códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 3 horas 41 min

A galega OpSeeker, terceiro premio da oitava edición de Yuzz

Mar, 11/07/2017 - 12:43
Lucie Hefnerová, no centro, acompañada de Elena Pernas e Manel Cotos

Á start-up santiaguesa OpSeeker, especializada en adestramento financeiro en liña, non lle paran de chegar os recoñecementos. Se recentemente falados da súa participación na aceleradora de proxectos tecnolóxicos Startupbootcamp (foi elixida para concorrer no programa de impulso para firmas novas dos sectores fintech e ciberseguridade), onte soubemos que OpSeeker vén de gañar o terceiro premio da oitava edición do programa Yuzz Mozos con Ideas, dotado con 10.000 euros e impulsado polo Grupo Santander xunto coas universidades (no caso concreto de Opseeker, xunto coa Universidade de Santiago).
Como lembraremos, a start-up santiaguesa foi creada por Lucie Hefnerová e Gonzalo Camiña Ceballos. Para o seu empuxe definitivo, foi madurada no nodo Yuzz-Santiago. Ás devanditas distincións únese a recibida en maio polo BBVA, que a recoñeceu como a mellor firma innovadora galega do seu sector.
Datos sobre a empresa
OpSeeker é unha empresa constituída en Santiago de Compostela en xullo de 2016. Dous dos seus catro fundadores son naturais da capital galega, outro de Madrid e outra da República Checa. Gonzalo Camiña, director executivo da nova firma, sinalou recentemente que “estamos a crear unha nova maneira de planificar as finanzas, onde non se tentan vender produtos, senón que os vehículos de investimento son os que de verdade precisan os usuarios”.
Gañador local
O Centro Yuzz-Santiago é un espazo de coworking dedicado ao emprendemento que se atopa no Edificio Emprendia da USC e no que desde xaneiro traballaron 35 emprendedores para converter as súas ideas empresariais en proxectos. A Universidade, en colaboración coa Xunta de Galicia, coordina tamén o nodo de Yuzz-Lugo que ten a súa sede na Facultade de Administración de Empresas do Campus de Lugo.
En decembro de 2016 no Centro Yuzz-Santiago seleccionáronse 35 emprendedores de entre máis de 100 solicitudes, chegando 20 proxectos á final, que gañou OpSeeker. Grazas a isto, Lucie Hefnerová viaxou a Silicon Valley para vivir unha experiencia de gran utilidade para impulsar o desenvolvemento dos seus proxectos, achegándolle ligazóns para o asentamento da empresa en novos mercados e para a procura de financiamento. O programa incluíu visitas a empresas como Google, LinkedIn, Facebook, Uber ou Airbnb e conferencias en prestixiosas universidades como Berkeley e Stanford.
O proxecto finalista que representou a Yuzz-Lugo nesta edición foi ZebraNanoTox, desenvolvido por Vanessa Pérez e Carlha Gutiérrez, do grupo de investigación da Facultade de Veterinaria ZebraBioRes-ACUIGEN.
O programa YUZZ diríxeo CISE co patrocinio de Banco Santander e a colaboración en Santiago da USC e da Secretaría de Emprego da Xunta de Galicia.

Categorías: Ciencia

Os retos da nosa terra na Industria 4.0, ao detalle en Compostela

Mar, 11/07/2017 - 12:42

Mañá temos en Compostela unha cita co que se coñece como Industria 4.0. Ou sexa, coas metodoloxías intelixentes de traballo, resultado da confluencia entre a industria e o mundo das tecnoloxías da información, dirixidas a poñer en xogo cousas como aforro nos custos de produción, redución dos gastos de mantemento, mellora da produtividade dos profesionais de xestión, minimizado de inventario ou mellora das previsións da demanda e planificación da produción. Estamos a falar do encontro empresarial Galicia 4.0. Camiño cara a unha industria intelixente. Os retos que presenta a nova economía dixital, que se celebra no Club Financeiro de Santiago, en horario de mañá, en colaboración co IGAPE e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, intervirá na mesa redonda Camiño cara a unha industria intelixente en Galicia. Persoas e tecnoloxías.
Nesta mesa tamén intervirán Javier García Tobío, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e membro da xunta de goberno do CPEIG, Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e Manuel Gens, director executivo de Gens Digital Incorporated. Clausurará o encontro o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde.
A respecto dos retos que se pretenden abordar no foro, a organización do seminario explica que “dixitalización é a palabra clave” e non adaptarse a esa nova revolución suporá o desprazamento e mesmo desaparición de empresas en poucos anos.
Empresarios e directivos de PEME galegas, representantes de asociacións empresariais sectoriais e clusters, membros da universidade, laboratorios tecnolóxicos e centros de investigación e desenvolvemento son o público potencial da xornada.

Categorías: Ciencia

Xiaomi anuncia que terá distribución oficial en España

Mar, 11/07/2017 - 11:49

Chegou a data esperada por moitos seareiros da marca chinesa Xiaomi en España para o desembarco oficial da compañía no noso mercado, o que finalmente foi moito máis aló dunha apertura dunha tenda en Madrid, xa que xunto ás Mi Stores tamén chegan a España a Mi Community e incluso unha versión en español de mi.com.
Para dar lexitimidade a esta apertura estivo presente Xiang Wang, vicepresidente senior de Xiaomi Global, quen realizou unha presentación que puido verse en directo a través de YouTube e Facebook Live, para dar conta dos terminais móbiles que porán á venda en España, que son máis dos que podiamos esperar inicialmente, xa que, aparte do Redmi Note 4, o Redmi 5A, o Redmi 4A, o Redmi 4X, o Mi 6 e o Mi MIX 2, confirmouse que finalmente o móbil máis perseguido do fabricante chinés, o Mi A1, estará dispoñible no nos mercado a partires de mañá a un prezo de 229 euros.
Lembremos que o Mi A1 é o primeiro smartphone de Xiaomi con Android One, ou sexa, cun sistema operativo de Google sen capa de personalización chinesa (e con actualizacións de seguridade de Google), polo que resulta moi atractivo para os que non gustan de MIUI (versión de Android personalizada por Xiaomi). Este terminal vén equipado con 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, procesador Qualcomm Snapdragon 625, pantalla Full HD de 5,5 polgadas e dobre cámara traseira de 12 Mpíxeles, de xeito que é unha das opcións máis asumibles no mercado para acceder ao popular modo retrato que puxo de moda o iPhone 7 Plus.
No que se refire á venda de terminais, Xiaomi non se limitará ás dúas tendas que o vindeiro sábado abren en Madrid, senón que tamén pasará a distribuír a través de Ingran Micro e AliExpress, ou sexa, que AliExpress terá tenda oficial de Xiaomi para España, aínda que tamén será posible adquirir moitos dos seus móbiles en Amazon, Carrefour, MediaMart e Phone House.
Outros produtos que achegará oficialmente Xiaomi a España serán a popular Mi Band 2 (pulseira de actividade que poderemos mercar por 24,99 euros), a Mi Electric Scooter (por 349,99 euros), a Mi Box (por 74,99 euros) e a Mi Action Camera 4K (por 134,99 euros).

Xiaomi tamén venderá en España produtos que van máis aló dos seus smartphones

Vídeo coa presentación en directo de Xiaomi en España

Categorías: Ciencia

A UVigo dará forma a unha app para optimizar a explotación da navalla na nosa costa

Lun, 11/06/2017 - 23:06

Hoxe presentouse en Vigo un proxecto de investigación impulsado pola Universidade e a Consellería de Mar que consiste en dar soporte á xestión da pesqueira da navalla, afondando no seu coñecemento e nos detalles do seu ciclo reprodutivo e a súa variabilidade espacial. E todo co finalidade última de acadar modelos de explotacións máis rendíbeis ao tempo que sustentábeis. O proxecto inclúe o desenvolvemento dunha aplicación informática que achegará información continua e actualizada sobre os métodos de explotación máis acaidos para cada intre e lugar.
A investigación, cun orzamento de 166.000 e vixente ata agosto do ano 2020, estudará a variabilidade do ciclo reprodutivo, talla da primeira posta e crecemento na navalla na ría viguesa, dende os bancos máis interiores como o de Rande ata os máis exteriores, nas Cíes.
No proxecto participan (pola UVigo) o Campus do Mar, o Centro Singular de Investigación Mariña-ECIMAT, o Centro Singular de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación AtlantTIC, e, polo Goberno autonómico, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Todos estes centros traballarán da man das confrarías que están explotando a navalla na ría de Vigo, que reúnen 52 embarcación e 78 mergulladores.
Do deseño da ferramenta informática encargaranse expertos de AtlantTIC. Como explicou na presentación do proxecto Francisco Javier González Castaño, director do Grupo de Tecnoloxías da Información, tomaranse os resultados da ECIMAT e a experiencia de campo do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) para “converter os seus resultados nunha aplicación móbil de análise de datos que permita que os mariscadores poidan identificar o mellor momento para realizar o seu labor”. A través desta ferramenta, que se poderá empregar tanto dende os teléfonos como dende os equipos de sobremesa, os traballadores poderán coñecer o estado do recurso nos distintos bancos marisqueiros e reducir os períodos de peche dos bancos de navalla e os descartes de exemplares.
Ao fío das implicacións da app resultante e dos importantes datos sobre períodos de explotación que vai fornecer, o reitor Salustiano Mato explicou na presentación do proxecto que “é importante non extraer navalla no período de ruptura, o período máis importante do seu ciclo de vida, o da madurez gonadal, por un lado, porque é un período crítico para a especie e, por outro, porque esas rupturas reducen o valor comercial das capturas”.

Categorías: Ciencia

Os procesadores Intel Core H integrarán gráficas de AMD

Lun, 11/06/2017 - 21:22

Aínda que estamos afeitos a ver a Intel e AMD como dúas compañías competidoras, non podemos esquecer que actualmente AMD é o fabricante que está detrás da vella marca de gráficas ATI, grande competidor de nVIDIA, compañía que está a liderar o seu sector, especialmente no que se refire a equipos para videoxogos e realidade virtual, o que levou a que Intel anuncie agora unha serie de procesadores dentro da 8ª xeración de procesadores Intel Core, os novos Intel Core H, que integrarían gráficas discretas Radeon de AMD.
Dende Intel aseguran que o chip gráfico foi desenvolvido coa súa colaboración, de xeito que estaría semi-personalizado, e demostraría que ambos fabricantes tanto poden competir entre si como colaborar, o que supón unha grande vantaxe para o consumidor, ao que chegarán máis innovacións.
A nova familia de procesadores busca principalmente equipar a equipos portátiles que pese a ter un tamaño moi compacto, poderán ser capaces de mover os últimos videoxogos.

Categorías: Ciencia

Lalín acolle en novembro seis obradoiros TIC ao abeiro de SmartPEME

Lun, 11/06/2017 - 20:00

A Deputación de Pontevedra vén de informar de que o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá durante o mes de novembro seis obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola dita entidade provincial, a rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros. No que atinxe á zona de Vigo (Vigo, Porriño e Ponteareas) desenvolveranse durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros.
En canto aos obradoiros programados para Lalín no mes de novembro, todos eles en horario de 19 horas, terán como primeiro evento Ferramentas de Google para a promoción de negocios, previsto para este luns 6 de novembro. Posteriormente, o mércores 8 organizarase o obradoiro Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio. A seguinte semana, o mércores 15, Lalín tamén acollerá Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope... A seguinte cita será o martes 21 de novembro, cando terá lugar na vida do Deza o obradoiro Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico. Esa mesma semana, o xoves 23 de novembro, terá lugar o obradoiro Comercio electrónico para microPEME. Por último, neste mes de novembro, o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 será o lugar de celebración do obradoiro As redes sociais para vender os teus produtos de alimentación, o luns día 27.
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Categorías: Ciencia

Como escribir e construír series transmedia, polo miúdo en Santiago

Lun, 11/06/2017 - 18:00
Experiencias virtuais arredor da serie El Ministerio del Tiempo, nunha imaxe de RTVE

Falar de narrativa transmedia e afondar nos diferentes xeitos de levala a cabo, incidindo, de partida, na principal característica deste xeito de facer contidos: que un libro xa non sexa só un libro, que un filme xa non sexa só un filme, que un videoxogo xa non sexa unicamente un videoxogo. Botar luz sobre todo isto (estas historias que se desenvolven en todo tipo de medios e de formatos) é o principal obxectivo do foro A nova narrativa das series transmedia, que se celebra o 22 de novembro en Santiago da man do Clúster Audiovisual Galego. O obxectivo concreto do obradoiro é mostrar a importancia do guión nas series transmedia e abordar as claves do éxito deste tipo de contidos, unhas claves que, coma calquera obra de arte na historia que se prece de selo, pasan por termos (precisamente) unha historia.
A cita será no Centro ABANCA Obra Social de Cervantes. Entre outros profesionais do audiovisual, da escrita e dos contidos dixitais, contarase presenza co director do festival Mundos Dixitais, Manuel Meijide, que actuará como moderador. Na sesión, que abrirá o programa da 11 edición do encontro I+P Ideas para producir que se celebrará o 22 e 23 de novembro en Compostela, tamén participará o guionista e produtor Javier Olivares, creador das series de éxito El Ministerio del Tiempo e Si fueras tú, esta última considerada a primeira ficción transmedia interactiva producida en España. Asemade, tamén está prevista a intervención de Roberto Pérez, director de Tecnoloxía (CTO) e fundador de Future Lighthouse, estudio madrileño encargado de desenvolver o proxecto de realidade virtual de El Ministerio del Tiempo, a proposta Ministerio VR, unha iniciativa que nos convida a facer cousas como percorrer con algúns persoeiros da serie algúns dos escenarios máis identificábeis da mesma (achegándonos a opción de camiñar e interactuar coma se de verdade o sistema nos mergullara nun capítulo da serie, pudendo tocar obxectos e relacionarnos cos personaxes).
Amais, na xeira de traballo afondarase no estado de saúde da produción de animación en 3D en Galicia. Esta cuestión será tratada por Julio Casal, director executivo (CEO) da compañía galega Ficción (Hospital Real, O Códice, Augasquentes, Maimiño), quen debullará as orixes e o desenvolvemento da serie de animación infantil Tutu, que se emite na canle Clan de TVE.
A asistencia ao foro é libre e de balde até completar o aforo. Para asistir é necesario enviar cuberto o formulario que está dispoñible no sitio web do Clúster a comunicacion@clag.es. O prazo de inscrición está aberto ata as 13.00 horas do día 20 de novembro.

Categorías: Ciencia

Broadcom ofrece 130.000 millóns de dólares por Qualcomm

Lun, 11/06/2017 - 17:30
Expositor de Qualcomm na pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona

O fabricante Qualcomm é amplamente coñecido pola súa familia de procesadores Snapdragon, que son dos máis empregados en smartphones a nivel mundial, pero a compañía podería mudar de mans nos vindeiros meses, xa que outro fabricante de semicondutores, Broadcom, vén de realizar unha proposta de adquisición das súas accións, prometendo 70 dólares por participación (60 dólares en efectivo e 10 dólares en accións de Broadcom) nunha operación que sumaría uns 130.000 millóns de dólares.
Esta oferta suporía unha plusvalía do 28% do prezo de peche das accións de Qualcomm o pasado 2 de novembro, e do 33% do seu prezo medio no último mes, de xeito que podería considerarse unha operación moi atractiva para os actuais accionistas de Qualcomm, xa que achegaría beneficios inmediatos acompañados de participacións na empresa resultante.
A adquisición de Qualcomm por parte de Broadcom non só eliminaría a un importante competidor para Broadcom, senón que tamén melloraría a súa posición no mercado ao consolidarse como un fabricante de maior peso, o que confían que tamén beneficie aos traballadores de ambas compañías, que veranse respaldados por maiores oportunidades na empresa.
Broadcom confía que a compra de Qualcomm permita que os seus catálogos de produtos e servizos se complementen, creando unha impresionante oferta no mercado dos semicondutores que podería ser realidade 12 meses despois de pecharse un previsible acordo de adquisición.

Categorías: Ciencia

Ultreia e Librebit formarán administradores de sistemas GNU/Linux para a súa contratación

Lun, 11/06/2017 - 16:30

A empresa galega Librebit, da que temos falado en Código Cero para salientar o seu importante labor espallando LibreOffice, vén de unir forzas coa tamén galega Ultreia no camiño de botar unha man na integración laboral da mocidade. Máis polo miúdo, ámbalas firmas están a impulsar unha iniciativa de emprego xuvenil que consiste en formar administradores de sistemas GNU/Linux. O proceso rematará coa selección e contratación dun profesional adestrado nos ditos sistemas libres en ambas empresas.
A iniciativa inclúe a achega dun curso de balde de 380 horas de duración sobre administración de sistemas GNU/Linux para a computación na nube, centrado na certificación LPIC-1 e LPIC-2. O curso será presencial en Vigo, na academia Octavio, durante os meses de novembro e decembro. Utilizaranse e aprenderanse ferramentas libres innovadoras e de gran presenza en empresas de todo o mundo, como Debian GNU/Linux, Amazon Web Services, NGINX, Vmware, MySQL, Ansible, Nextcloud, Puppet, OpenStack, etc.
Segundo informan Librebit e Ultreia, rematadas as horas de formación realizaranse prácticas nas dúas empresas, durante o mes de febreiro. Finalmente, en abril realizarase o proceso de selección cunha pequena proba final, para poder chegar a formar parte do equipo dunha das dúas firmas galegas de software libre.
Os requisitos para poder participar nesta iniciativa son ter entre 16 e 30 anos e formar parte do proxecto de Garantía Xuvenil do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Non é necesaria titulación nin certificación previa, “só ganas e interese por mellorar profesionalmente”, informan, engadindo que se terá moi en conta “a experiencia previa en administración de sistemas, en especial en sistemas Linux”. Valorarase tamén a capacidade de defenderse co idioma inglés, non sendo preciso ningún título que a avale.
As persoas interesadas non teñen máis que consultar a páxina da iniciativa dende a que poderán consultar calquera dúbida así como apuntarse.
Esta iniciativa faise dende a asociación Ineo e CONETIC co apoio de Red.es, cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2014-2020 con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

Categorías: Ciencia

Conexiona impulsa un software para predicir a gravidade dos ictus

Lun, 11/06/2017 - 12:57

As doenzas de meirande presenza na nosa terra teñen (cada vez máis) o seu contrapunto, o seu contrincante, nas novas tecnoloxías da información. Non tanto á hora de sandar, aínda que tamén, senón de previr, de facer seguimento, de elaborar diagnósticos máis exhaustivos, de acertar no tratamento e de avaliar a gravidade da doenza en cuestión nun individuo concreto. Este precisamente é o alicerce do proxecto no que está a traballar a nosa firma TIC Conexiona, emprazada na Tecnópole. Trátase, en palabras da empresa, do que sería o primeiro software para predicir a gravidade dun ictus. Para levar ao mercado este achado, a empresa ourensá puxo en marcha a spin-off LINCbiotech, en estreita colaboración co Laboratorio de Neurociencias Clínicas (LINC) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
A nova firma biotecnolóxica, presentada os días pasados en Santiago e Ourense, xorde “para desenvolver e comercializar un software de axuda á decisión clínica que cuantifica e mostra a temperatura cerebral a partir dos datos xerados mediante resonancia magnética (RM) en pacientes que veñen de sufrir un ictus”.
Esta información, informaron os responsábeis do proxecto nas presentacións, intégrase coa imaxe volumétrica e espacial dos estudos de neuroimaxe, coa finalidade “de proporcionar un diagnóstico máis preciso e personalizado aos pacientes”. A tecnoloxía resultante, fíxose saber, ten posibilidades de ser adaptada a diferentes ámbitos da saúde e a atención médica.
Por certo que na folla de ruta de LINCbiotech tamén está previsto lanzar unha tecnoloxía con capacidade para inducir unha hipotermia focal nas persoas que veñen de sufrir un ictus, un tratamento de probada eficacia na diminución dos efectos da dita doenza.
A empresa foi presentada os días pasados na sede do Laboratorio de Neurociencias Clínicas, no Hospital Clínico de Santiago, por parte da xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez; José Castillo, director do LINC e director científico do IDIS; e de Carlos Sande, director de I+D e Proxectos de Conexiona. Posteriormente trasladáronse a unha visita á sede da empresa, en Tecnópole.
Segundo a planificación proxectada, o inicio da comercialización do software médico en España e Europa será a principios de 2019. Nas sesións cos medios e cos profesionais da saúde e das TIC fíxose saber, tamén, que o algoritmo xa foi testado en modelos de experimentación o pasado ano mentres que este ano estase a traballar no desenvolvemento e validación clínica en humanos.

Categorías: Ciencia

A web de Meteogalicia amplía posibilidades de busca e de personalización

Lun, 11/06/2017 - 12:06

Como vén sendo habitual, Meteogalicia vén de actualizar a súa presenza na Rede, respondendo a unha dobre demanda: primeiro, a da comunidade crecente de usuarios (que medra en número e en uso de ferramentas) e, segundo, a de achegar os servizos e informacións máis fiábeis sobre unha cuestión, o clima galego, que tamén vive suxeita a unha constante actualización e revisión. Segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, Meteogalicia renovou a súa web “co fin de ofrecer contidos personalizados e aumentar a súa navegabilidade”. Desta maneira, puxéronse en xogo “novas funcionalidades” dentro do apartado de estacións meteorolóxicas, dirixidas a facer máis áxil acceso á información e, tamén, a afacer os datos fornecidos ás demandas de cada quen.
Segundo se engade, estas novidades céntranse sobre todo na opción de aumentar até cinco o número de estacións meteorolóxicas preseleccionadas e marcar unha delas como favorita co obxectivo de ·obter un acceso directo e personalizado a esta información”. Con esta actualización tamén se ampliaron as alternativas de procura, de tal maneira que poderemos especificar o concello sobre o que desexamos obter datos, e a partir de aí a ferramenta listará as estacións máis próximas á localidade seleccionada dentro dun radio de 30 quilómetros.
Ademais, o sitio de Meteogalicia viuse reforzado para permitir a procura de información desde o propio mapa no que están xeolocalizadas todas as estacións meteorolóxicas. A partir de agora, engade Medio Ambiente, “poderá ampliarse o mapa para localizar a estación desexada con maior precisión e mesmo dáse a a posibilidade de delimitar, a través doutra capa, o territorio de cada un dos concellos de Galicia”.
Por outra banda, dende Meteogalicia lembran que seguen a ofrecer “información puntual e actualizada” sobre a previsión do tempo e a observación atmosférica a través das súas contas nas redes sociais, que, no caso de Twitter, vén de acadar os 100.000 seareiros. “Esta cifra reflicte o grao de interese e seguimento dos galegos pola información meteorolóxica, de aí a aposta da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio por renovar e actualizar os servizos de información á cidadanía”, engádese.

Categorías: Ciencia

Unha xornada do CDTIC divulgará as novidades de NextCloud

Lun, 11/06/2017 - 11:58

O Centro Demostrador TIC vén de actualizar unha das solucións libres que ofrece para que empresas e usuarios poidan probar de xeito gratuíto. Trátase da solución de almacenamento e compartición de ficheiros na nube que pasa a estar baseada na solución NextCloud, un xestor de ficheiros de código aberto e libre distribución, desenvolvido pola empresa homónima, que naceu en abril do 2016 como unha bifurcación de OwnCloud e que conta cun extraordinario apoio da comunidade, con máis de 1000 membros activos.
Para facilitar a difusión da súas novas funcionalidades, o vindeiro 9 de novembro o Centro Demostrador TIC celebra a sesión Nextcloud: a nube privada máis segura para os teus datos en colaboración coa empresa LibreBit, especializada en xestionar proxectos en software libre.
A sesión, de carácter eminentemente práctico, versará sobre a ferramenta libre Nextcloud, unha solución para resolver as necesidades de almacenamento, compartición e xestión da información das empresas axustándose ao Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación móbil para Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que polo momento quedan prazas dispoñibles.

Categorías: Ciencia

Os beneficios e os riscos das redes, ao detalle na webserie galega Generación Wifi

Lun, 11/06/2017 - 11:34

Os días pasados presentouse en Pontevedra (no Teatro Principal, o día 18) unha máis que interesante webserie sobre o mundo das tecnoloxías na mocidade e sobre como estas están a mudar para sempre o noso xeito de comunicarnos e procurar información (para ben, aproximando persoas, integrándoas socialmente e espallando o coñecemento, e tamén para mal, impulsando adicións, ciberacoso e problemas de conduta). Trátase de Generación Wifi, impulsada por un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual (Facultade de Ciencias Sociais Campus de Pontevedra) entre os que se atopa Araceli Louro (produtora), e pola xornalista Julia Castro, guionista e directora da webserie. A semana pasada, logo do pase no Teatro Principal, foi estreada na Rede con tres versións de cada un dos seus capítulos, aos que suman subtítulos, audiodescrición e interpretación en lingua de signos.
Segundo fan saber as súas creadoras, a webserie aborda con humor os “novos mandamentos da xeración do século XXI”, marcados pola “adicción ao móbil e a Internet”. A súa orixe está a medidados de 2016, cando a egresada da dita Facultade e produtora Silvia Fuentes puxo en contacto a Castro con Louro, quen logo seguiu sumando compañeiras e compañeiros á súa equipa, aos que se engadiu tamén a propia Facultade, achegando colaboración e escenarios para a rodaxe.
A protagonista da webserie é Valeria e o punto de partida da historia foi a súa teima coas novas tecnoloxías, unha teima raiana coa obsesión. Esta adición contraponse nos capítulos coa visión positiva sobre as TIC que achegan tres personaxes diferentes. Estes persoeiros están representados por unha moza xorda, outra invidente e outra interpretada por un dos alumnos das clases de teatro que organiza Down Pontevedra, un dos colectivos que colaborou cun proxecto que tamén contou co apoio do Centro de Recursos Educativos da ONCE, do servizo profesional de intérpretes de lingua de signos Entresignos e Idendeaf (Produción e Formación Audiovisual en Lingua de Signos), así como da Pontevedra Film Comission. Grazas á implicación destes colectivos, recoñece Louro, “démonos conta de que tiñamos que facer esas tres versións”, de tal xeito que os subtítulos e a intérprete en lingua de signos a fixesen accesíbel para persoas con problemas de audición e a audiodescrición achegase aos capítulos a persoas con discapacidade visual.

Categorías: Ciencia

CaixaBank incorpora nas súas apps o recoñecemento facial do iPhone X

Ven, 11/03/2017 - 23:31

CaixaBank vén de incorporar a tecnoloxía de identificación Face ID do novo iPhone X ás súas aplicacións móbiles. A integración desta avanzada tecnoloxía de Apple é, segundo os responsábeis de CaixaBank, unha integración pioneira en España. Entre outras cousas, permitirá aos clientes da entidade financeira acceder ás súas contas mediante o uso do recoñecemento facial a través do seu terminal móbil e sen ter que introducir outros datos de acceso, como DNI, número de identificación do usuario ou contrasinal. O servizo está dispoñíbel desde o primeiro día de venda de iPhone X, cuxa posibilidade de reserva está aberta dende este 27 de outubro nunha manchea de tendas do ámbito estatal. Segundo informa CaixaBank, os usuarios teñen que descargarse as últimas actualizacións das aplicacións de CaixaBank, CaixaBank Pay e imaginBank para iOS.
A entidade financeira tamén recorda que para tirarmos proveito desta funcionalidade do iPhone X, só teremos que realizar “un sinxelo proceso de rexistro a primeira vez que usemos o sistema” e asociar os nosos datos de identificación á imaxe da nosa faciana. CaixaBank tamén explica que a tecnoloxía Face ID está baseada na cámara do novo iPhone X e que a través da proxección e a análise de máis de 30.000 puntos invisíbeis, o móbil crea un mapa de profundidade detallado da cara para identificar a unha persoa de maneira completamente segura.
Ademais, a identificación mediante Face ID dá pleno acceso ás aplicacións CaixaBank, CaixaBank Pay e imaginBank para consulta de saldo e movementos e realización de operacións, nas mesmas condicións que se utilizase os datos habituais de identificación para entrar nas apps.

Categorías: Ciencia

O iPhone X chega ás tendas de 55 países

Ven, 11/03/2017 - 21:00

Chegou o día esperado por moitos seareiros da compañía da mazá, e finalmente o iPhone X chegou ás tendas de 55 países, o que Apple conseguiu deixar ver grazas á súa nova estratexia de lanzamento: distribuír varios centos de unidades dos seus novos smartphones a cada tenda para poder satisfacer aos madrugadores que non tiveran reservado o teléfono. Ou sexa, que aínda que nos últimos anos a política de pedidos en liña e reservas conseguiu facer desaparecer as fileiras de compradores diante das tendas o día do lanzamento (xa que sen ter reservado un terminal era practicamente imposible facerse con unidades os primeiros días), finalmente Apple entendeu que a tradición das colas daba unha grande proxección mediática e decidiu forzar a súa volta.
A apertura das Apple Store durante a xornada de hoxe foi toda unha festa, co propio Tim Cook recibindo ao primeiro comprador da tenda de Apple en Palo Alto, e confirmando que o número limitado de unidades distribuídas por cada establecemento foi moito máis elevado do que inicialmente podería pensarse, de xeito que, era relativamente normal que ás tendas chegasen máis de 300 unidades dos teléfonos, de aí que permitisen que as fileiras organizadas no seu exterior durante a noite fosen bastante grandes, deixando claro que o iPhone X é un móbil moi demandado, que claramente compensará os rumores de que o iPhone 8 está a ter unhas vendas moi inferiores ao esperado.

Roubo en San Francisco
Unha das novidades do iPhone X é a posibilidade de que certas emoticonas poidan reproducir en tempo real as expresións faciais do usuario empregando os sensores do Face ID

Iso si, o feito de que as tendas fosen a recibir unidades dun smartphone que ten un prezo moi elevado (en España o iPhone X custa 1.159/1.329 euros) tamén animou aos amigos do alleo, e os medios de comunicación deron conta nos EE.UU. dun atraco a un camión de UPS que estaba a transportar os teléfonos para unha tenda de Apple no centro comercial Stonestown Galleria de San Francisco, no que as autoridades policiais consideran que foi un golpe organizado en previsión do transporte dunha mercadoría tan valiosa, que no mercado custaría uns 370.000 dólares, aínda que a súa venda fóra do mercado habitual pode ser complicada, xa que os terminais teñen un IMEI coñecido por Apple, polo que poderían bloquearse por parte da compañía de Cupertino, polo que, en caso de non rematar en mans de incautos compradores, sempre poderían ter saída por pezas (especialmente se temos en conta o elevado prezo que teñen compoñentes como a nova pantalla do iPhone X).

Interesantes cambios no interior

A chegada o iPhone X ás tendas tamén facilitou que os técnicos de iFixit puidesen facer o seu habitual despece, analizando os compoñentes do novo teléfono e confirmando que a súa reparación por parte dun particular é case imposible, dado o grande aproveitamento do seu espazo interior (e a resistencia á auga do smartphone), de xeito que case a única reparación que pode realizarse deste dispositivo é a substitución da súa pantalla.
Pero o máis interesante do proceso de desmontado do iPhone X foi o descubrimento de que non só confirman que o novo smartphone ten incluso máis batería (2.716 mAh) que o moito máis grande iPhone 8 Plus (2.691 mAh), senón que realmente integra no seu interior dúas baterías situadas en L e conectadas entre si, para poder aproveitar ao máximo o espazo interior.
O que si agradecerán os compradores do iPhone X é que dende iFixit confirman que será posible substituír unha pantalla rota deste smartphone sen quitar os sensores de Face ID, o que claramente simplifica a reparación e reduce os seus custos, de xeito que cando poidan realizarse substitucións de pantalla por parte de servizos técnicos distintos dos de Apple poderase conseguir un prezo que co tempo baixe dos 321,10 euros que cobraría a compañía de Cupertino.

As tendas de Apple recibiron unidades do iPhone X para atender aos compradores que non fixeran reserva
A estratexia deste lanzamento provocou a volta das ringleiras de compradores á porta das tendas de Apple
O teléfono presenta un tamaño propio dos móbiles con Android con pantalla de 5,2 polgadas, pero contando cunha impresionante pantalla de 5,8 polgadas dada a redución dos marcos frontais.
Categorías: Ciencia

A Deputación de Pontevedra achega 24 obradoiros TIC en Cambados e na área de Vigo

Ven, 11/03/2017 - 16:42

A Deputación de Pontevedra está a presentar estes días o seu roteiro de actividades TIC do mes de novembro para o tecido produtivo e profesional da provincia. Un programa de accións formativas que se vai desenvolver novamente pola rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros.
O programa arranca este 3 de novembro co obradoiro A túa páxina web en menos de 90 minutos e seguirá cos seguintes cursos: o mércores 8 impartirase o obradoiro A túa páxina web con Wordpress, o martes día 14, Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?, dous días despois, o xoves 16, Fotografía e vídeo para establecementos de turismo e hostalería, e para rematar, o xoves 23 de novembro comezará o obradoiro Google Analytics: Iniciación á analítica Web e o mércores O ámbito das novas tecnoloxías e RRSS no sector turístico. A oficina Smart PEME de Cambados, no Centro Exposalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 h.
Polo que atinxe a Vigo e contorna, as oficinas situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros. As quendas para o mes de novembro na oficina de Vigo son as seguintes: Comercializa os teus servizos a través das redes sociais, o xoves 2 de novembro; Seguridade Informática I – Seguridade no teu ordenador, o mércores 8; Crea o teu propio logotipo no Canva, o martes 13 de novembro; Woocommerce I – A solución para vender por Internet", o xoves 16; Google Analytics: Iniciación á analítica Web, o luns 20 de novembro, e para rematar, o mércores 22, Ferramentas e apps imprescindibles para o sector legal". A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.
Pola súa banda a oficina de Ponteareas acollerá o xoves 9 de novembro o seu primeiro obradoiro do mes con Redes Socias para a empresa – É Twitter a túa solución?. O seguinte, Google Analytics: Iniciación á analítica Web, será o luns 13 de novembro. Dous días despois, o mércores 15 de novembro, será a quenda de A túa páxina web en menos de 90 minutos. Na última semana de mes haberá dous novos obradoiros, un o luns 27 de novembro con Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura? e o outro o mércores 29 de novembro Crea o teu propio logotipo Canva. A oficina de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, número 5.
Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o xoves 2 de novembro desenvolverase o taller Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?; o martes 7 de novembro Facebook Ads; dous días despois, o día 9, Fotografía e vídeo para espazos interiores; o mércores 15 de novembro, Google Analytics: Iniciación á analítica Web; o mércores 22 de novembro Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo, e por último Guía de boas prácticas para redes sociais. A oficina SmartPEME do Porriño, no multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Segundo informa a Deputación de Pontevedra este mes de novembro haberá dous obradoiros que cambiarán de lugar, estes serán os dos días 2 e 22 de novembro, que no seu caso terá lugar nas instalacións de AEMOS. Todas as actividades terán lugar en horario de 19:00 horas agás o obradoiro que se desenvolverá en AEMOS o día 2 de novembro, que comezará ás 17.30h. A inscrición se pode facer a través do número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Categorías: Ciencia

A versión 3.0 do CORGA xa acubilla 36,8 millóns de palabras

Ven, 11/03/2017 - 16:24

O Corpus Documental do Galego Actual (CORGA), conxunto en liña de textos (xornalísticos, divulgativos, literarios) da nosa lingua e con marcado potencial para os diferentes ámbitos da investigación humanística e científica, vén de estrear a súa versión 3.0. Hoxe mesmo foi presentada na sede do Centro Ramón Piñeiro en Santiago, desenvolvedor do corpus, nun acto que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen fixo fincapé nas destacábeis cifras ás que vén de chegar a devandita ferramenta en liña: un acubillo para 36,8 millóns de palabras, das que 570.000 son formas diferentes. No capítulo de novidades, salientou a incorporación dunha pequena mostra representativa do rexistro oral da década dos 90 con transcricións nas que se aliña o texto coa voz e a etiquetaxe automática a través do Etiquetador/Lematizador do Galego Actual (XIADA).
Segundo engadiu o secretario xeral, “o CORGA 3.0 dá un novo paso para poñer a disposición da comunidade científica e dos falantes e da cidadanía en xeral posibilidades para o estudo e a investigación lingüística, nomeadamente para a obtención de datos referidos aos aspectos morfolóxicos, sintácticos e léxicos” e “faino, de acordo coas directrices do Plan xeral de normalización lingüística, da man das tecnoloxías da información e da comunicación e do impulso aos recursos tecnolóxicos da lingua propia de Galicia”.
Acompañárono na presentación o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; a directora do CORGA, Marisol López; o secretario da Real Academia Española e colaborador do Centro Ramón Piñeiro, Guillermo Rojo, e os responsábeis da coordinación lingüística e informática do proxecto, os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Eva Domínguez e Mario Barcala, respectivamente.
O CORGA, para quen non o saiba, é un corpus documental desenvolvido no dito Centro, por medio dun convenio de colaboración coa USC, e integrado por distintos tipos de textos (xornais, semanarios, revistas, ensaios e textos de ficción) que abrangue temporalmente desde o ano 1975 até a actualidade e que está codificado no estándar XML (eXtensible Markup Language).
Segundo se fixo saber no acto desenvolvido en Santiago, a nova versión ampliada, a 3.0, está dispoñíbel enderezo corpus.cirp.es/corga e nela intégranse os dous sistemas de consulta en liña dispoñíbeis previamente, o do CORGA e o do CORGAetq, nun único sistema que “dá cabida ás diferentes aproximacións de busca e preséntase un motor de busca excepcionalmente potente que sitúa o galego na vangarda dos corpus lingüísticos”, informouse.
Como dixemos, no capítulo de novidades a nova entrega do CORGA incorpora un achegamento ao rexistro oral da década dos 90, en cuxas transcricións alíñase o texto coa voz, de maneira que á hora de facer e obter operacións de procura teremos a posibilidade de escoitar o anaco de audio que corresponde ao contexto dos resultados obtidos. De todos xeitos, a característica máis salientábel, en palabras dos responsábeis das devanditas entidades, é a etiquetaxe automática da totalidade dos documentos que conforman o CORPUS empregando o Etiquetador/Lematizador do Galego Actual (XIADA), desenvolvido conxuntamente polo CIRP e polo grupo COLE das universidades da Coruña e Vigo.

Categorías: Ciencia

UVigo App, unha aplicación para crear máis e mellor comunicación nos campus

Ven, 11/03/2017 - 14:51

A Universidade de Vigo vén de subir un novo chanzo no seu proceso de transformación dixital. E faino no ámbito das aplicacións, impulsando o espallamento da aplicación UVigo App entre o alumnado, o persoal de administración e servizos, o profesorado e a comunidade investigadora. A iniciativa, unha plataforma móbil personalizada con todo tipo de servizos e información actualizada de utilidade, vén da man de CRUE Universidades Españolas a través de Santander Universidades. O obxectivo, no que se refire aos Campus de Pontevedra, Vigo e Ourense, é “mellorar a comunicación e axilizar a xestión da comunidade universitaria”.
Segundo informan as ditas entidades, a App de UVigo inclúe acceso a información útil “para as e os integrantes da comunidade universitaria”, permitindo consultar as materias matriculadas e o expediente académico, ao tempo que incorpora a Tarxeta Universitaria Intelixente, TUI, na súa versión dixital, a través da que é posíbel renovar libros nas bibliotecas. Por outra banda, a ferramenta tamén fai posíbel a posta en marcha de grupos de comunicación e mesmo participar en retos, xogos, concursos, así como o acceso a vantaxes exclusivas da comunidade universitaria.
As persoas que desexen dispoñer da plataforma móbil personalizada no teléfono deben instalar a aplicación no dispositivo dende as tendas de aplicacións oficiais, Android e iOS. Así mesmo, para acceder á área restrinxida as e os usuarios deberán identificarse co seu número (NIF/NIE/Pasaporte) e o contrasinal de acceso á Secretaría Virtual. Ademais, hai un enderezo específico para que as e os usuarios da aplicación móbil obteñan resposta para as súas dúbidas e preguntas máis habituais (as cuestións máis específicas poderán consultalas dende a propia aplicación).

Categorías: Ciencia

Desenvolvida dende Ourense unha pioneira aplicación de análise da calidade de software

Ven, 11/03/2017 - 13:02

O enxeñeiro informático da Universidade de Vigo Michael García vén de crear unha ferramenta pioneira na análise da calidade do software feito con Fortran, linguaxe de programación moi acaída para a computación científica e o cálculo avanzado. Trátase da ferramenta FortranAnalyser, unha innovadora aplicación que é quen de facer cousas como comprobar métricas consideradas como boas prácticas de programación. A tecnoloxía, segundo informa a Universidade de Vigo, xa ten espertado o interese de investigadores da NASA.
O desenvolvemento deste ferramenta, explica o investigador do Grupo EPhysLab do campus de Ourense, xurdiu no marco do traballo fin de mestrado en Enxeñaría Informática que realizou baixo a dirección dos profesores Juan Antonio Añel e Javier Rodeiro, e que recentemente recibiu un dos galardóns do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Neste traballo, Michael García estudou a reproducibilidade computacional do CMIP 5, a fase cinco do proxecto internacional de intercomparación de modelos climáticos do Programa Mundial do Clima de Nacións Unidas, que abrangue desde 2008 a 2015. Segundo explica García, “para o informe de Nacións Unidas sobre cambio climático fanse unha serie de simulacións do clima con modelos, e eses modelos son os que eu estudei”.
A análise da dispoñibilidade consistiu en comprobar a facilidade de acceso ao código dos 26 modelos que conforman o CMIP 5, analizándose as licenzas asociadas a cada modelo. A cada un deles asignóuselle unha valoración, outorgando cero estrelas no caso de non dispor do código; unha estrela no caso de obter o código tras contactar coa institución; dúas estrelas se o código está dispoñíbel na páxina web da institución e a última estrela asignóuselle en base ao tipo de licenza asociada ao modelo: media estrela se é tipo BSD ou similar e unha estrela se é tipo GPL ou similar. Dos oito modelos dos que se conseguiu o código, sete obtiveron un informe de dispoñibilidade favorábel.
A análise da calidade dos modelos foi a que xerou a problemática que deu lugar á creación de FortranAnalyser. Segundo engade García, “a linguaxe de programación na que están desenvolvidos os modelos é Fortran. Ante a inexistencia dunha ferramenta que fose capaz de analizar o código estaticamente comprobando métricas consideradas como boas prácticas de programación, vímonos obrigados a desenvolver unha propia, a que chamamos FortranAnalyser”. Esta aplicación, máis en detalle, é unha ferramenta multilinguaxe de análise estática de código Fortran para plataforma Linux.

Categorías: Ciencia

A Deputación, o Concello e o ICOIIG converterán Lugo na capital galega da enerxía smart

Ven, 11/03/2017 - 11:47

Os vindeiros 8 e 9 de novembro vaise celebrar en Lugo un evento destinado a pór de relevo a importancia da innovación smart e as novas tecnoloxías para dar con formas máis sustentábeis, eficientes, eficaces, limpas e rendíbeis de xestionar e consumir enerxía. Falamos da cuarta edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética, XENERGAL 2017, que se vai desenvolver no Pazo de San Marcos da man do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello.
Na presentación do evento participaron o presidente do Goberno provincial, Darío Campos, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento e o director de XENERGAL, Fernando Blanco. O principal responsábel da Deputación salientou que se trata da “maior cita do sector en Galicia” e que contará con 36 relatorios e con cinco fíos temáticos principais: enerxías renovables, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal da enerxía.
Na presentación o Concello debullou as principais liñas do proxecto local Lugo Smart City. Segundo fixo saber Piñeiro, Lugo Smart City é unha iniciativa financiada nun 80% con fondos FEDER que se dirixe a converter a cidade da Muralla nunha cidade intelixente e sustentábel, con medidas concretas como a xestión de refugallos sólidos urbanos a través de sensores de almacenamento conectados vía GPR ou 3G nos colectores, a xestión do alumeado público nas contornas urbana e rural (con regulación de fluxo lumínico a través de dispositivos tecnolóxico-dixitais de control) ou a xestión de eficiencia enerxética nas dependencias municipais do consistorio, o Centro de Servizos Municipais, as piscinas municipais, o CEI-NODUS e o Centro Social Uxío Novoneyra.
O Congreso artéllase nun total de trece mesas específicas, e contará coa participación de empresas, investigadores universitarios e centros de investigación relacionados co sector da enerxía. O número de asistentes inscritos (profesionais de empresas, investigadores universitarios e de organismos públicos, etc) xa supera un cento e a relación de relatorios aceptados pódese consultar na web do evento.

Categorías: Ciencia

Páxinas