códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 49 min 5 seg

A reparación da pantalla do iPhone X custará 321,10 euros

Lun, 10/30/2017 - 14:00

O vindeiro venres algúns afortunados comezarán a gozar dun iPhone X por acudir cedo a unha Apple Store ou por ser dos primeiros en reservar o novo smartphone de Apple, e ante as dúbidas sobre se contratar un seguro ou mercar unha funda para protexer o novo trebello habería que advertir que Apple xa publicou os prezos de reparación do iPhone X en España, e son algo moi en conta ao facerse cun destes teléfonos.
De xeito xeral Apple ofrece poucas modalidades de reparacións do iPhone X, que consisten realmente en substituír o teléfono por outro en bo estado, cobrando o que custaría a reparación en si no caso de que o problema non estivese cuberto pola garantía, de xeito que un cambio de batería custaría 89 euros, un cambio de pantalla 321,10 euros e outros tipos de reparacións (normalmente complexas) custarían 611,10 euros.
O prezo de cambiar a batería sería o habitual en Apple, pero no caso das pantallas a partires do iPhone 6S o prezo de substituír a pantalla sería de 181,10 euros, mentres que nos modelos Plus sería de 201,10 euros, polo que o incremento de prezo de reparación do iPhone X é máis que notable, o que parece ser consecuencia non só da pantalla en si, senón tamén polo feito de que agora tamén integra máis sensores (para o Face ID).

Categorías: Ciencia

Chega ao seu remate o segundo Concurso de Robots Mecano da UDC

Lun, 10/30/2017 - 13:59

Podemos ser creadores de tecnoloxías amais de usuarios? Sen dúbida si, e subliñar esta mensaxe con probas palpábeis é un dos grandes obxectivos da segunda edición do Concurso de Robots Mecano para alumnado de Secundaria que organiza a Universidade da Coruña no Campus Industrial de Ferrol. Celébrase este 31 de outubro e nel está previsto que participen seis institutos galegos (Saturnino Montojo e Sofía Casanova, de Ferrol; Ortigueira; Virxe do Mar, de Noia; Leiras Pulpeiro, de Lugo, e Pontepedriña, de Santiago) mostrando os seus enxeños e logo sendo avaliados por un tribunal formado por investigadores e profesores universitarios. O certame inclúe ademais unha visita guiada polas instalacións da Universidade da Coruña en Ferrol, aos centros formativos e laboratorios de investigación. As actividades comezarán ás 10:00 horas, cun acto de inauguración e benvida a cargo da vicerreitora e o director do Campus, Araceli Torres e Ginés Nicolás, e rematarán sobre as 15:00 horas.
Para quen non o saiba, o Concurso Mecano é unha actividade promovida polo Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña que ten por obxecto e”stimular a creatividade, o traballo en equipo e achegar o mundo da enxeñaría e as tecnoloxías aos estudantes de último ano dos institutos galegos a través da construción e programación dun robot para posteriormente superar unha serie de obstáculos proxectados nunha xincana”.
O concurso consta de dúas fases, a primeira, que xa se realizou, consistía na elaboración dun vídeo explicativo da proposta de cada grupo participante, unha peza audiovisual para subir ao Facebook e, en virtude dos gústame acadados, acadar máis ou menos puntos (o máximo son cinco puntos).
A segunda proba, que é a que terá lugar mañá, consiste na presentación e defensa da proposta ante un xurado formado por persoal docente e investigador do Campus Industrial de Ferrol. O premio será unha cámara de VicTsing Eypro Cámara Acción Deportiva 1080P para cada un dos estudantes gañadores.
As presentacións das propostas ao tribunal teñen o seguinte horario:
10:30h IES Leiras Pulpeiro (Lugo)
10:45h IES Ortigueira (Ortigueira)
11:00h IES Pontepedriña (Santiago de Compostela)
11:15h IES Saturnino Montojo (Ferrol)
11:30h IES Sofía Casanova (Ferrol)
10:45h IES Virxe do Mar (Noia)
Ao remate, ás 12:00 horas, Araceli Torres fará unha presentación do Campus Industrial de Ferrol e das súas titulacións. Media hora máis tarde procederase á entrega de diplomas e farase unha foto de grupo. O Concurso Mecano rematará ás 13:00 horas coa visita guiada aos laboratorios do Campus: Plásticos; Aplicacións Industrial do Láser; Mecánica de Fluídos, túnel aerodinámico; Canle de probas hidrodinámicas; Enxeñaría Mecánica e Laboratorio de Robótica.

Categorías: Ciencia

Despiden a un enxeñeiro de Apple por permitir que a súa filla gravase un vídeo do iPhone X

Lun, 10/30/2017 - 12:48
Brooke Peterson amosando o iPhone X nun Caffé Macs do campus de Apple

Nos últimos días sorprendeu en YouTube un vídeo dunha rapaza chamada Brooke Peterson visitando o campus de Apple, onde traballa seu pai. Alí podemos ver como visitan un Caffé Macs, onde pagan a consumición co iPhone X e a moza fai toda unha demostración do funcionamento do smartphone que aínda non saíu á venda, o que fixo que o vídeo rematase converténdose en viral.
As consecuencias desta ousadía non se fixeron esperar, e non só Apple denunciou o vídeo que foi retirado de YouTube (aínda que actualmente hai outra copia do mesma circulando), senón que tamén despediu ao pai da rapaza por violar as normas da compañía ao permitir a divulgación de detalles do iPhone X antes do seu lanzamento.
A youtubeira di que todo «foi un erro inocente», e asegura que seguirá a mercar produtos da compañía da mazá e incluso que o seu pai non garda rancor por Apple, pois entende que cometeron un erro. De feito, non só está prohibido divulgar información de produtos non comercializados (especialmente no caso de unidades de empregados, que poden incluír numerosa información confidencial), senón que incluso está prohibido gravar vídeo en todo o campus de Apple, de aí que tivesen que tomar medidas drásticas para que non se entenda que a compañía é flexible coas súas propias normas e pode xustificar a imprudencia dos seus traballadores.

A youtubeira asegura estar sorprendida pola viralidade acadada polo seu vídeo
Categorías: Ciencia

Pobra de Trives achega un obradoiro para afianzar aos seus maiores no uso do WhatsApp

Lun, 10/30/2017 - 12:16

O Concello de Pobra de Trives está a organizar unha actividade directamente encamiñada a conseguir que os veciños estean mellor comunicados entre eles e co mundo, ao tempo que incrementan as súas posibilidades de lecer e mesmo de envellecemento activo (pola vía das TIC). O Curso de WhatsApp para Adultos vaise desenvolver entre o 13 e o 15 de novembro pola tarde, na sala de reunións do edificio novo do Concello. Segundo informa o Goberno local, ten a súa orixe na importancia das novas ferramentas dixitais para comunicármonos co mundo actual, facendo fincapé en recursos como o correo electrónico, o chat, as redes sociais e, por suposto, o servizo WhatsApp de mensaxes instantáneas.
“Internet proporciónanos unha mellor calidade de vida e é unha oportunidade para vencer o illamento nos máis maiores”, explican fontes do Concello ourensán sobre as razóns que xustifican o obradoiro, engadindo a necesidade de facer fincapé no feito de que as persoas tamén viven no mundo e “deben adaptarse para que a propia tecnoloxía non os desterre da sociedade”. A organización do curso tamén quere desmentir a falsa crenza de que as persoas de idade non estean capacitadas xa para manexar tecnoloxías. En definitiva, os obxectivos do taller son ensinar a tirar proveito do WhatsApp, achegar aos participantes as vantaxes de chatear e estar cun contacto máis estreito con amigos e familiares e, tamén, introducir nas súas vidas un elemento de actualización. As inscricións, engade o Concello, deberán facerse na Oficina de Turismo antes do 8 de novembro.

Categorías: Ciencia

Lugo introduce á cidadanía nas principais utilidades das redes sociais

Lun, 10/30/2017 - 11:35

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, centro neurálxico da formación TIC na cidade da Muralla, está a acubillar estes días unha actividade divulgativa sobre redes sociais, achegando conceptos e habilidades sobre como comezar a tirarlles proveito, que tipo delas convén para os intereses de cada quen ou como iniciarnos en cada unha das máis relevantes. Este venres o obradoiro chegou ao seu punto álxido coa visita da concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen compartiu impresións cos participantes do curso que se está a desenvolver na sala de formación do Edificio de Novas Tecnoloxías ao abeiro do programa de ensino Tecnoloxíza-T!
Segundo lembrou, o Concello está a organizar até decembro diferentes alternativas de formación TIC dende o Edificio, entre as que se inclúen un obradoiro sobre mercadotecnia dixital, outro taller sobre trámites bancarios en liña, outro sobre comunicación dixital, outro sobre os principais servizos e rendementos da nube, outro sobre como atoparmos os mellores resultados nas procuras feitas nos buscadores (posicionamento e SEO), outro sobre as vantaxes e beneficios do Whatsapp, outro sobre creación de aplicacións, outro obradoiro sobre tabletas, outro sobre programación e, para rematar, outro obradoiro sobre retoques fotográficos co noso smartphone.
Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse no Edificio de Novas Tecnoloxías, na Praza de Anxo Fernández Gómez, aberto de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas. A data de inscrición, que é distinta para cada actividade, pode consultarse ben no propio centro, a través do teléfono de atención cidadá 010 ou en www.lugo.gal.

Categorías: Ciencia

Entrégase o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

Ven, 10/27/2017 - 22:30

Hoxe fallouse o premio da X edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado pola AMTEGA coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG, recaendo o primeiro premio en Pablo Grela Palleiro, da Universidade de A Coruña polo proxecto Radiocom consistente nunha aplicación móbil para unha radio comunitaria que permite escoitar podcast, streaming, ver a programación da semana, reportar incidencias, solicitar recursos e poder acceder de maneira áxil aos programas. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a segundo premio a Michael García Rodríguez da Universidade de Vigo polo proxecto Estudo da reproducibilidade do CMIP5 consistente nun estudo realizado sobre os modelos pertencentes ao CMIP5 acerca da súa reproducibilidade científica, centrándose na dispoñibilidade do código do modelo e da calidade do mesmo, cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.

Finalistas

Os outros finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:
– Óscar Núñez Aguado. Web do audiovisual escolar galego. Unha aplicación web que permite xestionar unha videoteca e organizar concursos audiovisuais relacionados con contornas escolares.
– Daniel Pereira Alonso. GASATaD. Proxecto que permite procesar ficheiros CSV ou XLSX e xerar diferentes tests estatísticos e gráficos a partir dos seus datos.

Xurado

O xurado estivo composto por Nieves Pedreira Souto en representación da Universidade da Coruña; José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación da Universidade de Vigo; David Maseda Neira en representación da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL; Breogán Cinza Cabarcos en representación da AMTEGA e Mar Castro Pereiro en representación da Oficina de Software Libre da AMTEGA.

Categorías: Ciencia

Recuncho Maker achega esta finde unha sesión argalleira dupla sobre Escornabots e Arduino

Ven, 10/27/2017 - 17:30

A asociación Recuncho Maker está a brindarnos un inicio de finde argalleiro a mans cheas. Ou sexa, unha nova oportunidade para demostrarnos a nós mesmos e ao mundo que construír tecnoloxías e facer innovación está ao alcance de todas e todos. Hoxe venres celébrase un obradoiro sobre o Escornabot, o trebello galego “encargado” de introducir na robótica e na programación ás crianzas. Mañá é a quenda dunha cita con Ardunio: unha porta aberta para comezar a darmos pasos firmes na placa-software por excelencia do ámbito da tecnoloxía sen cancelas nin licenzas privativas.
O roteiro deste obradoiro é, primeiro, “partir de cero con Arduino” para logo facer unha sesión práctica e aprender o que son as entradas e saídas da dita tecnoloxía, con exemplos ilustrativos sobre como facer as conexións físicas e cargar os programas no microcontrolador (polo camiño, aprenderanse conceptos de valor sobre compoñentes básicos de electrónica, circuítos básicos para controlar LED e detectar pulsación botóns, etc).
Os dous obradoiros terán lugar no Centro Socio-Cultural de Caramoniña, en Santiago de Compostela, o primeiro este 27 de outubro a partir das 17.00 horas, e o do sábado previsto para as 11 horas. A duración aproximada nos dous casos é de tres horas.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Recuncho Maker realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

Categorías: Ciencia

O enxeñeiro galego Antonio Vidal, mellor científico de datos do ano

Ven, 10/27/2017 - 16:30

O premio ao Mellor Científico de Datos de España, edición 2017, vén de ir dar a mans galegas. Máis polo miúdo, foi dar a Antonio Vidal, enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo e arestora responsábel de Ciencia de Datos na empresa SIVSA, da que temos falado en Código Cero para salientar as vantaxes e características pioneiras das plataformas Fenix (para facilitar o día a día de clínicas e centros médicos) e Geenie (para axilizar nos organismos públicos a compra de bens dentro do sistema de Contratación Centralizada do Ministerio de Facenda). Segundo nos contan dende a UVigo, Vidal está a compatibilizar o traballo en SIVSA coa elaboración da súa tese de doutoramento na Universidade, baixo a dirección do catedrático Javier González Casteño e co obxectivo de dar forma a algoritmos que axuden a predicir o prezo de poxa dun servizo na nube, con vistas a minimizar custes na contratación dun servizo. E facelo, ademais, de xeito automático.
Trátase do proxecto AWS SpotPred, en palabras de Vidal “un sistema que predí os prezos das poxas das máquinas virtuais Amazon EC2 e especialmente deseñado para asegurar que as subastas gáñanse ao menor prezo posíbel”, o que posibilitaría a optimización de custes de infraestrutura nas empresas que usan os servizos de Amazon AWS na nube.
Os premios Data Science Awards Spain 2017, impulsados por Synergic Partners, empresa do grupo Telefónica, distinguen as mellores iniciativas particulares e empresariais e de xornalismo de datos no eido da información a gran escala (Big Data). Para esta segunda edición recibíronse máis de 300 propostas, a distribuír en tres categorías. O xurado elixiu aos gañadores nas categorías de científico de datos, na que triunfou Antonio Vidal; na modalidade de empresas que foi para Ebury e con mención de honra PepsiCo; e o premio ao mellor traballo de xornalismo de datos en España foi para Mar Cabra. Ademais, o xurado decidiu outorgar dúas mencións de honra na categoría de científicos de datos por un lado a Roberto Martín, como Mellor Visualización de Datos e, por outro, a Alejandro Baldominos coa mención á Mellor Solución de Arquitectura Big Data.


Categorías: Ciencia

O Salón do Libro de Pontevedra estrea web

Ven, 10/27/2017 - 12:57

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra vén de estrear nova web en salondolibro.gal. A páxina foi presentada este 26 de outubro pola concelleira de Cultura, Carme Fouces, salientando o principal obxectivo do sitio acabado de estrear: que o salón achegue unha imaxe máis moderna e adaptados aos tempos. Amais disto, preténdese contribuír a seguir facendo comunidade arredor do evento literario pontevedrés e da literatura galega en xeral, cousa que se complementa coa creación dun club de lectura formado por 12 persoas entre as que se atopan libreiros/as, bibliotecarios/as, docentes e xornalistas da cidade. “A nosa intención”, dixo, “é crear unha rede na cidade que teña continuidade e percorrido, e que chegue a funcionar case dun xeito automático”.
Volvendo á páxina acabada de estrear (e con dominio galego), a intención é que “sexa un escaparate ao mundo do que é o Salón e que se converta tamén nunha fonte de recursos para os centros escolares”. Segundo indicou Fouces, contará cun apartado de TeleSalón, Podcasting e Clubes de lectura “que se irán enchendo co contido que produzan os centros logo de asistir aos tres cursos formativos que se impartirán en novembro, dous deles a través do apartado de Audiovisuais da Universidade (TeleSalón e Podcasting)”.
O resto dos apartados da web están destinados ao Concurso Internacional de Ilustración, á vindeira edición de Mulleres de Conto (fío temático da convocatoria 2018 do Salón), ao país convidado na vindeira edición do evento (México), ás anteriores edicións do encontro literario pontevedrés e a facilitar aos centros unha bibliografía, realizada por Gálix.
Para quen non o saiba, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra naceu en 1999 como “un sinal de identidade” e, en palabras do Concello, “unha maneira de construír unha cidade ao redor das crianzas”. A aposta do Goberno local baséase no seguinte: no convencemento de que os libros e a lectura, sobre todo nas primeiras idades, son a “mellor maneira que temos de transformar a nosa realidade para crear outra máis xusta e máis libre”.

Categorías: Ciencia

WhatsApp permite revogar mensaxes até 7 minutos despois do seu envío

Ven, 10/27/2017 - 12:31
Agora o borrado de mensaxes de WhatsApp poderá ser no terminal do usuario ou tamén no do destinatario

Nas últimas horas están a producirse cambios en WhatsApp a nivel mundial, xa que tras varios meses de probas por fin decidiron activar unha funcionalidade reclamada dende hai moito tempo: a posibilidade de eliminar mensaxes de conversas cando se remitiron accidentalmente (por ter algún erro ou por publicarse na conversa que non correspondía).
Até o momento, cando un usuario de WhatsApp eliminaba unha mensaxe nunha conversa a acción só tiña efecto no teléfono do usuario, pero a partires das vindeiras horas (a novidade aínda está a espallarse globalmente e podería tardar bastantes horas en chegar a todo o mundo, e só tería efecto entre usuarios cunha versión actualizada da aplicación) cando eliminemos un texto ou calquera outro contido compartido nunha conversa individual ou de grupo será posible eliminar para todos, o que suporía a anulación do seu envío.
Esta nova funcionalidade non só elimina mensaxes das conversas, senón tamén das notificacións, aínda que compra destacar un detalle: o borrado para todos non afectará ás listaxes de difusión, coas que haberá que ter un coidado especial, xa que non será posible revogar os envíos.
Cando procuremos borrar unha mensaxe para todos, no caso de que non fose posible eliminar o contido dos terminais receptores, o usuario recibirá unha notificación, de xeito que terase consciencia das mensaxes recibidas ou non, evitando así confusións.
O borrado para todos non pode facerse sen límites, senón que terá un prazo de 7 minutos tras o seu envío.

Categorías: Ciencia

Premio Greenweekend para unha ferramenta dixital galega que optimiza o rendemento das parcelas forestais

Ven, 10/27/2017 - 12:01
De esquerda a dereita, José Luis Gude e Siro González, na final da Greenweekend celebrada na Coruña

O proxecto de negocio SmartWood xurdido ao abeiro da USC vén de obter un importante recoñecemento estatal en materia de innovación: o primeiro premio da Greenweekend que promove o portal de emprego Enviroo para visualizar, distinguir e impulsar as máis relevantes propostas do ámbito das tecnoloxías verdes. Segundo nos lembra a Universidade de Santiago, SmartWoord vén da man do investigador de doutoramento do Campus Terra José Luis Gude (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría) e trátase dunha ferramenta dixital que ofrece aos usuarios asesoramento e axuda para o optimizar o rendemento de parcelas forestais. No certame de Greenweekend acabado de resolver participaron arredor de 30 emprendedores do sector ambiental interesados no desenvolvemento de proxectos que contribúan a dinamizar a chamada economía verde.
Máis polo miúdo, o proxecto SmartWood consiste nunha ferramenta dixital baseada en sistemas de información xeográfica e datos recollidos por drons que axuda a unha planificación forestal “máis eficiente e sustentábel”. A iniciativa, que vén colleitando outros recoñecementos dende a súa orixe, tivo ocasión de fortalecerse e coller pulo ao abeiro de Yuzz Lugo, o programa-palestra de emprendemento do Banco Santander desenvolvido en colaboración coas universidades (neste caso concreto a de Santiago).
Segundo indica Gude, trátase dunha aplicación tecnolóxica feita a medida dos propietarios de parcelas forestais, con capacidade para mellorar o rendemento económico das fincas ao xeito dun asistente interactivo. Neste senso, SmartWood ofrece recomendacións e información sobre cales son as plantacións máis rendíbeis para cada parcela, complementando este servizo dun mercado dixital (marketplace) que xunta produtores e empresas dos servizos forestais.
O proxecto SmartWood, xerminado inicialmente por Gude, é agora unha startup en fase de constitución, impulsada por José Luis Gude con Begoña L. Castro e Siro González Rodríguez, dous emprendedores cos que coincidiu na edición do programa Yuzz Lugo deste ano.

Categorías: Ciencia

Os expertos coinciden no Campus de Pontevedra: cos xogos apréndese mellor

Ven, 10/27/2017 - 11:36

A Facultade de Ciencias de Educación e o Deporte (UVigo) de Pontevedra acolleu este 26 de outubro unha xornada sobre gamificación destinada a mostrar os valores e posibilidades dos xogos como ferramentas de ensino e de motivación. Abriu o encontro Jacobo Feijóo, experto nestas técnicas inversas de interacción entre planos e conceptos (desta volta, do virtual ao real), quen fixo un percorrido pola súa propia experiencia na materia (aplicando as ditas metodoloxías en eidos como o empresarial e o sanitario a través da empresa galega Gamisolution) e lembrou que, de facto, a gamificación non é unha técnica nova, e de feito xa se tiraba proveito dela no século XIX, de maneira indistinta pero sobre todo buscando reforzar a aprendizaxe das crianzas. A xornada, desenvolvida baixo o epígrafe Estratexias para mellorar a implicación do alumnado a través da gamificación, veu da man do investigadores do grupo Remoss Cristina Varela, Roberto Silva e Adrián Paramés.
Volvendo á intervención de Feijóo, o experto en gamificación sinalou que unha das cousas máis positivas destas prácticas “é que xa se están a estruturar, que xa hai unha metodoloxía, uns pasos estudados, e podemos usar esa liberdade que dá o xogo, o feito de que o estean pasando ben, para que os nenos aprendan”. O gran segredo, dixo, “é dar co que motiva a xente”, engadindo exemplos concretos de éxito neste punto, como o de Pokemon Go!, que en menos dun ano xa conseguira 47 millóns de usuarios.
No coloquio introdutorio ao mundo da gamificación, o relator afondou tamén en como a súa experiencia profesional levouno a desenvolver unha metodoloxía para o deseño deste tipo de iniciativas, uns pasos a seguir que comezan co achado dos factores que poden espertar o interese dos grupos de persoas aos que se dirixe a proposta. “Se un alumno é deportista, motivaralle competir, pero se o alumno é investigador, motivaralle o misterio, o descubrimento”, explicou o conferenciante, que incidiu nese senso na importancia de deseñar xogos capaces de “conseguir o interese” de persoas diversas.

Categorías: Ciencia

Ábrense as reservas do iPhone X

Ven, 10/27/2017 - 11:36

Esta mañá abriuse a reserva do iPhone X na tenda en liña de Apple e en numerosos establecementos comerciais de toda España, de xeito que os máis afortunados poderán facerse cun destes novos smartphones o venres que vén, aínda que a meirande parte de usuarios terán que esperar máis dun mes para recibilo, xa que o número de unidades producidas non chega para satisfacer a demanda inicial, de xeito que conseguir un destes teléfonos antes de que remate o ano non parece que sexa doado, de xeito que o seu elevado prezo non está a mitigar a situación.
O novo teléfono pode adquirise en dous acabados (con traseira en cor prata ou gris espacial) e en dúas capacidades (64 e 256 GB) con prezos de 1.159 e 1.329 euros respectivamente, o que está a ter como consecuencia que os modelos máis asumibles sexan os primeiros en esgotar unidades de reserva en varias cadeas comerciais. Amais, aínda que nos primeiros minutos (a reserva abriuse ás 9:01 horas) xa de indicaba que os teléfonos poderían non chegar aos compradores até dentro de 4-5 semanas, pero un par de horas despois xa se indica que o prazo de espera podería ser de 5-6 semanas, constatando os problemas de subministro dos que se viñan falando nas anteriores semanas.
Temos que lembrar o iPhone X é o redeseño dos smartphones de Apple máis drástico dos últimos 10 anos, xa que por primeira vez prescíndese dun elemento tan icónico como o botón de inicio redondo na parte frontal, que desta volta está ocupada por unha pantalla Super Retina de 5,8 polgadas que case non presenta marcos, de xeito que convértese na grande protagonista do novo dispositivo que tamén prescinde do lector de pegadas dixitais para apostar polo recoñecemento facial, é resistente á auga e ao po e integra cámaras de grande calidade que tiran proveito do procesador A11 Bionic para conseguir grandes efectos e incluso posibilita a gravación de vídeo Full HD en cámara lenta a 240 imaxes por segundo. Tampouco lle faltan elementos como a carga sen fíos e Apple Pay, converténdose no que posiblemente sexa o deseño de referencia para os iPhone do futuro, que para moitos chama a atención por ser o de maior pantalla do catálogo de Apple mentres que as súas dimensións quedan nun punto intermedio entre o iPhone 8 e o 8 Plus.

Categorías: Ciencia

Instagram estrea o Superzoom

Xov, 10/26/2017 - 23:00

A poucos días do Halloween dende Instagram quixeron introducir novas ferramentas creativas na súa aplicación móbiles, e aínda que boa parte desas novidades resultasen bastante predicibles (pola súa temática terrorífica) a que foi unha grata sorpresa é a incorporación dun novo modo de gravación na cámara de Instagram: o Superzoom.
Do mesmo xeito que o Boomerang era un xeito divertido de gravar pequenas pezas de vídeo en bucle, o Superzoom é un efecto no que a cámara aplica un zoom na cara do usuario á vez que reproduce unha música de suspense, creando un divertido efecto dramático que pode compartirse en mensaxes directas ou engadir ás historias.
Coa temática de Halloween as novidades limítanse a unha chea de novos filtros faciais terroríficos (que facilitan a transformación en monstros ou en vítimas aterrorizadas) así como un bo repertorio de adhesivos propios desta data tan celebrada nos EE.UU. e que ultimamente ten contaxiado a boa parte do planeta.

Os novos filtros e adhesivos de Instagram axudarán a animar o Halloween
Categorías: Ciencia

A Coruña quere migrar os seus servizos ao software libre

Xov, 10/26/2017 - 21:00

O Concello da Coruña quere migrar servizos municipais ao software libre. Así o vén de certificar o alcalde, Xulio Ferreiro, durante a sinatura dun acordo (este mércores) de colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL. En palabras de Ferreiro, o acordo diríxese a “realizar actuacións de capacitación e promoción do software libre e de fontes abertas e o uso de estándares abertos”. A maiores, servirá para preparar o terreo para o abandono dos programas privativos e as licenzas pechadas.
No acto tamén estivo presente a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, quen lembrou que o acordo contempla unha subvención de 39.000 euros en favor de AGASOL (como “entidade que realiza unha actividade de interese xeral para o conxunto da comunidade”) e que o Goberno local asume esta aposta polos estándares abertos como “peza clave para facilitar o acceso á Sociedade da Información en condicións de igualdade, contribuíndo tamén a un mellor desenvolvemento da industria TIC a nivel local”.
Co devandito, fixo alusión ás vantaxes do software libre como acicate do desenvolvemento empresarial galego, en contraposición ás grandes multinacionais e as súas tradicionalmente pechadas licenzas. A concelleira salientou o compromiso coruñés a prol do coñecemento aberto como elemento fundamental para “poñer a disposición da veciñanza ferramentas que non son unicamente máis transparentes e accesíbeis para a cidadanía senón que ademais poden ser modificadas e melloradas por parte desa mesma cidadanía". Igualmente fixo mención do factor “abaratamento de custes”, xa que por sistema tirar proveito de software libre é máis económico para as arcas públicas que apostar por software privativo (principalmente debido ao pagamento das licenzas, pago que adoita repetirse cada pouco).
Por último tamén se fixo saber que a colaboración do Concello con AGASOL vai orientada, segundo se recolle no convenio, “a facilitar a sustentabilidade tecnolóxica e o incremento da produtividade, aproveitando as vantaxes do software libre e garantindo a interoperabilidade mediante o uso de estándares abertos”.

Categorías: Ciencia

Os ecosistemas dixitais para o ensino, a debate este venres na UDC

Xov, 10/26/2017 - 20:30

Este 27 de outubro celébranse na Universidade da Coruña as segundas II Xornadas en Innovación Docente, baixo o epígrafe Contextos universitarios transformadores: retos e ideas innovadoras. O encontro será inaugurado na Facultade de Ciencias da Educación ás 9.00 horas pola vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, xunto co decano, Manuel Peralbo, e o director do CUFIE, organizador das xornadas, Enrique de la Torre. A continuación, Mercè Gisbert Cervera, doutora en Ciencias da Educación e catedrática de Tecnoloxía Educativa da Universitat Rovira i Virgili, impartirá a conferencia inaugural Ecosistemas dixitais para a aprendizaxe.
Segundo informa a UDC, o obxectivo destas xornadas é “estimular a posta en común e o intercambio de experiencias didácticas entre distintas áreas de coñecemento para, potenciar o traballo interdisciplinar e a actualización permanente do profesorado da Universidade da Coruña, así como utilizar a innovación das Tecnoloxías da Información e Comunicación, as TIC, como unha ferramenta na mellora e no aumento da calidade da docencia”. Quen queira información a maiores sobre as xornadas, ten máis datos na web específica do evento.
Mestrado dixital
A vicerreitora abrirá tamén mañá, ás 12:00 horas a primeira edición do Mestrado en Innovación e Estratexia Dixital, no salón de graos da Facultade de Economía e Empresa. Neste acto, a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente estará acompañada polo decano, Anxo Calvo, e os responsables do mestrado, os profesores Andrés Faíña, José Manuel Barreiro e Antonio García Lorenzo.
Logo o acto de apertura, Antoni Paz, Director executivo de Knowledge Innovation Market, KIM, Barcelona impartirá a conferencia inaugural Open Innovation e mercado de innovación: Creación de valor a partir do talento na era dixital. Antoni Paz é experto en creación de negocio no ámbito da I+D+i a nivel internacional.

Categorías: Ciencia

A Fundación TIC achegará vídeos nas redes para contribuír á recuperación do porco celta

Xov, 10/26/2017 - 18:54

A Fundación TIC da Deputación de Lugo anunciou hoxe o seu compromiso para contribuír á recuperación dunha das nosas especies máis ameazadas, o porco celta. E farao a través dunha das principais metodoloxías da entidade TIC: a realización de traballos audiovisuais con ramificacións múltiples na Internet e nas redes sociais. Neste caso concreto, as pezas irán destinadas a difundir as actividades que desenvolve a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) na recuperación, conservación e fomento desta raza autóctona, a día de hoxe constituída por uns 4.100 exemplares, e cunha tendencia progresiva á baixa malia o importante traballo da dita entidade a prol da súa preservación dende 1999.
O convenio foi asinado polo patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o presidente de ASOPORCEL, José Barreira Alonso. O acordo, a maiores, prevé a formación práctica de bolseiros da Escola de Imaxe e Son da TIC coa realización destes vídeos.
Álvaro Santos salientou o labor que está a desenvolver a asociación desde que naceu hai case vinte anos: “En 1999, a raza de porco celta estaba case desaparecida, pero grazas ao encomiábel traballo desta asociación, o censo no número de exemplares foi recuperándose”. Porén, os esforzos teñen que proseguir, dixo, de aí o compromiso da TIC “achegando a nosa colaboración para dar a maior difusión posible a este labor”, dixo, engadindo que a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta leva dende 1999 desenvolvendo tarefas como a integración de todos os criadores para representar, defender e promover os seus intereses económicos, sociais, culturais e profesionais; o control xenealóxico dos animais desta raza; a promoción, difusión e divulgación do porco celta entre os distintos públicos; e a realización de estudos para definir criterios zootécnicos.

Categorías: Ciencia

O Congreso Galego de Estatística xunta máis dun cento de investigadores en Ferrol

Xov, 10/26/2017 - 15:00

O Campus de Ferrol acolle desde hoxe e até o sábado a 13 edición do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, organizado polo departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña a petición da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (SGAPEIO), contándose coa colaboración directa do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña. Segundo nos conta a UDC, o congreso (que se celebra por segunda vez en Ferrol, logo da edición 2001) ten o obxectivo de contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica da estatística e a investigación de operacións.
Esta mañá o evento foi inaugurado pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, a presidenta de SGAPEIO, Esther López Vizcaíno, e o presidente do comité organizador e vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya.
Ao congreso asisten 110 especialistas de diferentes países; ademais de España, acoden estes días a Ferrol expertos procedentes de Portugal, Ecuador ou República Dominicana.
O programa pode consultase na web específica do evento.
Ao longo destes días, haberá conferencias, mesas redondas, obradoiros e comunicacións, ademais de actividades de carácter cultural coas que, en palabras da organización, “buscarase facer máis atractiva a participación”.
Investigadores do CITIC forman parte tanto do comité organizador como do comité científico do congreso. Ademais, O CITIC é unha das entidades colaboradoras xunto con outras entidades como o Instituto Galego de Estatística, a Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol e Navantia, entre outras.
O comité organizador fixo os días pasados un chamamento a todos aqueles investigadores e profesionais ligados á estatística, á análise da información e á investigación de operacións a participaren nestas xornadas, “amosando as súas experiencias e resultados máis recentes”.

Categorías: Ciencia

Vilagarcía introduce aos seus maiores no uso dos móbiles e do Whatsapp

Xov, 10/26/2017 - 14:00

O Concello de Vilagarcía quere acurtar a distancia entre a xente de idade e as novas tecnoloxías. Por que motivo? Pois basicamente para favorecer o que se coñece como envellecemento activo, unha serie de prácticas e actividades que axudan aos nosos maiores a seguir sendo autónomos e independentes e que adoitan reforzar a súa eficacia (estas prácticas e actividades) co emprego das novas tecnoloxías da información. Neste senso, os móbiles constitúen un dos piares fundamentais das novas tendencias de envellecemento activo. En base a isto, a Concellería de Persoas Maiores organiza o obradoiro Uso do teléfono Móbil, que se impartirá no mes de novembro e no que poderán participar de xeito gratuíto 20 alumnos deste colectivo de idade. O prazo para anotarse vai do 30 de outubro ao 10 de novembro.
Con este taller, o departamento que dirixe Tania García Sanmartín, pretende “ofrecer ás persoas maiores a oportunidade de introducirse no uso das tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) dun xeito sinxelo, ameno e, fundamentalmente, útil”. O obxectivo principal é que “adquiran uns coñecementos básicos sobre os dispositivos e sobre o WhatsApp para que poidan mellorar cuestións cotiás do seu día a día”. Por exemplo a comunicación cos seus familiares e amigos ou a xestión do seu tempo de lecer.
Nun plano máis práctico, amosaranse aos participantes cousas como as partes principais do teléfono móbil, a función das distintas teclas, como deben cargar a batería ou conectar os auriculares. Tamén se lles explicará o significado das iconas de pantalla, como mandar un mensaxe de texto ou manexar a axenda de contactos.
O curso será impartido por persoal do Centro Polivalente Ana María Paradela e desenvolverase nun seminario do Auditorio en dúas sesións de 2 horas de duración cada unha. Os interesados poderán inscribirse nas dependencias da Concellería de Persoas Maiores.

Categorías: Ciencia

A USC organiza un Minervaton para conmemorar a semana do acceso aberto

Xov, 10/26/2017 - 12:44

A Universidade de Santiago de Compostela súmase ao longo destes días á décima edición da Semana Internacional do Acceso Aberto, unha celebración destinada a promover entre o persoal investigador e as institucións o valor da difusión aberta da produción científica e tecnolóxica. Ou sexa, o valor da información sen cancelas, cen por cen dispoñíbel e compartillábel. A celebración, que se vai estender até o domingo 29, inclúe a primeira convocatoria do que se coñece como Minervaton, unha sesión de arquivado no repositorio Minerva de contidos en aberto publicados polo PDI da universidade compostelá.
O Minervaton virá da man da Biblioteca Universitaria da USC. Minerva, para quen non o saiba, é o punto de acceso único da produción científica da Universidade. Está aberto dende 2014 e, a través del, a comunidade pode consultar as coleccións bibliográficas dixitalizadas e a produción investigadora e docente dos membros da institución docente compostelá. Minerva acubilla, preserva a difunde por esta canle os documentos dixitais resultantes das actividades de investigación e docencia da USC.
Ademais, dentro desta mesma Semana do Acceso Aberto nas vindeiras semanas a BUSC organizará un obradoiro de autoarquivado en Minerva dirixido a Persoal Docente e Investigador. Ademais, o Servizo de Normalización Lingüística elaborou o Glosario básico de acceso aberto (galego-inglés).

Categorías: Ciencia

Páxinas