códigocero

Subscribirse a Orixe códigocero
Información sobre novas tecnoloxías en Galicia e en galego.
Actualizado: fai 45 min 12 seg

O Pazo de Vilamarín acolleu un simulacro de rescate con drons

Xov, 10/26/2017 - 12:39

O Pazo de Vilamarín, emprazado no concello do mesmo nome, acolleu onte a primeira das tres sesións prácticas incluídas no curso oficial homologado para pilotos de drons en situación de emerxencia, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa empresa Aerocámaras. A apertura do obradoiro, segundo a entidade provincial o primeiro das súas características que se desenvolve no eido estatal, contou coa presenza do presidente do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento e deputado provincial, Pablo Pérez. O simulacro consistiu no achado dunha persoa ferida nos arredores do pazo. Para a localización só se empregaron quince minutos, o que se conseguiu, segundo a Deputación, grazas “á máxima coordinación cos equipos de rescate e sanitarios”.
O parque comarcal de bombeiros do Carballiño e o encoro das Conchas, no Concello de Muíños, serán os escenarios das seguintes prácticas, a realizar hoxe e mañá. Segundo Pablo Pérez, o adestramento en drons e o espallamento destes no territorio galego resulta nestes tempos de máxima relevancia, e máis tendo en conta as repetidas vagas de lumes que nos afectan: “A aplicación desta tecnoloxía en situacións de emerxencia ten se cabe aínda máis importancia polo uso que se lle pode dar, por exemplo, á hora de perimetrar un incendio ou advertir da proximidade do lume a zonas poboadas”, sinalou, engadindo que “a busca de persoas desaparecidas ou vítimas entre cascallos de vivendas ou edificios son outras das posibilidades que ofrece o uso dos drons nas emerxencias”.
Pérez salientou ademais que na sesión práctica deste venres presentarase unha aeronave híbrida, que utiliza electricidade e gasolina, “o que permitirá aumentar a autonomía de acción destes aparellos en ata catro horas”. Por certo que deste dron híbrido de Aerocámaras, AeroHybrix, falamos polo miúdo os días pasados dende Código Cero, salientando a súa autonomía (a maior do mercado) e o feito de boa parte do mesmo fose desenvolvido por enxeñeiros da nosa terra.
Segundo engadiu a Deputación, o curso (no que participan vinte profesionais e voluntarios de emerxencias) tamén facilitará a creación no parque comarcal do Carballiño dunha unidade de pilotos especialistas en situación de emerxencia para atender a toda a provincia.

Categorías: Ciencia

GoFundMe impulsa iniciativas para recuperar dos lumes o noso bosque e fauna

Xov, 10/26/2017 - 11:49

Galicia ardeu e segue a arder (aínda agora), a piques de entrar o mes de novembro. Queda a comunidade internauta indiferente? A resposta é un non rotundo, e unha das poucas cousas boas de todo isto é que se demostra unha vez máis que a solidariedade non ten límites. Dende diferentes partes do territorio estatal están a poñerse en marcha iniciativas en liña para a recadación de fondos e apoios dirixidos a rematar coa lacra dos incendios. Por exemplo, dende GoFundMe, a iniciativa posta en marcha dende Catalunya por Fiona Albó para recadar 10.000 euros que contribúan á recuperación do concello das Neves, un dos máis afectados pola pasada vaga de lumes do mes de outubro (ardeu practicamente o 90% da súa superficie). O acadado destinarase á recuperación dos bosques da zona.
Outra das campañas é Axúdanos a darlles para comer, que ten como obxectivo recadar 3.000 euros para transportar alimento, doado por persoas da propia comunidade de GoFundMe, até onde están os animais das zonas máis afectadas. “O peso excesivo dos silos”, explican os impulsores da iniciativa sobre os porqués da mesma, “unido á gran extensión da comunidade con 30.000 quilómetros cadrados, e o abrupto da xeografía, fai que transportar a comida aos lugares máis afectados sexa un pesadelo de miles de euros para os que agora o perderon todo”.
GoFundMe, a plataforma dende a que abrollan estas e outras campañas, está a ofrecer os seus servizos de crowdfunding aos cidadáns afectados, organizacións e persoas “que queiran axudar a Galicia tras os devastadores incendios para que poidan publicar campañas de recolección de fondos e consigan alcanzar os seus obxectivos”.

Categorías: Ciencia

O premio recoñecerá as mellores iniciativas de innovación social dixital da Rede CeMIT

Xov, 10/26/2017 - 11:27

A AMTEGA abre hoxe a convocatoria da I edición dos premios Son Dixital, á que poderán presentarse todos os proxectos de Innovación Social Dixital desenvolvidos desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres edicións do proxecto CeMIT-Innova.
O Premio Son Dixital busca recoñecer ás persoas e entidades implicadas nas iniciativas que se desenvolveron nestes tres últimos anos e o traballo das entidades colaboradoras do mesmo, concellos, aulas CeMIT, voluntariado, asociacións e empresas. Ademais dun gañador o premio contará con ata dous accésit.
Os participantes nos proxectos de innovación social dixital poderán presentar candidatos ao premio desde hoxe, 26 de outubro, ata o 10 de novembro do 2017, a través dun formulario publicado na web do proxecto. Neste formulario recollerase información tanto da persoa ou entidade candidata ao premio, responsable dun proxecto que, grazas á tecnoloxía, conseguiu mellorar a súa vida, como da propia iniciativa.
O día 16 de novembro de 2017 fallarase o premio e comunicarase o fallo ao gañador ou gañadores. Ademais do recoñecemento, os premiados obterán tamén dispositivo tecnolóxico, achegado pola empresa colaboradora do programa CeMIT-Innova Primux Trading.

Categorías: Ciencia

Amazon virtualiza as chaves de casa para que os repartidores poidan deixar os pedidos dentro

Mér, 10/25/2017 - 22:00

Amazon continúa a revolucionar o comercio electrónico con servizos que prometen mudar para sempre a realización de compras a través da Internet como Amazon Key, opción para clientes de Amazon Prime que botará a andar o 8 de novembro en 37 cidades de EE.UU. e é compatible coas entregas propias de Prime, mudando o xeito no que os produtos chegan ao fogar, de xeito que xa non será preciso que haxa alguén en casa para recibir os pedidos, senón que será posible que os repartidores poidan deixar os paquetes no interior grazas á automatización do pecho da porta.
Este servizo funciona en combinación cunha cámara, de xeito que os clientes coa aplicación de Amazon Key poderán manter o control e seguir os pedidos con notificacións en tempo real, podendo ver o que acontece na entrega en tempo real ou revisar o vídeo da mesma a posteriori, para unha maior tranquilidade do consumidor.
Amazon Key non só permite substituír as chaves cun contrasinal dixital, senón que cada vez que un repartidor chega a realizar unha entrega o sistema comproba que é o repartidor correcto e está no enderezo que corresponde mediante un procedemento de identificación cifrado, e unha vez que se realiza esta identificación é cando a Amazon Cloud Cam comeza a gravar, para rexistrar todo o tempo no que a porta permanece aberta, de xeito que o repartidor non ten en ningún momento códigos de acceso ou chaves (para maior seguridade do usuario) desbotando así prácticas inseguras como agochar copias das chaves baixo o felpudo.
Para poder gozar de Amazon Key os usuarios en zonas con cobertura do servizo poden adquirir un Amazon Key In-Home Kit, que inclúe unha cámara de seguridade para interiores e un pecho conectado compatible coa súa porta de fabricantes como Yale e Kwikset, que o propio cliente poderá instalar ou aproveitar un servizo de instalación de balde achegado por Amazon, custando este produto 249,99 dólares. A cámara Amazon Cloud Cam é o dispositivo que fai de hub do sistema, conectándose á Rede a través de Wi-Fi e comunicándose co pecho mediante o protocolo de domótica sen fíos Zigbee.
Este sistema doméstico non só é práctico para que os repartidores de Amazon entreguen pedidos, senón que amén pode aproveitarse para facilitar o acceso ao fogar a amigos e familiares sen ter que empregar chaves físicas, podendo incluso programarse condicións nas que certas persoas teñen acceso. Tamén integrarase o sistema con centos de servizos que van dende limpeza do fogar até paseadores de cans.

Vídeo no que podemos ver un caso de uso de Amazon Key

Categorías: Ciencia

Inaugurada oficialmente a segunda edición de Vodafone Connecting for Good Galicia

Mér, 10/25/2017 - 17:54

O programa Vodafone Connecting for Good Galicia arrancou hoxe oficialmente á súa segunda entrega. O acto de apertura celebrouse o Gaiás coa benvida institucional aos seis proxectos emprendedores de innovación social que integran a segunda edición desta iniciativa, impulsada pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). No acto participaron a directora de AMTEGA, Mar Pereira; o director do IGAPE, Juan Manuel Cividanes; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, xunto co director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, e o director de administracións públicas de Vodafone, Carlos Becker. Segundo lembraron, a finalidade do programa é “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación, as TIC, en Galicia”.
Os seis proxectos participantes en Vodafone Connecting for Good Galicia están orientados a buscar solucións tecnolóxicas a cuestións vencellladas á accesibilidade, á creación e fabricación 4.0, á formación interactiva, á mediación social, á tecnoloxía biométrica e á contribución ambiental.
A media ducia de proxectos presentados oficialmente hoxe foron elixidos por un xurado formado por membros de AMTEGA, GAIN, XesGalicia, Vodafone España e a Fundación Vodafone España. Son os seguintes:
· 3DAcoustic, que proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción, e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa.
· It!, unha empresa de creación e fabricación 4.0, que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada. It! ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu espazo de venda en liña It!Market e o seu FabLab na Coruña It!Lab.
· Formadox. Unha plataforma de formación interactiva en tecnoloxía que achega ao usuario a experiencia da formación presencial dos talleres ou os laboratorios, mediante vídeos, simuladores e kits didácticos. A formación que se ofrece é a relacionada, entre outras materias, co Internet das cousas, a Industria 4.0, a robótica, a impresión 3D, as técnicas de fabricación dixital, a visión artificial, a realidade virtual e aumentada.
· Mediación Móbil. Trátase dun proxecto que busca axuntar novas tecnoloxías e plans integrais de mellora da convivencia en catro ámbitos (educativo, familiar, empresarial e deportivo) co obxectivo de prover a todo tipo de persoas dunha ferramenta de prevención e resolución de conflitos accesíbel, económica, personalizada e profesional.
· Sense(x), un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios, mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Ademais, grazas a un software específico, integra o sensor con diferentes dispositivos, o que posibilita para obter estatísticas detalladas dos diferentes sensores, análises de uso, e mesmo compartir resultados nunha rede social.
· Tapper. Consiste nunha aplicación móbil que contribúe a reducir o refugallo alimentario. Grazas a Tapper, os establecementos poden publicar ofertas de produtos preto do fin da súa vida útil, que os usuarios poden adquirir a un prezo rebaixado.
Beneficios de formar parte do programa Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Os seleccionados poderán tamén dispoñer dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good, emprazado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados outorgada por Fundación Vodafone.
Ademais, as iniciativas poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que destaque en maior medida pola incorporación dos principios de accesibilidade universal.

Primeira Edición

O pasado 30 de maio celebrouse en Santiago o acto de clausura da primeira edición do programa, no que participaron os proxectos Insulclock (dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena de maneira automática toda a información relativa á súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina), Robobo (ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas por parte do alumnado), KeeperTech, (dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de alzhéimer ou outra demencia, incluíndo un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador) Phottic (iniciativa para a alfabetización dixital de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía), PsicoVR (software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico) e Xesmar (aplicación web que permite mellorar a xestión, a organización do traballo e o acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia).
Destes seis proxectos, a axuda de 25.000 euros concedida por Xunta de Galicia a través de GAIN, recaeu no proxecto Robobo, robot educativo que combina unha plataforma robótica móbil cun teléfono intelixente (smartphone) para fomentar a dixitalización nas aulas.
Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio Conectados pola Accesibilidade, valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock, por ser o que mellor incorporou o que se coñece como Principios de Accesibilidade Universal.

Obxectivos

O programa ten como finalidade “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) en Galicia”. Desta forma, informan a Fundación Vodafone e máis AMTEGA, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais “con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020”.

Categorías: Ciencia

O Zulo convídanos este sábado a mergullarnos na cultura e tecnoloxía libres

Mér, 10/25/2017 - 13:21

A Asociación Comunidade O Zulo, con sede en Mugardos, organiza o vindeiro sábado 28 de outubro o evento Xornada de Software e Cultura Libre, un encontro aberto e de balde dirixido a mostrar o potencial e a riqueza produtiva e cooperativa dos programas e a cultura libres para calquera ámbito social, científico, construtivo ou empresarial que nos imaxinemos. A xornada, que conta coa colaboración do Concello, será unha cita familiar para (primeiro) botarmos un ollo ás principais achegas das novas tendencias argalleiras e (segundo) poñernos mans á obra en materia de drons, fotografía, electrónica e tecnoloxías abertas.
O programa de actividades é do máis completo. Comezarán ás 9.30 horas, da man de Marcos Vázquez e Jorge Lama, cun obradoiro de iniciación á fotografía dixital, un roteiro fotográfico por Mugardos e, logo, un relatorio sobre a publicación de contidos con licenzas abertas. O programa continúa ás 12.30 horas, co taller Iniciación á pilotaxe de drons, a cargo de Jorge Lama, e prosegue logo do xantar, ás 16.00 horas, cun obradoiro de retroelectrónica e a presentación do proxecto Chocoware, a máquina recreativa libre mugardesa. Estas actividades correrán a cargo de Christian López, da asociación O Zulo. De xeito paralelo, o colectivo VermisLab desenvolverá un taller de papitrónica (papiroflexia e electrónica para cativos) e, ao fío das 17.45 horas, levarase a cabo o relatorio Os perigos de Internet, a cargo de Mario Barcala.

Categorías: Ciencia

Balidea renova a súa alianza coa danesa Sitecore

Mér, 10/25/2017 - 12:57
Oficinas da firma Balidea en Santiago de Compostela

Balidea, punteira empresa galega de servizos tecnolóxico-dixitais, vén de anunciar un novo fortalecemento da súa colaboración con Dinamarca, unha colaboración da que dimos conta este mesmo ano dende Código Cero, informando da súa “reelección” pola Axencia Danesa da Enerxía para encargarse das ferramentas de eficiencia enerxética desta entidade. Agora, a firma de Santiago complementa este e outros acordos escandinavos coa renovación da súa alianza con Sitecore, o prestixioso fabricante danés de software.
En virtude deste novo pacto, Balidea seguirá a ser socia tecnolóxica de Sitecore, dando continuidade a unha colaboración que se remonta a 2012 e que, en palabras de Balidea, “permítenos ofrecer á nosa clientela produtos de vangarda de Sitecore e os servizos de mantemento”.
Segundo lembra Balidea, Sitecore foi fundada en Copenhague en 2001 para dar resposta a unha demanda concreta de profesionais, PEME e empresas en xeral: a necesidade de crear e administrar sitios web dunha maneira máis eficaz. As súas solucións foron pioneiras no uso de tecnoloxía Microsoft.net. Hoxe é unha compañía global, líder en software de xestión de contidos web e software de xestión de experiencia de cliente, sistemas que recibiron unha manchea de premios.

Categorías: Ciencia

Vodafone combate a contaminación nas cidades coas súas lonas de publicidade

Mér, 10/25/2017 - 12:52

Vodafone quere combater a contaminación nas cidades. Nesta liña é onde se sitúa a nova liña de lonas publicitarias que está a despregar nos espazos urbanos do ámbito estatal, unha liña que xa comezou a ser visíbel en Madrid (Paseo de la Castellana) e Bilbao (Gran Vía 33). A pregunta que nos podemos facer é: até que punto estes equipamentos urbanos poden contrarrestar a polución no ar? Segundo aclara a operadora de telecomunicacións, trátase de dous cartaces de gran tamaño que “son quen de eliminar a contaminación ambiental como o farían 1.100 árbores durante un mes”. As lonas, cuxa instalación está enmarcada na campaña O futuro é apaixonante. Ready?, están cubertas dunha solución con dióxido de titanio que absorbe o 85% dos gases contaminantes nun radio de acción entre 40-60 metros.

A lona do Paseo da Castelllana de Madrid

O efecto, denominado “fotocatálise” é semellante á fotosíntese das plantas e permite reducir o efecto invernadoiro e eliminar os compostos nocivos do aire como o farían 500 árbores en Bilbao e 600 en Madrid durante as 4 e 3 semanas en que estarán despregadas as lonas en cada localización, sumando un total de 1.100 árbores. Segundo explica Vodafone, “esta é a maior iniciativa deste tipo levada a cabo por un anunciante en España até a data e unha das máis importantes a nivel mundial”. A instalación foi desenvolvida pola axencia MEC para Vodafone España.

Categorías: Ciencia

A USC presenta un máster en protección de datos

Mér, 10/25/2017 - 12:32

A Universidade de Santiago presentou onte unha nova actividade destinada a formar estudantes en recursos avanzados para a salvagarda da información. Estamos a falar do Master en tratamento e protección de datos da USC, unha proposta formativa que avanzamos onte en Código Cero e que é a resposta da institución académica compostelá a unhas vindeiras disposicións máis activas e exhaustivas no que seguridade da información se refire: as disposicións do Regulamento Europeo en Protección de Datos (RGPD), do que terán que dar cumprimento administracións, institucións, organizacións e empresas a partir de maio do ano vindeiro.
Segundo informou a USC no acto de presentación, o desenvolvemento do posgrao habilitará ao alumando para certificarse profesionalmente como Delegado de Protección de Datos (DPO), unha nova figura contemplada no Regulamento Europeo e que deberá estar nomeada en todas as administracións públicas (interna ou externamente) e empresas do sector privado que traten datos especialmente protexidos antes de maio de 2018.
A USC tamén lembrou que o regulamento RGPD describe a necesidade de que o responsábel do tratamento de datos aplique medidas técnicas e organizativas apropiadas: “En termos prácticos, requírese que as entidades analicen que datos tratan, con que finalidade o fan e que tipo de operacións levan a cabo; a partir dese coñecemento deben determinar de maneira explícita a forma en que aplicarán as medidas que o RGPD prevé, asegurándose de que son as axeitadas e de que poden demostralo ante os interesados e as autoridades de supervisión”.
O máster contará en palabras da Universidade “cun cadro docente de recoñecido prestixio”e impartirase “cun formato eminentemente en liña e telemático”, o que facilitará o seu seguimento. Achegará tamén tres clases maxistrais, impartidas por responsábeis de institucións e organismos especializados en protección de datos.
Os detalles do novo posgrao, a impartir entre xaneiro e setembro do vindeiro ano, ofrecéronos este martes na Facultade de Dereito a secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro; o director do Centro de Estudos de Seguridade de la USC (CESEG), José Julio Fernández; a directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez; e a directora do mestrado, Luz Mª Ruibal Pereira.

Categorías: Ciencia

Santiago lanza un xeoportal con exhaustiva información urbanística, administrativa e catastral

Mér, 10/25/2017 - 12:05

O Concello de Santiago vén de habilitar na súa web municipal un servizo directamente encamiñado a que os cidadáns-internautas coñezan polo miúdo a relación que ten cada inmóbel ou leira coas administracións, amais das súas características, disposición e cualidade urbanística; favorecéndose o coñecemento sobre cada lugar e facilitándose ao máximo o seu achado coa axuda das tabletas, smartphones ou computadores. Estamos a falar do novo Xeoportal do Concello de Santiago, en palabras do Goberno local “unha ferramenta que fai accesíbel para toda a cidadanía a información xeográfica relativa ao municipio”. O servizo, un visor dixital, foi dado a coñecer polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, que estivo acompañado polo xefe da sección de Cartografía do Concello de Santiago, Rogelio Canedo. Segundo fixeron saber, o Xeoportal é froito de meses de intenso traballo: un traballo encamiñado a conseguir que a xente teña no camiño os mínimos atrancos para obter información.
Jorge Duarte apuntou que, a través do visor, “institucións, profesionais e cidadanía en xeral poderán coñecer en detalle cuestións como cal é a cualificación urbanística dunha finca determinada, cal é a administración titular dun viario ou cal é a área de influencia de cada colexio da cidade”. Duarte tamén fixo fincapé na natureza evolutiva do portal, “un instrumento vivo que se irá cargando de información a medida que vaia xurdindo”. Segundo fixo saber, a día de hoxe o servizo ten incorporados máis de 300 documentos urbanísticos e todas as ortofotos realizadas dende 2001 a 2014 no Concello de Santiago.
Pola súa banda, o xefe da sección de Cartografía do Concello salientou a sinxeleza e utilidade do portal, seguindo a liña das esixencias estipuladas polas actuais directivas europeas e pola lexislación española, que establecen que a información cartográfica ten que ser accesíbel e de balde para a cidadanía.
Máis detalles
O Xeoportal do Concello de Santiago está artellado en seis apartados, unha disposición que responde á necesidade de “facilitar a navegación dos usuarios e usuarias”. Conta cun visor web xeral, unha serie de visores destacados “feitos á carta”, unha ferramenta para a descarga de información, un apartado centrado no planeamento urbanístico, unha sección de ligazóns a outras infraestruturas de datos espaciais, e unha sección de Servizos OGC, máis dirixida a profesionais.
Segundo explicaron, o visor xeral permite acceder a un mapa base do Concello de Santiago, no que se poden activar distintas capas de información. Entre as vantaxes principais desta ferramenta específica inclúese un xeolocalizador que elaborado polo propio Concello que, en palabras de Duarte e Canedo, “fornece de datos máis exactos sobre o municipio que outros buscadores dispoñíbeis”.
No que atinxe á posibilidade de facernos con información para os nosos discos duros, o Xeoportal permite descargar e preparar para a impresión cartografía relativa á localización da rede de transporte, das distintas redes de servizos, ou mesmo do mobiliario urbano. Tamén se poden descargar diferentes planos de Santiago, dende 1783 até 1984.

Categorías: Ciencia

Lugo implícase coa reciclaxe de refugallos electrónicos

Mér, 10/25/2017 - 09:48

Ten a tecnoloxía que non usamos os días contados? Non ten porque ser así. De feito, boa parte dos aparellos aos que (polas razóns que sexan) non lles damos uso poden ter moita máis vida da que imaxinamos. Por exemplo os computadores. Combater a filosofía de usar (durante pouco tempo) e botar ao lixo é un dos grandes obxectivos de iniciativas como a presentada os días pasados polo Concello de Santiago e Teimas (nos centros sociais), e tamén da campaña de información e concienciación O que se enchufa recíclase, coa que colabora o Concello de Lugo e que equipará á cidade da Muralla, permanentemente, de 7 contedores para depositar residuos eléctricos e electrónicos en establecementos comerciais. A súa situación pode consultarse na web www.oqueseenchufareciclase.gal.
Onte mesmo, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, visitou as actividades desenvolvidas no mercado municipal Quiroga Ballesteros no marco da dita campaña.
Piñeiro sinalou que o Concello “está moi implicado con este tipo de iniciativas, que axudan a atallar o descoñecemento que aínda teñen moitas persoas sobre a reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos, que nalgúns casos poden ser perigosos”. De feito, engadiu, no novo contrato de limpeza viaria e recollida de lixo que o Goberno local está a preparar, “estudamos incluír a instalación de puntos móbiles na cidade para facilitar precisamente a recollida deste tipo de residuos”.
O que se enchufa recíclase ten unha duración de 9 meses e percorrerá 138 municipios galegos de máis de 4.000 habitantes. En cada municipio instálase un posto informativo no que un equipo de técnicos explicará á cidadanía distintas inquedanzas sobre a reciclaxe.

Categorías: Ciencia

Apple quere colas para recibir ao iPhone X

Mér, 10/25/2017 - 02:23

A presentación dos novos móbiles de Apple provocou unha grande expectación por realizarse a súa comercialización en dúas fases, de xeito que mentres os iPhone 8 e 8 Plus están xa no mercado, o agardado iPhone X está a facerse de rogar, e non será até o vindeiro venres ás 9:01 horas cando se iniciará o seu proceso de reserva na páxina web da compañía e na súa aplicación móbil, o que fará que sexan moitos os ansiosos que estean pendentes para conseguir as primeiras posicións na compra dun dispositivo que non os bota atrás pese a ter un prezo moi elevado (1.159 euros o modelo con 64 GB de capacidade e 1.329 euros o modelo con 256 GB de capacidade).
A chegada ás tendas non será até o 3 de novembro ás 8:00 horas, e pese a que nos últimos anos as colas para facerse cun dos novos terminais desapareceron ante a posibilidade de realizar o pedido a través da Internet, parece que Apple quere recuperar a tradición, e anunciou que en tal data o iPhone X estará dispoñible en moitos países para clientes sen cita, ou sexa, que os máis madrugadores poderán mercar un iPhone X con independencia de telo reservado ou non.
Os analistas prevén que facerse cun iPhone X non vai ser un problema só polo seu prezo, senón tamén porque o número de unidades dispoñible vai ser moito menor do esperado, dadas as dificultades de fabricación dun smartphone tan diferente aos anteriores, e cuns compoñentes que actúan como grandes limitadores (como serían os sensores de FaceID, dos que o provedor non é capaz de atender á demanda). Tamén hai informacións que apuntan a que houbo problemas cos paneis OLED no comezo da produción en masa do novo teléfono, ou sexa, que terían sido varias as incidencias que levarían a que Apple só poida colocar no mercado 20 millóns de dispositivos no que resta de ano, cantidade claramente insuficiente (en 2015 os iPhone 6S e 6S Plus venderan 13 millóns de unidades só na súa primeira fin de semana en 12 países, mentres que agora o lanzamento será en 55 países), de aí que os entusiastas probablemente busquen facerse cun dos novos smartphones nas primeira horas ante o temor de ter que agardar meses para conseguir o móbil máis tarde.

Categorías: Ciencia

O investigador do CiTIUS Alejandro Ramos Soto, recoñecido nos Premios de Informática Fundación BBVA

Mar, 10/24/2017 - 22:25
Carmen Vela, secretaria de Estado de I+D+i; Francisco González, presidente da Fundación BBVA; o premiado Alejandro Ramos e Antonio Bahamonde, presidente da SCIE

A Fundación BBVA e a SCIE veñen de entregar os recoñecementos da primeira edición dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España. Nos galardóns, a entidade recoñeceu a excelencia de seis novos doutores menores de 30 anos que realizan investigación de alta calidade no ámbito estatal, abranguendo ámbitos como a intelixencia artificial, a información a gran escala (Big Data), a arquitectura de supercomputadores, a aprendizaxe automática ou o tratamento dixital de imaxes. Entre esta media ducia de novos investigadores atópase Alejandro Ramos Soto, do centro CiTIUS (Universidade de Santiago de Compostela), cuxo traballo deu lugar a Galiweather, como lembraremos un sistema que traduce a linguaxe natural os datos dos técnicos da axencia meteorolóxica galega (Meteogalicia) producindo de maneira automática 314 previsións do tempo diarias, unha por cada un dos municipios da nosa terra.
Os Premios de Investigación Sociedade Científica veñen da man, como dixemos, da SCIE (Sociedade Científica Informática de España) e a Fundación BBVA. Os galardóns foron creados para “impulsar e dar visibilidade aos mozos informáticos menores de 30 anos que realizan investigación de alta calidade en España”. A cerimonia, celebrada hoxe na sede madrileña da Fundación BBVA, serviu para salientar até que punto o eido da informática, “unha ciencia relativamente recente”, supuxo “todo un cambio de paradigma tecnolóxico, económico e social, e tamén para sinalar os retos que iso implica”. En palabras do presidente da Fundación BBVA, Francisco González, “a informática, ao pór a información ao alcance de todos, e grazas ao abaratamento dos dispositivos, está a demostrar ser unha tecnoloxía altamente democratizadora, alterando a organización das empresas, o consumo, a comunicación, o lecer, a xeración de coñecemento, o acceso e coidado da saúde e as relacións persoais”.
Tanto Francisco González como Antonio Bahamonde, presidente da SCIE, resaltaron “o alto nivel alcanzado pola investigación en informática en España”, e lembraron a necesidade de seguir atraendo talento.
Os Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España-Fundación BBVA recoñeceron “a creatividade, orixinalidade e excelencia” dos novos doutores. Cada un dos seis premios concedidos nesta edición inaugural está dotado con 5.000 euros. Os premiados son: Cristóbal Camarero, da Universidade de Cantabria (que investiga como mellorar as interconexións entre os procesadores dun supercomputador para optimizar o seu rendemento, así como a demostración automática de teoremas e en aplicacións en banca); Elena Garcés, da Universidade de Zaragoza (que desenvolveu algoritmos para o tratamento dixital de imaxes que resultan de gran interese para o cinema e o desenvolvemento de programas de realidade virtual); Josué Feliu Pérez, da Universidade Politécnica de Valencia (que mellorou a eficiencia dun tipo de procesadores
chamados multinúcleo- presentes hoxe tanto nos teléfonos intelixentes como en grandes centros de cálculo); Petar Jovanovic, da Universidade Politécnica de Cataluña (autor de aplicacións para análises de Big Data que xa usa a Organización Mundial da Saúde para erradicar doenzas en países desfavorecidos, como o mal de Chagas); María Pérez Ortiz, da Universidade de Córdoba (que desenvolveu aplicacións innovadoras en áreas como a agricultura sustentábel, os transplantes de órganos, o cambio climático e a oncoloxía); e Alejandro Ramos Soto, da Universidade de Santiago de Compostela.
Premios Nacionais de Informática
Durante a cerimonia celebrada hoxe na sede da Fundación BBVA en Madrid entregáronse tamén os Premios Nacionais de Informática, que outorga a SCIE desde 2005 para recoñecer a investigadores xa consolidados e incentivar a investigación en informática. Este ano os gañadores foron Miguel Toro, catedrático de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade de Sevilla, Mario Piattini, catedrático de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade de Castela-A Mancha, e Nuria Oliver, enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid,

Categorías: Ciencia

Instagram permite facer directos con amigos a pantalla partida

Mar, 10/24/2017 - 21:54

Tras iniciar as probas en agosto, finalmente Instagram fai oficial a súa opción para facer directos con amigos, de xeito que cando esteamos a facer unha retransmisión de vídeo en vivo poderemos convidar a calquera dos espectadores a unirse á retransmisión, que pasar a realizarse a pantalla partida para que os 2 participantes poidan verse simultaneamente, e incluso na sección de historias de Instagram aparecerán os avatares de ambas persoas solapados para que se vexa claramente que é un directo conxunto.
Coa realización de directos con amigos Instagram busca que moitos usuarios perdan o medo a realizar retransmisións en vídeo, aínda que esta funcionalidade pode verse tamén como un novo xeito de interacción, xa que a persoa que inicia a emisión pode retirar ao convidado en calquera momento e convidar a outra persoa a participar, de xeito que a participación dos espectadores pode ir moito máis aló dos comentarios en modo texto. Unha vez rematada a retransmisión poderase compartir na sección de historias para que estea visible durante 24 horas.
Os directos con amigos están dispoñibles na aplicación móbil de Instagram para iOS e Android dende a versión 20.

Os directos a través de Instagram poden animarse coa participación de convidados

A nova funcionalidade vista en vídeo

Categorías: Ciencia

Mar Pereira destaca a importancia do tratamento e a protección de datos

Mar, 10/24/2017 - 21:30

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, indicou esta mañá na presentación do Mestrado Propio en Tratamento e Protección de Datos organizado polo Centro de Estudos de Seguridade da Universidade de Santiago de Compostela que «os cambios derivados da transformación dixital requiren profesionais con novas competencias e habilidades», e de aí a importancia de que as universidades dean reposta con formación especializada, non só para profesionais TIC senón para perfís doutros ámbitos. Pereira gabou o novo mestrado, que ofrece formación específica a xuristas e profesionais relacionados co tratamento de datos ante a entrada en vigor do novo Regulamento europeo nesta materia.
Pereira destacou o valor estratéxico dos datos no contexto dixital para crear máis e mellores servizos pero coa obriga de garantir a súa seguridade e confidencialidade. Neste sentido, a directora da Axencia subliñou que o novo Regulamento europeo é «o máis esixente neste materia» e incorpora novos dereitos para os cidadáns como o dereito ao esquecemento, o consentimento expreso ou a portabilidade dos datos e implica e un maior compromiso das organizacións, públicas e privadas coa protección de datos así como unha forma diferente de xestionalos.
Entre as novas obrigacións que implica a lei está a de contar nas administracións públicas coa figura do delegado de protección de datos, un novo perfil profesional vinculado ao contexto dixital, que terá unha importante demanda tras a entrada en vigor da normativa europea o vindeiro ano e que constitúe un dos obxectivos deste curso.
A Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, está afrontar a adaptación a estas novas obrigas normativas a través das medidas do Plan Director de Seguridade TIC. Grazas as actuacións desenvolvidas no marco deste Plan, a Administración autonómica incrementou a súa capacidade de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.

Categorías: Ciencia

UCGAL sitúa a Movistar como o operador con mellores servizos de TV

Mar, 10/24/2017 - 17:15

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de presentar os resultados do seu primeiro Estudo Operadores e Televisión, unha investigación que avalía os principais aspectos que poden determinar a elección dunha compañía (en detrimento doutra) por parte dos consumidores, aspectos ligados á oferta televisiva e á calidade en Internet dos seis operadores examinados. Para realizar este estudo UCGAL atendeu a listaxe de canles da oferta básica de televisión dos distintos operadores e tamén das principais plataformas de streaming (Netflix, HBO España, Wuaki TV e Amazon Prime Video), así como as funcionalidades ofertadas e os datos de calidade. Os operadores analizados foron Euskaltel, R Cable, Vodafone, Movistar, Orange e Telecable. No informe, Movistar sobresae como “o operador coa mellor opción en servizos de televisión” e consegue unha nota alta en calidade.
Euskaltel consegue a segunda posición e Telecable a terceira. Na listaxe, o operador con peor puntuación é Orange, seguido de R Cable. “No estudo ambas compañías lograron aprobar”, sinala UCGAL, “pero é máis que evidente que teñen moitos aspectos que mellorar na súa oferta”.
Á hora de analizar as funcionalidades das distintas opcións de TV ofertadas, UCGAL valorou a práctica totalidade das mesmas: control do directo, acceso a contidos dos últimos días, oferta VOD, ver sen conexión, multidispositivos e simultaneidade, aplicacións móbiles, control familiar, servizo de gravación, accesibilidade e canles da oferta básica.
Como dixemos, os resultados en relación coas funcionalidades e oferta do servizo de televisión sitúan a Movistar no primeiro posto con 9,82 puntos, mentres que Orange suspende cun 4,92. Segundo a entidade galega de usuarios e consumidores, “a cualificación de Movistar fundaméntase en grande medida no seu amplo catálogo de contidos, a posibilidade de visualización sen conexión e a súa aposta pola accesibilidade das persoas con discapacidade visual ou auditiva”.
En segundo lugar sitúase Euskaltel cun 7,36 e Telecable en terceiro posto cun 7.
No referente á calidade, os aspectos a considerar para a realización do estudo foron: tempo de subministro, avarías, tempos de reparación de avarías e reclamacións. Analizados os parámetros que afectan á calidade do servizo de Internet, UCGAL concluíu que Movistar, cunha nota de 8,73, ofrece a maior calidade con case tres puntos de diferenza sobre o último, R Cable, que non chega ao 6. Só outro operador supera a cualificación de oito, Euskaltel (8,53).
No que respecta ao tempo que transcorre dende o intre no que o operador recibe unha solicitude válida de subministro dun acceso a Internet sobre unha liña en servizo até o instante no que o servizo actívase para o seu uso, o mellor dato correspóndelle a Telecable cunha media de 12,67 días, seguido de Movistar e Euskaltel con 13 días.
No que atinxe ás avarías, a investigación reflicte que a porcentaxe máis baixa correspóndelle a Movistar cun 2,51% seguido de Telecable (2,88%). Sobre o tempo de reparación das mesmas, volve ser Movistar o operador con mellor puntuación xa que repara o 95% das avarías de menor duración nun tempo máximo de 44,5 horas e case o 97% dentro do prazo obxectivo.
Para rematar, no apartado das reclamacións relativas ao servizo telefónico e/ou ao servizo de acceso a Internet, Vodafone é o operador con menor porcentaxe de reclamacións en relación ao servizo fixo. No estudo tamén se sinala “que os peores datos son para Telecable e R Cable”.

Categorías: Ciencia

Galicia Maker Faire arrancará cunha xornada profesional de Industria 4.0

Mar, 10/24/2017 - 14:18

Galicia Maker Faire, a feira referencial de argalleiras/os da nosa terra (e de máis alá), vai collendo corpo. Se os días pasados falamos da incorporación á equipa de participantes dun argalleiro de excepción, Richard Stallman, hoxe é a quenda de confirmar que a feira celebrarase en Compostela os días 24, 25 e 26 de novembro e que contará, por vez primeira, cunha xornada dirixida especificamente ao sector profesional e na que participarán figuras senlleiras a nivel internacional no ámbito da innovación. Esta xornada profesional está programada para a mañá do 24 de novembro. O programa de actividades abranguerá charlas e debates sobre múltiples temas (Industria 4.0, tecnoloxía, innovación, produtividade intelixente e movemento Maker) con múltiples vantaxes para todo tipo de ámbitos empresariais; e abordados dende múltiples puntos de vista. Por exemplo o de Tomás Garces, enxeñeiro principal de Deseño en First Build, proxecto innovador levado a cabo por General Electric; ou os de Arian Group e Edesdev.
Ademais, haberá un espazo de exposición sobre Industria 4.0 no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presencia de makers galegos compartindo os seus achados e enxeños tecnolóxicos. O acto rematará cunha entrega de premios na que se resaltará ao proxecto máis innovador dos expostos​ durante ese​ día. As empresas interesadas en asistir a esta xornada poderán inscribirse na páxina web do evento, galicia.makerfaire.com, onde teñen habilitado un formulario.
O obxectivo dos organizadores da Galicia Maker Faire con esta sesión profesional de apertura é “que a xornada funcione como punto de encontro entre os argalleiros e a industria máis avanzada, favorecendo a aparición de sinerxías que poidan levar a unha colaboración fluída entre estes dous mundos tan complementarios”. Desta maneira, “as compañías poderán coñecer os proxectos tecnolóxicos máis innovadores levados a cabo por​ emprendedores e estes terán unha gran oportunidade​ de acadar posíbeis socios e colaboradores”.
Os contidos desta primeira xornada terán continuidade con diferentes charlas e actividades durante a celebración da feira propiamente dita, o 25 e 26 de novembro, na que contarán, entre outros, coa presenza de importantes figuras significativas a nivel mundial como a de Richard​ ​ Stallman,​ ​ creador​ ​ do​ ​ movemento​ ​ do​ ​ software​ ​ libre.
Detalles sobre a xuntanza
O evento internacional Galicia Maker Faire vén da man de VermisLAB e O Gato Cósmico, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse.
Nesta nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades. Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco de localización.

Categorías: Ciencia

Preséntase Palleira.gal, o catálogo aberto do patrimonio de Combarro

Mar, 10/24/2017 - 13:51

Este sábado 21 de outubro celebrouse na Escola do Campo de Combarro o lanzamento oficial da web Palleira.gal, unha iniciativa da asociación Xeopesca destinada a materializar e afianzar un catálogo dixital libre dos bens de interese cultural do casco histórico de Combarro. No acto fíxose saber, a maiores, que se trata dun proxecto que contou co apoio da Xunta (Plan de Acción do Software Libre de AMTEGA) e que o seu nome (Palleira.gal) alude directamente ao xeito de denominar os horreos da veciñanza de Combarro: palleiras. Á presentación asistiron unhas trinta persoas, incluíndo representantes de Xeopesca (Xosé Rial), O Zulo (Alberto Permuy), o Concello de Poio (Xulio Barreiro) e AMTEGA (Eladio Otero).
Xosé Rial espuxo os obxectivos de Palleira.gal (amosar información detallada dos emblemáticos elementos da vila pontevedresa), os porqués do nome do proxecto e as súas orixes. Ao fio disto último, sinalou que a iniciativa é herdeira doutros proxectos anteriores como aculturadaauga.org e abeancos.gal, levados a cabo en Mugardos e Melide, respectivamente. Rial tamén expresou a súa confianza en que o proxecto presentado en Combarro sirva “non só para divulgar o patrimonio do casco histórico da vila de Combarro, senón tamén para ofrecerse como modelo co fin de que o facho da cultura local continúe a alumearse noutras comarcas e vilas”.
Xeopesca lembrou igualmente o traballo despregado pola asociación A Solaina, cuxa colaboración, sinalou Rial, “foi fundamental para o desenvolvemento do proxecto”. Tamén agradeceu á Concellería de Patrimonio e da oficina do ARI de Combarro a cesión de información “que enriqueceu a iniciativa”, así como a colaboración das familias propietarias das palleiras, “piares fundamentais da plataforma-catálogo ao proporcionar información sobre estes elementos e a súa contorna”.
Segundo explicou Rial, Palleira.gal tamén é un proxecto etnográfico, que revela os costumes que tiñan as familias, e que “nos axuda a comprender mellor o pasado”, unha condición imprescindíbel, engadiu, “para percorrer do mellor xeito as calellas do futuro”.
No acto tamén se informou das mans que están a impulsar o catálogo, unha equipa multidisciplinar impulsada por Xeopesca e especializada en diferentes eidos de traballo (arquitectura técnica, enxeñaría técnica informática, historia, tradución e interpretación…), formada por Manuel Pastoriza, Pablo Belay, David Belay, Verónica Castiñeira, Andrés Dacosta, Tamara Andrés, Alberto Permuy e Xosé Rial.
Palleira.gal foi creado con dous obxectivos básicos: por unha banda coñecer e recoñecer o contexto histórico e social no que foron construídas e empregadas as palleiras en Combarro; pola outra, achegar un catálogo de palleiras individual e pormenorizado no que se ofrecerá a súa xeolocalización e incorporará tanto características arquitectónicas como aquelas aportadas pola intrahistoria familiar.
O catálogo acubilla arestora 8 hórreos. Xeopesca anunciou que de maneira periódica publicará un novo elemento até chegar ás 76 palleiras existentes no casco histórico. “Esta estratexia”, explicou Rial, “permitirá ter unha web dinámica con actualizacións durante todo o ano”. Unha vez cubertos todos os hórreos, catalogaranse outros bens existentes no casco vello coma os cruceiros. Xeopesca non desbota ampliar o marco xeográfico até cubrir zonas máis amplas, toda a parroquia ou mesmo o concello. Todo este traballo poderase seguir a través da web e das redes sociais coas que contará o propio proxecto.
Por cada ben rexistrado mostrarase unha imaxe do elemento, a súa xeolocalización, a súa tipoloxía, o seu enderezo, a accesibilidade, o seu estado, o século e ano de construción, a propiedade, o uso que se lle dá e o tipo de protección que posúe. Ademais, visualizarase unha descrición detallada do elemento, amosaranse as súas dimensión e identificaranse as distintas partes do ben. Igualmente, amosarase información sobre a historia familiar dos propietarios de cada palleira.
Rial tamén incidiu en que o proxecto tecnolóxico utilizado por palleira é software libre, indicando que calquera pode descargar o proxecto, estudalo, instalalo e mesmo melloralo.
Alberto Permuy, pertencente a asociación O Zulo de Mugardos e principal desenvolvedor do sitio web do que xurdiron non só Palleira.gal, senón tamén os desvanditos catálogos dixitals Aculturadaauga.org e Abeancos.gal, lembrou os comezos “dun proxecto que permitiu crear un catálogo dixital de lavadoiros en Mugardos” e amosou a súa satisfacción na capacidade de espallamento deste proxecto, que chegou primeiro en Melide, despois a Poio e, en datas vindeiras, tamén a Teo (A Coruña).
No apartado tecnolóxico, Permuy comentou que Palleira.gal supón “un avance con respecto aos outros portais” e centrou a súa intervención en dous apartados: no software libre e na facilidade de acceso a datos. No primeiro punto, comentou “a facilidade de instalación do proxecto”, xa que o código publicado baixo licencia GPL é público, e “o empaquetado da plataforma facilita a súa instalación por calquera programador”. Tamén fixo fincapé nas facilidades para a descarga dos contidos (fotos e textos) de Palleira.gal a través de formatos estruturados e libres.
Xulio Barreiro, concelleiro de Patrimonio de Poio, felicitou a Xeopesca polo traballo realizado e comentou que o catálogo dixital “aumenta o coñecemento sobre un dos emblemas de Combarro, as palleiras”. Para rematar a rolda de prensa, interviu o xefe de innovación tecnolóxica da AMTEGA, Eladio Otero, quen comentou que a iniciativa forma parte do convenio que a Xunta de Galicia asinou coas asociación de software libre de Galicia, así como a asociación empresarial AGASOL dentro do Plan de Acción do Software Libre 2017. Otero apuntou a maiores que “un proxecto tecnolóxico baseado no software e contidos libres beneficia a toda a sociedade a través da mostra, neste caso, de bens de interese cultural”.

Categorías: Ciencia

Centos de milleiros de lentes con cámara de Snapchat acumúlanse sen vender

Mar, 10/24/2017 - 12:40

Hai algo máis dun ano Snap Inc., compañía detrás de Snapchat, fixo unha arriscada xogada consistente en comercializar unhas lentes con cámara chamadas Spectacles, que estaban dispoñibles inicialmente só a través dunhas poucas tendas efémeras repartidas por cidades de EE.UU., e que non foi até o pasado mes de xuño cando chegaron a Europa a un prezo de 149,99 euros, o que non parece ter sido dabondo para popularizar este produto de moda que só podía rexistrar fotografías e vídeos para compartirse a través de Snapchat, o que é todo un problema actualmente, xa que esta plataforma social está claramente en decadencia grazas en boa medida á incorporación das historias por parte de Instagram.
The Information está a pór en cifras a situación deste produto, que estaría a padecer os problemas dunha mala previsión de vendas, acumulando milleiros de unidades nos seus almacéns. Neste último ano Snap tería vendido máis de 150.000 unidades das Spectacles, pero nos almacéns chineses da compañía habería centos de milleiros de unidades á espera, da que moitas estarían incluso sen ensamblar, deixando claro que realmente non hai esperanza en que poidan chegar realmente ao mercado ante a súa falta de demanda real, confiándose en que as pezas poidan aproveitarse para unha posible revisión deste produto, que anunciaríase en breve.
O fracaso das Spectacles parecía algo cantado, xa que o produto non puido mercarse en liña até o pasado mes de febreiro, ou sexa, deixando pasar a expectación inicial e a campaña de Nadal, o que claramente foi un erro de calendario, e o seu elevado prezo tampouco favorece a súa compra impulsiva como un simple produto de tempada. Confiemos en que a compañía aprenda dos erros, e agora que se autodefinen como «unha compañía de cámaras», saiban comercializar os seus futuros produtos dun xeito máis efectivo.

Categorías: Ciencia

O FBI recoñece non poder acceder ao contido de máis de 6.900 móbiles

Mar, 10/24/2017 - 12:11

Durante o ano pasado a investigación sobre os contidos dun iPhone 5c propiedade dun terrorista falecido nun tiroteo en San Bernardino provocou grandes polémicas, xa que o FBI quería forzar a Apple a axudar na vulneración do terminal para acceder á información almacenada no mesmo, e aínda que finalmente teríase accedido á información grazas á compañía israelí Cellebrite (aínda que o FBI nunca confirmou este detalle nin a importante cantidade económica que investiron para tal fin), resultaba evidente que a industria non podía ceder ás autoridades gobernamentais se non quería crear un perigoso precedente que exporía os datos de todos os usuarios a gobernos de todo o mundo (e, por extensión, a calquera).
Aínda que o feito de que existisen métodos para vulnerar a seguridade de terminais non actualizados, hai que recoñecer que non é unha tarefa doado, e grazas á participación do director do FBI Christopher Wray nun foro sobre seguridade sabemos da dimensión que está a acadar o problema: nos primeiros 11 meses do ano fiscal os axentes federais non foron quen de acceder ao contido de máis de 6.900 dispositivos móbiles.
Wray recoñece que isto é «un grandísimo problema» que atinxe a investigacións de todo tipo (narcóticos, tráfico de persoas, anti-terrorismo, crime organizado...), pois boa parte do material aprehendido nas redadas ten restrinxido o seu acceso mediante contrasinal, dificultando o acceso ás evidencias. Os fabricantes de tecnoloxía néganse a colaborar coas autoridades para manter protexidos os datos dos seus usuarios, postura á que Wray responde declarando a necesidade de que poida existir un punto intermedio, xa que precisan ferramentas para poder velar pola seguridade pública e o cifrado está a ser un atranco moi importante.
Os expertos de seguridade apuntan pola súa banda que agora que se está a normalizar a comunicación cifrada entre extremos resulta case imposible interceptar mensaxes de xeito efectivo, de xeito que sería preciso empregar portas traseiras e outros tipos de medidas que en xeral reducirían a seguridade para todos, polo que non serían moi aconsellables.

Categorías: Ciencia

Páxinas