Novas do rally 2015 e preguntas máis frecuentes

Enviado por admin o Mér, 01/28/2015 - 16:32

Novas

Data da proba online nos centros, o día 16 de marzo de 4 a 5 da tarde (as de ciencias de 5 a 6 da tarde). Necesítase estar inscrito previamente.

Final galega e entrega de premios e agasallos aos finalistas: 8 de abril de 2015. Cómpre que teñades presente a data porque utilizamos a aula máis grande do campus, a aula de Bioloxía da Facultade de Químicas na que non é doado cambiar de data. Tédeo presente a hora das excursións, viaxes, etc... Así como a data da Superfinal en Toulouse o 24 de maio.

Entrega de premios (un libro a cada participante, dúas calculadoras por grupo (agasallo de Casio), e algún agasallo aos/ás profesores/as): ás 14 horas. Pola tarde dese día é posible concertar visita guiada coa Facultade de Físicas, Museo de Ciencias, Observatorio astronómico, etc.

Preguntas máis frecuentes (FAQ):

-Quero ver exames anteriores. A fonte maís extensa de exames enteriores é esta:

http://www.cprlanuza.org/rally12/pruebas.php Aragón deixou de participar no 2013 polos recortes. As probas galegas de 2013 están ao final desta páxina.. As de 2014 están a continuación.

-Poden ser menos de oito alumnos?

O concurso busca o traballo en equipo e a igualdade de condicións dos grupos participantes. Non ten moito sentido convertir un rally nunha olimpiada. Así non é posible inscribir a menos de 8 alumnos, agás que, participando todos os alumnos dunha clase, o último grupo que quede non sexa de 8 alumnos. Tamén queremos fomentar a participación de clases enteiras, para que vexan e aprecien a necesidade e o poder do traballo en equipo.

Data límite para inscribirse no Rally? O día 12 de marzo.

Salvo casos xustificados que enviarán o listado dos  8 alumnos e o listado do xade nada máis incribirse.

Os 8 alumnos teñen que ser da mesma aula ou poden ser de aulas diferentes do mesmo curso?

O rally sempre foi un concurso dunha clase. É o carácter distintivo do Rally Matemático, en Galicia e Francia desde hai 23 anos. De non ser así a tendencia sería a facer un concurso entre os mellores alumnos de cada ano da ESO de cada centro. Cada centro participaría cun equipo de cada curso. Dándose o paradoxo que lle damos clase a todos os alumnos de matemáticas, pero, en realidade, cremos que moi poucos as poden practicar... Os grupos gañadores en Francia o ano pasado estaban escollidos por orde de lista. Ter bos alumnos é importante, pero ter motivación, sentido común, lóxica e traballar en equipo, tamén. Hai, ademais, máis tipos de intelixencias que unha.

Logo, en principio, deben ser alumnos da mesma aula, do curso 3º B, por exemplo, en función de que non compitan alumnos seleccionados de cada centro. Podes escoller os mellores alumnos de 3º B ou dividir 3º B en varios grupos que participen, pero de 3º B.

Cal é a excepción? No caso de alumnos que, aínda sendo de distintos grupos, por exemplo 4ºA e 4º B, teñen matemáticas ou ciencias á mesma hora, na mesma aula e co mesmo profesor ou profesora; é dicir, son compañeiros de clase.  

Non temos moi claro os distintos pasos e como se seleccionarán os grupos gañadores en cada unha das fases da proba.

O día 16 de marzo de 4 a 5 estaredes diante dun ordenador co grupo ou cos grupos facendo a proba e enviando o formulario. Cómpre que enviedes escaneada a proba na media hora seguinte, para dirimir entre empates. Correxirase empezando por escoller aqueles que teñan o maior número de solucións finais correctas. Deses grupos con máis puntuación, miraremos como están feitas as solucións.
Nos días seguintes pensamos ter os 3 primeiros de cada curso que competirán o día 8 de abril na aula de Bioloxía da Facultade de Química de Santiago, ás 12, seguramente. Os tres profesores/as dos tres grupos de cada curso correxirán os exames conxuntamente. Se hai problemas, pode corrixir a organización, pero preferimos que non.
Ás 14 horas haberá entrega de premios (todos os rapaces participantes levarán un premio dun libro, cada grupo dúas calculadoras...) no salón de actos da Facultade de Química. A Facultade de Físicas ofértase para facer visitas guiadas pola tarde.
Os gañadores irán en autobús a Toulouse... nesa fase é a organización de Toulouse quen pon as probas e as corrixe.

Que oferta Casio?

Cada equipo finalista terá 2 calculadoras. A División Educativa de CASIO obsequia aos centros participantes, da final, cun software emulador FX-ES PLUS Emulator, coa mesma funcionalidade e características que as calculadoras de man da serie ES Plus. Pode ser utilizado como unha ferramenta de presentación dunha clase conectándoo cun proxector e/ou unha PDI. Proporciona un firme apoio ao profesor para a docencia na aula e a preparación de materiais educativos.
Porque o listado do xade?
O rally orixinalmente é de clases enteiras. Así funcionou durante 20 anos. E o sigue a ser en Francia. Nós reducímolo a 8 alumnos para facilitar que vaian máis clases a Toulouse. Pero seguen a ser 8 alumnos da mesma clase, non os mellores dun curso. Asi necesitamos saber quen participan e se están na mesma clase. Para iso é que queremos un listado do xade. Cal listado do xade?, calquera, o listado de faltas diario, por exemplo, que demostre que os 8 alumnos que nos enviades están na mesma clase. De non ser así e se uns centros envian a competir os mellors de 3º da ESO (por exemplo) e outros envian os dunha clase, como é a norma, é evidente que teñen máis facilidade os do centro que fai a picaresca de enviar os escollidos, máis aínda se é un centro grande. Trataremos de que os grupos que se presenten estean en igualdade e compitan en boa lide.
As bases admiten varias interpretacións?
Non, e a interpretación da organización é a única. A decisión da organización é inapelable. En caso de dúbida, a organización decide sen ningún tipo de revisión. A participación no Rally implica que se aceptan as bases (explicadas aquí e na convocatoria de 2014) incluida esta norma.
Que pasa se hai un problema alleo a organización? A organización galega non se fai responsable de que outros organismos que participan non cumpran as espectativas xeradas por eles.

Inscríbete