códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 3 min 9 seg

Vodafone achega a Internet das Cousas aos consumidores

Mar, 11/07/2017 - 21:00

Vodafone entra hoxe no mercado da Internet das Cousas (IoT) para clientes particulares co lanzamento de V by Vodafone, permitindo aos usuarios conectar millóns de produtos electrónicos á rede global de IoT do Grupo Vodafone, a maior do mundo.
A tecnoloxía IoT proporciona intelixencia para conectar unha ampla gama de dispositivos en mobilidade, no traballo e no fogar. As estimacións dos analistas prevén que en 2020 máis de 370 millóns de dispositivos electrónicos serán capaces de conectarse a redes móbiles IoT nos países nos que Vodafone opera. Na actualidade, aproximadamente, están xa conectados 50 millóns de dispositivos.
V by Vodafone permite a consumidores poder conectar e xestionar unha ampla gama de dispositivos intelixentes como localizadores GPS para coches, cámaras de seguridade 4G, trackers para localizar e monitorizar a actividade de mascotas, maletas, mochilas ou chaves.
O Grupo Vodafone é líder mundial móbil en IoT, cunha rede internacional e unha plataforma de servizos da que dependen máis de 30.000 compañías con aplicacións críticas para o seu negocio, polo que os pasos actuais parten da experiencia adquirida na aplicación deste tecnoloxía na empresa.

Novos produtos e servizos

A proposta de conectividade V by Vodafone está composta por:
- V-SIM by Vodafone
- A aplicación móbil V by Vodafone
- Conexión inmediata á rede internacional de IoT de Vodafone
- Unha subscrición mensual fixa para cada categoría de produto conectado cunha V-SIM de Vodafone
- E unha nova plataforma aberta a desenvolvedores de IoT (que lanzarase ao longo do ano que vén)

O servizo tamén inclúe 4 categorías de produto:
- V-Auto by Vodafone (para dar servizo aos coches conectados para chamadas de emerxencia, localización do vehículo e puntuación de condución segura)
- V-Pet by Vodafone (localizador de mascotas que ten un prezo de 7 euros/mes)
- V-Bag by Vodafone (localizador de maletas e mochilas, cunha cota de 5 euros/mes)
- V-Camera by Vodafone (unha cámara conectada que terá unha cota de 7 euros/mes)
Estes novos produtos están dispoñibles en grandes superficies comerciais, cadeas especializadas e tendas de comercio electrónico, así como nos puntos de venda habituais de Vodafone.

Categorías: Ciencia

A RAGC recoñece un proxecto 4.0 para reducir as emisións dos motores

Mar, 11/07/2017 - 21:00

A Industria 4.0 e as posibilidades do cómputo de alto rendemento para o ámbito do motor (no camiño dunhas meirandes sustentabilidade, eficiencia e respecto polo medio ambiente) están presentes nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2017, que entrega cada ano a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), e cuxos destinatarios (nesta terceira edición) veñen de darse a coñecer. No certame, destinado a salientar as mellores prácticas impulsando coñecemento científico e tecnolóxico dende onde se “fai” ese coñecemento cara as nosas empresas, distinguiuse (co premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas) o labor de BorgWarner Emissions Systems Spain, filial española da multinacional Borgwarner, con sede en Vigo (Pontevedra) e responsábel, co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da UVigo, dunha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos. Os galardóns entregaranse en datas vindeiras en Compostela.

Os premiados ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada

O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu no Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela, por un proxecto para pór en valor o sangue procedente dos matadoiros (a través da súa transformación en fariña de alta calidade).

O equipo distinguido como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía

Na categoría de PEME, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspondeulle a HGBeyond Materials Science, proxecto xurdido ao abeiro da USC, impulsado por Lentimed e o Grupo I+D Farma da USC, e consistente no desenvolvemento de hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo (sendo o seu primeiro achado unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular).
Como dixemos, o premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recae en BorgWarner Emissions Systems Spain. O seu traballo co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo (UVigo) permitiulle desenvolver unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos. Este sistema será implantado en todas as fábricas que BorgWarner ten repartidas polo mundo. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos polo seu esforzo no eido da transferencia de tecnoloxía.
Segundo informa a RAGC, o proxecto galardoado consiste “nunha ferramenta de cálculo computacional que permite simular o comportamento dos sistemas de redución de emisións contaminantes para vehículos que a empresa fabrica”. Isto, engade a academia galega, “suporá unha vantaxe competitiva importante, dado que a normativa europea revisa continuamente á baixa os límites das emisións dos coches, polo que é determinante para o sector contar con solucións máis avanzadas e eficientes no menor prazo posíbel, coa garantía de que cumpren os requisitos establecidos”.
No capítulo de vantaxes concretas, o desenvolvemento recoñecido pola RAGC posibilita non só reducir a cifra de ensaios físicos para cada novo desenvolvemento ou modificación (probas que adoitan ser custosas e estenderse moito no tempo), senón tamén optimizar a capacidade de resposta e a fiabilidade. En virtude desta tecnoloxía, todos os centros de BorgWarner poderán testar cada novo sistema anticontaminación ou cada modificación dun existente, “de xeito rápido e económico”, a través de prototipos virtuais xerados por ordenador.

Categorías: Ciencia

A Rede CeMIT participa nun encontro de dinamizadores de telecentros a nivel estatal

Mar, 11/07/2017 - 20:30

O dinamizadores das aulas CeMIT dos concellos de Cerceda, Cuntis, Fisterra, Oroso, Ortigueira e Santa Comba participarán este mércores e xoves, 8 e 9 de novembro, no Encontro de Dinamizadores de Redes de Telecentros Changemakers: Dinamizadores do cambio, xornadas organizadas pola Asociación Comunidade de Redes de Telecentros de España, da que a Rede CeMIT de Galicia é membro.
Xunto con representantes galegos, tamén participarán dinamizadores de redes de telecentros existentes en Andalucía, Cantabria, Castela e León, Canarias, Estremadura, Murcia, Cataluña e Castela A Mancha, sumando un total de 75 participantes e 10 redes distintas.
O formato deste encontro é dun obradoiro participativo, no uso de ferramentas e técnicas de pensamento creativo aplicables ao seu traballo diario coa cidadanía. Contando coa experiencia de cada Rede de Telecentros, o encontro axudaralles a debuxar novas propostas, propoñer novos retos e converter en realidade o rol dos dinamizadores como axentes do cambio nas súas localidades.
Afondarase nas boas prácticas impulsadas dende cada unha de las Redes de Telecentros a nivel nacional sobre aspectos como a e-Inclusión, o envellecemento activo, as competencias dixitais, a innovación social, a ciberseguridade, os eServizos, ou o uso seguro e responsable da tecnoloxía en contornas educativos. Oe encontro permitirá analizar de que forma desde estas redes poden seguir ofrecendo iniciativa que respondan ás liñas estratéxicas e desafíos formulados dentro da Axenda Dixital para España 2020 e da Axenda Dixital Europea.

Categorías: Ciencia

Pontevedra acubilla este mes seis obradoiros TIC ao abeiro de SmartPEME

Mar, 11/07/2017 - 18:30

A Deputación de Pontevedra vai organizar este mes de novembro media ducia de obradoiros TIC no edificio administrativo da entidade que preside Carmela Silva (na capital provincial) e máis nas instalacións de AEMPE Pontevedra, Estas actividades desenvólvense ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación, a rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Lalín, Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros. No que atinxe á zona de Vigo (Vigo, Porriño e Ponteareas) desenvolveranse durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros. En Lalín celébranse, tamén, media ducia de actividades.
Volvendo aos obradoiros de Pontevedra, comezan este martes 7 de novembro co taller Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial e seguirá cos seguintes cursos: o xoves 9 impartirase o obradoiro Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing; o martes, día 14, Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO; o martes 21 Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais; o xoves 23 de novembro Crea o teu propio logotipo con Canva, e Woocommerce I – A solución para vender por internet, o martes 28 de novembro. A única actividade que realizarase fóra do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra será o de Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO, que se organizará nas instalacións de AEMPE.
Como lembraremos, a oficina SmartPEME de Pontevedra está emprazada no Edificio Administrativo da Deputación, na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 horas agás o obradoiro que terá lugar en AEMPE, que arrancará ás 17:15 horas.
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Categorías: Ciencia

Protección de Datos sanciona a Google pola recollida de datos efectuada polos vehículos de Street View

Mar, 11/07/2017 - 17:00

A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) ditou unha resolución que pon fin ao procedemento aberto á empresa Google en relación á recollida e tratamento de datos persoais de redes Wi-Fi levada a cabo polos vehículos empregados no proxecto Street View. No marco da investigación realizada, a AEPD constatou que Google recolleu e almacenou datos persoais transmitidos a través de redes Wi-Fi abertas sen que os afectados tivesen coñecemento de dicha recollida e sen obter o consentimento dos mesmos. En consecuencia, a Axencia declara a existencia dunha infracción grave e impón a Google unha sanción de 300.000 euros.
A AEPD iniciou de oficio a investigación destes feitos en maio de 2010. Con todo, a existencia dun procedemento xudicial penal aberto no Xulgado de Instrución Nº 45 de Madrid obrigou á AEPD a suspender a tramitación do seu procedemento sancionador en virtude do artigo 7 do Real Decreto 1398/1993, polo que se aproba o Regulamento do Procedemento para o Exercicio da Potestade Sancionadora. Unha vez tívose coñecemento da firmeza do auto polo que se acorda o sobresemento provisional e arquivo das dilixencias previas, a Axencia Española de Protección de Datos renovou o procedemento administrativo, resolvéndoo tras o correspondente prazo de presentación de alegacións.
No marco da investigación realizada, a Axencia Española de Protección de Datos constatou que Google recolleu información de diversa tipoloxía sen que os afectados tivesen coñecemento de que dita recollida de datos estaba a levarse a cabo e sen o seu consentimento. A compañía solicitou, entre outra, información relativa a direccións de correo electrónico de persoas físicas, códigos de usuario e contrasinal que permiten o acceso a contas de correo electrónico, enderezos IP, enderezos MAC dos routers e dos dispositivos conectados aos mesmos ou nomes de redes sen fíos (SSID) configurados co nome e apelidos do seu responsable. Non se constatou que Google tratase datos especialmente protexidos a través destes sistemas.
En canto a que os datos se recollesen de redes Wi-Fi abertas, a resolución especifica que «o feito de que os titulares de redes Wi-Fi non aseguren o cifrado destas redes, en prexuízo da seguridade dos seus datos, non autoriza de ningún xeito a recollida da información levada a cabo nin ningún uso posterior da mesma».
Para determinar a contía da sanción, a maior no caso das infraccións graves, considerouse, entre outros factores, o carácter continuado da infracción (desde maio do 2008 a maio de 2010), o volume masivo de datos persoais recolleitos; a vinculación da actividade de Google coa realización de tratamentos de datos de carácter persoal, o volume de negocio ou actividade da compañía considerando o seu modelo económico; que as infraccións son o resultado do sistema de recollida e tratamentos de datos deseñado por Google, así como o prexuízo que devandito sistema causa á privacidade das persoas afectadas.

Categorías: Ciencia

A galega Siguetuliga pecha unha rolda de investimento de 135.000 euros

Mar, 11/07/2017 - 16:00
O equipo de Siguetuliga.com está formado por Alberto Guimarey, Diego López e Alberto López.

A empresa coruñesa Siguetuliga vén de pechar unha rolda de investimento de 135.000 euros grazas á confianza de destacados emprendedores da nosa terra, como Diego Mariño (fundador de Ducksboard e Abiquo), Rubén Ferreiro (fundador de GaliciaBanner e CEO do Grupo Viko), David Bello (fundador de IPGlobal), Ramón Pombo (fundador de Asubío Media), Raúl Díaz (fundador de ai10) e Brais Méndez (fundador de Docuten).
Siguetuliga cubre a información de todas as ligas do fútbol afeccionado e base de España gracias á autoxestión que realiza a súa grande comunidade, que xa supera os 2 millóns de persoas. Son eles os que reúnen, comparten e gozan dos resultados, aliñacións, comentarios, goles, fotos e vídeos de calquera liga e a calquera nivel.
A grande razón de ser da plataforma é axudar ós 22.000 clubs de fútbol que hai en España ante problemas que son comúns a todos. Xa conseguiron, con éxito, que moitos deles xeren ingresos coas visitas que o seu club ten en Siguetuliga. Todo sen esforzo, xa que non é necesario que o club cree ningún tipo de contido.
A raíz de esta ampliación de capital e co grande aporte humano de todos os que pasan a formar parte do accionariado, Siguetuliga vai un paso máis alá, aportando solucións ó propio funcionamento interno dos clubs. Cada vez son maiores as esixencias de futbolistas, socios, afeccionados e institucións públicas, non importa o número de equipos que teñan ou a categoría na que xoguen. Aí é onde incidirá o seu novo servizo. Os clubs gozarán de ferramentas para estar mellor organizados, automatizar as tarefas máis custosas e, en definitiva, facerse máis eficientes e rendibles.

Categorías: Ciencia

A xornada sobre metodoloxías áxiles que prepara Vitae, éxito de convocatoria

Mar, 11/07/2017 - 14:23

O evento Xestión de Proxectos Áxiles vs. Xestión de Organizacións Áxiles, que se vai celebrar o 21 de novembro na sede do CITEXVI en Vigo, mostrando boa parte das metodoloxías máis avanzadas para coñecer aos usuarios dos nosos servizos (permitíndonos anticiparnos ás súas demandas), está a ser un éxito de seguimento e de capacidade de convocatoria. Segundo nos contan dende a consultora Vitae, impulsora do evento xunto co CITEXVI, a Universidade de Vigo e Scrum Manager, xa se contaba a comezos desta semana con máis de 70 asistentes inscritos.
A cita, para a que xa van quedando poucas prazas, encamíñase a afondar no escenario actual das metodoloxías áxiles e do seu futuro, facendo fincapé en como deseñar de maneira adaptativa produtos e servizos, e afondando en cuestións como a xestión da calidade do software, na xestión das persoas e en como implantar metodoloxías eficaces nunha organización con casos reais.
Outro dos retos da convocatoria é combinar enerxías, intercambiando experiencias e amosándoas ao detalle, a prol de conseguir unha integración óptima das metodoloxías áxiles no seo dunha empresa. “As metodoloxías áxiles para a xestión de proxectos”, explica Vitae, “estanse a introducir con moita forza e rapidez nas organizacións e ás veces estas non están preparadas para o cambio de prioridades nin dos procesos nin nas persoas”.

Programa de actividades

9:45 - 10:00 Recepción de asistentes
10:00 - 10:10 Benvida e introdución
Nacho Armesto, Universidade de Vigo
Marcos Carbonell, Vitae
10:10 - 10:40 Relatorio: Axilidade e Innovación
Juan Palacio
10:40 - 11:20 Relatorio: Deseño adaptativo con Design Thinking
Adrián Ager
11:20 - 11:40 Café - Networking
11:40 - 12:10 Casos de éxito : Calidade e Testing en Proxectos Áxiles
Juan Martínez
12:10 - 12:50 Casos de éxito, Xestión de Persoas en Metodoloxías Áxiles
Josefina Alonso Nocelo
12:50 - 13:50 Casos de éxito, Implantación de Metodoloxías Áxiles nunha organización
Manuel Doval
13:50 - 14:00 Rogos e preguntas

Relatores

- Juan Palacio. Profesor de Enxeñaría do Software e profesional con máis de 20 anos de experiencia en xestión de empresas, proxectos e equipos. Dirixiu a área técnica de iA Soft (actualmente Grupo Oesía - Zaragoza). É fundador de Scrum Manager, proxecto que actualmente preside, e tamén fundador de Safe Creative e Safe Stamper, empresas que dirixe a día de hoxe.
- Adrián Ager. Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas cun master en Mercadotecnia ademais de posgraos en Innovación e Creatividade. Profesional con máis de 5 anos de experiencia desenvolvendo proxectos dixitais a través de metodoloxías como Design Thinking e Lean Startup tanto para grandes empresas como para proxectos en startups. Traballou en Orange, na Fundación Telefónica e en BEEVA, consultora de Innovación e Tecnoloxía do grupo BBVA.
- Juan Martínez Neira. Licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela. A día de hoxe é director da área de desenvolvemento de software de Plexus, consultora tecnolóxica galega con máis de 700 empregados. Profesional con máis de 15 anos de experiencia no sector TI traballando con metodoloxías áxiles e preditivas.
- Josefina Alonso Nocelo. Enxeñeira Superior en Informática pola Universidade de Vigo. Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e Preditivas (PMI, CMMI) para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo.
- Manuel Doval. Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid e posgrao en Dirección de Empresas polo IESE. Foi durante 19 anos o director IT na empresa R Cable e Telecomunicacións, sendo uns dos pioneiros en implantar metodoloxías áxiles tanto a nivel de proxectos como na organización.

Categorías: Ciencia

A galega OpSeeker, terceiro premio da oitava edición de Yuzz

Mar, 11/07/2017 - 12:43
Lucie Hefnerová, no centro, acompañada de Elena Pernas e Manel Cotos

Á start-up santiaguesa OpSeeker, especializada en adestramento financeiro en liña, non lle paran de chegar os recoñecementos. Se recentemente falados da súa participación na aceleradora de proxectos tecnolóxicos Startupbootcamp (foi elixida para concorrer no programa de impulso para firmas novas dos sectores fintech e ciberseguridade), onte soubemos que OpSeeker vén de gañar o terceiro premio da oitava edición do programa Yuzz Mozos con Ideas, dotado con 10.000 euros e impulsado polo Grupo Santander xunto coas universidades (no caso concreto de Opseeker, xunto coa Universidade de Santiago).
Como lembraremos, a start-up santiaguesa foi creada por Lucie Hefnerová e Gonzalo Camiña Ceballos. Para o seu empuxe definitivo, foi madurada no nodo Yuzz-Santiago. Ás devanditas distincións únese a recibida en maio polo BBVA, que a recoñeceu como a mellor firma innovadora galega do seu sector.
Datos sobre a empresa
OpSeeker é unha empresa constituída en Santiago de Compostela en xullo de 2016. Dous dos seus catro fundadores son naturais da capital galega, outro de Madrid e outra da República Checa. Gonzalo Camiña, director executivo da nova firma, sinalou recentemente que “estamos a crear unha nova maneira de planificar as finanzas, onde non se tentan vender produtos, senón que os vehículos de investimento son os que de verdade precisan os usuarios”.
Gañador local
O Centro Yuzz-Santiago é un espazo de coworking dedicado ao emprendemento que se atopa no Edificio Emprendia da USC e no que desde xaneiro traballaron 35 emprendedores para converter as súas ideas empresariais en proxectos. A Universidade, en colaboración coa Xunta de Galicia, coordina tamén o nodo de Yuzz-Lugo que ten a súa sede na Facultade de Administración de Empresas do Campus de Lugo.
En decembro de 2016 no Centro Yuzz-Santiago seleccionáronse 35 emprendedores de entre máis de 100 solicitudes, chegando 20 proxectos á final, que gañou OpSeeker. Grazas a isto, Lucie Hefnerová viaxou a Silicon Valley para vivir unha experiencia de gran utilidade para impulsar o desenvolvemento dos seus proxectos, achegándolle ligazóns para o asentamento da empresa en novos mercados e para a procura de financiamento. O programa incluíu visitas a empresas como Google, LinkedIn, Facebook, Uber ou Airbnb e conferencias en prestixiosas universidades como Berkeley e Stanford.
O proxecto finalista que representou a Yuzz-Lugo nesta edición foi ZebraNanoTox, desenvolvido por Vanessa Pérez e Carlha Gutiérrez, do grupo de investigación da Facultade de Veterinaria ZebraBioRes-ACUIGEN.
O programa YUZZ diríxeo CISE co patrocinio de Banco Santander e a colaboración en Santiago da USC e da Secretaría de Emprego da Xunta de Galicia.

Categorías: Ciencia

Os retos da nosa terra na Industria 4.0, ao detalle en Compostela

Mar, 11/07/2017 - 12:42

Mañá temos en Compostela unha cita co que se coñece como Industria 4.0. Ou sexa, coas metodoloxías intelixentes de traballo, resultado da confluencia entre a industria e o mundo das tecnoloxías da información, dirixidas a poñer en xogo cousas como aforro nos custos de produción, redución dos gastos de mantemento, mellora da produtividade dos profesionais de xestión, minimizado de inventario ou mellora das previsións da demanda e planificación da produción. Estamos a falar do encontro empresarial Galicia 4.0. Camiño cara a unha industria intelixente. Os retos que presenta a nova economía dixital, que se celebra no Club Financeiro de Santiago, en horario de mañá, en colaboración co IGAPE e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, intervirá na mesa redonda Camiño cara a unha industria intelixente en Galicia. Persoas e tecnoloxías.
Nesta mesa tamén intervirán Javier García Tobío, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e membro da xunta de goberno do CPEIG, Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e Manuel Gens, director executivo de Gens Digital Incorporated. Clausurará o encontro o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde.
A respecto dos retos que se pretenden abordar no foro, a organización do seminario explica que “dixitalización é a palabra clave” e non adaptarse a esa nova revolución suporá o desprazamento e mesmo desaparición de empresas en poucos anos.
Empresarios e directivos de PEME galegas, representantes de asociacións empresariais sectoriais e clusters, membros da universidade, laboratorios tecnolóxicos e centros de investigación e desenvolvemento son o público potencial da xornada.

Categorías: Ciencia

Xiaomi anuncia que terá distribución oficial en España

Mar, 11/07/2017 - 11:49

Chegou a data esperada por moitos seareiros da marca chinesa Xiaomi en España para o desembarco oficial da compañía no noso mercado, o que finalmente foi moito máis aló dunha apertura dunha tenda en Madrid, xa que xunto ás Mi Stores tamén chegan a España a Mi Community e incluso unha versión en español de mi.com.
Para dar lexitimidade a esta apertura estivo presente Xiang Wang, vicepresidente senior de Xiaomi Global, quen realizou unha presentación que puido verse en directo a través de YouTube e Facebook Live, para dar conta dos terminais móbiles que porán á venda en España, que son máis dos que podiamos esperar inicialmente, xa que, aparte do Redmi Note 4, o Redmi 5A, o Redmi 4A, o Redmi 4X, o Mi 6 e o Mi MIX 2, confirmouse que finalmente o móbil máis perseguido do fabricante chinés, o Mi A1, estará dispoñible no nos mercado a partires de mañá a un prezo de 229 euros.
Lembremos que o Mi A1 é o primeiro smartphone de Xiaomi con Android One, ou sexa, cun sistema operativo de Google sen capa de personalización chinesa (e con actualizacións de seguridade de Google), polo que resulta moi atractivo para os que non gustan de MIUI (versión de Android personalizada por Xiaomi). Este terminal vén equipado con 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, procesador Qualcomm Snapdragon 625, pantalla Full HD de 5,5 polgadas e dobre cámara traseira de 12 Mpíxeles, de xeito que é unha das opcións máis asumibles no mercado para acceder ao popular modo retrato que puxo de moda o iPhone 7 Plus.
No que se refire á venda de terminais, Xiaomi non se limitará ás dúas tendas que o vindeiro sábado abren en Madrid, senón que tamén pasará a distribuír a través de Ingran Micro e AliExpress, ou sexa, que AliExpress terá tenda oficial de Xiaomi para España, aínda que tamén será posible adquirir moitos dos seus móbiles en Amazon, Carrefour, MediaMart e Phone House.
Outros produtos que achegará oficialmente Xiaomi a España serán a popular Mi Band 2 (pulseira de actividade que poderemos mercar por 24,99 euros), a Mi Electric Scooter (por 349,99 euros), a Mi Box (por 74,99 euros) e a Mi Action Camera 4K (por 134,99 euros).

Xiaomi tamén venderá en España produtos que van máis aló dos seus smartphones

Vídeo coa presentación en directo de Xiaomi en España

Categorías: Ciencia

A UVigo dará forma a unha app para optimizar a explotación da navalla na nosa costa

Lun, 11/06/2017 - 23:06

Hoxe presentouse en Vigo un proxecto de investigación impulsado pola Universidade e a Consellería de Mar que consiste en dar soporte á xestión da pesqueira da navalla, afondando no seu coñecemento e nos detalles do seu ciclo reprodutivo e a súa variabilidade espacial. E todo co finalidade última de acadar modelos de explotacións máis rendíbeis ao tempo que sustentábeis. O proxecto inclúe o desenvolvemento dunha aplicación informática que achegará información continua e actualizada sobre os métodos de explotación máis acaidos para cada intre e lugar.
A investigación, cun orzamento de 166.000 e vixente ata agosto do ano 2020, estudará a variabilidade do ciclo reprodutivo, talla da primeira posta e crecemento na navalla na ría viguesa, dende os bancos máis interiores como o de Rande ata os máis exteriores, nas Cíes.
No proxecto participan (pola UVigo) o Campus do Mar, o Centro Singular de Investigación Mariña-ECIMAT, o Centro Singular de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación AtlantTIC, e, polo Goberno autonómico, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Todos estes centros traballarán da man das confrarías que están explotando a navalla na ría de Vigo, que reúnen 52 embarcación e 78 mergulladores.
Do deseño da ferramenta informática encargaranse expertos de AtlantTIC. Como explicou na presentación do proxecto Francisco Javier González Castaño, director do Grupo de Tecnoloxías da Información, tomaranse os resultados da ECIMAT e a experiencia de campo do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) para “converter os seus resultados nunha aplicación móbil de análise de datos que permita que os mariscadores poidan identificar o mellor momento para realizar o seu labor”. A través desta ferramenta, que se poderá empregar tanto dende os teléfonos como dende os equipos de sobremesa, os traballadores poderán coñecer o estado do recurso nos distintos bancos marisqueiros e reducir os períodos de peche dos bancos de navalla e os descartes de exemplares.
Ao fío das implicacións da app resultante e dos importantes datos sobre períodos de explotación que vai fornecer, o reitor Salustiano Mato explicou na presentación do proxecto que “é importante non extraer navalla no período de ruptura, o período máis importante do seu ciclo de vida, o da madurez gonadal, por un lado, porque é un período crítico para a especie e, por outro, porque esas rupturas reducen o valor comercial das capturas”.

Categorías: Ciencia

Os procesadores Intel Core H integrarán gráficas de AMD

Lun, 11/06/2017 - 21:22

Aínda que estamos afeitos a ver a Intel e AMD como dúas compañías competidoras, non podemos esquecer que actualmente AMD é o fabricante que está detrás da vella marca de gráficas ATI, grande competidor de nVIDIA, compañía que está a liderar o seu sector, especialmente no que se refire a equipos para videoxogos e realidade virtual, o que levou a que Intel anuncie agora unha serie de procesadores dentro da 8ª xeración de procesadores Intel Core, os novos Intel Core H, que integrarían gráficas discretas Radeon de AMD.
Dende Intel aseguran que o chip gráfico foi desenvolvido coa súa colaboración, de xeito que estaría semi-personalizado, e demostraría que ambos fabricantes tanto poden competir entre si como colaborar, o que supón unha grande vantaxe para o consumidor, ao que chegarán máis innovacións.
A nova familia de procesadores busca principalmente equipar a equipos portátiles que pese a ter un tamaño moi compacto, poderán ser capaces de mover os últimos videoxogos.

Categorías: Ciencia

Lalín acolle en novembro seis obradoiros TIC ao abeiro de SmartPEME

Lun, 11/06/2017 - 20:00

A Deputación de Pontevedra vén de informar de que o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá durante o mes de novembro seis obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola dita entidade provincial, a rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros. No que atinxe á zona de Vigo (Vigo, Porriño e Ponteareas) desenvolveranse durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros.
En canto aos obradoiros programados para Lalín no mes de novembro, todos eles en horario de 19 horas, terán como primeiro evento Ferramentas de Google para a promoción de negocios, previsto para este luns 6 de novembro. Posteriormente, o mércores 8 organizarase o obradoiro Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio. A seguinte semana, o mércores 15, Lalín tamén acollerá Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope... A seguinte cita será o martes 21 de novembro, cando terá lugar na vida do Deza o obradoiro Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico. Esa mesma semana, o xoves 23 de novembro, terá lugar o obradoiro Comercio electrónico para microPEME. Por último, neste mes de novembro, o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 será o lugar de celebración do obradoiro As redes sociais para vender os teus produtos de alimentación, o luns día 27.
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Categorías: Ciencia

Como escribir e construír series transmedia, polo miúdo en Santiago

Lun, 11/06/2017 - 18:00
Experiencias virtuais arredor da serie El Ministerio del Tiempo, nunha imaxe de RTVE

Falar de narrativa transmedia e afondar nos diferentes xeitos de levala a cabo, incidindo, de partida, na principal característica deste xeito de facer contidos: que un libro xa non sexa só un libro, que un filme xa non sexa só un filme, que un videoxogo xa non sexa unicamente un videoxogo. Botar luz sobre todo isto (estas historias que se desenvolven en todo tipo de medios e de formatos) é o principal obxectivo do foro A nova narrativa das series transmedia, que se celebra o 22 de novembro en Santiago da man do Clúster Audiovisual Galego. O obxectivo concreto do obradoiro é mostrar a importancia do guión nas series transmedia e abordar as claves do éxito deste tipo de contidos, unhas claves que, coma calquera obra de arte na historia que se prece de selo, pasan por termos (precisamente) unha historia.
A cita será no Centro ABANCA Obra Social de Cervantes. Entre outros profesionais do audiovisual, da escrita e dos contidos dixitais, contarase presenza co director do festival Mundos Dixitais, Manuel Meijide, que actuará como moderador. Na sesión, que abrirá o programa da 11 edición do encontro I+P Ideas para producir que se celebrará o 22 e 23 de novembro en Compostela, tamén participará o guionista e produtor Javier Olivares, creador das series de éxito El Ministerio del Tiempo e Si fueras tú, esta última considerada a primeira ficción transmedia interactiva producida en España. Asemade, tamén está prevista a intervención de Roberto Pérez, director de Tecnoloxía (CTO) e fundador de Future Lighthouse, estudio madrileño encargado de desenvolver o proxecto de realidade virtual de El Ministerio del Tiempo, a proposta Ministerio VR, unha iniciativa que nos convida a facer cousas como percorrer con algúns persoeiros da serie algúns dos escenarios máis identificábeis da mesma (achegándonos a opción de camiñar e interactuar coma se de verdade o sistema nos mergullara nun capítulo da serie, pudendo tocar obxectos e relacionarnos cos personaxes).
Amais, na xeira de traballo afondarase no estado de saúde da produción de animación en 3D en Galicia. Esta cuestión será tratada por Julio Casal, director executivo (CEO) da compañía galega Ficción (Hospital Real, O Códice, Augasquentes, Maimiño), quen debullará as orixes e o desenvolvemento da serie de animación infantil Tutu, que se emite na canle Clan de TVE.
A asistencia ao foro é libre e de balde até completar o aforo. Para asistir é necesario enviar cuberto o formulario que está dispoñible no sitio web do Clúster a comunicacion@clag.es. O prazo de inscrición está aberto ata as 13.00 horas do día 20 de novembro.

Categorías: Ciencia

Broadcom ofrece 130.000 millóns de dólares por Qualcomm

Lun, 11/06/2017 - 17:30
Expositor de Qualcomm na pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona

O fabricante Qualcomm é amplamente coñecido pola súa familia de procesadores Snapdragon, que son dos máis empregados en smartphones a nivel mundial, pero a compañía podería mudar de mans nos vindeiros meses, xa que outro fabricante de semicondutores, Broadcom, vén de realizar unha proposta de adquisición das súas accións, prometendo 70 dólares por participación (60 dólares en efectivo e 10 dólares en accións de Broadcom) nunha operación que sumaría uns 130.000 millóns de dólares.
Esta oferta suporía unha plusvalía do 28% do prezo de peche das accións de Qualcomm o pasado 2 de novembro, e do 33% do seu prezo medio no último mes, de xeito que podería considerarse unha operación moi atractiva para os actuais accionistas de Qualcomm, xa que achegaría beneficios inmediatos acompañados de participacións na empresa resultante.
A adquisición de Qualcomm por parte de Broadcom non só eliminaría a un importante competidor para Broadcom, senón que tamén melloraría a súa posición no mercado ao consolidarse como un fabricante de maior peso, o que confían que tamén beneficie aos traballadores de ambas compañías, que veranse respaldados por maiores oportunidades na empresa.
Broadcom confía que a compra de Qualcomm permita que os seus catálogos de produtos e servizos se complementen, creando unha impresionante oferta no mercado dos semicondutores que podería ser realidade 12 meses despois de pecharse un previsible acordo de adquisición.

Categorías: Ciencia

Ultreia e Librebit formarán administradores de sistemas GNU/Linux para a súa contratación

Lun, 11/06/2017 - 16:30

A empresa galega Librebit, da que temos falado en Código Cero para salientar o seu importante labor espallando LibreOffice, vén de unir forzas coa tamén galega Ultreia no camiño de botar unha man na integración laboral da mocidade. Máis polo miúdo, ámbalas firmas están a impulsar unha iniciativa de emprego xuvenil que consiste en formar administradores de sistemas GNU/Linux. O proceso rematará coa selección e contratación dun profesional adestrado nos ditos sistemas libres en ambas empresas.
A iniciativa inclúe a achega dun curso de balde de 380 horas de duración sobre administración de sistemas GNU/Linux para a computación na nube, centrado na certificación LPIC-1 e LPIC-2. O curso será presencial en Vigo, na academia Octavio, durante os meses de novembro e decembro. Utilizaranse e aprenderanse ferramentas libres innovadoras e de gran presenza en empresas de todo o mundo, como Debian GNU/Linux, Amazon Web Services, NGINX, Vmware, MySQL, Ansible, Nextcloud, Puppet, OpenStack, etc.
Segundo informan Librebit e Ultreia, rematadas as horas de formación realizaranse prácticas nas dúas empresas, durante o mes de febreiro. Finalmente, en abril realizarase o proceso de selección cunha pequena proba final, para poder chegar a formar parte do equipo dunha das dúas firmas galegas de software libre.
Os requisitos para poder participar nesta iniciativa son ter entre 16 e 30 anos e formar parte do proxecto de Garantía Xuvenil do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Non é necesaria titulación nin certificación previa, “só ganas e interese por mellorar profesionalmente”, informan, engadindo que se terá moi en conta “a experiencia previa en administración de sistemas, en especial en sistemas Linux”. Valorarase tamén a capacidade de defenderse co idioma inglés, non sendo preciso ningún título que a avale.
As persoas interesadas non teñen máis que consultar a páxina da iniciativa dende a que poderán consultar calquera dúbida así como apuntarse.
Esta iniciativa faise dende a asociación Ineo e CONETIC co apoio de Red.es, cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2014-2020 con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

Categorías: Ciencia

Conexiona impulsa un software para predicir a gravidade dos ictus

Lun, 11/06/2017 - 12:57

As doenzas de meirande presenza na nosa terra teñen (cada vez máis) o seu contrapunto, o seu contrincante, nas novas tecnoloxías da información. Non tanto á hora de sandar, aínda que tamén, senón de previr, de facer seguimento, de elaborar diagnósticos máis exhaustivos, de acertar no tratamento e de avaliar a gravidade da doenza en cuestión nun individuo concreto. Este precisamente é o alicerce do proxecto no que está a traballar a nosa firma TIC Conexiona, emprazada na Tecnópole. Trátase, en palabras da empresa, do que sería o primeiro software para predicir a gravidade dun ictus. Para levar ao mercado este achado, a empresa ourensá puxo en marcha a spin-off LINCbiotech, en estreita colaboración co Laboratorio de Neurociencias Clínicas (LINC) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
A nova firma biotecnolóxica, presentada os días pasados en Santiago e Ourense, xorde “para desenvolver e comercializar un software de axuda á decisión clínica que cuantifica e mostra a temperatura cerebral a partir dos datos xerados mediante resonancia magnética (RM) en pacientes que veñen de sufrir un ictus”.
Esta información, informaron os responsábeis do proxecto nas presentacións, intégrase coa imaxe volumétrica e espacial dos estudos de neuroimaxe, coa finalidade “de proporcionar un diagnóstico máis preciso e personalizado aos pacientes”. A tecnoloxía resultante, fíxose saber, ten posibilidades de ser adaptada a diferentes ámbitos da saúde e a atención médica.
Por certo que na folla de ruta de LINCbiotech tamén está previsto lanzar unha tecnoloxía con capacidade para inducir unha hipotermia focal nas persoas que veñen de sufrir un ictus, un tratamento de probada eficacia na diminución dos efectos da dita doenza.
A empresa foi presentada os días pasados na sede do Laboratorio de Neurociencias Clínicas, no Hospital Clínico de Santiago, por parte da xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez; José Castillo, director do LINC e director científico do IDIS; e de Carlos Sande, director de I+D e Proxectos de Conexiona. Posteriormente trasladáronse a unha visita á sede da empresa, en Tecnópole.
Segundo a planificación proxectada, o inicio da comercialización do software médico en España e Europa será a principios de 2019. Nas sesións cos medios e cos profesionais da saúde e das TIC fíxose saber, tamén, que o algoritmo xa foi testado en modelos de experimentación o pasado ano mentres que este ano estase a traballar no desenvolvemento e validación clínica en humanos.

Categorías: Ciencia

A web de Meteogalicia amplía posibilidades de busca e de personalización

Lun, 11/06/2017 - 12:06

Como vén sendo habitual, Meteogalicia vén de actualizar a súa presenza na Rede, respondendo a unha dobre demanda: primeiro, a da comunidade crecente de usuarios (que medra en número e en uso de ferramentas) e, segundo, a de achegar os servizos e informacións máis fiábeis sobre unha cuestión, o clima galego, que tamén vive suxeita a unha constante actualización e revisión. Segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, Meteogalicia renovou a súa web “co fin de ofrecer contidos personalizados e aumentar a súa navegabilidade”. Desta maneira, puxéronse en xogo “novas funcionalidades” dentro do apartado de estacións meteorolóxicas, dirixidas a facer máis áxil acceso á información e, tamén, a afacer os datos fornecidos ás demandas de cada quen.
Segundo se engade, estas novidades céntranse sobre todo na opción de aumentar até cinco o número de estacións meteorolóxicas preseleccionadas e marcar unha delas como favorita co obxectivo de ·obter un acceso directo e personalizado a esta información”. Con esta actualización tamén se ampliaron as alternativas de procura, de tal maneira que poderemos especificar o concello sobre o que desexamos obter datos, e a partir de aí a ferramenta listará as estacións máis próximas á localidade seleccionada dentro dun radio de 30 quilómetros.
Ademais, o sitio de Meteogalicia viuse reforzado para permitir a procura de información desde o propio mapa no que están xeolocalizadas todas as estacións meteorolóxicas. A partir de agora, engade Medio Ambiente, “poderá ampliarse o mapa para localizar a estación desexada con maior precisión e mesmo dáse a a posibilidade de delimitar, a través doutra capa, o territorio de cada un dos concellos de Galicia”.
Por outra banda, dende Meteogalicia lembran que seguen a ofrecer “información puntual e actualizada” sobre a previsión do tempo e a observación atmosférica a través das súas contas nas redes sociais, que, no caso de Twitter, vén de acadar os 100.000 seareiros. “Esta cifra reflicte o grao de interese e seguimento dos galegos pola información meteorolóxica, de aí a aposta da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio por renovar e actualizar os servizos de información á cidadanía”, engádese.

Categorías: Ciencia

Unha xornada do CDTIC divulgará as novidades de NextCloud

Lun, 11/06/2017 - 11:58

O Centro Demostrador TIC vén de actualizar unha das solucións libres que ofrece para que empresas e usuarios poidan probar de xeito gratuíto. Trátase da solución de almacenamento e compartición de ficheiros na nube que pasa a estar baseada na solución NextCloud, un xestor de ficheiros de código aberto e libre distribución, desenvolvido pola empresa homónima, que naceu en abril do 2016 como unha bifurcación de OwnCloud e que conta cun extraordinario apoio da comunidade, con máis de 1000 membros activos.
Para facilitar a difusión da súas novas funcionalidades, o vindeiro 9 de novembro o Centro Demostrador TIC celebra a sesión Nextcloud: a nube privada máis segura para os teus datos en colaboración coa empresa LibreBit, especializada en xestionar proxectos en software libre.
A sesión, de carácter eminentemente práctico, versará sobre a ferramenta libre Nextcloud, unha solución para resolver as necesidades de almacenamento, compartición e xestión da información das empresas axustándose ao Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación móbil para Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que polo momento quedan prazas dispoñibles.

Categorías: Ciencia

Os beneficios e os riscos das redes, ao detalle na webserie galega Generación Wifi

Lun, 11/06/2017 - 11:34

Os días pasados presentouse en Pontevedra (no Teatro Principal, o día 18) unha máis que interesante webserie sobre o mundo das tecnoloxías na mocidade e sobre como estas están a mudar para sempre o noso xeito de comunicarnos e procurar información (para ben, aproximando persoas, integrándoas socialmente e espallando o coñecemento, e tamén para mal, impulsando adicións, ciberacoso e problemas de conduta). Trátase de Generación Wifi, impulsada por un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual (Facultade de Ciencias Sociais Campus de Pontevedra) entre os que se atopa Araceli Louro (produtora), e pola xornalista Julia Castro, guionista e directora da webserie. A semana pasada, logo do pase no Teatro Principal, foi estreada na Rede con tres versións de cada un dos seus capítulos, aos que suman subtítulos, audiodescrición e interpretación en lingua de signos.
Segundo fan saber as súas creadoras, a webserie aborda con humor os “novos mandamentos da xeración do século XXI”, marcados pola “adicción ao móbil e a Internet”. A súa orixe está a medidados de 2016, cando a egresada da dita Facultade e produtora Silvia Fuentes puxo en contacto a Castro con Louro, quen logo seguiu sumando compañeiras e compañeiros á súa equipa, aos que se engadiu tamén a propia Facultade, achegando colaboración e escenarios para a rodaxe.
A protagonista da webserie é Valeria e o punto de partida da historia foi a súa teima coas novas tecnoloxías, unha teima raiana coa obsesión. Esta adición contraponse nos capítulos coa visión positiva sobre as TIC que achegan tres personaxes diferentes. Estes persoeiros están representados por unha moza xorda, outra invidente e outra interpretada por un dos alumnos das clases de teatro que organiza Down Pontevedra, un dos colectivos que colaborou cun proxecto que tamén contou co apoio do Centro de Recursos Educativos da ONCE, do servizo profesional de intérpretes de lingua de signos Entresignos e Idendeaf (Produción e Formación Audiovisual en Lingua de Signos), así como da Pontevedra Film Comission. Grazas á implicación destes colectivos, recoñece Louro, “démonos conta de que tiñamos que facer esas tres versións”, de tal xeito que os subtítulos e a intérprete en lingua de signos a fixesen accesíbel para persoas con problemas de audición e a audiodescrición achegase aos capítulos a persoas con discapacidade visual.

Categorías: Ciencia

Páxinas