Entrega de premios de Novos Poliedros 2023 en Santiago

Enviado por admin o Mar, 12/12/2023 - 10:03

Portal da Lingua

A Xunta e Igaciencia premian a innovación científica en galego entre a mocidade no certame anual Novos Poliedros

O secretario xeral de Política Lingüística participa na entrega do galardón aos sete institutos gañadores desta terceira edición Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto de entrega da terceira edición do certame Novos Poliedros, convocado co gallo do Mes da Ciencia en galego por Igaciencia -Institución Galega da Ciencia- coa colaboración da Xunta de Galicia para promover entre a mocidade a innovación científica en lingua galega.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que estivo acompañado no Pazo de San Roque por Manuel Díaz, responsable de Igaciencia, destacou o papel de iniciativas coma esta “para mostrarlle á rapazada, dun xeito lúdico, que non é incompatible en absoluto co rigor e a calidade, o papel que o galego, como calquera outra lingua, pode ter no ámbito científico”.

Centros premiados Na edición 2023 de Novos Poliedros resultaron gañadores sete institutos procedentes das catro provincias galegas: o IES Monelos, o IES Menéndez Pidal-Zalaeta e o IES Rafael Puga Ramón, da Coruña; o IES As Lagoas, de Ourense; o IES Santiago Basanta Silva, de Lugo, e o IES de Meaño e mais o IES do Barral, de Pontevedra. Os gañadores, que expuxeron no acto os seus traballos, recibiron un premio de 100 euros por centro e un lote de libros e un diploma como agasallo.

Ademais, nesta terceira edición concedéronse dous accésit ao IES Gregorio Fernández, de Lugo, e ao IES Nº 1 de Ribeira, na Coruña. Este concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da simetría científica, busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolle a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade. A partir dunha listaxe de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.