códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 1 hora 46 min

Corrixen o grave fallo de seguridade de macOS High Sierra

Mér, 11/29/2017 - 21:00

O escandaloso fallo de seguridade que afectaba ás últimas versións de macOS que estes días saíu á luz pública, e do que advertían nos foros de desenvolvedores de Apple hai máis de dúas semanas, ten xa unha actualización de sistema que corrixe o fallo de identificación que permitía entrar os Mac sen contrasinal ningún e con permisos de administrador, podendo así acceder a todos os contidos e incluso realizar modificacións no sistema.
Sobra dicir que todos os usuarios de macOS 10.13.1 deberían instalar o antes posible o parche de seguridade que vén de lanzar Apple, xa que corrixe un fallo que nalgunhas situacións incluso pode explotarse de xeito remoto, sendo posiblemente unha das vulnerabilidades dun equipo informático moderno máis grave que pode lembrarse.

Categorías: Ciencia

Waze apunta ás motocicletas e ao control por voz

Mér, 11/29/2017 - 16:00

Pese a que as ferramentas de navegación incluídas de serie nos distintos smartphones son cada vez de maior calidade, moitos usuarios prefiren empregar alternativas como Waze, que aproveitan a colaboración entre usuarios para enriquecer o seu sistema para poder facilitar unha mellor experiencia de navegación, xa que o sistema é capaz de guiarnos para evitar atascos de tráfico, accidentes, obras... e agora a cousa vai máis aló, e facilita unha maior personalización coa estrea da posibilidade de poder indicar que o noso vehículo é unha motocicleta (o que posiblemente faga que haxa unha importante masa de motoristas de todo o mundo que se animen agora a facer uso de Waze) e a característica Talk to Waze¸ ou sexa, que a aplicación de navegación para iOS e Android pasa a funcionar dun xeito semellante á aplicación de Google, de xeito que cando o usuario di «OK Waze» activa o recoñecemento de voz para poder emitir ordes de voz que permitan iniciar un percorrido, previsualizar unha routa, enviar informes ou engadir unha parada intermedia, sen ter en ningún momento que quitar as mans do volante.
Polo momento as ordes de voz para Waze só funcionan en inglés, pero irán ampliándose a novas linguas progresivamente, como tamén irá espallándose xeograficamente o soporte de carrís preferentes (polo de agora só en EE.UU. e Canadá).

Waze está a incorporar a posibilidade de controlar a aplicación por voz (polo momento, só en inglés)
Categorías: Ciencia

O CESGA multiplica por cinco a capacidade dos seus servidores de datos

Mér, 11/29/2017 - 13:40

As capacidades e a potencialidade de resposta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vanse ver reforzadas coa entrada do novo ano. Máis polo miúdo, o centro afrontará a súa nova andaina con “azos” renovados en materia de traballo con grandes volumes de datos. O motivo? Pois a inclusión dun novo servidor de 1,54 millóns de xigabytes. Esta incorporación, aplicada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, permitirá (entre outras cousas) multiplicar por cinco a capacidade dos seus servidores de datos. En palabras do departamento da Xunta que dirixe Francisco Conde, o novo sistema tamén “aporta velocidade de acceso e flexibilidade na xestión da información”.
Máis en detalle, a tecnoloxía incorporada foi especialmente deseñada para facilitar un acceso inmediato á información almacenada, multiplicando por cinco a capacidade bruta do CESGA e, en concreto, a dos seus servidores de almacenamento de datos, ao dispor da comunidade científica e tecnolóxica usuaria do centro.
O novo equipamento, co-financiado con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), foi adquirido á multinacional tecnolóxica Fujitsu e producido polos actuais líderes mundiais en almacenamento de datos, NetApp, e supuxo un investimento de 500.000 euros.
O equipo atópase neste momento na fase final de configuración e probas e entrará a prestar servizo para a comunidade usuaria a principios do vindeiro mes de decembro. Neste sentido, permitirá a investigadores de institucións e empresas explotar de maneira máis eficiente os inxentes conxuntos de datos cos que traballan, xa que poderán acceder, procesar, manexar, explorar, ou comparar maiores cantidades de datos a grande velocidade. Para facernos unha idea da importancia destas novidades, só ao longo deste ano CESGA rexistrou máis de 50 grupos de usuarios traballando de maneira intensiva con grandes volumes de datos.
Entre as entidades que se beneficiarán deste sistema atopamos á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dependente do SERGAS e dirixida por Ángel Carracedo, que precisa ampliar as súas capacidades de traballo con datos para dar resposta ás crecentes demandas impostas polos avances en medicina personalizada.
O servizo de predición meteorolóxica galego, MeteoGalicia, ou o servizo europeo de predicións de estado do mar, Copernicus, liderado en España por Puertos del Estado, tamén se atopan entre as entidades que demandan capacidade para poder incrementar a resolución dos seus modelos e poder así mellorar a fiabilidade das súas predicións.
Investigadores galegos que participan na redacción dos informes do Panel Intergubernamental de Cambio Climático, como Juan Añel da Universidade de Vigo, precisan igualmente manexar con axilidade maiores conxuntos de datos para testar e interrogar axeitadamente os modelos cos que traballan.
Pequenas empresas que medran a gran ritmo e que traballan na punta de lanza da innovación en Galicia, como a coruñesa Health in Code, especializada en prover servizos de xenética médica, tamén demandan un acceso flexíbel a recursos especiais para seren quen de responder a picos de traballo.
Por outra banda, os centros do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Galicia contan con grupos de investigación que fan uso de complexos modelos oceanográficos nos que incorporan parámetros físicos e bioxeoquímicos para determinar o estado e predicir as dinámicas dos recursos mariños.
A maiores, grupos adicados a seguridade alimentaria e a mellora xenética animal e forestal do Instituto Nacional de Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) esperan dispor de servizos como os que fornecerá o CESGA con esta infraestrutura para acelerar a súa produción de resultados.
De igual xeito, as novidades tecnolóxicas introducidas darán azos a proxectos de centros tecnolóxicos e de empresas da contorna de tres clústeres en Galicia; o Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga), o Clúster Audiovisual Galego (CLAG), e o Clúster TIC Galicia.
O CESGA
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) depende da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). É un organismo cunha traxectoria de 24 anos. O seu obxecto é investigar, fomentar, difundir e prestar servizos de cálculo intensivo, almacenamento e comunicacións avanzadas ás comunidades investigadoras galega e do CSIC, así como a empresas e institucións. Como nodo da Rede Española de Supercomputación, o Centro é recoñecido como Infraestrutura Científico Técnica Singular do Estado.

Categorías: Ciencia

O CPEIG celebra en Santiago, cun evento participativo, os seus dez anos de andaina

Mér, 11/29/2017 - 13:14
O Centro ABANCA Obra Social na praza de Cervantes, en Santiago

Se ben o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén organizando ao longo deste ano múltiples eventos encadrados na conmemoración do seu décimo aniversario, é o vindeiro 15 de decembro cando oficialmente se cumpre a primeira década de vida da entidade profesional galega, xa que é a data na que formalmente foi creada. Para celebralo, este 30 de novembro o CPEIG convoca un evento participativo en Santiago. Ao abeiro desta xuntanza, rememorase cada ano de vida e cada achega tecnolóxica desta primeira década de andaina do CPEIG, unha década de traballo incansábel a prol do desenvolvemento da nosa terra e da profesión informática que, estamos seguros, será a primeira de moitas.
O encontro terá lugar a partir das 19.00 horas no salón de actos do Centro ABANCA Obra Social, sito na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela. Asociacións, empresariado e cargos institucionais xa confirmaron a súa asistencia ao acto, no que acompañarán ás colexiadas e colexiados.
Como dixemos ao comezo, baixo o lema 10 anos conectad@s o CPEIG leva organizadas ao longo de 2017 unha serie de actividades e actos dirixidos a celebrar a efeméride. O evento deste xoves será a culminación desas conmemoracións e estará conducido polo divulgador científico Manuel Vicente. Intervirán, por parte do CPEIG, Fernando Suárez, presidente, e Pilar Vila, vogal. A directora da Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, pechará o encontro cunhas palabras.
No decurso do acto, darase conta dos fitos tecnolóxicos e informáticos acontecidos desde 2007 ata os nosos días, “desde unha dimensión galega e internacional, así como desde o punto de vista do ente colexial”. O presentador interpelará a varias persoas dos presentes para tecer unha pequena historia deses dez anos que marcan o comezo e madureza do CPEIG.
Participantes
Deste xeito, tamén participarán: Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL); Miguel Quelle, director de RETEGAL; Frankie Gomez, responsábel de Lacon Network; Fernando Prieto, da empresa Gato Salvaje; Manuel González, presidente de Puntogal; Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais; Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo; Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e tamén vogal do CPEIG; e José Ramón Méndez, profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial da UDC.

Categorías: Ciencia

As xornadas sobre videogamificación e sexualidades desvelan múltiples exemplos de machismo nos videoxogos

Mér, 11/29/2017 - 12:12

Estes días (onte e hoxe) estanse a celebrar no Campus de Ourense unhas xornadas que enfían directamente coa celebración internacional do sábado 25 de novembro (o día contra a discriminación contra as mulleres) e que están encamiñadas a facermos fronte común a prol da igualdade de xénero na industria do videoxogo. Trátase das xornadas Videogamificación e sexualidades: identidades, xéneros e discursos interactivos. Consecuencias para a industria e a educación. Nos encontros, que veñen da man das docentes María Isabel Doval, da Facultade de Ciencias da Educación, e Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, as relatoras coinciden en afirmar que o eido dos videoxogos, malia ser un ámbito de expresión e creatividade relativamente novo e innovador, é tamén un caldo de cultivo para o patriarcado e para o machismo.
Polas xornadas, encamiñadas a visualizar até que punto a industria das consolas e das aventuras gráficas segue “lonxe dos estándares de igualdade que debera manter”, están a pasar unha manchea participantes de todo tipo de eidos, desde o académico ao de desenvolvemento de videoxogos. Segundo explicou Doval, a idea de levar a cabo esta cita naceu hai dous anos, cando na celebración no Campus de Pontevedra dun congreso internacional sobre videoxogos e educación, unha das cuestións postas sobre a mesa de xeito reiterativo foi “o androcentrismo imperante no sector dos videoxogos”. Na súa opinión, “hai un déficit moi grande en todo o relacionado coa muller e a tecnoloxía que se filtra a todo tipo de cuestións, neste caso os videoxogos”. Estas xornadas, explican, Alma Gómez, queren “facilitar unha ollada de xénero a esta industria tendo en conta a tendencia que hai de fomentar unha aprendizaxe baseada neste formato”.
Unha das participantes nas xuntanzas é Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (entidade que patrocina as xornadas), quen convidou ao alumnado asistente “a transferir á sociedade o coñecemento adquirido nestas xornadas”, e a “que sexan auténticos motores de cambio para contribuír a unha sociedade máis xusta”. Pola súa banda, Carmen Ricoy, vicedecana de Ciencias da Educación, fixo fincapé na súa intervención no carácter multidisciplinar desta actividade, que se realiza tanto desde o eido da educación como da tecnoloxía e desde o académico ao profesional.
A programación arrancou cunha conferencia sobre a reprodución de microculturas patriarcais e masculinidades hexemónicas a través dos videoxogos, a cargo de Jorge García Marín, do Departamento de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa intervención, afondou nun feito incontestábel: nos videoxogos os personaxes masculinos están “ligados a elementos clásicos da identidade masculina hexemónica, como a forza, a agresividade ou a violencia”. Deste xeito, apuntou, perpetúanse roles que deberan ser superados porque son o xermolo de vindeiros problemas de dominio e discriminación, por exemplo o rol de rescatador de princesas vingador e violento.
A primeira xeira tamén contou con varias mesas redondas sobre temas como os art games e o xénero e a muller na industria do videoxogo. Nas intervencións abordáronse temas como o papel da arte nesta relación entre videoxogos e xénero, a alfabetización dixital crítica e inclusiva, a evolución da imaxe da muller nas portadas dos videoxogos ou os videoxogos como ferramenta socializadora de xénero. Entre os participantes nestas mesas estivo Silvia López, investigadora e desenvolvedora de Serious Games en DIMElab. López salientou a importancia da incorporación das mulleres nos equipos directivos de produción de videoxogos, poñendo o foco na creación de produtos con intención educativa que consigan o mesmo impacto cós comerciais. Para loitar contra os estereotipos de xénero, Silvia López dixo que “cómpre facer un bo estudo das personaxes, do contexto de xogo, das interaccións entre personaxes e dos diálogos”.
Pola súa banda, Marta Somoza, arquitecta e investigadora, avaliou as paisaxes que aparecen nos videoxogos e o seu carácter ou non inclusivo, facendo fincapé no predominio de territorios perigosos, fríos e catastróficos. Deste xeito, recalcou, “non son inclusivos nin para a muller nin para a especie humana en xeral, xa que son territorios onde é difícil a supervivencia”.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Lugo quere máis e mellor banda larga para o rural

Mér, 11/29/2017 - 11:25
O deputado Álvaro Santos nunha rolda de prensa recente

A Deputación de Lugo quere impulsar o rural da provincia, avanzando en política forestal sustentábel e en servizos básicos de atención e educación, nunha meirande atención ao sector agrogandeiro, na capacidade de resposta fronte as meteoroloxías adversas e avanzando, tamén, no ámbito da implantación tecnolóxica (máis e mellores accesos dixitais de calidade). Así o acordou en pleno a Deputación, con feitura de proposta do PSOE e o BNG, dirixida a instar á Xunta a elaborar “un plan participativo de impulso ao medio rural” no que se inclúan todos os axentes implicados e que estea “dotado de orzamento nas vindeiras anualidades para poñer en marcha medidas que freen o abandono da poboación”. Entre estas medidas, como dixemos, incluiríase unha aposta firme polas TIC.
O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, apuntou que “o abandono do medio rural é un feito totalmente constatábel, que provén da falta de planificación e estruturación do entorno natural por parte das administracións coas competencias directas na materia”. Segundo engadiu, dende o Goberno da Deputación “non vemos ao rural como un problema senón como unha oportunidade”, debéndose “por en marcha políticas encamiñadas a dotar ao rural de, cando menos, os mesmos servizos que as zonas urbanas”.
O voceiro subliñou que a contorna non urbana da provincia “enfróntase sobre todo a tres problemas: renda, acceso a servizos básicos e o abandono”. Para facer fronte a eles, engadiu, “é preciso poñer en marcha un plan de investimentos, servizos e innovación, que vaia acompañado de accións transversais que melloren as oportunidades de vida no rural”. No capítulo de implantación tecnolóxica, avogou por dotar aos concellos dunha “electrificación axeitada e unha banda larga de Internet que garanta unha conectividade semellante á das zonas urbanas, para facilitar a posta en marcha de novos modelos de negocio”.

Categorías: Ciencia

O evento sobre metodoloxías áxiles que celebrou Vitae, éxito de convocatoria

Mér, 11/29/2017 - 11:00

Finalmente, o evento organizado por Vitae Consultores para mostrar as tecnoloxías e metodoloxías máis avanzadas que nos permiten coñecer aos usuarios dos nosos servizos (comunicándonos mellor con eles e anticipándonos ás súas demandas) resultou ser (tal e como se prevía) un éxito de convocatoria e participación. De feito, a xornada Xestión de Proxectos Áxiles vs. Xestión de Organizacións Áxiles contou coa presenza de máis de 100 persoas interesadas en escoitar as achegas dos relatores.
A cita desenvolveuse o 21 de novembro na sede CITEXVI na Universidade de Vigo. As sesións comezaron cun relatorio a cargo do fundador e presidente de Scrum Manager en España, Juan Palacio. A continuación, Adrián Ager mostrou para que serve a fórmula do Deseño Intelixente (Design Thinking) e como podemos aplicala en proxectos áxiles, falándonos da súa experiencia no grupo BBVA.
Máis tarde foi a quenda de Juan Martínez Neira, director da área de Desenvolvemento de Software en Plexus, que explicou un caso de éxito orientado á calidade e ao testeado das vantaxes das metodoloxías áxiles con vistas a garantir a calidade do software. A continuación, Josefina Alonso como responsábel de Calidade dunha área tecnolóxica do CTAG, centrouse na xestión de persoas e dirección de equipos nos proxectos áxiles, facendo fincapé na utilidade das reunións diarias e a retrospectiva.
Para rematar, Manuel Doval, que exerceu durante 19 anos como CIO da operadora galega R, achegounos o caso real de R Cable e a súa fórmula de éxito en materia de organización, poñendo o foco no encaixe das metodoloxías áxiles na mesma.
Como conclusión constatouse que as metodoloxías áxiles son unha evolución e non unha revolución con respecto ás metodoloxías tradicionais de xestión de proxectos.

Obxectivos do evento

A cita encamiñouse a afondar no escenario actual das metodoloxías áxiles e do seu futuro, facendo fincapé en como deseñar de maneira adaptativa produtos e servizos, e afondando en cuestións como a xestión da calidade do software, na xestión das persoas e en como implantar metodoloxías eficaces nunha organización con casos reais.
Outro dos retos da convocatoria foi combinar enerxías, intercambiando experiencias e amosándoas ao detalle, a prol de conseguir unha integración óptima das metodoloxías áxiles no seo dunha empresa. “As metodoloxías áxiles para a xestión de proxectos”, explicaron os días pasados dende Vitae Consultores, “estanse a introducir con moita forza e rapidez nas organizacións e ás veces estas non están preparadas para o cambio de prioridades nin dos procesos nin nas persoas”. >

Relatores da xornada

- Juan Palacio. Profesor de Enxeñaría do Software e profesional con máis de 20 anos de experiencia en xestión de empresas, proxectos e equipos. Dirixiu a área técnica de iA Soft (actualmente Grupo Oesía - Zaragoza). É fundador de Scrum Manager, proxecto que actualmente preside, e tamén fundador de Safe Creative e Safe Stamper, empresas que dirixe a día de hoxe.

- Adrián Ager. Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas cun master en Mercadotecnia ademais de posgraos en Innovación e Creatividade. Profesional con máis de 5 anos de experiencia desenvolvendo proxectos dixitais a través de metodoloxías como Design Thinking e Lean Startup tanto para grandes empresas como para proxectos en startups. Traballou en Orange, na Fundación Telefónica e en BEEVA, consultora de Innovación e Tecnoloxía do grupo BBVA.

- Juan Martínez Neira. Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela. A día de hoxe é director da área de desenvolvemento de software de Plexus, consultora tecnolóxica galega con máis de 700 empregados. Profesional con máis de 15 anos de experiencia no sector TI traballando con metodoloxías áxiles e preditivas.

- Josefina Alonso Nocelo. Enxeñeira Superior en Informática pola Universidade de Vigo. Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e Preditivas (PMI, CMMI) para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo.

- Manuel Doval. Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid e posgrao en Dirección de Empresas polo IESE. Foi durante 19 anos o director IT na empresa R Cable e Telecomunicacións, sendo uns dos pioneiros en implantar metodoloxías áxiles tanto a nivel de proxectos como na organización.

Categorías: Ciencia

Renóvase o Escritorio Remoto de Microsoft para Mac

Mér, 11/29/2017 - 11:00

A aplicación de macOS para conectarse a escritorios remotos de Windows, Microsoft Remote Desktop, vén de renovarse na tenda de aplicacións do sistema operativo de Apple, incluíndo interesantes melloras como permitir redirixir o micrófono local ou smart cards cando esteamos nunha sesión remota, usar atallos de teclado de macOS en sesións remotas (para, por exemplo, poder copiar e pegar) e melloras de interface como asignar conexións de escritorio a grupos personalizados, identificar as conexións activas no centro de conexións, administrar unha listazxe única de contas de usuario nas preferencias da aplicación e almacenar múltiples entradas cun mesmo nome de usuario e diferentes contrasinais.

Categorías: Ciencia

Os peregrinos, cada vez máis tecnolóxicos

Mér, 11/29/2017 - 10:53

Os peregrinos que chegan a diario a Santiago de Compostela estanse a sumar cada vez máis ao uso das tecnoloxías como apoio ao seu percorrido polo Camiño de Santiago, enriquecendo así a súa experiencia da peregrinaxe. Nos dez primeiros meses do ano, medraron as consultas á web do Camiño de Santiago e tamén as descargas da aplicación móbil da Xunta de Galicia, así como o uso da conexión Wi-Fi nos setenta albergues da rede pública.
As descargas da app do Camiño de Santiago, que contén información útil sobre o trazado dos diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos dos que poderán participar no seu percorrido medraron no que vai de ano en máis dun 45% con respecto ao ano pasado.
Gratuíta, dispoñible en galego, castelán e inglés e apta para as plataformas iOS e Android, suma xa preto de 13.000 descargas só nese período e continúa a ser a máis descargada das apps de Turismo de Galicia. Grazas a ela, os peregrinos poden consultar horarios, localización ou teléfonos en cada tramo. Ademais, teñen acceso ás condicións meteorolóxicas e ás direccións e contactos dos centros de saúde e emerxencias. A maior parte das súas funcións están dispoñibles sen necesidade de cobertura no móbil.
E tamén os peregrinos consultan cada vez máis a páxina web. Neste caso o número de visitas a www.caminodesantiago.gal superou as 221.000 nestes dez primeiros meses do ano. E cómpre subliñar dous datos: a duración media da sesión de visita é especialmente elevada, con máis de 5 minutos e medio por persoa, o que demostra que os contidos que atopan na web resultan de interese e satisfán as súas necesidades. Ademais, a maioría deles visitan máis dunha páxina, consultando unha media de 4.

WIFI para máis de 123.000 peregrinos nos albergues

Outra mellora impulsada grazas ao Smart Camiño é a dotación de conexión Wi-Fi na Rede Pública de Albergues, que suman un total de 70 establecementos. E o seu uso tampouco deixa de medrar. Nos dez primeiros meses do ano, son xa máis de 123.000 os peregrinos aloxados nalgún dos establecementos da Rede Pública de Albergues que se conectaron a ela.
Todas estas iniciativas están incluídas no plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase dunha das iniciativas enmarcada no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, a folla de ruta coa vista posta no Xacobeo 2021 coa que a administración autonómica está a actualizar o Camiño de Santiago ao século XXI, dando resposta á súa internacionalización e diversificación.

Categorías: Ciencia

Descobren un gravísimo fallo de seguridade nos Mac

Mar, 11/28/2017 - 22:30

O desenvolvedor Lemi Orhan Ergin desvelou hoxe a través de Twitter un gravísimo fallo de seguridade de macOS High Sierra, o sistema operativo actual dos ordenadores de Apple, que permite que calquera poida identificarse ante un Mac con só introducir o nome de usuario root e un contrasinal baleiro, operación que falla ao primeiro intento, pero funciona ao segundo, permitindo o ingreso no equipo como superusuario, de xeito que sería o meirande fallo de seguridade dun equipo informático de Apple do que temos memoria.
Distintos usuarios comprobaron con éxito a presenza de tal vulnerabilidade en macOS 10.13.1, chegando dende Apple a recoñecer que están a traballar en solucionar o problema, e dando conta que mentres non se atopa unha solución definitiva recomendan activar o usuario root nos equipos e pórlle un contrasinal que non estea en branco.
Normalmente os fallos de seguridade notifícanse de xeito privado, para dar tempo a corrixilos, pero ao facerse publicamente desta volta supón unha seria ameaza de seguridade para todos os usuarios de Mac, que deberían proceder rapidamente a tomar medidas para evitar que calquera poida acceder e manipular sen autorización o seu equipo.

Categorías: Ciencia

Lance Weiler amosa en Santiago o día a día dun artista transmedia

Mar, 11/28/2017 - 22:15

Lance Weiler, artista transmedia, estará este mércores en Santiago para falar de como tirar partido do noso pulo creador para, combinado con tecnoloxías e contidos literarios contemporáneos, dar forma a “experiencias creativas colectivas”. Lance Weiler, referente nestes novos formatos e feituras de creación que non se deixan catalogar polas clasificacións tradicionais (no universo transmedia cada cousa que se fai ten o seu correlativo na Rede, e viceversa, e nada se concibe por e para unha única linguaxe e sen a participación dun público que tamén é co-autor) falará no Centro de Estudos Avanzados da USC ao abeiro do foro Memoria, identidade, mundo: o desafío das humanidades. O relator é director do Digital Storytelling Lab da Universidade de Columbia e figura internacional no eido da narrativa transmedia.
A intervención de Weiller, prevista para as 19.30 horas, poderase seguir en directo a través do servizo de TV da USC.
Segundo informa a Universidade de Santiago, o relator é unha das principais referencias no ámbito do cinema dixital e da innovación en formas do relato con mediacións tecnolóxicas ligadas a Internet e a procedementos dixitais e colaborativos. Ao longo da súa carreira no mundo do cinema colaborou con directores de fotografía como Conrad Hall, Darius Khondji e Harris Savides.
Ademais, participou en proxectos de carácter transmedial, con recurso á Intelixencia Artificial, a formas de realidade virtual ou aumentada e á Internet das Cousas (Internet of Things) con directores da proxección de David Cronenberg, Gore Verbinski, Marshall Herskovitz e Ed Zwicker.
Tamén ten traballado como consultor e asesor para festivais e entidades como Sundance Institute, o Tribeca Film Institute, PBS, Power to the Pixel, Screen Australia, o Festival de Cinema de Berlín, o National Film Board de Canada e o National Endowment for the Humanities de Estados Unidos.
Entre os seus últimos proxectos cómpre salientar Sherlock Holmes & the Internet of Things e Frankenstein AI: a monster made of many.

Categorías: Ciencia

Vodafone achega de balde o seu servizo Pass durante este Nadal

Mar, 11/28/2017 - 22:00

Achégase o Nadal e a súa pegada déixase notar non só nas luces das rúas das nosas vilas e na proliferación de catálogos de xoguetes por todos os recantos e caixas de correos, senón tamén nas cousas que as operadoras preparan para celebrar as festas cos clientes. Entre as “cousas” que prepara Vodafone hai ofertas e lanzamentos variados, pero tamén un agasallo temporal concreto. Segundo informa a operadora, regalará un dos catro Vodafone Pass aos seus clientes de contrato de carteira, e tamén aos novos membros da “comunidade Vodafone”. A data límite do presente é o 14 de febreiro. Para quen non o saiba, o servizo Vodafone Pass permite aos usuarios empregar a tempo completo as súas aplicacións de vídeo, redes sociais, música ou mapas.
Os clientes poden activar a oferta entre o 4 de decembro e o 7 de xaneiro a través da app A miña Vodafone, chamando ao 1444 ou nas tendas Vodafone. Transcorrido o período de promoción, quen non desexe seguir gozando do Pass poderá cancelalo a través das canles devanditas. Doutra banda, Vodafone Pass incorpora desde o 1 de decembro dez novas aplicacións nas categorías de Vídeo e Maps.

Categorías: Ciencia

O Campus de Ferrol mostra as cousas que poden facer as tecnoloxías a prol da moda

Mar, 11/28/2017 - 21:30

Este mércores celébrase un evento destinado a pór de relevo, achegando exemplos concretos, a importancia e o potencial das ferramentas innovadoras para optimizar o rendemento, a creatividade e o radio de alcance do noso sector téxtil. Trátase do Simposio Internacional en tecnoloxías industriais da moda, que se inaugura ao fío das 9.15 horas da man do reitor da Universidade, Julio Abalde, no salón de actos do Campus de Ferrol.
Segundo fai saber a organización (o propio Campus), o simposio ten como obxectivo “dar a coñecer o potencial tecnolóxico do Campus á industria da moda e detectar as tendencias e necesidades do sector”. Co evento tamén se quere buscar a mellor sintonía posíbel entre os requirimentos do sector e a UDC (con vistas ao novo grao en Xestión Industrial da Moda que se implantará o vindeiro curso en Ferrol).
O programa inclúe unha conferencia sobre a implantación do sistema RFID na industria téxtil. Como lembraremos, o sistema RFID (identificación por radiofrecuencia, polas súas siglas en inglés Radio Frecuency Identification) é unha tecnoloxía de almacenamento e recuperación de información que emprega dispositivos como etiquetas, tarxetas ou transpondedores RFID. A través destes elementos transmítese a identidade dun obxecto mediante ondas de radio, abríndose un amplo espectro de posibilidades para o ámbito da rastrexabilidade (trazabilidade) de produtos.
Ademais, o evento dará acubillo a tres mesas de debate:
· 11:00 horas. Modelos innovadores de transferencia de tecnoloxías desde as universidades e centros tecnolóxicos ao sector da moda.
· 13:00 horas. Visión compartida da enxeñaría aplicada á industria da moda. Necesidades do sector e capacidades da universidade.
· 16:00 horas. Emprendemento galego na industria da moda.
O simposio conta coa participación de investigadores da UDC, deseñadores e representantes do Cluster Téxtil Moda así como de empresas do mesmo.

Categorías: Ciencia

Vodafone lanza unha oferta de paquetes para as familias

Mar, 11/28/2017 - 16:49

Vodafone España presentou hoxe a súa nova proposta especialmente dirixida a facilitar as comunicacións e o lecer dixital nos fogares onde hai rapazada. Trátase de Vodafone One Familia, unha proposta acaida, en palabras da operadora, “para aquelas familias que o queren todo en entretemento e en comunicacións e non queren preocuparse por nada”. A nova oferta inclúe paquetes pechados con todos os servizos de comunicacións fixas e en mobilidade (voz, datos compartidos, fibra e liñas móbiles adicionais “cos mesmos beneficios cá liña principal) e contidos de lecer (coas “mellores series e o catálogo de HBO España, fútbol, cinema actual e contido infantil”).
Vodafone One Familia estará dispoñíbel desde o 16 de decembro e consta de catro tipos de paquetes distintos, que permiten ao cliente elixir a velocidade da fibra (50Mb, 300Mb e 1Gbps), a tarifa móbil (con 200 minutos ou chamadas ilimitadas, e 6 GB ou 10 GB) e os contidos de TV. Ademais, as tarifas móbiles incluirán o servizo Chat Pass, que permite usar as aplicacións de mensaxería sen gastar datos e itinerancia na Unión Europea e en Estados Unidos. Ademais, os usuarios poderán gozar da TV en calquera dispositivo (TV, PC, tabletas ou móbiles). A operadora tamén lembra que os clientes que contraten calquera paquete de Vodafone One Familia até o 7 de xaneiro de 2018 beneficiaranse dun desconto do 20%.
Con esta nova proposta, a compañía recorda que completou a súa oferta converxente para todos os perfís de clientes. Podemos ver máis información sobre esta liña de actividade na web específica de Vodafone One Familia.

Categorías: Ciencia

Handytronic desenvolve unha cadeira de rodas smart guiada por ondas cerebrais

Mar, 11/28/2017 - 16:48

O grupo galego Telecon, do que falamos recentemente en Código Cero para dar conta do seu acordo coa Universidade da Coruña arredor da marca Handytronic (centrada no desenvolvemento e distribución dun amplo e innovador catálogo de solucións de mobilidade para persoas dependentes ou con diversidades funcionais), vén de achegar unha importante novidade tecnolóxica ao abeiro desta marca de seu. Trátase dunha cadeira de rodas intelixentes guiada por ondas cerebrais.
Segundo lembran dende Telecon, “empregar tecnoloxías que marquen un antes e un despois para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidades funcionais e promover o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva é a razón de ser de Handytronic”. Agora, respecto da dita cadeira de rodas, o seguinte paso é obter unha solución comercial economicamente alcanzábel para os usuarios potenciais.
O alicerce do proxecto é unha conxunción entre as máis avanzadas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), os últimos avances en Neurociencia e máis os recentes achados en materia de Intelixencia Artificial. O resultado dos traballos de Telecon-Handytronic é unha plataforma de encefalografía que é quen de captar os impulsos eléctricos do cerebro, interpretalos e transformalos en ordes. Estes impulsos, grazas a un software específico, actúan directamente sobre o sistema de guiado da cadeira de rodas.
Segundo informa Laura Montes, programadora xefa do proxecto, “a interface cerebro-computadora na que estamos a traballar permitiranos non só completar o desenvolvemento da cadeira de rodas, senón tamén, a medio prazo, acometer proxectos para a detección temperá da deterioración cognitiva”. Pola súa banda, Jacobo Penide, director xeral da firma, engade que “a vocación e o compromiso de Handytronic é facer a vida máis doada a aquelas persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional”. Segundo fai saber, “a neurociencia e a intelixencia artificial proporciónannos as bases tecnolóxicas necesarias para desenvolver solucións non só efectivas, sen tamén sustentábeis desde un punto de vista económico”.
Respecto do prototipo no que traballa a día hoxe Handytronic, está integrado por unha cadeira de rodas motorizada, un casco con 14 electrodos, unha tableta cun software específico e máis un hardware de integración. Segundo explican Montes e Penide, a conexión entre o casco e o computador é unha conexión sen fíos, a través do protocolo Bluetooth.
A medio prazo, e de face ao fornecemento dunha solución comercial, está prevista a substitución do casco por unha diadema ou parche, que, segundo engaden dende Handytronic, “resultará máis cómodo para o usuario”.
Os responsábeis da marca tamén fan saber, respecto da entrada en xogo da intelixencia artificial, que a inclusión desta na interface cerebro-computadora permite que “o software aprenda das rutinas mentais do usuario, adaptándose a el e reducindo así o tempo de adestramento necesario para o manexo da cadeira, posibilitando ao mesmo tempo que o sistema recoñeza diferentes usuarios, afacéndose a cada un deles”.
Para quen queira ver o funcionamento do dispositivo, Handytronic ten un vídeo específico en Vimeo.

Categorías: Ciencia

As enxeñarías en Informática, as titulacións máis demandadas polas empresas

Mar, 11/28/2017 - 12:48

Que o paro non afecta a todos os estudos por igual é algo que xa sabíamos, e tamén é coñecida a importancia crecente, de cara ao mercado laboral, que teñen as carreiras ligadas ás novas tecnoloxías, principalmente por ser estas o ingrediente básico de toda acción empresarial modernizadora, e tamén da nova revolución industrial na que estamos mergullados (a 4.0). Porén, non deixa de ser salientábel que as enxeñerías en Informáticas corran a velocidade de foguete, mentres outras titulacións fano simplemente a bo ritmo. Segundo os datos do informe Infoempleo de Adecco (dispoñíbel en formato PDF), correspondente a 2016, as enxeñarías TIC lideran hoxe a demanda de emprego das empresas en España.
Os perfís máis valorados son os que xuntan ampla marxe de adaptación, bo nivel de linguas, dispoñibilidade xeográfica, experiencia en contornas multiculturais e emprego intensivo de novas tecnoloxías.
A investigación, que avalía en detalle as ligazóns entre a formación académica e o mercado laboral, revela que os titulados universitarios seguen sendo os candidatos máis demandados polas empresas nas súas ofertas de emprego. As carreiras técnicas máis demandadas polas empresas durante 2016 foron as enxeñerías en Informática (6%), Enxeñería Industrial (5,45%), Enxeñería de Telecomunicacións (2,6%), Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática (2%) e Enxeñería Mecánica (1,6%). O informe sinala tamén que a informática continúa liderando a demanda de emprego no macrosector TIC, cun 5,5% da oferta estatal.
Segundo reflicte o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), o informe revela que durante 2016 o requisito de experiencia profesional aumentou a súa presenza na oferta de emprego en máis de catro puntos, chegando ao 79,55% neste último ano. Polo que atinxe a previsións, a entidade profesional que preside Marcos Mata tamén achega, en base ao dito estudo, o seguinte prognóstico: o ano vindeiro, o 43% das organizacións contratarán máis empregados, “un horizonte no que de novo aparece a informática como un dos perfís profesionais que serán máis demandados polas empresas”.

Categorías: Ciencia

Amazon instala un dos seus armarios de recollida de paquetes na Coruña

Mar, 11/28/2017 - 11:45
Os Locker de Amazon teñen nome. O localizado en Marineda City chámase Ana.

Para os usuarios que non estean habitualmente no seu domicilio Amazon ofrece distintos puntos de recollida repartidos por toda a xeografía española, aos que agora súmanse os Amazon Lockers, unha serie de armarios repartidos por máis de 120 puntos de España dos que polo momento só hai un en Galicia, concretamente no centro comercial Marineda City da Coruña.
Estas taquillas automatizadas están repartidas principalmente en estacións de servizo Repsol, restaurantes de Telepizza, supermercados Dia, rochos OhMyBox e centros comerciais, ou sexa, lugares principalmente de paso non que resulte cómodo pasarse de camiño ao fogar para recoller un paquete.
Para facer uso de Amazon Locker chega con que, ao realizar un pedido en Amazon.es, elixamos un enderezo de recepción alternativo, aparecendo alí como opción o Locker que teñamos máis próximo, para despois recibir unha notificación por correo electrónico cun código único, a localización do Locker e o seu horario, de xeito que nos tres días seguintes poderemos achegarnos alí, introducir o código manualmente (ou escanear o código de barras correspondente) e así poder acceder ao caixón no que se garda o paquete dirixido a nos. Temos así un método de recepción de paquetes que non só é cómodo, senón tamén seguro.

Infografía na que se explica o funcionamento de Amazon Locker
Categorías: Ciencia

O CiTIUS celebra este sábado unha xornada de portas abertas

Mar, 11/28/2017 - 10:04

O CiTIUS, Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información, vai estar aberto ao público en xeral o vindeiro 2 de decembro. Esta xornada de portas abertas, que terá formato de xornada de divulgación tecnolóxica (facendo fincapé nas liñas de traballo do centro e algúns dos seus principais achados recentes), será compartida polos outros dous centros singulares da USC, o CiQUS, centrado na química biolóxica e máis os materiais moleculares, e mailo CiMUS, cuxo eido de acción son a medicina molecular e máis as doenzas crónicas. Segundo informa a Universidade, esta cita coa excelencia científica e tecnolóxica permitirá aos visitantes “comprobar de primeira man o valor engadido que poñen estes tres centros na sociedade”, traballando para mellorar a nosa calidade de vida dende múltiples frontes e abranguendo non só a contorna galega, senón o ámbito global.
Entre as actividades programadas ao longo do día figuran demostracións con drons, robots, e lentes 3D; obradoiros de experimentos en química e biomedicina; circuítos de xeración de enerxía, teatros científicos ou charlas divulgativas ofrecidas por investigadores referentes como Angel Carracedo, María José Alonso ou Senén Barro. Asemade, tamén se fará fincapé no alcance e no potencial de tecnoloxías concretas desenvolvidas no marco de traballo dos centros.
Estas tecnoloxías, no caso do CiTIUS, teñen feitura de recursos dirixidos a facernos a vida máis doada e para resolver, tamén, algúns dos principais desafíos científicos mundiais que fan posíbel o noso desenvolvemento. No caso do CiQUS, os seus achados céntranse na saúde ou a industria (materiais funcionais, catálise). Polo que atinxe ao CiMUS, céntrase na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como cancro, endocrinoloxía e nutrición, trastorno cardiovascular, neurociencias, xenética ou xenómica Funcional, entre outras.
A participación nesta xornada require inscrición previa (completamente de balde) a través do formulario web disposto pola organización. O programa está deseñado para facilitar a visita ós tres centros (en quenda de mañá ou de tarde) a través do itinerario completo. Segundo engade a USC, as persoas que non dispoñan do tempo para facer o percorrido recomendado poden participar tamén mediante inscrición na franxa horaria desexada, ata completar aforo, co itinerario personalizado.

Categorías: Ciencia

Amazon busca repartidores autónomos en España

Lun, 11/27/2017 - 21:44

A última semana foi un claro exemplo de como o comercio electrónico está a ter serios problemas loxísticos ante o incremento de pedidos que están a experimentarse, facendo que, por exemplo, moitos dos pedidos realizados a través de Amazon.es o pasado xoves con envío en 24 horas non vaian chegar ás mans dos seus compradores até mañá, de aí que non sorprende que se animen a probar solucións de loxística innovadoras como Amazon Flex, un servizo de paquetería no que a popular tenda en liña permite a traballadores autónomos realizar entregas a domicilio con seu propio vehículo, permitíndolles definir o seu propio horario e podendo conseguir así uns ingresos de até 28 euros por cada 2 horas de traballo.
Esta solución de envío de paquetes funciona a través dunha aplicación móbil, na que permite que os mensaxeiros definan os seus horarios en función da súa dispoñibilidade, podendo empregarse o móbil tamén para escanear os paquetes e levalos, así como para localizar os enderezos de entrega e comprobar os ingresos.
Temos así un novo xeito para que Amazon atenda mellor aos seus clientes, á vez que crea oportunidades aos traballadores dun sector cada vez máis dinámico. Amazon Flex xa leva tempo operando en EE.UU. e Reino Unido, e agora chega a España nun momento pouco oportuno, xa que en diversos medios están dando conta da precariedade laboral dos repartidores de Amazon en España, que nalgúns casos cobrarían entre 5,38 e 6,30 euros/hora.
Polo momento descoñécense os detalles de espallamento territorial deste novo servizo de Amazon, pero parece que inicialmente só vai estar dispoñible en grandes cidades españolas, onde a entrega a domicilio resulta máis complicada de atender.

Categorías: Ciencia

Movistar comezará 2018 con subas de prezo

Lun, 11/27/2017 - 19:00

Unha vez máis semella que as compañías volverán aproveitar o Aninovo para subir as tarifas, e como adianto sabemos xa que Movistar incrementará en 2 euros/mes as súas tarifas que inclúe só fibra óptica, á vez que tamén aumentan o seu prezo os servizos de contestador automático e chamada a tres.
O vindeiro 5 de xaneiro os paquetes Movistar Fibra Óptica de 50 e 300 Mbps subirán o seu prezo 2 euros ao mes, ou sexa que non afectaría aos paquetes Movistar Fusión, quedando a tarifa normal de 50 Mbps en 57,40 euros/mes (62,40 euros de contar con velocidade simétrica) e a de 300 Mbps custaría 62,40 euros/mes (67,40 euros con simetría). Máis importante é a suba de prezo da Línea Tarifa Plana de Telefónica (que só ofrece liña fixa sen acceso á Rede) que pasa de 35,21 a 40 euros/mes.
As chamadas par recuperar mensaxes do contestador automático tamén pasarán de custar 12,1 a 18,15 céntimos, o desvío de chamadas pasará de 1 a 3 euros/mes, a chamada a través pasa de 3,6 a 5 euros/mes e o servizo integral de mantemento sube 2 euros mensuais (quedando en 8 euros).

Categorías: Ciencia

Páxinas