códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 4 horas 11 min

A Fundación TIC achegará contidos para sensibilizar sobre o autismo

Lun, 04/02/2018 - 16:27

A Deputación de Lugo e a Fundación TIC, integrada na entidade provincial, están a achegar hoxe a súa colaboración co Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. E fano sumándose aos actos organizados por Raiolas Lugo e levando a cabo actividades concretas como o revestimento con cores azuis das fachadas do Pazo de San Marcos e do Fogar de Santa María, unha intervención que simboliza, en palabras da Deputación, “a sensibilidade do organismo provincial coas persoas e familias afectadas polo autismo”.
Asemade, a Fundación TIC está a achegar os seus equipos humanos e tecnolóxicos para gravar as actividades desenvolvidas na Praza Maior. Por exemplo a lectura do manifesto a cargo de Jorge Vilaboa, usuario de Raiolas. A Fundación TIC gravará todo o evento para difundilo por toda a provincia e nas redes sociais co fin de sensibilizar e concienciar á cidadanía.
As actividades comezaron ás 10.30, coa inauguración na sede provincial dunha mostra de fotografías feitas polos integrantes da dita asociación. Pola tarde, na Praza Maior, está previsto o desenvolvemento dun photocall, unha mesa informativa, un certame de debuxo, un obradoiro de decoración de galletas e un taller de concienciación. Ademais, ás 19.00 horas entregaranse os premios do dito certame e escenificarase o derrube simbólico dunha barreira, símbolo dos atrancos que separan ás persoas autistas das oportunidades das que gozan os restantes cidadáns. A Fundación TIC, como dixemos, creará contidos dixitais a partir do acontecido hoxe no centro neurálxico de Lugo.

Categorías: Ciencia

CUAC FM contará cun espazo sobre o uso seguro e responsable da tecnoloxía

Lun, 04/02/2018 - 13:51

A Asociación Educativa AtlanTICs, nacida en 2016 co obxectivo de fomentar o uso seguro e responsable da tecnoloxía, ten desenvolvido distintos cursos, charlas e obradoiros a prol da alfabetización dixital, a promoción da mediación parental e a concienciación sobre as normas de comportamento propias da cidadanía dixital, á que o vindeiro 12 de abril sumarase a emisión do magazine radiofónico Internet de tu Color Favorito, que poderá escoitarse a través de CUAC FM.
O novo espazo sonoro desenvolverase os xoves de 19:00 a 20:00 horas, incluíndo faladoiros, debates, entrevistas, novas de actualidade, axenda de eventos... coa intención de achegar aos seus oíntes ferramentas e consellos para poder enfrontase aos cambios que supón a sociedade dixital actual.
Internet de tu Color Favorito é un proxecto dos irmáns Cami e Santi Rey, acompañados por La Gata-Cristi, quen buscarán dar vida a un espazo ameno, divertido e desenfadado, e aínda que a emisión do programa estea ligada á plataforma da emisora comunitaria da Coruña, cómpre lembrar que pode seguirse dende todo o mundo a través da Internet, e os seus programas goza de especial difusión a través do formato podcast.

Categorías: Ciencia

Dar unha segunda vida a dispositivos electrónicos centrará un obradoiro na Fnac da Coruña

Lun, 04/02/2018 - 13:28

O vindeiro sábado ás 19:00 horas a tenda coruñesa da Fnac, sita na Praza de Lugo, recibirá a visita dos especialistas de PCbit, que impartirán un obradoiro tecnolóxico no que falarán de reparacións e solucións para evitar a obsolescencia dos dispositivos electrónicos con chaves para dar unha segunda vida a un móbil ou a un ordenador, aforrando en cada paso. Aforra, actualiza e repara é o lema deste obradoiro de balde.
PCbit volverá á Fnac o 21 de abril, tamén a partires das 19:00 horas, para impartir outro obradoiro tecnolóxico que desta volta busca instruír en educación dixital e redes sociais seguras, ou sexa, para axudar aos usuarios a manter a súa privacidade e a dos seus a salvo.

Categorías: Ciencia

Wally foi o grande protagonista do Primeiro de Abril

Lun, 04/02/2018 - 13:15

A xornada de onte foi moi especial na Internet, xa que un ano máis celebrouse o Primeiro de Abril, día no que os anglosaxóns (e outras culturas) tenden a gastar bromas, e no sector tecnolóxico destacan habitualmente por ter especial coidado con esta tradición, sendo habitual que compañías como Google consideren case unha obriga realizar accións rechamantes, como o feito de permitir xogar a atopar a Wally en Google Maps. De feito, e para que este esforzo non pase desapercibido para moitos usuarios, poderase xogar a Wally durante varios días, dende a aplicación móbil e na páxina web de Google Maps. Este curioso xogo está dividido en 6 niveis, dos que o último está fóra do planeta terra.

Tirando de mapas, tamén se anunciou o xogo Final Fantasy XIV Online GO¸ unha sorte de Pokémon GO inspirado na franquía de Final Fantasy, que como detalle máis absurdo ten que hai que colocar o smartphone non pau de selfie para poder empregalo coma se fose un pico, unha machada ou unha cana de pesca, con nefastas consecuencias para a integridade do teléfono.

Vídeo promocional de Final Fantasy XIV Online GO

Tampouco a xente de Niantic esqueceu que tiña que facer algunha broma con Pokémon GO, e así anunciaron unha renovación dos gráficos do seu coñecido xogo móbil, que sería toda unha revolución ao recuperar os gráficos de 8 bits propios das primeiras versións do xogo, asegurando que iso dá máis realismo ao xogo.

Seguindo no ámbito dos videoxogos puidemos ver como Rock Band 4 anunciaba un modo de xogo destinado á meditación, a franquía de Need For Speed prepararía unha nova entrega na que as frenéticas carreiras de automóbiles terían que desenvolverse nun atoamento de tráfico e incluso a experiencia de PlayStation sorprendería cunha versión en forma de xogo de mesa, na que non habería gráficos 4K, os xogadores terían que debuxar os seus trofeos con lapis e papel e o seu modo multixogador estaría limitado a un modo local para 4 usuarios.

Volvendo á tecnoloxía en xeral, Snapchat estrearía un filtro que simula a interface de Facebook e amosa bots rusos dando gústames ás nosas publicacións, mentres que dende Yelp conseguiron asustar a moitos usuarios, xa que ao abrir a súa aplicación simulaba que estaba a amosarse nunha pantalla rachada.

Categorías: Ciencia

O Ciclo CyberCoruña mostra o potencial en ciberseguridade da UDC

Lun, 04/02/2018 - 12:44

Esta semana, os días 5 e 6 de abril, celébrase na Universidade da Coruña (o CITIC e a Facultade de Informática) un interesante achegamento colectivo (da man de diferentes investigadoras/es dos campus) á realidade actual e vindeira da protección tecnolóxica e da información, dende a óptica dos achados locais. O Ciclo CyberCoruña Actualidade Europea en Ciberseguridade vén da man da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da UDC (OTRI), o Centro de Investigación TIC (CITIC), a Facultade de Informática da Coruña e a Xunta.
As xornadas, segundo informan as entidades organizadoras, buscan reunir a todos os actores do sector e “dar a coñecer a aposta da Universidade da Coruña a prol dunha formación e investigación aplicada en ciberseguridade”, unha cuestión que adquire cada vez máis relevancia e xera, ao mesmo tempo, importantes oportunidades laborais e empresariais.
As entidades impulsoras dos encontros, para facernos unha idea da dimensión dos temas a tratar, tamén lembran que “o sector da ciberseguridade resulta unha oportunidade de mercado non só en Europa senón a nivel global, onde se prevé que en 2018 móvanse ao redor duns 100 billóns de dólares de negocio”. Seguindo este fío, as xornadas CyberCoruña diríxense a ofrecer unha visión múltiple da ciberseguridade a nivel europeo, en canto a formación, investigación e recursos humanos altamente cualificados, así como as oportunidades de desenvolvemento e innovación nos programas europeos máis competitivos.
As xornadas están orientadas, por unha banda (sesión da tarde) aos actores industriais e do sector público, así como aos investigadores e formadores. Por outra banda, na sesión da mañá, o foro ficará aberto para que se incorporen aos perfís devanditos os alumnos e investigadores interesados no sector, ben porque “ven unha oportunidade de formarse nun ámbito de futuro prometedor, ben porque realizan investigación no ámbito ciber e teñen intención de proxectarse a nivel europeo”.

Categorías: Ciencia

A Deputación da Coruña lanza axudas para achegar ao público os contidos en galego

Lun, 04/02/2018 - 11:22

Estes días os contidos dixitais galegos están a recibir impulsos dende diferentes e importantes frontes. Por unha banda, temos o certame Youtubeir@s, que enfía a recta final da súa segunda edición e que comeza a ultimar os preparativos da gala de entrega de premios (o 20 de abril no Teatro Colón da Coruña). Pola outra, temos pola banda de Bergantiños, o festival de webseries Carballo Interplay, que se desenvolve esta mesma semana e que, como lembraremos, ten unha sección específica para premiar producións dixitais galegas e en galego. A maiores de todo isto, a Deputación da Coruña, a través da Área de Cultura que dirixe Goretti Sanmartín, vén de convocar as que serían as únicas axudas existentes hoxe en día, específicas, para a distribución audiovisual en lingua galega, unhas axudas que tamén impulsarían o fortalecemento da nosa industria no dixital.
As contribucións, en palabras de Sanmartín “unha acción única no noso panorama cultural” que busca “emendar as dificultades para asistirmos á proxección dos contidos de altísima calidade que se están a producir en galego”, inclúen un orzamento de 150.000 euros para a distribución, comercialización e exhibición audiovisual de producións na nosa lingua. O prazo para presentar solicitudes está aberto até o 8 de maio.
Segundo engadiu Sanmartín, a produción de filmes, documentais, contidos dixitais e demais formatos audiovisuais para a súa emisión nas diferentes canles existentes (TV, cinemas, Internet, cineclubs, redes e programacións públicas...) é “unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura, en tanto permite xerar discurso propio cara a si e cara os outros e artellar un espazo de referencias propio e recoñecíbel”.
A tamén responsábel da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, laiouse tamén de que “os contidos audiovisuais que nacen na nosa lingua infelizmente están en desvantaxe con respecto a outras culturais sen apoios específicos nun ámbito especialmente complexo como é o da distribución".
A convocatoria da Deputación da Coruña considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos.

Categorías: Ciencia

Pontevedra escaneará a súa rede viaria para avanzar en mantemento e seguridade

Lun, 04/02/2018 - 11:08
O equipamento da empresa Geograma nunha imaxe de P.Oribe

O Concello de Pontevedra quere tirar proveito das tecnoloxías de información xeográfica para ter coñecemento detallado de cada pequeno treito da súa rede viaria, constituída por 800 quilómetros de rúas e estradas. Con este obxectivo, o Goberno local adxudicou á empresa Geograma a contratación do fotografado e escaneado do viario de todo o termo municipal. Isto implicará o desenvolvemento e habilitación dunha aplicación informática feita ex profeso para dar un novo e importante paso no mantemento e supervisión das estradas, rúas e os seus equipamentos. Deste xeito, o Concello poderá facer cousas como localizar con precisión as incidencias na rede, facilitar as inspección de seguridade, mellorar a inspección de accidentes ou axilizar a autorización das obras. En palabras do concelleiro Raimundo González, “servirá para facer medicións cunha marxe de erro de 1 centímetro”.
O edil tamén informou que o contrato foi adxudicado á empresa Geograma SL por un importe de 59.569 euros, habilitándose un prazo de nove meses e unha semana para desenvolver o traballo. A rede a cubrir coa dita tecnoloxía de mapeo inclúe a totalidade de rúas e estradas do concello, con independencia da súa titularidade.
Segundo informou o Concello, a empresa Geograma (con sede en Vitoria-Gasteiz, Áraba) é unha firma especializada en sistemas avanzados de xeolocalización que salienta por empregar unha tecnoloxía chamada Mobile Mapping, que ten semellanzas cos equipamentos de Google Street View e que consiste nun vehículo equipado cos máis avanzados recursos para o fotografado e rexistro a tempo continuo da contorna de vehículo na súa totalidade. Abrangue sensores de posicionamento de alta precisión e dispositivos de toma de imaxes mediante 6 cámaras e captura de nube de puntos a través de tres láser-escaner. Ten capacidade para obter seis imaxes de 360º cada 5 metros e unha densidade de 40.000 puntos con coordenadas por segundo, nunha franxa de banda de 40 metros a cada lado do vehículo.

Categorías: Ciencia

As adicións dixitais e as maneiras de evitalas, polo miúdo na Coruña

Lun, 04/02/2018 - 09:49

O Centro Cívico Monelos da Coruña, en colaboración con ACLAD (Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga), vai organizar os vindeiros días unha actividade divulgativa mozas e mozos de entre 11 e 13 anos busca capacitalas/os para inculcar usos racionais e seguros das novas tecnoloxías da información. O Taller de prevención e abordaxe de adiccións dixitais desenvolverase os días 23 e 25 de abril ás 16.30 horas, no devandito local social. A actividade, que é de balde, xorde como resposta aos crecentes datos que alertan sobre o emprego non axeitado das novas ferramentas e as súas consecuencias.
Farase, polo tanto, especial fincapé nos colectivos máis vulnerábeis (os menores) e nos principais problemas derivados do mal uso das TIC (acceso a contidos inadecuados, cesión de datos persoais, suplantación de identidade, ciberacoso, ciberchantaxes, etc).
Dende ACLAD e o CCM sinalan que “é preciso establecer estratexias tanto de tipo preventivo como asistencial que aborden as devanditas consecuencias”. O taller tamén tocará temas como o uso-abuso-dependencia de TIC, a privacidade, a identidade dixital e a reputación en liña, o ciberacoso escolar, as prácticas do sexting e o grooming, a xestión da información e o acceso a contidos apropiados.

Categorías: Ciencia

A Deputación de Pontevedra activa sede electrónica, co-desenvolvida por Imatia

Mér, 03/28/2018 - 23:14

A empresa Imatia e a Deputación de Pontevedra veñen de desenvolver a Sede Electrónica da entidade provincial, un servizo en liña que permite á cidadanía realizar de maneira telemática unha manchea de trámites (a través do sistema de identificación Cl@ve e tirando proveito dunha contorna de uso que garante as máximas seguridade e privacidade) e pon ao seu dispor completa información sobre servizos da Deputación e os procedementos da entidade provincial (recursos humanos, subvencións, rexistro). A sede foi desenvolvida por Imatia en colaboración co equipo de Goberno da Deputación e os seus empregados públicos, que en datas vindeiras irán completando os servizos dispoñíbeis na mesma.
Segundo salienta Imatia, entre as moitas vantaxes da plataforma inclúense as seguintes: a posibilidade de consultar o estado dos nosos expedientes abertos e do histórico dos mesmos, recibir notificacións electrónicas sobre temas concretos ou consultar e descargar documentos oficiais asinados dixitalmente, a partir do seu Código Seguro de Verificación (CSV). A empresa tamén destaca que estas vantaxes non só afectan as persoas, senón que as empresas tamén se verán beneficiadas, tanto á hora de acceder ás licitacións, como ao presentar as súas facturas á Deputación, grazas ao sistema de facturación electrónica.
A compañía TIC, amais do devandito, pon de relevo as importantes vantaxes para os cidadáns (“que a partir de agora experimentarán un importante aforro de tempo ao facer os seus trámites coa súa Deputación, evitando desprazamentos, esperas e restricións horarias”) e para a propia Administración e empregados públicos, “que verán reducidas as súas tarefas de atención presencial”.

Categorías: Ciencia

As posibilidades de xestión de datos masivos do software aberto Ceph, ao detalle no CDTIC

Mér, 03/28/2018 - 21:06

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vai dar acubillo a semana vindeira, o 4 de abril, a unha xornada as posibilidades do software aberto para o manexo eficaz, eficiente e rendíbel de información a gran escala. Estamos a falar da sesión Ceph, unha solución aberta para a xestión masiva de datos no teu CPD, na que, con horario de 9.30 a 14.00 horas, botarase luz sobre as potencialidades da dita ferramenta en materia de coñecemento Big Data.
Segundo informa AMTEGA, a plataforma de código aberto Ceph é un sistema de almacenamento programábel, distribuído, flexíbel e con ampla capacidade de adaptación a diferentes contornas, con capacidade para ceibar ás empresas das custosas solucións de almacenamento privativas e baseadas en hardware.
No programa da actividade inclúense os diferentes perfís e roles do seu ecosistema, co obxectivo de permitir ao público asistente aproximarse á plataforma Ceph desde diferentes ángulos e perspectivas “coa intención non só de dala a coñecer a nivel teórico, senón tamén de achegar as necesidades para adoptala de forma práctica na organización”.
A xornada contará coa colaboración das empresas Red Hat, Supermicro, Colabora Ingenieros, Cumulus Networks, Dinahosting e Igalia. A actividade está dirixida a analistas, arquitectos TIC, administradores de sistemas/almacenamento, CIO e, en xeral, ao sector TIC con demandas en materia de deseño, aprovisionamento de software e hardware e integración, posta en marcha e desenvolvemento de servizos de almacenamento distribuído e con capacidade de adaptación/evolución (o que se coñece como escalabilidade).
Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñíbel para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

Categorías: Ciencia

Diacamma ultima o seu peche

Mér, 03/28/2018 - 20:00

Dende hai uns anos está dispoñible de balde o servizo en liña para compartir coche ou taxi de Diacamma (así como a variante Edudiacamma para que compartisen vehículo pais nos seus traslados a centros educativos), atendendo así á demanda crecente da economía colaborativa para aforrar gastos nun eido tan sensible como é o transporte, pero esta iniciativa dos informáticos galegos Rubén Quintela e David Tubío, pese a estares ben intencionada, quedou simplemente como un proxecto persoal de difícil sustento, polo que finalmente anuncia a súa finalización ao longo do mes de abril.
Rubén Quintela é quen leva 5 anos desenvolvendo este proxecto pioneiro non só como ferramenta para compartir vehículo persoal a modo de rede social, senón tamén para fomentar o uso do taxi compartido, anticipándose ao mercado. Diacamma era un dos poucos servizos deste tipo que estaba centrado no uso de vehículos compartidos porta a porta, e non só para viaxes a longa distancia, manténdose sempre dentro das marxes da lei, e sen cobrar nunca comisións, pero en todo este tempo, e tras moitos esforzos, non conseguiron transformar o proxecto nunha iniciativa capaz de captar o investimento preciso para facelo sustentable, polo que prepara o seu adeus curiosamente pese a que este tipo de ferramentas semellan cada vez máis de maior utilidade.

Categorías: Ciencia

Facebook fai máis accesibles os seus controis de privacidade

Mér, 03/28/2018 - 20:00
Na imaxe podemos ver como era o menú de configuración de Facebook no móbil e como pasará a ser.

Tras o escándalo de Cambridge Analytica dende Facebook prometeron dar un maior control aos usuarios sobre o que se fai cos seus datos, e avanzando nesta liña dan conta agora dalgúns cambios que están a implantar na plataforma para facer máis doado que os usuarios poidan acceder ás opcións de configuración de Facebook.
Para comezar, redeseñaron o menú de configuración en dispositivos móbiles de arriba a abaixo, para facer máis doado atopar as distintas opcións e, en vez de ter que percorrer preto de 20 pantallas diferentes, agora será posible acceder ás opcións dende un único lugar. Tamén eliminaron opcións que quedaran desfasadas, para que quedase clara a información que pode ou non compartirse coas aplicacións.
Créase un novo menú de atallos de privacidade, para que nuns poucos toques o usuario poida coñecer como funcionan os controis de Facebook. Dende ese apartado poderase acceder rapidamente a opcións como activar a identificación de dous factores, controlar a información persoal (podendo ver o que se comparte e borrar o que non queira compartirse), controlar a publicidade que se ve e incluso administrar quen ven as publicacións e a información de perfil.
Para que sexa máis doado coñecer a información que manexa Facebook, achéganse ferramentas para atopar, descargar e borrar os datos que teñamos en Facebook.
Nas vindeiras semanas tamén procurarán mudar as condicións do servizo para reflectir o compromiso de Facebook cos seus usuarios e deixar tamén máis claro o uso que se fai dos seus datos.

Categorías: Ciencia

Xiaomi renova o seu smartphone de marcos reducidos

Mér, 03/28/2018 - 13:40

Xiaomi marcou tendencia dos seus móbiles Mi MIX, os auténticos pioneiros no deseño de pantallas case sen marcos, e chegoulle a hora de renovar o seu Mi MIX 2, presentado o pasado mes de setembro, de xeito que agora temos o Mi MIX 2S, un smartphone que agora o ten máis doado para poder compararse co iPhone X, x que renovou a súa cámara traseira para incorporar unha dobre cámara de 12 Mpíxeles (unha de grande angular e outra de telefoto) presumindo dunha puntuación en DxOMark que a situaría ao nivel do smartphone de Apple.
Este novo teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, 6/8 GB de RAM, 64/128/256 GB de almacenamento interno, batería de 3.400 mAh con carga rápida e sen fíos, USB-C, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, desbloqueo facial, lector traseiro de pegadas dixitais e NFC. A súa pantalla de 5,99 polgadas ten unha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles que promete axustarse para unha boa visualización en exteriores e tamén conta con soporte de HDR.
Os prezos son bastante axustados, de xeito que o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento parte dos 3.299 iuans (423 euros), con 128 GB de almacenamento subiría até os 3.599 iuans (462 euros) e, finalmente, o seu modelo con 8 GB de RAM e 256 GB de capacidade custaría 3.999 iuans (513 euros), o que dispara o atractivo do que algúns define como o iPhone X chinés con Android.

Categorías: Ciencia

O Huawei P20 Pro incorpora 3 cámaras traseiras

Mér, 03/28/2018 - 13:06

Onte presentáronse en París os novos smartphones de Huawei, que chegarán ás tendas españolas o vindeiro 12 de abril, e que prometen converterse nos dispositivos móbiles con mellor cámara do mercado por moita diferenza, que conseguen superar ao Samsung Galaxy S9+ nas probas realizadas por DxOMark, tanto co Huawei P20 con dobre obxectivo traseiro como co Huawei P20 Pro, que deu un grande salto ao incluír unha terceira cámara. Para pór en contexto os resultados tempos que as cámaras do iPhone X teñen unha puntuación de 97, o S9+ chega ao 99 e o P20 e o P20 Pro conseguen 102 e 109 puntos respectivamente, sendo a primeira ocasión que un smartphone supera os 100 puntos.
Os novos smartphones de Huawei chegan con carcasas de diferentes cores e en dous tamaños de pantalla case sen marco, de xeito que o P20 ten unha pantalla de 5,8 polgadas mentres que o P20 Pro chega até as 6,1 polgadas, aínda que en ambos casos confórmanse con resolucións baseadas en Full HD, polo que a súa densidade de píxeles quedarían en 428 e 408 puntos por polgada (lonxe dos 570 e 529 puntos por polgada que ten o Galaxy S9+).
O Huawei P20 está equipado cunha cámara traseira dobre, de xeito que cun obxectivo de 12 Mpíxeles recolle a imaxe en cor, mentres que o seu obxectivo de 20 Mpíxeles aposta pola captación en branco e negro, combinación que ten demostrado funcionar moi ben nos anteriores móbiles de Huawei, e que neste modelo tamén parece ser así. Tamén permite gravar vídeo en cámara superlenta de 960 imaxes por segundo.
O Huawei P20 Pro destaca aínda máis a nivel fotográfico, xa que está equipado cun sensor de cor de 40 Mpíxeles, un sensor de 20 Mpíxeles para branco e negro e outro de 8 Mpíxeles para telefoto, con aperturas de f/1.8, f/1.6 e f/2.4 respectivamente, conseguindo así comportarse de xeito excelente en numerosos escenarios e quedando sen rival neste aspecto entre os teléfonos de alta gama actuais, pese a ter un prezo inferior.
Para un público que busca terminais de máis luxo tamén temos que as cámaras do P20 Pro van parar ao novos Porsche Design Huawei Mate RS, que con 6 GB de RAM e 256 ou 512 GB de capacidade venderanse a 1.695 e 2.095 euros respectivamente. Este curioso smartphone terá unha maior resolución de pantalla (2.880 x 1.440 píxeles) e lector de pegadas dixitais tanto na parte traseira do teléfono como integrado na propia pantalla.
O Huawei P20 con 4 GB de RAM e 128 GB terá un prezo de 649 euros, mentres que o Huawei P20 Pro con 6 GB de RAM e 128 GB de capacidade custará 899 euros.
Cómpre salientar que o P20 e o P20 Pro, pese a teren marcos moi axustados na súa parte frontal, equipan sensor de pegadas dixitais e cámara frontal de 24 Mpíxeles con apertura f/2.0, o que solucionaron cunha pestana na parte superior da pantalla, na liña de como fixo o iPhone X (medida moi criticada no seu día, pero que parece estar a converterse en tendencia).

Os Huawei P20 e P20 Pro venderanse en distintas cores
Categorías: Ciencia

A Ourense ICC Week mostrará os novos roteiros dos videoxogos e os deportes en liña

Mar, 03/27/2018 - 23:32

Os videoxogos e as competicións de e-sports serán temas fundamentais de debate, análise e demostracións na cuarta edición da Ourense ICC Week, levada a cabo pola Deputación de Ourense. O encontro, celebrado do 2 ao 5 de maio, contará con novidades como un novo apartado, a ICC Gamers, que inclúe dúas actividades: a ICC Technium R Encounter e a ICC eSports. O apartado ICC Gamers xorde da colaboración entre a Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.
Indo ao miolo, a xuntanza ICC Technium R Encounter botará a andar o día 3 de maio ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. O pre-rexistro dará comezo o día 28 de marzo e a inscrición á party será o 30 de marzo, sendo a elección de sitios o día 7 de abril. A entrada ten un custe de 25 euros, contando cunha inscrición de balde aos torneos da ICC Technium R Encounter, acceso a todo o recinto e ás actividades da party. Engadir que tanto o rexistro como a inscrición poderán realizarse a través da páxina www.technium.es. Cómpre dicir que desta volta a quedada informática terá catro grandes torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl, que se celebrarán ao longo deste evento. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.
A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición do ICC Technium, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.
Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos poderá adquirirse nas vindeiras semanas en Ticketea (podéndose acceder a ela a través da web). Neles poderán participar xente de fóra da ICC Technium R Encounter, así como as persoas da propia party.
En canto ao torneo de Clash Royale, dividirase en dúas modalidades: o torneo Profesional invitacional por equipos no que se darán cita os mellores clubs a nivel nacional (Valencia CF Esports, Giants, Movistar Riders, Teamqueso, Artic Gaming ou Team Heretics) e no que se repartirán máis de 4.000 euros en premios. O torneo de FIFA 18, no que participarán 128 persoas, ten un custe de entrada de 5 euros e os premios serán para o primeiro clasificado unha PlayStation 4, para o segundo clasificado un mando de PlayStation 4, e para o terceiro clasificado unha tarxeta PSN de 20 euros. No torneo de GT Sports poderán participar 32 persoas, e os premios deste torneo serán un Thrustmaster T-GT para o primeiro, unha tarxeta PSN de 50 euros para o segundo, e unha tarxeta PSN de 20 euros para o terceiro.
Este novo adianto de programación da Ourense ICC Week 2018 complementa as propostas presentadas até o de agora, que aglutinan novas tecnoloxías, humor, músico e incluso premios para xestores culturais de Galicia. En concreto, no que se refire aos novos sectores emerxentes e ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o 4 de maio as mulleres tecnolóxicas serán as protagonistas da xornada, tal e como sinalamos hai uns días dende Código Cero, facendo fincapé no epígrafe da actividade (Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento), na participación das profesionais Sara Rodríguez, Cynthia Gálvez e Luz Castro, e tamén no cometido da xornada: visualizar ao máximo o importante papel despregado polas nosas mulleres referentes e expertas en tendencias de máxima actualidade, como por exemplo a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software, a chamada gamificación (aplicar en actividades da vida real metodoloxías propias dos videoxogos, estimulando a creatividade e a cooperación) ou a economía colaborativa.



Categorías: Ciencia

Firefox estrea unha extensión para evitar que Facebook rastrexe a nosa actividade na web

Mar, 03/27/2018 - 22:00

Ante o escándalo de Cambridge Analytica dende Mozilla decidiron suspender a súa publicidade en Facebook, pero non quixeron que a súa postura quedase nun simple xesto, e prepararon unha extensión do seu navegador web que probablemente goce de moita aceptación entre os preocupados polo deficiente coidado que Facebook fai da información dos seus usuarios, xa que Facebook Container construirá un valado ao redor da web de Facebook para que a compañía de Mark Zuckerberg non poida facer un seguimento dos usuarios na súa actividade no resto de páxinas web.
A nova extensión principalmente o que fai é illar a identidade dos usuarios de Facebook nun contedor separado, dificultando que Facebook poida rastrexar a actividade dos usuarios noutras páxinas web a través de cookies de terceiros, o que consideran que é unha opción máis razoable que abandonar Facebook. Deste xeito os usuarios poderán optar por gozar dos contidos en Facebook á vez que teñen un maior control sobre os seus datos.
Cando empreguemos o Facebook Container veremos como na barra de enderezos do navegador aparece a palabra Facebook en azul xunto á icona dun maletín, para indicar que estamos no modo especial do navegador, e cando premamos nunha ligazón fóra de Facebook abandonaremos ese modo de funcionamento, mantendo separada a actividade na web coa que se teña en Facebook.
Mozilla advirte de que non recollerá datos desta extensión, senón que limitarase a saber o número de veces que se instala ou desinstala. Tamén dá conta de que, ao empregar a nova extensión, cando visitemos páxinas web que teñan integrados os comentarios de Facebook ou o botón de Gústame, estes elementos non poderán operar correctamente, pois o contedor non lles permite identificarnos.

Categorías: Ciencia

O dispositivo para axudar aos golfiños premiado en Galiciencia estará na maior feira STEM de Europa

Mar, 03/27/2018 - 17:30

Os nosos novos investigadores (novas e novos, literalmente falando) están a facer ruído a nivel galego, estatal e, tamén europeo. Por exemplo os responsábeis do proxecto gañador do certame Galiciencia (impulsado pola Tecnópole), dirixido a espertar vocacións científicas e tecnolóxicas a través dunha gran feira de achados, un completo programa de obradoiros, campamentos e exhibicións e un concurso para premiar os mellores proxectos. Pois, ben, segundo puidemos saber, a equipa responsábel do proxecto gañador da última edición de Galiciencia representará a España na meirande feira científica de Europa. A chave para acadar este pase foi a súa vitoria en Expocerca.
A orixe do éxito deste proxecto hai que rastrexala en 2017, cando se impulso no certame Galiciencia 2017 e logo, gracias ao dito recoñecemento, participou en Expocerca 2018 representando ao Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Agora, Carlos Fole, Jaime Alonso, Miguel Herranz e Mateo Martínez, do Colexio Montecastelo de Vigo, volven de Catalunya co primeiro premio da que sería, en palabras da Tecnópole, a feira científica máis relevante de España. Cal é o seguinte paso? Pois, o vindeiro mes de xullo, Carlos, Jaime, Miguel e Mateo representarán a España no certame europeo Expo-Science Europe, que se celebrará na cidade polaca de Gdynia.
O seu enxeño, a razón dos seus éxitos e recoñecemento, é unha tecnoloxía cun gran compoñente medio ambiental e de responsabilidade co medio mariño. Trátase dun dispositivo para salvar vidas de golfiños varados que, ademais, inclúe unha aplicación móbil para facer comunidade de usuarios-colaboradores arredor de proxecto e permitir que calquera persoa poida fotografar unha manda de golfiños na costa ou mesmo un varamento e enviar a imaxe cos datos de situación. As vantaxes disto son claras e evidentes: amais de salvar a vida de moitos golfiños, trázanse mapas de tránsito de arroaces nas nosas costas e contribúese a limitar o tráfico marítimo en contornas concretas.
Segundo explica a Tecnópole, o dispositivo salvavidas de golfiños varados tivo un papel moi destacado entre os 112 traballos presentados en Exporcera, 42 deles procedentes de Brasil, China, México, Paraguai, Bélxica e Turquía. Ademais do primeiro premio, os estudantes fixéronse co accésit ao mellor proxecto na categoría ciencia en sociedade.
O enxeño, bautizado co nome de SISEDE (Sistema de Seguimento de Delfíns), inclúe a programación dun hidrófono para ser mergullado no mar e, mediante a captación do son que emiten os golfiños, facer seguimento dos cetáceos e emitir alertas á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e ao 112 cando se detecte que entran en zonas de perigo de varamento.
Máximo recoñecemento dos participantes
Ademais, a alumna de Aulas Tecnópole Iria Ollero logrou que o seu proxecto fose votado como o preferido polos participantes na devandita feira celebrada en Catalunya. O seu Baby safety levou o recoñecemento máximo outorgado polos seus compañeiros e, ao mesmo tempo, rivais no certame. O sofisticado dispositivo foi concibido nas Aulas Tecnópole e consiste nun enxeño múltiple para a prevención da morte súbita dos lactantes. A partir dos parámetros indicados polos pediatras, deseñou catro dispositivos que permiten controlar os factores de maior risco. Dous deles fan seguimento da posición do bebé no berce mediante uns sensores de presión e unha cámara de IR, outro controla de xeito simultáneo a temperatura da habitación e do bebé e un cuarto sistema consiste nun body que mide as pulsacións do lactante mentres dorme. Cando algún dos sensores rexistra unha situación de risco, actívase unha alarma sonora que avisa aos pais de xeito inmediato.
Ademais, Laura Costas e Inés Castro, do Colexio Alborada de Vigo, levaron un terceiro premio na Exporecerca co mesmo proxecto que fora recoñecido como o máis innovador na Galiciencia 2017. Trátase dun invernadoiro con autorrego de auga de mar, con forma de piscina cuberta.

Categorías: Ciencia

Blogaliza pechará o 25 de abril

Mar, 03/27/2018 - 14:39

No ano 2003, coincidindo co nacemento do fenómeno de blogs en galego que recibiría o nome de Blogomillo, naceu un servizo de hospedaxe de blogs chamado Blogaliza, que facilitaba que os usuarios galegos non tivesen que recorrer a plataformas como Blogger para publicar as súas bitácoras.
O volume de cadernos publicados ao amparo do servizo era bastante importante nos primeiros anos, converténdose en todo un referente, traxectoria que non resultou doada, pois a plataforma nunca contou con grandes medios para operar e, de feito, tivo que rematar sendo asumido pola asociación Algueirada, que hai 5 anos decidiu realizar unha purga de blogs inactivos, e que agora anuncia unha media moito máis drástica: pecharán as súas portas virtuais o 25 de abril. Deste xeito, o usuarios que quedan na plataforma terán tempo para realizar copia dos contidos e migrar a outras plataformas.
O abandono de Blogaliza parecía algo inevitable, pois non só os seus blogs máis significativos migraron a outras plataformas hai anos (actualmente só acolle uns 80 cadernos), senón que tamén a actividade nos blogs persoais experimentou unha drástica caída coa emerxencia de plataformas como Facebook, Twitter, Instagram e YouTube, eliminando a necesidade de manter un blog persoal para comunicar a través da Internet.
Di así adeus o que foi un faro da Internet en galego, feito que debería chamar á reflexión sobre a necesidade de conservación do noso patrimonio dixital, xa que cada vez resulta máis complexo consultar mostras de fenómenos como o Blogomillo, por estar desaparecidos boa parte dos espazos web que o formaron no seu día, escribindo un dos capítulos máis interesantes da historia da Internet en Galicia.

Categorías: Ciencia

O Concello de Santiago adxudica a T-Systems o proxecto de eAdministración

Mar, 03/27/2018 - 13:30

Santiago vén de dar un importante paso adiante en materia de servizos dixitais. En detalle, o Goberno do Concello adxudicou a semana pasada o contrato de subministro e mantemento de Administración Electrónica, cunha contía de 1,5 millóns de euros, á empresa T-Systems. Os datos sobre o proxecto foron achegados polo concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, Xan Duro, que fixo saber que se trata “da iniciativa de mellora e modernización da Administración municipal máis relevante da historia recente do Concello de Santiago”.
Tamén explicou que o subministro da eAdministración custaralle ao Goberno local preto de 900.000 euros, IVE incluído, e a devandita empresas encargarase dos traballos de mantemento durante catro anos, por un importe de 160.000 euros anuais.
Duro engadiu que a adxudicataria ofertou como “melloras do contrato” servizos como “a asistencia dun consultor especializado para a posta en explotación do sistema, o seguimento da atención á cidadanía e formación para o persoal do Concello para a utilización do xestor de bases de datos documental”. A idea do Goberno local é tirar o máximo partido desta iniciativa para “avanzar en transparencia” e “axilizar a relación da veciñanza coa administración, xa que os cidadáns poderán realizar a maioría dos trámites de maneira telemática desde as súas casas”.

Categorías: Ciencia

Un investigador do CITIC obtén o premio ao mellor TFG da Facultade de Informática

Mar, 03/27/2018 - 13:00

Finalmente a Facultade de Informática da Coruña (FIC) deu a coñecer o gañador da terceira edición do seu Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado. Estamos a falar do investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC), Plácido Lizancos Vidal, quen obtivo o devandito galardón grazas ao seu traballo Extracción de zonas quísticas en imaxes OCT de fondo de ollo. O evento de entrega celebrouse o pasado xoves 22 de marzo. O certame, no que colaboraron novamente o Centro de Investigación TIC (CITIC) e a FUAC, buscou enxalzar e visualizar a capacidade investigadora e desenvolvedora do alumnado.
A terceira edición do Premio ao Mellor TFG da FIC incluíu un primeiro galardón de 1.500 euros para o gañador e dous accésit de 500 euros.
A investigación de Lizancos consistiu en dar forma a un sistema automático con capacidade para avaliar as imaxes obtidas con métodos como a tomografía e definir con precisión se existen corpos quísticos na retina e en que grao se atopan. O fin último é detectar a dexeneración macular asociada á idade e a retinopatía diabética, doenzas que poden acabar en cegueira.
Segundo informou o xurado, “este sistema é máis preciso cós actuais métodos de análises de imaxes, polo que incrementa a fiabilidade das probas, a través de técnicas de visión artificial”.
Os outros dous finalistas foron Laura Montes Pombar, co TFG Análise de patróns cerebrais para o control de cadeiras de rodas, e Miguel Villar Rodríguez, co traballo Desenvolvemento de módulos para robótica educativa en AppInventor. Cada un deles recibiu 500 euros
Lembrar que esta terceira convocatoria do certame da FIC contou novamente co patrocinio de importantes empresas como Everis, Grupo Voz, Indra, Instituto Tecnolóxico Galego (ITG) ou Telecom, amais da devandita colaboración do Centro de Investigación TIC (CITIC) e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC).
O xurado que avaliou os aspectos técnicos das solicitudes presentadas e o interese práctico do desenvolvemento das mesmas foi conformado unha vez máis polas propias empresas colaboradoras.

Categorías: Ciencia

Páxinas