemento desta plataforma de máxima confidencialidade.
Curiosamente dende o Ministerio de Xustiza en vez de recoñecer o erro, denunciaron ante a Policía Nacional o acceso dunha das persoas aos documentos confidenciais, que foi precisamente quen os alertou do fallo de seguridade e decidiu pór en coñecemento dos medios o sucedido para que se tomen medidas para mellorar a seguridade de LexNET, pois resulta evidente que non se está a xestionar a seguridade da Xustiza española de xeito responsable.

Categorías: Ciencia

IBM consegue gardar 330 TB de datos nun cartucho de cinta

Mér, 08/02/2017 - 12:44

Dende IBM Research veñen de superar unha marca ao conseguir almacenar nunha cinta 201 gigabits por polgadas cadrada, o que supón multiplicar por 20 a densidade das unidades de cinta comerciais, o que supón que nun cartucho que colle na palma da man podemos ter 330 TB de datos sen comprimir (o equivalente a 330 millóns de libros).
Habitualmente as unidades de cinta empréganse para almacenar grandes arquivos de vídeo e copias de seguridade, e ao conseguir incrementar considerablemente a súa densidade de almacenamento resultan moi atractivas para os seus usos habituais, por conseguir un custo de almacenamento moi axustado.

Vídeo no que dan conta das novas tecnoloxías de cinta desenvolvidas por IBM

Categorías: Ciencia

Páxinas